O Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, modificado polo Decreto 223/2006, do 23 de novembro e polo Decreto 63/2008, do 13 de marzo, polo cal se regula o programa de vivenda en aluguer, constitúe o marco normativo polo cal se regulan as subvencións para o arrendamento e a rehabilitación de vivendas que se incorporen e aluguen no marco do citado programa na nosa comunidade autónoma.
O seu artigo 3.2º dispón que estas subvencións se atenderán a través de convocatorias anuais polas cales se cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar para cada exercicio.
Tanto o procedemento de concesión das subvencións que se outorgarán ao abeiro desta convocatoria como a normativa que o regula suxéitanse ao establecido pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A súa disposición derradeira primeira faculta a conselleira de Vivenda e Solo para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.
En uso da referida autorización,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Dispoñibilidade económica.
Para os efectos do disposto no artigo 3.2º do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, determínase:
1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 e 2010 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as subvencións ao arrendamento do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, é a 17.01.451B.480.1.
2. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as subvencións para a rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento dentro do programa de vivenda en aluguer do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, é a 17.01.451A.780.1
3. O importe máximo das subvencións ao arrendamento que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2009 será de 9.328.253, 89 , do cal como máximo se imputará ao exercicio 2009 a cantidade de 4.902.757,83 e, ao exercicio orzamentario 2010 a cantidade de 4.425.496,06 .
4. O importe máximo das subvencións para a rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2009 será de 2.900.000 .
5. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito axeitado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.
6. O importe máximo destas subvencións poderá incrementarse en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo ás mesmas aplicacións. De producirse incremento nas dotacións orzamentarias destinadas á concesión destas subvencións publicarase no Diario Oficial de Galicia o importe polo cal resultarán finalmente dotadas as aplicacións que as financian.
Artigo 2º.-Solicitudes de subvención ao arrendamento.
1. Asinado o contrato de arrendamento no marco do programa regulado no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, o inquilino poderá solicitar a subvención ao aluguer regulada nel. Este trámite poderase realizar mediante o modelo de solicitude de subvención recollido como anexo desta orde.
2. As solicitudes de subvención para o arrendamento reguladas no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, poderán presentarse do 1 de xaneiro ata o 10 de decembro de 2009 no rexistro da Consellería de Vivenda e Solo ou no das súas delegacións provinciais.
3. Neste exercicio terán lugar procedementos de concesión de subvención cada mes natural, de tal xeito que as solicitudes de subvención presentadas ata o día 10 de cada mes serán resoltas antes do último día do mesmo mes.
4. As solicitudes presentadas a partir do día 10 de cada mes serán resoltas no procedemento de concesión do mes próximo.
5. A concesión da subvención producirá efectos desde o día de presentación da solicitude.
Artigo 3º.-Procedementos de concesión.
De conformidade co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o procedemento de xestión e concesión destas axudas, excepciónase esta convocatoria do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, fixándose para o exercicio 2009 doce procedementos de concesión de subvencións para o arrendamento. Por cada procedemento de concesión ditarase antes do último día do mes unha resolución que conterá o importe das subvencións que se concedan en cada mes, e non se poderán superar os seguintes importes:
Ver referencia pdf "25200D008P092.PDF"
Artigo 4º.-Solicitudes de subvención para a rehabilitación.
De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o procedemento de xestión e concesión destas axudas, excepciónase esta convocatoria do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos.
As solicitudes de subvención para a rehabilitación reguladas no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, poderán presentarse desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro de 2009 no rexistro da Consellería de Vivenda e Solo ou no das súas delegacións provinciais.
Artigo 5º.-Documentación.
A solicitude de novas subvencións ao arrendamento, unha vez esgotados os doce meses da que tiñan concedida, exixirá a presentación de toda a documentación requirida nos artigos 3 e 5 da orde de desenvolvemento do Decreto 48/2006. Esta documentación presentarase dentro dos dez primeiros días dos trinta anteriores ao do vencemento da anterior subvención.
Disposición adicional
Única.-Incorporadas ao programa un número de vivendas con obras de rehabilitación que poidan comprometer o crédito que sustenta a concesión das subvencións para a rehabilitación, denegarase a incorporación ao programa de vivendas que precisen as obras ata a seguinte convocatoria anual.
Disposición derradeira
Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2008.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
Ver referencia pdf "25200D008P092.PDF"

