DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 30 de outubro de 2008 Páx. 19.872

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ANUNCIO do 16 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Montes de San Miguel de Pereira (O Pino-A Coruña).

En cumprimento do disposto polo artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Montes de San Miguel de Pereira (O Pino-A Coruña) e que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2008.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 2 de xullo de 2008, relativa á concentración parcelaria da zona de Montes de San Miguel de Pereira, no concello do Pino (A Coruña), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (clave 2005/0133)

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (actualmente Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias) iniciou, por petición dos veciños, un proceso de concentración parcelaria na parroquia de San Miguel de Pereira, no concello do Pino (A Coruña), que afecta unha superficie dunhas 494 hectáreas.

A devandita concentración parcelaria, que se atopa entre os proxectos recollidos no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I inclúese un resumo da actuación e das características da zona de concentración e no anexo II das medidas preventivas e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental presentado.

Mediante Resolución do 27 de novembro de 2006, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (publicada no DOG nº 10, do 15 de xaneiro de 2007), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria da referida zona; non consta a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 4 de febreiro de 2008 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias como órgano substantivo por razón da materia, no cal se inclúen os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza, así como o do técnico do distrito forestal III (por petición do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial da Consellería do Medio Rural na Coruña). Segundo indica o órgano substantivo no oficio de remisión do expediente, non consta emisión de informe por parte do Concello do Pino e do organismo autónomo Augas de Galicia no prazo legalmente establecido.

Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria da zona de Montes de San Miguel de Pereira, no concello do Pino (A Coruña), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da referida zona é ambientalmente viable sempre que:

Co fin de asegurar que se protexen os valores naturais de interese local -se é o caso-, se conte coa conformidade do Concello do Pino relativa á compatibilidade do proceso de concentración coas zonas clasificadas como solo rústico de protección de espazos naturais no Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, na súa ausencia, nas normas subsidiarias de planeamento.

Se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na dita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteriores condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicións adicionais ás anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, e non poderán comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A) Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria que se vai desenvolver na parroquia de San Miguel de Pereira (O Pino, A Coruña), na zona delimitada no plano Superficie de concentración. Plano nº 2 do estudo de impacto ambiental, que abrangue unha superficie dunhas 494 hectáreas.

B) Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Co fin de dar cumprimento ao estipulado no punto 8º do artigo 4 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, o proxecto de rede viaria da concentración parcelaria deberá contar co correspondente estudo acreditativo do seu impacto acústico.

No dito estudo, que se realizará segundo o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, determinarase a necesidade ou non de adoptar medidas protectoras naqueles puntos en que se puidesen superar os límites establecidos no anexo da citada Lei 7/1997, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello do Pino. Así mesmo, valorarase a necesidade ou non de establecer un plan de seguimento de ruídos.

2. Definirase a localización da zona destinada a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc, cos criterios sinalados no estudo de impacto ambiental, pero procurando que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

3. No caso de que existan sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o seu depósito. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. No caso de que nalgún dos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderá consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou en facer o foxo con un ou cos dous laterais abertos.

5. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindes arborizados, valados de pedra, sebes, etcétera. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de lindeiros dos predios de substitución aos citados elementos. Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos muros ou valados de pedra que vaian quedar sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador doutras novas parcelas.

6. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proceso de concentración parcelaria, no cal se desenvolvan e orcen detalladamente os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia xenérica no estudo ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderanse criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística, e terase en conta o seguinte:

En canto ás especies que se van empregar:

Serán autóctonas, tendo sempre presentes para a súa implantación as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que se vai restaurar e que proceda (xa sexan árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) da mesma zona ou outra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

Deben ser compatibles co hábitat en que se van implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etcétera), e factores bióticos.

Deben ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, e aplicarse, de ser o caso, os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose ademais, para acadar este obxectivo, os tratamentos que sexan necesarios (rareos, rozas, etcétera).

No caso de ser necesaria a eliminación dalgún pé de especies arbóreas autóctonas, procurarase que sexan replantadas na medida do posible, empregándoas na restauración. De todos modos, recoméndase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se vai restaurar e os hábitats presentes.

Preveranse, así mesmo, tal e como se sinala no estudo ambiental, as actuacións encamiñadas á restauración de ribeiras fluviais.

7. Redactarase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, incorporándolle aqueles aspectos que hai que controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como todos os derivados do cumprimento do informe condicionado desta DIA.

O dito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no informe condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou nas condicións da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberán designarse un/s responsable/s do control desta.

Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por un organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán estar asinados por un técnico da dita entidade.

Fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fases de execución e explotación.

1. Co fin de minimizar a emision de po á atmosfera durante a execución das obras, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións que transporten terra ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos durante o seu tránsito cara á zona de obras. Así mesmo, no caso de ser necesario, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello do Pino ao respecto.

3. Toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na súa zona de servidume e policía, así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisará da autorización ou permiso do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia. Neste sentido, deberán terse en conta en todo momento as limitacións e demais prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e no Regulamento do dominio público hidráulico (Real decreto 849/1986, do 11 de abril, modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio). Así mesmo, o proxecto deberá axustarse ás prescricións establecidas no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa (PHGC).

4. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria. Así mesmo, respectaranse os mananciais que existan na zona, e poderá ser parcialmente encanado o seu curso se resultase necesario para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.

5. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorrementos, chuvias ou enchentes de caudal.

6. Cando se leven a cabo movementos de terras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorremento ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

7. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas, a medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras. Así mesmo, no modelado dos noiros evitaranse as formas demasiado artificiais, procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, para favorecer así a integración coa paisaxe.

8. Non está permitido o lavado de maquinaria e útiles nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. A este respecto, levarase a cabo un plan de control da calidade das augas, tendo en conta o sinalado no punto C.1.8 desta DIA.

9. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, de estes se produciren, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

10. De ser preciso o emprego de formigón, evitarase a súa elaboración na propia obra e adquirirase xa preparado en plantas que conten coas debidas autorizacións.

11. Levarase a cabo un control topográfico dos límites da zona de concentración, dos predios de substitución e da traza dos camiños de concentración, evitando afeccións fóra destes límites, que se axustarán ao contido dos documentos a que se fai referencia no punto C.1.9 da DIA.

12. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria de obra realizaranse en talleres autorizados sempre que sexa posible, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), as ditas tarefas realizaranse na zona destinada a parque de maquinaria, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

13. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas, zonas húmidas, zonas hidromorfas ou con vexetación de interese, adoptando todas as medidas necesarias para a súa preservación, ademais das propostas no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

Evitarase a intervención simultánea sobre diversos cursos na mesma bacía, procurando graduar os traballos para evitar a acumulación de sólidos en suspensión no leito principal.

14. No caso de que se precise material de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de explotacións autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se vaian utilizar na construción de novos camiños (para as bases ou subbases ou para a pavimentación), proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

15. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao remate da obra.

16. Previamente ao depósito de sobrantes procedentes dos movementos de terra -se os houber- nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.2 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

17. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario, respectando sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución das obras. Procederase ao balizamento ou sinalización das masas e formacións vexetais de interese ambiental para evitar a súa eliminación. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.

18. En relación coa preservación do arboredo, observarase o indicado no estudo ambiental e o establecido nesta DIA. Non obstante, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e demais normativa de aplicación.

19. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

20. Se na zona de concentración existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.

21. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B.1.6 desta DIA, paralelamente ao avance da obra sempre que sexa posible, co fin de lograr o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras. Vixiarase a evolución da revexetación efectuada, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas.

22. Retirarase e acumularase a capa superior de terra vexetal (15-30 cm) dependendo da carga en materia orgánica, para a súa utilización no proceso de restauración. Estes amoreamentos realizaranse ao longo da traza dos camiños en montóns de altura non superior a 1,5 metros, para facilitar a súa aireación.

23. Previamente á revexetación efectuarase un acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e traballo superficial, retirando o exceso de pedras e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

24. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que existan na actualidade. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

25. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura, instalación ou servizo preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse ao estado previo ao inicio das obras.

26. Todos os residuos que se xeren, tanto na fase de execución como na de explotación, deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Neste sentido, adoptaranse as medidas oportunas para que os distintos residuos producidos se almacenen en condicións adecuadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo en todo caso que non se produzan afeccións ao ambiente.

27. Se, durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refire o punto B.1.7 desta DIA, se detectaren impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarallo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C) Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. No proceso de concentración parcelaria conservaranse integramente as áreas de ribeira que presenten Bosques aluviais residuais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), hábitat natural prioritario recollido no anexo I da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, co código 91E0*.

2. Ademais do anterior, consideraranse elementos e áreas sensibles que se deberán conservar o máximo posible as formacións de arboredo autóctono (especialmente se constitúen Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica -código 9230-), os cursos fluviais e a súa vexetación de ribeira aínda que non constitúa un hábitat 91E0, os ecosistemas intimamente ligados á auga (brañas de Alvarín, unidade ambiental 3) e as zonas húmidas (na zona detectouse a zona húmida Amena-2, que figura no Inventario das zonas húmidas de Galicia), as árbores -aínda que estean illadas- e monteiras singulares, as sebes, os lindeiros arborizados e arbustivos de límite entre parcelas (presentes, sobre todo, nas marxes dos camiños existentes na unidade ambiental 4 e nas unidades 1 e 2), os corredores ecolóxicos e ecotonos, as especies vexetais e faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas, os valados de pedra (algúns na unidade 4), a paisaxe agrícola tradicional galega e, de non estar

recollidas entre as anteriores, as áreas que figuran no plano nº 5 Lugares de interese paisaxístico do estudo de impacto ambiental.

3. No que respecta á protección dos pés de acivro Ilex aquifolium que puidesen atoparse na zona de concentración, observarase o disposto na Orde do 10 de decembro de 1984, lembrando que a especie está declarada protexida pola dita orde, o que supón prohibición da súa arrinca, corta, recollida ou desenraizamento.

4. Ao longo de todo o proceso de concentración, pero especialmente no deseño da rede viaria e dos predios de substitución, adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto ambiental e as establecidas nesta DIA, co fin de evitar ou minimizar a afección aos citados elementos. Terase en conta tamén a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer, que non deberá sufrir alteracións.

5. En relación coa protección do patrimonio cultural, observarase o seguinte:

Dado que no extremo nordés da zona de concentración se localiza un treito ben conservado do Camiño de Santiago que discorre entre prados, cultivos, montes e o Castro de Amenal, cunha área de protección xenérica de 100 m e unha de respecto de 200 m, e tendo en conta o establecido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural á vista do informe conxunto das ponencias de Arqueoloxía e de Arquitectura da Comisión de Patrimonio Histórico da Cidade e Camiño de Santiago con base na normativa vixente de protección do Camiño de Santiago e demais de aplicación, excluirase da área obxecto de concentración a zona sinalada no plano que figura no anexo III desta declaración, que toma como base o titulado Superficie de concentración. Plano nº 2 do estudo de impacto ambiental.

Establécense, así mesmo, as seguintes cautelas de carácter xeral:

a) Non se poderán realizar obras nin movementos de terras nos ámbitos de protección integral dos elementos do patrimonio cultural.

b) Nas áreas de respecto dos elementos do patrimonio cultural a apertura de novas pistas terá carácter excepcional e contará co informe previo e favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ao igual que calquera obra ou movemento de terra.

c) No deseño dos proxectos de camiños e de concentración parcelaria deberán terse en conta, adoptando as medidas oportunas para a súa conservación, preservación e recuperación, os antigos camiños e corredoiras, valados de pedra, muros de peche tradicionais, etc, que configuran tradicional e estruturalmente a paisaxe galega e caracterizan culturalmente o territorio.

d) Cando se definan os proxectos de rede viaria e de acondicionamento de predios, e previamente ao inicio das obras, deberá remitirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe, unha avaliación do impacto dos ditos proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona de concentración parcelaria.

e) Terase en conta que, unha vez emitido informe pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre os documentos sinalados no punto anterior, se deberá realizar un control e seguimento arqueolóxico con especial incidencia nas zonas de visibilidade reducida -sinaladas no estudo arqueolóxico- durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito dos proxectos da rede de camiños e de concentración parcelaria. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ao dito proxecto deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano no cal figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

f) Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se deberán revisar os impactos e valorar a aplicación das medidas correctoras.

g) Os traballos arqueolóxicos serán levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

6. A rede de camiños de concentración deberá deseñarse tendo conta todos os criterios indicados no estudo ambiental (especialmente os do punto 5.3., así como as condicións establecidas ao longo desta declaración e as seguintes medidas que matizan ou amplían as anteriores:

Aproveitarase o máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas. Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura e evitar a erosión.

Como norma xeral, os camiños que se proxecten non superarán un largo total, incluíndo foxo e beiravía, de 6 metros para os de acceso agrícola e de 8 metros naqueles que comuniquen parroquias ou núcleos entre si. En zonas de monte, o largo das pistas será o necesario para o mantemento dun uso forestal, sendo preferible que este largo sexa o mínimo que permita a manobra, e creando pola súa vez, cada certa distancia, zonas máis largas a modo de apartadoiros que permitan o xiro dos vehículos e a acumulación da madeira de corta ata o seu transporte.

Cando se trate de acondicionar camiños existentes, no caso de que discorran xunto a comunidades vexetais de interese, estas incluiranse no camiño, e pasarán a ser dominio público co obxecto de asegurar a súa persistencia.

Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria se deberán dispoñer as estruturas de drenaxe necesarias para iso, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

Á saída dos pasos de auga colocaranse dispositivos protectores ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas de drenaxe aos cursos naturais. A este respecto, deberá desenvolverse un plan de seguimento hidrolóxico durante as fases de obras e explotación, conforme o sinalado no punto C.1.8.

No caso de ser imprescindible cruzar cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando que os piares non se coloquen no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado del, lembrando en todo caso as limitacións e prescricións establecidas ao respecto na lexislación de augas e no PHGC) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando pasos tipo marco ou tubo co fin de manter os leitos no seu estado natural. En calquera caso, o deseño que se adopte deberá permitir o paso da fauna ictícola en datas de escaso caudal.

7. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser a aparición de edificacións ou peches, o abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos, roturacións ou cortas indiscriminadas, de vexetación ante a incerteza dos propietarios pola titularidade futura das parcelas.

Neste sentido, lembraráselles aos propietarios a obriga legal de obter autorización ou permiso para a corta de especies arbóreas, así como da existencia doutras limitacións ou obrigas establecidas na normativa vixente ao respecto (Lei 9/2002, modificada pola 15/2004, 43/2003, modificada pola 10/2006, 5/2006, 3/2007, 7/2007, Decreto 105/2006…), e procurarase telos informados en todo momento da marcha do proceso de concentración, establecendo canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso.

8. Ademais de cumprir co sinalado no punto B.1.7 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír ou prever os seguintes aspectos:

De acordo co sinalado no punto B.1.1 da DIA, en función das conclusións do estudo acústico elaborarase, se é o caso, un plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras, no cal constarán os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade dos controis e límites que se van impoñer, elixindo como puntos de control as vivendas ou edificacións habitadas máis próximas ás zonas onde estea previsto executar obras. Este plan de seguimento basearase no disposto no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Teranse en conta, como mínimo, os seguintes parámetros: pH, temperatura, materias en suspensión, osíxeno disolto, condutividade e presenza de hidrocarburos.

Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación.

Terase en conta que, previamente ao inicio das obras, se deberán levar a cabo as campañas preoperacionais dos plans de seguimento do nivel de ruído e de control da calidade das augas. Os resultados das ditas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental (tanto os da fase de obras como os de explotación) para comparalos cos datos que se obteñan en cada período de seguimento.

9. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitirá a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración parcelaria, que incluirá, sen prexuízo do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, o proxecto da rede de camiños de concentración (con indicación das alternativas estudadas ao respecto) e un anexo específico en que se documente adecuadamente a inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias propostas no estudo de impacto ambiental como todas as cuestións derivadas do cumprimento das condicións desta DIA.

C.2. Fase de execución.

1. Serán obxecto de especial atención, no tocante á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, así como obxecto dun intenso seguimento e vixilancia ambiental, os elementos e áreas sensibles sinaladas ao longo do punto C.1 da DIA.

2. Dado que entre as aves rapaces presentes na zona de estudo figura a tartaraña cincenta (Circus pygargus), que nidifica sobre o solo e polo tanto é susceptible de verse afectada polo proceso de concentración, estableceranse os controis oportunos para a detección de posibles parellas reprodutoras nas áreas que vaian ser afectadas polas obras.

No caso de detectarse a nidificación, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, que poden incluír o establecemento dun perímetro de protección duns 500 m de raio ao redor do niño onde se evitará calquera actuación ata que finalice o período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona afastada) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.

3. No referente aos labores de corta de arboredo, previamente á súa execución verificarase a ausencia de avifauna nidificante de interese nos pés implicados. En caso afirmativo, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor.

En especial, atenderase á presenza de aves rapaces (na zona detectáronse, entre outras, azor, gabián, miñato e millafre negro), moitas de cuxas especies teñen figuras legais de protección ou figuran en diversos catálogos e publicacións (Catálogo provisional de aves nidificantes amenazadas en Galicia, Libro Rojo de las Aves de España) que poñen de manifesto a importancia da súa conservación.

4. Con carácter xeral, e tal e como se sinala no estudo de impacto ambiental, evitarase que as obras coincidan coas épocas de maior afección aos ciclos vitais das especies sensibles presentes na zona de concentración.

5. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se fai referencia ao longo desta DIA e, como órgano substantivo, observará o disposto no artigo 18 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido de la Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Durante a fase de obras elaboraranse os seguintes informes de seguimento, cos contidos mínimos que se sinalan a continuación:

a) Semestralmente:

Informe de avance das obras (que inclúa cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto de concentración, acompañado de plano en planta no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

Memoria do seguimento ambiental realizado en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e nesta DIA, que inclúa os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico, e control da presenza de parellas reprodutoras de Circus pygargus ou doutras aves de rapina do xénero Circus. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, incidencias ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra e sobrantes de terra, etc. O informe reflectirá o cumprimento desta declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados no punto C.1 da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, e deberán ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, na cal quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA. Descrición detallada do estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Describiranse, así mesmo, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, hábitats naturais e demais formacións e áreas de interese sinaladas no punto C.1 da DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración e das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e hora, e estarán acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante a adopción de criterios de sustentabilidade ambiental no uso das parcelas asignadas a cada propietario.

Por outra banda, procurarase que os usos actuais non cambien dun xeito radical, en especial a transformación de terreo forestal en agrícola, para evitar modificacións substanciais do balance hídrico da zona. Así mesmo, atenderase a outras posibles limitacións ou obrigas legais en canto ao uso dos predios de substitución, tendo en conta a normativa a que se fai referencia na epígrafe C.1.7 da DIA e o respecto aos elementos e áreas sensibles indicados ao longo da epígrafe C.1 da declaración.

Neste sentido, considérase de especial importancia o desenvolvemento de accións de información e asesoramento ambiental aos propietarios dos predios, tal e como se sinala no estudo ambiental, co obxecto de que sexan coñecedores dos valores ambientais e culturais que poidan albergar os seus predios de substitución. Así mesmo, os propietarios/usuarios dos predios deberán coñecer e poñer en práctica as medidas contidas no Código galego de boas prácticas agrarias, de cara a un aproveitamento das parcelas máis respectuoso co ambiente.

2. Dada a natureza basicamente forestal dos terreos obxecto de concentración, teranse en conta, así mesmo, as seguintes medidas:

O deseño das repoboacións procurará evitar a continuidade de masas monoespecíficas de eucalipto ou piñeiro para impedir unha doada propagación de incendios forestais. En concreto, non se realizarán plantacións de eucalipto nas bandas de protección dos cursos fluviais, nin tampouco en zonas con pendente superior ao 40%. Tamén se desaconsellan as plantacións de piñeiros nestas bandas.

Respectaranse as distancias mínimas establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, e tomaranse as medidas necesarias para manter as faixas de especial protección. Aproveitarase o proceso de concentración para deseñar e executar, na medida do posible, as ditas faixas, especialmente no referente ao núcleo rural principal e na banda de 50 metros ao redor dos primeiros predios destinados a uso agrario. Non se poderán realizar repoboacións forestais en solo urbano e núcleos rurais, nin en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pasteiros, con independencia da súa cualificación urbanística. Só se poderán realizar repoboacións con frondosas autóctonas en zonas agrícolas cando estean previstas nun plan de ordenación de cultivos e forestal, sempre e cando non interfiran no desenvolvemento agrario da zona.

Levaranse a cabo boas prácticas forestais, que incluirán:

Promoveranse as masas mixtas de frondosas autóctonas.

Durante as cortas evitaranse danos nas frondosas autóctonas que non sexan obxecto de aproveitamento.

Fomentarase a función recreativa e social das zonas forestais máis próximas aos núcleos rurais.

Procuraranse evitar as queimas controladas.

Minimizaranse os impactos paisaxísticos racionalizando as superficies de corta e deixando pequenas monteiras maduras que interrompan a uniformidade da corta.

3. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

4. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que, como mínimo, inclúa:

Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, poboación reprodutora de Circus pygargus tras o proceso de concentración, estado das vías da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.

Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, referida a todos os seus elementos, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

De ser o caso, incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realizarán en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

ANEXO I

Resumo da actuación e das características da zona de concentración

Preténdese levar a cabo un proceso de concentración parcelaria en terreos de monte non concentrados da parroquia de San Miguel de Pereira, pertencente ao concello do Pino (A Coruña) co obxecto de establecer unha nova ordenación da propiedade coas dimensións suficientes e as estruturas adecuadas ás aptitudes agronómicas dos seus terreos. Case un 87% dos predios actuais contan cunha superficie inferior a 0,5 ha. A superficie obxecto de estudo comprende toda a parroquia (unhas 702 ha) pero o perímetro da zona que se vai concentrar abrangue unhas 494 ha.

O proceso desenvolverase en tres fases: formulación, execución e explotación. As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son a execución da rede de camiños de concentración parcelaria e o acondicionamento dos predios de substitución.

A rede hidrográfica da zona que se vai concentrar é escasa e está constituída polo río Amenal e os seus afluentes. Nun contexto máis amplo, o concello do Pino pertence á bacía do río Tambre, sendo este curso e o río Mera os dous máis relevantes do termo municipal. No tocante ás unidades de vexetación, os terreos obxecto de concentración comprenden parcelas ocupadas por monte, maiormente de piñeiro e eucalipto, que se mesturan nalgunhas zonas (valgas, marxes de camiños e contorno dos cursos fluviais) con monteiras de carballos, castiñeiros e bidueiros. No resto da zona de concentración atópase un mosaico de cultivos e pasteiros no contorno dos núcleos de poboación, unha zona xa concentrada ao nordés da parroquia e zonas con hidromorfía elevada no contorno do núcleo de Alvarín (na confluencia do río Amenal con dous dos seus afluentes) nas cales aparecen brañas e pasteiros xunto con salgueiros nas marxes dos regatos.

ANEXO II

Resumo das medidas preventivas e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental

Na epígrafe de medidas de integración ambiental do estudo de impacto ambiental inclúense unha serie de medidas protectoras, correctoras e compensatorias agrupadas baixo as seguintes epígrafes:

Sobre a conformación dos predios de substitución, masas comúns e terreos forestais.

Recomendacións respecto á rede de camiños.

Medidas de carácter xenérico para as obras.

Medidas sobre o parque de maquinaria.

Medidas sobre os movementos de terras.

Medidas sobre áreas de préstamo e restauración de canteiras.

Actuacións sobre sectores de ribeira.

Medidas respecto á corta de material vexetal.

Medidas tendentes á atenuación da contaminación acústica.

Medidas sobre xacigos arqueolóxicos.

Medidas respecto á simplificación da toponimia.

Accións xerais de formación.

Ver referencia pdf "21100D040P104.PDF"