DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 23 de decembro de 2008 Páx. 22.912

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 280/2008, do 11 de decembro, polo que se modifica o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O Real decreto 1082/2008, do 30 de xuño, sobre ampliación das funcións e servizos da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de conservación da natureza (Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), establece que a comunidade autónoma asume a administración e xestión ordinaria e habitual dos parques nacionais situados dentro do seu ámbito territorial. Igualmente, correspóndelle a aprobación e execución dos plans reitores de uso e xestión dos parques existentes no dito territorio, a determinación da composición do padroado, o seu réxime interno de funcionamento e o nomeamento do seu presidente, no marco da lexislación básica do Estado.

Mediante o Decreto 158/2008, do 10 de xullo, procédese á asunción da ampliación das funcións e servizos en materia de conservación da natureza (Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), e a súa asignación á consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O anterior implica a modificación da estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para incluír nela a unidade administrativa que desenvolverá os servizos e funcións que asume a consellería. Para tal efecto, créase unha nova unidade, baixo a dependencia directa, orgánica e funcional, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, con nivel orgánico de servizo denominada director/a conservador/a do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

A experiencia alcanzada ante situacións de emerxencia derivadas de accidentes aconsella sinalar as funcións e actuacións que desenvolverán os servizos provinciais de conservación da natureza e o/a director/a conservador/a do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

As citadas unidades asumirán a dirección de actuacións e medidas excepcionais para preservar os valores naturais ou danos por verteduras, así como a coordinación das funcións exercidas polo persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais como axentes da autoridade, baixo a dependencia directa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e sen prexuízo das que poidan corresponder a outras unidades da consellería.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, logo de informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificase o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nos seguintes termos:

Primeiro.-Engádese un punto 2.3 ao artigo 5, co seguinte contido:

«2.3. Baixo a dependencia directa, orgánica e funcional, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza existe a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Director/a-conservador/a do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, coas funcións de:

a) Xestión ordinaria do parque nacional.

b) Dirección das actuacións en situacións de emerxencia derivadas de accidentes que requiran medidas excepcionais para preservar os valores naturais do parque, salvo naqueles casos en que sexa precisa a activación dalgún plan territorial ou especial de protección civil e a coordinación das funcións de vixilancia, inspección e denuncia exercidas polo persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais no ámbito do parque nacional no exercicio das súas funcións como axentes da autoridade.

c) Aqueloutras que por razón da súa competencia se lle encomenden».

Segundo.-Dáse nova redacción ao artigo 8.3.3, que queda redactado como segue:

«3.3. Servizo de Conservación da Natureza, exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en materia de espazos naturais e biodiversidade e recursos cinexéticos e piscícolas.

Así mesmo, exercerá, baixo a dependencia directa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a dirección de actuacións en situacións de emerxencia derivadas de accidentes que requiran medidas excepcionais para preservar valores naturais ou danos por verteduras aos leitos, salvo naqueles casos en que sexa precisa a activación dalgún plan territorial ou especial de protección civil, e a coordinación das funcións de vixilancia, inspección e denuncia exercidas polo persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais, no exercicio das súas funcións como axentes da autoridade».

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorizase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro do dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente da Xunta de Galicia

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible