DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 22 de xaneiro de 2009 Páx. 1.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 16 de xaneiro de 2009 polo que se aproban as bases reguladoras polas que se lles conceden axudas aos concellos de Galicia para a contratación de persoal técnico para a aplicación das normas do hábitat e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de vivenda.

Durante os últimos anos producíronse importantes cambios na regulación básica da edificación, que afectan significativamente a configuración física dos espazos da vivenda, ademais do feito de que o Decreto 311/1992, do 12 de novembro, sobre supresión de cédula de habitabilidade, tiña unha formulación clásica e limitada a aspectos básicos da edificación de vivendas, circunstancias que levaron á Consellería de Vivenda e Solo a publicar, o pasado 17 de xaneiro de 2008, o decreto polo que se aproban as normas do hábitat galego, coa finalidade de mellorar a calidade das vivendas e con iso a calidade de vida da cidadanía.

A viabilidade e aceptación deste decreto dependerá, en gran medida, da súa adaptabilidade á realidade urbanística vixente, sendo unha competencia municipal a verificación das condicións de habitabilidade. Así mesmo, establécese un mecanismo que permite unificar criterios no conxunto da comunidade autónoma, así como resolver as dúbidas que a interpretación da nova normativa xere. Trátase de entender a vivenda e o seu contorno inmediato ao longo da súa vida útil.

Por todo isto, a Consellería de Vivenda e Solo considera necesaria a concesión de axudas aos concellos de Galicia para a contratación de persoal técnico para facilitar a aplicación das novas normas do hábitat galego e así reforzar a presenza na Administración local de persoal técnico para o bo funcionamento de todos os servizos municipais de urbanismo, arquitectura e licenzas.

Esta orde obrará como elemento de traballo e colaboración entre administracións para a aplicación e xestión da normativa do hábitat que redunde na mellora da calidade de vida e da función administrativa a defensa dos seus propios intereses, constitucionalmente recoñecidos no artigo 137.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a Lei 38/2003, xeral de subvencións, aplicable nos seus preceptos declarados como básicos, constitúen a normativa a que se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, así como a Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar e aprobar as bases polas que se rexe a concesión das axudas en réxime de concorrencia competitiva aos concellos de Galicia para o financiamento da contratación de persoal técnico para a aplicación das normas do hábitat galego.

Artigo 2º.-Entidades destinatarias.

1. Poderán concorrer os concellos de Galicia ou agrupacións de concellos limítrofes que requiran técnicos cualificados para a implantación das normas do hábitat galego.

2. No caso de agrupación de concellos terán que achegar o compromiso de execución asumido por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios.

Artigo 3º.-Finalidade da subvención.

1. Fomentar a contratación de arquitectas/os ou arquitectas/os técnicos por parte dos concellos de Galicia que teñan como cometido a aplicación das novas normas do hábitat galego, mediante o asesoramento técnico, a confección dos informes necesarios para a tramitación das licenzas de edificación, así como o control no cumprimento destas nas licenzas de primeira ocupación.

2. A contratación de persoal realizarana directamente os concellos excluíndo as formas de xestión indirecta.

As/os arquitectas/os ou arquitectas/os técnicos serán contratados pola entidade local mediante a modalidade contractual que legalmente proceda.

O dito persoal dependerá exclusivamente do concello beneficiario da subvención, sendo a Consellería de Vivenda e Solo de todo allea ás ditas relacións laborais.

3. O desempeño deste traballo será incompatible co desenvolvemento profesional privado no ámbito territorial do concello ou concellos, se é o caso.

4. O persoal técnico que se contrate non poderá estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin atoparse inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

Artigo 4º.-Contía da subvención.

1. A axuda que se convoca consiste nunca achega anual máxima de 20.000 euros por cada solicitante.

2. Os concellos ou agrupacións destes deberán participar no financiamento do programa cun mínimo do 20% do orzamento total.

Artigo 5º.-Consignación orzamentaria.

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o importe dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 €.) con cargo á aplicación orzamentaria 17.02.451A.460, proxecto 2009 01111 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio 2009. En todo caso, as actuacións que se subvencionan deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2009.

Artigo 6º.-Compatibilidade con outras subvencións.

1. A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados para a execución do programa, sempre que a suma deles en ningún caso supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

2. A obtención por parte dos beneficiarios de recursos económicos declarados compatibles coa subvención concedida deberá ser comunicada á Consellería de Vivenda e Solo tan pronto se coñeza.

Artigo 7º.-Solicitudes: documentación.

1. As entidades que se refire o parágrafo 1 do artigo 2º interesadas en obter a subvención regulada nesta orde, deberán presentar a correspondente solicitude, subscrita por quen exerza a súa representación legal, conforme o modelo previsto no anexo I desta orde.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

-Certificación bancaria.

-Memoria xustificativa da necesidade existente no concello ou concellos para a contratación dun técnico para a implantación e o seguimento das normas indicadas no artigo 3º. Esta memoria incluirá unha referencia ao cumprimento dos requisitos exixidos, así como aos criterios de valoración desta convocatoria especificando o número de licenzas maiores e menores tramitadas nos últimos 2 anos.

-Unha declaración do representante legal do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para este mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

-Declaración responsable de cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de beneficiario segundo o artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Certificación do concello ou agrupación destes acreditativa de que nos seus ornamentos existe partida orzamentaria suficiente para esta finalidade, como mínimo do 20% do seu orzamento total.

-A que acredite a personalidade e o apoderamento suficiente e subsistente de quen, en nome e representación da entidade solicitante, solicite a subvención.

-Certificado do acordo municipal para solicitar a subvención prevista.

-No caso de agrupación de concellos, o certificado de compromiso recollido no punto 2 do artigo 2º.

Artigo 8º.-Lugar de presentación.

Esta documentación presentarase no rexistro da Consellería de Vivenda e Solo ou nos das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Publicidade.

1. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Vivenda e Solo publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias co importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

2. Así mesmo, de acordo coa DA 1ª do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a entidade beneficiaria autoriza a Consellería de Vivenda e Solo para incluír e facer públicos, nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións, os datos relevantes referidos á axuda recibida.

Artigo 11º.-Instrución do procedemento.

1. Será competente para a instrución do procedemento a Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, que comprobará que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos nesta orde e procederán, en caso contrario, a reclamarlles por escrito aos interesados/as que emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de dez días, se considerará que desistiron da súa petición, de acordo co artigo 20.5º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, logo de resolución do órgano competente segundo o artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de emenda, a comisión de valoración avaliará as solicitudes presentadas conforme os criterios establecidos nesta orde e emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A comisión de valoración, que axustará o seu funcionamento ás normas reguladoras da actuación dos órganos colexiados previstos nos artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, estará formada por:

-Presidenta/e: a persoa titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

-A persoa titular do Servizo de Arquitectura e Habitabilidade.

-A persoa titular da Sección de Arquitectura e Habitabilidade.

-Unha persoa en representación da FEGAMP.

-Unha persoa en representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

-Unha persoa en representación do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Galicia.

4. Actuará como secretaria/o unha/un das dúas/dous funcionarias/os anteriormente mencionadas/os. En caso de empate, dirimirá o voto de calidade da presidencia.

5. Remitido ao órgano instrutor o informe da comisión de valoración, este formulará proposta de resolución definitiva, en que se expresará:

-Relación de solicitudes para as que se propón a concesión e a súa contía.

-Especificación da súa avaliación.

6. As propostas de resolución non crean ningún dereito a favor dos beneficiarios propostos fronte á Administración mentres non se notificase a resolución de concesión.

Artigo 12º.-Criterios de baremación das solicitudes.

As solicitudes recibidas serán valoradas seguindo os seguintes criterios:

-Carencia ou insuficiencia de persoal técnico, ata 5 puntos.

-Número de licenzas de edificación tramitadas nos últimos dous anos, ata 3 puntos.

-Agrupación de concellos limítrofes, ata 2 puntos.

-O emprego da lingua galega na realización de actividades para as que se solicita a axuda avaliarase ata 1 punto.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda por delegación da conselleira de Vivenda e Solo que, conforme o artigo 7.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, é o órgano competente para a resolución das subvencións.

2. A resolución ten que ser motivada e notificarase ás corporacións locais conforme o artigo 59 da Lei 30/1992.

3. A resolución ditarase no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e seralle notificada aos concellos pola Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes considéranse por desestimadas por silencio administrativo.

4. Unha vez notificada a concesión da axuda, os concellos ou agrupacións destes disporán dun prazo de 10 días para remitirlle á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda a certificación acreditativa da retención no seu orzamento do 20%, ou porcentaxe maior, se é o caso, do orzamento total da contratación. A non presentación en prazo da devandita documentación suporá a renuncia automática á subvención.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Non obstante, os concellos poderán formular, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, no prazo dun mes contado desde a súa notificación. No caso de empregar este recurso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a súa desestimación presunta.

Artigo 16º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e ao pagamento na forma que se indica a continuación:

a) Un primeiro pagamento do 10% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades así como unha copia compulsada do contrato e o curriculum vitae da persoa contratada.

b) Ata o 70% do total concedido mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos, que deberán incluír o recibido en concepto de anticipo.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local exixida no artigo 4º.2 desta orde.

2. En todo caso, a dita corporación deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando o destino final o que foi concedida.

3. Coa última certificación do gasto, que se presentará necesariamente no mes de decembro do ano correspondente á convocatoria da subvención, xuntarase a memoria xustificativa da execución do programa, así como unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas e concedidas, como as pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os concellos beneficiarios das axudas obríganse a:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Cumprir coas disposicións vixentes na materia laboral, de Seguridade Social e prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo.

c) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3º do artigo 15 da Lei 9/2007.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007.

i) Poñer á disposición das/os técnicas/os un espazo físico axeitado nalgunha dependencia municipal, así como os medios materiais e tecnolóxicos necesarios para desenvolver con eficacia o seu labor.

j) Integrar este persoal técnico nos servizos do concello.

k) Facilitar o control e a coordinación dos órganos competentes da Consellería de Vivenda e Solo respecto dos programas subvencionados desta mediante os informes e demais iniciativas de control e formación que se establezan.

l) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda para acreditar o cumprimento da finalidade obxectiva da subvención.

2. Segundo a DT 3º da Lei de subvencións e a Lei 16/2008, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009, os concellos quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou ser bebedores por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 18º.-Control e seguimento.

1. Os beneficiarios coordinaranse cos servizos técnicos da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda e, se é o caso, coas delegacións provinciais da consellería e facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda correspóndelle a coordinación e o seguimento da execución do programa subvencionado, para o que designará as/os técnicas/os encargadas/os das ditas funcións.

Artigo 19º.-Reintegro.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou a concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 20º.-Réxime sancionador.

As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de competencias da conselleira de Vivenda e solo na Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de pagamento en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2009.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "01500D009P012.PDF"