DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 07 de xaneiro de 2009 Páx. 257

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ANUNCIO do 27 de novembro de 2008, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, da declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Quins (Melón-Ourense).

En cumprimento do disposto polo artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Quins (Melón-Ourense) e que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2008.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 6 de novembro de 2008, da zona de concentración parcelaria de Quins, no concello de Melón (Ourense), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. (Clave 2006/0062).

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias promove a concentración parcelaria da parroquia de Quins, no concello de Melón (Ourense), vista a correspondente solicitude para o inicio do proceso de concentración, efectuada polos veciños-comuneiros da zona.

A citada concentración parcelaria cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental, ao atoparse entre os proxectos recollidos no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos (grupo 1, alínea a).

No anexo I desta declaración resúmense as características da zona de concentración e no anexo II as medidas preventivas e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental avaliado.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 21 de xuño de 2007 publícase no DOG (nº 119) a Resolución do 28 de maio de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, pola que se somete á información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Quins (Melón-Ourense); non consta a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 24 de xaneiro de 2008 ten entrada, na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, o expediente ambiental remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (órgano substantivo por razón da materia). No expediente inclúense informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza e da Delegación Provincial de Ourense da Consellería do Medio Rural (Servizo de Montes e Industrias Forestais).

Con data do 11 de abril de 2008 recíbese informe emitido pola Confederación Hidrográfica do Norte para a devandita concentración parcelaria. A data de hoxe non se ten constancia da emisión de informe por parte do Concello de Melón.

Realizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, e as súas modificacións, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) para a concentración parcelaria de referencia.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria de referencia é ambientalmente viable sempre que:

Co fin de asegurar que se protexen os valores naturais de interese local -se é o caso-, se conte coa conformidade do Concello de Melón relativa á compatibilidade do proceso de concentración coas zonas clasificadas como solo rústico de protección de espazos naturais no Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, na súa ausencia, nas normas subsidiarias de planeamento.

Se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na dita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento destas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicións adicionais ás anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que contribúan a unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, e non poderá comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese exclusivamente ao proceso de concentración parcelaria para a zona de Quins (Melón, Ourense), que se desenvolverá na zona delimitada no plano Mapa de clases agrolóxicas. Plano 3.4, incluído no documento titulado Estudo de impacto ambiental e medidas correctoras do proceso de concentración parcelaria na parroquia de Quins. Termo municipal de Melón. (Ourense). Decembro 2005.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Adaptarase o estudo acústico incluído no anexo IV do estudo de impacto ambiental avaliado ao proxecto de rede viaria, definindo con detalle as medidas protectoras e/ou correctoras necesarias que se van adoptar co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Melón. Ademais valorarase a necesidade de establecer ou non un plan de seguimento de ruídos.

2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións auxiliares de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos etc., cos criterios sinalados ao longo do estudo de impacto ambiental, pero coidando que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

Neste sentido, non se poderán destinar as marxes fluviais e ribeiras dos cursos de auga a parque de maquinaria, nin como lugares para o depósito de materiais ou para o desenvolvemento de actividades que por si mesmas supoñan un risco potencial de contaminación das augas superficiais ou alteración dos ecosistemas asociados.

3. No caso de existencia de sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o depósito destes. A selección destas zonas realizarase con criterios ecolóxicos tendo en conta o recollido no punto anterior e, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. Logo de definición do trazado dos novos accesos e das obras que se realizarán en xeral, terase en conta o seguinte:

Desenvolveranse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e ás súas zonas de servidume e policía, sobre todo por posibles incorporacións aos cursos de auga de sólidos en suspensión, medidas que pasarán pola disposición de gabias de intercepción e balsas de decantación, dimensionadas correctamente para absorber a auga de escorrega pluvial, de acordo co disposto para o efecto ao longo desta declaración.

Para os criterios de deseño, será de aplicación a normativa incluída na Lei de augas (texto refundido polo R.D.L. 1/2001, do 20 de xullo), no Regulamento do dominio público hidráulico aprobado polo R.D. 849/1986, do 11 de abril, e modificado polo R.D. 606/2003, do 23 de maio, e nas normas incluídas no Plan hidrolóxico norte I, aprobado polo R.D. 1664/1998, do 24 de xullo, polo que se aproban os plans hidrolóxicos de bacía (en particular as normas 2.1.5.1.4, 2.1.5.1.12, e 2.1.5.1.13).

5. No caso de que nalgún dos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou cos dous laterais abertos.

6. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindeiros arborados, valados de pedra, sebes etc. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de lindeiros das parcelas de achega aos citados elementos.

7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proceso de concentración parcelaria, no cal se desenvolvan e presuposten detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxística descritos xenericamente no estudo de impacto ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderase a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística e terase en conta o seguinte:

As especies que se empregarán:

Serán autóctonas, tendo sempre presentes para a súa implantación as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que se vai restaurar, e procederán (sexan árbores, arbustos, matos e/ou herbáceas) da mesma zona ou outra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

Deberán ser compatibles co hábitat no cal se van implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes etcétera) e factores bióticos.

Deberán ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, aplicando, se for o caso, os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptando, ademais, para acadar este obxectivo, os tratamentos que sexan necesarios (rareos, rozas etc.).

No caso de ser necesaria a eliminación dalgúns exemplares de especies arbóreas autóctonas, procurarase que sexan replantadas na medida do posible, empregándoas na restauración. De todos modos, priorizarase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se restaurarán e os hábitats presentes.

Preverase, tal e como se sinala no estudo ambiental, a plantación de vexetación de ribeira, con especies autóctonas das existentes na zona, nas marxes dos leitos fluviais cando sexa estritamente necesaria a súa corta para a execución das obras e non poidan ser replantadas noutras zonas.

8. Redactarase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, no cal se incorporarán aqueles aspectos para controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como os derivados do cumprimento das condicións desta DIA.

Este programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación ambiental e nas condicións desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou nas condicións da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

Fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada e os resultados deberán estar asinados por un técnico da citada entidade.

As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fase de obras e explotación.

1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a fase de obras, procederase á rega de superficies prevista no estudo ambiental cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos, pero evitando en todo momento asolagamentos e escorrengas. Para minimizar a emisión de po debida ao tránsito de vehículos e a afectación da vexetación circundante, deberán asfaltarse as pistas con maior tránsito sempre que sexa posible. Así mesmo, no caso de ser necesario, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. A maquinaria de obra, ademais de cumprir coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, deberá dispor de documentación acreditativa ao respecto.

3. Con carácter xeral, cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e no que sexa máis restritivo observarase o disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas e, de ser o caso, o que se estableza nas ordenanzas municipais ao respecto.

4. Calquera actuación ou afección sobre o dominio público hidráulico, sobre as zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación de auga e/ou vertedura ao medio natural, precisará da autorización do órgano de bacía correspondente, que neste caso e na actualidade é a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. No caso de verteduras cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor de citada rede.

5. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atope na zona afectada pola concentración parcelaria. Ademais, respectaranse os mananciais que existan na zona e poderá ser parcialmente canalizado o seu curso se resultase necesario para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.

6. Tal e como se prevé no estudo ambiental, non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias na zona de servidume dos cursos fluviais, nin se interferirá na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorrega superficial, chuvias ou enchentes do caudal.

7. Cando se leven a cabo movementos de terra en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida axeitada co fin de evitar arrastres de materiais ladeira abaixo. Ademais disporanse barreiras de sedimentación cando os movementos de terra se desenvolvan preto das canles, co fin de evitar a chegada de sedimentos ás augas superficiais.

8. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas etc.) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en localización autorizada.

9. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e/ou incorporación de sólidos ás augas, procederase, á medida que avanza a obra e na medida do posible, á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras, coidando que estas operacións sexan efectivas. Ademais, na modelaxe dos noiros evitaranse as formas demasiado artificiais, procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, integrándose co natural e por extensión coa paisaxe.

10. Prohíbese o lavado de maquinaria e ferramentas nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que tras as obras a súa clasificación non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. A este respecto, terase en conta o disposto no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e, de acordo co indicado no estudo ambiental, levarase a cabo un plan de control da calidade das augas, tendo en conta o sinalado no punto C.1.10 desta DIA.

11. De ser preciso o emprego de formigón, evitarase a súa elaboración na propia obra, e procurarase adquirilo xa preparado en planta ou plantas que conten coas debidas autorizacións.

12. Levarase a cabo un control topográfico dos límites da zona de concentración, dos predios de substitución e da traza dos camiños de concentración, evitando afeccións fóra destes límites, que se axustarán ao contido dos documentos a que se fai referencia no punto C.1.11 desta DIA.

13. Tal e como se recolle no estudo ambiental, os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria de obra realizaranse en talleres autorizados sempre que sexa posible, eliminando así o risco de posibles verteduras accidentais de substancias contaminantes. Cando estes labores teñan que realizarse in situ, pola súa mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada, estes realizaranse preferentemente na zona destinada a parque de maquinaria e, en todo caso, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras, que poderán pasar pola súa absorción con materiais como celulosa ou saburra para a súa posterior xestión como residuo perigoso.

14. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas, zonas hidromorfas ou con vexetación de interese, adoptando todas as medidas necesarias para a súa preservación ademais das propostas no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento destas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

Evitarase a intervención simultánea sobre diversos cursos na mesma bacía, procurando graduar os traballos para evitar a acumulación de sólidos en suspensión no leito principal.

15. Estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se utilizarán na construción de novos camiños (para as bases ou subases ou para a pavimentación) proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

16. Con carácter xeral, e tal como se recolle no estudo ambiental, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao remate da obra.

17. As escavacións que se realicen non afectarán o nivel freático.

18. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.3 desta DIA, deberá contarse cos correspondentes permisos.

19. Tal e como se recolle no estudo, respectarase toda a vexetación en xeral existente na zona, co fin de, entre outros, evitar a erosión dos terreos (que nalgunhas áreas xa é acusada). Co obxecto de soamente eliminar a vexetación que sexa estritamente necesario, procederase ao balizamento ou sinalización das masas e formacións vexetais de interese ambiental para evitar a súa afección. Non se fará uso do lume nin de fitocidas nestas tarefas.

20. En relación coa preservación do arboredo, observarase o indicado ao respecto no estudo ambiental e nesta declaración. Non obstante, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira verase o disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo, terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e demais normativa de aplicación.

21. Retirarase e manterase a terra vexetal daquelas zonas que vaian ser alteradas polas obras, co fin de empregala na súa restauración, do xeito indicado no estudo ambiental e coidando que non se produza un movemento en masa ou escorregado do material almacenado. Esta terra, mentres permaneza amoreada, non poderá ser mesturada con ningún tipo de residuos ou entullos.

22. No caso de ter que importar terra vexetal, esta deberá proceder de zonas que sexan froito de alteración autorizada.

23. Se na zona existisen afloramentos rochosos singulares con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados sen que se vexan afectados polo proceso de concentración.

24. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B.1.7 desta DIA, paralelamente ao avance das obras, sempre que sexa posible e vixiando a evolución da revexetación, e procederase á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

25. Con anterioridade á revexetación, realizarase un acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e labor superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

Para depositar esta terra sobre os terreos, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, co fin de permitir a súa rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

26. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

27. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

28. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da concentración parcelaria deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, e primará a súa reciclaxe ou reemprego fronte á vertedura.

Neste sentido, adoptaranse as medidas correctoras oportunas co obxecto de que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo en todo caso que se impida calquera afección ao ambiente. En relación con isto, e no que respecta aos residuos perigosos, cumpriranse as normas técnicas vixentes relativas ao envasado, etiquetaxe, almacenamento e traslado establecidas na lexislación de aplicación.

Tal e como recolle o estudo ambiental, ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos etc. deberán ser desmanteladas e, se é o caso, restaurados os espazos ocupados por elas á súa situación preoperacional. Isto é aplicable no caso das balsas de decantación e de vías de obra que non vaian ser empregadas ao remate daquelas.

29. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectasen impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación de aplicación, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. De manifestarse a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarallo a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural, terase en conta o seguinte:

a) Non se poderán executar pistas de novo trazado nas áreas de protección integral e respecto dos elementos do patrimonio cultural. A realización de calquera tipo de obra nas áreas de protección dos citados elementos precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

b) Cando se definan os proxectos de rede viaria e de acondicionamento de predios, e logo do inicio das obras, o promotor remitiralle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe, unha avaliación do impacto destes proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona de concentración parcelaria. Tal e como se recolle nas medidas correctoras propostas do informe arqueolóxico incluído no estudo ambiental, deberá realizarse unha prospección arqueolóxica, con metodoloxía intensiva, do ámbito afectado polos proxectos anteriormente referidos. Para tal fin, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

c) As avaliacións do impacto sobre o patrimonio cultural a que se fai referencia na alínea anterior deberán contar cunha ficha individualizada de cada elemento en que se fará constar: delimitación dos ámbitos de protección e o seu reflexo na fotografía aérea, na fotografía catastral, especificacións técnicas e características construtivas da obra ou proxecto que ocasiona o impacto e proposta de medidas protectoras e correctoras.

d) Unha vez informados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural os documentos a que se fai referencia na alínea anterior, deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito da zona de concentración parcelaria. Para tal fin e logo do inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

e) No deseño dos proxectos de rede viaria e de acondicionamento de predios, deberanse ter en conta (adoptando as medidas oportunas para a súa conservación, preservación e recuperación) os antigos camiños e corredoiras, valados de pedra, muros e peches tradicionais etc, que configuran funcional e estruturalmente a paisaxe galega e caracterizan culturalmente o territorio. Os que por forza haxa que retirar, deberán ser obxecto de recuperación, desmontándoos e aproveitándoos para definir os novos predios.

f) Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación se deberán revisar os impactos e valorar a aplicación das medidas correctoras.

g) Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

2. Nesta fase, e en relación co informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial de Ourense da Consellería do Medio Rural, terase en conta que as accións que se van desenvolver dentro do proceso concentrador deberán ser compatibles coa lexislación existente en materia de montes veciñais, procurando regularizar o contorno dos montes, mellorar os accesos, etc., e que é primordial conservar na parroquia de Quins calquera masa arbórea que resistise aos lumes que sucederon na zona.

3. No proceso de concentración parcelaria conservaranse integramente as áreas de ribeira que presenten bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), hábitat natural prioritario recollido no anexo I da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, co código 91E0*.

4. Ademais do anterior, conservaranse ao máximo posible as formacións de arboredo autóctono de frondosas (especialmente se constitúen carballeiras montano ou galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica), que segundo o estudo ambiental poden atoparse nas valgas do nacemento do río Brul e do regato do Candal (entre os lugares de Vivenzo e Covelo), e no curso medio do citado río (entre os lugares de Negrelle, Quins, Vilaverde e Barcia), así como de coníferas (especialmente as masas en que se mesturan Pinus pinaster e Quercus pyrenaica).

Tamén os cursos fluviais e a súa vexetación de ribeira (aínda que non constitúa un hábitat prioritario), os ecosistemas intimamente ligados á auga, todas as árbores -aínda que constitúan pés illados (de Castanea sativa, Olea europaea, Ulmus minor, etc.)- e monteiras singulares, as sebes, os lindeiros arborados e arbustivos de límite entre parcelas, os corredores ecolóxicos e ecotonos, as especies vexetais e faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas (anfibios como Chioglossa lusitanica, Rana iberica e Salamandra salamandra, ou mamíferos como Galemys pyrenaicus, Myotis myotis, e Rhinolophus ferrumequinum, todos eles incluídos no Catálogo galego de especies ameazadas), os valados de pedra, a paisaxe agrícola tradicional galega e, de non estar recollidas entre as anteriores, as áreas que figuran no estudo avaliado como de interese ambiental.

5. En relación coa protección do bosque autóctono, procurarase, tal e como se sinala no estudo ambiental, a súa asignación á masa común fronte ás outras alternativas, sempre que esta medida garanta a mellor protección das masas.

6. No que respecta á protección dos pés de acivro (Ilex aquifolium) que puidesen atoparse na zona de concentración, observarase o disposto na Orde do 10 de decembro de 1984, lembrando que a especie está declarada protexida por esta orde, o que supón prohibición da súa arrinca, corta, recollida ou desenraizamento.

7. Ao longo de todo o proceso de concentración, pero especialmente no deseño da rede viaria e dos predios de substitución, adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto ambiental e das establecidas nesta DIA, co fin de evitar ou minimizar a afección aos citados elementos. Terase en conta tamén a presenza das rutas de sendeirismo recollidas no estudo como sinalizadas (ruta dos Muíños) ou en proxecto no momento da súa redacción (Camiño Real), así como áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer, que non deberán sufrir alteracións.

8. A rede de camiños da concentración e as obras que se realicen, en xeral, deberán deseñarse tendo en conta todos os criterios indicados no estudo ambiental e nesta DIA, así como as seguintes medidas que matizan ou amplían as anteriores:

Aproveitarase o máximo posible a traza dos camiños existentes, ben sexan forestais ou convencionais, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas. Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo e será preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura e evitar a erosión. A modelaxe dos noiros resultantes, se é o caso, evitará formas demasiado artificiais.

Como norma xeral, os camiños que se proxecten non superarán un largo total, incluíndo cuneta e beiravía, de 6 metros para os de acceso agrícola, e de 8 metros naqueles que comuniquen parroquias ou núcleos entre si. En zonas de monte, a largura das pistas será a necesaria para o mantemento dun uso forestal, sendo preferible que esta largura sexa a mínima que permita a manobra e creando, pola súa vez, cada certa distancia, zonas máis largas a modo de apartadoiros que permitan o xiro dos vehículos e a acumulación da madeira de corta ata o seu transporte.

As comunidades vexetais de interese que se atopen no discorrer dun camiño existente que se vaia acondicionar incluiranse neste, pasando a ser dominio público, co obxecto de asegurar a súa persistencia.

Previamente á execución das obras, procederase á implantación e balizamento dos puntos de interceptación da obra coas canles, evitando así afeccións innecesarias á rede hídrica.

Á saída dos pasos de auga colocaranse dispositivos protectores ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas de drenaxe aos cursos naturais. A este respecto, deberá desenvolverse un plan de seguimento hidrolóxico durante as fases de obras e explotación, conforme o sinalado no punto C.1.10 desta DIA.

Elixirase a alternativa de deseño que supoña un menor número de cruzamentos de cursos fluviais. Se os cruzamentos fosen necesarios, realizaranse preferentemente mediante estruturas que non alteren o leito fluvial, con estribos ou piares situados a unha distancia mínima de 5 m do bordo da canle (incluíndo a súa cimentación). Os anteditos cruzamentos deberán presentar trazado perpendicular á dirección do fluxo, sen que a súa construción poida representar alteracións del.

Para canles de certa entidade, a opción preferente de deseño debe ser a opción ponte. De non ser posible a súa construción, a estrutura que se elixa (obras de paso tipo pórtico, evitando pasos tipo marco ou tubo) levará a súa base enterrada no leito e, estará sobredimensionada para evitar contraccións e turbulencias excesivas na zona de transición do río á obra e deberá conseguir manter as mesmas condicións naturais do río, favorecer o paso da fauna ictícola en todo momento (tamén en datas de escaso caudal), garantir un calado mínimo de 20 cm etc.

9. Tal e como se recolle no estudo ambiental, desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser a aparición de edificacións ou peches, o abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos, roturacións ou cortas indiscriminadas de vexetación ante a incerteza dos propietarios pola titularidade futura das parcelas.

Neste sentido, lembraráselles aos propietarios a obriga legal de obter autorización ou permiso para a corta de especies arbóreas, así como a existencia doutras limitacións ou obrigas establecidas na normativa vixente ao respecto (leis 9/2002, modificada pola 15/2004; 43/2003, modificada pola 10/2006; 5/2006, 3/2007, 7/2007, Decreto 105/2006...), e procurarase telos informados en todo momento da marcha do proceso de concentración, establecendo canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso.

10. Ademais de cumprir o sinalado no punto B.1.8 desta DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá completarse e recoller especificamente os seguintes aspectos:

Se é o caso, e baseado nas conclusións da adaptación do estudo acústico ao proxecto de rede viaria (segundo o sinalado no punto B.1.1 desta DIA), un plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras, no cal constarán os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade dos controis etc. Este plan de seguimento basearase no disposto no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

Detalle do plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación.

No que respecta ao plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais, e unha vez que se dispoña do proxecto de rede de camiños de concentración, o promotor revisará a proposta recollida no estudo ambiental para o establecemento de puntos de toma de mostras de auga (concretamente no plano titulado Mapa de medidas preventivas, correctoras e P.V.A. Plano 5.1) co fin de (tendo en conta aqueles lugares onde se poida producir maior arrastre de partículas por movementos de terra e tránsito de maquinaria) mantela, ampliar os puntos de mostraxe de xeito que se vexan representadas todas as zonas afectadas polas obras, ou establecer outros novos. En calquera caso a elección dos referidos puntos de mostraxe deberá estar suficientemente motivada desde o punto de vista ambiental.

Os parámetros que se van analizar nas mostras de auga serán os propostos no estudo ambiental, ademais de sólidos en suspensión e hidrocarburos. Para a fase de explotación analizaranse tamén nas augas o amoníaco, nitróxeno nítrico e pesticidas.

Tal e como se recolle no estudo de impacto ambiental, a periodicidade de realización das analíticas para o control da calidade das augas durante a fase de obras será mensual e, durante a fase de explotación, semestral durante os dous primeiros anos e anual durante os seguintes.

Terase en conta que previamente ao inicio das obras deberán levarse a cabo campañas preoperacionais do plan de seguimento de control da calidade das augas e, se for o caso, do nivel de ruído. Os resultados das devanditas campañas incorporaranse aos informes e memorias de seguimento ambiental (tanto aos da fase de obras como aos de explotación) que se elaborarán segundo o recollido nos puntos C.2.7 e C.3.4 desta DIA, para comparalos cos datos que se obteñan en cada período de seguimento. Os puntos de mostraxe das augas en fase de obras e de explotación serán os mesmos ca os escollidos para a realización das campañas preoperacionais, co fin de poder establecer unha comparativa efectiva dos resultados acadados.

11. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitiralle a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración parcelaria, que incluirá, sen prexuízo do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia (con especial atención ao sinalado sobre a elaboración dun plan forestal para a zona de concentración), o proxecto da rede de camiños, con indicación das alternativas estudadas ao respecto, e un anexo específico no cal se documente adecuadamente a inclusión no citado proxecto tanto das medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias propostas no estudo de impacto ambiental como de todas as cuestións derivadas do cumprimento das condicións desta DIA (especialmente o proxecto de integración paisaxística e o programa de vixilancia ambiental).

C.2. Fase de execución.

1. En relación co informe emitido polo órgano de bacía, cando o trazado dunha vía de comunicación cruce un val fluvial, deberán adoptarse as medidas precisas para evitar o aumento da área inundable. Deixarase libre de obstáculos, como mínimo, a vía de intenso desaugamento, ou no seu defecto, porase en coñecemento dos afectados a nova situación co fin de coñecer as reclamacións que procedesen. No suposto de que a vía de comunicación discorra polos vales fluviais, o seu trazado deberá ser sensiblemente paralelo ás liñas de corrente, adoptando as medidas necesarias para evitar a sobreelevación das augas. En ambos os casos a sobreelevación non poderá ser superior a 10 cm.

2. Controlarase a escorrega superficial que se orixine na área de parque de maquinaria e de instalacións auxiliares, mediante a construción dunha gabia perimetral con encachado de pedra natural, que drenará toda a auga acumulada a unha balsa de decantación, emprazada augas abaixo do parque. A balsa estará perfectamente valada co fin de evitar accidentes e os lodos xerados xestionaranse de acordo coa normativa de aplicación ao respecto.

3. Serán obxecto de especial atención no tocante á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, así como obxecto dun intenso seguimento e vixilancia ambiental, os elementos e áreas sensibles sinaladas ao longo do punto C.1 da DIA.

4. Dado que entre as aves rapaces presentes na zona de estudo figura a rapina cinsenta (Circus pygargus), que nidifica sobre o solo en ambientes de mato con pasteiros e polo tanto é susceptible de verse afectada polo proceso de concentración, estableceranse os controis oportunos para a detección de posibles parellas reprodutoras nas áreas que vaian ser afectadas polas obras.

No caso de detectarse a nidificación, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, que poden incluír o establecemento dun perímetro de protección duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata que finalice o período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona afastada), e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.

5. No referente aos labores de corta de arboredo, previamente á súa execución, verificarase a ausencia de avifauna nidificante de interese nos pés implicados. En caso afirmativo, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor. En especial, atenderase á presenza de aves rapaces (na zona detectáronse, entre outras, azor, gabián e millafre negro), moitas de cuxas especies están acollidas a figuras legais de protección ou figuran en diversos catálogos e publicacións, que poñen de manifesto a importancia da súa conservación.

6. Tal como se recolle no estudo de impacto ambiental avaliado, evitarase que o período de obras (labores de corta e roza, movementos de terra etc.) coincida con períodos de cría e/ou nidificación da fauna especialmente sensible presente nesta zona de concentración. Así, prestarase atención á presenza na zona de especies que nidifican nas ribeiras dos ríos como o merlo rieiro (Cinclus cinclus), e outras como o piquelo azul (Sitta europaea) que nidifica en bosques caducifolios de certa extensión e atopa un hábitat apropiado en plantacións de coníferas que alcancen unha certa idade (especie moi castigada polos incendios forestais). Ademais, as obras realizaranse sempre que sexa posible en horario diúrno.

7. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se fai referencia ao longo desta DIA e, como órgano substantivo, cumprirá o disposto no artigo 18 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Durante a fase de obras elaborarase a seguinte documentación de seguimento, cos contidos mínimos que se sinalan a seguir:

a) Trimestralmente:

Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto de concentración, acompañado de plano en planta no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

Memoria do seguimento ambiental, incluíndo os resultados dos controis mensuais da calidade das augas propostos no estudo ambiental e, se é o caso, do nivel de ruído, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico e control da presenza de parellas reprodutoras de Circus pygargus. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, incidencias ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra e sobrantes de terra etc. O informe reflectirá o cumprimento desta declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados ao longo do punto C.1 desta DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora e debe ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, en que quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA. Describirase detalladamente o estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección do solo e da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Ademais, incluiranse na memoria, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona e demais formacións e áreas de interese sinaladas ao longo do citado punto C.1, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración e das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e hora e virán acompañadas dun plano de localización.

C.3 Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante a adopción de criterios de sustentabilidade ambiental no uso das parcelas asignadas a cada propietario.

Por outra banda, evitarase que os usos actuais dos terreos cambien dun xeito radical, en especial a transformación de terreo forestal en agrícola, para evitar modificacións substanciais do balance hídrico da zona. Así mesmo, atenderase a outras posibles limitacións ou obrigas legais en canto ao uso dos predios de substitución, tendo en conta a normativa a que se fai referencia no punto C.1.9 da DIA e o respecto aos elementos e áreas sensibles indicados ao longo do devandito punto C.1.

Neste sentido, e tal como se recolle no estudo ambiental, considérase de especial importancia o desenvolvemento de accións de información e asesoramento ambiental aos propietarios dos predios, co obxecto de que sexan coñecedores dos valores ambientais e culturais que poidan albergar os seus predios de substitución e das medidas contidas no Código galego de boas prácticas agrarias, medidas que estes deberán poñer en práctica de cara a un aproveitamento das parcelas máis respectuoso co ambiente. Ademais, os propietarios comprometeranse a manter o uso que se asigne ás parcelas ao longo desta fase.

2. Dada a natureza basicamente forestal dos terreos obxecto de concentración:

O deseño das repoboacións procurará evitar a continuidade de masas monoespecíficas de eucalipto ou piñeiro, co fin de impedir unha doada propagación de incendios forestais. En concreto, non se realizarán plantacións de eucalipto nas bandas de protección dos cursos fluviais, nin tampouco en zonas con pendente superior ao 40%. Tamén se desaconsellan as plantacións de piñeiros nestas bandas.

Respectaranse as distancias mínimas establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, e tomaranse as medidas necesarias para manter as faixas de especial protección. Aproveitarase o proceso de concentración para deseñar e executar, na medida do posible, as ditas faixas, especialmente no referente ao núcleo rural principal e na banda de 50 metros arredor dos primeiros predios destinados a uso agrario. Non se poderán realizar repoboacións forestais en solo urbano e núcleos rurais, nin en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pasteiros, con independencia da súa cualificación urbanística. Só se poderán realizar repoboacións con frondosas autóctonas en zonas agrícolas cando estean previstos nun plan de ordenación de cultivos e forestal, sempre e cando non interfiran no desenvolvemento agrario da zona.

Levaranse a cabo boas prácticas forestais que incluirán:

Promover as masas mixtas de frondosas autóctonas.

Durante as cortas, evitar danos nas frondosas autóctonas que non sexan obxecto de aproveitamento.

Fomentar a función recreativa e social das zonas forestais máis próximas aos núcleos rurais.

Procurar evitar as queimas controladas.

Minimizar os impactos paisaxísticos racionalizando as superficies de corta e deixando pequenas monteiras maduras que interrompan a uniformidade da corta.

3. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

4. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que como mínimo inclúa:

Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Incluiranse os resultados dos controis da calidade das augas e describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, poboación reprodutora de Circus pygargus tras o proceso de concentración, estado das vías da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.

Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, referida a todos os seus elementos, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

Se for o caso, incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os tres primeiros anos de seguimento, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realizarán en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2008. Joaquín Lucas Buergo del Río, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Resumo das características da zona de concentración parcelaria.

A zona de Quins destaca por ter unha alta porcentaxe de terreos de montaña, relegando os de certa aptitude agrolóxica á proximidade das poboacións. Os terreos obxecto de estudo correspóndense con profundos vales, con ladeiras de moderada e elevada pendente (en ocasións superiores ao 50%) e/ou pedregosidade, que definen o territorio en dirección NO-SE, comunicando altitudes por encima dos 1.000 m con outras duns 100 m.

Os terreos de maior vocación agrícola localízanse nunha área coñecida como Os Chans, zona de paso das dúas grandes vías de comunicación presentes (a autovía das Rías Baixas A-52 e a estrada N-120). Ben que nesta área os depósitos aluviais dan lugar a solos bastante estables e profundos, os solos maioritarios son os que aparecen nas ladeiras e zonas de serra, sen apenas ocupación vexetal ou destinados a uso forestal. En ocasións estes solos aparecen en forma de terraza, cuestión que permite a mecanización dalgúns de pendentes moderadas ou elevadas nas proximidades das poboacións fóra da citada área agrícola.

No que respecta á hidroloxía, a zona de estudo pertence ao sistema do Miño baixo, subsistema Arnoia-Avia. O principal río da zona é o Brul (ou Outeiro) que atravesa a parroquia de Quins lonxitudinalmente de NO a SE e que ten como afluentes principais os regatos do Candal, da Freixa, do Regueiro e do Casal. Tamén destaca a presenza do río Cerves, que fai de límite natural entre a parroquia de Quins e a de Melón.

No que respecta á vexetación potencial da zona, dúas son as series de vexetación que se poden atopar: serie montano e serie galaico-portuguesa acidófila do carballo Quercus robur (a primeira para as zonas máis altas). Non obstante, a presenza actual de formacións climáticas é moi reducida. As manifestacións de bosque autóctono redúcense ao fondo de valgas, sempre localizadas con zonas de difícil acceso, sendo característico que os carballos formen orlas arredor das ripisilvas das ribeiras dos ríos que transcorren polo fondo dos vales. Facer referencia á presenza de rebolo Quercus pyrenaica na mesma área, ou formando parte de masas mixtas con Pinus pinaster, que medran en solos castigados polo lume, ben que o seu porte nestas zonas é baixo.

O bosque de piñeiro, que gañou moito terreo na zona, xunto coas grandes áreas de matogueira presentes nas serras e ladeiras máis expostas, dominan a paisaxe da parroquia, paisaxe marcada pola superficie afectada por incendios forestais. A morfoloxía destes bosques vai desde masas pouco densas ata plantacións intensivas, pasando por formacións mixtas con rebolo naqueles solos máis evolucionados, que soen coincidir co contorno dos núcleos rurais.

Outro tipo de arboredo redúcese a determinadas zonas: pés illados de castiñeiro preto das casas, exemplares illados de Ulmus minor e Olea europaea e monteiras de mimosa por debaixo dos 400 m.

En canto á vexetación de ribeira, cando as canles transcorren por zonas castigadas polo lume (zonas altas dos regatos) esta limítase a unha franxa estreita de Alnus glutinosa, substituída por Salix salvifolius nas zonas de terrazas fluviais, e cando discorren por zonas máis conservadas, aparece o bosque de ribeira formando pequenas franxas paralelas a modo de masas de Alnus glutinosa de alto estado de conservación, moi encerellados, con alta diversidade, función protectora e capacidade de rexenerar nichos ecolóxicos. Estas formacións poden chegar a mesturarse coa vexetación asociada ás carballeiras.

Os terreos de cultivo e prados naturais son escasos. Os primeiros correspóndense con propiedades preto das casas en que se cultiva millo, pataca etc., ou viñedos, e os segundos con formacións de tapiz herbáceo que serven de alimento para o gando. Os prados ocupan zonas de pendente escasa ou moderada, que normalmente son atravesadas por pequenos cursos de auga. En ambos os casos destaca o elevadísimo grao de parcelación existente.

Visto o anterior, dedúcese que na área estudada son moi abundantes as zonas de altas pendentes, especialmente nas ladeiras do río Brul e os seus afluentes, zonas cubertas en gran parte por matogueiras de baixo porte. As zonas máis chas atópanse dedicadas á agricultura, constituíndo pequenas áreas arredor das poboacións definidas pola fisiografía tan abrupta que as rodea, de xeito que a agricultura xa chega ata o máximo posible (incluso con terrazas importantes nos lugares de Covelo e Negrelle), o que fai moi pouco probable que co proceso de concentración se poñan en cultivo zonas que presentan outro tipo de aproveitamento.

ANEXO II

Resumo das medidas preventivas e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental.

*Fase de formulación.

-Medidas preventivas xenéricas.

Definirase, na fase de proxecto, un único lugar para parque de maquinaria, almacenamento de residuos e materiais de obra. O parque deberá estar cerrado ao público e, cando finalicen as obras, devolveranse os terreos á súa configuración inicial, desenvolvendo medidas de descompactación e revexetación se for necesario.

Unha vez redactado o proxecto de concentración, revisarase o estudo acústico realizado co fin de valorar de novo a contaminación acústica.

Definiranse, previamente ao inicio das obras, aqueles lugares en que se realizará o depósito de sobrantes dos movementos de terra necesarios para a construción de camiños, respectando os valores ambientais identificados no estudo.

-Medidas preventivas sobre a vexetación.

O deseño dos novos predios deberá respectar os cursos fluviais e a vexetación de ribeira asociada, os bosques climáticos de carballo e/ou formacións de frondosas autóctonas, tratando de manter o maior número de sebes e muros tradicionais, en relación cos seguintes criterios:

Zonas excluídas do proceso de concentración parcelaria: zonas constituídas por formacións arbóreas autóctonas en bo estado de conservación. Incluiranse todas as zonas que formen parte do dominio público hidráulico ou de estradas, incluíndo a vexetación de ribeira. Os cursos de auga no interior de parcelas deberán manterse como lindeiro dos novos predios.

Zonas para conservar en máximo grao: todas as formacións arbóreas non excluídas, en que se recomenda, na medida do posible, o establecemento de masas comúns (terreos destinados ao fondo de terras) ou a adxudicación en último caso aos propietarios actuais. En caso de ser imprescindible, a afección causada a estes enclaves será corrixida restaurando unha superficie equivalente a tres veces a alterada. Inclúense dentro destas zonas as sebes densas con porte arbóreo ou semiarbóreo.

Zonas para conservar na medida do posible: zonas de prados naturais e pés illados de frondosas autóctonas, propoñendo que se adxudiquen ao mesmo propietario que entregou a parcela, e o axuste da xeometría dos novos predios para respectar estes elementos.

-Medidas preventivas sobre a paisaxe.

Mínima densidade de vieiros de nova execución, sen trazados reiterativos, con largos acordes ao servizo que deben ofrecer, sen pendentes exaxeradas etc.

A rede de camiños deberá apoiarse en gran medida sobre os camiños rurais existentes. Os camiños proxectados terán unha largura máxima de 7 m, dos que 5 serán para plataforma de tránsito e 1 a cada lado para gabias. Os movementos de terra serán os mínimos necesarios. Os camiños non terán tramos rectos moi longos.

Cando non se poida evitar que un camiño pase por unha área arborada de interese (zona para conservar en máximo grao) ou de pés arbóreos illados, tratarase de que polo menos un lado deste (o de maior interese ambiental) non se vexa alterado e pase a formar parte do dominio público. Faranse coincidir na medida do posible os antigos e novos lindes de predios.

-Medidas preventivas sobre o patrimonio cultural.

Delimitarase unha zona de conservación de restos arqueolóxicos, seguindo as recomendacións do informe realizado ao respecto.

*Fase de execución.

-Medidas preventivas xenéricas.

Control e prevención de nubes de po:

Procederase á rega de pistas con camión cisterna, en períodos prolongados de seca ou de fortes ventos.

Regularase a velocidade de circulación dos vehículos lixeiros de obra e prohibirase a circulación de vehículos fóra dos camiños de non ser estritamente necesario.

Transportaranse os materiais soltos en camións de caixa cuberta.

Protexeranse os amoreamentos de terra mediante a súa cubrición (lonas, plásticos etc.) ata o momento do seu reemprego/depósito.

Regulación e mantemento de maquinaria:

Procederase a un mantemento continuado da maquinaria de obra co fin de atenuar a emisión de ruído e de partículas contaminantes á atmosfera e as molestias ás persoas.

O mantemento, limpeza e reparación da maquinaria realizarase en talleres autorizados. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, estes traballos realizaranse no interior das zonas destinadas especificamente a iso. Disporanse todos os medios necesarios para a xestión dos efluentes xerados nestas operacións garantindo a non afección ao medio.

Elección da maquinaria de obra co fin de reducir as emisións:

As especificacións técnicas da maquinaria (que será homologada) asegurarán o cumprimento das limitacións de emisións de contaminantes, xeración de ruídos e vibracións, establecidos pola normativa vixente ao respecto. Se o anterior non for posible, preveranse todos aqueles medios para cumprir coa citada normativa.

Control e prevención de ruído:

Evitarase o traballo nocturno, instalaranse silenciadores nos equipamentos móbiles etc.

Limitación da zona de obras:

As actuacións relacionadas coas obras non se desenvolverán fóra da zona delimitada para iso, salvo en circunstancias excepcionais, sempre baixo a supervisión e aprobación do xefe de obra. Podería procederse ao balizamento da zona de obras, cando estas teñan lugar xunto a zonas ambientalmente sensibles.

Descarga de materiais:

As instalacións de obras e de amoreamentos de materiais localizaranse sobre solos sen cultivos ou vexetación natural, sobre áreas degradadas ou cruzamentos de camiños sen entorpecer o tráfico.

O mantemento de vehículos de obra desenvolverase nunha única localización.

Todos os residuos xerados nas obras almacenaranse nun lugar específico no parque de maquinaria, sendo enviados a xestor autorizado.

A repostaxe de combustible da maquinaria pesada realizarase mediante camións cisterna evitando o emprego de bidóns.

Os amoreamentos e descargas de materiais realizaranse na medida do posible sobre plataformas elevadas co fin de limitar a superficie que se vai compactar.

Depósito de excedentes de terras nunha área pouco sensible desde o punto de vista ambiental, co posterior acondicionamento e integración na súa paisaxe, cubrindo esta cunha cuberta vexetal estable.

No caso de necesitar material de préstamo, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Só en caso moi xustificado se procederá a empregar material de préstamo da zona, seleccionando para iso áreas que se vexan afectadas polas obras ou de escaso valor ambiental. Chegado este caso, restauraranse as zonas de préstamo para devolvelas á situación anterior ao desenvolvemento das obras.

Conservación (fertilización, vesadas etc.) da terra vexetal para o seu reemprego na restauración das superficies afectadas polas obras. Prohibirase a circulación de vehículos sobre os amoreamentos para evitar a súa compactación.

Os restos de muros tradicionais de cachotaría (en peches de predios) que teñan que ser desmontados serán integrados de novo no medio. En calquera caso, evitarase a demolición destas estruturas tradicionais.

Procederase á retirada dos elementos de obra tras a finalización desta, de xeito que as superficies queden dispostas para a integración ambiental e paisaxística.

Protección dos cursos fluviais:

Estará totalmente prohibido verter calquera material aos cursos de auga. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, necesitará da correspondente autorización do órgano de bacía correspondente.

Evitaranse os traballos en canles na época de maior risco de precipitacións.

En todo caso, o deseño de camiños deberá evitar modificar o réxime hidrolóxico da zona, evitando interromper a circulación das augas, mediante a construción de estruturas de paso en valgas e correntes. No caso de que sexa necesario cruzar cursos fluviais, empregaranse estruturas tipo ponte con deseños que afecten o menos posible o estado natural da canle.

Limitarase a eliminación de vexetación ao estritamente necesario, desenvolvendo todas as actuacións necesarias para a súa protección.

Igualmente desenvolveranse medidas de cara á prevención de incendios, como a prohibición de abandonar sobre o terreo calquera material que poida contribuír á súa xeración etc.

Transparencia informativa.

Ademais das medidas previstas no estudo arqueolóxico da zona, procederase á delimitación de todos os xacigos e edificios.

Garantirase o normal servizo das infraestruturas e servizos na zona que se vai concentrar. En calquera caso, ao remate dos traballos restituiranse estes ata a súa situación orixinal.

Manterase a permeabilidade territorial.

-Medidas correctoras.

Procederase á restitución xeomorfoloxica e paisaxística da zona, en especial no contorno dos novos camiños. Buscaranse formas onduladas, evitando perfís rectos, e favorecerase a revexetación, natural ou forzada.

Procederase nas actuacións de revexetación á sementeira de especies herbáceas tanto nos predios acondicionados como nos terrapléns dos novos camiños, como en xeral en todas as zonas nas que se afectase a vexetación, facilitando a introdución posterior de exemplares arbóreos (que serán autóctonos). Ademais de repoñer o arboredo que resultase eliminado a causa das obras, incrementarase na medida do posible a masa arbórea da zona.

Tras os traballos de acondicionamento de vieiros e predios, a terra vexetal amoerada durante as obras reempregarase naquelas zonas onde se vaian efectuar plantacións e sementeiras.

Os labores de restauración desenvolveranse especialmente nas masas de árbores que puidesen ser afectadas polas obras de acondicionamento, nas zonas con pendentes superiores ao 20%, en zonas con vexetación de ribeira, e nos lindes dos predios repoñendo os exemplares arbóreos.

Recoméndase que, nas zonas de pendente onde se realice a roza de vexetación, se constrúan pequenos sucos transversais co fin de frear a escorrega superficial e con iso o arrastre de partículas e outros elementos aos cursos de auga.

Construiranse as estruturas de drenaxe que sexan necesarias para evitar fenómenos de erosión.

Respectarase a vexetación de ribeira. A maquinaria de obra soamente cruzará ríos e regatos a través de camiños ou pasos existentes.

En ningún caso poderá ser variada a traza dunha corrente de auga superficial, ou alterada a natureza dun manancial ou pozo sen contar coa autorización correspondente.

Proponse a restauración como corredores de fauna dos 5 m de protección de ríos e regatos, mediante plantación de especies ripícolas. Tamén serán obxecto preferente de restauración as zonas sobre as que se realicen accesos temporais ou amoreamentos.

Non se procederá ao alargamento dos camiños que teñan unha sección considerable e con presenza de árbores en ambas as marxes.

Procederase á limitación e control de actividades que poidan molestar á fauna da zona durante a época de reprodución e cría, con especial atención ás especies singulares da zona. Antes das obras realizarase unha prospección que permita situar con exactitude aqueles árbores sobre os que se situasen niños de aves, niños que serán trasladados a unha situación próxima fóra de afección, de ser especies comúns. De localizarse algún niño de especie relevante durante as obras, ben se procederá á interrupción destas ou ben á súa demora ata a finalización da época de cría. Neste sentido, recoméndase a realización das obras fóra da época de cría de aves nidificantes, é dicir, de xullo a febreiro.

Reemprego na restitución paisaxística dos materiais propios da obra, na medida do posible. Na restitución do terreo sempre se buscará a súa cota orixinal.

*Fase de explotación.

-Medidas preventivas.

Formación e sensibilización das persoas que vaian explotar os terreos: divulgación do Código galego de boas prácticas agrarias.

Desenvolvemento de actuacións de concienciación e asesoramento aos propietarios: prevención da contaminación ou modificación das características físico-químicas do solo mediante o fomento de fertilizantes naturais e diversificación das producións dos cultivos, adecuado emprego de tratamentos artificiais fertilizantes e fitosanitarios etc.