DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 12 de xaneiro de 2009 Páx. 612

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 294/2008, do 11 de decembro, polo que se declara paisaxe protexida os Penedos de Pasarela e Traba.

O Convenio Europeo da Paisaxe, feito en Florencia o 20 de outubro de 2000, e ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008 (BOE do 5 de febreiro) establece, no seu artigo 1, que por paisaxe se entenderá calquera parte do territorio tal e como a percibe a poboación, cuxo carácter sexa o resultado da acción e a interacción de factores naturais e/ou humanos. O citado artigo indica tamén que por protección da paisaxe se entenderán as accións encamiñadas a conservar e manter os aspectos significativos ou característicos dunha paisaxe, co fin de guiar e harmonizar as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, inclúe ás paisaxes protexidas entre as categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 34 desta lei sinala que as paisaxes protexidas son aquelas partes do territorio que as administracións competentes, a través do planeamento aplicable e de acordo co Convenio Europeo da Paisaxe, consideren merecentes dunha protección especial polos seus valores naturais, estéticos e culturais. A xestión das paisaxes protexidas terá como obxectivos principais a conservación dos valores singulares que as caracterizan, así como a preservación da interacción harmoniosa entre a natureza e a cultura desa zona.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.30º, a competencia exclusiva da nosa comunidade autónoma para ditar normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1º.23 da Constitución. No exercicio desta competencia o Parlamento de Galicia aprobou, entre outras, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, co fin de preservar e ordenar todos os elementos que a configuran no marco do desenvolvemento sustentable, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, por canto transcende os eidos ambientais, culturais, sociais e económicos. Con suxeición ao establecido no artigo 5 desta lei, os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza ten por obxecto establecer as normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e a adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da Comunidade Autónoma galega, da difusión dos seus valores, así como a súa preservación para as xeracións futuras. A citada lei inclúe as paisaxes protexidas entre as categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 15 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, sinala que as paisaxes protexidas son espazos que, polos seus valores singulares, estéticos e culturais, ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, sexan merecentes dunha protección especial. O réxime de protección das paisaxes protexidas estará dirixido expresamente á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais coma socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.

O macizo de Pasarela e Traba está constituído por un conxunto de elevacións graníticas situadas no noroeste da Comunidade Autónoma de Galicia, en plena Costa da Morte, entre os concellos de Vimianzo e Laxe, na provincia da Coruña. A parroquia vimiancesa de Pasarela eríxese no seu referente poboado polo sur, mentres que polo norte se acha o extenso val laxense de Traba e a aldea de Cabanela, da propia parroquia de Traba. Os límites entre os concellos de Vimianzo e Laxe dividen este macizo en dúas partes de similar extensión. Ao norte sitúase o territorio de Laxe, cunha superficie próxima ás 103 hectáreas e ao sur o de Vimianzo, cunha superficie aproximada de 109 hectáreas, o que suma unha superficie total de 212 hectáreas aproximadamente. O límite atravesa as elevacións case en dirección oeste-leste, aproximadamente pola Galla da Pena Forcada, na parte central da dorsal que constitúe o cerne da unidade elevada. Deixa ao norte as áreas da Torre da Moa e a Pena Forcada e, ao sur, as

formas dómicas da Pedra da Cachucha e as elevacións máis meridionais. Ambos os dous concellos comparten as unidades deprimidas ao leste e ao oeste da dorsal elevada.

A combinación de formas rochosas que presentan os Penedos de Pasarela e Traba conforma unha paisaxe singular que destaca pola súa beleza. A dorsal que se alonga desde a Cachucha ata a Torre de Moa, pasando pola Pena Forcada, forma un impresionante pano de fondo visible tanto desde a localidade de Pasarela como, dun xeito especial, desde a área de Traba. Postos no areal que cerra a lagoa, pódese contemplar unha das paisaxes máis fermosas da costa de Galicia.

Os penedos estannos a indicar, por unha banda, a súa relación con longos procesos de tipo tectónico durante os cales as rochas foron fracturadas, erguidas ou afundidas; por outra, o papel que na súa xénese tiveron os climas do pasado, as condicións climáticas máis quentes e húmidas que facilitaron a formación de profundas camadas de alteración. A existencia destas formas está a indicar igualmente a sucesión dun balance edafoxénese-morfoxénese, con momentos en que dominaba a estabilidade das abas a carón doutros en que o fundamental era a morfoxénese, é dicir, a exhumación motivada polos procesos de erosión, ao longo de miles, de millóns de anos. Este feito introduce outro elemento de análise importante: o coñecemento do comportamento das rochas ante diferentes ambientes climáticos froito dunha longa e complexa evolución xeodinámica.

