A Orde do 27 de maio de 2008 pola que se convocan subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos para o exercicio 2008 (DOG nº 107, do 4 de xuño de 2008) expresa un importe máximo das subvencións no ámbito rural de 4.850.000 , para o exercicio 2008 na aplicación 17.02.451A.780.0., e un importe máximo das subvencións a familias e institucións sen fin de lucro en conxuntos históricos de 2.050.000 na aplicación 17.02.451A.780.2.
Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da citada orde de convocatoria comprobouse que o importe total solicitado para estas axudas, no exercicio 2008, supera amplamente o crédito inicial dispoñible para esta orde, e non se pode atender a demanda dunha gran parte das solicitudes presentadas.
Por outra banda, da Orde do 13 de febreiro de 2008 de importe máximo das axudas para o exercicio 2008 ao abeiro do Decreto 228/2002, do 20 de xuño, para rehabilitación protexida no medio rural resultou un remanente de 1.190.746 . Da Orde do 13 de febreiro de 2008 de importe máximo das axudas para o exercicio 2008 ao abeiro do Decreto 295/2002, do 17 de outubro, para reconstrución protexida no medio rural resultou un remanente de 178.038 . Da Orde do 19 de febreiro de 2008 de importe máximo das axudas para o exercicio 2008 ao abeiro do Decreto 234/2003, do 3 de abril, para rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos resultou un remanente de 152.123,09 .
Os citados remanentes de crédito resultantes na aplicación 17.02.451A.780 pódense dedicar a suplementar o déficit da convocatoria citada.
Considerando o anterior cómpre ampliar o crédito inicial da Orde do 27 de maio de 2008, cos remanentes sobrantes das mencionadas ordes de importe máximo do 13 e do 19 de febreiro de 2008 coa finalidade de achegar ás axudas ao maior número de persoas beneficiarias posibles.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,
DISPOÑO:
Artigo único.
Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima, para a anualidade de 2008 das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 27 de maio de 2008, polos seguintes importes e aplicacións: subvencións en ámbito rural, aplicación 17.02.451A.780.0 por un importe de 1.036.309 e subvencións a familias e institucións sen fin de lucro en conxuntos históricos na aplicación 17.02451A.780.2, por un importe de 484.598,09 .
Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes, resultando da existencia de remanentes doutras convocatorias con cargo aos mesmos créditos e programa, e non procede, polo tanto, a apertura dunha nova convocatoria.
Disposición derradeira
Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2008.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo

