A Lei 4/2003, do 29 de xullo, de vivenda de Galicia, no seu artigo 1, dispón que esta lei ten por obxecto e finalidade regular na Comunidade Autónoma de Galicia a protección dos dereitos dos adquirentes ou usuarios en materia de vivenda e o réxime sancionador por infraccións en materia de vivenda. Configúrase a inspección como a actividade que os órganos administrativos competentes en materia de vivenda teñen que realizar coa finalidade de comprobar que as actuacións dos particulares se axustan á legalidade, previo ao exercicio da potestade sancionadora.
Así mesmo, en virtude do Decreto 506/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, quedaron atribuídas á Dirección Técnica de Xestión Patrimonial, a través do seu Servizo de Inspección, as competencias autonómicas no ámbito das funcións de planificación, dirección, coordinación e inspeccións das ocupacións, usos e transmisións nas vivendas de promoción pública e locais propios do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante IGVS); a inspección para verificar o cumprimento da normativa reguladora do uso e transmisión das vivendas con protección pública ou libres de promoción privada; efectuar as inspeccións relativas a non pagamentos de morosos e propoñer as resolucións que procedan en relación coas denuncias efectuadas ou as inspeccións feitas.
O artigo 59 da Lei 4/2003, do 29 de xullo, de vivenda de Galicia, confírelle ao persoal adscrito á inspección, no exercicio das súas funcións, a consideración de axentes da autoridade, establecendo que as funcións inspectoras co fin de comprobar e investigar o exacto cumprimento das obrigas establecidas na lei correspóndenlle ao Instituto Galego da Vivenda e Solo. Os inspectores deste organismo desenvolverán as tarefas de inspección necesarias ao respecto e as actas que redacten gozarán da presunción de veracidade.
Para tal efecto, faise necesaria a expedición da oportuna acreditación oficial en que conste de maneira expresa e clara a condición de persoal da inspección.
O Decreto 506/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, establece no seu artigo 4 que o/a presidente do IGVS será o/a conselleiro/a de Vivenda e Solo, quen desempeña a representación oficial deste.
Na súa virtude, e en uso das competencias como presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Credencial do persoal da inspección.
1.1. O persoal da Inspección do Instituto Galego da Vivenda e Solo acreditará a súa condición no desenvolvemento das súas funcións inspectoras establecidas pola Lei 4/2003, do 29 de xullo, de vivenda de Galicia.
1.2. A acreditación consistirá na presentación, cando o considere conveniente e, en todo caso, cando sexa requirido pola persoa a que se dirixa, da tarxeta de identificación regulada nesta resolución.
1.3. A tarxeta de identificación é un documento público, persoal e intransferible, que acreditará os inspectores e inspectoras no exercicio das funcións que legalmente teñen encomendadas.
Artigo 2º.-Tarxetas de identificación.
2.1. As tarxetas de acreditación ou identificación do persoal da inspección teñen a consideración de documento público expedido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.
2.2. A confección ou utilización da devandita tarxeta por persoa non autorizada dará lugar á exixencia da correspondente responsabilidade legalmente establecida.
2.3. A tarxeta de acreditación expedirase con suxeición ás características e modelo que se recolle nesta resolución.
Artigo 3º.-Expedición e retirada da tarxeta.
3.1. As tarxetas serán expedidas polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo ao persoal funcionario que teña encomendadas as funcións de inspección.
3.2. O titular da tarxeta procederá á súa inmediata devolución no momento do seu cesamento no posto de traballo, así como no suposto de caducidade, de acordo co establecido no artigo 6 desta resolución.
3.3. A Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá requirir a devolución da tarxeta en calquera momento aínda que non concorra ningún dos supostos indicados no punto anterior.
Artigo 4º.-Número e rexistro da tarxeta.
4.1. O persoal da inspección quedará identificado mediante un número de credencial que será persoal e intransferible e que constará como dato identificador en todas as actuacións que desenvolva no exercicio das súas atribucións.
4.2. O servizo de inspección levará un libro de rexistro de tarxetas de identificación do persoal da inspección, no cal figurarán os datos identificadores deste e a data de expedición e retirada das tarxetas.
Artigo 5º.-Características.
A tarxeta de identificación do persoal da inspección de vivenda é de cor branca e ten unhas medidas de 85x54 mm, e levará no anverso os seguintes datos:
-Identidade corporativa da Consellería de Vivenda e Solo e do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
-Fotografía en cor de 21x28 mm.
-Texto:
Nome e apelidos do inspector ou inspectora.
Inspección de vivenda.
Nº de identificación.
-Data de expedición e de caducidade.
-Sinatura e selo do director ou directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Artigo 6º-Período de validez.
6.1. O prazo de validez das tarxetas de identificación será de 4 anos.
6.2. A expedición das novas tarxetas de identificación levará consigo a retirada das actualmente en vigor.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo para adoptar as medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta resolución.
Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2008.
Teresa Táboas Veleiro
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
Ver referencia pdf "25200D004P050.PDF"

