DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 18 de decembro de 2008 Páx. 22.522

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Preámbulo

I

A igualdade de oportunidades no acceso ao benestar e á participación social é unha vella aspiración do pobo galego e da humanidade enteira, expresada nas máis nobres loitas, movementos e utopías que mobilizaron a mulleres e homes de todas as épocas que nos precederon. O artigo 25 da Declaración universal dos dereitos humanos expresa de maneira sintética esta arela de dignidade cotiá na vida de todo ser humano, cando afirma que todas e todos terán dereito a «un nivel de vida digno que lles asegure, xunto coa súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e mais os servizos sociais necesarios».

Esa tensión cara ao establecemento dunha auténtica cidadanía social, ademais da xa consagrada cidadanía política, trasladouse ás constitucións europeas do século pasado. Así, no artigo 9.2 da Constitución española séntanse as bases dun novo modelo de estado social, no que os poderes públicos quedan compelidos a desenvolver accións positivas que creen as condicións necesarias para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social.

Introdúcese así unha nova dimensión de fondo calado político, desde o momento no que os poderes públicos non son observadores neutrais nin se limitan a paliar as consecuencias das situacións inicuas que afectan a cidadanía, especialmente as que o fan de maneira selectiva e continuada no tempo. Ben ao contrario, os poderes públicos están obrigados a actuar positivamente en favor das e dos que quedan ou están en risco de quedaren á marxe da sociedade e a crear as condicións para que todas as persoas gocen dunha real igualdade de oportunidades.

Sobre ese principio foron construíndose os diversos sistemas de benestar do novo estado social, que, ademais, pola súa peculiar diversidade, foron tomando formas diferenciadas, en función do exercicio de competencias exclusivas polas diversas nacionalidades ou rexións que o compoñen. Un deses ámbitos, o social, correspóndelle como competencia exclusiva á Comunidade Autónoma galega, tal como se deduce do artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Tendo en conta estas premisas, o Parlamento de Galicia manifestou a súa vontade de establecer unha regulación legal propia en materia de servizos sociais, mediante a aprobación da Lei 3/1987, do 27 de maio, e posteriormente mediante a Lei 4/1993, do 14 de abril. Estas leis, especialmente a última das citadas, posibilitaron o nacemento e posterior desenvolvemento dun sistema de servizos sociais con identidade propia, no que se identificaban niveis e contidos e no que se implicaban as administracións públicas e as entidades privadas.

As previsións e o enfoque da Lei 4/1993 resultan, non obstante, insuficientes para dar satisfacción ás expectativas de dereitos sociais das galegas e dos galegos do século XXI. A propia dinámica de innovación e transformación dos servizos sociais e das políticas públicas de inclusión, igualdade e benestar, tras case tres lustros de vixencia da dita norma, aconsella unha revisión da estrutura, dos contidos e das relacións entre as persoas que actúan no sistema. E, ademais, novos problemas sociais obrigan a unha actualización e a un novo deseño estratéxico dos dispositivos e recursos, cuxa eficacia vai depender da súa coherencia e adecuación á cambiante realidade social.

En efecto, nun contexto de globalización capitalista e de acelerada integración e apertura de mercados, prodúcense cambios na estrutura e calidade do emprego; verifícase un incremento dos niveis de desigualdade a escala planetaria, cos consecuentes movementos migratorios asociados; acelérase o proceso de incorporación das novas tecnoloxías e, coa denominada fenda dixital, a progresiva desvantaxe de grupos de traballadoras e traballadores con menor cualificación; agudízase a crise demográfica con importantes taxas de dependencia nos países do norte e dramáticas realidades de pobreza e exclusión social e territorial no conxunto do planeta; e confírmanse fenómenos sociais como o adiamento da idade de emancipación xuvenil, a modificación das estruturas familiares e o cambio no rol sociofamiliar das mulleres.

A ese panorama de carácter global cómpre engadirlle, ao falarmos de Galicia, certos trazos propios que deben considerarse para configurar o noso sistema de servizos sociais: o avellentamento forxado polo abandono da sociedade rural nas últimas décadas acada agora valores alarmantes e insostibles en boa parte da Galicia interior; a crise da familia tradicional extensa é unha realidade relativamente recente pero evidente e de gran repercusión social, que se traduce na aparición de novos modelos familiares máis vulnerables ás oscilacións e á precariedade do mercado de traballo e necesitados de servizos públicos de calidade que garantan a socialización e a calidade de vida dos seus membros; por efectos dun determinado modelo de desenvolvemento a tradicional demografía galega, dispersa pero vertebrada, deveu en desestruturación, desequilibrio e dualización; a nosa posición no mundo converteunos en terra de inmigración, moita dela de retorno, sen deixarmos, paradoxalmente, de seguir

producindo emigrantes; a precarización laboral, o desarraigo territorial, a soidade e o abandono real de persoas maiores en zonas illadas, a inadaptación aos acelerados cambios nos procesos produtivos de traballadoras e traballadores «residuais» para o sistema e a agresividade dos mercados e formas de vida xeran novas formas de pobreza, dependencia e exclusión social ás que cómpre dar unha axeitada resposta.

Os efectos deses cambios nas familias e nas persoas están condicionando novos enfoques nas políticas sociais. Cómpre agora crear respostas desde e para a sociedade galega. É esa evolución da realidade, dos sistemas de intervención social e da propia conciencia cidadá a que incide na dirección de asentar un sistema galego de servizos sociais baseado na configuración dun conxunto de dereitos recoñecibles. Trátase, en definitiva, de deixar atrás unha mera visión asistencial dos servizos sociais que, pola contra, deben quedar deseñados como un instrumento de materialización efectiva de benestar social, de prevención da discriminación e da exclusión, e, en xeral, como medio de realización dos dereitos sociais básicos do pobo galego.

Na situación normativa actual, asemade, as dotacións orzamentarias resultaron insuficientes, o que non asegurou, de feito, unha homoxeneidade na oferta e calidade dos servizos, co que se prexudicaron, de novo, as galegas e os galegos das zonas peor dotadas do país.

A publicación de disposicións lexislativas no ámbito do Estado, nas que destaca especialmente a Lei da promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, contribúe a evidenciar as limitacións do actual modelo. Efectivamente, no sistema para a autonomía e atención á dependencia fanse efectivos novos dereitos subxectivos en función de situacións de dependencia obxectivables, e correspóndelle ao sistema galego de servizos sociais que esta lei crea, como verdadeiro cuarto piar do estado do benestar en Galicia, o seu desenvolvemento e a súa aplicación.

Neste novo escenario resulta decisivo un novo pacto social a favor dos sectores máis vulnerables e da calidade de vida para todas e todos, pacto que debe substanciarse nun compromiso orzamentario; efectivamente, a norma ata o de agora vixente trataba de cifrar aquel esforzo nunhas determinadas porcentaxes dos orzamentos públicos dos concellos que, de acordo coa normativa de réxime local, non estaban obrigados á prestación de servizos sociais. Cómpre agora consolidar e ampliar esa previsión orzamentaria co obxectivo de acadar un compromiso de esforzo financeiro público que pode cifrarse, a medio prazo, arredor do sete por cento dos orzamentos das administracións públicas competentes e que se concretará no marco do Plan estratéxico de servizos sociais.

Estes referentes son expresivos da necesidade dunha posta ao día dos instrumentos legais no eido dos servizos sociais, non só para actualizar contidos xa superados, senón para introducir novos mecanismos de intervención e novos deseños de organización que permitan acadar unha igualdade real e efectiva no acceso aos recursos e servizos sociais do noso país, implantando, cando é preciso, estratexias diferenciadas que dean resposta ás necesidades propias de Galicia, e todo isto baixo os principios de igualdade de oportunidades, non discriminación e acceso universal das persoas con discapacidade.

II

Consciente da importancia do momento presente, expresada no anteriormente exposto, o Goberno galego impulsa esta lei, unha norma que non lle vira as costas á nosa realidade social, senón que contribúe á construción dun auténtico sistema galego de benestar feito por e para a sociedade galega. Xa desde o seu comezo, a elaboración desta lei é o froito dun proceso dinámico de debate aberto e de participación pública. Este proceso iniciouse partindo dun documento previo de bases para a reforma -elaborado por un equipo multidisciplinar-, no que se facían explícitos os principios inspiradores do cambio legal, así como o alcance da reforma e os contidos que se propoñían na configuración do sistema de servizos sociais de Galicia.

Este documento de bases, desde a súa presentación, foi obxecto de exame e discusión en diferentes foros de persoas expertas e representantes de colectivos de toda Galicia relacionados cos servizos sociais, así como mediante sesións públicas abertas, propiciándose a súa difusión e unha ampla participación mediante medios electrónicos e convencionais. Os resultados deste proceso participativo serviron para enriquecer o contido da lei, na que se ven reflectidas un bo número de contribucións, o que dota o texto legal dunha maior lexitimidade e duns maiores niveis de eficacia social ao facer coincidir o contido da norma coas aspiracións do pobo galego.

III

No que atinxe á estrutura da lei, o título preliminar contén as disposicións de carácter xeral e establece o seu obxecto, a definición do sistema galego de servizos sociais e os seus obxectivos, así como os principios xerais polos que este debe rexerse.

Inclúese tamén neste título a delimitación de quen é, con carácter xeral, titular do dereito de acceso aos servizos sociais, así como o conxunto dos dereitos e deberes das persoas usuarias en relación cos servizos e coas prestacións do sistema.

O título primeiro divídese en tres capítulos, relativos ao sistema galego de servizos sociais, nos que se determinan a súa estrutura, as funcións, as intervencións, os programas, os servizos e as prestacións, así como os aspectos básicos do equipo de profesionais dos servizos sociais.

No capítulo I estrutúrase o sistema galego de servizos sociais en forma de rede, de conformidade con dous niveis de atención, no que se diferencian os servizos comunitarios, que comprenden, á súa vez, dúas modalidades -básicos e específicos-, e os servizos sociais especializados, e sinálanse as funcións correspondentes a cada un deles. Neste capítulo incorpórase a tarxeta social galega, que deberá facilitar a continuidade e coherencia do itinerario de intervención social.

O capítulo II define o Catálogo de servizos sociais e regula as intervencións, os programas, os servizos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais.

O capítulo III recolle a configuración do equipo profesional dos servizos sociais e incorpora a figura da persoa profesional de referencia coa finalidade de dotar da máxima coherencia o itinerario de intervencións. Por último, o capítulo IV fai referencia á formación e investigación en materia de servizos sociais.

O título II atinxe á prestación dos servizos sociais. Nel faise referencia ás entidades prestadoras de servizos sociais e regúlase a participación da iniciativa social e de entidades privadas de carácter mercantil na prestación dos servizos sociais.

Finalmente, autorízase a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais co fin de que a través dela se propicie unha xestión máis áxil e eficiente no marco das funcións fixadas nesta lei.

O título III fai referencia aos órganos consultivos e de participación e regula o Consello Galego de Benestar Social e a creación no seu seo do Observatorio Galego de Servizos Sociais, así como a constitución dunha Mesa Galega de Servizos Sociais que garanta un espazo de diálogo institucional cos axentes sociais.

A planificación do sistema de servizos sociais é o obxecto do título IV, no que se introduce a previsión da existencia de áreas sociais como unidade territorial de referencia para a planificación dos servizos sociais. O instrumento máis relevante de planificación é o Plan estratéxico de servizos sociais, que poderá ser complementado e desenvolvido en forma de plans e programas sectoriais que deberán conter as especificacións mínimas fixadas nesta lei.

Pola súa banda, o título V regula o sistema de calidade do sistema galego de servizos sociais. A calidade configúrase na lei como un principio xeral do sistema e, ademais, como un dereito das persoas. O sistema de calidade terá que tomar como referente o nivel de satisfacción e as necesidades das persoas en relación co sistema galego de servizos sociais. O departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais elaborará un Plan de calidade do sistema que deberá definir os obxectivos esenciais, os indicadores e estándares de referencia e os mecanismos de seguimento e control.

O título VI, relativo ao financiamento do sistema galego de servizos sociais, centra a súa atención nas previsións orzamentarias do Goberno galego e da Administración local, coas especialidades derivadas das competencias atribuídas a cada unha delas. Establécese como obriga que os orzamentos anuais de cada exercicio incorporen as correspondentes previsións para atender as necesidades dos servizos, dos programas e das prestacións previstos no Plan estratéxico de servizos sociais para cada exercicio orzamentario.

Abórdase tamén neste título a contribución das persoas usuarias ao custo dos servizos mediante o aboamento de prezos públicos, pero sen que iso poida supoñer, en ningún caso, que queden excluídas de recibir un servizo por insuficiencia de medios económicos. Conclúe este título previndo a posibilidade de participación de entidades privadas no financiamento dos servizos sociais.

O título VII desta lei ocúpase da atribución de competencias ás administracións públicas de Galicia en materia de servizos sociais e estrutúrase en dous niveis: Xunta de Galicia e entidades locais, que deberán actuar conforme os principios de coordinación e cooperación. Este título divídese en dous capítulos, o primeiro deles está dedicado ás disposicións xerais en materia de atribución de competencias e o segundo a regular as competencias das administracións públicas. No que se refire ás competencias dos concellos, fíxanse uns servizos sociais mínimos que deberán quedar garantidos por todos os concellos e a posibilidade de que poidan desenvolver actividades municipais complementarias doutras administracións públicas. Finalmente, establécese a creación dunha Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social coa finalidade de coordinar as actuacións dos distintos departamentos do Goberno galego que incidan na mellora do benestar da cidadanía galega.

O título VIII ocúpase dos mecanismos de control e garantía pública do sistema galego de servizos sociais. Para iso divídese en dous capítulos, o primeiro deles está dedicado ao réxime de rexistro, autorización administrativa e acreditación de entidades, centros, servizos ou programas, e o segundo, á regulación da función inspectora.

Os títulos IX e X regulan de modo exhaustivo o réxime de infraccións e sancións en materia de servizos sociais, diferenciando un réxime xeral e outro específico de infraccións e sancións para as persoas usuarias, dada a especial posición na que se atopan dentro do sistema galego de servizos sociais. En diferentes capítulos regúlanse as disposicións xerais de cada réxime sancionador e o catálogo correspondente de infraccións e sancións, así como o procedemento administrativo, con expresa remisión á regulación contida no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e ao seu desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, e prevese a adopción das medidas provisionais necesarias para asegurar a eficacia das resolucións sancionadoras que puidesen ditarse, así como o destino do importe das sancións impostas á mellora dos servizos sociais.

Esta lei foi sometida ao ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de servizos sociais de Galicia.

Título preliminar

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto da lei.

1. Esta lei ten por obxecto estruturar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia para a construción do sistema galego de benestar.

2. Mediante esta lei os poderes públicos galegos garanten como dereito recoñecible e exixible o dereito das persoas aos servizos sociais que lles correspondan en función da valoración obxectiva das súas necesidades, co fin de posibilitar que a súa liberdade e igualdade sexan reais e efectivas, removendo os atrancos que impiden ou dificultan a súa plenitude e facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, cultural e social.

3. Así mesmo, constitúe o obxecto desta lei posibilitar a coordinación do sistema galego de servizos sociais cos demais elementos do sistema galego de benestar e coas políticas públicas sectoriais que incidan sectorial ou transversalmente na mellora do benestar da cidadanía galega.

Artigo 2º.-Sistema galego de servizos sociais.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por servizos sociais o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos expresados no artigo seguinte.

2. Integra o sistema galego de servizos sociais o conxunto de servizos, programas e prestacións, tanto de titularidade pública coma de titularidade privada, acreditados e concertados pola administración nos termos establecidos nesta lei.

3. Os poderes públicos fomentarán, así mesmo, no ámbito dos servizos sociais, o desenvolvemento de actuacións solidarias por entidades de iniciativa social sempre que se axusten aos requisitos de autorización, calidade e complementariedade establecidos nesta lei e nas normas que a desenvolvan.

4. As entidades de natureza privada e carácter mercantil poderán prestar servizos sociais de acordo co establecido nesta lei e, en particular, no que atinxe ao seu rexistro, á súa autorización, á súa inspección e ao seu control.

Artigo 3º.-Obxectivos do sistema galego de servizos sociais.

Son obxectivos do sistema galego de servizos sociais os seguintes:

a) Facilitarlles alternativas, recursos e itinerarios de integración social a aquelas persoas que se atopan en situación ou en risco de exclusión social.

b) Garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia integrando, para estes efectos, o catálogo de prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia.

c) Darlles protección e oportunidades sociais e educativas a menores de idade e a aqueloutras persoas que se atopen en situación de conflito ou de desamparo.

d) Previr a aparición de calquera situación de dependencia, exclusión, desigualdade ou desprotección ás que fan referencia os obxectivos anteriores.

e) Proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral.

f) Facilitarlle a execución de políticas públicas de anticipación a unha sociedade multicultural emerxente, favorecendo a integración e socialización normalizada de inmigrantes, emigrantes retornados e minorías étnicas.

g) Promover e dinamizar a participación comunitaria, o asociacionismo solidario, a axuda mutua e a implicación da cidadanía na posta en marcha de iniciativas de prevención e mellora da cohesión social.

h) Facilitar a aplicación efectiva nos seus servizos e programas de políticas transversais que incidan na eliminación de todo tipo de discriminación selectiva e exclusión social.

i) Garantirlles o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

j) Sensibilizar, informar e promover valores de solidariedade e integración na sociedade galega.

k) Promover e garantir o dereito universal da cidadanía galega ao acceso aos servizos sociais, garantindo a suficiencia orzamentaria que asegure a súa efectividade.

Artigo 4º.-Principios xerais dos servizos sociais.

O sistema galego de servizos sociais rexerase polos principios de:

a) Universalidade: o sistema está aberto a toda a cidadanía, nos termos establecidos no artigo 5 desta lei, tanto no eido preventivo coma no da intervención social, con carácter gratuíto no seu acceso, e establece o tipo de intervención en función das situacións concretas e das necesidades valoradas. Este principio non exclúe a posibilidade de que, para a prestación de determinados servizos, se requiran achegas económicas das persoas usuarias. Estas achegas determinaranse, en todo caso, atendendo a criterios de progresividade.

b) Prevención: as políticas de servizos sociais enfocarán as súas actuacións a previr e superar as causas que orixinen as necesidades sociais, dando a debida prioridade ás accións preventivas e ao enfoque comunitario das intervencións sociais.

c) Responsabilidade pública: os poderes públicos garantirán o dereito subxectivo, universal e exixible aos servizos sociais con criterios de igualdade e equidade, mediante a dispoñibilidade de servizos sociais públicos a través da regulación e achega dos medios humanos, técnicos e financeiros e dos centros necesarios.

Igualmente, dentro da planificación xeral dos servizos sociais, os poderes públicos regularán, fomentarán e supervisarán os demais servizos dos que sexan titulares as entidades privadas de iniciativa social. Así mesmo, as entidades privadas de carácter mercantil poderán complementar a rede de recursos de titularidade pública.

d) Igualdade: toda a cidadanía galega terá dereito aos servizos sociais sen que en ningún caso poida producirse discriminación por razóns de raza, sexo, orientación sexual, estado civil, idade, discapacidade, ideoloxía, crenza ou calquera outra circunstancia de carácter social ou persoal.

Non obstante, os poderes públicos de Galicia integrarán nos seus criterios de planificación e actuación a perspectiva de xénero e de acción positiva e poderán adoptar, en consecuencia, medidas que reforcen a posición dos sectores que sofren discriminación con vistas á consecución dunha efectiva igualdade de oportunidades.

e) Equidade e equilibrio territorial: no desenvolvemento da rede de centros e servizos terase en conta a necesidade de compensar os desequilibrios territoriais, para o que se garantirá o acceso ao sistema das galegas e dos galegos que residan en áreas sociais con altas taxas de avellentamento e dispersión, mediante unha oferta equitativa e equilibrada de servizos en todo o territorio.

f) Solidariedade: os poderes públicos fomentarán a solidariedade como valor inspirador das relacións entre as persoas e os grupos sociais e impulsarán a implicación cidadá na superación das condicións que provoquen situacións de marxinación. Daráselles prioridade ás accións encamiñadas ao logro e á consolidación de formas organizadas e estables de solidariedade.

g) Acción integral e personalizada: as intervencións dos servizos sociais coas persoas e co seu contorno serán abordadas con profesionalidade, de forma individual mediante a avaliación integral e personalizada das necesidades, con respecto dos seus dereitos e, en especial, da súa dignidade e intimidade.

h) Autonomía persoal e vida independente: é obriga dos poderes públicos facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis convenientes e dos apoios necesarios para desenvolver os seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen, segundo a natureza dos servizos, a súa idoneidade e as condicións de utilización deles e sempre con respecto á libre decisión das persoas.

i) Participación: os poderes públicos promoverán a participación das persoas usuarias, dos seus familiares, dos grupos sociais e das entidades representativas das persoas ou dos colectivos aos que van destinados os servizos, das entidades do terceiro sector e dos axentes sociais, tanto na súa planificación coma no seu deseño e seguimento. A participación promoverase a través das canles e dos mecanismos que estableza a normativa e, en calquera caso, deberán estar inspirados en criterios democráticos, de calidade e eficacia na prestación dos servizos.

j) Integración e normalización: no desenvolvemento dos servizos sociais deberá tenderse ao mantemento das persoas no seu contorno persoal, social e familiar, procurando a súa inserción social e sen menoscabo do dereito á diferenza.

k) Globalidade: a intervención dos servizos sociais procurará realizarse cunha perspectiva global e de conxunto, favorecendo a actuación transversal e coordinada e evitando a fragmentación derivada da complexidade das problemáticas sociais e da distribución competencial.

l) Descentralización e proximidade: a intervención desde os servizos sociais, sempre que a súa natureza o permita, responderá a criterios de descentralización e desconcentración, de maneira que a súa xestión a leven a cabo de modo preferente os órganos administrativos máis próximos á cidadanía.

O anterior non poderá supoñer, en ningún caso, unha diminución na garantía de igualdade de servizos e prestacións á poboación no territorio de Galicia.

m) Coordinación: promoverase a creación e o desenvolvemento de instrumentos e mecanismos de relación interadministrativa que garantan unha actuación coordinada no eido do benestar social e da igualdade, tanto por parte dos diferentes departamentos do Goberno galego que desenvolvan políticas públicas que incidan no benestar social coma polo resto de administracións públicas e entidades integradas no sistema, sexan de carácter público ou privado.

n) Economía, eficacia e eficiencia: a xestión dos servizos sociais realizarase con criterios de economía, eficiencia e eficacia. Neste sentido, a actuación administrativa nesta materia empregará os instrumentos idóneos para cada intervención, de xeito que os obxectivos e os estándares de calidade se acaden con independencia da titularidade da xestión, mediante un uso racional de recursos públicos.

Sen prexuízo do anterior, deberán aplicarse na valoración da eficacia social criterios correctores que teñan en consideración a complexidade dos procesos de recuperación, normalización e inclusión social das persoas e dos grupos.

ñ) Planificación: implantaranse os mecanismos de planificación que permitan unha mellora da eficacia, obxectividade e transparencia na toma de decisións. A planificación, en calquera caso, partirá das demandas e das necesidades obxectivas da cidadanía. Con independencia da diversidade das condicións das distintas áreas sociais, garantirase unha calidade de servizo equiparable na totalidade do territorio de Galicia.

o) Avaliación e calidade: estableceranse sistemas de avaliación que garantan a calidade e a acreditación dos servizos sociais tomando como referente o concepto de calidade de vida das persoas.

Artigo 5º.-Titulares do dereito de acceso aos servizos sociais.

1. Terán dereito de acceso ao sistema galego de servizos sociais as cidadás e os cidadáns dos estados membros da Unión Europea empadroados nun concello de Galicia, que terán dereito a participar nos diferentes programas, servizos e prestacións do sistema en función da valoración obxectiva das súas necesidades.

2. As persoas estranxeiras empadroadas en calquera concello de Galicia poderán acceder ao sistema galego de servizos sociais de acordo co establecido na lexislación vixente e, se é o caso, nos tratados e convenios internacionais que resulten aplicables.

3. Ademais, terán dereito ás prestacións e aos servizos regulados nesta lei todas aquelas persoas que, sen estaren nos supostos anteriores, se atopasen en estado de necesidade ou en situación de emerxencia social ou humanitaria.

4. As galegas e os galegos residentes fóra de Galicia e a súa descendencia terán dereito ás prestacións reguladas nesta lei cando, ao teren necesidade de atención, lles sirva de medio para o seu retorno definitivo, nos termos que regulamentariamente se establezan.

Artigo 6º.-Dereitos das persoas en relación cos servizos sociais.

1. O respecto da dignidade da persoa, da súa autonomía e intimidade e do seu benestar orientará a actuación pública e a actividade das persoas profesionais e entidades xestoras de servizos sociais.

2. Recoñécese o dereito aos servizos sociais, como dereito subxectivo, cando se trate de servizos e prestacións esenciais recoñecidos como tales nesta lei.

3. Así mesmo, todas as persoas, en tanto que usuarias ou usuarios dos servizos sociais, terán os seguintes dereitos en relación co sistema galego de servizos sociais:

a) A utilizar o sistema de servizos sociais en condicións de igualdade e sen discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, orientación sexual, estado civil, idade, situación familiar, discapacidade, ideoloxía, crenza, opinión ou calquera outra circunstancia persoal, económica ou social.

b) A recibir un trato acorde coa dignidade da persoa e co respecto dos dereitos e das liberdades fundamentais, tanto por parte do persoal coma das persoas implicadas no centro, programa ou servizo.

c) A unha intervención individualizada acorde coas súas necesidades específicas, así como a que se lles asista nos trámites necesarios de cara ao seu acceso á atención social, sanitaria, educativa, cultural e, en xeral, a todas as necesidades persoais que sexan precisas para conseguir o seu desenvolvemento integral.

d) A recibir información de xeito áxil, suficiente e veraz, e en termos comprensibles, sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais.

e) A ter asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia e a globalizade no proceso de intervención social.

f) Á confidencialidade, ao sixilo e ao respecto en relación cos seus datos persoais e coa súa información que sexa coñecida polos servizos sociais en razón da intervención profesional, sen prexuízo do posible acceso a aqueles no exercicio dunha acción inspectora, de conformidade coa lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

g) A acceder ao seu expediente persoal e a obter copia del.

h) A elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso.

i) A rexeitar a oferta de participación en servizos ou programas que lles oferte o sistema, ou, se é o caso, a que o seu consentimento, libre e expreso, sexa requirido para o ingreso nun centro ou a participación nun programa, sen prexuízo do cumprimento debido das resolucións xudiciais cando estea limitada a súa capacidade de obrar.

j) A recibir unha tarxeta social de carácter persoal e intransferible que as acredite como titulares do dereito de acceso aos servizos sociais.

k) Á calidade dos servizos e prestacións recibidas, para o que poden presentar suxestións e reclamacións.

l) A dar instrucións previas respecto da asistencia ou dos coidados que se lles poidan administrar, co obxecto de facer fronte a situacións futuras en cuxas circunstancias non sexan capaces de expresalas persoalmente.

m) Ao respecto dos dereitos lingüísticos das persoas usuarias, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento por parte do sistema galego de servizos sociais da súa actividade desde a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.

n) Aos demais dereitos que, en materia de servizos sociais, estean recoñecidos nesta lei e no resto do ordenamento xurídico.

Artigo 7º.-Deberes das persoas en relación cos servizos sociais.

As persoas usuarias dos servizos sociais terán os seguintes deberes:

a) Cumprir as normas, os requisitos e os procedementos para o acceso ao sistema galego de servizos sociais, para o que facilitarán información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para a súa utilización e comunicarán as variacións que estas experimenten.

b) Comunicarlle ao persoal de referencia calquera cambio significativo de circunstancias que puidese implicar a interrupción ou modificación substancial da intervención proposta polos servizos sociais.

c) Colaborar co persoal encargado de prestarlles a atención necesaria, acudindo ás entrevistas con eles e seguindo os programas e as orientacións que lles prescriban.

d) Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais, participando activamente no proceso que xere a intervención social na que sexan destinatarias.

e) Participar de xeito activo no seu proceso de mellora, autonomía persoal e inserción social.

f) Destinar as prestacións recibidas ao fin para o que foron concedidas.

g) Contribuír ao financiamento do custo dos servizos consonte a normativa vixente.

h) Cando utilicen as instalacións ou residan nun centro, observar os regulamentos de réxime interior e as normas de funcionamento ou convivencia.

Título I

Do sistema galego de servizos sociais

Capítulo I

Da estrutura do sistema

Artigo 8º.-Estrutura básica dos servizos sociais.

1. O sistema galego de servizos sociais estrutúrase en forma de rede, consonte con dous niveis de actuación:

a) Servizos sociais comunitarios, que comprenden, a súa vez, dúas modalidades: servizos sociais comunitarios básicos e servizos sociais comunitarios específicos.

b) Servizos sociais especializados.

2. Cada nivel de actuación contará cos equipamentos e coas persoas profesionais e cos equipos técnicos interdisciplinares que se determinen regulamentariamente.

Artigo 9º.-Dos servizos sociais comunitarios.

1. Os servizos sociais comunitarios, de carácter predominantemente local, están referenciados a un territorio e a unha poboación determinados e constitúen o acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais.

2. Os servizos sociais comunitarios configúranse como servizos de carácter integrador, o que os constitúe na principal instancia do sistema para o desenvolvemento de intervencións de carácter preventivo, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral.

3. Os servizos sociais comunitarios estarán coordinados mediante protocolos e sistemas de derivación, información e colaboración cos servizos sociais especializados, así como con outros servizos para o benestar que operen no mesmo territorio, especialmente cos de saúde, educación, cultura, emprego, vivenda, migracións e, se é o caso, desenvolvemento rural, co fin de favorecer unha intervención integral coas persoas.

Artigo 10º.-Dos servizos sociais comunitarios básicos.

1. Os servizos sociais comunitarios básicos teñen un carácter local, aberto e polivalente e constitúen a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, co que se garante a universalidade do sistema e a súa proximidade ás persoas usuarias e aos ámbitos familiar e social.

2. Os servizos sociais comunitarios básicos desenvolveranse desde os centros de servizos sociais polivalentes por medio de equipos interdisciplinares e coa estrutura organizativa que estableza a administración titular do servizo, sen prexuízo dos requisitos e das dotacións mínimas que regulamentariamente se determinen.

Artigo 11º.-Funcións dos servizos sociais comunitarios básicos.

1. Son funcións dos servizos sociais comunitarios básicos as seguintes:

a) O estudo e diagnóstico social da comunidade, que implica a detección e análise de necesidades e demandas, explícitas e implícitas, no seu ámbito de intervención.

b) A elaboración dun plan de intervención comunitario acorde coas necesidades detectadas ou anticipadas no diagnóstico social.

c) A identificación de grupos de poboación vulnerables e a detección precoz de situacións de risco para o desenvolvemento de actuacións de carácter preventivo e de promoción social.

d) A atención das situacións individuais, a información en relación coas demandas presentadas, o diagnóstico e a valoración técnica previa e a consecuente intervención no caso, que incluirá, cando sexa conveniente, a derivación cara ao recurso idóneo dentro do sistema galego de servizos sociais ou a outros sistemas de benestar ou a asistencia nos trámites necesarios para acceder a outros recursos.

e) A participación na xestión das prestacións económicas e o seguimento dos correspondentes proxectos personalizados de intervención nos termos establecidos na normativa específica en materia de inclusión social.

f) A xestión do servizo de axuda no fogar, así como a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia, nos termos establecidos na normativa que resulte aplicable.

g) A información, a orientación e o asesoramento a toda a poboación, facilitando o seu acceso aos recursos sociais.

h) O fomento da participación activa da cidadanía mediante estratexias socioeducativas que impulsen a solidariedade e a cooperación social organizada.

2. As funcións dos servizos sociais comunitarios básicos previstas na alínea anterior desenvolveranse regulamentariamente.

Artigo 12º.-Dos servizos sociais comunitarios específicos.

1. Sen prexuízo da orientación polivalente e preventiva do nivel de actuación comunitaria, os servizos sociais comunitarios específicos desenvolverán programas e xestionarán centros orientados a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, procurando a súa normalización e reincorporación social ou como espazo de tránsito a un servizo especializado.

2. Os servizos sociais comunitarios específicos, atendendo a criterios de equidade territorial e rendibilidade social, poderán ter un carácter comarcal, de acordo coa planificación e ordenación do sistema galego de servizos sociais regulada no título IV desta lei.

Artigo 13º.-Funcións dos servizos sociais comunitarios específicos.

Os servizos sociais comunitarios específicos terán como función o desenvolvemento de:

a) Programas e actividades para previr a exclusión de grupos vulnerables de características homoxéneas e facilitar a súa inserción e normalización social.

b) A atención directa a colectivos con déficits de autonomía ou en risco de exclusión que se desenvolva a través de programas en medio aberto, en centros de carácter non residencial ou de carácter residencial temporal.

c) A xestión de equipamentos comunitarios para sectores de poboación con necesidades específicas que posibiliten no seu ámbito o logro dos obxectivos recollidos no artigo 3º desta lei, no marco do Plan estratéxico de servizos sociais.

Artigo 14º.-Dos servizos sociais especializados.

1. Os servizos sociais especializados están referenciados a un sector de poboación ou a unha necesidade determinada que demandan unha maior especialización técnica, unha especial intensidade na intervención ou unha base territorial de intervención de carácter supramunicipal.

2. Na planificación estratéxica regulada no título IV desta lei estableceranse os centros e servizos aos que se lles atribúe esta cualificación.

Artigo 15º.-Funcións dos servizos sociais especializados.

Os servizos sociais especializados terán as seguintes funcións:

a) Valorar, diagnosticar e intervir ante situacións que requiran unha alta especialización técnica e, normalmente, interdisciplinar.

b) Xestionar centros e programas especializados.

c) Promover medidas de reinserción no seu ámbito de actuación e desenvolver medidas de rehabilitación social orientadas a normalizar as condicións de vida das persoas usuarias.

d) Prestar colaboración e asesoramento técnico aos servizos sociais comunitarios, así como reverter a este nivel de actuación os casos nos que xa non sexa preciso unha intervención especializada.

Artigo 16º.-Continuidade dos niveis de actuación social.

1. A relación entre servizos sociais comunitarios e servizos sociais especializados responderá a criterios de complementariedade, de acción coordinada para a consecución de obxectivos comúns ou de actuación conxunta, coa finalidade de conseguir a continuidade e complementariedade das intervencións que deban aplicarse desde os distintos niveis de actuación.

2. Existirá un único expediente social básico no ámbito dos servizos sociais comunitarios, no que quedarán recollidas todas as intervencións e os servizos prestados á persoa usuaria nos diferentes niveis de actuación do sistema galego de servizos sociais.

3. Para os efectos do establecido na alínea anterior, os servizos sociais especializados incorporarán protocolos de retorno da información aos servizos sociais comunitarios que aseguren a actualización da información no expediente social básico.

4. Regulamentariamente, estableceranse os procedementos de recollida e tratamento de información das persoas usuarias do sistema, garantindo, en todo caso, a confidencialidade dos datos de carácter persoal.

Artigo 17º.-Tarxeta social galega.

1. Todas as persoas con dereito de acceso aos servizos sociais, consonte o artigo 5º puntos 1 e 2 desta lei, dispoñerán dunha tarxeta social galega que as identificará como titulares do dereito de acceso aos servizos sociais.

2. A tarxeta social galega facilitará a continuidade e coherencia do itinerario de intervención social e deberá garantir a homoxeneidade da información existente na rede de servizos sociais de cada persoa usuaria.

3. Nesta tarxeta figurará o centro e a persoa profesional de referencia para o seu titular.

4. Regulamentariamente, estableceranse as medidas oportunas para a implantación progresiva e xeneralizada desta tarxeta.

Capítulo II

Do Catálogo de servizos sociais

Artigo 18º.-Definición.

1. O Catálogo de servizos sociais está integrado polo conxunto de intervencións, programas, servizos e prestacións que a continuación se relacionan:

a) Intervencións ou servizos de carácter técnico-profesional.

b) Servizos e actuacións de natureza material ou tecnolóxica.

c) Prestacións económicas orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias valoradas dos individuos ou das familias e a estimular a súa incorporación social e laboral.

d) Programas de intervención comunitaria que constituirán un instrumento de prevención e inserción social que reforzarán a eficacia das prestacións esenciais e normalizadoras do sistema.

2. As intervencións, os programas, os servizos e as prestacións desenvolvidas no punto anterior poderán ser:

a) Esenciais: que se configuran como dereito esixible e estarán garantidas para aquelas persoas que cumpran as condicións establecidas de acordo coa valoración técnica da súa situación.

b) Normalizadoras: que estarán incluídas na oferta habitual en función das dispoñibilidades orzamentarias e en réxime de concorrencia.

3. O recoñecemento efectivo do dereito a unha intervención, un programa, un servizo ou unha prestación de carácter esencial corresponderalle á administración titular e prestadora deles, consonte o título VII desta lei. No caso das prestacións incluídas no Catálogo do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o seu recoñecemento efectuarao a Administración autonómica.

4. Con independencia da clasificación das intervencións, dos programas, dos servizos e das prestacións, garantirase o acceso ao sistema galego de servizos sociais, con carácter gratuíto, das persoas con insuficiencia de recursos económicos, sen prexuízo do establecemento, con carácter xeral, dun sistema progresivo de participación no financiamento de acordo co establecido no artigo 56º. En calquera caso, deberá asegurarse a dispoñibilidade dun mínimo vital de libre disposición para as persoas usuarias.

5. Regulamentariamente, desenvolverase e actualizarase o catálogo por instancia do departamento competente en materia de servizos sociais.

Artigo 19º.-Intervencións ou servizos de carácter técnico-profesional.

1. Teñen a consideración de intervencións ou servizos de carácter técnico-profesional os actos profesionais realizados para:

a) A información, a orientación, o asesoramento e o acompañamento ás persoas, ás familias ou aos grupos.

b) A valoración e o diagnóstico social das demandas da cidadanía.

c) A intervención social, biopsicosocial, sociolóxica ou socioeducativa que favoreza a adquisición ou recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais de cara á mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e á inclusión social.

2. Todas as intervencións e os servizos consignados neste artigo serán esenciais, consonte o artigo 18º.

Artigo 20º.-Servizos e actuacións de natureza material ou tecnolóxica.

1. Terán a consideración de servizos e actuacións de natureza material ou tecnolóxica os seguintes:

a) A protección social das persoas, con capacidade de obrar limitada, que se atopen en situación de conflito ou desamparo.

b) A atención residencial, que comporta aloxamento, continuado ou temporal, substitutivo do fogar.

c) A atención diúrna, que ofrece coidados persoais e actividades de promoción e prevención que non requiran o ingreso nun centro residencial.

d) A axuda no fogar, consistente en ofrecerlles un conxunto de atencións a persoas ou familias no seu propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual.

e) A teleasistencia social e outros servizos de carácter tecnolóxico, que procuren a permanencia das persoas usuarias no seu medio habitual.

f) O apoio á mobilidade persoal, nos termos previstos na normativa reguladora do servizo galego de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

g) A manutención, xa sexa en locais de atención colectiva ou no propio domicilio da persoa usuaria.

h) As axudas técnicas e instrumentais, que permitan manter a autonomía da persoa para desenvolverse no seu medio.

i) O servizo de asistente persoal.

j) Calquera outro servizo ou actuación non previsto nesta lei que se considere necesario para garantir unha adecuada atención social.

2. Os servizos e as actuacións descritos na letra a) terán carácter esencial.

Tamén terán carácter esencial os servizos e as actuacións establecidos nas letras b), c), d) e e), logo da correspondente valoración técnica cando se trate de persoas con déficit de autonomía persoal incluídas no sistema de atención á dependencia.

3. As demais prestacións terán a consideración de normalizadoras, sen prexuízo da ampliación do conxunto de prestacións de carácter esencial.

Artigo 21º.-Prestacións económicas.

1. Son prestacións económicas do sistema galego de servizos sociais as achegas en diñeiro, de carácter periódico ou de pagamento único, que teñen como finalidade, entre outras, apoiar o coidado de menores, paliar situacións transitorias de necesidade, garantir mínimos de subsistencia e reforzar procesos de integración familiar e inclusión social, así como garantir o coidado de persoas con limitacións na súa autonomía persoal no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

2. Teñen a consideración de prestacións económicas do sistema galego de servizos sociais as seguintes:

a) As rendas de inclusión social.

b) As axudas de emerxencia e necesidade social.

c) As axudas económicas a particulares para o fomento do acollemento familiar de menores de idade, de maiores e de persoas con discapacidade.

d) Os cheques-servizo.

e) A libranza vinculada á adquisición de servizos de atención a persoas en situación de dependencia.

f) A libranza para coidados no contorno familiar de persoas en situación de dependencia.

g) As prestacións para coidados no contorno familiar de menores de tres anos con grave discapacidade.

h) A libranza para a asistencia persoal das persoas afectadas por unha situación de gran dependencia.

i) As prestacións económicas dirixidas ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

j) As axudas económicas de análoga ou similar natureza e finalidade ca as anteriores.

3. As prestacións expresadas nas letras a), b), e), f), g) e h) do punto anterior terán a consideración de esenciais e serán exixibles nos termos da súa norma reguladora.

Artigo 22º.-Programas de intervención comunitaria.

Os programas de intervención comunitaria elaboraranse a partir do diagnóstico social dunha comunidade definida, favorecendo a cooperación cos outros servizos de benestar social existentes no seu ámbito de actuación, e coa implicación da cidadanía, co fin de incidir na superación das situacións detectadas, mediante a elaboración e o desenvolvemento de actuacións cunha perspectiva preventiva e de inclusión social.

Capítulo III

Do equipo profesional dos servizos sociais

Artigo 23º.-Disposicións xerais.

1. A intervención profesional nos servizos sociais terá como norma xeral un carácter interdisciplinario na procura dunha atención integral.

2. De forma regulamentaria, fixaranse as titulacións e cualificacións profesionais e os rateos de cobertura dos equipos de traballo que actúen nos servizos sociais, de conformidade coa distribución e tipoloxía de áreas sociais previstas no planeamento estratéxico, consonte o título IV desta lei. Así mesmo, teranse en conta os obxectivos e as características particulares de cada centro, as persoas usuarias, os seus servizos ou programas, de maneira que se lles asegure unha adecuada calidade de servizo e de trato profesional ás persoas destinatarias.

3. De maneira particular, asegurarase nas áreas sociais rurais e de alta dispersión unha oferta de servizos profesionais semellante á que exista no resto do territorio.

Artigo 24º.-Profesional de referencia.

1. A cada persoa titular do dereito de acceso ao sistema galego de servizos sociais asignaráselle unha persoa profesional de referencia no ámbito dos servizos sociais comunitarios correspondentes, coa finalidade de dar coherencia ao itinerario de intervencións e garantir o acceso aos diferentes servizos e ás prestacións que necesite a persoa ou, se é o caso, a súa familia.

2. A persoa profesional de referencia será preferentemente unha traballadora ou un traballador social da rede pública de servizos sociais, sen prexuízo das titulacións ou especialidades de quen xestione o caso ou actúe como responsable da intervención ou do programa.

3. A persoa profesional de referencia terá ao seu cargo o expediente social básico ao que fai referencia o artigo 16º.2 desta lei.

4. De acordo coas dispoñibilidades do sistema, a persoa usuaria poderá solicitar motivadamente o cambio de profesional de referencia, de entre os existentes na súa área.

5. As funcións da persoa profesional de referencia desenvolveranse regulamentariamente.

Artigo 25º.-Estabilidade laboral e calidade do emprego das persoas profesionais dos servizos sociais e políticas de igualdade.

1. As administracións públicas promoverán a calidade no emprego e a estabilidade laboral das persoas profesionais de servizos sociais, evitando situacións de precariedade, como medio de lograr a calidade e permanencia da oferta pública de servizos sociais.

2. Para tal efecto, considerarase a estabilidade do emprego das persoas profesionais de servizos sociais como criterio avaliable no acceso ao financiamento público por parte das entidades prestadoras de servizos sociais. Igualmente, será criterio avaliable a adopción de medidas a prol da efectividade do principio de igualdade nos termos establecidos na normativa reguladora do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

3. Así mesmo, as administracións públicas fomentarán a mellora das condicións laborais e a implantación de medidas a prol da efectividade do principio de igualdade, en particular, daquelas tendentes á conciliación da vida familiar e laboral.

Capítulo IV

Formación e investigación en servizos sociais

Artigo 26º.-Fomento da formación e da investigación.

1. As administracións competentes, a Xunta de Galicia e as entidades locais adoptarán as medidas necesarias para o fomento da realización de actividades e programas dirixidos á formación e mellora das capacidades do persoal profesional dos servizos sociais e dos coidadores, así como para a investigación e mellora tecnolóxica nesta materia.

2. A Xunta de Galicia poderá crear centros e organismos especializados nesta materia e actuar de forma coordinada coas universidades galegas e cos centros de formación e investigación.

Artigo 27º.-Formación permanente.

1. A formación permanente en materia de servizos sociais terá como finalidade a ampliación dos coñecementos, teóricos ou prácticos, e estará orientada ao desenvolvemento de habilidades na atención directa ás persoas usuarias e a cantas outras materias incidan na mellora da cualificación dos profesionais co fin de dar resposta ás necesidades e demandas da poboación.

2. A formación permanente terá como destinatario todo o persoal profesional do sistema galego de servizos sociais.

3. A formación poderá ser desenvolvida directamente pola Administración autonómica ou ben a través de convenios de colaboración con outras entidades.

Artigo 28º.-Investigación e innovación tecnolóxica.

1. As administracións públicas deberán garantir a necesaria innovación tecnolóxica co fin de acadar a maior eficiencia na prestación dos diferentes servizos.

2. As administracións públicas fomentarán a realización de estudos e investigacións sobre as necesidades emerxentes de atención social, sobre os factores que inciden na demanda e sobre a avaliación dos elementos organizativos e de xestión do sistema.

Título II

Da prestación dos servizos sociais

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 29º.-Formas de prestación dos servizos sociais.

1. Os servizos sociais prestaranos as administracións públicas galegas directamente ou, de maneira indirecta, a través das diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público, nomeadamente mediante a modalidade de concerto.

2. As persoas físicas e xurídicas privadas, de iniciativa social ou de carácter mercantil, poderán actuar como entidades prestadoras de servizos sociais e, en consecuencia, crear centros de servizos sociais, así como xestionar programas e prestacións desta natureza, de conformidade co establecido neste título.

O exercicio deste dereito queda suxeito a un réxime de rexistro e autorización previa conforme o establecido no título VIII desta lei e requirirá, en todo caso, o cumprimento dos requisitos de calidade e as demais condicións que estableza a normativa reguladora dos servizos sociais de Galicia.

Capítulo II

A participación da iniciativa social e de entidades privadas de carácter mercantil na prestación dos servizos sociais

Artigo 30º.-Iniciativa social.

Para os efectos desta lei, as entidades de iniciativa social son aquelas organizacións ou institucións non gobernamentais que xestionan centros ou desenvolven actuacións e programas de servizos sociais sen ánimo de lucro.

Non obstará para a consideración de carencia de ánimo de lucro o feito de que as ditas entidades perciban contraprestación das persoas usuarias, sempre e cando da análise das súas contas anuais se deduza a non obtención de beneficio.

Artigo 31º.-Fomento da iniciativa social.

1. O cumprimento dos fins das entidades de iniciativa social promoverase mediante o outorgamento de subvencións, que se concederán atendendo ao interese social dos distintos servizos e proxectos, á súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais, á calidade e ao carácter innovador das prestacións e servizos ofertados, á eficiencia no emprego dos fondos públicos e á súa adecuación aos obxectivos fixados pola planificación autonómica en materia de servizos sociais.

2. Nos termos establecidos na normativa reguladora das subvencións e, sen prexuízo da aplicación ordinaria do réxime aberto de concorrencia competitiva na xestión das subvencións, por razóns de interese público, debidamente xustificadas, poderanse subscribir convenios singulares con entidades de iniciativa social debidamente autorizadas para a prestación de servizos sociais cando por razóns humanitarias ou de emerxencia social, ou ben cando pola singularidade das características da entidade, a especificidade dos servizos que presta ou a especial vulnerabilidade das persoas usuarias, non sexa posible ou conveniente promover a concorrencia pública.

Estes convenios poderán ter carácter plurianual con vistas a garantir un marco estable que favoreza e facilite a mellor prestación dos servizos, plans e programas, sen prexuízo da súa posible resolución anticipada por incumprimento, por inexistencia sobrevida das razóns especiais que o xustificaron ou calquera outra causa establecida regulamentariamente ou no propio convenio.

Artigo 32º.-Iniciativa mercantil.

1. Son entidades de iniciativa mercantil as persoas e entidades privadas con ánimo de lucro que presten servizos sociais.

2. As administracións públicas competentes poderán contratar con entidades mercantís debidamente autorizadas a prestación de servizos sociais a persoas usuarias do sistema.

3. A participación destas entidades na execución das políticas sociais realizarase desde a aplicación do principio de complementariedade respecto da xestión pública e a súa materialización producirase na forma e coas condicións que se prevexan nos correspondentes plans e programas de servizos sociais.

Artigo 33º.-Fomento de previsións de índole social na contratación pública.

1. Os pregos de condicións administrativas particulares das licitacións que convoquen as administracións públicas de Galicia en materia de xestión de servizos sociais poderán sinalar a preferencia na adxudicación dos contratos ás proposicións presentadas por empresas públicas ou privadas que no momento de acreditar a súa solvencia técnica teñan no seu cadro de persoal un número de traballadoras e traballadores con discapacidade superior ao 2%, sempre que as ditas proposicións igualen nos seus termos ás máis vantaxosas desde o punto de vista dos criterios que sirvan de base para a adxudicación. Nos supostos de empate, poderá recoñecérselle a preferencia na adxudicación á persoa licitadora que dispoña dunha maior porcentaxe de traballadoras e traballadores fixos con discapacidade no seu cadro de persoal.

2. Nos termos previstos na normativa de contratación pública, os pregos de cláusulas que rexan a contratación de servizos sociais poden dar preferencia na adxudicación de contratos, en igualdade de condicións coas que sexan economicamente máis vantaxosas, ás proposicións presentadas por empresas dedicadas especificamente á promoción e inserción laboral de persoas en situación de exclusión social. Igualmente, resultarán aplicables os criterios establecidos na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

3. Na mesma forma e condicións, poderá establecerse tal preferencia na adxudicación dos contratos relativos a prestacións de carácter social ou asistencial para as proposicións presentadas por entidades sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica, sempre que a súa finalidade ou actividade teña unha relación directa co obxecto do contrato nos termos previstos na normativa de contratación pública.

4. De conformidade coa lexislación aplicable, impulsarase o establecemento de áreas reservadas para centros especiais de emprego no ámbito de contratación das administracións públicas.

Capítulo III

Axencia Galega de Servizos Sociais

Artigo 34º.-Creación e natureza.

1. Autorízase a Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais, como entidade instrumental de dereito público, dotada de personalidade xurídica, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no marco do cumprimento dos programas correspondentes ás políticas públicas de servizos sociais.

2. A Axencia Galega de Servizos Sociais adscribirase ao departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de servizos sociais.

Artigo 35º.-Réxime xurídico.

1. A creación da Axencia Galega de Servizos Sociais producirase coa aprobación do seu estatuto por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de iniciativa do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais.

2. A constitución e o funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais rexerase polo establecido nesta lei, na disposición adicional quinta do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado mediante o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no seu respectivo estatuto e nas demais normas que resulten aplicables.

3. Nas súas actividades de contratación, a Axencia Galega de Servizos Sociais rexerase polo disposto na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Artigo 36º.-Funcións.

Serán funcións da Axencia Galega de Servizos Sociais as seguintes:

a) Acadar un aproveitamento óptimo e a racionalización no emprego dos recursos dedicados aos servizos sociais, asegurando o maior nivel de eficacia e eficiencia na xestión e prestación deles.

b) Velar pola plena efectividade do principio de responsabilidade pública na prestación dos servizos sociais.

c) Xestionar equipamentos, prestacións económicas, programas e servizos sociais de competencia autonómica.

d) Coordinar o exercicio das actuacións públicas e privadas en materia de servizos sociais, promovendo o establecemento de convenios, concertos ou calquera outra fórmula de coordinación ou cooperación que permita unha utilización óptima e racional dos recursos.

Artigo 37º.-Recursos.

A Axencia Galega de Servizos Sociais financiarase cos seguintes recursos:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciba como contraprestación polas actividades que pode realizar, en virtude de contratos, convenios ou disposición legal, para outras entidades públicas, privadas ou persoas físicas.

c) O alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación patrimonial da comunidade autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia de patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que se lle poida atribuír conforme as disposicións vixentes.

Artigo 38º.-Réxime de persoal.

1. Sen prexuízo do establecido para o persoal directivo na normativa que resulte aplicable en materia de función pública, o persoal ao servizo da Axencia Galega de Servizos Sociais poderá estar constituído por persoal funcionario, laboral e estatutario.

2. O persoal que, con observancia dos procedementos establecidos na normativa vixente, se incorpore á axencia desde a administración pública galega manterá a condición de persoal funcionario, estatutario ou laboral de orixe, de acordo coa lexislación aplicable.

3. A axencia poderá contratar a persoal en réxime de dereito laboral mediante as correspondentes probas selectivas convocadas para o efecto e nas que se garantirá o cumprimento dos principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.

Artigo 39º.-Réxime financeiro e orzamentario.

En materia de réxime financeiro e orzamentario a Axencia Galega de Servizos Sociais rexerase polo disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Título III

Órganos consultivos e de participación

Artigo 40º.-Consello Galego de Benestar Social.

1. O Consello Galego de Benestar Social é o órgano superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais e está adscrito ao departamento da Xunta de Galicia competente na materia.

2. O Consello Galego de Benestar Social, presidido pola persoa titular do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, estará composto, na forma, no número e na proporción que regulamentariamente se determinen, por representantes de:

a) A Xunta de Galicia

b) As entidades locais, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias.

c) As organizacións empresariais, centrais sindicais e organizacións profesionais agrarias máis representativas a nivel galego.

d) As entidades prestadoras de servizos sociais.

e) As asociacións de persoas usuarias de servizos sociais.

f) As universidades galegas.

g) Os colexios profesionais representativos das disciplinas directamente relacionadas cos servizos sociais.

3. Son funcións do Consello Galego de Benestar Social:

a) Avaliar as políticas de servizos sociais.

b) Emitir informe sobre os proxectos de planificación e programación e a normativa en materia de servizos sociais.

c) Emitir ditames, por instancia do Parlamento de Galicia, no eido dos servizos sociais.

d) Coñecer da xestión dos servizos sociais.

e) Fomentar a participación da sociedade e das administracións públicas.

f) O seguimento estatístico, tanto dos procesos de concesión da renda de integración social de Galicia coma da correcta aplicación das medidas de fomento do emprego que, vinculadas aos proxectos de inserción, se establezan na Lei galega de medidas básicas para a inserción social, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

g) A avaliación global dos resultados da execución dos programas de inserción social previstos na Lei galega de medidas básicas para a inserción social, así como a formulación de observacións e propostas de modificación que axuden a melloralos.

h) Elaborar e/ou modificar o seu regulamento de réxime interior.

i) Calquera outra que lle poida ser regulamentariamente atribuída.

4. O consello poderá crear comisións e grupos de traballo específicos, con carácter sectorial ou por áreas de xestión, co obxecto de dinamizar o seu funcionamento e dotalo de maior operatividade.

5. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, cando se trate de materias que afecten ou incidan directamente no ámbito local, crearase unha Comisión na que participarán a Xunta de Galicia e as entidades locais, así como aquelas entidades que puidesen resultar afectadas polas materias que se van tratar.

6. A presidencia do consello, atendendo á índole das materias que se van tratar, poderá invitar a participar nas sesións a persoas de recoñecido prestixio no eido dos servizos sociais ou en áreas afíns.

7. Nas funcións que vai desenvolver o Consello Galego de Benestar Social terase en conta a adopción, entre outros, dos necesarios enfoques e das perspectivas de xénero. O regulamento establecerá a forma de designación das persoas integrantes do consello, de maneira que se procure neste órgano unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 41º.-Do Observatorio Galego de Servizos Sociais.

1. No seo do Consello Galego de Benestar Social crearase o Observatorio Galego de Servizos Sociais, que terá como obxectivo establecer un sistema de información permanente sobre a situación dos servizos sociais en Galicia, e proporcionará unha visión global da súa realidade, tendo en conta, entre outras, a perspectiva de xénero.

2. Con carácter anual, presentará informes de conxuntura social, nos que se reflictan as principais variables sociais e se formulen propostas e recomendacións tendentes a promover o desenvolvemento das políticas sociais en Galicia.

3. Regulamentariamente, desenvolverase a súa composición e o seu réxime de funcionamento.

Artigo 42º.-Mesa Galega de Servizos Sociais.

1. A Mesa Galega de Servizos Sociais é o órgano específico de participación institucional dos axentes sociais para o deseño das políticas públicas no eido dos servizos sociais.

2. A Mesa Galega de Servizos Sociais será presidida pola persoa titular do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de servizos sociais ou persoa en quen delegue, e reunirase cunha periodicidade anual.

3. A Mesa Galega de Servizos Sociais estará integrada por representantes das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais galegas máis representativas. A designación das persoas representantes das ditas organizacións realizaraa a persoa titular do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, de conformidade coas propostas formuladas por estas organizacións a través dos seus órganos de dirección competentes e sempre tendo en conta que a designación debe ser de tantos representantes coma sindicatos máis representativos de carácter intersectorial de ámbito galego existan, sen que poida producirse exclusión ningunha.

4. Regulamentariamente, desenvolveranse as funcións da Mesa Galega de Servizos Sociais, entre as que figurarán, como mínimo, as seguintes:

a) Coñecer os anteproxectos de lei ou os proxectos de normas regulamentarias.

b) Recibir información sobre a planificación estratéxica do sistema galego de servizos sociais.

c) Propoñer directrices e liñas xerais de actuación.

d) Propoñer a adopción de iniciativas lexislativas ou actuacións concretas.

5. A mesa elaborará as súas propias normas de funcionamento con respecto, na súa composición, ao principio de paridade, procurando unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 43º.-Participación cidadá e das persoas usuarias de servizos sociais.

1. As administracións públicas competentes en materia de servizos sociais garantirán a participación cidadá no sistema galego de servizos sociais mediante o establecemento, por vía regulamentaria, de sistemas de consulta e debate abertos a toda a cidadanía, e, de maneira particular, ás persoas usuarias e aos sectores directamente afectados.

2. Na formulación dos instrumentos de planificación e xestión dos servizos sociais previstos nesta lei estableceranse mecanismos e procesos específicos de participación que poderán ter un ámbito territorial ou sectorial.

Título IV

Planificación do sistema galego de servizos sociais

Artigo 44º.-Das áreas sociais.

1. A unidade territorial de referencia para a planificación dos servizos sociais será a área social que, definida atendendo a indicadores sociais, económicos e demográficos, facilite unha distribución equilibrada dos recursos, de maneira que se garanta a igualdade de oportunidades no acceso aos servizos sociais para toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia.

2. Regulamentariamente, aprobarase o Mapa galego de servizos sociais, no que se definirán as áreas sociais e se establecerán os criterios de dotación de centros e de servizos no territorio de Galicia.

Artigo 45º.-Plan estratéxico de servizos sociais.

1. O departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de servizos sociais elaborará cada seis anos un Plan estratéxico de servizos sociais que se formulará en función das necesidades sociais presentes e emerxentes da cidadanía galega, garantindo, en todo caso, a participación das entidades locais.

2. O Plan estratéxico de servizos sociais deberá ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 46º.-Finalidade e contido básico do Plan estratéxico de servizos sociais.

1. A finalidade do Plan estratéxico será a de desenvolver e concretar os obxectivos do sistema galego de servizos sociais definidos nesta lei, así como a de priorizar o establecemento de medidas, servizos e recursos que permitan acadalos.

2. O Plan estratéxico tomará como punto de partida o Mapa galego de servizos sociais coa definición das áreas sociais sobre as que se vertebrará o sistema galego de servizos sociais e identificará o tipo de centros e servizos en relación coa estrutura do sistema e distribución competencial que se establecen nesta lei.

3. O Plan estratéxico conterá criterios de calidade e os mecanismos de seguimento e control e irá acompañado dunha memoria económica.

Artigo 47º.-Plans e programas sectoriais do Plan estratéxico de servizos sociais.

1. O Plan estratéxico de servizos sociais poderá ser complementado e desenvolvido en forma de plans e programas sectoriais.

2. Os plans e programas desenvolverán, cada un no ámbito que lle é propio, os seguintes aspectos:

a) A análise das necesidades e da demanda social que motiva o plan.

b) A definición dos obxectivos de cobertura e establecemento de períodos temporais indicativos para a súa consecución.

c) A tipificación e distribución territorial dos recursos necesarios para o logro dos obxectivos previstos.

d) Os criterios e mecanismos indicados para o seguimento, a aplicación e a avaliación do plan.

e) A previsión de medidas xerais para a coordinación interadministrativa e interdepartamental.

f) Cantos outros aspectos se consideren precisos para conseguir unha planificación obxectiva e adecuada ás necesidades de servizos sociais.

3. No proceso de elaboración dos plans e programas sectoriais participarán as entidades representativas dos sectores implicados e as entidades locais.

Artigo 48º.-Planificación de ámbito local.

Os concellos poderán elaborar a súa propia planificación que, no marco da planificación estratéxica, a completen no seu propio ámbito territorial, a través dos plans e programas de servizos sociais municipais.

Título V

Da calidade do sistema galego de servizos sociais

Artigo 49º.-Disposicións xerais.

1. A calidade do sistema galego de servizos sociais constitúe un principio xeral del, así como un dereito das persoas usuarias.

2. As exixencias de calidade afectarán por igual a todo o sistema, tanto de iniciativa pública coma privada concertada.

3. O sistema de calidade terá sempre como referente o nivel de satisfacción das necesidades das persoas en relación cos servizos sociais.

Artigo 50º.-Establecemento de criterios de calidade do sistema galego de servizos sociais.

Os criterios e as normas de calidade definiranse sobre os seguintes obxectivos xerais:

a) A elaboración de normas e estándares de calidade propios do sistema galego de servizos sociais.

b) O establecemento de sistemas de información homoxéneos que posibiliten a actuación integrada e a coordinación do sistema galego de servizos sociais.

c) O seguimento e a avaliación permanente, orientando o sistema de calidade á súa mellora continuada.

Artigo 51º.-Plan de calidade.

1. O departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais elaborará un Plan de calidade do sistema que defina os obxectivos esenciais, os indicadores e os estándares de referencia, así como os mecanismos de seguimento e control oportunos.

2. O Plan de calidade fixará medidas concretas para o desenvolvemento dun sistema documental único do sistema galego de servizos sociais.

3. O Plan de calidade debe incluír, en todo caso, as seguintes previsións:

a) A definición dos obxectivos de calidade que se establezan.

b) Os instrumentos e sistemas de mellora globais ou sectoriais.

c) Os estudos de opinión e os resultados dos procedementos de participación das persoas usuarias e das súas familias.

d) Os requisitos de calidade exixibles ás actividades e prestacións sociais correspondentes á rede de atención pública de servizos sociais.

e) Os recursos e as dotacións suficientes que garantan a oferta das prestacións e dos servizos axeitados, nas condicións e características que se establezan no Catálogo de servizos.

f) Unha memoria económica.

Título VI

Do financiamento dos servizos sociais

Artigo 52º.-Fontes de financiamento.

O financiamento do sistema galego de servizos sociais efectuarase mediante:

a) Os orzamentos xerais da comunidade autónoma.

b) Os orzamentos das entidades locais.

c) Os prezos públicos correspondentes.

d) Calquera outra achega pública ou privada destinada a fins de servizos sociais, de acordo co establecido na normativa que resulte aplicable.

Artigo 53º.-Financiamento pola Comunidade Autónoma de Galicia.

1. O Parlamento de Galicia aprobará anualmente nos orzamentos xerais as cantidades necesarias para facer fronte ao cumprimento dos gastos derivados do exercicio das competencias da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais, así como á participación no financiamento de servizos, programas e prestacións do sistema.

2. A atribución ás entidades locais de competencias de titularidade autonómica en materia de servizos sociais deberá ir acompañada da transferencia dos medios económicos, materiais e persoais que resulten necesarios para o seu adecuado exercicio.

3. A Xunta de Galicia deberá contribuír ao desenvolvemento, á mellora e ao sostemento das actividades realizadas por entidades de iniciativa social.

Artigo 54º.-Financiamento polas entidades locais.

1. Os concellos terán que consignar nos seus orzamentos as cantidades necesarias para a creación, o mantemento, a xestión e o desenvolvemento dos servizos sociais da súa competencia, consonte o título VII desta lei.

2. O nivel de esforzo orzamentario dos concellos para a prestación dos servizos sociais da súa competencia poderá constituír un criterio de valoración para o acceso ao financiamento por parte do Goberno galego, que, en todo caso, deberá ter en conta o principio de equidade e equilibrio territorial.

Artigo 55º.-Colaboración financeira.

1. A colaboración financeira entre as administracións públicas levarase a cabo mediante convenios ou calquera outra fórmula regulada, polo que queda condicionada ao cumprimento dos obxectivos fixados no marco da planificación e programación autonómica e local, así como a unha preceptiva fiscalización.

2. As administracións públicas poderán igualmente conceder subvencións ou subscribir convenios de colaboración coas entidades de carácter público ou privado que presten servizos sociais, e debe garantirse, en todo caso, o cumprimento da normativa vixente en materia de autorización de centros, programas e servizos sociais.

Artigo 56º.-Achegas das persoas usuarias.

1. Acordarase, de ser o caso, a achega das persoas usuarias ao financiamento dos servizos sociais mediante o establecemento dun sistema de prezos públicos, sen prexuízo da aplicación de criterios de progresividade.

2. A administración, para determinar a participación das persoas usuarias no financiamento do sistema, terá en conta, nos baremos que regulamentariamente se establezan, a natureza do servizo, o custo de referencia e a capacidade económica da persoa usuaria, especialmente, o seu nivel de renda e o sector de poboación a quen se dirixa a prestación do servizo.

3. A determinación das achegas debe fundamentarse nos principios de equidade, solidariedade e redistribución. A Xunta de Galicia debe establecer e regular un sistema de bonificacións para a participación nas prestacións garantidas, co fin de atender situacións de insuficiencia de recursos das persoas usuarias. As bonificacións deben establecerse en función do nivel de renda persoal e das obrigas económicas respecto das persoas que a usuaria ou o usuario teña ao seu cargo.

4. Regulamentariamente, poderán establecerse fórmulas alternativas de financiamento para aquelas persoas que, carecendo de recursos suficientes para o pagamento ordinario dos prezos públicos referidos, dispoñan dun patrimonio persoal que poida afectarse ao pagamento deles.

5. En ningún caso poderá privarse unha persoa nin excluírse da prestación de servizos sociais financiados total ou parcialmente con fondos públicos polo feito de non dispoñer de recursos económicos ou resultar estes insuficientes.

6. A calidade dos servizos e a prioridade na súa prestación non poderá depender ou quedar condicionada á realización de achegas económicas das persoas usuarias.

Artigo 57º.-Participación das entidades privadas no financiamento dos servizos sociais.

1. As administracións públicas facilitarán a participación de entidades privadas que acrediten estar ao día das obrigas legais que lles afecten no financiamento dos servizos sociais.

2. Regulamentariamente, desenvolveranse actuacións que posibiliten o patrocinio e o exercicio da responsabilidade social corporativa das entidades privadas para o desenvolvemento dos servizos sociais de Galicia.

Título VII

Da atribución de competencias

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 58º.-Criterios xerais.

1. As competencias en materia de servizos sociais corresponderanlle á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais de Galicia, así como, se é o caso, ás demais entidades públicas previstas no Estatuto de autonomía de Galicia ou establecidas nesta lei.

2. As competencias que esta lei lle atribúe á Xunta de Galicia poderán ser obxecto de delegación e transferencia, de conformidade co previsto na normativa vixente na materia.

3. A Xunta de Galicia, de conformidade co disposto na lexislación de réxime local, poderá adoptar as medidas necesarias para garantir as prestacións esenciais que lle correspondan á cidadanía cando se produza o incumprimento por parte dunha corporación local dos seus deberes en relación con esta lei.

Capítulo II

Competencias das administracións públicas

Artigo 59º.-Competencias da Xunta de Galicia.

Son competencias da Xunta de Galicia as seguintes:

a) O establecemento do marco normativo en materia de servizos sociais.

b) A planificación e programación xeral dos servizos sociais no ámbito territorial de Galicia mediante a elaboración do Plan estratéxico de servizos sociais e os plans e programas sectoriais.

c) O Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

d) A autorización e acreditación de centros, servizos e programas sociais, así como a súa tipificación e a regulamentación dos requisitos mínimos, tanto xerais coma específicos, que necesariamente deben cumprir.

e) A formación e investigación no campo dos servizos sociais.

f) O asesoramento e a asistencia técnica ás entidades e institucións que participen na prestación dos servizos sociais co fin de que a súa actuación se adecúe ao disposto nesta lei e á súa normativa de desenvolvemento.

g) O deseño, a creación, a xestión e a coordinación dun sistema de información estatística dos servizos sociais, así como o seu mantemento e a súa actualización.

h) A supervisión e avaliación da calidade na prestación dos servizos sociais, para o que se establecerán mecanismos de control obxectivo e continuo deles.

i) A creación, o mantemento e a xestión dos servizos sociais especializados, así como dos centros e programas dos servizos sociais comunitarios específicos que, pola súa natureza, ámbito supramunicipal ou outras circunstancias, debidamente xustificadas no marco do Plan estratéxico de servizos sociais, asuma a Xunta de Galicia.

j) A valoración técnica das situacións que determinen o recoñecemento do dereito aos servizos e ás prestacións esenciais de carácter material ou económico.

k) A concesión das prestacións ou axudas económicas destinadas a persoas físicas, sen prexuízo da colaboración dos entes locais cando así se estableza na súa normativa específica.

l) A xestión de subvencións e outras axudas públicas que lles conceda a centros e entidades prestadoras de servizos sociais.

m) O exercicio das potestades inspectora e sancionadora.

n) Calquera outra que lle atribúa a normativa vixente, así coma aqueloutras que sendo necesarias para o desenvolvemento e a execución da política de servizos sociais non estean expresamente atribuídas a outra Administración pública.

Artigo 60º.-Competencias dos concellos.

1. De conformidade co previsto nesta lei e na lexislación aplicable sobre réxime local, correspóndenlles aos concellos, no marco da planificación e ordenación xeral do sistema galego de servizos sociais, as seguintes competencias:

a) A creación, a xestión e o mantemento dos servizos sociais comunitarios básicos.

b) A creación, a xestión e o mantemento dos servizos sociais comunitarios específicos, sen prexuízo do establecido no artigo 59º i).

c) A colaboración no fomento dos servizos sociais prestados por entidades de iniciativa social, así como a promoción de mecanismos de coordinación das actuacións realizadas por elas, evitando no posible a duplicidade e infrautilización dos equipamentos sociais.

d) A promoción e realización de estudos e investigacións sobre a problemática dos servizos sociais no ámbito local e a divulgación dos resultados obtidos neles.

e) A detección e análise das necesidades e da problemática social existente no seu ámbito territorial.

f) A elaboración de plans e programas de servizos sociais no seu ámbito territorial, de conformidade co previsto no artigo 48º desta lei.

g) A participación, como entidade colaboradora, na xestión das prestacións económicas e, se é o caso, nas subvencións concedidas pola Xunta de Galicia, nos termos legalmente establecidos.

h) O fomento e a promoción da solidariedade e da participación da sociedade civil na prevención e intervención social no ámbito local.

i) A creación, a regulación e o impulso de mecanismos de participación local no ámbito dos servizos sociais.

j) A coordinación dos servizos sociais cos restantes servizos municipais e das restantes administracións no desenvolvemento dos plans e programas de intervención comunitaria, facilitando a participación das entidades sociais e a implicación da cidadanía no proceso.

k) Cantas outras lles estean atribuídas ou lles sexan delegadas, de acordo coa lexislación vixente.

2. Estas competencias exerceranas os concellos, por si mesmos ou asociados, ou a través das fórmulas de colaboración interadministrativa, co fin de alcanzar unha maior eficacia e rendibilidade social dos recursos dispoñibles.

Artigo 61º.-Dos servizos sociais mínimos garantidos polos concellos.

1. De cara a lles garantir unha oferta pública de servizos sociais a todas as persoas, con independencia da súa residencia, todos os concellos de Galicia asegurarán, como mínimo, a prestación de servizos sociais comunitarios básicos de titularidade municipal.

2. Se a prestación destes servizos mínimos resultase imposible ou de moi difícil cumprimento, poderá solicitarse a súa dispensa, seguindo o procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 62º.-Das actividades municipais complementarias doutras administracións públicas.

Para a mellor atención das necesidades sociais do seu ámbito territorial, e unha vez garantida a prestación dos servizos sociais comunitarios básicos e demais competencias enumeradas no artigo 60º, os concellos de Galicia poderán crear, xestionar e manter servizos sociais especializados, en coordinación coa Xunta de Galicia e de acordo co Catálogo de servizos sociais e a planificación correspondente.

Artigo 63º.-Competencias das deputacións provinciais.

As deputacións provinciais, de conformidade co previsto na normativa de réxime local, proporcionaranlles asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos na execución das súas competencias en materia de servizos sociais, especialmente na prestación de servizos sociais comunitarios básicos por aqueles concellos con menos de vinte mil habitantes.

Artigo 64º.-Da colaboración interadministrativa.

1. A Xunta de Galicia promoverá unha efectiva coordinación e cooperación cos concellos co fin de asegurar a calidade e unha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio, especialmente no que atinxe á creación e ao mantemento de servizos sociais comunitarios específicos.

2. Ademais, para os efectos do previsto na alínea anterior, a Xunta de Galicia promoverá fórmulas de cooperación interadministrativa de natureza consorcial.

Artigo 65º.-Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social.

1. Créase a Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social como órgano de coordinación das actuacións dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia que incidan na mellora do benestar da cidadanía galega, para os efectos do desenvolvemento desta lei.

2. Serán funcións da Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social as seguintes:

a) Garantir o intercambio de información, a coherencia e a complementariedade das actividades dos departamentos da Xunta de Galicia nos ámbitos do benestar e da inclusión social.

b) Emitir informe sobre o Plan estratéxico de servizos sociais, así como sobre os plans e programas que o desenvolvan.

c) Calquera outra función que lle veña atribuída mediante disposición legal ou regulamentaria.

3. No exercicio das súas funcións, a Comisión terá en conta a perspectiva de xénero.

4. Regulamentariamente, desenvolveranse a súa composición e o seu réxime de funcionamento.

Título VIII

Dos mecanismos de control e garantía pública do sistema galego de servizos sociais

Capítulo I

Réxime de rexistro, autorización administrativa e acreditación de entidades, centros, servizos ou programas

Artigo 66º.-Entidades prestadoras, centros e programas de servizos sociais.

1. Terá a consideración de entidade prestadora de servizos sociais toda persoa física ou xurídica, legalmente recoñecida como tal, que sexa titular ou xestora de centros sociais e/ou desenvolva programas ou servizos sociais nas áreas de actuación sinaladas na normativa aplicable.

2. Son entidades prestadoras:

a) A Administración autonómica.

b) As entidades locais.

c) As entidades de iniciativa social.

d) As entidades de iniciativa mercantil.

3. Terán a consideración de centros de servizos sociais todos aqueles equipamentos regulamentariamente tipificados nos que se desenvolvan dun modo estable e continuado servizos, programas e actividades de servizos sociais nas distintas áreas sociais.

4. Terán a consideración de programas de servizos sociais o conxunto articulado de obxectivos, accións e servizos dotados orzamentariamente e que conten cos recursos humanos e materiais adecuados para levalos a cabo, e por medio dos cales se procuren solucións ás necesidades sociais.

Artigo 67º.-Rexistro.

1. As entidades prestadoras de servizos sociais titulares de centros, así como as que presten servizos, programas ou colaboren na xestión de servizos sociais, deberán estar inscritas, con carácter previo ao inicio das súas actividades, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, que estará adscrito ao departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de inspección de servizos sociais.

2. Regulamentariamente, desenvolveranse as condicións e os procedementos para a inscrición e cancelación da inscrición das entidades e dos seus centros, servizos e programas. A duración máxima destes procedementos será de tres meses. Unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución administrativa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 68º.-Réxime de autorización administrativa en materia de servizos sociais.

1. Os centros, servizos e programas de titularidade pública e privada que desenvolvan as súas actividades en Galicia precisarán da correspondente autorización do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de autorización de servizos sociais, para a súa creación ou construción, inicio de actividades, modificación substancial e cesamento de actividades, sen prexuízo doutras autorizacións ou licenzas exixibles de acordo coa lexislación vixente.

2. Regulamentariamente, desenvolveranse as condicións e os procedementos para a obtención, revogación e suspensión das autorizacións. Os procedementos administrativos para a tramitación das diferentes autorizacións terán unha duración máxima de seis meses. Unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución administrativa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo nos procedementos relativos á obtención das diferentes autorizacións, co que se producirá a caducidade nos procedementos relativos á suspensión e revogación das autorizacións administrativas.

3. Cando a creación ou construción, a modificación substancial ou o inicio de actividades dun centro, servizo ou programa de servizos sociais se realice sen a preceptiva autorización administrativa, de conformidade co previsto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, o departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de autorización de servizos sociais dispoñerá a clausura do centro ou a suspensión inmediata das actividades, logo da tramitación do correspondente procedemento nos termos que regulamentariamente se establezan, con audiencia, en todo caso, da persoa interesada.

Artigo 69º.-Réxime de acreditación en materia de servizos sociais.

1. Os centros, servizos ou programas autorizados poderán ser acreditados polo departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de autorización de servizos sociais, cos efectos que regulamentariamente se determinen, cando se constate o cumprimento dos criterios específicos e estándares de calidade que para tal efecto se establezan para os diferentes tipos de prestación e persoas destinatarias.

2. Regulamentariamente, desenvolverase o procedemento para a concesión, renovación, revogación ou suspensión da acreditación. Estes procedementos terán unha duración máxima de seis meses. Unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución administrativa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo nos procedementos relativos á concesión e renovación da acreditación, co que se producirá a caducidade nos procedementos relativos á súa revogación e suspensión.

3. A acreditación poderá terse en conta nos contratos que liciten as administracións públicas en materia de servizos sociais, así como para a obtención de subvencións ou percepción de calquera outro tipo de axuda pública.

Artigo 70º.-Incumprimentos.

O incumprimento do réxime de rexistro de entidades e do réxime de autorización administrativa de entidades, centros, servizos ou programas condicionará o outorgamento ou o pagamento de subvencións, así como a obtención de calquera tipo de financiamento por parte da Xunta de Galicia en relación coa entidade, co centro, co servizo ou co programa do que se trate.

Capítulo II

Da inspección

Artigo 71º.-Función inspectora.

1. A Administración autonómica exercerá as súas facultades inspectoras sobre as entidades, os centros, os servizos e os programas, tanto públicos coma privados, a través do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de inspección de servizos sociais, co fin de verificar o estrito cumprimento da normativa aplicable nesta materia, de xeito que se garantan os dereitos das persoas usuarias e se procure a mellora continua da calidade nos servizos sociais que se lles presten aos cidadáns no territorio de Galicia.

2. Para os efectos do eficaz desenvolvemento da función inspectora, cando se detecte a posible existencia dunha infracción en materia sanitaria, laboral, industrial ou doutra natureza, o departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de inspección de servizos sociais daralle o oportuno traslado á autoridade competente, podendo solicitar, cando sexa necesario, a debida colaboración doutras unidades de inspección doutros órganos, administracións e institucións públicas de conformidade coa normativa vixente.

3. O exercicio da función inspectora en materia de servizos sociais realizarase sen prexuízo do labor inspector que en virtude da normativa sectorial lles corresponda a outras autoridades da Administración xeral do Estado, autonómica ou local.

Artigo 72º.-Persoal inspector.

1. A inspección de servizos sociais deberá ser exercida por persoal funcionario nomeado para o efecto e coa cualificación necesaria para o desenvolvemento do posto.

2. O persoal inspector de servizos sociais desempeña no exercicio das súas funcións a condición de autoridade pública e actuará con plena independencia, obxectividade e imparcialidade. Deberá estar provisto do correspondente documento acreditativo.

3. O persoal inspector deberá gardar sixilo profesional respecto dos asuntos que coñeza por razón do seu cargo, función e actuacións. Igualmente, deberá respectar a confidencialidade dos datos persoais que afecten a intimidade das persoas usuarias, así como das persoas directamente relacionadas co servizo.

Artigo 73º.-Funcións da inspección.

Son funcións da inspección de servizos sociais as seguintes:

a) Verificar o cumprimento dos requisitos e das condicións exixibles para a obtención das preceptivas autorizacións administrativas e para a acreditación das entidades, dos centros, dos servizos e dos programas sociais.

b) Velar polo respecto dos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais.

c) Controlar o cumprimento da normativa vixente e o nivel de calidade dos servizos sociais que se presten no territorio de Galicia, e pode formular propostas de mellora na calidade dos servizos sociais.

d) Asesorar, no exercicio das actuacións de inspección, as entidades prestadoras de servizos sociais titulares ou xestoras de centros, programas ou servizos e as persoas usuarias ou os seus representantes legais sobre os seus respectivos dereitos e deberes e sobre a forma de cumprir as disposicións vixentes sobre a materia.

e) Emitir informe sobre o destino e a adecuada utilización das subvencións e axudas públicas percibidas por persoas físicas ou xurídicas en materia de servizos sociais, así como sobre calquera outra axuda económica articulada a través de convenios, contratos ou outras figuras establecidas na normativa vixente.

f) Recibir e investigar queixas e reclamacións.

g) Emitir informes, propoñer a iniciación de expedientes sancionadores, propoñer a adopción de medidas cautelares, propoñer a clausura de centros, a suspensión das súas actividades e a revogación e suspensión das autorizacións e acreditacións concedidas.

h) Todas aquelas funcións que lle encomende esta lei ou a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 74º.-Obrigas das entidades.

As entidades prestadoras de servizos sociais titulares ou xestoras de centros ou que desenvolvan servizos ou programas sociais deberán achegar, por requirimento da inspección, toda a documentación relativa a calquera aspecto da súa actividade, e están obrigadas a permitir o acceso ás instalacións, a facilitar a información, os documentos, os libros, os soportes informáticos e os demais datos que lles sexan requiridos, así como a prestar toda a colaboración que resulte necesaria para os efectos de lle facilitar ao persoal inspector o seu labor de comprobación do cumprimento da normativa vixente.

Artigo 75º.-Desenvolvemento da función inspectora.

1. O persoal inspector poderá, en exercicio das súas funcións:

a) Acceder libremente, sen previa notificación e en calquera momento, a todos os centros de servizos sociais, á sede das entidades ou ás instalacións de referencia do servizo ou programa.

b) Efectuar toda clase de actividades e de comprobacións de materiais, de documentos e de análises da calidade, así como realizar todas as investigacións que estime axeitadas no cumprimento das súas funcións.

c) Elaborar informes nas materias obxecto da inspección de servizos sociais.

d) O persoal inspector poderá, sen necesidade de visita, requirir das entidades titulares ou xestoras de centros ou que desenvolvan programas ou servizos sociais a achega dos datos necesarios, así como solicitarlles a documentación precisa e, se é o caso, os informes oportunos.

e) Emprazar, nas oficinas da administración, as persoas responsables de entidades, centros, servizos, programas ou actividades que considere oportunas para os efectos da investigación, facendo constar o lugar, a data, a hora e o motivo da citación, e, á súa vez, expresará os efectos de non atender a esta.

f) Entrevistar con carácter privado as persoas usuarias, familiares e persoal traballador dos centros, servizos ou programas sociais.

g) Solicitar a emisión de informes ou ditames e o auxilio doutros órganos ou autoridades.

h) Realizar todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola normativa vixente na materia.

2. Efectuadas as comprobacións oportunas estenderase a correspondente acta de inspección. Os feitos recollidos nas correspondentes actas de inspección gozarán de valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar os propios administrados.

3. Cando no decurso da actuación inspectora se aprecie, razoablemente, a existencia dunha situación de risco inminente ou dun prexuízo grave para as persoas usuarias, poderá propoñérselle ao órgano competente a adopción das medidas cautelares oportunas durante o tempo que persista o risco que as xustificou, de conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Con carácter previo á súa adopción, daráselle audiencia á entidade responsable, agás que a situación de urxencia ou de risco faga necesaria a súa execución inmediata.

Título IX

Das infraccións e sancións

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 76º.-Réxime de infraccións e sancións.

1. As infraccións en materia de servizos sociais serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, que serán impostas polos órganos competentes da Administración autonómica, logo de instrución do oportuno expediente e sen prexuízo das responsabilidades penais, laborais ou doutra orde que puidesen concorrer.

2. Sen prexuízo do réxime de infraccións e sancións previsto neste título, resultará aplicable a regulación contida no título III da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, coas especialidades previstas nesta lei

Artigo 77º.-Suxeitos responsables e concorrencia con outras responsabilidades.

1. Son responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas titulares ou xestoras dos centros, servizos ou programas sociais que incorran nas accións ou omisións tipificadas neste título.

2. No caso de que os feitos imputados puidesen ser constitutivos de ilícito penal, poñeranse en coñecemento do ministerio fiscal ou do órgano xudicial competente, e o instrutor suspenderá a tramitación do procedemento sancionador ata que adquira firmeza a resolución que poña fin ao procedemento xudicial. A comunicación ao órgano xudicial ou ao ministerio fiscal ou o inicio de actuacións por parte destes non afecta o cumprimento inmediato das medidas cautelares adoptadas nos casos de risco grave para a seguridade ou saúde das persoas usuarias.

Artigo 78º.-Prescrición de infraccións e sancións.

1. As infraccións cometidas prescribirán ao cabo dun, tres ou catro anos desde a data da súa comisión, segundo se cualificasen como leves, graves ou moi graves. Para o caso de que a infracción teña carácter continuado no tempo, o referido prazo de prescrición comezará a contar desde a data na que tivese lugar a completa finalización da actividade infractora.

2. As sancións prescribirán ao cabo dun, catro e cinco anos desde a súa imposición firme na vía administrativa segundo se cualifiquen como leves, graves ou moi graves.

Capítulo II

Das infraccións

Artigo 79º.-Das infraccións administrativas en materia de servizos sociais.

1. Constitúen infraccións administrativas en materia de servizos sociais as accións e omisións dos suxeitos responsables tipificadas e sancionadas nesta lei.

2. As infraccións en materia de servizos sociais clasifícanse en leves, graves e moi graves, de conformidade co establecido neste título.

3. Enténdese por reincidencia, para os efectos desta lei, a comisión dunha infracción logo de que o suxeito fose sancionado, mediante resolución administrativa firme, por esa mesma infracción ou por outra de gravidade igual ou maior ou por dúas ou máis infraccións de gravidade inferior, durante os dous últimos anos.

Artigo 80.º-Infraccións leves.

Son infraccións leves:

a) As irregularidades de carácter formal no cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

b) As deficiencias estruturais ou de acabado nos locais e nas instalacións, no mobiliario ou nos útiles, así como no seu funcionamento, sen que diso derive un risco para as persoas usuarias.

c) A falta de limpeza que non comporte risco para as persoas usuarias.

d) A non comunicación previa de calquera das obras, reformas ou melloras realizadas nos centros.

e) Non cumprir a normativa vixente e as obrigas establecidas respecto do debido seguimento e da avaliación periódica das persoas usuarias de centros, programas e servizos, sempre que non comporte un prexuízo grave para a persoa usuaria.

Artigo 81º.-Infraccións graves.

Son infraccións graves:

a) O inicio, a modificación substancial ou o cesamento de actividades dun centro, servizo ou programa carecendo da autorización administrativa correspondente.

b) O incumprimento das obrigas relativas á seguridade das instalacións do centro.

c) Non prestar o tratamento técnico propio da finalidade específica do centro, servizo ou programa, segundo as normas sobre autorización e acreditación.

d) A falta de limpeza ou de hixiene que comporte risco para as persoas usuarias.

e) O incumprimento do deber de sixilo e confidencialidade en relación coa información obtida no exercicio das súas funcións.

f) Desatender as necesidades básicas de atención ou de avaliación e o seguimento das persoas usuarias, de acordo cos requirimentos do seu plan individual de atención.

g) Non contar co persoal suficiente e/ou coa titulación exixida, de acordo co tipo de actividade e número de persoas atendidas no centro, servizo ou programa.

h) Non lle comunicar á autoridade xudicial ou administrativa competente, cando sexa esixible, o ingreso ou a saída dos centros de servizos sociais das persoas usuarias, ou non dar inmediata conta, no caso de incapacidade sobrevida dalgún residente, á autoridade xudicial por parte da dirección do centro.

i) A realización de actividades lucrativas, ou encubrir o ánimo de lucro, en centros ou servizos definidos como sen ánimo de lucro ou que se presentan como tales ante a administración e a sociedade.

j) As irregularidades na administración, na custodia e no manexo de fondos e bens das persoas usuarias dos centros de servizos sociais por parte das persoas responsables da súa dirección, administración e demais persoal do centro ou servizo.

k) A obstrución ao labor inspector. Considéranse obstrución ao labor inspector as accións e omisións que impidan, obstaculicen, dificulten ou atrasen o labor inspector, así como as omisións ou os atrasos inxustificados do cumprimento das obrigas de información, comunicación ou comparecencia e a subministración de informacións falsas, e tamén o non atendemento inxustificado dos requirimentos esixidos pola inspección.

l) Incumprir ou falsear as súas obrigas formais e a alteración non autorizada do réxime de prezos dos servizos prestados.

m) Superar o límite de ocupación, con respecto ás prazas autorizadas, de persoas usuarias ou camas por cuarto e instalar camas ou similares en espazos inadecuados e non autorizados previamente como dormitorios.

n) A realización de publicidade enganosa en relación coa denominación da entidade, do centro ou do programa ou en relación cos servizos prestados ou coas actividades realizadas.

ñ) A reincidencia na comisión de infraccións leves.

Artigo 82º.-Infraccións moi graves.

Son infraccións moi graves:

a) Proporcionarlles ás persoas usuarias tratos degradantes, discriminatorios ou incompatibles coa súa dignidade, así como a realización de actuacións que supoñan violación, restrición ou impedimento inxustificado dos seus dereitos fundamentais e liberdades públicas.

b) Prestar servizos sociais de forma clandestina, isto é, tratando de ocultar ou enmascarar a verdadeira natureza das actividades que se desenvolven, co obxecto de eludir a aplicación da normativa vixente en materia de servizos sociais.

c) Obstruír o labor inspector de servizos sociais, mostrando resistencia reiterada, coacción, ameazas, violencia ou calquera outra forma de presión exercida sobre o persoal inspector, as persoas usuarias ou o persoal traballador.

d) A reincidencia na comisión de infraccións graves.

e) As infraccións tipificadas como graves no artigo anterior cando a súa comisión provoque danos ou prexuízos de difícil ou imposible reparación para as persoas usuarias de servizos sociais, ou cause unha importante deterioración ou un prexuízo social.

Capítulo III

Das sancións

Artigo 83º.-Sancións.

1. As infraccións en materia de servizos sociais sancionaranse da forma seguinte:

a) Infraccións leves:

Multa de ata 3.000 euros, nos seguintes graos:

-Mínimo: ata 1.000 euros.

-Medio: de 1.001 euros a 2.000 euros.

-Máximo: de 2.001 euros a 3.000 euros.

b) Infraccións graves:

Multa de 3.001 euros ata 15.000 euros, nos seguintes graos:

-Mínimo: de 3.001 euros a 7.000 euros.

-Medio: de 7.001 euros a 11.000 euros.

-Máximo: de 11.001 euros a 15.000 euros.

c) Infraccións moi graves:

Multa de 15.001 euros ata 60.000 euros, nos seguintes graos:

-Mínimo: de 15.001 euros a 30.000 euros.

-Medio: de 30.001 euros a 45.000 euros.

-Máximo: de 45.001 euros a 60.000 euros.

2. En calquera caso, as sancións graves e moi graves poderán levar como accesorias as seguintes:

a) Prohibición de acceder ao financiamento público da Xunta de Galicia durante un período de entre un e cinco anos, en relación co centro, servizo ou programa sancionado.

b) Inhabilitación para o desenvolvemento de funcións ou actividades similares ata un prazo máximo de cinco anos.

c) A suspensión da actividade ou o pechamento temporal, total ou parcial, por un período máximo de cinco anos.

d) O cesamento definitivo do servizo ou programa ou o pechamento definitivo do centro, xa sexa total ou parcial.

3. Cando o beneficio económico que resulte da comisión dunha infracción tipificada nesta lei sexa superior á sanción pecuniaria que corresponda, esta poderá incrementarse na contía equivalente ao beneficio obtido.

4. No caso de que a infracción cometida derive do incumprimento da normativa vixente en materia de prezos, a resolución sancionatoria poderá incluír un pronunciamento sobre a procedencia de indemnizar as persoas usuarias por unha contía equivalente ao importe das cantidades percibidas indebidamente.

Artigo 84º.-Gradación das sancións.

Para a gradación das sancións en materia de servizos sociais atenderanse as circunstancias seguintes:

a) A gravidade do risco ou o perigo xerado para as persoas usuarias dos servizos sociais.

b) Os prexuízos físicos, morais e materiais ocasionados, así como a súa permanencia ou transitoriedade.

c) O número de persoas usuarias afectadas pola infracción.

d) A transcendencia social dos feitos.

e) O grao de culpabilidade ou intencionalidade da persoa responsable.

f) A existencia de fraude ou conivencia para a comisión da infracción.

g) O beneficio económico obtido ou a cifra de negocios da empresa titular do establecemento ou centro infractor.

h) O incumprimento de advertencias previas formuladas polas autoridades competentes.

i) A reincidencia.

j) A acreditación da emenda dos feitos que motivaron a iniciación do procedemento sancionador con carácter previo a que se dite a oportuna resolución.

Artigo 85º.-Destino do importe das sancións.

1. A persoa sancionada, a criterio do órgano sancionador, poderá destinar o importe das sancións de carácter económico directamente á mellora dos servizos que presta. Neste caso, deberá acreditar que emendou todas as infraccións obxecto de sanción antes de que se dite a resolución sancionadora.

2. A Xunta de Galicia deberá destinar os ingresos derivados da imposición de sancións establecidas nesta lei á mellora da calidade e á cobertura dos servizos sociais.

Capítulo IV

Do procedemento sancionador

Artigo 86º.-Do procedemento sancionador.

O procedemento sancionador das infraccións tipificadas nesta lei axustarase ao previsto no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ao establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 87º.-Medidas provisionais.

1. O órgano competente para iniciar ou resolver o procedemento poderá adoptar as medidas provisionais necesarias para asegurar a eficacia da resolución final que poida recaer, de conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As medidas provisionais poderán consistir en:

a) O pechamento ou a suspensión temporal, total ou parcial, do centro e das actividades do centro, servizo ou programa.

b) A prohibición de aceptación de novas persoas usuarias.

c) A suspensión do procedemento de pagamento das subvencións e axudas concedidas.

d) A suspensión da acreditación.

e) Calquera outra que se considere axeitada e proporcionada á natureza e gravidade da presunta infracción.

Artigo 88º.-Resolución e imposición de sancións.

1. A resolución que poña fin ao procedemento sancionador será motivada e resolverá todas as cuestións pertinentes suscitadas no expediente.

2. Os órganos competentes para a imposición das sancións a que se refire esta lei serán:

a) A persoa titular da delegación provincial do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, no caso de sancións por comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de inspección de centros, servizos e programas, no caso de sancións por comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, no caso de sancións por comisión de infraccións moi graves.

d) No caso de que nun mesmo suposto concorran sancións de diferente natureza, a imposición de todas elas corresponderalle á autoridade que impoña as de maior gravidade.

3. Malia o establecido na alínea 2 deste artigo, cando as sancións leven aparellado o pechamento, temporal ou definitivo, do establecemento, así como a inhabilitación para o desenvolvemento de funcións ou actividades similares, o órgano competente para a súa imposición será o Consello da Xunta de Galicia.

Título X

Réxime sancionador das persoas usuarias dos servizos sociais

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 89º.-Réxime de infraccións e sancións das persoas usuarias de servizos sociais.

1. As condutas das persoas usuarias de centros, programas ou servizos sociais públicos, cando poidan cualificarse como constitutivas das infraccións tipificadas neste título, poderán ser obxecto das sancións establecidas nel.

2. Sen prexuízo do réxime de infraccións e sancións previsto neste título, resultará aplicable a regulación contida no título III da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, coas especialidades previstas nesta lei.

Artigo 90º.-Suxeitos responsables e concorrencia de responsabilidades.

Poderán ser responsables destas infraccións as persoas físicas usuarias de centros, programas ou servizos sociais de carácter público cando incorran nas accións ou omisións tipificadas neste título, sen prexuízo das responsabilidades doutro tipo que puidesen concorrer.

Artigo 91º.-Prescrición de infraccións e sancións.

1. As infraccións cometidas prescribirán ao cabo dun, tres ou catro anos desde a data da súa comisión, segundo se cualificasen como leves, graves ou moi graves. Para o caso de que a infracción teña carácter continuado no tempo, o referido prazo de prescrición comezará a contar desde a data na que tivese lugar a completa finalización da actividade infractora.

2. As sancións prescribirán ao cabo dun, catro e cinco anos desde a súa imposición firme na vía administrativa, segundo se cualifiquen como leves, graves ou moi graves.

Capítulo II

Das infraccións do réxime sancionador das persoas usuarias dos servizos sociais

Artigo 92º.-Das infraccións das persoas usuarias dos servizos sociais.

1. Constitúen infraccións do réxime sancionador das persoas usuarias dos servizos sociais as accións e omisións dos suxeitos responsables tipificadas e sancionadas neste título.

2. As infraccións en materia de servizos sociais previstas neste título clasifícanse en leves, graves e moi graves.

3. Enténdese por reincidencia, para os efectos desta lei, a comisión dunha infracción logo de que o suxeito fose sancionado, mediante resolución administrativa firme, por esa mesma infracción ou por outra de gravidade igual ou maior ou por dúas ou máis infraccións de gravidade inferior, durante os dous últimos anos.

Artigo 93º.-Infraccións leves.

Consideraranse infraccións leves calquera incumprimento do regulamento de réxime interior ou das normas de funcionamento que, pola natureza ou gravidade, non se tipifiquen como graves ou moi graves.

Artigo 94º.-Infraccións graves.

Terán a consideración de infraccións graves:

a) Non lle facilitar á entidade ou ao órgano da administración os datos que se lle requiran ou falsear datos ou non comunicar a alteración das circunstancias ou dos requisitos que determinen o outorgamento ou a continuidade da prestación.

b) O incumprimento do regulamento de réxime interior ou das normas de funcionamento cando ocasionen prexuízos notorios na prestación do servizo ou produzan danos ou prexuízos graves a outras persoas usuarias ou ao persoal traballador.

c) A reincidencia na comisión de infraccións leves.

Artigo 95º.-Infraccións moi graves.

Terán a consideración de infraccións moi graves:

a) Provocar desordes e alteracións moi graves no servizo que fagan imposible a continuidade da prestación.

b) A agresión física, o acoso ou os malos tratos cara ao persoal do centro, programa ou servizo, ao resto de persoas usuarias ou de persoas visitantes.

c) Ocasionar danos ou subtraer bens do centro, doutras persoas usuarias, do persoal traballador ou, se é o caso, das persoas visitantes.

d) A falta inxustificada de pagamento.

e) A reincidencia na comisión de infraccións graves.

Capítulo III

Das sancións aplicables ás persoas usuarias dos servizos sociais

Artigo 96º.-Sancións.

As infraccións sancionaranse da forma seguinte:

a) Infraccións leves:

-Apercibimento público.

-Suspensión dos dereitos de participación das persoas usuarias ou restrición na participación nalgunhas actividades, por un período non superior a quince días.

b) Infraccións graves:

-Suspensión dos dereitos de participación das persoas usuarias ou restrición na participación nalgunhas das actividades, por un período non superior a seis meses.

-Suspensión temporal da prestación do servizo, por un período non superior a tres meses.

c) Infraccións moi graves:

-Suspensión temporal da prestación do servizo, por un período non superior a seis meses.

-Inhabilitación para o acceso e/ou percepción de axudas ou subvencións públicas, por un período non superior a seis meses.

-Traslado temporal ou definitivo a outro centro ou servizo.

-Revogación da adxudicación da praza pública, temporal ou definitivamente.

-Revogación da adxudicación da praza pública con inhabilitación para o acceso a calquera outro centro da rede asistencial da Xunta de Galicia.

Capítulo IV

Procedemento sancionador

Artigo 97º.-Do procedemento sancionador.

1. No caso de infraccións leves e graves a iniciación do expediente corresponderalle á persoa titular da dirección do centro ou, se é o caso, á persoa titular da xefatura de servizo da delegación provincial do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais. A instrución realizaraa o persoal funcionario da delegación provincial designado para o efecto, sendo competente para a resolución do expediente a delegada ou o delegado provincial.

2. Nos casos de infraccións moi graves a iniciación do expediente corresponderalle á persoa titular da xefatura de servizo competente por razón da materia dos servizos centrais da Administración autonómica. A instrución corresponderalle ao persoal funcionario designado para o efecto. Á vista do expediente remitido e logo de audiencia da persoa presuntamente infractora, emitirase unha proposta de resolución que se lle notificará á persoa interesada. A resolución do procedemento corresponderalle á persoa titular do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de inspección de servizos sociais.

Contra a dita resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No non previsto nesta norma atenderase á regulación do procedemento sancionador do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ao establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposicións adicionais

Primeira.-Habilitación para a dotación de medios materiais.

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para que, dentro do exercicio orzamentario no que entre en vigor esta lei, e logo de informe da Consellería de Economía e Facenda, habilite os créditos necesarios para a dotación dos medios materiais precisos á Axencia Galega de Servizos Sociais para a súa posta en funcionamento e o cumprimento das súas funcións.

Segunda.-O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

1. En cumprimento do previsto no artigo 64º desta lei, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar promoverá a coordinación e cooperación efectiva cos concellos galegos co fin de asegurar unha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio de Galicia.

2. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar rexerase polos estatutos que figuran como anexo ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e os concellos de Portas, Taboadela, Vilamarín, Boimorto, Carnota, As Neves, Outes, Xove, Cerdedo, Allariz, A Illa de Arousa, Laza, Ribadeo e Carballeda de Avia, e que foron obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia do 7 de xullo de 2006, mediante Resolución do 4 de xullo de 2006 da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais, sen prexuízo da súa posible modificación e adaptación a esta lei consonte o procedemento establecido neles, que atenderá a criterios de calidade nas prestacións e no emprego.

Terceira.-Marco temporal de cumprimento de obxectivos e obrigas.

Os obxectivos e/ou as obrigas establecidos nesta lei levaranse a efecto no prazo máximo de seis anos desde a súa entrada en vigor. A lei de orzamentos xerais de cada exercicio determinará as contías destinadas pola Xunta de Galicia para o financiamento dos servizos, dos programas e das prestacións previstos nesta lei e no Plan estratéxico de servizos sociais, sen prexuízo dos fondos destinados por outras administracións públicas ao financiamento dos servizos sociais da súa competencia.

Cuarta.-Órganos consultivos e de participación.

1. A Xunta de Galicia promoverá a constitución do Consello Galego de Benestar Social, que virá substituír o Consello Galego de Servizos Sociais, nun prazo non superior aos nove meses desde a entrada en vigor desta lei.

2. Igualmente, e no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia deberá proceder á constitución da Mesa Galega de Servizos Sociais.

Quinta.-Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social.

A Xunta de Galicia procederá, no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, á constitución da Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social, que asumirá, ademais das funcións previstas no artigo 65º desta lei, as funcións establecidas no artigo 54 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a integración social.

Sexta.-Sentido do silencio administrativo no procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos procedementos de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez transcorridos seis meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación sen que recaia resolución expresa, a dita solicitude entenderase desestimada.

Sétima.-Referencias normativas aos servizos sociais de atención primaria.

As referencias previstas na normativa vixente aos servizos sociais de atención primaria entenderanse efectuadas, de conformidade coas previsións contidas nesta lei, aos servizos sociais comunitarios.

Oitava.-Modificación da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social.

1. Modifícase a rúbrica do capítulo II do título III da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, que queda redactado do seguinte xeito:

«Capítulo II

Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais

e Inclusión Social»

2. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 54 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, que queda redactado do seguinte xeito:

«Son funcións básicas da Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social:».

Disposicións transitorias

Primeira.-Procedementos en tramitación e aplicación da lexislación máis favorable.

Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei seguiranse tramitando ata a súa resolución final conforme a normativa aplicable no momento da súa iniciación, sen prexuízo de que nos procedementos sancionadores se poida aplicar a retroactividade desta lei en canto sexa máis favorable para o presunto infractor.

Segunda.-Medidas de adaptación regulamentaria.

En tanto non se leve a cabo o desenvolvemento regulamentario previsto nos artigos 67º, 68º e 69º desta lei, resultará aplicable, en todo o que non se opoña ao previsto nela, o disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, no relativo ao Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, na Orde do 5 de febreiro de 1996 pola que se desenvolve o citado decreto e no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, que regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

Terceira.-Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza.

En tanto non se proceda á constitución da Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social nos termos previstos no artigo 65º e na disposición adicional quinta desta lei, continuarán en vigor as normas reguladoras da Comisión Interdepartamental de Loita contra a Pobreza.

Disposición derrogatoria

Única.-Expresa e xenérica.

Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

a) A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais.

b) Os artigos 53, 55 e 56 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social.

c) Todas as normas de igual ou inferior rango que contradigan ou se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Revisión da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social.

No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, e considerando os principios informadores dela, a Xunta de Galicia procederá á revisión da regulación legal da renda de integración social de Galicia establecida na Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, e elaborará un novo proxecto de lei para a súa remisión ao Parlamento de Galicia.

Segunda.-Aprobación do Catálogo de servizos sociais.

No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do departamento con competencias en materia de servizos sociais, deberá proceder á aprobación do Catálogo de servizos sociais.

Terceira.-Habilitación normativa.

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións regulamentarias sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta lei.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente