DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 30 de outubro de 2008 Páx. 19.779

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

A Constitución española recolle no seu título VIII, artigo 148.1º.22, como unha das competencias que poderán asumir as comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades relacionadas coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica. Neste marco, a Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, regula no seu artigo 39 as competencias das comunidades autónomas.

De conformidade coas mencionadas disposicións, na Comunidade Autónoma de Galicia promulgouse a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, que entrou en vigor o 24 de maio de 2007, e que derroga a Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia.

A Lei 4/2007, no seu título III Da coordinación das policías locais, no artigo 12, dispón que, para os efectos desta lei, se entende por coordinación, o conxunto de técnicas e medidas que posibiliten a unificación dos criterios de organización e actuación, a formación e o perfeccionamento uniforme do persoal e a homoxeneización dos recursos técnicos e materiais ao seu dispor, así como o establecemento de información recíproca, asesoramento e colaboración.

A continuación o artigo 13 establece que, respectando a autonomía local e as competencias estatais en materia de seguridade, a coordinación comprenderá o exercicio de distintas funcións, entre as que se inclúen, determinar normas marco ou criterios xerais a que se terán que axustar os regulamentos das policías locais de Galicia, fixar criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros dos corpos, coordinar a formación profesional dos policías a través da Academia Galega de Seguridade Pública, proporcionar a homoxeneización da estrutura, cadros de persoal e funcionamento das policías locais, así como fixar o réxime xurídico (dereitos, deberes e réxime disciplinario).

Debe destacarse tamén a previsión do artigo 45 da dita Lei 4/2007, respecto a que a Academia Galega de Seguridade Pública elaborará un plan de carreira profesional que inclúa os cursos de ingreso, perfeccionamento, especialización e promoción dos membros dos corpos de policía local, así como a necesaria regulación sobre a selección e formación para os postos de vixilantes municipais dos concellos sen corpo e respecto á selección e o curso de formación na dita academia do persoal laboral con funcións de auxiliar de policía de tempada.

Debido ás ditas remisións da Lei 4/2007 ao necesario desenvolvemento normativo en materia de selección, promoción, mobilidade e formación, o título III é o máis amplo deste decreto, dividindo esta regulación en diversos capítulos, nos cales se abordan os procesos de selección, garantías e clases, os sistemas de acceso, a carreira profesional e a formación e a subescala facultativa. Cómpre destacar a especial incidencia que en todo este ámbito ten o disposto pola Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, norma que é de aplicación aos corpos de policía local tal e como se dispón no seu artigo 3.

Especial mención, pola súa novidade nunha norma deste tipo na nosa comunidade autónoma, merece a regulación da situación administrativa especial de segunda actividade e do procedemento do réxime disciplinario, así como a substitución da normativa sobre distincións e recompensas, por entender que non dá resposta ás necesidades actuais, por unha nova regulación sobre esta materia.

Neste decreto establécense, na procura dunha maior facilidade, uniformidade e garantía do cumprimento das obrigas previstas na Lei 4/2007, respecto ás autorizacións e dispensas que deben solicitar os concellos á consellería competente en materia de seguridade, tanto os procedementos como a determinación dos órganos aos que corresponde a súa tramitación, a emisión de ditames técnicos e/ou informes, a resolución e a notificación.

Así mesmo, nas disposicións transitorias recóllense os prazos para a adaptación dos corpos de policías locais creados con anterioridade á entrada en vigor da Lei 4/2007 ás novas exixencias en canto número de efectivos e estrutura. Todo isto, co obxectivo de que o número total de membros de cada corpo de policía local alcance o 1,8 por cada 1.000 habitantes, cifra que se estima como recomendable.

De acordo con tales previsións, sobre o necesario desenvolvemento normativo, da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, este decreto divídese nos seis títulos seguintes: título I Obxecto e ámbito de aplicación, título II Dos corpos de policía local, título III Selección, promoción, mobilidade e formación, título IV Do réxime estatutario, título V Do réxime disciplinario, título VI Dos/as vixilantes municipais e dos/as auxiliares de policía, unha disposición adicional, sete disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Por outra banda, o artigo 15 da mesma lei dispón que lle corresponde ao Consello da Xunta de Galicia ditar as normas xerais de coordinación no marco da Lei de coordinación, logo do informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais, e na disposición derradeira primeira facúltase o Consello da Xunta de Galicia para realizar o desenvolvemento normativo da dita lei.

De conformidade co establecido no artigo 17.1º a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, emitiuse informe favorable pola Comisión de Coordinación de Policías Locais na súa sesión do 1 de abril de 2008.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame de do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Título I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto deste decreto é desenvolver regulamentariamente a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, nas materias de selección, promoción, mobilidade e formación, de réxime estatutario, de réxime disciplinario, así como a regulación dos vixilantes municipais e dos auxiliares de policía, sen prexuízo do disposto na lexislación orgánica de forzas e corpos de seguridade, na lexislación de bases de réxime local e no Estatuto básico do empregado público.

2. Este decreto é de aplicación aos diferentes corpos de policías locais dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu persoal, incluídos os auxiliares de policía, así como aos concellos sen corpo con vixilantes municipais e a este persoal.

Título ii

Dos corpos de policía local

Capítulo I

Natureza xurídica

Artigo 2º.-Vinculación funcionarial do persoal policial.

1. Os/as policías locais son persoal funcionario de carreira dos concellos respectivos, quedando expresamente prohibida calquera outra relación de prestación de servizos coa Administración local.

2. En particular prohíbense as contratacións de natureza laboral, calquera que sexa o seu tipo e a súa duración, así como a cobertura de prazas con persoal funcionario interino.

3. O anterior, sen prexuízo da contratación laboral do persoal con funcións de auxiliar de policía prevista no artigo 95 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Capítulo II

Informe na creación do corpo e comunicacións do cadro de persoal

Artigo 3º.-Creación do corpo de policía local nos concellos de poboación inferior a 5.000 habitantes.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 22 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, para a creación do corpo de policía local nos concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes, ademais do acordo da corporación local, será necesario o informe preceptivo da persoa titular da consellería competente en materia de seguridade.

2. Para a emisión do dito informe o/a alcalde/esa deberá presentar ante a unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais a correspondente solicitude, en que se motiven suficientemente as necesidades de creación do corpo de policía local e se xustifique o cumprimento das condicións mínimas establecidas no parágrafo 3 do artigo 22 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

3. A dita unidade directiva instará do gabinete técnico previsto no artigo 20 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, a emisión dun ditame técnico previo sobre a procedencia da creación do corpo de policía local polo concello solicitante.

4. Recibido o devandito ditame técnico, a unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, elevarao á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade para os efectos da emisión do informe preceptivo previsto no parágrafo primeiro.

5. Evacuado o dito informe será comunicado ao concello solicitante, a través da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais.

6. En calquera caso, tanto o gabinete técnico como a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, poderán solicitar do concello, a través da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, a achega de información complementaria.

7. O prazo máximo para a emisión e comunicación ao concello do informe preceptivo é de tres meses, contados desde a data da súa solicitude.

Artigo 4º.-Comunicación do cadro de persoal do corpo de policía local.

Cando se aprobe un cadro de persoal pola creación dun corpo de policía local ou cada vez que se produza unha variación no cadro de persoal existente, no prazo dun mes desde a súa aprobación, o concello comunicarallo á unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais.

Artigo 5º.-Dispensa dos requisitos mínimos en canto á estrutura do corpo de policía local.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 31 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a consellería competente en materia de seguridade, con carácter excepcional, poderá dispensar dos requisitos mínimos en canto á estrutura do respectivo corpo de policía local, a aqueles concellos que o soliciten e xustifiquen a imposibilidade do seu cumprimento, logo de informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais.

2. Para a devandita dispensa o/a alcalde/esa deberá presentar ante a unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais a correspondente solicitude motivada, en que se xustifique suficientemente a excepcionalidade e a imposibilidade do cumprimento dos requisitos cuxa dispensa se solicita.

3. A dita unidade directiva instará do gabinete técnico previsto no artigo 20 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, a emisión dun ditame técnico previo sobre a procedencia da dispensa excepcional dos requisitos.

4. Recibido o ditame técnico, a unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, informará do seu contido á Comisión de Coordinación de Policías Locais, órgano ao cal lle corresponde emitir informe sobre a dispensa solicitada.

5. Á vista do referido ditame técnico e do informe a que se refiren os puntos anteriores, correspóndelle á unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais resolver sobre a dispensa solicitada e comunicala ao respectivo concello.

6. En calquera caso, o gabinete técnico poderá solicitar do concello solicitante, a través da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, a achega de información complementaria. Facultade que tamén corresponde á unidade competente para os efectos de resolver o que proceda.

7. O prazo máximo para a emisión e comunicación ao concello da dispensa é de tres meses, contados desde a data da súa solicitude. No suposto de non comunicación entenderase denegada a dispensa solicitada.

Título iii

Selección, promoción, mobilidade e formación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 6º.-Garantías nos procesos de selección, formación, promoción e mobilidade.

1. Nos procesos de selección para o acceso, promoción e mobilidade dos membros dos corpos de policía local e, se é o caso, dos/as vixilantes municipais, deberanse garantir os principios de igualdade, capacidade, mérito e publicidade, efectuándose a través de convocatoria pública, con suxeición ás súas bases e ao disposto neste regulamento. Consonte o disposto polos artigos 13 e 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, será de aplicación aos procesos selectivos regulados neste decreto o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e especialmente as normas do capítulo I, título II, relativas ás condicións de emprego na Administración pública galega, que prevén entre outros elementos, a composición paritaria dos tribunais examinadores.

2. As bases das convocatorias publicaranse no boletín oficial da provincia, así como un anuncio delas no Diario Oficial de Galicia e no BOE, en que aparecerá en todo caso o concello convocante, o número de prazas que se convoca, a escala e categoría a que pertencen, o sistema de acceso e unha cita dos boletíns oficiais en que figuren as bases correspondentes.

3. Para os efectos do seguimento previsto no artigo 16 a) da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, os concellos deberán comunicar á consellería competente en materia de seguridade o envío do anuncio das convocatorias para a súa publicación.

4. Os membros dos corpos de policía local recibirán unha formación e capacitación profesional de carácter permanente que garanta o axeitado cumprimento das súas funcións, adecuándose aos principios básicos de actuación sinalados no artigo 5 da Lei 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade.

5. Ao abeiro do previsto nos artigos 13 e 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, respecto á aplicación do disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de homes e mulleres, os temarios dos procesos selectivos incluirán os contidos correspondentes en materia de igualdade e violencia de xénero. Esta materia terá maior incidencia nos temarios das probas de primeiro acceso a estes corpos.

Artigo 7º.-Acceso ás distintas escalas e categorías dos corpos de policía local.

1. O acceso ás distintas escalas e categorías dos corpos de policía local realizarase polos sistemas de quenda libre, promoción interna ou mobilidade, segundo os casos.

2. O sistema de quenda libre empregarase para o ingreso inicial na categoría de policía, agás na porcentaxe de reserva prevista no parágrafo 4º do artigo 35 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, nesta categoría para o sistema de mobilidade horizontal desde doutros corpos.

3. O sistema de promoción interna poderase empregar para o acceso ao resto de categorías, tendo en conta a reserva obrigada para mobilidade horizontal desde outros corpos, na porcentaxe prevista para cada unha das categorías nos artigos 37 a 42 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

4. O sistema de mobilidade poderase empregar no acceso para todas as escalas e categorías dos corpos de policía local tal e como se dispón nos artigos 35 e 37 a 42 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, resultando obrigado segundo o número de prazas. Como garantía do dereito á mobilidade, consonte o disposto no artigo 43 da dita lei, cando non fose posible cubrir as vacantes coas porcentaxes sinaladas, as fraccións sobrantes acumularanse á seguinte ou seguintes convocatorias.

Artigo 8º.-Procedementos de selección segundo o sistema de acceso.

De acordo co artigo 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, estes procedementos de selección poden ser os de oposición, concurso e concurso-oposición, segundo o sistema de acceso, do xeito seguinte:

a) A oposición empregarase no sistema de quenda libre para a categoría de policía.

b) O concurso é a forma de provisión das prazas convocadas para funcionarios de igual categoría doutros corpos de policía local da comunidade autónoma, así como para o acceso por promoción interna ás categorías de intendente principal e superintendente.

c) O concurso-oposición será o procedemento de selección que se empregará no sistema de promoción interna, agás para as categorías de intendente principal e superintendente que será o de concurso.

Artigo 9º.-Acceso aos postos de vixilantes municipais.

Consonte o disposto no artigo 92 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, respecto aos requisitos de ingreso dos vixilantes municipais, a selección farase polo procedemento de oposición e requirirase inescusablemente que os aspirantes realicen e superen previamente un curso de formación adaptado ás características da súa función programado pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Artigo 10º.-Aprobación e contido das convocatorias.

1. As bases das convocatorias para cubrir vacantes nos corpos de policía local, e tamén os postos de vixilantes municipais, serán aprobadas polos concellos, segundo a oferta anual de emprego, e deberán axustarse ao disposto nesta norma, na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e noutra normativa que a desenvolva, e supletoriamente aos criterios de selección que se fixan na lexislación básica do Estado e na normativa autonómica en materia de función pública.

2. De conformidade co disposto polo artigo 37.1º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, cando nos corpos de policía local e no caso de postos de vixilantes municipais, se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino nos termos da alínea 2 dese mesmo artigo, na oferta de emprego público establecerase que, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos, serán admitidas as mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos os sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home.

3. Ao abeiro do disposto na alínea a) do artigo 16 da Lei 4/2007, os concellos deberán comunicar á consellería competente en materia de seguridade, no prazo de dez días desde a súa aprobación, os contidos destas bases, que deberán explicitar como mínimo os seguintes datos:

a) Número, denominación e características das prazas convocadas, con determinación expresa da escala e categoría a que pertenzan, indicando o grupo de titulación que corresponda, o nivel dos postos e as condicións ou requisitos necesarios para o desempeño de cada un deles, conforme o que se sinale para estes efectos na relación de postos de traballo.

b) Determinación do sistema de acceso e do procedemento de selección que se empregará.

c) Prazo de presentación de instancias ou solicitudes, e organismo ou dependencia a que se deberán dirixir, no cal se exporán as sucesivas comunicacións.

d) Condicións ou requisitos que deben cumprir ou reunir os aspirantes.

e) Enumeración, descrición e características das probas selectivas que se desenvolverán, así como a relación de méritos que se valorarán, se é o caso, e sistema de acreditación e valoración deles.

f) Sistemas ou métodos de cualificación das probas selectivas.

g) Orde de desenvolvemento das probas e duración do seu proceso de realización; deberase ter en conta que desde o remate dunha proba ao comezo da seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo de corenta e oito horas.

h) Composición do tribunal cualificador.

i) Mención expresa de que o tribunal non poderá declarar aprobado ou superado o proceso selectivo por un número de aspirantes que resulte superior ao de prazas convocadas.

j) Orde de actuación dos aspirantes.

k) Obrigatoriedade de superar o curso selectivo correspondente, previsto para a categoría de que se trate pola Academia Galega de Seguridade Pública.

l) Contía e forma de ingreso das taxas de participación no proceso selectivo, se é o caso.

Artigo 11º.-Relación de aspirantes admitidos e excluídos.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, e despois de comprobadas, o órgano convocante ditará resolución pola que declara aprobada a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as, coas causas que motivaron a exclusión.

2. Esta resolución deberá facerse pública no lugar que se determine nas bases, tendo en conta a alínea c) do artigo anterior, e tamén no BOP, indicando neste caso o lugar no que se poden atopar as listas expostas ao coñecemento público, e concedendo dez días hábiles de prazo para que os excluídos/as poidan emendar erros e presentar nova documentación.

3. Transcorrido o prazo anterior, o órgano convocante ditará nova resolución pola que aprobará a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as ao proceso selectivo correspondente, e fixará o lugar e a data de comezo das probas.

Artigo 12º.-Obriga dos aspirantes de concorrer ás probas.

1. Os aspirantes deberán acudir ás probas nas horas e datas dos respectivos chamamentos, sen posibilidade de aprazamento calquera que for a causa que lles impedir acudir, agás que a escusa sexa posible por ter amparo nun precepto legal, así como no suposto recollido no número seguinte.

2. Nos casos de aspirantes embarazadas, ou en período de parto ou posparto, debidamente acreditados, poderase aprazar para as aspirantes en que concorra a dita circunstancia ata seis meses o desenvolvemento das probas físicas que lles correspondese efectuar, prazo que podería prorrogarse como máximo outros seis meses en caso xustificado. Este aprazamento das probas físicas non afectará por si só ao resto das probas.

3. En calquera caso, daráselle por superado o proceso selectivo a aqueles aspirantes que obtivesen unha puntuación final que non puider ser acadada, aínda coa obtención da máxima puntuación posible nas probas físicas aprazadas, polas aspirantes que se acollesen ao dereito de aprazamento.

4. As bases das convocatorias establecerán que as mulleres embarazadas que prevexan que polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente primeiros días do puerperio, a súa coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso selectivo poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse co tempo suficiente e o tribunal determinará con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as medidas as conxuntamente.

5. En ningún caso as probas de recoñecemento médico estimarán como circunstancias negativas para os efectos do proceso selectivo, calquera que fose derivada da situación de embarazo e lactación. Á solicitude da muller que acredite atoparse nestas circunstancias, os tribunais poderán determinar que estas probas se realicen en calquera outra fase ou momento do proceso selectivo. Tamén o tribunal poderá sinalar razoadamente de oficio, oída a afectada, unha data apropiada segundo as condicións da muller que se atope nestas circunstancias.

Artigo 13º.-Publicación da relación de aprobados.

1. Rematado o proceso selectivo, o tribunal proporá ao órgano convocante e fará pública a relación de aprobados, por orde decrecente de puntuación, cuxo número máximo deberá coincidir co de prazas convocadas. Terase en conta, para os efectos desta relación, o previsto no punto 2 do artigo anterior.

2. O tribunal elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva, cun número de aspirantes que será como máximo igual ao de aprobados, en que figurarán aqueles aspirantes que, aínda que superen o proceso selectivo, non resulten aprobados por obter unha puntuación de ordinal inferior ao número de prazas convocadas.

3. No caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida, ou outros supostos en que o aspirante aprobado non chegue a tomar posesión, e sempre con anterioridade ao desenvolvemento do curso correspondente, o órgano convocante, ao abeiro do disposto no artigo 61.8º da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, deberá substituílo polo seguinte na orde de puntuación da lista complementaria de reserva, segundo a orde de puntuación acadado.

Artigo 14º.-Solicitude de prazas no curso selectivo.

O concello convocante comunicará sen demora á Academia Galega de Seguridade Pública a relación do alumnado que debe incorporarse ao curso selectivo, e solicitará a reserva das prazas correspondentes.

Artigo 15º.-Nomeamento como persoal funcionario en prácticas.

Para o desenvolvemento do curso selectivo de formación, e o período de prácticas se é o caso, as persoas aprobadas serán nomeadas funcionarias en prácticas, cos dereitos e deberes que legalmente lles correspondan segundo a súa situación e categoría.

Artigo 16º.-Curso selectivo e obriga da súa superación.

1. A superación do curso selectivo resulta obrigatoria para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría correspondente. Só estarán dispensadas de realizar o dito curso aquelas persoas que xa o superasen con anterioridade na Academia Galega de Seguridade Pública e os funcionarios que accedesen por mobilidade desde a mesma categoría desde outros corpos de policía local.

2. No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, agás por causas excepcionais, considerarase que o aspirante non superou o proceso selectivo.

3. O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na academia, incluídas as probas de cáracter extraordinario, perderá todos os dereitos acadados no proceso selectivo.

4. De conformidade co disposto polo artigo 45 da Lei 4/2007 e o artigo 15 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, os cursos selectivos incluirán a materia de formación en igualdade de xénero e de prevención, atención, asistencia e/ou tratamento de situacións de violencia de xénero.

Artigo 17º.-Período de prácticas para a categoría de policía.

1. Para aqueles que ingresen por primeira vez na categoría de policía, o curso selectivo comprenderá tamén un período de prácticas que se desenvolverá no posto de traballo, e que conforma xunto co curso teórico un continuum na formación e capacitación profesional. Para o persoal funcionario en prácticas que se vaia integrar nos corpos de policía local de nova creación, o período de prácticas podería desenvolverse, en todo ou en parte, noutro concello de características semellantes.

2. Este período de prácticas terá unha duración de tres meses continuados e realizarase ao remate do curso teórico, agás que a incompatibilidade de datas aconselle repartilo en dúas etapas. En todo caso, será necesario ter realizado dous meses de curso teórico para poder executar a primeira etapa de prácticas.

3. Durante o período de prácticas o alumnado desenvolverá o seu traballo profesional do xeito que lles permita unha mellor realización práctica dos coñecementos do curso teórico, sempre baixo a supervisión do xefe do corpo de policía local, ou profesional cualificado en que este delegue. Neste período procurarase que o alumnado cumpra cos distintos labores encomendados aos corpos de policía local.

4. Neste período de prácticas, o alumnado non poderá desfrutar vacacións ou permisos, salvo os que lles correspondan polas libranzas do servizo que estean desenvolvendo. Os días de vacacións que corresponden tanto ao curso teórico como ao período de prácticas, desfrutaranse ao remate de ambos os dous, aínda no caso, de que este feito se producise no seguinte ano do comezo do curso.

Artigo 18º.-Avaliación do período de prácticas e informe do concello.

1. Para obter a condición de funcionario de carreira na escala e categoría correspondente é obrigado superar o período de prácticas.

2. A Academia Galega de Seguridade Pública facilitará os instrumentos de valoración obxectiva do traballo e das actitudes e aptitudes amosadas polo alumnado no período de prácticas, que incluirán, como mínimo, os seguintes parámetros: actitude persoal, disciplina, relacións co cidadán, cantidade e calidade do traballo, compañeirismo, motivación e superación persoal. A dita academia exercerá unha titoría conxuntamente coas autoridades locais e a xefatura do corpo de policía local.

3. Ao remate do período de prácticas, valéndose dese instrumento ou cuestionario de avaliación obxectiva facilitado pola academia, o xefe de policía elaborará un informe individual por cada alumno/a, de tal maneira que reflicta se superou ou non o dito período. Este informe deberá presentarse xunto co escrito, ao que lle serve de base, asinado polo/a alcalde/esa ou concelleiro/a en que delegue, mediante o que o concello dá conta á academia do resultado da avaliación das prácticas.

4. De conformidade co previsto no parágrafo 2 do artigo 36 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, os aspirantes, en calquera momento anterior a seren nomeados/as funcionarios/as de carreira, poderán ser sometidos/as ás probas médicas que sexan precisas para comprobar a súa idoniedade. No desenvolvemento a que se refire a disposición adicional, respecto ao cadro médico para a superación das probas da oposición, non poderá derivar ningún prexuízo por circunstancias médicas derivadas da situación de embarazo ou lactación da muller aspirante.

Artigo 19º.-Informe da Academia Galega de Seguridade Pública e toma de posesión.

Unha vez superado o curso selectivo de que se trate e o período de prácticas, a academia emitirá informe ao concello correspondente certificando tal circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na praza ou posto concreto.

Capítulo II

Sistemas de acceso aos corpos de policía local e vixilantes municipais

Sección primeira

Sistema de quenda libre para acceso á categoría de policía

Artigo 20º.-Acceso á categoría de policía.

O ingreso inicial nos corpos de policía local efectuarase á categoría de policía pola quenda libre, e polo procedemento de oposición, de acordo co artigo 35 da Lei 4/2007, agás no caso de mobilidade horizontal desde outros corpos que será polo procedemento de concurso de méritos, recollido no artigo 33 en relación co artigo 32.1º a) deste título.

Artigo 21º.-Requisitos para o acceso.

1. Para poder tomar parte no proceso selectivo de acceso, os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española.

b) Superar os 18 anos de idade e non ter cumpridos os 36.

c) Posuír unha estatura mínima de 1,65 metros os homes e 1,60 metros as mulleres.

d) Estar en posesión da titulación exixible para o acceso como funcionario do grupo C1, consonte a normativa de función pública.

e) Ser titular dos permisos de conducir das clases A e B con BTP.

f) Non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin separado/a do servizo das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme. Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación, segundo as normas penais e administrativas, que o aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

g) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidas, que o aspirante presentará en forma de declaración xurada, ou segundo o modelo que se exixa na convocatoria.

h) Presentación dun certificado médico en que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

2. Todos estes requisitos deberán acreditalos na data en que remate o prazo de presentación de instancias da convocatoria correspondente.

Artigo 22º.-Probas da oposición e a súa orde de desenvolvemento.

1. As probas da oposición son as seguintes, citadas polo orde en que deberán desenvolverse:

a) Aptitude física, que incluirá a comprobación da estatura dos aspirantes.

b) Probas de avaliación dos coñecementos dos aspirantes sobre os contidos do temario correspondente.

c) Probas psicotécnicas.

d) Recoñecemento médico.

e) Coñecemento da lingua galega.

2. Todas as probas recollidas no punto anterior teñen carácter eliminatorio.

Artigo 23º.-Descrición das probas.

1. As probas de aptitude física irán dirixidas á comprobación das capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade dos aspirantes. Cualificaranse como apto/non apto.

2. As probas de avaliación dos coñecementos dos aspirantes deberán demostrar a súa preparación intelectual e o seu dominio dos contidos do temario. Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de cen preguntas tipo test, que será proposto polo tribunal. Os aspirantes disporán de dúas horas para a súa realización.

A proba será cualificada polo tribunal de cero a dez puntos, sendo preciso acadar cinco puntos como mínimo.

3. As probas psicotécnicas estarán dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais dos aspirantes e a súa adecuación á función policial que se vai desempeñar. Consistirán na aplicación dunha proba de intelixencia que medirá a capacidade intelectual e psicomotriz do aspirante; e tamén na aplicación de probas de personalidade destinadas a medir os aspectos afectivos e volitivos que permitan unha apreciación global da personalidade dos aspirantes. Cualificaranse como apto/non apto.

4. O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas, que deberán axustarse á descrición do cadro previsto na disposición adicional, para que se garantan as condicións idóneas dos aspirantes. Cualificarase como apto/non apto.

5. A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos ás probas que consideran máis adecuadas para tal comprobación. Esta proba cualificarase de cero a tres puntos, sendo preciso acadar un con cinco puntos como mínimo.

Artigo 24º.-Puntuación final dos aspirantes.

Rematadas as probas, o tribunal outorgará a cada aspirante a puntuación final obtida, que será a resultante de sumar a cualificación da proba de coñecementos coa cualificación obtida na proba de lingua galega. Esta puntuación será determinante para confeccionar a lista de aprobados/as e a lista de reserva prevista no punto 2 do artigo 13º deste título.

Sección segunda

Acceso a vixilante municipal

Artigo 25º.-Acceso ao posto de vixilante municipal.

O ingreso inicial como vixilante municipal efectuarase pola quenda libre, e polo procedemento de oposición, e exixe ter superado o correspondente curso programado pola Academia Galega de Seguridade Pública, de acordo co artigo 92.2º da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Artigo 26º.-Requisitos para o acceso.

1. Para poder tomar parte no proceso selectivo de acceso os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española.

b) Superar os 18 anos e non ter cumpridos os 36 anos de idade.

c) Posuír unha estatura mínima de 1,65 metros os homes, e 1,60 metros as mulleres.

d) Estar en posesión da titulación exixible para o acceso como funcionario do grupo C2, consonte a normativa de función pública.

e) Ser titular dos permisos de conducir das clases A e B con BTP.

f) Non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin separado/a do servizo das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial. Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación, segundo as normas penais e administrativas, que o aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

g) Presentación dun certificado médico en que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

2. Todos estes requisitos deberán acreditalos na data en que remate o prazo de presentación de instancias da convocatoria correspondente.

Artigo 27º.-Probas da oposición e a súa orde de desenvolvemento.

1. As probas da oposición son as seguintes, citadas pola orde en que deberán desenvolver:

a) Aptitude física, que incluirá a comprobación da estatura dos aspirantes.

b) Probas de avaliación dos coñecementos dos aspirantes sobre os contidos do temario correspondente.

c) Probas psicotécnicas.

d) Recoñecemento médico.

e) Coñecemento da lingua galega.

2. Todas as probas recollidas no punto anterior teñen carácter eliminatorio.

Artigo 28º.-Descrición das probas.

1. As probas de aptitude física irán dirixidas á comprobación das capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade dos aspirantes. Cualificaranse como apto/non apto.

2. As probas de avaliación dos coñecementos dos aspirantes deberán amosar a súa preparación intelectual e o seu dominio dos contidos do temario. Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de cincuenta preguntas tipo test, que será proposto polo tribunal. Os aspirantes disporán dunha hora para a súa realización.

A proba será cualificada polo tribunal de cero a dez puntos, sendo preciso acadar cinco puntos como mínimo.

3. As probas psicotécnicas estarán dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais dos aspirantes e a súa adecuación á función policial que se vai desempeñar. Consistirán na aplicación dunha proba de intelixencia que medirá a capacidade intelectual e psicomotriz do aspirante; e tamén na aplicación de probas de personalidade destinados a medir os aspectos afectivos e volitivos que permitan unha apreciación global da personalidade dos aspirantes. Cualificaranse como apto/non apto.

4. O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas, que deberán axustarse á descrición do cadro previsto na disposición adicional, para que se garantan as condicións idóneas dos aspirantes. Cualificarase como apto/non apto.

5. A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos ás probas que consideran máis adecuadas para tal comprobación. Esta proba cualificarase de cero a tres puntos, sendo preciso acadar un con cinco puntos como mínimo.

Artigo 29º.-Puntuación final dos aspirantes.

Rematadas as probas, o tribunal outorgará a cada aspirante a puntuación final obtida, que será a resultante de sumar a cualificación da proba de coñecementos coa cualificación obtida na proba de lingua galega. Esta puntuación será determinante para confeccionar a lista de aprobados/as e tamén a lista de reserva prevista no punto 2 do artigo 13º deste título.

Sección tercera

Sistema de promoción interna

Artigo 30º.-Promoción interna e procesos de selección.

1. De acordo cos artigos 37 a 42 da Lei 4/2007, e co artigo 8.3º deste título, o sistema de promoción interna poderase empregar para o acceso, dentro do mesmo corpo de policía local, a todas as categorías desde a inmediata inferior, tendo en conta a reserva obrigada para mobilidade horizontal desde outros corpos.

2. O proceso de selección será o de concurso-oposición para a promoción ás categorías de oficial, inspector/a, inspector/a principal e intendente. Para a promoción interna ás categorías de intendente principal e superintendente empregarase o proceso selectivo de concurso de méritos.

3. No caso de que na mesma convocatoria de prazas coexistan os sistemas de promoción interna e mobilidade desde outros corpos, as prazas non cubertas por mobilidade acrecentarán as reservadas para a promoción interna.

Artigo 31º.-Requisitos dos aspirantes polo sistema de promoción interna.

Para poder optar a este sistema, os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos antes do remate do prazo de solicitude:

a) Ser funcionario/a de carreira do corpo cun mínimo de tres anos continuados de servizo activo na categoría inmediata inferior, computándose tamén neste caso o tempo de segunda actividade por causa de embarazo e lactación.

b) Posuír a titulación académica exixida para a categoría a que opta, ou ter superado o curso de dispensa que para tal efecto tiver programado pola Academia Galega de Seguridade Pública.

c) Non ter sido sancionado/a por falta grave ou moi grave, ou telas canceladas.

d) Faltarlle máis dun ano para o pase á situación de segunda actividade por razón de idade, agás que o ascenso de categoría comporte cambio de escala, excluíndo para estes efectos a escala superior.

Artigo 32º.-Descrición dos procedementos de selección na promoción interna.

1. O procedemento de concurso consiste na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados, se é o caso, polos aspirantes, de acordo co baremo que se determine.

a) Cando este procedemento sexa o único que se empregue, a puntuación final de cada aspirante consistirá na suma das cualificacións dos méritos totais, sen limitación. Aos aspirantes con puntuacións máis altas, en número igual ao de prazas convocadas por este sistema, adxudicaránselles as prazas ofertadas.

b) No concurso-oposición, a valoración total dos méritos será obxecto de limitación, cun máximo de puntos preestablecido. Tendo en conta que á fase de concurso lle corresponderá unha porcentaxe máxima do 40% da puntuación máxima total, incluída a da oposición, para ponderar equitativamente os méritos tomarase como referencia este máximo de puntos que os aspirantes poderían acadar, ao cal se lle outorgarán os catro puntos. Proporcionalmente se lle asignará a puntuación a cada aspirante, aplicando a regra de tres simple e cun máximo de tres decimais sen redondeo.

2. O procedemento de oposición, que será posterior ao concurso, limitarase, para os efectos de promoción interna, a dúas probas de coñecementos referidas ao temario para o acceso a cada categoría. Na primeira proba os aspirantes deberán contestar por escrito a dous temas do dito temario, ou a un cuestionario de tests sobre o total dos seus contidos, segundo conste nas bases da convocatoria, no tempo máximo de dúas horas. A segunda proba consistirá na resolución dun caso práctico relacionado co temario, que os aspirantes terán que desenvolver no tempo máximo dunha hora, e que deberán ler ante o tribunal.

A puntuación final de cada aspirante será a media aritmética das cualificacións de ambas as probas, que se avaliarán de cero a dez puntos cada unha delas, sendo necesario acadar en cada unha un mínimo de 5 puntos para superar a oposición.

3. Para ponderar esta puntuación en relación ao 60% da nota final que corresponde á fase de oposición, aplicarase a regra de tres simple, tendo en conta que á nota máxima que se podería acadar na oposición, que sería un dez, se lle outorgarían seis puntos para a nota ponderada coa fase de concurso, de xeito que ambas as puntuacións ponderadas, a do concurso e a da oposición, sumarían como máximo dez puntos, correspondendo nesa puntuación unha porcentaxe máxima do 40% ao concurso e do 60% a da oposición, como se di no punto 1.b) deste mesmo artigo.

4. Os aspirantes que resultasen aprobados, en calquera dos procesos de selección descritos, deberán superar un curso de capacitación para a nova categoría na Academia Galega de Seguridade Pública, que será obrigatorio e necesario para poder tomar posesión como funcionarios/as de carreira no novo posto ao que accedan.

Sección cuarta

Sistema de mobilidade

Artigo 33º.-Dereito á mobilidade.

Consonte o previsto nos artigos 35 a 43 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, o dereito á mobilidade dos policías locais exercerase mediante a reserva de prazas vacantes para a súa cobertura polo procedemento de concurso para funcionarios doutros corpos de policías locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 34º.-Porcentaxes de reserva e garantías para o sistema de mobilidade.

1. De acordo co previsto nos artigos 35 ao 42 citados no artigo anterior, para o acceso polo sistema de mobilidade a calquera categoría, reservarase como mínimo un vinte e cinco por cento das prazas ofertadas, ás cales poderán optar os que ostenten a categoría de que se trate noutros corpos de policía local e conten cunha antigüidade mínima de cinco anos nesa categoría, agás na de superintendente que será de tres anos.

2. Consonte o disposto no artigo 43 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, cando non sexa posible cubrir as vacantes coa porcentaxe mínima sinalada, as fraccións sobrantes acumularanse á seguinte ou seguintes convocatorias.

Artigo 35º.-Requisitos para participar no sistema de mobilidade.

Ademais do requisito de antigüidade na categoría de que se trate, recollido no punto 1 do artigo anterior, para poder participar no sistema de mobilidade, aos aspirantes deberanlles faltar como mínimo para o pase previsto á situación de segunda actividade os seguintes anos:

a) Tres anos para a categoría de superintendente.

b) Cinco anos para a de intendente principal.

c) Seis anos para a de intendente.

d) Sete anos para as de inspector e inspector principal.

e) Oito anos para a de oficial e doce para a de policía.

Artigo 36º.-Procedemento de selección no sistema de mobilidade.

O procedemento de selección no sistema de mobilidade será o de concurso de méritos, de acordo co baremo que se determine por orde da consellería competente en materia de seguridade, que deberá efectuarse do xeito que se di no punto 1 a) do artigo 32 deste título.

Capítulo III

Carreira profesional e formación dos membros dos corpos de policía local e dos/as vixilantes municipais

Artigo 37º.-A formación dos corpos de policía local e de vixilantes municipais.

1. Consonte o previsto no capítulo II do título V da Lei 4/2007, a formación terá carácter permanente para garantir e asegurar o mantemento e a mellora das aptitudes e da capacidade profesional, debendo comprender necesariamente formación en igualdade de xénero e violencia contra as mulleres.

2. De conformidade co disposto no artigo 92.4º da dita Lei 4/2007, para o acceso a vixilante municipal os aspirantes deberán superar un curso na Academia Galega de Seguridade Pública.

Sección primeira

Carreira profesional e formación dos membros dos corpos de policía local

Artigo 38º.-Os cursos selectivos.

1. Os cursos selectivos son aqueles que permiten o ingreso na categoría de policía ou o acceso ás distintas escalas polo sistema de promoción interna. Na categoría de policía incluirán ademais un período de prácticas. As súas características mínimas, en canto duración, estrutura e contidos modulares, serán as seguintes:

a) Duración mínima: 850 horas para a categoría de policía; 250 horas para as de oficial, inspector, inspector principal e intendente; e 200 horas para as de intendente principal e superintendente.

b) Estrutura: curso teórico-práctico de carácter presencial para a categoría de policía. Para as categorías de oficial, inspector, inspector principal e intendente o curso selectivo poderá comprender unha parte de formación non presencial. Os cursos selectivos para intendente principal e superintendente serán de tipo mixto, cunha parte de distancia non inferior ao trinta por cento da carga horaria total.

c) Contidos modulares mínimos: módulo operativo, xurídico, técnico, asistencial e administrativo no curso selectivo para a categoría de policía. Nos cursos para as categorías de oficial e inspector substituirase o módulo asistencial por un de comunicación ou dirección de equipos, ademais dun módulo práctico. O curso para as categorías de inspector principal e intendente, contarán ademais cun módulo de xestión directiva e outro de estratexias e técnicas de mando. Para as categorías de intendente principal e superintendente os módulos tratarán sobre habilidades de mando, estratexias directivas, comunicación externa e protocolo, xestión administrativa e elaboración do proxecto directivo.

2. Estes cursos son obrigatorios, e a súa superación é condición necesaria para poder ser nomeado funcionario/a de carreira na categoría de que se trate. Na categoría de policía é necesario superar tamén o período de prácticas.

3. A Academia Galega de Seguridade Pública, logo da aprobación dos cursos pola consellería competente en materia de seguridade e do informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, publicará no Diario Oficial de Galicia a duración, estrutura e contidos modulares de cada un dos cursos.

4. A Academia Galega de Seguridade Pública poderá homologar cursos semellantes que fosen superados noutros centros de formación, sempre que a súa duración, programa e contidos así o permitisen.

Artigo 39º.-Carácter destes cursos.

1. Os cursos selectivos para a categoría de policía, inspector e intendente serán de tipo presencial, desenvolvéndose na Academia Galega de Seguridade Pública.

2. Os cursos selectivos para as categorías de oficial e inspector principal terán tamén carácter presencial, pero poderase desenvolver a distancia unha parte deles, que non excederá do 50% da carga horaria do curso de que se trate.

3. Para as categorías de intendente principal e superintendente os cursos poderán ser presenciais ou a distancia, mesmo coa posibilidade de participar naqueles cursos de contido semellante que se impartan noutros centros de formación, públicos ou privados, de recoñecido prestixio, cos que a Academia Galega de Seguridade Pública manteña relacións de intercambio ou colaboración.

Artigo 40º.-Requisitos para a superación dos cursos de ingreso ou promoción.

1. Serán requisitos necesarios para a superación destes cursos que o alumnado asista ao 90% como mínimo das horas lectivas, que aprobe os exames ou se lle avalíen positivamente os traballos ou probas que se determinen en cada curso, e que acaden tamén unha valoración positiva do seu comportamento e actitudes no período de formación.

2. Nas guías de cada curso, que se lles entregarán ao alumnado ao seu comezo, explicitaranse todos os extremos que afecten ao curso de que se trate.

Sección segunda

Cursos de formación permanente: actualización e especialización

Artigo 41º.-Cursos de actualización.

O motivo fundamental destes cursos é facilitar ao persoal policial unha formación que lle permita coñecer os cambios normativos, técnicos ou operativos, de xeito que a súa capacitación profesional para o desempeño das funcións policiais xerais se manteña continuamente nun adecuado nivel.

Artigo 42º.-Cursos de especialización.

Estes cursos están dirixidos ao coñecemento de tarefas ou funcións policiais concretas, que requiren formación teórica, ou á adquisición de habilidades e destrezas específicas, cun dominio dos contidos e das técnicas que permitan axustarse mellor ás novas demandas en cada área profesional.

Artigo 43º.-Programa anual de formación.

1. Para garantir esta formación permanente, a Academia Galega de Seguridade Pública elaborará para cada ano o seu programa de formación, que incluirá aquelas actividades formativas, de actualización ou especialización, que se consideren precisas ou convenientes.

2. Para os efectos desta programación, a academia deberá ter en conta as demandas de formación que desde os concellos, as xefaturas de policía local ou os sindicatos e asociacións profesionais de policías lles poidan facer chegar, así como as achegas do consello autonómico de formación continua para os empregados/as públicos da seguridade.

Artigo 44º.-Medidas de favorecemento da formación continua.

Para favorecer a participación dos membros dos corpos de policía local nas actividades de formación continua, e tamén para que estes poidan conciliar mellor a vida familiar coa necesidade de formación, a Academia Galega de Seguridade Pública procurará que o desenvolvemento dos cursos de actualización, nunha porcentaxe non inferior ao 50% das actividades programadas, presenten algunha das seguintes características:

a) Que se desenvolvan presencialmente de maneira descentralizada, e o máis conforme posible coa dispersión dos efectivos policiais, mediante convenios ou protocolos de colaboración cos concellos ou as deputacións provinciais.

b) Que se utilice o sistema de formación a distancia, favorecido polas novas tecnoloxías de formación en liña a través da internet, naquelas actividades en que resulte factible o uso desta ferramenta.

Artigo 45º.-Sistemas de selección dos solicitantes de cursos ou actividades formativas.

1. Nas convocatorias correspondentes das actividades formativas, a Academia Galega de Seguridade Pública deberá determinar o sistema de selección que se empregará para cubrir as prazas convocadas. No caso de non explicitarse nas convocatorias entenderase que será o seguinte:

a) Menor número de cursos realizados polo alumno/a solicitante, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

2. Nos cursos de especialización terase en conta o desempeño profesional dos solicitantes, que deberá acreditarse na mesma solicitude desde os concellos de orixe. En todo caso, terán preferencia aqueles que, no momento da convocatoria do curso, desenvolvan exclusiva ou prioritariamente tarefas relacionadas directamente coa temática do curso.

3. Á listaxe de admitidos/as engadirase unha relación de suplentes, cando así se considere, para cubrir posibles baixas.

Artigo 46º.-Obrigas das persoas seleccionadas.

Os solicitantes que resulten seleccionados e non poidan participar no curso ou actividade de que se trate, teñen a obriga de comunicar a súa imposibilidade de asistencia, sempre que o número de prazas estea limitado, con 48 horas de antelación ao comezo do curso ou actividade, para que desde a Academia Galega de Seguridade Pública se poida proceder á súa substitución. De non facelo serán excluídos/as automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos aos solicitantes ou destinatarios.

Sección terceira

Os/as auxiliares contratados/as polos concellos: selección e formación

Artigo 47º.-Selección dos/as auxiliares de policía e requisitos dos aspirantes.

1. De conformidade co disposto no artigo 95.4º da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, a selección dos/as auxiliares de policía local farase seguindo criterios semellantes aos fixados no seu artigo 35 para os membros dos corpos de policía local. Consonte a regulación contida nos distintos parágrafos do dito artigo 95, este persoal terá a consideración de contratado laboral temporal, e a súa contratación poderán efectuala os concellos, en función das prazas que se van cubrir, mediante convocatoria pública, que se publicará no taboleiro de anuncios do concello e nun dos diarios de maior tirada de Galicia, polo sistema de quenda libre e o procedemento de oposición.

2. Os aspirantes deberán reunir os requisitos seguintes:

a) Ter máis de 18 anos e non ter cumpridos os 58 anos de idade.

b) Posuír a titulación que lles sexa exixible para o acceso aos funcionarios do grupo C2.

c) Non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin separado/a do servizo das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial. Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación, segundo as normas penais e administrativas, que o aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

3. A oposición comprenderá as probas que se describen a continuación:

a) Probas físicas, que medirán a capacidade física dos aspirantes para as funcións que teñen que desempeñar. Cualificaranse con apto/non apto.

b) Cuestionario de preguntas tipo test, sobre un temario, que se cualificará de cero a dez puntos.

c) Coñecemento do termo municipal e da toponimia local, que se cualificará de cero a tres puntos.

d) Coñecemento da lingua galega.

Artigo 48º.-Curso de formación.

1. Para poder exercer as funcións de auxiliar de policía local será requisito indispensable ter superado un curso de formación, que convocará anualmente a Academia Galega de Seguridade Pública.

2. Este curso terá unha validez de catro anos, debendo realizarse e superarse novamente transcorrido tal período.

Sección cuarta

Formación dos/as vixilantes municipais

Artigo 49º.-Curso selectivo de formación para vixilantes municipais.

Como se recolle no artigo 38.2º deste título, en relación co artigo 92.4º da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, para o acceso á condición de vixilante municipal será obrigatorio que os aspirantes superen un curso selectivo de formación inicial que, para tal efecto, programará e desenvolverá a Academia Galega de Seguridade Pública, que determinará a duración, estrutura e contidos deste curso, adaptándoo ás características e funcións do posto de vixilante municipal.

Artigo 50º.-A formación continua dos vixilantes municipais.

A Academia Galega de Seguridade Pública, tendo en conta as funcións, número e necesidades formativas dos vixilantes municipais dos concellos, programarán anualmente aqueles cursos ou actividades de formación continua que resulten necesarios para un mellor desempeño profesional, buscando a súa actualización e a súa reciclaxe.

Capítulo IV

A subescala facultativa nos corpos de policía local

Artigo 51º.-Obxecto e funcións da subescala facultativa.

1. Consonte o disposto no punto 1º do artigo 26 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, os concellos poderán crear a subescala facultativa, á cal lle corresponderá desempeñar tarefas de cobertura e apoio ás funcións policiais, nas especialidades que se consideren oportunas, segundo as peculiaridades propias de organización e funcionamento.

2. Os/as integrantes da subescala facultativa son persoal funcionario de carreira dos concellos respectivos, quedando expresamente prohibida calquera outra relación de prestación de servizos coa Administración local. En particular prohíbense as contratacións de natureza laboral, calquera que sexa o seu tipo e a súa duración, así como a cobertura de prazas con persoal funcionario interino.

Artigo 52º.-Creación da subescala facultativa e sistemas de acceso.

Os concellos que consideren conveniente reforzar o corpo de policía local con prazas de técnicos ou especialistas de distinto rango, nivel de titulación e especialización, poderán crear estas prazas dentro da subescala facultativa, tendo en conta os seguintes criterios:

a) As prazas que se creen deberán ser cubertas polo sistema de quenda libre e polo procedemento de oposición, reservando ata un vinte e cinco por cento das prazas para seren cubertas mediante concurso-oposición polos membros dos corpos de policía local de Galicia, sempre que posúan a titulación exixida e acrediten unha antigüidade de cinco anos no corpo de policía local.

b) Non se poderán crear prazas desta subescala na categoría de superintendente, nin tampouco naquela categoría que resulte ser a máxima no corpo de policía local de que se trate.

Sección primeira

Acceso á subescala facultativa

Artigo 53º.-Requisitos comúns.

Para o ingreso na subescala facultativa, pola quenda libre, os aspirantes deberán acreditar, na data en que remate o prazo de presentación de instancias da convocatoria correspondente, os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española.

b) Superar os 18 anos e non ter cumpridos 36 para a categoría de policía, 48 para a categoría de inspector e 50 para a categoría de intendente.

c) Posuír unha estatura mínima de 1,65 metros os homes, e 1,60 metros as mulleres.

d) Ser titular dos permisos de conducir da clase A e B con BTP.

e) Non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin separado/a do servizo das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial. Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación, segundo as normas penais e administrativas, que o aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

f) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidas, que o aspirante presentará en forma de declaración xurada, ou segundo o modelo que se exixa na convocatoria.

g) Presentación dun certificado médico en que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

Artigo 54º.-Requisitos específicos de titulación.

En cada convocatoria, segundo a categoría e escala correspondente, deberán determinarse os requisitos de titulación exixida aos aspirantes, tendo en conta as necesidades do concello convocante.

Artigo 55º.-Probas da oposición e orde de desenvolvemento.

1. As probas da oposición son as seguintes, citadas pola orde en que deberán desenvolverse:

a) Aptitude física, que incluirá a comprobación da estatura dos aspirantes.

b) Probas de avaliación dos coñecementos dos aspirantes sobre os contidos do temario correspondente.

c) Probas psicotécnicas.

d) Recoñecemento médico.

e) Coñecemento da lingua galega.

2. Todas as probas recollidas no punto anterior teñen carácter eliminatorio.

Artigo 56º.-Descrición das probas.

1. As probas de aptitude física irán dirixidas á comprobación das capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade dos aspirantes. Cualificaranse como apto/non apto.

2. As probas de avaliación dos coñecementos dos aspirantes deberán amosar a súa preparación intelectual e o seu dominio dos contidos do temario correspondente, que terá unha parte xeral e outra específica, determinándose por orde da consellería competente en materia de seguridade os contidos da parte xeral. Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test, que será proposto polo tribunal. Os aspirantes disporán de dúas horas para a súa realización.

A proba cualificarase polo tribunal de cero a dez puntos, sendo preciso acadar cinco puntos como mínimo.

3. As probas psicotécnicas estarán dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais dos aspirantes e a súa adecuación á función policial que se vai desempeñar. Consistirán na aplicación dunha proba de intelixencia que medirá a capacidade intelectual e psicomotriz do aspirante; e tamén na aplicación de probas de personalidade destinadas a medir os aspectos afectivos e volitivos que permitan unha apreciación global da personalidade dos aspirantes. Cualificaranse como apto/non apto.

4. O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas, que deberán axustarse á descrición do cadro previsto na disposición adicional, para que se garantan as condicións idóneas dos aspirantes. Cualificarase como apto/non apto.

5. A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos ás probas que consideren máis adecuadas para tal comprobación. Esta proba cualificarase de cero a tres puntos, sendo preciso acadar un con cinco puntos como mínimo.

Artigo 57º.-Puntuación final dos aspirantes.

Rematadas as probas, o tribunal outorgará a cada aspirante a puntuación final obtida, que será a resultante de sumar a cualificación da proba de coñecementos coa cualificación obtida na proba de lingua galega. Esta puntuación será determinante para confeccionar a lista de aprobados/as, tendo en conta tamén a lista de reserva prevista nos puntos 2º e 3º do artigo 13 deste título.

Sección segunda

Reserva de prazas nas categorías de quenda libre para a súa provisión polo procedemento de concurso-oposición

Artigo 58º.-Reserva de prazas.

1. De acordo co disposto no punto 3º do artigo 26 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, das prazas que se oferten pola quenda libre reservarase ata un vinte e cinco por cento delas para seren cubertas polo procedemento de concurso-oposición.

2. A estas prazas só poderán optar os membros dos corpos de policía local de Galicia cun mínimo de cinco anos de antigüidade, sempre que conten coa titulación exixida.

Artigo 59º.-Provisión destas prazas.

1. Estas prazas proveranse polo procedemento de concurso-oposición, no que se valorarán os méritos que se determinen na fase de concurso, e as probas correspondentes na fase de oposición, que consistirán na cualificación dos coñecementos dos aspirantes referidos a un temario específico para a praza a que optan, debendo aprobar a fase de oposición para superar o proceso selectivo.

2. Para establecer a puntuación final conxunta de ambas as fases, deberase ter en conta que a porcentaxe desa puntuación non poderá ser superior ao 40% na fase de concurso e ao 60% na de oposición.

Sección terceira

Disposicións comúns

Artigo 60º.-Relación de aprobados/as e nomeamento de funcionarios/as en prácticas.

Publicada a relación de aprobados/as, do proceso selectivo de que se trate, polo concello serán nomeados persoal funcionario en prácticas, para o desenvolvemento do curso selectivo de formación cos dereitos e deberes que legalmente lles correspondan segundo a súa situación e categoría.

Artigo 61º.-Curso selectivo e obriga de superalo.

1. A superación deste curso resulta obrigatoria para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría ou posto correspondente.

2. No caso de non incorporación ao curso, ou abandono deste sen rematalo, agás por causas excepcionais ou alleas á súa vontade, o aspirante perderá todos os dereitos acadados no proceso selectivo.

3. O alumnado que non supere o curso na Academia Galega de Seguridade Pública, incluídas as probas ou exames de carácter extraordinario, perderá todos os dereitos acadados no proceso selectivo.

4. Este curso poderá desenvolverse na Academia Galega de Seguridade Pública, de xeito presencial ou a distancia, mesmo coa posibilidade de participar o alumnado en actividades formativas alleas, de contido semellante, que se impartan noutros centros de formación, públicos ou privados, de recoñecido prestixio, cos que a academia manteña relacións de intercambio ou colaboración.

Artigo 62º.-Informe da Academia Galega de Seguridade Pública e toma de posesión.

Unha vez superado o curso selectivo de que se trate, a academia emitirá informe ao concello correspondente certificando tal circunstancia, de xeito que poida procederse ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na praza ou posto concreto.

Titulo IV

Do réxime estatutario

Capítulo I

Dereitos e deberes

Artigo 63º.-Dereitos e deberes específicos da función policial.

1. Consonte o disposto nos artigos 47 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, os membros dos corpos de policías locais e os vixilantes municipais teñen os dereitos e os deberes que lles corresponden como funcionarios do concello respectivo, no marco da especificidade da súa función, de acordo coa lexislación vixente.

2. Os concellos outorgaranlles a debida consideración social debida á súa xerarquía e á dignidade do servizo policial, protexerán os seus funcionarios no exercicio das súas funcións, así como garantirán o cumprimento dos dereitos recollidos nos artigos 48 a 59 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Artigo 64º.-Recoñecementos médicos periódicos para a vixilancia da saúde.

1. A vixilancia da saúde estará sometida a protocolos específicos ou a outros medios existentes con respecto aos factores de risco aos cales se estea exposto.

2. Os exames de saúde incluirán, en todo caso, unha historia clínico-laboral, en que, ademais dos datos de anamnese, exploración clínica e control biolóxico e estudos complementarios en función dos riscos inherentes ao traballo, se fará constar unha descrición detallada do posto de traballo, o tempo de permanencia neste, os riscos detectados na análise das condicións de traballo, e as medidas de prevención adoptadas. En particular atenderase á avaliación de riscos dos postos de traballo en relación co embarazo e lactación, así como ás medidas que se incorporarán, de ser o caso, para a adaptación destes postos, eliminando na súa orixe estes riscos ou reducíndoos significativamente, se for posible.

3. Deberá igualmente, no caso de dispoñer disto, incluír unha descrición dos anteriores postos de traballo, riscos presentes neles e tempo de permanencia para cada un deles.

Artigo 65º.-Deber de residencia.

1. Consonte o establecido no artigo 54 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, os membros dos corpos de policías locais poderán residir fóra da localidade onde traballan, exceptuados os casos en que por razóns do servizo sexa necesario o deber de residencia na propia localidade.

2. Sen prexuízo do anterior, a localidade onde residan non poderá distar máis de 100 quilómetros respecto da localidade de destino.

3. Non obstante, e con carácter excepcional, o concello poderá autorizar unha distancia superior á establecida no punto anterior, en función do tipo de traballo, do número de efectivos, das quendas establecidas e das características das vías de comunicación.

Capítulo II

Segunda actividade

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 66º.-Normativa aplicable.

O pase do persoal funcionario dos corpos de policías locais de Galicia á situación de segunda actividade, definida no artigo 62 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, producirase por calquera das causas recollidas no seu artigo 63, nos termos e condicións reguladas no título VI, capítulos II e III da dita lei, neste decreto e, supletoriamente, polo previsto na lexislación vixente en materia de función pública. Exceptúase da súa aplicación a subescala facultativa.

Artigo 67º.-Segunda actividade e servizo activo.

Unicamente procederá a declaración de segunda actividade desde a situación de servizo activo nalgún corpo de policías locais da Comunidade Autónoma de Galicia, e permanecerase nela ata o pase á xubilación ou a outra situación que non poderá ser a de servizo activo, salvo que a causa do pase á situación de segunda actividade fose por embarazo, lactación ou insuficiencia das aptitudes psicofísicas e que tales circunstancias desaparezan.

Artigo 68º.-Documento de acreditación profesional, uniformidade e armamento.

1. A situación de segunda actividade deberá figurar no documento de acreditación profesional do persoal funcionario.

2. Os postos de segunda actividade non incluídos no corpo de policía local ou en funcións de seguridade, desempeñaranse sen uniformidade e sen armamento.

Artigo 69º.-Funcións en segunda actividade.

O persoal funcionario que se encontra na situación de segunda actividade poderá desempeñar, de acordo coa súa formación e categoría, preferentemente na área de seguridade e axeitado á súa experiencia e capacidade, entre outras, as seguintes funcións:

a) Vixilancia da seguridade dos edificios destinados ás dependencias municipais.

b) Xestión e control do mantemento dos medios técnicos que o corpo de policía local utiliza para cumprir coas súas obrigas.

1. Vehículos e o material relacionado con eles.

2. Sistemas de transmisións e telecomunicacións.

3. Vestiario e equipamento.

c) Asistencia e apoio a traballos non operativos relacionados coa investigación de accidentes de tráfico e outras actividades relativas á seguridade viaria.

d) Tarefas administrativas.

1. Atención ao público.

2. Apoio na tramitación de licenzas, permisos, autorizacións e sancións administrativas.

3. Apoio na análise estatística e nas tarefas informáticas.

e) Xestión de recursos humanos e de control e mantemento de medios materiais.

f) En xeral, todas aquelas actividades técnicas de asesoramento, instrumentais de xestión e apoio da actividade policial ou relacionadas con ela, de características similares ás expresadas nos parágrafos anteriores, sempre que estas non impliquen actuacións policiais operativas.

Artigo 70º.-Formación e capacitación.

Co fin de que se poidan desenvolver, do xeito máis eficaz posible, as funcións inherentes ao novo posto de traballo derivado do pase á situación de segunda actividade e así facilitar a integración do funcionario/a, o concello propiciará as accións formativas que se consideren necesarias para o efecto e nas cales o persoal funcionario afectado deberá participar.

Artigo 71º.-Promoción e mobilidade.

Na situación de segunda actividade, excepto cando a súa causa foi o embarazo ou a lactación, non se poderá participar en procedementos de promoción interna ou concurso de traslados, salvo que no momento de pasar a esta situación administrativa se estea desenvolvendo algún destes procedementosneste caso, deberase paralizar o dito pase ata a finalización do proceso de promoción ou mobilidade.

Artigo 72º.-Melloras sociais.

Durante a permanencia na situación de segunda actividade, o persoal funcionario gozará das prestacións sociais e axudas que poidan corresponder aos policías locais en situación administrativa de servizo activo do respectivo concello.

Artigo 73º.-Resolucións e comunicación ao Rexistro de Policías Locais de Galicia.

1. Corresponde ao/á alcalde/esa ditar as resolucións de pase á situación de segunda actividade e, se é o caso, as resolucións de reingreso no servizo activo. As resolucións deberán ser expresas e motivadas.

2. Unha vez adoptada a resolución para o pase á situación de segunda actividade, comunicarase á unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, para que tal circunstancia sexa anotada no Rexistro de Policías Locais de Galicia.

Artigo 74º.-Razóns excepcionais.

1. O/a alcalde/esa poderá requirir, motivadamente, ao persoal funcionario dos corpos da policía local en situación de segunda actividade para o cumprimento de funcións operativas da policía local, polo tempo mínimo necesario, cando concorran razóns excepcionais de seguridade cidadá que presenten as dúas circunstancias seguintes:

a) Que sexan imprevisibles.

b) Que sexan de tal magnitude que non se poidan resolver polos medios policiais operativos ordinarios.

2. De xeito inmediato deberán comunicarse á unidade directiva con competencia en materia de coordinación os requirimentos efectuados e as razóns excepcionais que os motivaron.

3. A designación de persoal funcionario para a realización dos ditos servizos comezará polos que pasaron á situación de segunda actividade por razón de idade, e na orde cronoloxicamente inversa á do seu pase. Terase en conta, se é o caso, a especial protección que poida ser exixible nos supostos de segunda actividade derivados das situacións de embarazo e lactación.

4. Ao persoal funcionario que teña que realizar os servizos enumerados neste artigo dotaráselle da uniformidade e dos medios necesarios para o desempeño das súas funcións.

Sección segunda

Procedementos de pase á situación de segunda actividade

Subsección primeira

Por cumprimento da idade determinada para cada escala

Artigo 75º.-Iniciación do procedemento.

O procedemento por esta causa iniciarao de oficio o concello a que pertenza o/a funcionario/a policial.

Artigo 76º.-Comunicación á persoa interesada.

O concello comunicará ao/á funcionario/a o pase á situación administrativa de segunda actividade coa antelación suficiente, que en ningún caso será inferior aos tres meses anteriores ao cumprimento das idades establecidas para cada escala no artigo 64 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, co fin de que a persoa interesada poida solicitar, se o estima conveniente, a prórroga no servizo activo prevista no parágrafo 3º do dito artigo, sen que se produza interrupción neste.

Artigo 77º.-Limitacións ao pase á situación administrativa de segunda actividade.

1. No mes de decembro anterior ao ano en que se for a producir o pase do persoal funcionario á situación de segunda actividade, e logo de escoitar a xunta de persoal, o concello, motivadamente, co fin de optimizar os seus recursos, e tras o informe á consellería competente en materia de seguridade, poderá ditar resolución limitando para o dito ano e por categoría o número de funcionarios/as que poidan acceder á situación de segunda actividade por razón de idade, prorrogando a permanencia no servizo activo dos que, na orde inversa á data en que cumpran a idade, excedan da cota así fixada.

2. No suposto anterior, ao persoal funcionario ao cal non se lle poida asignar un posto en segunda actividade, prorrogaráselle a permanencia no servizo activo ata que queden vacantes postos catalogados como de segunda actividade ou ata que se amplíe o número destes postos.

Artigo 78º.-Prórroga no servizo activo.

1. O persoal funcionario interesado poderá presentar ante o concello respectivo solicitude de aprazamento do pase á situación de segunda actividade e, polo tanto, de prórroga no servizo activo, cun mínimo de tres meses, antes do cumprimento da idade ou do vencemento do aprazamento anual que tiña concedido.

2. O concello, tras a comunicación á consellería competente en materia de seguridade, ditará resolución, que será notificada á persoa interesada no prazo dun mes contado desde a data de presentación da súa solicitude, sobre o aprazamento do pase á situación de segunda actividade, por sucesivos períodos dun ano, e sempre que medie informe favorable do tribunal médico, previsto no parágrafo 2 do artigo 82º.

Subsección segunda

Por diminución das condicións psicofísicas

Artigo 79º.-Iniciación do procedemento.

O procedemento poderá ser iniciado de oficio polo concello a que pertence o/a funcionario/a ou por solicitude da persoa interesada, á cal deberá acompañar os informes médicos en que fundamente a súa petición.

Artigo 80º.-Avaliación do tribunal médico.

1. A solicitude, xunto coa documentación, será enviada ao tribunal médico, que se debe constituír, polo concello a que pertenza o persoal funcionario solicitante, para o efecto da avaliación da diminución das condicións psicofísicas.

2. Este tribunal médico estará formado por tres facultativos da especialidade de que se trate e que pertenzan ao sistema sanitario público de Galicia ou aos cadros médicos das entidades colaboradoras, un por proposta do propio interesado/a, outro por proposta do concello a que pertenza o funcionario e o terceiro por proposta do Servizo Galego de Saúde.

3. O tribunal médico deberase constituír para examinar a solicitude e documentación presentada no prazo de dous meses desde a súa presentación. No suposto de que a persoa interesada ou o concello non propoñan ningún médico ou se os propostos/as non aceptan, o concello correspondente solicitará a designación directa do médico ou médicos necesarios polo Servizo Galego de Saúde.

4. Á vista da documentación presentada, o tribunal médico, logo de acordo dos seus membros en tal sentido, poderá citar o/a funcionario/a para a realización dun recoñecemento médico. Se o/a funcionario/a acreditase que está impedido para asistir, o tribunal poderá dispoñer o que coide conveniente para a realización do recoñecemento cando resulte imposible emitir ditame coa documentación que figure no expediente.

5. No suposto de que o/a funcionario/a non compareza e non xustifique a súa incomparecencia, será citado por segunda vez. De non acudir, o tribunal médico emitirá o seu ditame con base nos documentos que figuran no expediente.

6. En calquera caso, os responsables do ditame poderán solicitar información e asesoramento non vinculante de especialistas ou a realización de probas, exploracións ou recoñecementos que consideren necesarios para avaliar a aptitude psicofísica do/da funcionario/a.

7. Aos membros do tribunal médico seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación pola lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

8. O réxime de funcionamento do tribunal será o previsto para os órganos colexiados.

Artigo 81º.-Cadro de aptitudes.

1. A elaboración do ditame médico farase tendo en conta o seguinte cadro das causas de diminución das aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais que orixinan o pase á situación de segunda actividade:

Con carácter xeral:

a) O diagnóstico dunha enfermidade, ou a catalogación dunha síndrome ou proceso patolóxico, non é un criterio de valoración en si mesmo, pero si o é a diminución nas aptitudes psicofísicas que orixine.

b) Para a valoración das enfermidades, síndromes e procesos patolóxicos teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios:

1º Cronicidade da enfermidade, síndrome e/ou proceso patolóxico.

2º Posibilidades de melloría clínica con/sen tratamento.

3º Posibilidades de empeoramento pola permanencia no servizo activo.

4º Posibilidades terapéuticas con que conta para a súa curación.

5º Cando se trate de enfermidades infecto-contaxiosas, ademais, as posibilidades de contaxio.

c) Teranse en conta as enfermidades, síndromes, procesos patolóxicos que, a xuízo dos facultativos, lle diminúan as aptitudes psicofísicas necesarias para permanecer na situación de servizo activo, e non constitúan motivo de xubilación por incapacidade permanente para o exercicio das súas funcións.

d) Os facultativos aplicarán este cadro das causas de diminución das aptitudes físicas ou psíquicas en función das exixencias laborais propias da policía local, conforme as funcións e actividades propias da escala e categoría do funcionario.

2. Ademais do anterior serán motivo de pase á situación de segunda actividade aquelas enfermidades, síndromes e procesos patolóxicos que, a xuízo dos facultativos, incapaciten o/a funcionario/a para permanecer na situación de servizo activo, ocasionándolle limitación para a realización das tarefas policiais propias da súa escala e categoría.

Artigo 82º.-Ditame.

1. O tribunal médico ditaminará se as afeccións ou enfermidades están incursas ou non no cadro de causas de diminución das aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais que orixinen o pase á segunda actividade e que se recolle no artigo anterior.

2. O ditame médico que se elabore garantirá o segredo necesario dos datos de saúde do/da funcionario/a e concluirá coa declaración de «apto» ou «non apto» para o servizo activo.

3. O ditame que emita o tribunal médico vinculará o órgano competente para declarar o pase á situación de segunda actividade.

4. O tribunal médico proporá no seu ditame o pase á segunda actividade ou que se tramite o correspondente expediente de incapacidade ou, se procede, o de xubilación forzosa. Para tales efectos o ditame deberá conter os seguintes aspectos:

a) A existencia ou non de diminución de aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais.

b) Se a diminución de aptitudes se prevé, ou non, con carácter permanente.

c) Se a insuficiencia nas aptitudes afecta ou non as funcións e actividades policiais desempeñadas polo/a funcionario/a no seu traballo habitual.

5. O tribunal médico dirixirá o ditame ao/á alcalde/esa para que adopte a pertinente resolución, contra a que se poderán interpoñer os recursos previstos na lexislación vixente en materia de réxime local.

Artigo 83º.-Revisión.

1. A resolución pola que se declara o pase á situación administrativa de segunda actividade poderá ser revisada de oficio ou por solicitude da persoa interesada. Cando no ditame médico se indique que se prevé a recuperación das diminucións psicofísicas que deron lugar ao pase do/da funcionario/a á segunda actividade, o concello deberá iniciar de oficio a revisión da resolución no prazo dun mes contado desde a finalización do prazo de recuperación previsto no ditame.

2. O procedemento para a revisión será o regulado nos artigos anteriores, aínda que o ditame se limitará a indicar se tivo lugar a recuperación das diminucións físicas ou psíquicas que motivaron o pase á segunda actividade.

3. Se se ditamina a recuperación do/da funcionario/a e a súa aptitude para o desempeño da función policial que teña encomendada, o concello resolverá o seu reingreso no servizo activo. En caso contrario, desestimarase a revisión da declaración do pase á segunda actividade.

Artigo 84º.-Prazos de resolución.

O prazo máximo de resolución do procedemento para o pase á segunda actividade por causa de diminución das aptitudes psicofísicas é de catro meses e o de revisión de tres meses, contados desde a data da súa iniciación.

Subsección terceira

Por embarazo ou lactación

Artigo 85º.-Iniciación do procedemento.

O procedemento iniciarase por instancia da funcionaria interesada.

Artigo 86º.-Ditame.

O ditame médico necesario para o pase á segunda actividade por causa de embarazo ou lactación consistirá nun certificado médico oficial que acredite tal circunstancia. No suposto de lactación o dito certificado deberá acreditar que as condicións do posto habitual da funcionaria poden influír no seu estado de saúde.

Artigo 87º.-Duración.

1. A funcionaria embarazada permanecerá na situación administrativa de segunda actividade ata o momento en que remate o embarazo, a partir do cal pasará á situación de servizo activo, sen prexuízo da licenza ou a incapacidade temporal que lle corresponda.

2. No suposto de lactación a funcionaria permanecerá na situación administrativa de segunda actividade ata o momento en que remate a lactación, a partir do cal pasará á situación de servizo activo, sen prexuízo da licenza que lle corresponda.

Artigo 88º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo de resolución do procedemento para o pase á segunda actividade por causa de embarazo ou lactación será de dez días contados desde a data da súa iniciación.

Capítulo III

Distincións e recompensas

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 89º.-Creación e modalidades.

Coa finalidade de premiar e distinguir publicamente os policías locais de Galicia e os/as vixilantes municipais dos concellos sen corpo de policía local, por feitos excepcionais ou de particular relevancia, que non formen parte das funcións e cometidos normais dos seus postos de traballo, así como a aquelas persoas ou entidades públicas e privadas que destaquen pola súa conduta a prol das policías locais e das súas competencias, créanse as seguintes modalidades de distincións e recompensas da Xunta de Galicia:

a) Placa colectiva ao mérito da policía local.

b) Placa individual ao mérito da policía local.

c) Medalla ao mérito da policía local.

d) Distintivo de permanencia.

e) Felicitacións públicas.

Artigo 90º.-Ámbito subxectivo das distincións.

1. A placa colectiva ao mérito da policía local, destinada a distinguir os corpos das policías locais de Galicia ou das súas unidades operativas, pola súa contribución e meritorio labor colectivo a prol da dignificación e recoñecemento público das policías locais, así como na súa defensa e promoción dos dereitos e liberdades públicas.

Excepcionalmente, poderán ser distinguidos os restantes corpos e forzas de seguridade, cando cumpran algunha das condicións exixidas para a súa concesión e se valoren de xeito especial actuacións particularmente relacionadas coas competencias das policías locais.

2. A placa individual e a medalla ao mérito da policía local, destínanse a distinguir a título individual o persoal funcionario dos corpos das policías locais de Galicia e os/ás vixilantes municipais dos concellos sen corpo, que destacaron de xeito relevante pola súa notoria entrega ao servizo, polo seu traballo humanitario, a súa contribución á dignificación, prestixio e recoñecemento público das policías locais, así como na defensa e promoción dos dereitos e liberdades públicas.

Excepcionalmente, poderá ser distinguido o persoal funcionario dos restantes corpos e forzas de seguridade, cando cumpra algunha das condicións exixidas para a súa concesión e se valoren de xeito especial actuacións particularmente relacionadas coas competencias das policías locais.

3. O distintivo de permanencia entregarase aos policías locais de Galicia, calquera que sexa a súa categoría, cando se cumpran os requisitos de permanencia e de traxectoria profesional exixidos para a súa concesión.

4. As felicitacións públicas concederanse a persoas alleas aos corpos de policías locais ou entidades públicas ou privadas que destaquen na promoción e apoio á función da policía local.

Artigo 91º.-Placa individual e colectiva ao mérito da policía local.

1. Para conceder a placa individual ao mérito da policía local será preciso que nas persoas interesadas concorra algunha das seguintes condicións:

a) Resultar falecido/a ou en situación de incapacidade que impida a continuidade no exercicio da función policial nun acto de servizo ou como consecuencia del, sempre que se evidencie un sobresaliente e excepcional valor persoal.

b) Intervir en actos de servizo cunha conduta que evidencie un sobresaliente e excepcional valor persoal con risco grave e inminente para a propia vida, aínda que non se produzan os resultados recollidos na letra anterior.

2. Para conceder a placa colectiva ao mérito da policía local será preciso que concorran nas persoas interesadas algunha das seguintes condicións:

a) Participar nun acto de servizo de especial dificultade ou complexidade que requira dos funcionarios actuantes unha acción de carácter extraordinario e excepcional que puxer en risco grave e inminente as súas vidas e do que deriven inequívocos beneficios na defensa e promoción dos dereitos e liberdades públicas de especial transcendencia e repercusión no ámbito da comunidade autónoma.

b) Por unha destacada traxectoria profesional, con dedicación a sectores de especial protección, por estudos ou traballos científicos que comporten prestixio e evidencien un labor colectivo a prol da dignificación e recoñecemento público das policías locais.

Artigo 92º.-Medalla ao mérito da policía local.

1. Para conceder a medalla ao mérito da policía local, será preciso que concorran nas persoas interesadas algunha das seguintes condicións:

a) Intervir en actos en defensa e protección dos intereses que teñan encomendados e que poñan de manifesto cualidades de valor, sacrificio, lealdade ou abnegación excepcionais, e dos cales derive risco grave para a persoa, con independencia do resultado producido, sempre que superen o estrito cumprimento das súas obrigas e deberes regulamentarios.

b) Participar en tres ou máis servizos en que mediar agresión con armas ou outros medios perigosos, que entrañen risco grave para a súa persoa, demostrando valor, capacidade e eficacia nas actuacións.

c) Dirixir ou executar con éxito un servizo en que pola súa especial e extraordinaria dificultade ou importancia se evidencian importantes cualidades profesionais ou cívicas.

d) Sobresaír con notoriedade e perseveranza no cumprimento dos deberes do seu cargo, que constitúa unha conduta exemplar e prolongada no tempo, para dignificación, prestixo e recoñecemento público das policías locais, así como na súa misión de defensa, promoción e protección das liberdades públicas.

e) Realizar estudos profesionais ou científicos relevantes que prestixien as competencias e funcións das policías locais.

2. O número máximo de medallas que se concederán cada anualidade determinarase por orde da consellería competente en materia de seguridade.

Artigo 93º.-Distintivo de permanencia.

1. O distintivo de permanencia entregarase anualmente, mediante resolución do titular da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, aos policías locais, calquera que sexa a súa categoría, cando cumpran 25 anos de servizo no corpo, e teñan unha traxectoria profesional excepcional, sen que consten antecedentes desfavorables no seu expediente persoal ou pendentes de cancelar.

2. Para tales efectos os concellos achegaran á dita unidade directiva, antes do 15 de febreiro de cada ano, a certificación do cumprimento dos 25 anos de servizo e da non existencia no expediente persoal dos antecedentes a que se refire o punto anterior.

Artigo 94º.-Felicitacións públicas.

1. As felicitacións públicas concederanse de forma discrecional mediante resolución do titular da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, a persoas alleas aos corpos de policías locais ou entidades públicas ou privadas que desde a súa actividade profesional ou docente destaquen no estudo, promoción, dignificación, colaboración e apoio á función da policía local.

2. O número máximo de felicitacións públicas que se concederán cada anualidade determinarase por orde da consellería competente en materia de seguridade.

Artigo 95º.-Descrición das distincións.

As descricións das distincións, así como os pasadores, as insignias de lapela e os diplomas acreditativos estableceranse por orde da consellería competente en materia de seguridade.

Artigo 96º.-Cualificación das condutas valorables.

Para o outorgamento das distincións previstas neste decreto, na conduta observada que orixine o expediente de concesión non poderá mediar menoscabo do honor, imprudencia, impericia ou accidente.

Artigo 97º.-Efectos das distincións.

1. As distincións creadas por este decreto teñen carácter vitalicio, sen prexuízo da posibilidade da súa perda nos supostos previstos no artigo 105, e outórganse unicamente para os efectos honoríficos, sen que derive prestación económica en ningún caso.

2. Respecto á promoción profesional, os/as funcionarios/as dos corpos das policías locais distinguidos, terán dereito a que tal distinción figure no seu expediente persoal e que poida valorarse como mérito nos concursos de provisión de postos de traballo. Tamén poderán terse en conta nos procesos de provisión polo sistema de libre designación.

Sección segunda

Procedemento para a concesión e perda

Artigo 98º.-Competencia para a concesión da placa colectiva e individual e da medalla.

A placa colectiva e placa individual poderán concederse con periodicidade anual mediante orde da consellería competente en materia de seguridade. De igual xeito outorgaranse cada ano a medalla ou medallas ao mérito da policía local.

Artigo 99º.-Procedemento para a concesión da placa colectiva e individual e a medalla ao mérito da policía local.

1. A iniciación, que será de oficio, e a tramitación dos expedientes corresponderá á unidade directiva con competencia en materia de coordinación de policías locais.

2. As propostas de candidaturas á placa colectiva e individual e á/ás medalla/s poderán formularse pola unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, ou pola federación galega de municipios máis representativa. O prazo para a presentación de propostas correspondentes a cada ano natural remata o 31 de xaneiro do ano seguinte.

As propostas realizaranse por escrito, acompañadas, se é o caso, do currículo ou relación de méritos das persoas, corpos de policía local ou unidades designados, especificando as razóns polas que, de acordo co previsto neste decreto, se lles estima merecedores da distinción.

3. Iniciado o expediente, a unidade tramitadora requirirá, no suposto de que as persoas propostas sexan persoal funcionario dos corpos de policía local ou vixilantes municipais, o informe previo do órgano correspondente do concello en que este preste servizos.

4. As propostas serán sometidas á valoración e informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia.

5. A persoa titular da consellería competente en materia de seguridade resolverá o que proceda á vista das propostas presentadas e do informe previsto no punto anterior, ponderando os méritos e as circunstancias alegados.

6. En todo caso, o órgano competente para resolver poderá solicitar aclaracións ou a achega de cantos documentos e datos considere procedentes en relación coas propostas presentadas.

7. O prazo máximo de duración do procedemento de concesión será de tres meses, entendéndose denegatoria a falta de resolución e comunicación e notificación expresa.

Artigo 100º.-Valoración dos actos de servizo.

1. Non terán carácter acumulativo para a concesión de distincións, aqueles actos xa considerados con anterioridade para o outorgamento doutras distincións creadas por este decreto.

2. As circunstacias xa coñecidas e non estimadas para a concesión dalgunha das distincións reguladas neste decreto non poderán ser tomadas en consideración para un novo procedemento, agás que vaian acompañadas de novos feitos que poidan ser valorados como méritos.

Artigo 101º.-Anotación das distincións.

1. Na unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais levarase un rexistro en que se anotarán os titulares das distincións creadas por este decreto, con especificación da modalidade concedida.

2. As distincións outorgadas ao persoal funcionario das policías locais serán anotadas no Rexistro das Policías Locais de Galicia e comunicarase ao concello a que pertenzan, para que conste no seu expediente persoal.

Artigo 102º.-Acreditación documental.

As distincións e recompensas creadas por este decreto levarán consigo a súa acreditación documental a través dos diplomas correspondentes; no suposto da placa colectiva darase diploma individual a cada un dos membros do corpo de policía ou unidades distinguidas.

Artigo 103º.-Acto solemne.

1. O acto solemne de entrega das distincións terá lugar o día 24 do mes de maio, que se declara día da festividade das policías locais de Galicia.

2. A entrega das distincións nas súas distintas modalidades e dos diplomas acreditativos correspondentes, efectuarase nun acto público solemne no que se dará lectura á orde e á resolución de concesión, que terá lugar na sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Artigo 104º.-Outros honores e dereitos.

1. As persoas titulares das distincións terán dereito ao uso delas sobre o uniforme.

2. Sen prexuízo do establecido na normativa propia de cada institución, as persoas distinguidas poderán ocupar lugar ou sitio preferente nos actos oficiais a que sexan convocadas, organizados pola Xunta de Galicia. Dispensaráselles igual tratamento nos actos oficiais convocados polos concellos de Galicia.

3. Os concellos poderán nomear persoal funcionario honorífico aos seus policías locais, coa categoría que posúan ao cesar no servizo pola xubilación ou incapacidade, e aos seus vixilantes municipais. Deberase comunicar tal circunstancia á unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais.

4. As persoas que non pertenzan á policía local, tamén poderán ser nomeadas polo concello correspondente, membros honorarios dos seus respectivos corpos de policía local; deberase comunicar tal circunstancia á unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais.

Artigo 105º.-Perda.

1. O persoal funcionario dos corpos de policía local de Galicia, que por sentenza ou resolución administrativa firmes, resulten separados do servizo ou suspendidos por tres ou máis anos serán dados de baixa na distinción outorgada e perderán todos os dereitos e honores a que se refiren os artigos anteriores.

2. Para tal fin, os concellos, en cuxos cadros de persoal exista persoal funcionario afectado polas circunstancias descritas, veranse obrigados a poñer en coñecemento da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais os extremos de condena ou sanción sinalados no parágrafo anterior.

Para estes efectos instruirase un procedemento iniciado de oficio pola unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, que se substanciará de igual forma que o procedemento de concesión, dando audiencia ás persoas afectadas e ao concello a que pertenza.

3. A mesma unidade directiva instruirase, iniciado de oficio, o procedemento establecido no punto 2º deste artigo, nos casos en que as persoas distinguidas sexan persoas ou entidades públicas ou privadas non pertencentes aos corpos da policía local, que as súas condutas ou actuacións desmerezan da natureza, sentido ou alcance da pertenza a ela.

O prazo máximo de resolución deste procedemento será de seis meses, producindo a falta de resolución expresa para os efectos previstos no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 106º.-Distincións dos concellos.

Os regulamentos específicos dos corpos de policías locais poden establecer un réxime de outorgamento de distincións e recompensas aos seus membros nos supostos e circunstancias que neles se determine.

Título V

Do réxime disciplinario

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 107º.-Réxime xeral.

1. O réxime disciplinario do persoal funcionario dos corpos de policías locais, réxese polo disposto no título VII da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e sen prexuízo das garantías recoñecidas no ordenamento xurídico, inspirarase nos principios básicos de actuación que se establecen no capítulo II do título II da devandita lei.

2. De conformidade co disposto no punto 1º do artigo 87 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, non se poderán impor sancións por faltas graves ou moi graves senón en virtude de expediente instruído para o efecto, cuxa tramitación se axustará ao procedemento recollido na sección terceira do capítulo II deste título e que se rexerá, en todo caso, polos principios de sumariedade e celeridade, sen que en ningún momento se poida producir indefensión.

3. De conformidade co disposto no punto 2 do artigo 87 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a sanción por faltas leves poderase impor sen máis trámites que a audiencia á persoa interesada, e o procedemento axustarase ao previsto na sección segunda do capítulo III deste título.

Artigo 108º.-Persoal funcionario en prácticas.

1. Durante a realización do curso na Academia Galega de Seguridade Pública o persoal funcionario en prácticas estará sometido ao réxime disciplinario previsto no regulamento desta institución.

2. Neste período as sancións que se imporán serán as establecidas no regulamento da Academia Galega de Seguridade Pública, segundo se trate de faltas moi graves, graves e leves.

3. Durante o período de prácticas no concello, estarán sometidos ao réxime disciplinario do persoal funcionario de carreira das policías locais, sempre que a falta cometida sexa compatible, atendidas as circunstancias, coa dita situación.

Capítulo II

Procedemento sancionador

Sección primeira

Competencia sancionadora e disposicións xerais

Artigo 109º.-Competencia sancionadora.

1 O órgano competente para a imposición das sancións por faltas tipificadas nos artigos 79, 80 e 81 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, será o alcalde do concello a que pertenza o funcionario policial, agás nos municipios de gran poboación que será a xunta de goberno local.

2. Sen prexuízo do anterior, os ditos órganos poderán delegar a imposición das referidas sancións de conformidade co previsto na normativa de réxime local, agás a consistente na separación do servizo.

Artigo 110º.-Inicio do procedemento.

1. Corresponde ao/á alcalde/esa a competencia para ordenar a incoación do correspondente procedemento, que se iniciará ben de oficio, por iniciativa propia, ou ben por parte disciplinario ou denuncia.

2. O acordo de inicio expresará os feitos que o motivan, a falta que presuntamente se cometese, o artigo e o punto en que se encontra tipificada, e o presunto responsable.

3. A incoación do procedemento notificarase á persoa interesada, así como no caso de faltas graves e moi graves, o nomeamento de instrutor/a e secretario/a con indicación das persoas designadas para desempeñar tales cargos.

4. Cando se incoe un expediente a persoal funcionario que teña a condición de delegado/a sindical ou membro da xunta de persoal, deberá notificarse a dita incoación á correspondente sección sindical ou mesa de persoal, a fin de que estes poidan ser oídos durante a tramitación do procedemento.

5. Con anterioridade ao acordo de inicio, o/a alcalde/esa poderá ordenar a práctica dunha información previa para o esclarecemento dos feitos, a determinación dos seus presuntos responsables e a procedencia de iniciar ou non o procedemento sancionador.

Artigo 111º.-Parte disciplinario.

1. Todo membro do corpo de policía local que observe feitos que poidan ser constitutivos de faltas imputables a membros do corpo, deberá formular parte ao seu superior xerárquico dando conta, de xeito inmediato e por escrito, dos feitos constitutivos de falta dos cales teña coñecemento, cando sexa este o presunto/a infractor/a a comunicación efectuarase ao seu superior inmediato.

2. O parte terá un relato claro dos feitos, as súas circunstancias, a identidade do presunto/a infractor/a, así como as testemuñas, e deberá expresar claramente a identidade de quen dá o parte.

3. Á recepción do parte darase aviso de recepción inmediato e informarase a persoa promotora da incoación ou non do expediente disciplinario.

Artigo 112º.-Denuncia.

De iniciarse o procedemento como consecuencia de denuncia deberá comunicarse á persoa denunciante o acordo de iniciación ou o arquivo. Non se tomará en consideración a denuncia anónima para a incoación dun procedemento disciplinario. Non obstante, a dita denuncia poderá terse en conta como antecedente para acordar unha información previa.

Artigo 113º.-Impulso e tramitación.

1. Os procedementos sancionadores seguiranse por escrito e impulsaranse de oficio en todos os seus trámites.

2. A persoa interesada, se así o solicita, poderá coñecer, en calquera momento, o estado de tramitación do procedemento, dándoselle vista deste nos lugares e durante o horario que se sinale, podendo obter copia das actuacións practicadas, sempre que non lle fosen facilitadas con anterioridade.

Artigo 114º.-Disposicións comúns en materia de proba.

1. Os feitos relevantes para a decisión do procedemento deberán acreditarse mediante calquera medio de proba admisible en dereito.

2. A práctica das probas admitidas, así como as acordadas de oficio polo instrutor/a, notificaranse previamente á persoa interesada, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, indicándolle o lugar, a data e a hora en que deba realizarse, e advertiráselle de que pode asistir a ela e intervir asistida do seu letrado/a ou asesor/a.

3. O/a instrutor/a poderá denegar a práctica cando as probas propostas polos interesados sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias. A denegación será motivada e contra ela non caberá recurso ningún, sen prexuízo de que se poida facer valer a denegación indebida de medios de proba no recurso que proceda fronte á resolución do expediente.

4. As probas que se practiquen durante a tramitación do expediente, levaranse a cabo, en todo caso, respectando o principio de inmediatez e o dereito da persoa interesada de asistir a elas.

Artigo 115º.-Resolución final do procedemento.

1. A resolución que poña fin ao procedemento deberá ser motivada e fundada unicamente nos feitos que serviron de base ao acordo de inicio ou, se ó o caso, ao prego de cargos. Resolverá todas as cuestións presentadas e fixará con claridade os feitos constitutivos da infracción, a súa cualificación xurídica, o seu responsable e a sanción que se impoñerá, precisando, cando sexa necesario, as circunstancias do seu cumprimento e facendo expresa declaración das medidas provisionais adoptadas durante a tramitación. Igualmente farase mención da proba practicada e, se é o caso, denegada, sinalando, respecto a esta, os motivos concretos da súa inadmisión.

2. A resolución do procedemento notificarase á persoa interesada e a quen formule o parte ou a denuncia, con indicación dos recursos que contra ela procedan, así como o órgano ante o que deberán presentarse e os prazos para interpoñelos.

Artigo 116º.-Comunicacións de infraccións penais ou administrativas.

En calquera momento do procedemento en que se aprecie, motivadamente, que a presunta infracción disciplinaria puider ser cualificada como infracción administrativa doutra natureza ou como infracción penal, logo de audiencia da persoa interesada, porase en coñecemento da autoridade que ordenar a incoación para a súa comunicación á autoridade administrativa ou xudicial ou ao Ministerio Fiscal.

Artigo 117º.-Consideración dos feitos como falta de maior gravidade.

1. Cando no desenvolvemento do procedemento se estime, motivadamente, que os feitos xulgados poidan ser constitutivos dunha falta de maior gravidade que a apreciada inicialmente, a autoridade que acorde a incoación do procedemento, logo de audiencia ao/á interesado/a, resolverá a apertura do expediente que corresponda e o notificará á persoa interesada.

2. Contra este acto de mero trámite non caberá recurso de maneira separada do que se puider interpoñer contra a resolución definitiva do procedemento pola falta de maior gravidade.

Artigo 118º.-Réxime supletorio.

No non previsto por este decreto, aplicarase o disposto para o procedemento do réxime disciplinario do persoal funcionario da Administración local.

Sección segunda

Procedemento por faltas leves

Artigo 119º.-Tramitación.

1. O acordo polo que se inicie o procedemento, notificarase á persoa interesada, quen, nos cinco días seguintes, poderá presentar un escrito de oposición, propoñer as probas que considere necesarias para a súa defensa e presentar os documentos que teña por conveniente.

2. Sen prexuízo do disposto no punto 2º do artigo 87 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, o acordo de inicio deberá incorporar a designación do/da instrutor/a e a posibilidade da súa recusación, advertíndolle de que se non presenta recusación do/da instrutor/a, formula oposición ou non propón a práctica de proba, poderá resolverse o expediente sen máis trámite.

3. Se a persoa interesada propuxer proba, o/a alcalde/esa ditará resolución motivada sobre a súa procedencia, dispoñendo o necesario para a súa práctica. A persoa designada para realizar a instrución practicará as dilixencias que fosen admitidas para a comprobación dos feitos, realizando as declaracións, informes e documentos pertinentes e as que se deduzan daquelas.

4. Da proba practicada e das demais actuacións que conformen o procedemento, darase vista á persoa interesada para que, no prazo de cinco días, poida formular as alegacións que ao seu dereito conveñan.

5. A resolución que se adopte en materia de proba notificarase á persoa interesada. Fronte á dita resolución non caberá recurso ningún sen prexuízo de que se poida facer valer a denegación indebida de medios de proba no recurso que proceda fronte á resolución do expediente.

6. A tramitación do procedemento deberá completarse dentro do prazo de dous meses desde o acordo de inicio. Se transcorrido o dito prazo non recae resolución, producirase a caducidade do expediente.

7. A resolución que poña fin ao procedemento deberá ditarse conforme o previsto no artigo 115 da sección primeira deste capítulo.

Sección terceira

Procedemento por faltas graves e moi graves

Artigo 120º.-Nomeamento de instrutor e secretario.

1. A autoridade que ordene a incoación do procedemento designará un/unha instrutor/a, a cuxo cargo correrá a súa tramitación, e un/unha secretario/a que o/a asista.

2. O nomeamento de instrutor/a recaerá en persoal funcionario pertencente á categoría ou escala superior á do/da presunto/a infractor/a, procurando, cando existan funcionarios/as das escalas superior e técnica, que o nomeamento recaia en persoal funcionario pertencente ás ditas escalas. En defecto de funcionario/a de escala ou categoría superior, nomearase un funcionario/a da Administración local, de superior ou igual grupo de clasificación. Poderá nomearse como secretario/a a calquera funcionario/a municipal coa formación adecuada.

3. Deberá notificarse á persoa interesada a incoación do procedemento e o nomeamento de instrutor/a e secretario/a.

Artigo 121º.-Abstención e recusación.

1. O dereito de recusación poderá exercerse desde o momento en que a persoa interesada teña coñecemento da designación do/da instrutor/a e secretario/a.

2. A abstención e a recusación presentaranse ante o órgano que acordou o seu nomeamento, que deberá resolver nun prazo de 10 días. Contra tal resolución non caberá ningún recurso, sen prexuízo de que se poida facer valer a causa de recusación nos recursos que se interpoñan contra a resolución sancionadora.

Artigo 122º.-Medidas provisionais.

1. Iniciado o procedemento, mediante resolución motivada do órgano competente para a incoación, poderanse adoptar as medidas de carácter provisional que se consideren oportunas para facilitar a marcha do procedemento e asegurar a eficacia da resolución final que puidese recaer.

2. Non poderán adoptarse medidas provisionais que poidan causar prexuízos irreparables ás persoas interesadas ou impliquen violación de dereitos amparados nas leis.

3. En calquera fase do procedemento o/a instrutor/a do expediente poderá propoñer ao órgano que as acordou, de oficio ou por instancia da persoa interesada e de forma motivada, o alzamento das medidas provisionais.

Artigo 123º.-Prazos de instrución.

1. O procedemento respectará os prazos establecidos, sen que a instrución do expediente poida exceder de seis meses.

2. Por razóns de urxencia derivadas da necesidade de manter a disciplina, a exemplaridade, ou pola notoriedade ou gravidade dos feitos, o órgano que acordou a incoación poderá dispoñer que os prazos de tramitación do expediente se reduzan á metade do tempo previsto, salvo os de contestación ao prego de cargos, ao período de práctica das probas e de alegacións á proposta de resolución.

Artigo 124º.-Dilixencias de comprobación.

1. A persoa encargada da instrución ordenará, no prazo máximo de quince días, a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución e, en particular, a práctica de cantas probas e actuacións conduzan ao esclarecemento dos feitos e a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción.

2. Como primeiras actuacións, citará a persoa inculpada e procederá a tomarlle declaración, que poderá ser asistida por letrado/a ou asesor/a. Tamén realizará cantas dilixencias se deduzan da comunicación ou denuncia que deu orixe ao expediente e do que o presunto infractor/a manifestou na súa declaración.

3. Todos os organismos e dependencias das administracións públicas estarán obrigados a facilitarlle ao/á instrutor/a os antecedentes e informes necesarios para o desenvolvemento da súa actuación, que se solicitarán pola canle e na forma adecuada, salvo precepto legal que o impida.

Artigo 125º.-Prego de cargos.

1. Unha vez que se practicaron as actuacións e as dilixencias a que se refire o artigo anterior, a persoa encargada da instrución formulará, se procede, o correspondente prego de cargos, que comprenderá, de forma clara e en parágrafos separados e numerados, todos os feitos imputados, a cualificación xurídica e a sanción que se considere procedente.

2. O/a instrutor/a poderá apartarse, motivadamente, dos feitos expresados no acordo de inicio, pero non incluirá outros que non garden relación directa cos contidos nel.

3. O/a instrutor/a deberá propoñer no momento de elaborar o prego de cargos, á vista do resultado das actuacións practicadas, o mantemento ou o levantamento das medidas provisionais que, se é o caso, se adopten.

4. Cando o expediente se incoe polas faltas disciplinarias derivadas de condena por sentenza penal, xuntarase ao prego de cargos a sentenza condenatoria.

5. O prego de cargos notificarase á persoa expedientada, dándolle vista do actuado, quen poderá contestalo no prazo de dez días, alegando canto considere oportuno na súa defensa, presentando os documentos e propoñendo a práctica das probas que coide necesarias.

6. Cando a persoa interesada, por escrito ou mediante comparecencia ante o/a instrutor/a e secretario/a, mostrase a súa conformidade co prego de cargos, elevarase o expediente ao órgano competente para resolver.

Artigo 126º.-Período probatorio.

Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo sen facelo, o/a instrutor/a, de oficio ou por instancia da persoa interesada, acordará a apertura dun período para a práctica das probas admisibles en dereito que coide pertinentes, fixando a súa duración no período comprendido entre dez e trinta días. A práctica das probas axustarase ás disposicións comúns en materia de proba recollidas na sección primeira deste capítulo.

Artigo 127º.-Proposta de resolución.

1. A persoa encargada da instrución, cando considere concluso o expediente, formulará proposta de resolución na cal fixará con precisión os feitos, fará a valoración xurídica deles e manifestará se os considera constitutivos de falta, con indicación, se é o caso, de cal sexa esta, a responsabilidade do expedientado/a e a sanción a impoñer.

2. A proposta de resolución do expediente notificaraa o/a instrutor/a á persoa interesada, dándolle vista do expediente e facilitándolle unha copia completa da documentación que non for entregada con anterioridade, para que, no prazo de dez días, poida alegar canto considere conveniente á súa defensa e presente cantos documentos coide de interese.

3. Formuladas as alegacións polo/a interesado/a ou transcorrido o prazo sen alegación ningunha, remitirase o expediente, con carácter inmediato, ao órgano competente para resolver.

Artigo 128º.-Terminación sen declaración de responsabilidade.

Se en calquera fase do procedemento o/a instrutor/a deduce a inexistencia de responsabilidade disciplinaria ou de probas adecuadas para fundamentala, con carácter inmediato, proporá a terminación do expediente sen declaración de responsabilidade, expresando as causas que a motivan.

Artigo 129º.-Actuacións complementarias.

Recibido o expediente disciplinario, o órgano competente para resolver, tras o exame do actuado, ditará resolución ou devolverao ao/á instrutor/a para que practique as dilixencias complementarias ou as que fosen omitidas que se consideren necesarias para resolver o procedemento ou, se é o caso, para que a persoa interesada formule unha proposta de resolución que inclúa unha cualificación xurídica de maior gravidade. Terminada a súa práctica, darase audiencia á persoa interesada.

Artigo 130º.-Resolución e a súa notificación.

1. A resolución que poña fin ao procedemento deberá ditarse conforme o previsto no artigo 115 da sección primeira deste capítulo, e deberá ser notificada á persoa interesada dentro dos dez días seguintes a aquel en que foi adoptada.

2. No caso de resolucións por faltas moi graves e nas graves cuxa sanción exceda de seis meses de suspensión, deberá poñerse en coñecemento da Comisión de Coordinación de Policías Locais, por ser o órgano consultivo e de participación en materia de coordinación.

Artigo 131º.-Caducidade e suspensión.

1. Se transcorridos seis meses desde a data do acordo de incoación do expediente non recaese resolución, producirase a caducidade do expediente.

2. Este prazo poderá suspenderse polo mínimo tempo imprescindible e, en todo caso, sen que poida exceder a duración prevista no artigo 42.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administraciós públicas e do procedemento administrativo común, mediante acordo do órgano competente para a incoación e a proposta do/a instrutor/a, nalgún dos seguintes casos:

a) Cando deban realizarse probas técnicas ou análises contraditorias ou dirimentes propostos pola persoa interesada.

b) Cando deban presentarse documentos e outros elementos de xuízo necesarios e polo seu volume ou complexidade non poidan realizarse razoablemente nos prazos establecidos. Se a presentación dos ditos documentos ou elementos de xuízo ten que realizala a persoa interesada, a suspensión requirirá a previa solicitude motivada e o acordo que a autorice deberá expresar o prazo de suspensión do procedemento para estes efectos.

c) Cando deban solicitarse informes preceptivos que sexan determinantes do contido da resolución a órganos do concello ou doutras administracións públicas.

Artigo 132º.-Execución.

1. As sancións disciplinarias executaranse segundo os termos da resolución en que se impoñan e no prazo máximo dun mes, salvo que, por causas xustificadas, se estableza outro distinto na dita resolución.

2. A falta de execución non producirá a prescrición da sanción, que operará nos prazos que, en función da súa gravidade, se determinan no artigo 85 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Artigo 133º.-Entrega da arma e documentación profesional.

Cando a sanción imposta como consecuencia do expediente disciplinario consista na suspensión de emprego ou separación do servizo, o funcionario/a fará entrega, de xeito inmediato, na xefatura do corpo de policía local, da arma regulamentaria coa súa correspondente guía, do documento de acreditación profesional e da placa emblema.

Artigo 134º.-Concorrencia de sancións.

Cando concorran varias sancións e non sexa posible o seu cumprimento simultáneo, este levarase a cabo por orde de maior a menor gravidade.

Título VI

Dos/as vixilantes municipais e dos/as auxiliares de policía

Artigo 135º.-Vixilantes municipais.

Os/as vixilantes municipais son persoal funcionario de carreira dos concellos respectivos, quedando expresamente prohibida calquera outra relación de prestación de servizos coa Administración local. En particular prohíbense as contratacións de natureza laboral, calquera que sexa o seu tipo e a súa duración, así como a cobertura de prazas con funcionarios/as interinos/as.

Artigo 136º.-Autorización excepcional para a contratación de auxiliares de policía.

1. Ao abeiro do disposto no parágrafo 7 do artigo 95 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a consellería competente en materia de seguridade, en determinados casos debida e obxectivamente xustificados, poderá permitir a contratación aos concellos dun número de auxiliares superior ao cincuenta por cento do persoal funcionario da policía local, e/ou por unha duración superior aos catro meses, que en todo caso non pode superar os seis meses dentro do ano natural.

2. Para o devandito permiso o/a alcalde/esa deberá presentar ante a unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais a correspondente solicitude en que se xustifique obxectiva e suficientemente a necesidade de superar os termos xerais de contratación previstos no parágrafo 1 do artigo 95 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

3. A dita unidade directiva instará do gabinete técnico previsto no artigo 20 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, a emisión dun ditame técnico previo sobre a procedencia da excepcionalidade na contratación.

4. Á vista do referido ditame técnico, correspóndelle á unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais resolver sobre o permiso solicitado e dirixir comunicación ao respectivo concello.

5. O prazo máximo para a emisión e comunicación ao concello do permiso é de dous meses, contados desde a data da súa solicitude.

6. En calquera caso, o gabinete técnico poderá solicitar do concello solicitante, a través da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, a achega de información complementaria. Facultade que tamén corresponde á unidade competente para os efectos de resolver o que proceda.

Disposición adicional

Desenvolvemento da descrición do cadro de probas médicas, das probas de aptitude física e dos temarios das probas de coñecementos.

Por orde da consellería competente en materia de seguridade determinarase o cadro médico que se aplicará nas probas médicas precisas para comprobar a idoneidade dos aspirantes a que se refiren os puntos cuartos dos artigos 18, 23, 28 e 56; fixarase a descrición e as normas para o desenvolvemento das probas de aptitude física, incluíndo o rango de valores en que se estima garantido o cumprimento do requisito de non discriminación en razón de sexo, previsto no artigo 35 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes; os temarios das probas de avaliación dos coñecementos, a que se refiren os puntos primeiros e segundos dos artigos 23, 28 e 56, e o artigo 47.3º b); e a determinación do temario recollido no artigo 32.2º relativo as dúas probas de coñecementos da fase de oposición nos procedementos de promoción interna para o acceso ás distintas categorías de policía local.

Disposición transitoria

Primeira.-Prazo para a adaptación dos corpos de policías locais ao previsto no artigo 28 da Lei 4/2007.

Os corpos de policía local creados con anterioridade á entrada en vigor da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, deberán adaptarse no prazo de sete anos desde a entrada en vigor deste decreto, ás exixencias previstas no seu artigo 28, respecto ás categorías e ao número mínimo de efectivos con que deberá contar un corpo de policía local, á estrutura de cada escala e ao número de categorías de cada unha, así como a obrigatoriedade de creación de categorías en función da poboación ou número de efectivos.

Segunda.-Prazo para a comunicación do cadro de persoal dos corpos de policías locais.

Para os efectos de dar cumprimento á obriga de comunicar a aprobación do cadro de persoal do corpo de policía local recollida no artigo 29 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, os concellos que xa dispoñan dun cadro de persoal aprobado, no prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto, deberán enviar á unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais o cadro de persoal aprobado.

Terceira.-Regulación do concurso-oposición e do curso de formación, para a integración dos/das vixilantes e auxiliares de policía ou interinos/as nos corpos de policía local.

1. De acordo co disposto na disposición adicional segunda da Lei 4/2007, os vixilantes e auxiliares de policía ou interinos que cumpran os requisitos que naquela se citan, integraranse no corpo de policía local existente ou no que se cree, tras a superación, nun prazo de dous anos desde a entrada en vigor da devandita lei, dun concurso-oposición do que, polo concello respectivo, se farán dúas convocatorias como máximo.

2. Este concurso-oposición, para o que os aspirantes que se mencionan no punto anterior estarán dispensados dos requisitos de idade e estatura previstos para a categoría de policía, desenvolverase de acordo co que se determine mediante orde da consellería competente en materia de seguridade.

3. En canto ao requisito de titulación, para facilitar a integración deste persoal, a Academia Galega de Seguridade Pública desenvolverá os cursos de dispensa dun grao na titulación exixida (bacharelato), o último dos cales deberá rematar no prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto.

4. Esta dispensa só terá validez para os efectos previstos desta disposición.

Cuarta.-Integración dos funcionarios/as dos corpos de policía local.

1. Para facilitar a posibilidade da integración do persoal funcionario que careza da titulación correspondente, e tamén para os efectos da promoción interna, pola Academia Galega de Seguridade Pública organizaranse, de resultar necesario, tres cursos de dispensa da titulación de bacharelato, e dous para as de diplomado e licenciado, que deberán desenvolverse no prazo de tres anos desde a entrada en vigor da Lei 4/2007. Os/as funcionarios/as que non superen o curso poderán participar novamente e por unha soa vez nun curso dunha convocatoria posterior; para os/as funcionarios/as que participen por primeira vez nun curso da última convocatoria e non o superen, a Academia Galega de Seguridade Pública realizará unha convocatoria extraordinaria.

2. Esta dispensa de titulación só poderá utilizarse para a promoción á categoría inmediata superior á que se posuía no momento da entrada en vigor da Lei 4/2007, para a que se exixa a titulación da que se dispensa, e a súa validez restrínxese para os efectos previstos nesta disposición.

3. Esta dispensa permitirá tamén participar nos concursos para a mobilidade horizontal entre os corpos de policía local de Galicia.

Quinta.-Equivalencia da antiga Medalla da Xunta de Galicia ao mérito da policía local.

As persoas titulares da antiga Medalla da Xunta de Galicia ao mérito da policía local, outorgada ao abeiro do disposto no Decreto 75/1997, do 10 de abril, polo que se crea a Medalla da Xunta de Galicia ao mérito da policía local, modificado polo Decreto 85/2006, do 18 de maio, gozarán dos honores e dereitos aos que se refire este decreto, debéndose facer constar tal circunstancia no rexistro previsto no artigo 101 deste decreto.

Sexta.-Prazo para a adaptación dos regulamentos internos dos corpos de policías locais ao previsto neste decreto.

No prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto todos os concellos deberán adaptar os regulamentos internos das súas policías locais ao previsto neste decreto.

Sétima.-Expedientes disciplinarios en trámite.

Os expedientes disciplinarios en trámite no momento da entrada en vigor deste decreto seguirán rexéndose pola normativa vixente na data da iniciación do procedemento.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Quedan derrogados o Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa en materia de coordinación de policías locais, no que se opoña ou contradiga ao disposto neste decreto, o Decreto 75/1997, do 10 de abril, polo que se crea a Medalla da Xunta de Galicia ao mérito da policía local e o Decreto 85/2006, do 18 de maio, polo que se modifica o Decreto 75/1997, do 10 de abril, polo que se crea a Medalla da Xunta de Galicia ao mérito da policía local.

Disposición derradeira

Primeira.-Aplicación e desenvolvemento.

Facúltase a consellería competente en materia de coordinación de policías locais, para ditar as disposicións necesarias, para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza