DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 11 de decembro de 2008 Páx. 22.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 2 de decembro de 2008 pola que se lle dá publicidade ao acordo entre a Consellería de Traballo e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral polo que se lle encomenda ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral o desenvolvemento material de diferentes actividades relacionadas coa tramitación de expedientes e rexistro de datos en aplicación do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables ao traballo con risco de exposición ao amianto.

Para os efectos previstos no artigo 15.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acórdase darlle publicidade ao acordo entre a Consellería de Traballo e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral polo que se lle encomenda ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral o desenvolvemento material de diferentes actividades relacionadas coa tramitación de expedientes e rexistro de datos en aplicación do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballo con risco de exposición ao amianto, e que recolle no anexo a esta orde.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

ANEXO

Acordo polo que se lle encomenda ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral o desenvolvemento material de diferentes actividades relacionadas coa tramitación de expedientes e rexistro de datos en aplicación do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballo con risco de exposición ao amianto

En Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2008.

Reunidos:

Dunha parte, Ricardo Jacinto Varela Sánchez, conselleiro de Traballo, en nome e representación da consellería en virtude do Decreto 213/2005, do 3 de agosto, do seu nomeamento e intervindo no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

E, de outra parte Miguel Martínez Losada, director do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en nome e representación del, en virtude do Decreto 21/2008, do 21 de febreiro, do seu nomeamento e intervindo no exercicio das facultades que lle confire o artigo 3 do Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Manifestan:

O Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, incorporou ao ordenamento xurídico español a Directiva 2003/18/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de marzo de 2003, ao tempo que adaptou a nosa normativa en relación á protección dos traballadores fronte aos riscos derivados da exposición laboral ao amianto e corrixiu a dispersión e complexidade da regulación española sobre esta materia.

O capítulo segundo do Real decreto 396/2006 recolle diferentes obrigas do empresario en diferentes aspectos, entre eles a elaboración dun plan de traballo que debe ser presentado antes de cada traballo con risco de exposición ao amianto e que debe aprobar a autoridade laboral logo de seguir os trámites pertinentes. Ademais, o capítulo terceiro baixo a rúbrica disposicións varias, regula a obriga de se inscribir no rexistro de empresas con risco por amianto dos órganos correspondentes da autoridade laboral, así como o rexistro e tratamento de diferente datos e arquivo de documentación que tamén se lle atribúen á autoridade laboral.

Os centros provinciais de seguridade e saúde laboral, que dependían orgánica e funcionalmente da consellería competente en materia de traballo, viñan realizando diferentes actividades relacionadas co rexistro de empresas con risco por amianto, en concreto coa tramitación e arquivo de expedientes relativos a plans de traballo, e coa recepción, remisión e arquivo das fichas para o rexistro de datos da avaliación da exposición nos traballos con amianto.

A Lei 14/2007, do 30 de outubro, crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) como organismo autónomo adscrito organicamente á consellería competente en materia de traballo, e configúrao como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais. A súa entrada en vigor supuxo a integración dos centros provinciais de seguridade e saúde laboral no ISSGA.

Tendo en conta as tarefas que estes centros provinciais viñan desenvolvendo, e que a Lei 14/2007 inclúe no seu artigo 4 f) entre as funcións do instituto a de prestarlle colaboración, asesoramento técnico e coordinación á autoridade laboral, por razóns de eficacia na súa xestión, considérase conveniente que os devanditos centros continúen a desenvolver este labor. Xa que agora non dependen organicamente da autoridade laboral, cómpre establecer os mecanismos da dita colaboración.

Por todo o exposto, acordan a sinatura dun acordo, de acordo coas seguintes

Cláusulas:

Primeira.-Encomendarlle ao ISSGA o desenvolvemento material de diferentes actividades relacionadas coa tramitación de expedientes e rexistro de datos en aplicación do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, nos termos que deseguido se indican:

a) Recepción de fichas de inscrición e de solicitudes de baixa no rexistro de empresas con risco por amianto, práctica dos asentos neste rexistro e comunicacións que sexa mester realizar en relación ás ditas inscricións ou baixas.

b) Recepción de plans de traballo de amianto para a súa aprobación e xestión dos trámites a seguir ata a súa resolución, incluíndo a solicitude do informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social, os requirimentos e comunicacións de diferente índole que se deban realizar aos interesados e as notificacións das resolucións ditadas pola autoridade laboral.

c) O arquivo de plans de traballo aprobados e das fichas para o rexistro de datos da avaliación da exposición así como o envío a outros órganos das resolucións aprobatorias dos plans e das fichas para o rexistro de datos da avaliación da exposición.

d) A elevación á autoridade laboral da proposta para que o/a delegado/a provincial da consellería substantiva resolva a aprobación ou denegación das inscricións e, se é o caso, os plans de traballo.

Segunda.-Esta encomenda establécese con carácter indefinido.

Terceira.-A Dirección Xeral de Relacións Laborais e as delegacións provinciais da Consellería de Traballo prestarán toda a colaboración que sexa precisa en relación coas actuacións que se recollen nesta resolución.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá supervisar, cando o considere conveniente, a efectividade do cumprimento das cláusulas que contén esta resolución.

Esta encomenda ao ISSGA non supón a cesión da titularidade das competencias que ten atribuídas a autoridade laboral nin dos elementos substantivos do seu exercicio.

E, en proba de conformidade con canto antecede, asinan o presente convenio na data e lugar arriba indicados.

Ricardo Varela Sánchez, conselleiro de Traballo. Miguel Martínez Losada, director do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.