DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 30 de xaneiro de 2009 Páx. 2.061

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2009 pola que se publica o orzamento desta universidade para o 2009.

Con data do 22 de decembro de 2008 foi aprobado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela o orzamento da universidade para o ano 2009.

Esta reitoría, en uso das atribucións conferidas polo artigo 171 dos estatutos da universidade, resolve publicar o acordo do Consello Social, así como as súas normas de execución.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2009.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para o ano 2009

En virtude do disposto no artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no artigo 171 dos estatutos da universidade aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, por esta norma apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 2009, que acadan a contía inicial en ingresos e gastos de 245.925.400 euros.

1. Clasificación económica.

Ver referencia pdf "02100D008P045.PDF"

2. Normas de execución do orzamento.

Artigo 1º.-Os créditos e as súas vinculacións.

1. As partidas orzamentarias do orzamento de gastos para o 2009 preséntanse de acordo coas clasificacións orgánica, funcional e económica.

2. A vinculación dos créditos establécese conforme cos seguintes criterios:

a) Clasificación orgánica:

Os créditos que figuran no orzamento asignados a centros ou unidades orgánicas teñen carácter vinculante e limitativo a nivel de código orgánico, coas excepcións que se indican na alínea c).

b) Clasificación económica:

*Terán carácter vinculante e limitativo a nivel de capítulo:

­Os créditos destinados a gastos de persoal, agás o artigo 15 (gratificacións e produtividade), que manteñen a vinculación a nivel de artigo.

­Os gastos en bens correntes e servizos.

­Os gastos financeiros.

*Terán carácter vinculante a nivel de artigo:

­Os investimentos reais.

­Os activos e pasivos financeiros.

*Terán carácter vinculante a nivel de concepto as transferencias correntes e as transferencias de capital, agás o indicando no punto seguinte.

*Terán carácter vinculante no nivel de desagregación co que figuren no orzamento:

­Os créditos con financiamento específico.

­As subvencións nominativas.

c) Clasificación funcional:

*Con independencia dos puntos anteriores, terán só carácter vinculante a nivel de programa:

­Os créditos asignados ás Oficinas de Arquitectura e Urbanismo e á Oficina de Xestión de Infraestruturas, e o crédito para reposición, ampliación e mellora (RAM) asignados á Vicerreitoría de Infraestruturas (programa 300A).

3. Non se poderán adquirir compromisos de gasto por contía superior ao importe dos créditos autorizados no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

Artigo 2º.-Modificacións de crédito.

1. As modificacións de crédito exixirán unha proposta razoada da variación que se efectúe, e deberá valorarse a incidencia que poida ter, de ser o caso, na consecución dos obxectivos fixados no momento da aprobación do orzamento.

2. A autorización das modificacións de crédito axustarase ao disposto no artigo 175 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, de acordo coas seguintes particularidades:

a) As transferencias de crédito entre os diferentes capítulos de gastos, e as de gastos correntes a gastos de capital serán autorizadas polo Consello de Goberno.

b) As transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo serán autorizadas polo Consello Social, por proposta do Consello de Goberno.

c) Non obstante, o reitor autorizará aquelas transferencias que non superen o 5% do importe total do capítulo afectado, dando conta ao Consello de Goberno ou ao Consello Social, segundo se trate de operacións das letras a) ou b) anteriores.

d) As distribucións de crédito que se realicen tecnicamente como transferencias por exixencias do programa contable e que se corresponden coas dotacións efectuadas desde as partidas que actúan como fondos para distribuír (créditos centros docentes pendentes de repartición, aulas informáticas, prácticas de campo, programas de calidade, cursos posgrao, teses de doutoramento, concursos de provisión de prazas, imprevistos, proxectos, contratos e infraestruturas de investigación) serán autorizadas polo reitor.

e) As modificacións que haxa que realizar dentro do programa 300A, de acordo co artigo 1º.2, serán autorizadas polo reitor.

3. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da universidade, coa aprobación do reitor, os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzamentada, derivados das seguintes operacións:

*Prestacións de servizos.

*Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da universidade.

Artigo 3º.-Gastos de persoal.

1. As retribucións do persoal activo ao servizo da universidade quedan suxeitas ao que, nesta materia, dispón a Lei de orzamentos da comunidade autónoma galega.

Os custos de persoal docente e investigador, así como os de administración e servizos, deberá ser autorizados pola comunidade autónoma. Os proxectos de disposicións que creen ou modifiquen a estrutura orgánica da universidade ou os cambios das relacións de postos de traballo non derivadas dunha nova estrutura orgánica, incluíndo o seu custo, remitiranse á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coas instrucións que esta fixe para a autorización dos custos pola comunidade autónoma.

2. As contratacións de persoal para substitucións de vacantes, baixas por enfermidade ou outras causas serán financiadas con cargo aos créditos dos correspondentes cadros de persoal sempre que exista crédito dispoñible. Para estes efectos, a Xerencia ditará as instrucións necesarias para asegurar o control orzamentario na xestión dos créditos correspondentes.

3. Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal con motivo da prestación de servizos financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán superar os ingresos.

4. A Xerencia determinará os gastos de persoal que deban ser cofinanciados entre distintas partidas do orzamento e emitirá as modificacións de crédito que correspondan.

5. Terán a consideración de créditos ampliables os créditos para o pagamento dos conceptos de mérito docente, produtividade investigadora, complemento retributivo autonómico, complementos asistenciais Servicio Galego de Saúde, complemento asistencial Rof-Codina, trienios, formación PAS e Seguridade Social.

6. Inclúense no capítulo I os créditos destinados ao financiamento dos planos de formación do persoal de administración e servizos, así como os correspondentes á acción social do persoal.

7. A Xerencia establecerá o procedemento para o seguimento da execución do capítulo I.

Artigo 4º.-Créditos de centros, departamentos e institutos.

1. Os créditos asignados aos centros docentes terán por finalidade financiar os gastos da docencia, así como tamén aqueles gastos que son necesarios para o seu funcionamento ordinario. Namentres non se efectúe a distribución por centro destes créditos de acordo cos criterios establecidos, consignarase como crédito inicial para cada centro o que figura no anexo 2 destas normas, que equivale ao 75% do orzamento destas partidas segundo os criterios de repartición de 2008 redondeado a múltiplos de 10. A diferenza global orzamentada permanecerá como de repartición que se distribuirá con posterioridade.

2. Os créditos distribuídos aos departamentos teñen como primeiro obxectivo atender os gastos derivados da investigación que se faga neles, e deberán financiar, ademais, outros gastos asociados ao seu funcionamento ordinario.

3. Non se poderá contratar persoal ou nomear bolseiros con cargo aos créditos dos departamentos e institutos universitarios; non obstante, poderase utilizar o crédito, logo de realizar as modificacións que correspondan, para cofinanciar contratos ou nomeamentos de bolseiros dentro de programas públicos de incorporación de investigadores.

4. As xuntas de centro e os consellos do departamento e institutos acordarán os criterios de xestión e utilización dos seus créditos, de acordo con esta norma e as instrucións que se diten ao respecto.

Artigo 5º.-Xestión e contabilización dos créditos e gastos.

1. De acordo coas instrucións operativas que se diten, as autorizacións de crédito que se realicen e que afecten exercicios futuros (contratación administrativa ou contratación de persoal) serán contabilizadas no exercicio que proceda, e manteranse actualizadas permanentemente.

2. En consonancia co anterior, no exercicio corrente faranse as autorizacións de crédito e os sucesivos axustes dos gastos derivados da contratación de persoal ou nomeamento de bolseiros con cargo a créditos financiados con achegas específicas, conforme sexa comunicado pola unidade administrativa correspondente.

3. No mes de xaneiro de 2009 actualizaranse as autorizacións de crédito polo importe dos contratos en vigor de servizos, subministracións ou obras. O importe que se consignará será o acordado para o exercicio, no caso de ser un contrato de contía fixa, e o importe estimado de consumo en caso de contratos de contía variable. Para a revisión de prezos dos contratos deberá enviarse ao Servizo de Xestión Económica a autorización de crédito efectuada segundo o dito anteriormente.

4. A dotación de anualidades ou novas partidas orzamentarias para actividades de I+D+i realizaraas a Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT), para o que se efectuarán distribucións de crédito desde as partidas xenéricas 8050.2000.64100 (proxectos de investigación) e 8050.2000.64200 (contratos e convenios de investigación). O importe dotado corresponderase coa anualidade indicada na resolución da correspondente subvención e, no caso de prestación de servizos, co importe da facturación prevista para 2009; para estes efectos, a vicerreitora de Investigación e Innovación ten delegada a sinatura das modificacións de crédito. A comunicación das dotacións orzamentarias que efectúa a OIT aos directores dos centros de gasto e responsables de asuntos económicos é plenamente operativa, sen que sexa precisa a comunicación polo Servizo de Contabilidade e Orzamentos.

As dotacións específicas para os cursos de posgrao xestionados polo Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua faranse de xeito similar ao establecido no parágrafo anterior, para o que se distribuirá o crédito ás partidas correspondentes de cada curso desde a partida 5501.1100.22800.

Non obstante, no caso de que as dotacións que haxa que realizar para actividades de I+D+i ou cursos de posgrao superen os importes das referidas partidas efectuaranse as correspondentes xeracións de crédito.

Artigo 6º.-Imputación de gastos.

1. O reitor poderá determinar, por iniciativa do director do centro de gasto correspondente, a imputación a créditos do exercicio corrente de obrigas xeradas en exercicios anteriores, como consecuencia de compromisos adquiridos de conformidade co ordenamento, para os que existise crédito dispoñible no exercicio de procedencia.

2. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos que hai que xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servizo pendentes ao cerre do exercicio, imputaranse ao exercicio corrente sen o trámite establecido no parágrafo anterior ao non existir obriga con terceiros e estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 7º.-Remanentes de crédito.

1. Son remanentes específicos os créditos non obrigados en 31 de decembro correspondentes a infraestruturas, proxectos, contratos e convenios de investigación, prácticas de campo, créditos por accións de calidade, cursos, congresos, e en xeral os créditos financiados con achegas específicas.

2. No capítulo IV só teñen esta consideración os créditos financiados con achegas específicas.

3. A incorporación destes créditos deberá autorizala o reitor, que dará conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social dos expedientes aprobados.

4. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ao remanente xenérico de tesouraría será aprobado polo Consello de Goberno.

5. A incorporación de remanentes de crédito correspondentes a departamentos e outras operacións de capital será autorizada polo reitor, en función das dispoñibilidades financeiras existentes despois de realizada a liquidación do exercicio, dando conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social.

6. Os remanentes incorporados segundo o previsto neste artigo unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio en que se acorde esta incorporación, coa excepción daqueles que teñen financiamento específico.

Artigo 8º.-Contratación administrativa.

1. A contratación administrativa farase de acordo coa normativa en vigor para o sector público, e conforme cos procedementos aprobados pola USC, que serán comunicados pola Xerencia aos servizos, unidades e responsables de asuntos económicos, xunto cos medios técnicos que se van utilizar.

2. Procederá poñer en coñecemento do Servizo de Xestión Económica, coa antelación suficiente, todos aqueles gastos para os que, con independencia da súa contía, se deba asinar un contrato.

3. Logo da autorización do Consello de Goberno, o reitor poderá asinar os contratos de arrendamento que superen o límite dos catro anos establecido na normativa de contratación do sector público, sempre que as condicións do mercado o aconsellen por criterios de economía. Destes contratos darase conta ao Consello Social.

Artigo 9º.-Tarifas.

1. As tarifas pola prestación de servizos ou venda de bens apróbanse como un anexo ao orzamento anual.

2. Toda proposta de establecemento de novas tarifas deberá ser enviada á Xerencia acompañada dunha memoria económico-financeira que xustifique o seu importe así como o grao de cobertura dos custos correspondentes.

Artigo 10º.-Axudas para prezos públicos.

As axudas para prezos públicos por servizos académicos estableceranse só para o persoal desta universidade e con cargo á dotación que se efectúe no fondo de acción social.

Artigo 11º.-Axudas de custo e locomoción.

A percepción de axudas de custo e locomoción debe aterse ao regulado no Real decreto 462/2002 e normas concordantes. En particular debe terse en conta:

a) Será precisa a autorización previa, polo órgano competente, da comisión de servizo que dea lugar ao desprazamento.

b) Ademais da autorización anterior, a percepción de axudas pola utilización do vehículo particular para efectuar desprazamentos debe ser excepcional e indicarase sempre o itinerario seguido. Os desprazamentos a fóra da Galicia e que sexan superiores a 300 km será preciso xustificalos achegando recibos de peaxe de autoestradas ou xustificación de reposición de combustible no traxecto.

c) O importe máximo por aloxamento en cidades de máis de trescentos mil habitantes (Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga, Murcia, Palma de Mallorca, Las Palmas de Gran Canaria, Bilbao, Córdoba, Alicante e Valladolid) pode elevarse ata un 50% do importe establecido para cada grupo.

d) Débense ter en conta as horas de saída e chegada para os efectos do establecido no artigo 12 do citado real decreto (percepción de œ axuda).

e) A localidade de inicio e fin da comisión de servizo é, con carácter xeral, aquela na que o traballador teña o seu posto de traballo. Non obstante, considerarase que é o lugar de residencia nos casos en que este estea máis próximo ao lugar de saída (aeroporto) ou de destino.

Artigo 12º.-Gastos por atencións protocolarias, formación e outros.

1. Atencións protocolarias. Os gastos de atencións protocolarias deben ir acompañados dunha explicación en que se especifiquen os motivos que xustifican a realización dos gastos e os cargos, persoas ou grupos destinatarios. En particular, exixiranse estes documentos explicativos nos gastos relativos a comidas, aloxamentos e agasallos.

2. Importes máximos para retribuír por conferencias. Cando o importe que haxa que aboar pola impartición dunha conferencia supere os 400 euros será precisa a conformidade do reitor ou órgano en que teña delegada a competencia.

3. Gastos de formación individuais. Os gastos de formación que se aboen con cargo aos orzamentos da USC deben responder á satisfacción de necesidades públicas. En consecuencia non se poderán pagar con cargo a partidas do orzamento da USC gastos de formación individual en cursos de verán, de idiomas, cursos básicos de informática e similares, salvo xustificación e autorización expresa do reitor ou órgano en quen teña delegada a competencia.

4. Cotas por pertenza a asociacións. Non se poderán tramitar con cargo aos orzamentos da USC gastos relativos ás cotas de pertenza a asociacións a título particular.

5. Participación do PAS en actividades de I+D+i e de formación. A participación do persoal de administración e servizos en actividades de I+D+i está recollida no Regulamento de colaboración do persoal de administración e servizos da USC en cursos e convenios de investigación, publicado por Resolución do 20 de maio de 1989 e publicada no DOG do 12 de xullo e en http://www.usc.es/gl/normativa/investigacion/colapas1.html. Pola súa parte, a colaboración en actividades de posgrao propio e formación continua está recollida no Regulamento dos estudos de posgrao e formación continua (http://www.usc.es/gl/normativa/3ciclo/regulamento_EPFC.html), Non se autorizará o pagamento de retribucións pola realización doutras actividades ou daquelas que non sigan os procedementos de autorización establecidos nas normas anteriores.

6. Persoal contratado e bolseiro con cargo a actividades de I+D+i. As modalidades de incorporación deste persoal, as súas categorías e sistema retributivo, debe seguir os procedementos previstos na normativa da USC, publicada en http://www.usc.es/gl/normativa/investigacion.

Artigo 13º.-Pagamentos con tarxeta persoal e medios electrónicos de xustificación dos gastos.

1. Pagamentos por medios electrónicos e facturación. As facturas para xustificar gastos que se vaian aboar con cargo ao orzamento da USC deben ser a nome desta, e cos seus datos fiscais, agás nos xustificantes para axudas de custo e locomoción, que serán a título persoal. O pagamento pode facerse con tarxeta persoal sempre que se cumpran os demais requisitos e o gasto estea autorizado por quen proceda.

2. As facturas e documentos análogos deben presentarse en papel, agás nos casos de facturación electrónica regulados no Real decreto 1496/2003. Para estes efectos a transmisión electrónica dunha copia da factura (formato PDF ou análogos) non ten a consideración de factura electrónica.

Disposicións adicionais

Primeira.-Se como consecuencia da aprobación de reestruturacións orgánicas ou de medidas de racionalización na xestión do gasto se producen cambios na codificación das partidas do orzamento, os compromisos adquiridos serán imputados de oficio nas partidas resultantes.

Segunda.-Durante o exercicio económico 2009 continúan plenamente operativas as instrucións relativas ao tratamento contable do IVE iniciado no exercicio 2008, así como o tratamento da facturación interna iniciada nese exercicio.

Terceira.-Autorízase o xerente da universidade a que dite as instrucións necesarias para a adaptación e desenvolvemento das normas de execución do orzamento.

Disposición derradeira

Durante o mes de xaneiro de 2009 non se contabilizarán en e-Sicus obrigas con IVE, ata que sexa autorizado polo Servizo de Contabilidade e Orzamentos unha vez que se calcule a porcentaxe de pro rata aplicable. Non obstante, estas facturas poderán ser pagadas polas contas descentralizadas de anticipos. As obrigas exentas de IVE poderán ser contabilizadas desde que estea operativo o exercicio orzamentario.