Os valores culturais dos penedos sempre foron un elemento singular nas paisaxes galegas, verdadeiros fitos a que se asocian desde lendas e tradicións ata poderes curativos, tanto de enfermidades como, mesmo, de amores, desamores ou encantamentos. Por iso, os penedos non son unicamente pedras amorfas e sen valor; son, fundamentalmente, elementos figurativos, perceptuais e culturais das paisaxes.

No caso concreto de Pasarela, os penedos crean un escenario onírico de grande valor perceptivo que se pode admirar a diferentes escalas: a pequena escala, no seu conxunto, os penedos resaltan na paisaxe, sendo a Pena Forcada e a Torre da Moa os dous elementos máis visibles, a modo de agullas que se alongan cara ao ceo; a escala de detalle encadéase un conxunto de mesoformas, realmente extraordinario, no cal é posible admirar tanto formas zoomórficas como xeométricas ou antropomórficas, en calquera caso, dun grande valor. Incluso a escala de detalle, podemos ollar microformas moi significativas.

O interese de certos fitos xeográficos como a Torre da Moa e a Pena Forcada, así como algúns de formas singulares, por exemplo, a Pedra da Cachucha, O Berrón ou A Aguia, superan o concepto científico e acadan o ámbito cultural a nivel literario, de tradicións e de lendas. Demóstrase así que a natureza ten un forte significado para a sociedade e os grupos humanos que a viven, afectando a súa calidade de vida e benestar diario.

O valor didáctico da paisaxe protexida fai que os alumnos/as de diferentes niveis poidan ollar desde a rocha como materia ata a rocha como forma e, ao tempo, relacionar formas, orientacións e graos de alteración da rocha coa ocupación vexetal, sen esquecernos do papel da rocha como construtora de paisaxes.

E, por suposto, os penedos permiten relacionar as formas con obras escultóricas humanas ou coñecer as lendas e tradicións da zona ao tempo que ollar as paisaxes de Traba, por vía de exemplo, desde os seus cumes.

Os Penedos de Pasarela forman parte do patrimonio natural do país e, desde esta óptica, deben ser analizados e valorados. Fíxose unha análise pormenorizada da área para salientar os seus valores e chegar a delimitar a posible área de protección dentro do máis amplo macizo granítico.

Pódese afirmar que as áreas graníticas teñen unha ampla presenza en Galicia. En moitos lugares a súa presenza maniféstase por simples picoutos; pola contra, noutros, caso de Pasarela, o encadeamento de formas e microformas xera un espazo singular, sendo precisamente esta singularidade a que debe levar a pór en marcha unha política de protección integral. Ao tempo, débense desenvolver accións encamiñadas a rexenerar espazos naturais, reforestar certas áreas con especies autóctonas, sen esquecer propiciar iniciativas de posta en valor da área desde unha óptica marcada pola sustentabilidade.

Á parte do seu valor estético ou paisaxístico, as formas teñen un enorme valor científico porque permiten coñecer cal foi a evolución dunha paisaxe e, consecuentemente, como se poden someter aos instrumentos de planificación ou plans de conservación. O macizo dos Penedos de Pasarela e Traba reúne, por tanto, os valores necesarios para ser conservado íntegro no seu conxunto e para a posta en marcha da figura de protección paisaxe protexida.

A protección e a conservación do noso patrimonio natural é un mandado recollido no artigo 45 da Constitución e unha necesidade para asegurar a supervivencia dos nosos ecosistemas. As características e os singulares valores naturais, estéticos e culturais que presentan os Penedos de Pasarela e Traba son merecentes dunha protección especial e xustifican plenamente a súa declaración como paisaxe protexida.

Segundo establece o artigo 36 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e o artigo 24 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, corresponde á Xunta de Galicia, mediante decreto, a declaración das paisaxes protexidas situadas no noso territorio. De acordo co establecido nestes artigos, este decreto ten por obxecto a declaración dos Penedos de Pasarela e Traba como paisaxe protexida e o establecemento dun réxime de protección especial para este espazo natural.

Polo exposto e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación do consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración.

De conformidade co establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, declárase paisaxe protexida o espazo natural coñecido como os Penedos de Pasarela e Traba. Esta declaración producirá os efectos sinalados na sección terceira do capítulo IV do título I desta lei.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

1. Aplicáselle á paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba o réxime xurídico dos espazos naturais protexidos previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza a fin de conservar e protexer os importantes valores naturais que presenta canto á singularidade da súa xea, fauna e flora, así como respecto á dos seus propios ecosistemas e hábitats naturais e a singular beleza da súa paisaxe.

2. A paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba quedará incluída na Rede galega de espazos protexidos.

Artigo 3º.-Extensión e límites.

A paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, cunha superficie aproximada de 212 hectáreas, esténdese polos concellos de Vimianzo e Laxe, na provincia da Coruña. A extensión e límites deste espazo natural protexido aparecen recollidos no anexo deste decreto.

Artigo 4º.-Localización.

A paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba encádrase nas seguintes coordenadas en proxección UTM, fuso 29T VN:

Norte: X= 496.454,85. Y=4.780.177,84.

Leste: X=497.609,12. Y=4.780.117,84.

Sur: X=497.609,12. Y=4.777.502,30.

Oeste: X=496.454,85. Y=4.777.502,30.

Artigo 5º.-Actividades.

Dentro da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba procurarase o mantemento das prácticas de carácter tradicional que contribúan á conservación e preservación dos valores e recursos naturais deste espazo natural protexido.

Artigo 6º.-Xestión.

1. De conformidade co establecido no artigo 41 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a consellería competente en materia de ambiente será responsable da xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

2. Sen prexuízo do establecido no punto segundo do artigo 34 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba perseguirá os seguintes obxectivos:

a) En xeral, a conservación e a protección dos elementos desta paisaxe.

b) De xeito especial, a protección e a conservación dos penedos que integran esta paisaxe protexida.

c) Fomentar o coñecemento desta paisaxe protexida e o respecto dos seus valores naturais.

d) Promover a realización de programas de investigación e de educación ambiental da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

e) Promover un desenvolvemento económico e turístico desa zona que sexa respectuoso co medio.

f) Acadar unha relación harmoniosa dos habitantes desa zona co medio natural.

Artigo 7º.-Suspensión de actividades.

A consellería competente en materia de conservación da natureza instará a suspensión de toda actividade que non dispoña da preceptiva autorización, que non se axuste ás condicións da autorización outorgada, que incumpra o establecido nesta disposición administrativa, na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza ou calquera outra actividade que atente contra a conservación e a protección da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

Artigo 8º.-Avaliación de impacto ambiental.

1. A avaliación ambiental dos plans e programas que incidan no ámbito territorial da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba que, segundo a lexislación sectorial vixente, deban someterse a este procedemento farase con observancia do establecido no número 5 do artigo 10 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

2. As entidades promotoras de actividades e proxectos de obras e infraestructuras suxeitas á avaliación de impacto ambiental que incidan no ámbito territorial desta paisaxe protexida deberán incorporar no estudo de impacto ambiental dese proxecto, un estudo de impacto e integración paisaxística, conforme prevé o artigo 11.1º da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

3. O contido do estudo de impacto e integración paisaxística axustarase ao establecido no punto segundo do artigo 11 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Artigo 9º.-Plan de acción da paisaxe.

1. De acordo co establecido no artigo 12 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, elaborarase un plan de acción da paisaxe para a protección, xestión e ordenación da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba. Este plan de acción da paisaxe integrarase no plan de conservación da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba que elabore e aprobe a consellería competente en materia de ambiente.

2. O plan de acción da paisaxe axustarase ás determinacións contidas nas directrices de paisaxe para os Penedos de Pasarela e Traba elaboradas pola consellería competente en materia de ambiente, conforme os obxectivos de calidade paisaxística establecidos e incluirá, ademais, unha proposta de medidas para o mantemento, a mellora, a recuperación e rexeneración da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

Artigo 10º.-Potestade sancionadora.

A vulneración do réxime de protección establecido para a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, así como a inobservancia do plan de conservación desta paisaxe protexida ou da normativa que regula os espazos naturais protexidos, serán sancionadas de conformidade co disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, con suxeición ao procedemento legalmente establecido.

Disposicións adicionais

Primeira.-Con suxeición ao establecido no número 3 do artigo 23 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no prazo de dous anos desde a entrada en vigor deste decreto a consellería competente en materia de ambiente aprobará o plan de conservación da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

Segunda.-As explotacións mineiras existentes con anterioridade á entrada en vigor deste decreto poderán seguir mantendo a súa actividade sempre que estean legalmente autorizadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "00700D008P032.PDF"