DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 03 de decembro de 2008 Páx. 21.577

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 263/2008, do 13 de novembro, polo que se declara paisaxe protexida o val do río Navea.

O Convenio europeo da paisaxe, feito en Florencia o 20 de outubro de 2000 e ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008 (Boletín Oficial del Estado do 5 de febreiro) establece no seu artigo 1 que por paisaxe entenderase calquera parte do territorio tal e como a percibe a poboación, cuxo carácter sexa o resultado da acción e a interacción de factores naturais e/ou humanos. O citado artigo indica tamén que por protección da paisaxe se entenderán as accións encamiñadas a conservar e manter os aspectos significativos ou característicos dunha paisaxe, co fin de guiar e harmonizar as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, inclúe as paisaxes protexidas entre as categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 34 desta lei sinala que as paisaxes protexidas son aquelas partes do territorio que as administracións competentes, a través do planeamento aplicable e de acordo co Convenio europeo da paisaxe, consideren merecentes dunha protección especial polos seus valores naturais, estéticos e culturais. A xestión das paisaxes protexidas terá como obxectivos principais a conservación dos valores singulares que as caracterizan, así como a preservación da interacción harmoniosa entre a natureza e a cultura desa zona.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.30º, a competencia exclusiva da nosa comunidade autónoma para ditar normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1º.23 da Constitución. No exercicio desta competencia o Parlamento de Galicia aprobou, entre outras, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, co fin de preservar e ordenar todos os elementos que a configuran no marco do desenvolvemento sustentable, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, por canto transcende os eidos ambientais, culturais, sociais e económicos. Con suxeición ao establecido no artigo 5 desta lei, os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adoiten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza ten por obxecto establecer as normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e a axeitada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da Comunidade Autónoma galega, da difusión dos seus valores, así como a súa preservación para as xeracións futuras. A citada lei inclúe as paisaxes protexidas entre as categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 15 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, sinala que as paisaxes protexidas son espazos que, polos seus valores singulares, estéticos e culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, o merecentes dunha protección especial. O réxime de protección das paisaxes protexidas estará dirixido expresamente á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais coma socioeconómicos que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.

O val do río Navea esténdese polos municipios de San Xoán de Río e A Pobra de Trives, na provincia de Ourense, erixíndose nun corredor fluvial que serve de conexión entre o macizo central ourensán e o sistema fluvial Miño-Sil. O río Navea presenta unha bacía de 260 km2 e os seus nacentes sitúanse nos altos do Gancedo, a 1.260 metros de altura, na Serra de San Mamede, concello de Laza, e posteriormente discorre por terras do concello de Chandrexa de Queixa. A bacía alta do Navea intégrase dentro do Lugar de Importancia Comunitaria e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais do Macizo Central. Neste mesmo espazo atópase o curso natural do Navea que parte do encoro de Chandrexa ata augas arriba do encoro das Guístolas, e dous dos seus tributarios. A bacía baixa do río Navea configúrase nun amplo val, de profundas pendentes, ao longo do concello de Chandrexa de Queixa, para despois formar o límite entre este e A Pobra de Trives. Posteriormente o curso do Navea establecerá o límite

entre A Pobra de Trives e o concello San Xoán de Río, para finalmente discorrer no seu último treito integramente pola Pobra de Trives. O treito final do Navea vén caracterizado pola unión co río Bibei, pouco antes de que este verta a augas no Sil, preto da localidade da Ponte Nova.

A paisaxe do tramo baixo é característica dun val fluvial que discorre fortemente encaixado entre grandes unidades montañosas, conformadas por lousas, xistos e cuarcitas. Ao longo dos séculos a acción erosiva das augas e a crueza dos episodios fríos acaecidos ao longo do Cuaternario, modelaron e configuraron este val, condicionando igualmente a súa vexetación, a súa fauna e a súa flora. As abruptas ladeiras aparecen cubertas na actualidade por herbeiras, matogueiras e amplas áreas dominadas por bosques autóctonos, que se corresponden con diversos tipos de hábitats de interese comunitario de acordo co esquema establecido na Rede Natura 2000. A altitude e a pendente determinan que os bosques naturais do Navea conformen un ecosistema singular, persistindo grandes superficies ocupadas por bosques antigos, a fraga, onde predominan os rebolos (Quercus pyrenaica), carballos (Quercus robur) e castiñeiros (Castanea sativa), e alberga unha grande diversidade de especies nemorais, bidueiros

(Betula alba), abeleiras (Corylus abellanea), amieiros (Alnus glutinosa), pradairos (Acer pseudoplatanus), salgueiros (Salix spp.), cerdeiras bravas (Prunus avium). Tamén existe unha importante superficie ocupada por soutos, bosques seminaturais de castiñeiros (Castanea sativa).

A fauna componse dun nutrido conxunto de taxons, conformado por tritóns comúns e verdes (Triturus boscai e T. marmoratus), sapo raxado (Discoglossus galganoi), a estroza (Hyla arborea), rá dos regos (Rana iberica), cobras de auga (Natrix natrix), lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), miñato queimado (Milvus nigrans), choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax), falcón peregrino (Falco peregrinus), cucos (Cuculus canorus), peto real (Dendrocopus majus), picapeixe (Alcedo atthis), lavancos reais (Anas platyrhynchos) ou aguias albelas (Circaetus gallicus). Entre os mamíferos pódese destacar a lontra (Lutra lutra), o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), a marta (Martes foina), a xineta (Genetta genetta), o xabaril (Sus scrofa) e o corzo (Capreolus capreolus).

A protección e a conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da Constitución e unha necesidade para asegurar a supervivencia dos nosos ecosistemas. As características e os singulares valores naturais, estéticos e culturais que presenta o val do río Navea son merecentes dunha protección especial e xustifican plenamente a súa declaración como paisaxe protexida.

Segundo establece o artigo 36 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e o artigo 24 da lei 9/2001, do 21 de agosto, corresponde á Xunta de Galicia, mediante decreto, a declaración das paisaxes protexidas situadas no noso territorio. De acordo co establecido nestes artigos, este decreto ten por obxecto a declaración do val do río Navea como paisaxe protexida e o establecemento dun réxime de protección especial para este espazo natural.

Polo exposto e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e tras a deliberación do consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de novembro do dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración.

De conformidade co establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, declarase paisaxe protexida o val do río Navea. Esta declaración producirá os efectos sinalados na sección terceira do capítulo IV do título I desta lei.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

1. Aplicáselle á paisaxe protexida do val do río Navea o réxime xurídico dos espazos naturais protexidos previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza co fin de conservar e protexer os importantes valores naturais que presenta en canto á singularidade da súa xea, fauna e flora, así como respecto á dos seus propios ecosistemas e hábitats naturais e a singular beleza da súa paisaxe.

2. A paisaxe protexida do val do río Navea quedará incluída na Rede galega de espazos protexidos.

Artigo 3º.-Extensión e límites.

A paisaxe protexida do val do río Navea, cunha superficie aproximada de 691 hectáreas, esténdese polos concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives, na provincia de Ourense. A extensión e os límites deste espazo natural protexido aparecen recollidos nos anexos I e II deste decreto.

Artigo 4º.-Localización.

A paisaxe protexida do val do río Navea encádrase nas seguintes coordenadas en proxección UTM (fuso 29 T): 640179, 4693520. 645025, 4693520. 645025,4690000. 640179, 4690000.

Artigo 5º.-Actividades.

Dentro da paisaxe protexida do val do río Navea procurarase o mantemento das prácticas de carácter tradicional que contribúan á conservación e preservación dos valores e recursos naturais do val do río Navea.

Artigo 6º.-Xestión.

1. De conformidade co establecido no artigo 41 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a consellería competente en materia de ambiente será responsable da xestión da paisaxe protexida do val do río Navea.

2. Sen prexuízo do establecido no punto segundo do artigo 34 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a xestión da paisaxe protexida do val do río Navea perseguirá os seguintes obxectivos:

a) En xeral, a conservación e a protección dos elementos desta paisaxe.

b) A conservación da vexetación arbórea, especialmente a dos bosques mesófilos.

c) A conservación e protección das especies de flora e fauna e dos seus hábitats, especialmente as que se atopen incluídas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

d) Fomentar o coñecemento e o respecto dos seus valores naturais.

e) Promover a realización de programas de investigación e de educación ambiental da paisaxe protexida do val do río Navea.

f) Promover un desenvolvemento económico e turístico desa zona que sexa respectuoso co ambiente.

g) Alcanzar unha relación harmoniosa dos habitantes do val do río Navea co medio natural.

h) O mantemento desta zona como corredor biolóxico entre o macizo central e o sistema fluvial Miño-Sil.

Artigo 7º.-Suspensión de actividades.

A consellería competente en materia de conservación da natureza instará a suspensión de toda actividade que non dispoña da preceptiva autorización, que non se axuste ás condicións da autorización outorgada, que incumpra o establecido nesta disposición administrativa, na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza ou calquera outra actividade que atente contra a conservación e a protección da paisaxe protexida do val do río Navea.

Artigo 8º.-Avaliación de impacto ambiental.

1. A avaliación ambiental dos plans e programas que incidan no ámbito territorial da paisaxe protexida val do río Navea que, segundo a lexislación sectorial vixente, deban someterse a este procedemento farase con observancia do establecido no número 5 do artigo 10 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

2. As entidades promotoras de actividades e proxectos de obras e infraestruturas suxeitas á avaliación de impacto ambiental que incidan no ámbito territorial desta paisaxe protexida deberán incorporar, no estudo de impacto ambiental dese proxecto un estudo de impacto e integración paisaxística, conforme prevé o artigo 11.1º da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

3. O contido do estudo de impacto e integración paisaxística axustarase ao establecido no punto segundo do artigo 11 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Artigo 9º.-Plan de acción da paisaxe.

1. De acordo co establecido no artigo 12 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, elaborarase un plan de acción da paisaxe para a protección, xestión e ordenación da paisaxe protexida do val do río Navea. Este plan de acción da paisaxe integrarase no plan de conservación da paisaxe protexida do val do río Navea que elabore e aprobe a consellería competente en materia de ambiente.

2. O plan de acción da paisaxe axustarase ás determinacións contidas nas directrices de paisaxe para o val do río Navea elaboradas pola consellería competente en materia de ambiente, conforme os obxectivos de calidade paisaxística establecidos e incluirá ademais unha proposta de medidas para o mantemento, a mellora, a recuperación e rexeneración da paisaxe do val do río Navea.

Artigo 10º.-Potestade sancionadora.

A vulneración do réxime de protección establecido para a paisaxe protexida do val do río Navea, así como a inobservancia do plan de conservación desta paisaxe protexida ou da normativa que regula os espazos naturais protexidos, serán sancionadas de conformidade co disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, con suxeición ao procedemento legalmente establecido.

Disposición adicional

Con suxeición ao establecido no número 3º do artigo 23 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no prazo de dous anos desde a entrada en vigor deste decreto, a consellería competente en materia de ambiente aprobará o plan de conservación da paisaxe protexida do val do río Navea.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro do dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Límites da paisaxe protexida do val do río Navea nos termos municipais de San Xoán de Río e A Pobra de Trives na provincia de Ourense.

Límites: polo suroeste, desde o punto con coordenadas UTM, fuso 29 e datum ED50, (640926; 4690304) na estrada C-536 seguindo cara ao norte bordeando o terraplén da antiga estrada ata cruzarse coa liña eléctrica e seguindo por ela ata cruzarse coa estrada OU-0706. Continúa cara ao norte pola estrada ata o punto de coordenadas (6400504; 4690700) a partir do cal bordea a repoboación ata cruzarse coa pista da ruta da Fraga. Continúa por ela cara ao oeste ata o punto de coordenadas (640568; 4691129) en que continúa polo camiño que segue cara ao norte antes dun alpendre, ata o punto de coordenadas (640568; 4691249), a partir do cal segue en liña de máxima pendente ata un regato, nas coordenadas (640540; 4691337), polo que continúa cara ao nordés ata cruzarse cun camiño nas coordenadas (640916; 4691638). Continúa polo camiño cara ao noroeste ata que no punto de coordenadas (640576; 4691784) crúzase con outro camiño que cruza a vila de Domecelle. Continúa cara ao norte por ese camiño ata

chegar á estrada OU-0706, continuando por ela cara ao oeste, ata cruzarse co regato Lentellas. Segue a partir de aí polo regato ata o punto de coordenadas (641033; 4692313), no que continúa por un afluente del ata chegar a unha curva da estrada que vai de San Xoán de Río a Navea no punto de coordenadas (640962; 4692902). Desde ese punto toma esa estrada en dirección ao nordés ata chegar ao punto (641345; 4693013), en que bordea as naves de vacún existentes ata tomar outra vez a estrada no punto de coordenadas (641394; 4693131), continuando por ela ata cruzarse cun regato nas coordenadas (641280; 4693287), antes de chegar á vila de San Miguel. Toma o regato cara ao leste ata o punto (641886; 4693191), onde ascende cara ao nordés por un afluente seu. Ao chegar a estrada que vai de San Xoán de Río a Navea, colle cara ao sueste pasando pola vila de Valdonedo ata chegar ao punto de coordenadas (643836; 4693141), seguindo pola divisoria de augas ata cruzar o río Navea no punto (644046;

4692695), continuando por el cara ao nordés ata o punto (644242; 4692950). A partir de alí vai polo barranco ata chegar á canle da Ponte Nova no punto de coordenadas (644965; 4692373), ata cruzarse cun camiño no punto (644118; 4691906), continúa por el cara ao sur ata cruzarse coa liña eléctrica no punto (644380; 4691737). Segue por ela cara ao sueste ata o punto (643940; 4691461), en que continúa pola liña con que se cruza cara ao oeste, ata o punto (643265; 4691399), en que vai pola estrada C-536 cara ao noroeste ata chegar ao punto (643186; 4691517), en que toma un camiño existente cara ao oeste ata chegar a unha pista na coordenada (642329; 4691723). A partir de aí colle en liña de máxima pendente ata o cumio (642144; 4691784), e novamente cara á vila de Pena Folenche ata o punto de coordenadas (642101; 4691607), onde toma o camiño que bordea parte da vila ata que se cruza no punto (642011; 4691481), co camiño da ruta dos sequeiros. Bordeamos a vila. No punto (641869; 4691187),

toma cara ao sur un camiño ata o punto en que se cruza coa estrada que vai de Pena Folenche a San Mamede de Trives. Desde ese punto segue cara ao sur por esa estrada ata o punto (641905; 4690375), onde continúa pola liña eléctrica cara ao sueste ata o punto (641226; 4690021). A partir de aí continúa cara ao noroeste por outra liña eléctrica ata o punto onde colle polo camiño ata chegar novamente á estrada C-536.

Ver referencia pdf "23500D007P037.PDF"