DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.107

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no número 26 do artigo 27, recoñece a competencia exclusiva da comunidade autónoma en materia de réxime das fundacións de interese galego.

A teor da citada competencia, promulgouse a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, que define un marco regulador que intenta responder ás necesidades de flexibilidade e autonomía acordes coa realidade actual do fenómeno fundacional.

A dita lei supón o recoñecemento do labor das fundacións como expresión da xenerosidade da sociedade civil na realización de fins de interese xeral para Galicia, de modo que, respectando a vontade das/dos fundadoras/es, se potencia a autonomía de funcionamento das ditas entidades, reducindo os actos de control e autorización previa da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través do Protectorado, simplificando os trámites administrativos e reforzando os labores de apoio, impulso e asesoramento da administración no exercicio do dereito de fundación para fins de interese xeral.

A Lei 12/2006, do 1 de decembro, na súa disposición derradeira primeira, autoriza a Xunta de Galicia para que dite as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Ao abeiro da dita previsión legal e de conformidade cos seus principios inspiradores, o regulamento que se aproba mediante este decreto desenvolve determinados aspectos do réxime das fundacións de interese galego, e substitúe, salvo no referente á regulación do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

Na diferenza do citado decreto, e por se considerar máis correcto desde un punto de vista sistemático e de técnica normativa, óptase por darlle substantividade propia á regulación do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, contribuíndo a unha maior clarificación das funcións que corresponden ao Protectorado e ao Rexistro de Fundacións, a través do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

O regulamento que se aproba mediante este decreto supón un afondamento nos mandatos de modernización e mellora do marco xurídico regulador da realidade fundacional galega, co obxecto de dotar de máis autonomía na xestión as fundacións, correlativa á maior responsabilidade na realización de fins de interese xeral e ao réxime de responsabilidade dos patróns e xestores, potenciar a transparencia e publicidade da realidade fundacional galega, a promoción do bo goberno fundacional e a difusión de boas prácticas na xestión das fundacións de interese galego e, por último, mais non menos importante, impulsar a mellora da calidade da actuación da Xunta de Galicia en relación coas fundacións de interese galego.

As ditas liñas estratéxicas, a prol do desenvolvemento dunha normativa e dunha práctica administrativa facilitadora do labor das fundacións, concrétanse nas seguintes novidades deste regulamento:

Desenvólvense amplamente as funcións que corresponden ao Protectorado, especialmente, as funcións de apoio e asesoramento, continuando coa eliminación de prácticas excesivamente intervencionistas e cargas administrativas ás fundacións de interese galego.

Créase a Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado, co obxecto de elaborar directrices e criterios unificados que contribúan á mellora da actuación de asesoramento e apoio ás fundacións de interese galego.

Correlativo ao recoñecemento de maior autonomía na xestión das fundacións, configúrase un mecanismo de responsabilidade na realización de fins de interese xeral, a través do procedemento de comprobación de actividades da fundación.

Así mesmo, foméntase a transparencia das actividades das fundacións, co obxecto de contribuír a facilitar ao conxunto da sociedade galega unha imaxe fiel da actividade das fundacións de interese galego, mediante o impulso da transparencia na xestión e actividade das fundacións e a colaboración con elas e coas entidades que asuman a representación e defensa dos intereses do sector fundacional galego ante as administracións públicas e o conxunto da sociedade.

Regúlase a organización e funcións do Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia, como foro de diálogo permanente e de corresponsabilización das fundacións de interese galego e a Administración autonómica en relación co mundo fundacional.

Complétase a regulación do sector público fundacional da Comunidade Autónoma de Galicia, ao desenvolverse e clarificarse o concepto de fundación do sector público de Galicia. Así mesmo, inclúese no procedemento de creación de fundacións do sector público a necesidade de xustificar suficientemente as razóns polas que se considera que se conseguirán mellor os fins de interese xeral perseguidos a través dunha fundación ca mediante outras formas xurídico-públicas recollidas na normativa vixente. Sobre a dita xustificación deberá emitir informe a consellería competente en materia de organización da Xunta de Galicia, sen prexuízo das exixencias previstas no artigo 7 do Decreto 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico.

Por outra banda, créase un órgano técnico de coordinación da estrutura e actuación do sector público fundacional galego, que deberá emitir informe vinculante en relación con todas as propostas de participación da Administración da Xunta de Galicia e as entidades do sector público galego, en fundacións de interese galego non integradas no sector público, tendo en conta a posibilidade de que estas acaben formando parte do sector público.

Finalmente, concrétanse aqueles aspectos en que a lei remite á determinación regulamentaria como, por exemplo, a contía máxima dos gastos de administración ou o inventario dos elementos patrimoniais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento de fundacións de interese galego.

Apróbase o Regulamento de fundacións de interese galego, que se desenvolve a seguir.

Disposición adicional

Única.-A constitución e posta en funcionamento do Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia, a Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado de Fundacións de Interese Galego e a Comisión Técnica das Fundacións do Sector Público de Galicia, non xerará incremento das dotacións orzamentarias da consellería a que se adscriben.

Disposición transitoria

Única.-Tramitación dos procedementos.

Os procedementos administrativos iniciados polo Protectorado de Fundacións de Interese Galego antes da entrada en vigor deste decreto tramitaranse e resolveranse conforme as disposicións vixentes ata o devandito momento.

Disposición derrogatoria

Única.

1. Derrógase o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, con excepción dos artigos 33 a 37 deste en relación co Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. Así mesmo, quedan derrogadas todas aquelas normas, de igual ou inferior rango, que se opoñan ao previsto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase á persoa titular da consellería competente en materia de fundacións para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento e execución do previsto neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día 1 de setembro de 2009.

Santiago de Compostela, vinteún de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

Regulamento de Fundacións de Interese Galego

ÍNDICE

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto do regulamento. Artigo 2º.-Ámbito de aplicación. Artigo 3º.-Concepto e fins da fundación. Artigo 4º.-Denominación. Artigo 5º.-Denominación coincidente. Artigo 6º.-Delegacións en Galicia de fundacións estranxeiras.

Capítulo II

Constitución da fundación

Artigo 7º.-Dotación fundacional. Artigo 8º.-Taxación das achegas á dotación. Artigo 9º.-Constitución dunha fundación por outra fundación.

Capítulo III

Goberno da fundación

Artigo 10º.-Réxime xurídico. Artigo 11º.-Padroado. Artigo 12º.-Presidente/a. Artigo 13º.-Secretario/a. Artigo 14º.-Vacantes. Artigo 15º.-Designación provisional do padroado. Artigo 16º.-Reunións do padroado e convocatoria. Artigo 17º.-Formas de deliberar e adoptar acordos. Artigo 18º.-Actas. Artigo 19º.-Delegación e apoderamentos. Artigo 20º.-Outros órganos da fundación. Artigo 21º.-Xerencia.

Capítulo IV

Réxime económico da fundación

Artigo 22º.-Composición do patrimonio. Artigo 23º.-Contido da comunicación ao Protectorado de actos de disposición e gravame. Artigo 24º.-Efectos da falta de comunicación ao Protectorado. Artigo 25º.-Redución grave dos fondos propios.

Capítulo V

Funcionamento e actividade da fundación

Sección primeira

Das actividades da fundación

Artigo 26º.-Actividades da fundación. Artigo 27º.-Publicidade das actividades fundacionais. Artigo 28º.-Participación en sociedades mercantís. Artigo 29º.-Códigos de conduta para a realización de investimentos temporais. Artigo 30º.-Destino de rendas e ingresos. Artigo 31º.-Gastos de administración. Artigo 32º.-Remuneración e autocontratación dos patróns.

Sección segunda

Contabilidade, auditoría e plan de actuación

Artigo 33º.-Exercicio económico. Artigo 34º.-Réxime contable. Artigo 35º.-Mantemento de libros de contabilidade. Artigo 36º.-Conservación de libros. Artigo 37º.-Contas anuais. Artigo 38º.-Contas consolidadas. Artigo 39º.-Descrición das actividades fundacionais na memoria. Artigo 40º.-Auditoría externa. Artigo 41º.-Plan de actuación.

Capítulo VI

Modificación dos estatutos. Fusión, escisión e extinción

da fundación

Sección primeira

Modificación dos estatutos

Artigo 42º.-Procedemento de modificación estatutaria por instancia do padroado. Artigo 43º.-Procedemento de modificación estatutaria por instancia do Protectorado.

Sección segunda

Fusión e escisión

Artigo 44º.-Fusión por iniciativa dos padroados. Artigo 45º.-Fusión por iniciativa do Protectorado. Artigo 46º.-Escisión.

Sección terceira

Extinción da fundación

Artigo 47º.-Extinción por ter expirado o prazo polo que foi constituída. Artigo 48º.-Extinción por se ter realizado integramente o fin fundacional, por imposibilidade material ou xurídica para a súa realización. Artigo 49º.-Extinción por instancia do Protectorado. Artigo 50º.-Liquidación.

Capítulo VII

O Protectorado das Fundacións de Interese Galego

Sección primeira

Organización e funcións do Protectorado

Artigo 51º.-Obxecto e organización xeral do Protectorado. Artigo 52º.-Funcións do Protectorado. Artigo 53º.-Funcións de apoio, impulso e asesoramento. Artigo 54º.-Funcións en relación co proceso de constitución. Artigo 55º.-Funcións en relación co padroado. Artigo 56º.-Funcións en relación co patrimonio da fundación. Artigo 57º.-Funcións relativas ao cumprimento dos fins fundacionais. Artigo 58º.-Funcións en relación coa modificación, fusión, escisión e extinción de fundacións. Artigo 59º.-Funcións en relación co exercicio de accións previstas legalmente.

Sección segunda

Da comprobación de actividades da fundación

Artigo 60º.-Comprobación de actividades. Artigo 61º.-Persoal encargado da comprobación. Artigo 62º.-Prazo da comprobación. Artigo 63º.-Instrución do procedemento de comprobación de actividades. Artigo 64º.-Resolución.

Sección terceira

Intervención temporal da fundación

Artigo 65º.-Procedemento de intervención temporal.

Sección cuarta

A Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado

Artigo 66º.-Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado. Artigo 67º.-Composición. Artigo 68º.-Finalidade da Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado. Artigo 69º.-Funcións da Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado. Artigo 70º.-Funcionamento e adopción de acordos.

Capítulo VIII

O Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 71º.-Natureza e adscrición. Artigo 72º.-Funcións. Artigo 73º.-Composición. Artigo 74º.-Vogais representantes das fundacións. Artigo 75º.-Selección dos vogais en representación das fundacións de interese galego. Artigo 76º.-Funcionamento.

Capítulo IX

As fundacións do sector público de Galicia

Artigo 77º.-Fundacións do sector público de Galicia. Artigo 78º.-Denominación das fundacións do sector público de Galicia. Artigo 79º.-Procedemento de autorización da creación de fundacións do sector público de Galicia. Artigo 80º.-Modificación de estatutos das fundacións do sector público de Galicia. Artigo 81º.-Persoal ao servizo das fundacións do sector público de Galicia e persoal de alta dirección. Artigo 82º.-Comisión Técnica de Coordinación das Fundacións do Sector Público de Galicia. Artigo 83º.-Composición. Artigo 84º.-Funcións da Comisión Técnica de Coordinación de Fundacións do Sector Público de Galicia. Artigo 85º.-Funcionamento e adopción de acordos. Artigo 86º.-Remisión de información.

Regulamento de fundacións de interese galego

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto do regulamento.

Este regulamento ten por obxecto o desenvolvemento da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, en relación con determinados aspectos do réxime xurídico das fundacións de interese galego e regula a organización e o exercicio das funcións do Protectorado da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este regulamento é de aplicación:

a) Ás fundacións declaradas de interese galego, conforme o disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e neste regulamento.

b) Ás fundacións do sector público de Galicia, coas especialidades previstas no capítulo X da Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico e neste regulamento.

c) Ás delegacións das fundacións estranxeiras que exerzan principalmente e de modo estable as súas actividades no territorio da comunidade autónoma

Artigo 3º.-Concepto e fins da fundación.

1. Terán a condición de interese galego as fundacións que cumpran os seguintes requisitos, de conformidade co disposto no artigo 2 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e sen prexuízo da posibilidade do establecemento de relacións instrumentais con terceiros en diferente ámbito territorial:

a) Que constitúan organizacións sen fin de lucro.

b) Que, por vontade dos seus creadores, teñan afectado de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral para Galicia.

c) Que desenvolvan principalmente as súas actividades e teñan o seu domicilio no territorio da comunidade autónoma.

2. A fundación constituirase para a consecución de fins de interese xeral da natureza dos previstos no artigo 4.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e deberán quedar determinados nos seus estatutos os seus fins específicos de entre os previstos legalmente.

A finalidade fundacional poderá designar exclusivamente mulleres como beneficiarias das súas actividades, se fose necesario para acadar o fin de apoiar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Artigo 4º.-Denominación.

1. A denominación das fundacións axustarase ás regras previstas no artigo 6 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, sen que se admita ningunha denominación que incumpra calquera delas ou resulte coincidente ou semellante coa dunha entidade preexistente que conste noutro rexistro público ou coa dunha denominación protexida ou reservada a outras entidades públicas ou privadas pola súa lexislación específica.

2. Sen prexuízo do anterior, a denominación non poderá conter termos ou expresións que transmitan prexuízos de xénero ou ideas ou imaxes de dominación dun sexo sobre o outro.

Artigo 5º.-Denominación coincidente.

1. Existe coincidencia nas denominacións no caso de identidade total entre denominacións e entre outras posibles circunstancias nos seguintes supostos:

a) Cando empreguen as mesmas palabras en distinta orde, xénero ou número.

b) Cando empreguen as mesmas palabras coa adición ou supresión de termos ou expresións xenéricas ou accesorias, ou de artigos, adverbios, preposicións, conxuncións, acentos, guións, signos de puntuación ou outras partículas similares, ou cando empreguen as mesmas palabras en distintas linguas oficiais.

c) Cando exista identidade de expresión fonética.

2. Aceptaranse as denominacións coincidentes nos seguintes supostos:

-Cando a solicitude a realice a propia entidade afectada ou ben se formule coa expresa autorización desta.

-Nos casos de fusión, absorción ou creación dunha fundación nova en que se produza identidade coa entidade absorbida ou extinguida.

Artigo 6º.-Delegacións en Galicia de fundacións estranxeiras.

1. A inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego dunha delegación estranxeira, conforme o disposto no artigo 8 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, exixirá o outorgamento previo de escritura pública, en que se recollerán, cando menos, os seguintes datos:

a) Os fins da fundación estranxeira.

b) Os datos ou documentos que acrediten a constitución da fundación estranxeira conforme a súa lei persoal.

c) Unha certificación do acordo do seu órgano de goberno polo que se aproba establecer unha delegación da fundación en Galicia.

d) A denominación da delegación, que deberá integrar a expresión «Delegación da fundación».

e) O domicilio e o ámbito territorial de actuación da delegación en Galicia.

f) As actividades que, en cumprimento dos fins, pretende realizar a delegación de forma estable na comunidade autónoma, sen que estes poidan consistir exclusivamente na captación de fondos.

g) A identificación da persoa ou das persoas que exercerán a representación da delegación ou que integrarán os seus órganos de goberno.

h) O primeiro plan de actuación da delegación.

i) Certificación negativa de denominación expedida polo encargado do Rexistro de Fundacións de Interese Galego acreditativa de que a denominación pretendida non coincide nin se asemella, de maneira que poida crear confusión, coa dalgunha outra fundación previamente inscrita ou en relación coa cal exista reserva temporal.

2. No suposto de establecemento da delegación dunha fundación estranxeira en Galicia, o Protectorado ditaminará se os fins da fundación matriz son de interese xeral conforme o ordenamento xurídico.

Capítulo II

Constitución da fundación

Artigo 7º.-Dotación fundacional.

1. A dotación fundacional identificarase con precisión conforme as seguintes regras:

a) Se a dotación consistise en diñeiro, a súa contía fixarase en euros. A realidade das achegas monetarias á dotación deberase acreditar ante o/a notario/a autorizante da escritura de constitución da fundación, mediante un certificado de depósito da cantidade correspondente a nome da fundación nunha entidade de crédito.

O dito certificado de depósito expedirao a entidade de crédito e incorporarase á escritura pública. O certificado de depósito non poderá ser de data anterior en máis de tres meses á da escritura pública.

No suposto previsto no artigo 13.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de achega sucesiva da dotación fundacional, cun desembolso inicial, como mínimo do 25% da dotación, o certificado de depósito correspondente deberase incorporar á escritura ou escrituras públicas que documenten os citados desembolsos.

Neste suposto, as ditas achegas sucesivas deben estar formalmente garantidas por calquera dos medios admitidos en dereito, describíndose as ditas garantías na escritura fundacional.

b) Se a achega non é en cartos, describiranse os bens e dereitos na escritura pública, indicando, de existiren, os datos rexistrais e o título ou concepto da achega, así como o valor de cada un deles, conforme o previsto no artigo seguinte. Así mesmo, a dita escritura conterá a manifestación de vontade da persoa achegante sobre o carácter dotacional da achega ou, no seu defecto, acordo do padroado sobre o réxime aplicable á achega efectuada.

Cando a dita achega supoña algún tipo de carga ou gravame para a fundación, o achegante estará obrigado ao saneamento da cousa obxecto de achega, nos termos establecidos no artigo 638 do Código civil para as doazóns onerosas.

c) No suposto de que a dotación sexa inferior a 30.000 euros, a persoa fundadora, de conformidade co disposto no artigo 13.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, deberá xustificar a súa adecuación e suficiencia aos fins fundacionais mediante a presentación do primeiro programa de actuación, xunto cun estudo económico que acredite a súa viabilidade coa utilización exclusiva dos ditos recursos.

O programa de actuación que hai que presentar deberá conter, como mínimo, a identificación dos obxectivos, das actividades que se vaian desenvolver durante o exercicio e unha previsión detallada dos ingresos e gastos estimados, con expresa mención das fontes de financiamento.

2. O aumento da dotación mediante achega do fundador, dun patrón ou dun terceiro deberá constar necesariamente en escritura pública, e acreditarase, ademais, ante o/a notario/a autorizante a realidade da achega, así como a manifestación da vontade do achegante de integración na dotación ou, no seu defecto, o acordo do padroado sobre o réxime aplicable á achega efectuada. Non obstante, cando o aumento da dotación responda á asignación contable de efectivo da propia fundación, mediante un traspaso de contas, a formalización da operación poderase realizar mediante certificación do acordo do padroado, coas sinaturas lexitimadas notarialmente, acompañada do balance en que se fundamente o acordo adoptado.

3. Os compromisos de achegas de terceiros a favor da fundación terán a consideración de dotación, sempre que a devandita obriga conste en títulos dos que comportan execución.

4. No caso de alleamento de bens ou dereitos que formen parte da dotación fundacional, integraranse nela os bens e dereitos que os substitúan, incluíndo, se é o caso, as plusvalías xeradas.

Artigo 8º.-Taxación das achegas á dotación.

1. O valor da dotación fixarase en euros, tanto se consiste en diñeiro como en achegas non pecuniarias.

2. A taxación das achegas non pecuniarias efectuarase mediante informe dun experto independente nomeado polo padroado e por conta da fundación, excepto no suposto en que a achega se produza na constitución da fundación, caso en que o experto será nomeado polo achegante pola súa conta.

Enténdese por experto independente para os efectos do previsto no artigo 13.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, quen exerza unha profesión ou actividade directamente relacionada coa valoración ou peritación dos bens ou dereitos achegados e que cumpra os requisitos exixidos para o seu exercicio.

3. Cando a achega consista en valores cotizados nun mercado secundario oficial, terá a consideración de informe de experto independente a certificación dunha entidade xestora que opere no dito mercado, en que se acredite a valoración dos títulos de acordo coa cotización media do último trimestre.

4. A taxación do experto independente deberase incorporar á escritura de constitución, na inscrición rexistral farase constar o nome do experto, as circunstancias da súa designación e a data de emisión do informe.

5. O informe do experto independente conterá a descrición de cada unha das achegas non pecuniarias, cos datos rexistrais se existen, así como os criterios de valoración adoptados.

Artigo 9º.-Constitución dunha fundación por outra fundación.

1. O padroado dunha fundación poderá acordar a constitución doutra fundación, sempre que estea xustificada a súa necesidade ou conveniencia e constitúa unha actuación dirixida ao cumprimento dos fins fundacionais.

En todo caso, a constitución dunha fundación de interese galego por outra fundación da mesma natureza requirirá a comunicación ao Protectorado.

2. Á comunicación deberáselle xuntar a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do padroado, expedido pola súa secretaría, co visto e prace da presidencia, que deberá recoller o texto do acordado, así como o importe e condicións da achega para a constitución da fundación.

b) Informe do padroado que xustifique a necesidade ou conveniencia da constitución ou participación na constitución da fundación, así como, se é o caso, que a achega económica non supón unha transmisión gratuíta do patrimonio da fundación, senón unha actuación dirixida ao cumprimento dos fins fundacionais.

Capítulo III

Goberno da fundación

Artigo 10º.-Réxime xurídico.

1. Conforme o disposto no artigo 12.f) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, nos estatutos da fundación farase constar a composición do padroado, as regras para a designación e a substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e mais a forma de deliberar e adoptar acordos.

2. As disposicións recollidas neste capítulo aplicaranse en defecto da regulación estatutaria que, en todo caso, deberá respectar o disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Artigo 11º.-Padroado.

1. O padroado é o órgano de goberno e representación da fundación.

2. O padroado debe estar integrado por un mínimo de tres membros. Na súa composición procurarase, na medida do posible, unha participación equilibrada de mulleres e homes.

3. Cando os estatutos fixen un máximo e un mínimo de patróns, corresponderá ao padroado a determinación do número concreto.

4. Os membros do padroado que sexan persoas xurídicas comezarán a exercer as súas funcións unha vez que acepten expresamente o cargo e que nomeen como representante a persoa física que teña a súa representación legal, ou ben outra ou outras persoas físicas expresamente designadas para a dita finalidade por acordo do órgano competente, de conformidade coas súas normas de funcionamento, debendo deixar constancia da súa aceptación nas formas previstas no artigo 19 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Artigo 12º.-Presidente/a.

O padroado contará cun/cunha presidente/a, elixido de entre os seus membros, a quen corresponde:

a) Ter a representación da fundación, agás naqueles supostos concretos en que o padroado delegue tal representación nalgún dos seus membros ou outorgue un poder notarial para tal efecto.

b) Acordar a convocatoria das sesións do padroado e a fixación da orde do día, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos demais membros.

c) Presidir as sesións, moderar e dirixir o desenvolvemento dos debates, someter a votación os acordos, dirimir co seu voto os empates que se puidesen producir nas votacións e, se é o caso, executar os acordos, para o cal poderá adoptar as resolucións que sexan pertinentes e asinar aqueles documentos que sexan precisos para tal fin.

d) Calquera outra facultade atribuída legal ou estatutariamente.

Artigo 13º.-Secretario/a.

1. O padroado debe nomear un/unha secretario/a, con voz e voto se é elixido de entre os seus membros, ou con voz pero sen voto se o cargo recae nunha persoa allea.

2. Correspóndelle ao secretario/a do padroado:

a) A certificación dos acordos do padroado co visto e prace do presidente/a.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do padroado por orde do/a presidente/a, así como as citacións dos seus membros.

c) Asistir ás reunións do padroado.

d) Conservar a documentación da fundación e reflectir debidamente no libro de actas do padroado o desenvolvemento das reunións.

e) Calquera outra función inherente á condición de secretario/a ou prevista nos estatutos da fundación.

2. O padroado poderá nomear un/unha vicesecretario/a, que asumirá as funcións do/a secretario/a no caso de vacante, ausencia ou enfermidade daquel.

Artigo 14º.-Vacantes.

1. Os membros do padroado están obrigados a manter o dito órgano co número de membros que, como mínimo, determinen os estatutos para a válida adopción de acordos, salvo que o fundador reservase para si a facultade de designar os ditos membros ou se lles conferise a outros, caso en que estes asumen a dita obriga.

2. As vacantes que se produzan entre os membros do padroado cubriranse de conformidade co disposto nos estatutos. Cando isto non fose posible, deberase promover a correspondente modificación estatutaria.

Artigo 15º.-Designación provisional do padroado.

1. Cando non sexa posible a substitución dos patróns de conformidade co disposto nos estatutos, e mentres non se leve a cabo a oportuna modificación estatutaria, o Protectorado queda facultado para a designación da persoa ou persoas que integren provisionalmente o padroado.

2. O dito padroado provisional deberá acordar a modificación dos estatutos no prazo máximo de seis meses desde o seu nomeamento.

3. Se o padroado provisional non lle dá cumprimento ao previsto no punto anterior, o Protectorado requirirao para que o cumpra, outorgando un prazo adicional de tres meses, transcorridos os cales solicitará da autoridade xudicial que resolva sobre a procedencia da modificación dos estatutos requirida.

Artigo 16º.-Reunións do padroado e convocatoria.

1. O padroado reunirase logo da convocatoria da secretaría, por orde da presidencia, por propia iniciativa desta ou por petición das dúas terceiras partes dos membros do padroado.

A convocatoria faráselle chegar a cada un dos membros, polo menos, con nove días de antelación á data da súa realización, por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción. Nela farase constar o lugar, o día e a hora de realización da reunión, e xuntaráselle, así mesmo, a orde do día.

2. Non será precisa convocatoria previa cando se encontren presentes todos os patróns e acorden por unanimidade a realización da reunión.

Artigo 17º.-Formas de deliberar e de adoptar acordos.

1. As reunións do padroado entenderanse validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representados, na forma legalmente establecida, polo menos, a metade máis un dos seus membros.

2. Os acordos serán inmediatamente executivos e serán adoptados pola metade máis un dos asistentes, sendo dirimente en caso de empate o voto da presidencia. Non obstante, requirirase o voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta dos seus membros para aprobar acordos que se refiran á reforma ou modificación dos estatutos, á disposición de bens a título gratuíto, á fusión, á escisión e á extinción da fundación.

Artigo 18º.-Actas.

1. De cada sesión que realice o padroado redactará acta a secretaría, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo de realización da sesión, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará a solicitude dos respectivos patróns, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que en ambos os casos o xustifiquen ou o sentido do voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que presente no acto, ou no prazo que sinale o/a presidente/a do padroado, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndoo constar na acta ou xuntándolle copia a esta.

3. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión do padroado; non obstante, a secretaría poderá emitir certificación sobre os acordos específicos adoptados, sen prexuízo da aprobación posterior da acta, facendo constar a non aprobación desta.

4. A presidencia do padroado requirirá a presenza dun notario para que redacte a acta da reunión sempre que, con catro días de antelación ao previsto para a súa realización, o solicite a terceira parte do número total de membros que integran o padroado. Neste suposto, non será preciso que o padroado aprobe a acta.

5. A fundación deberá levar un libro de actas no cal constarán as aprobadas polo padroado e as previstas no punto anterior.

Artigo 19º.-Delegación e apoderamentos.

1. O padroado poderá delegar as súas facultades, agás prohibición expresa dos estatutos da fundación e, en todo caso, coas limitacións previstas no artigo 18.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, con funcións mancomunadas, solidarias ou colexiadas segundo se determine, nun ou máis dos seus membros, ou nas comisións que acorde constituír, sempre que o volume de xestión ou calquera outra circunstancia o aconselle, formadas polo número de membros do padroado que se determine e coa denominación que crea conveniente.

2. En todo caso, deberanse respectar as funcións atribuídas ao padroado como órgano de goberno e representación da fundación. Entre as facultades atribuídas non se poderá comprender:

a) A aprobación das contas anuais e do plan de actuación.

b) A modificación dos estatutos.

c) O acordo de fusión, extinción ou liquidación da fundación.

d) Todos aqueles actos que requiran autorización do Protectorado.

3. O outorgamento de poderes xerais ou especiais por parte do padroado realizarase, en todo caso, respectando as funcións atribuídas a este como órgano de goberno e representación da fundación, debendo constar expresamente no documento en que se formalice o apoderamento. Teranse por non postas aquelas facultades ou cláusulas do poder contrarias ás funcións legalmente atribuídas ao padroado.

4. As delegacións de facultades do padroado, os acordos de constitución das comisións previstas no número 1, os apoderamentos xerais e a súa revogación deberán inscribirse no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 20º.-Outros órganos da fundación.

1. O padroado, de así o preveren os estatutos, poderá crear consellos asesores e de estudo, así como órganos similares con funcións de apoio e asesoramento, para o mellor desenvolvemento dos fins fundacionais. De preverse a súa creación procurarase, na medida do posible, unha participación equilibrada de mulleres e homes. A creación destes órganos deberá ser notificada ao Protectorado.

2. A creación, modificación e supresión destes órganos e o nomeamento e cesamento dos seus membros deberase inscribir no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 21º.-Xerencia.

1. Nos estatutos da fundación poderase encomendar o exercicio da xestión ordinaria ou administrativa das actividades da fundación a unha xerencia ou cargo similar, que poderá ser desempeñada por unha persoa física ou xurídica con acreditada solvencia técnica ao respecto, e coa remuneración axeitada ás funcións desempeñadas.

2. O nomeamento e cesamento das persoas que vaian desempeñar o dito cargo deberase comunicar ao Protectorado e inscribirse no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Capítulo IV

Réxime económico da fundación

Artigo 22º.-Composición do patrimonio.

O patrimonio da fundación está formado polos seguintes bens, dereitos e obrigas susceptibles de valoración económica:

a) A dotación, integrada pola dotación inicial achegada polo fundador ou por terceiras persoas, polos bens ou dereitos de contido patrimonial que durante a existencia da fundación acheguen en tal concepto o fundador ou terceiras persoas, e polos bens e dereitos que o padroado afecte á dotación.

b) Os bens e dereitos que, sen formar parte da dotación, estean directamente vinculados ao cumprimento dos fins fundacionais, de conformidade co disposto no artigo 29.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

c) Os demais bens e dereitos e as obrigas que adquira a fundación na súa constitución ou con posterioridade.

Artigo 23º.-Contido da comunicación ao Protectorado de actos de disposición e gravame.

1. De conformidade co disposto no artigo 29.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, están sometidos a un réxime de comunicación ao Protectorado, no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte á data da súa realización, para a súa constancia no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, os seguintes actos sobre bens e dereitos do patrimonio da fundación:

a) O alleamento e gravame dos bens e dereitos que formen parte da dotación.

b) O alleamento e gravame dos bens e dereitos que estean directamente vinculados ao cumprimento dos fins fundacionais.

c) O alleamento e gravame dos bens e dereitos do patrimonio da fundación que, con independencia do seu obxecto, teñan un importe superior ao 20% do activo da fundación que resulte do último balance aprobado.

2. A comunicación ao Protectorado dos actos de disposición e gravame previstos no punto anterior, así como as comunicacións relativas á aceptación de legados con cargas ou doazóns onerosas ou remuneratorias e a repudiación de herdanzas, doazóns ou legados sen cargas, deberán ir acompañadas dos seguintes documentos:

a) Certificación do acordo adoptado polo padroado da fundación, expedido pola secretaría, co visto e prace da súa presidencia, que deberá recoller o texto do acordado, especificando a identidade e descrición do obxecto do acordo, así como a súa valoración económica, se é o caso.

b) Unha memoria explicativa na cal describan as razóns que o xustifican e os obxectivos perseguidos cos mencionados actos, ademais dun pronunciamento expreso acerca da súa incidencia sobre a viabilidade económico-financeira da fundación.

3. Nos supostos de alleamento de valores cotizados, para os efectos de calcular a porcentaxe do 20% a que se refire o artigo 29.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, acumularanse os alleamentos de valores efectuados desde a aprobación do último balance anual ata a aprobación do seguinte.

Artigo 24º.-Efectos da falta de comunicación ao Protectorado.

1. Cando o Protectorado teña coñecemento da realización de actos ou negocios xurídicos por parte do padroado sen cumprir a obriga de comunicación prevista no artigo anterior, requirirá do padroado toda a información que considere precisa. O padroado disporá dun prazo de dez días para atender o requirimento.

2. O Protectorado, á vista das circunstancias concorrentes, resolverá sobre a procedencia de emendar o defecto, sen prexuízo da posibilidade de exercer a acción de responsabilidade contra os patróns ou de solicitar da autoridade xudicial a súa substitución.

Artigo 25º.-Redución grave dos fondos propios.

1. Cando durante dous exercicios consecutivos se aprecie nas contas anuais dunha fundación unha redución grave dos seus fondos propios, excluídas as minusvalías non realizadas, que poña en risco a consecución dos seus fins, o Protectorado poderá requirir o padroado co fin de que no prazo máximo dun mes remita o informe sobre as medidas que prevé adoptar para a corrección da situación.

2. Recibido o informe ou transcorrido o prazo para a súa remisión, o Protectorado poderá exercer a acción de responsabilidade de conformidade co disposto no artigo 22.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Capítulo V

Funcionamento e actividade da fundación

Sección primeira

Das actividades da fundación

Artigo 26º.-Actividades da fundación.

1. As fundacións poderán realizar actividades propias e actividades económicas.

2. Para os efectos do disposto neste artigo, enténdese por actividades propias as realizadas pola fundación para o cumprimento dos seus fins, sen ánimo de lucro, con independencia de que a prestación ou servizo se outorgue de maneira gratuíta ou mediante contraprestación.

3. As fundacións poderán, así mesmo, desenvolver actividades económicas cando realicen a ordenación por conta propia de medios de produción e recursos humanos, ou de un de ambos, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos para obter lucro, cuxo obxecto estea relacionado cos fins fundacionais ou sexan complementarios ou accesorios deles, con sometemento ás normas reguladoras de defensa da competencia.

Ademais, poderán intervir en calquera actividade económica mediante a participación en sociedades, conforme o previsto no artigo 33 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e neste regulamento.

Artigo 27º.-Publicidade das actividades fundacionais.

En atención ao deber de publicidade establecido para as fundacións de interese galego no artigo 31.b) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e sen prexuízo do seu anuncio e difusión xeral, deberán publicar na súa sede electrónica, de contar con unha, a expresión dos fins fundacionais, as actividades proxectadas, así como as condicións e requisitos dos concursos e axudas que convoquen durante o citado exercicio.

Artigo 28º.-Participación en sociedades mercantís.

1. Nos supostos en que sexa preceptiva a comunicación ao Protectorado da participación en sociedades mercantís, esta realizarase en canto a dita circunstancia se produza, sen que exceda, en ningún caso, o prazo máximo dun mes. Deberá xuntarse unha copia do título que xustifique a adquisición da participación maioritaria.

2. Para os efectos do disposto no punto anterior, enténdese por participación maioritaria aquela que representa máis do 50% do capital social ou dos dereitos de voto, para estes efectos computaranse tanto as participacións directas como as indirectas. Para determinar os dereitos de voto, no suposto de sociedades indirectamente dependentes dunha fundación, entenderase que a esta lle corresponde o número de votos asignados á sociedade dependente que participe directamente no capital social daquelas.

Así mesmo, para a determinación da participación maioritaria en sociedades mercantís, computaranse tanto as participacións maioritarias que se adquiran nun único acto, como as adquisicións sucesivas de participacións minoritarias cuxa acumulación dea lugar a que a fundación ocupe unha posición dominante na sociedade de que se trate.

3. No suposto en que a fundación recibise por calquera título, quer como parte da dotación inicial quer nun momento posterior, algunha participación en sociedades en que deba responder persoalmente das débedas sociais, e non se proceda ao alleamento da devandita participación ou ben á transformación no prazo dun ano en sociedade non personalista, o Protectorado requirirá o padroado para que, no prazo de quince días, realice as alegacións que considere oportunas. O Protectorado, se concorren as circunstancias previstas no artigo 22.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, poderá exercer a acción de responsabilidade contra os patróns ou solicitar da autoridade xudicial o seu cesamento.

Artigo 29º.-Códigos de conduta para a realización de investimentos temporais.

1. O padroado elaborará un informe anual acerca do grao de cumprimento por parte da fundación dos códigos de conduta aprobados pola Comisión Nacional do Mercado de Valores, o Banco de España e o Ministerio de Economía e Facenda, nos cales se conteñen as regras específicas a que se deberán axustar os investimentos financeiros temporais das fundacións, de conformidade co disposto na disposición adicional terceira da Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro.

2. O padroado remitirá o citado informe ao Protectorado conxuntamente coas contas anuais. No informe deberanse especificar, de ser o caso, as operacións que se desviasen dos criterios contidos nos códigos e as razóns que o xustifiquen.

Artigo 30º.-Destino de rendas e ingresos.

1. As fundacións de interese galego deberán destinar, polo menos, o 70% do importe do resultado contable da fundación, cos axustes previstos neste artigo, á realización dos fins fundacionais. Non se considerarán como ingresos netos as contribucións ou doazóns recibidas en concepto de dotación fundacional, no momento da constitución ou nun momento posterior, nin as ganancias obtidas na transmisión de bens ou dereitos afectados á dotación fundacional, sen prexuízo do disposto no punto segundo deste artigo.

O resto do resultado contable, non destinado á realización dos fins fundacionais, deberá incrementar a dotación ou ben as reservas da fundación, segundo acordo do padroado.

2. Non se computarán como ingresos:

a) A contraprestación que se obteña polo alleamento ou gravame sobre bens inmobles integrados na dotación ou que fosen afectados de maneira directa e permanente a fins fundacionais ou naqueles en que a fundación desenvolva a actividade propia do seu obxecto ou finalidade específica, sempre que o dito importe se reinvista en bens ou dereitos de carácter dotacional ou coa mesma afección.

b) A contraprestación obtida, incluída a plusvalía xerada, se é o caso, polo alleamento ou realización de negocios xurídicos de carácter oneroso sobre títulos, valores, dereitos económicos ou bens de natureza mobiliaria integrados na dotación ou afectados de maneira directa e permanente aos fins fundacionais, sempre que a contraprestación se reinvista en bens ou dereitos de carácter dotacional ou coa mesma afección.

3. Non se deducirán os seguintes gastos:

a) Os que estean directamente relacionados coas actividades desenvolvidas para o cumprimento de fins fundacionais, incluídas as dotacións á amortización e as provisións de inmobilizado afecto ás ditas actividades.

b) A parte proporcional dos gastos comúns ao conxunto de actividades que correspondan ás desenvolvidas para o cumprimento dos fins fundacionais.

Os devanditos gastos comúns poderán estar integrados polos gastos por servizos exteriores, de persoal, doutros gastos de xestión, financeiros e dos tributos.

c) Os gastos de administración.

4. Consideraranse destinados aos fins fundacionais o importe dos gastos e investimentos realizados en cada exercicio que efectivamente contribuísen ao cumprimento dos fins propios da fundación especificados nos seus estatutos.

Os importes que excedan do 70% poderán ter a consideración de exceso de aplicación, podendo ser considerados como destino a fins fundacionais no prazo máximo establecido por este artigo.

Para determinar o cumprimento do requisito do destino de rendas e ingresos, cando os investimentos ou gastos destinados aos fins fundacionais fosen financiados con ingresos que se deban distribuír en varios exercicios, como subvencións, doazóns e legados, ou con recursos financeiros alleos, os ditos investimentos ou gastos computaranse na mesma proporción en que o sexan os ingresos ou se amortice o financiamento alleado.

5. O destino a fins fundacionais deberá realizarse no prazo comprendido entre o inicio do exercicio económico en que se obtiveron os resultados e os catro anos seguintes ao seu peche.

6. Na memoria integrada nas contas anuais incluirase información detallada do cumprimento da obriga de destino de ingresos e rendas, especificando o resultado sobre o que se aplica a porcentaxe do 70%, os gastos e investimentos efectuados, así como os gastos de administración. Así mesmo, incluirase información sobre os saldos pendentes de aplicar de exercicios anteriores.

O Protectorado analizará a información subministrada no prazo de tres meses, podendo requirir a ampliación da información, a súa emenda ou a achega dos documentos e xustificantes que considere precisos. Na medida en que considere que a información e a documentación achegadas non acreditan o cumprimento do requisito, iniciará o correspondente procedemento de comprobación de actividades.

Artigo 31º.-Gastos de administración.

O importe dos gastos directamente ocasionados aos órganos de goberno pola administración dos bens e dos dereitos que integran o patrimonio da fundación, e aos que os membros do padroado teñen dereito a ser reembolsados por desempeñaren o seu cargo, non poderá exceder o 20% do resultado contable da fundación, corrixido cos axustes previstos no artigo 30. Non obstante, con carácter excepcional e por solicitude motivada da fundación, o Protectorado poderá autorizar, cos límites e condicións que estableza, a superación da citada porcentaxe.

Artigo 32º.-Remuneración e autocontratación dos patróns.

1. A comunicación ao Protectorado prevista no artigo 23.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, cando os patróns sexan remunerados por prestar servizos á fundación distintos dos que impliquen o desempeño das funcións que lles corresponden como membros do padroado, así como a comunicación prevista no artigo 40 da citada lei, deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Certificación co visto e prace da presidencia do padroado, do seu acordo polo que se decide a realización do negocio xurídico, incluíndo o custo máximo anual que suporá para a fundación, así como que non existe disposición en contra da persoa fundadora.

2. O padroado dará conta ao Protectorado da remuneración dos patronos ou da contratación destes coa fundación, xa sexa en nome propio ou dun terceiro, no prazo dun mes desde a realización do negocio xurídico. A dita obriga esténdese ás persoas físicas ou xurídicas vinculadas contractualmente coa fundación que pretendan formar parte do padroado.

Sección segunda

Contabilidade, auditoría e plan de actuación

Artigo 33º.-Exercicio económico.

O exercicio económico das fundacións será o establecido nos seus estatutos, e en defecto de previsión expresa coincidirá co ano natural.

Artigo 34º.-Réxime contable.

A actividade contable da fundación axustarase ao disposto no artigo 36 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nas normas do plan xeral de contabilidade na súa adaptación ás entidades sen fins lucrativos.

Artigo 35º.-Mantemento de libros de contabilidade.

As fundacións deberán levar necesariamente un libro diario e un libro de inventarios e contas anuais, así como aqueles que o padroado considere convenientes segundo o sistema de contabilidade adoptado.

Artigo 36º.-Conservación de libros.

Os libros, incluídos os auxiliares, conservaraos o padroado, polo menos, durante un prazo de seis anos contados desde a data da última anotación nestes. Os ditos libros, así como os rexistros e comprobantes dos asentos contables poranse á disposición do Protectorado cando o requira.

Artigo 37º.-Contas anuais.

1. As fundacións deberán presentar ao Protectorado, no prazo de vinte días hábiles desde a súa aprobación que, en todo caso, se deberá efectuar nos seis meses seguintes á data de peche do exercicio, as contas anuais nos termos previstos no artigo 36 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, xuntando ademais a seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola persoa autorizada para representar a fundación en que se incluirá a manifestación de se existe ou non obriga de auditar as contas, de conformidade co disposto no artigo 37 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

b) Certificación dos acordos do padroado sobre a aprobación das contas anuais, na cal se acredite que as contas presentadas se corresponden coas auditadas nos supostos en que esta sexa preceptiva, caso en que se xuntará o informe de auditoría.

2. As contas anuais aprobadas polo padroado asinaraas en todas as súas follas a presidencia ou a persoa á cal, conforme os estatutos da fundación ou o acordo adoptado polos seus órganos de goberno, lle corresponda formulalas.

3. O Protectorado no prazo de tres meses desde a súa presentación examinará a adecuación formal á normativa vixente da documentación presentada. Se no dito exame se apreciasen erros ou defectos formais, o Protectorado notificarallo ao padroado para que proceda á súa emenda no prazo sinalado que, en ningún caso, será inferior a dez días hábiles. Se o padroado non atendese o dito requirimento, o Protectorado poderá exercer a acción de responsabilidade de conformidade co disposto no artigo 22.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Se non se apreciasen defectos, procederase á remisión ao Rexistro de Fundacións de Interese Galego para os efectos de depósito e publicidade.

4. Sen prexuízo da dita actividade de verificación da adecuación formal da documentación presentada, o Protectorado no exercicio das súas funcións poderá realizar comprobacións materiais das contas no prazo de catro anos desde a súa presentación. Se como consecuencia das ditas comprobacións materiais o Protectorado apreciase calquera incumprimento da normativa vixente, incorporará ás contas depositadas as observacións que considere oportunas, con independencia do exercicio, se é o caso, das accións que lle outorga o artigo 48.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

5. Anualmente o Protectorado remitirá, durante o primeiro trimestre natural, á Consellería de Economía e Facenda as relacións nominais de fundacións que cumpriron debidamente coa obriga de presentar as contas anuais e daquelas que incumpriron a dita obriga ou que non atenderon os requirimentos do Protectorado, con expresa mención da prohibición de percepción de subvencións e axudas públicas da Xunta de Galicia daquelas fundacións que non cumpran coa obriga de lle presentar as contas ao Protectorado, prevista no artigo 38.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Artigo 38º.-Contas consolidadas.

1. As fundacións que realicen actividades económicas e se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 42 e 43 do Código de comercio para a sociedade dominante deberán formular, ademais, contas anuais consolidadas de acordo co previsto no Código de comercio e nas disposicións contables que resulten de aplicación neste ámbito. Cando a fundación estea obrigada a consolidar as súas contas, deberao facer constar así na memoria.

2. As contas anuais consolidadas formularanse e aprobaranse conforme o previsto no artigo anterior, depositaranse no Rexistro Mercantil, e remitirase unha copia debidamente autorizada ou autenticada ao Rexistro de Fundacións de Interese Galego no prazo máximo dun mes desde a súa aprobación.

Artigo 39º.-Descrición das actividades fundacionais na memoria.

1. A memoria anual de actividades deberá permitir o coñecemento e xustificación do cumprimento da finalidade fundacional e da normativa aplicable, incluíndo a documentación prevista no artigo 36 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

2. A descrición das actividades fundacionais prevista no artigo 36.2.a) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, identificará e cuantificará a actuación global da fundación, así como cada unha das actividades, distinguindo entre actividades propias e mercantís. Deberá conter a seguinte información:

a) As actividades realizadas durante o exercicio con descrición das condicións e circunstancias en que se realizaron, especificando para cada unha delas:

-Os recursos económicos empregados para a súa realización.

-O número de persoas beneficiarias ou usuarias das súas actividades propias, diferenciando entre persoas físicas e xurídicas.

-Os ingresos ordinarios obtidos no exercicio, respecto das actividades mercantís.

b) Identificación dos convenios de colaboración subscritos con outras entidades; darase unha valoración monetaria á corrente de bens e servizos que se produce.

c) Recursos totais obtidos no exercicio, así como a súa procedencia, distinguindo entre rendas e outros ingresos derivados do patrimonio, de prestación de servizos, de subvencións do sector público, de achegas privadas e de calquera outro suposto.

d) Débedas contraídas e calquera outra obriga financeira asumida pola fundación.

e) Recursos totais empregados no exercicio, distinguindo entre gastos destinados a actividades propias, mercantís e outros gastos.

f) Grao de cumprimento do plan de actuación, indicando as causas das desviacións.

3. Os ingresos e gastos mencionados neste artigo determinaranse conforme os principios, regras e criterios establecidos nas normas de adaptación do plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos.

4. O inventario dos elementos patrimoniais que debe incluír a memoria de conformidade co disposto no artigo 36.2.b) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, deberá conter a seguinte información:

a) Descrición dos elementos patrimoniais.

b) Valor de adquisición.

c) Variacións no valor.

d) Calquera outra circunstancia que se considere significativa.

Artigo 40º.-Auditoría externa.

1. Correspóndelle ao padroado a designación dun auditor nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

O nomeamento levarase a cabo antes de que finalice o exercicio que se vai auditar, con suxeición aos períodos de contratación previstos na Lei 19/1988, do 12 de xullo, de auditoría de contas. Non se poderán revogar os auditores de contas antes de que conclúa o período para o que foron nomeados, salvo que medie causa xusta.

2. Excepcionalmente, o encargado do Rexistro poderá, a instancia do Protectorado ou de calquera dos membros do padroado, designar un auditor de contas para verificar as contas anuais dun exercicio determinado, nos casos en que o padroado estea obrigado a nomear auditor e non o fixese antes de finalizar o exercicio que se vai auditar.

3. O encargado do Rexistro nomeará os auditores nos tres primeiros meses de cada ano, entre os que figuren na lista de auditores inscritos no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que figure na sede electrónica do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas o 31 de decembro do ano anterior, para cada unha das provincias do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O responsable do Rexistro de Fundacións de Interese Galego publicará no Diario Oficial de Galicia o día e a hora do sorteo público para determinar a orde de nomeamentos de auditores. Unha vez efectuado o dito sorteo, publicarase no Diario Oficial de Galicia a letra do alfabeto que determinará a orde dos nomeamentos, que será a mesma para cada provincia. Esta orde comeza a rexer para os nomeamentos que se efectúen a partir do primeiro día hábil do mes seguinte a aquel en que se publique o resultado do sorteo e manterase ata que entre en vigor a correspondente ao ano seguinte. Para a determinación da lista que se vai empregar para cada nomeamento, terase en conta a provincia onde radique o domicilio da fundación.

O responsable do Rexistro de Fundacións de Interese Galego terá á disposición do público a lista de auditores.

Artigo 41º.-Plan de actuación.

1. De conformidade co artigo 39 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, o padroado elaborará e remitiralle ao Protectorado, nos últimos tres meses de cada exercicio, un plan de actuación, en que queden reflectidos os obxectivos, as actividades que se prevexa desenvolver durante o exercicio seguinte, unha previsión das partidas de ingresos e gastos calculados e mais unha memoria explicativa do mesmo plan de actuación. Consonte o disposto no artigo 18.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, o padroado non poderá delegar esta función noutros órganos da fundación.

2. O plan de actuación conterá a suficiente información identificativa das actividades propias da fundación e das actividades mercantís, dos gastos estimados para cada unha delas e dos ingresos e outros recursos previstos, e calquera outra información que permita comprobar o grao de realización de cada actividade ou o grao de cumprimento dos obxectivos.

3. O padroado remitirá ao Protectorado o plan de actuación xunto coa certificación de aprobación por parte do padroado da fundación.

4. Comprobada a adecuación formal do plan de actuación á normativa vixente, o Protectorado procederá a depositalo no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Capítulo VI

Modificación dos estatutos. Fusión, escisión e extinción

da fundación

Sección primeira

Modificación dos estatutos

Artigo 42º.-Procedemento de modificación estatutaria por instancia do padroado.

1. As modificacións dos estatutos acordadas polo padroado deberán ser formalizadas en escritura pública. Tanto no suposto de modificacións convenientes como de modificacións necesarias, previstas no artigo 41 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, o padroado comunicarallo ao Protectorado, xuntando os seguintes documentos:

a) Escritura pública de modificación estatutaria.

b) Certificación do acordo aprobatorio do padroado, emitida pola secretaría co visto e prace da presidencia.

Se no prazo de tres meses desde a notificación da modificación, o Protectorado non se opuxese de forma motivada e unicamente por razóns de legalidade, ou se con anterioridade manifestase de forma expresa a non oposición á modificación, procederase á inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. Nas modificacións dos estatutos de fundacións pertencentes ao sector público de Galicia, deberase verificar o establecido no capítulo X da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e no capítulo IX deste regulamento.

Artigo 43º.-Procedemento de modificación estatutaria por instancia do Protectorado.

1. Nos supostos previstos no artigo 41.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de modificación necesaria dos estatutos, cando o fundador non previse para esta circunstancia a extinción da fundación, o Protectorado requirirá o padroado para que proceda á modificación que considere necesaria no prazo máximo de seis meses.

2. Transcorrido o dito prazo sen que o padroado acordase a modificación estatutaria requirida, ou ben ante a súa oposición expresa, o Protectorado poderá solicitar da autoridade xudicial que resolva sobre a procedencia da modificación dos estatutos.

Sección segunda

Fusión e escisión

Artigo 44º.-Fusión por iniciativa dos padroados.

1. Os padroados que adopten acordos de fusión poderán solicitar, con carácter potestativo e antes de outorgar a preceptiva escritura pública, a cualificación previa do Protectorado sobre a adecuación á normativa vixente das actuacións realizadas, xuntando para estes efectos a seguinte documentación:

a) Informe xustificativo da fusión, no que se exporán as circunstancias que aconsellan a fusión e modo en que afectará os fins e actividades das fundacións fusionadas e o patrimonio achegado por cada unha delas.

b) Os estatutos da nova fundación.

O Protectorado non se poderá separar do criterio manifestado na cualificación previa, salvo modificación da lexislación ou xurisprudencia aplicable ao caso, e sempre que non se alterasen as circunstancias recollidas na solicitude. O pronunciamento da cualificación previa deberáselles notificar aos interesados no prazo máximo dun mes a partir da entrada da solicitude no rexistro do Protectorado competente para a súa tramitación.

2. Os acordos de fusión deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Os acordos de fusión serán adoptados polos padroados das fundacións correspondentes conforme o quórum de votación establecido nos respectivos estatutos.

b) Os acordos de fusión deberán ser razoados, expresando con claridade os motivos ou causas determinantes da fusión e o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 42 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, debendo incluír necesariamente a estrutura xurídica da operación de fusión, balance de fusión no momento de se acordar esta, así como unha memoria explicativa respecto da súa incidencia no cumprimento dos fins fundacionais.

3. A fusión requirirá o outorgamento de escritura pública e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Para estes efectos os padroados afectados remitirán ao Protectorado, ademais do informe previsto no punto anterior, os acordos adoptados, a correspondente escritura pública, que conterá os estatutos da fundación resultante da fusión, así como a identificación dos membros do primeiro padroado.

4. Realizado o exame de legalidade previsto no artigo 42.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, o Protectorado promoverá, se é o caso, a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, salvo que considere que a fusión é contraria á normativa vixente, caso en que ditará resolución de oposición no prazo máximo dun mes desde a notificación dos respectivos acordos dos padroados.

Artigo 45º.-Fusión por iniciativa do Protectorado.

1. Cando o Protectorado considere que unha determinada fundación resulta incapaz de conseguir os seus fins, e outra fundación con fins análogos comunique a súa vontade favorable a unha fusión, e sempre que non exista prohibición expresa do fundador, poderá cursar requirimento ao padroado solicitando que se leve a cabo a fusión, outorgando un prazo non superior a seis meses para negociar o acordo de fusión.

2. Transcorrido o dito prazo, sen que se iniciase o procedemento de fusión, ou ante a oposición expresa do padroado requirido, o Protectorado poderá solicitar da autoridade xudicial que ordene a referida fusión.

Artigo 46º.-Escisión.

1. A escisión con creación dunha nova fundación requirirá o acordo motivado do padroado, conforme o quórum de votación establecido nos respectivos estatutos, coa preceptiva comunicación ao Protectorado, xuntado informe xustificativo da escisión, no cal se exporá o modo en que afectará os fins e actividades da fundación, e o cumprimento do previsto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e neste regulamento para a constitución dunha fundación.

2. A escisión con transmisión do escindido a outra ou a outras fundacións xa existentes, require o acordo motivado dos padroados e a autorización do Protectorado. Á solicitude de autorización deberáselle xuntar a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo aprobatorio da escisión de cada un dos padroados, emitida polos/as secretarios/as co visto e prace dos/as presidente/as.

b) Informe xustificativo, no cal se exporán as circunstancias da escisión e o modo en que afectará os fins e actividades das fundacións e o patrimonio achegado.

O procedemento de autorización deberase resolver e notificar no prazo máximo dun mes, transcorrido o cal se entenderá concedida, de conformidade co disposto no artigo 49.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

A escisión requirirá o outorgamento de escritura pública e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

3. En calquera suposto de escisión, o Protectorado poderase opor por razóns de legalidade, mediante acordo motivado no prazo máximo dun mes a partir da notificación do acordo de escisión.

Sección terceira

Extinción da fundación

Artigo 47º.-Extinción por expirar o prazo polo que foi constituída.

1. Cando expire o prazo polo que foi constituída, a fundación extinguirase de pleno dereito. Para estes efectos, o padroado deberá acordar o inicio do procedemento de liquidación e daralle conta ao Protectorado do citado acordo e das actuacións de liquidación.

2. O Protectorado promoverá a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da extinción que determina o vencemento do prazo polo que foi constituída a fundación.

Artigo 48º.-Extinción por se ter realizado integramente o fin fundacional, por imposibilidade material ou xurídica para a súa realización.

1. Nos supostos en que o padroado acorde a extinción da fundación por se ter realizado integramente o fin fundacional ou por imposibilidade material ou xurídica para a súa realización, previstos nas alíneas 1.b), c) e e) do artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, solicitará a ratificación do acordo por parte do Protectorado, xuntando a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado, emitida polo/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a.

b) Memoria xustificativa da concorrencia dunha das causas de extinción específica sinaladas neste punto. No suposto de que a causa da extinción sexa a imposibilidade para a realización do fin fundacional, haberá que xustificar, ademais, a improcedencia ou imposibilidade de modificar os estatutos ou de levar á práctica un proceso de fusión, sempre que o fundador non o prohibise.

c) As contas de fundación na data en que se adoptou o acordo de extinción.

d) O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

2. O Protectorado, unha vez examinada a documentación presentada e no prazo de tres meses, resolverá de forma motivada sobre a ratificación do acordo de extinción. Por falta de resolución expresa debidamente notificada no prazo citado, poderase entender ratificado o acordo de extinción. Se o Protectorado considera que non concorre a causa alegada, adoptará resolución denegando a ratificación solicitada, caso en que o padroado poderá instar que a autoridade xudicial acorde a extinción.

Artigo 49º.-Extinción por instancia do Protectorado.

1. Se o Protectorado considera que concorre causa de extinción, comunicaralle ao padroado a necesidade de adoptar o acordo de extinción no prazo máximo de seis meses, con advertencia de que, transcorrido este, instarase da autoridade xudicial que acorde a extinción.

2. Transcorrido o dito prazo sen que o padroado acorde a extinción ou ante a súa oposición expresa, o Protectorado iniciará as actuacións para solicitar da autoridade xudicial a declaración de extinción da fundación.

Artigo 50º.-Liquidación.

1. A extinción da fundación, agás nos supostos nos cales teña lugar como consecuencia dunha fusión, porá fin ás actividades ordinarias desta e determinará o comezo das operacións de liquidación.

2. A liquidación da fundación extinguida realizaraa o padroado baixo o control e asesoramento do Protectorado, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

O Protectorado poderá solicitar do padroado, como órgano de liquidación, información periódica do proceso e información adicional da documentación facilitada, debendo impugnar perante o xuíz ou tribunal competente os actos de liquidación que considere contrarios ao ordenamento xurídico ou aos estatutos, logo do requirimento de emenda nos casos en que se dea a dita posibilidade.

3. Sen prexuízo do previsto no punto anterior, o padroado poderá apoderar ou delegar a execución material dos seus acordos relativos ao proceso de liquidación.

4. O procedemento de liquidación iníciase coa aprobación por parte do padroado do inventario e do balance de situación da fundación na data de inicio do procedemento de liquidación, sen prexuízo das demais actuacións previstas no artigo 46.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

5. Resultan aplicables ao proceso de liquidación os requisitos establecidos con carácter xeral para os actos de disposición dos bens e dereitos da fundación, así como as normas que regulan a responsabilidade dos patróns.

6. Non se poderán destinar os bens e dereitos resultantes da liquidación ás entidades a que se refiren os números 1º e 2º do artigo 45 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, sen que sexan satisfeitos todos os acredores ou sen consignar o importe dos seus créditos. Cando existan créditos non vencidos, asegurarase previamente o pagamento.

7. A aprobación definitiva por parte do padroado da liquidación comunicaráselle ao Protectorado, xuntando escritura pública onde conste o contido da acta da sesión do padroado en que se aprobe, así como a documentación referida á adxudicación do haber resultante de conformidade coas regras estatutarias. Así mesmo, xuntaranse os documentos contables referidos ao peche da contabilidade.

8. Realizada de conformidade a liquidación e a adxudicación do haber resultante desta, o Protectorado promoverá a súa inscrición, así como a da extinción da fundación e a correspondente dilixencia de peche da folla do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Capítulo VII

O Protectorado das Fundacións de Interese Galego

Sección primeira

Organización e funcións do Protectorado

Artigo 51º.-Obxecto e organización xeral do Protectorado.

1. O Protectorado, de acordo co disposto no artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, é o órgano administrativo de asesoramento, apoio técnico e control das fundacións, e ten como finalidade facilitar e promover o correcto exercicio do dereito de fundación e asegurar a legalidade da constitución, funcionamento e extinción das fundacións.

2. O Protectorado das fundacións de interese galego será exercido pola Xunta de Galicia a través do departamento con competencia específica sobre a materia propia dos fins de cada fundación, de conformidade co establecido na correspondente orde de clasificación prevista no artigo 7.1º.c) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Se as competencias sobre os fins fundacionais estivesen atribuídas a varios departamentos da Xunta de Galicia, o Protectorado será exercido polo departamento competente en materia de fundacións.

Artigo 52º.-Funcións do Protectorado.

1. O Protectorado exércese con pleno respecto á autonomía de funcionamento das fundacións e co obxectivo esencial de velar polo correcto exercicio do dereito de fundación, a legalidade da súa constitución e funcionamento e o cumprimento efectivo da vontade do fundador, tendo en conta a consecución do interese xeral para Galicia.

2. O Protectorado desempeñará as funcións enumeradas nos artigos seguintes deste capítulo, sen prexuízo do disposto no artigo 48 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e de calquera outra que se puidese outorgar mediante lei.

3. No exercicio das súas funcións o Protectorado solicitará asesoramento ao Servizo de Igualdade cando fose necesario ou conveniente para os efectos de integrar activamente a dimensión de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e, especialmente, cando as funcións de Protectorado se exerzan respecto dunha fundación entre cuxas finalidades se atope o apoio á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Artigo 53º.-Funcións de apoio, impulso e asesoramento.

Constitúen funcións de apoio, impulso e asesoramento do Protectorado as seguintes:

a) Asesorar e informar as fundacións que estean en proceso de constitución acerca do réxime xurídico substantivo aplicable, co fin de que as persoas promotoras dun proxecto de interese xeral o poidan formalizar eficazmente.

En particular, informarase sobre aspectos relacionados coa dotación, os fins de interese xeral para Galicia, a elaboración dos estatutos e a tramitación administrativa correspondente. Esta información realizarase por medios telemáticos, facilitando aos interesados que o soliciten un modelo de estatutos de carácter orientativo.

b) Asesorar as fundacións xa inscritas en relación co réxime xurídico aplicable, económico-financeiro e contable, en particular sobre os seguintes aspectos:

-Normativa vixente que afecta o sector fundacional.

-Funcionamento e actuación do padroado.

-Expedientes relativos á disposición e gravame de bens, autocontratación, modificación de estatutos, fusión, extinción e liquidación.

-Elaboración de contas anuais, obrigas formais de presentación destas e outros aspectos relacionados coa contabilidade.

-Elaboración e presentación do plan de actuación.

-Descrición das actividades en cumprimento dos fins que deban figurar na memoria. O Protectorado pode facilitar, logo de solicitude das fundacións interesadas, un modelo resumo para presentar a información de forma cuantificada e homoxénea.

c) Promover a realización de estudos sobre a viabilidade das fundacións, de acordo con estas.

d) Dar a coñecer a existencia e as actividades das fundacións, sen prexuízo da función de publicidade rexistral que corresponde ao Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

e) Cooperar, para o servizo do interese xeral e da sociedade civil, coas asociacións de fundacións ou con outros entes análogos.

Artigo 54º.-Funcións en relación co proceso de constitución.

En relación co proceso de constitución de fundacións de interese galego, correspóndelle ao Protectorado:

a) Velar polo respecto da legalidade na constitución da fundación.

b) Informar, con carácter preceptivo e vinculante, sobre a idoneidade dos fins e sobre a adecuación e suficiencia da dotación das fundacións que estean en proceso de constitución, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

c) Outorgar, coa autorización xudicial previa, a escritura pública de constitución, mediante a persoa que designe o Protectorado, no suposto de constitución dunha fundación por acto mortis causa previsto no artigo 10.4º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

d) Ordenar o cesamento dos patróns das fundacións en proceso de formación que, no prazo de seis meses desde o outorgamento da escritura de constitución, non instasen a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e nomear novos patróns, coa autorización xudicial previa, que asumirán a obriga de inscribir a fundación no citado rexistro.

Artigo 55º.-Funcións en relación co padroado.

As funcións do Protectorado en relación co padroado son:

a) Exercer provisionalmente as funcións do padroado cando falten, por calquera motivo, todas as persoas que o constitúen. Neste suposto, de conformidade co disposto no artigo 24.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, o Protectorado deberá nomear novos patróns ou ben instar a extinción da fundación.

b) Conceder un prazo adicional, completar o número mínimo de patróns ou ben instar a extinción da fundación, se aprecia a súa inviabilidade, no suposto de que, o número de patróns fose inferior a tres e vencese o prazo previsto no artigo 24.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

b) Designar a persoa ou persoas que integren provisionalmente o padroado no suposto establecido polo artigo 24.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

c) Asumir todas as atribucións legais e estatutarias do padroado durante o tempo que determine a resolución xudicial de intervención temporal da fundación.

Artigo 56º.-Funcións en relación co patrimonio da fundación.

Son funcións do Protectorado en relación co patrimonio da fundación:

a) Ter coñecemento formal, no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa realización, dos negocios xurídicos da fundación sobre os cales o padroado está legalmente obrigado a informar o Protectorado, de conformidade co disposto no artigo 29 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

b) Velar en todo momento pola integridade, a suficiencia e o rendemento do patrimonio fundacional para o cumprimento efectivo dos fins fundacionais, sen prexuízo da responsabilidade que corresponda, neste asunto, ao padroado.

Artigo 57º.-Funcións relativas ao cumprimento dos fins fundacionais.

En relación co cumprimento dos fins fundacionais, correspóndelle ao Protectorado:

a) Velar polo cumprimento efectivo dos fins fundacionais, tendo en conta a vontade do fundador e a consecución do interese xeral para Galicia.

b) Coñecer e examinar o plan de actuación e as contas anuais, incluídos, se procede, os informes de auditoría e instar, se é o caso, ao encargado do rexistro o nomeamento de auditor externo, de conformidade co disposto no artigo 40º.2 deste regulamento.

c) Comprobar que as fundacións facilitan información adecuada e suficiente respecto dos seus fins e actividades, para que as persoas beneficiarias eventuais e o resto de persoas interesadas as coñezan, de conformidade coa obriga contida no artigo 27º deste regulamento.

d) Comprobar que as fundacións actúen con criterios de imparcialidade e non discriminación na determinación das persoas beneficiarias.

e) Iniciar o expediente de comprobación de actividades de conformidade co disposto na sección segunda deste capítulo.

Artigo 58º.-Funcións en relación coa modificación, fusión, escisión e extinción de fundacións.

O Protectorado exercerá as seguintes funcións en relación coa modificación estatutaria, fusión, escisión e extinción de fundacións de interese galego:

a) Ter coñecemento dos acordos de modificación de estatutos que adopte o padroado e, se é o caso, oporse por razóns de legalidade e de xeito motivado, no prazo máximo de tres meses, contado desde a notificación da modificación. A resolución que declare a oposición terá carácter vinculante.

b) Ter coñecemento dos acordos de fusión ou escisión que adopte o padroado e, se é o caso, oporse por razóns de legalidade e de xeito motivado, no prazo máximo dun mes, contado desde a notificación dos respectivos acordos dos padroados. A resolución que declare a oposición terá carácter vinculante.

c) Solicitar á autoridade xudicial a modificación dos estatutos ou a fusión das fundacións, nos supostos que establecen os artigos 41.3º e 42.5º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

d) Ratificar o acordo do padroado sobre a extinción da fundación cando se levou a cabo integramente o fin fundacional, sexa imposible a súa realización ou concorra calquera outra causa prevista no acto constitutivo ou nos estatutos.

e) Solicitar á autoridade xudicial a extinción da fundación, nos supostos que se establecen nos números 3º e 5º do artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

f) Ter coñecemento das operacións de liquidación da fundación e supervisalas, se é o caso, así como acordar a finalidade que se deba dar aos bens resultantes, de non existir previsión do fundador, nin facultade do padroado, de conformidade co disposto no artigo 45.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Artigo 59º.-Funcións en relación co exercicio de accións previstas legalmente.

Son funcións do Protectorado en relación co exercicio de accións previstas legalmente:

a) Exercer a acción de responsabilidade ante os patróns, a favor das fundacións, cando legalmente proceda.

b) Instar xudicialmente o cesamento dos patróns polo desempeño do cargo sen a dilixencia que establece a lei.

c) Nomear novos patróns, coa autorización xudicial previa, no suposto que establece o artigo 14.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

d) Impugnar os actos e os acordos do padroado que sexan contrarios á lei ou aos estatutos, incluídos os actos adoptados no curso do procedemento de liquidación da fundación que considere contrarios ao ordenamento ou aos estatutos, logo de requirimento de emenda nos casos en que se prevexa esta posibilidade.

e) Instar a autoridade xudicial para que interveña a fundación, cando concorran as circunstancias previstas no artigo 50.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

f) Remitir testemuño ao Ministerio Fiscal ou ao órgano xurisdicional competente, comunicando a dita circunstancia á fundación interesada, cando no exercicio das súas funcións o Protectorado aprecie a existencia de indicios de ilicitude penal na actividade dunha fundación.

g) Velar polo cumprimento das obrigas que establece a disposición adicional segunda da Lei 19/1993, do 28 de decembro, sobre determinadas medidas de prevención do branqueo de capitais, na redacción dada pola disposición adicional primeira da Lei 19/2003, do 4 de xullo, sobre réxime xurídico dos movementos de capitais e das transaccións económicas co exterior e sobre determinadas medidas da prevención do branqueo de capital.

Sección segunda

Da comprobación de actividades da fundación

Artigo 60º.-Comprobación de actividades.

1. De conformidade co disposto no artigo 48.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, correspóndelle ao Protectorado, entre outras funcións, velar polo cumprimento adecuado dos fins fundacionais de acordo coa vontade do fundador e tendo en conta a consecución do interese xeral, así como verificar se os recursos económicos das fundacións foron aplicados para cumprir os fins fundacionais, nos termos previstos nos estatutos e na lexislación vixente.

2. O Protectorado iniciará de oficio o expediente de comprobación de actividades cando se constaten ou existan indicios de calquera das seguintes circunstancias:

a) Non xustificar suficientemente o cumprimento da obriga de destino de rendas e ingresos na memoria anual e, se é o caso, na información complementaria subministrada polo padroado.

b) A falta de presentación das contas de maneira reiterada.

c) Irregularidades na xestión económica da fundación.

d) A falta de adecuación entre as actividades propias e mercantís realizadas e os fins fundacionais.

e) Inactividade da fundación.

f) En xeral, o incumprimento das obrigas impostas polo ordenamento xurídico, así como da vontade do fundador ou dos estatutos.

3. O acordo de inicio do expediente de comprobación de actividades determinará a forma, as condicións e o prazo en que esta se levará a cabo.

Artigo 61º.-Persoal encargado da comprobación.

As actuacións de comprobación de actividades serán realizadas por persoal funcionario dependente da consellería competente en materia de fundacións, asistido por persoal do departamento que exerza as funcións de Protectorado e, se é o caso, por asesores externos.

Artigo 62º.-Prazo da comprobación.

1. O procedemento de comprobación de actividades deberase realizar no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ao padroado da fundación.

2. Excepcionalmente, o Protectorado poderá outorgar unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando a comprobación revista especial complexidade en atención ao volume e composición do patrimonio fundacional ou á natureza das actividades propias e mercantís realizadas pola fundación.

b) Cando se constaten novos feitos distintos dos que motivaron o inicio do expediente de comprobación de actividades.

Artigo 63º.-Instrución do procedemento de comprobación de actividades.

1. A comprobación de actividades poderase realizar, entre outros, a través dos seguintes medios:

a) Comparecencia voluntaria dos membros do padroado ante o Protectorado.

b) Presentación de documentos, libros, contabilidade, xustificantes e calquera outra documentación precisa para a comprobación.

c) Presentación de informe de auditoría coa finalidade de determinar con claridade a imaxe fiel do patrimonio fundacional e da súa situación financeira.

2. As ditas actuacións serán documentadas mediante actas, informes ou certificacións redactadas polo responsable da comprobación de actividades.

Artigo 64º.-Resolución.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de que o responsable da súa tramitación redacte a proposta de resolución, poráselle de manifesto ao padroado, co obxecto de que alegue o que considere necesario no prazo de dez días.

2. Efectuadas as alegacións e presentados os documentos e xustificantes que se consideren pertinentes, se é o caso, o Protectorado requirirá do padroado a adopción das medidas que considere precisas para a corrección das irregularidades detectadas no prazo que se fixe no requirimento.

3. O Protectorado concluirá o procedemento de comprobación de actividades mediante resolución expresa en que se acordará:

a) Arquivar o expediente de comprobación de actividades pola falta de concorrencia ou de acreditación das circunstancias previstas no artigo 60.2º deste regulamento, ou ben pola adopción das medidas correctoras propostas.

b) Exercer as accións xudiciais que procedan.

c) Remitir testemuño ao Ministerio Fiscal, comunicando a dita circunstancia á fundación interesada, cando se aprecien indicios de ilicitude penal, de conformidade co disposto no artigo 48.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Sección terceira

Intervención temporal da fundación

Artigo 65º.-Procedemento de intervención temporal.

1. Nos supostos previstos no artigo 50.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, o Protectorado acordará a iniciación do procedemento de intervención temporal da fundación, notificándollo ao padroado, para que, no prazo de quince días, formule as alegacións e presente, se é o caso, os documentos e xustificantes que considere pertinentes.

Examinadas as alegacións, o Protectorado poderá ben acordar o arquivo de actuacións ou ben declarar a existencia da irregularidade grave na xestión económica ou desviación entre as actividades realizadas e os fins fundacionais, notificándollo en ambos os casos ao padroado no prazo máximo dun mes, desde a recepción das alegacións do interesado.

2. No suposto en que o Protectorado declare a existencia de irregularidade grave ou desviación entre as actividades realizadas e os fins fundacionais, na notificación requiriráselle ao padroado a adopción das medidas que considere pertinentes para a corrección daquela, fixando, para estes efectos, un prazo máximo de dous meses.

3. Se o dito requirimento non fose atendido no prazo citado, o Protectorado poderá solicitar da autoridade xudicial que acorde, logo da audiencia do padroado, a intervención temporal da fundación. Xunto coa solicitude, o Protectorado remitirá á autoridade xudicial a seguinte información:

a) Feitos que motivan a solicitude de intervención e cualificación xurídica destes.

b) Requirimento remitido ao padroado.

c) Medidas propostas e prazo estimado de execución.

d) Prazo da intervención temporal solicitada.

e) Persoas que, en representación do Protectorado e en número non inferior a tres, exercerían as funcións do padroado, de conformidade co disposto no artigo 50.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

4. O Protectorado poderá solicitar a colaboración de organismos públicos e privados para garantir un adecuado exercicio das atribucións derivadas da intervención temporal da fundación acordada pola autoridade xudicial.

Sección cuarta

Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado

Artigo 66º.-Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado.

Créase a Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado, como órgano de consulta e participación dos departamentos da Xunta de Galicia que exercen o Protectorado en virtude das competencias correspondentes aos fins fundacionais.

A Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado está adscrita á consellería competente en materia de fundacións.

Artigo 67º.-Composición.

1. A Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado está integrada por:

-Presidente/a: a persoa titular da secretaría xeral da consellería competente en materia de fundacións de interese galego.

-Vicepresidente/a: a persoa titular da vicesecretaría xeral da consellería competente en materia de fundacións de interese galego.

-Vogais:

-Un/unha letrado/a da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, designado polo/a presidente/a da comisión.

-A persoa responsable en cada unha dos departamentos que exerzan as funcións de Protectorado, da tramitación dos expedientes das fundacións adscritas a estes.

-Secretaría:

-A persoa responsable do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. En casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a da comisión será substituído polo/a vicepresidente/a.

Artigo 68º.-Finalidade da Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado.

A Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado ten por finalidade contribuír á mellora do labor de asesoramento, apoio técnico e control das fundacións encomendada ao Protectorado, para garantir o cumprimento da vontade do/da fundador/a ou fundadores/as, e dos fins de interese xeral para Galicia a que está afectado de modo duradeiro o patrimonio das fundacións de interese galego.

Artigo 69º.-Funcións da Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado.

A Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado ten as seguintes funcións:

a) O establecemento de directrices e criterios únicos de interpretación da normativa vixente en materia de fundacións de interese galego.

b) A elaboración e aprobación dunha relación de impresos e modelos normalizados de utilidade para as fundacións nas súas relacións co Protectorado e co Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

c) A elaboración de informes e ditames sobre calquera consulta que un Protectorado decida elevar a criterio da Comisión Técnica de Coordinación do Protectorado. Os ditos informes teñen carácter vinculante, porén non substitúen os que con carácter preceptivo deban elaborar os Protectorados.

d) Informar ou formular suxestións, cando así se solicite, sobre todo anteproxecto de lei, proxecto de decreto ou orde que teña incidencia na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego.

e) Calquera outra cuestión relacionada co exercicio do Protectorado ou coa xestión do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 70º.-Funcionamento e adopción de acordos.

1. A comisión reunirase unha vez cada trimestre, sen prexuízo das reunións que sexan precisas pola urxencia dos temas que se vaian tratar.

Correspóndelle á secretaría efectuar a convocatoria das reunións, por orde da presidencia, por propia iniciativa ou por petición da maioría simple dos membros da comisión.

A convocatoria faráselle chegar a cada un dos membros, polo menos, con quince días de anticipación á data da súa realización, por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción. Nela farase constar o lugar, día e hora de realización da reunión, e xuntarase, así mesmo, a orde do día e a documentación precisa sobre os temas que se vaian tratar.

2. Considérase validamente constituída a Comisión cando asistan o/a presidente/a e o/a secretario/a, ou quen os substitúa, e a metade dos seus membros.

3. Os acordos consideraranse aprobados co voto favorable da maioría simple dos asistentes, decidindo, en caso de empate, o voto de calidade do/a presidente/a.

4. O/a secretario/a da comisión redactará unha acta de cada sesión que realice, na que especificarán os asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou a sesión, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos.

5. As actas aprobaranse na seguinte sesión da Comisión; non obstante, o secretario/a poderá emitir certificación sobre os acordos específicos adoptados, sen prexuízo da súa aprobación posterior, facendo constar a non aprobación desta.

Capítulo VIII

O Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 71º.-Natureza e adscrición.

O Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, é un órgano colexiado de carácter consultivo, adscrito á consellería competente en materia de fundacións.

Artigo 72º.-Funcións.

1. De conformidade co disposto no artigo 57 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, o Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia terá as seguintes funcións:

a) Asesorar, informar e ditaminar, cando así se solicite, sobre calquera disposición legal ou regulamentaria que afecte directamente as fundacións.

b) Formular as propostas que considere convenientes, neste ámbito, á consellería competente en materia de fundacións.

c) Planificar e propor as actuacións necesarias para promover e fomentar as fundacións de interese galego.

d) As demais funcións que lle poidan atribuír as disposicións vixentes.

2. Ademais de para as ditas funcións, o Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia é competente para:

a) Impulsar a elaboración do directorio da Xunta de Galicia de fundacións de interese galego, en colaboración co Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

b) Impulsar a realización de estudos tendentes a facilitar a ordenación do mapa fundacional de Galicia, en especial en relación coas fundacións sen actividade.

c) Impulsar a realización e a asunción do código ético para as fundacións de interese galego, e de redes de difusión e contacto de boas prácticas en materia de principios e valores de bo goberno fundacional.

d) Impulsar a creación de redes de fundacións de interese galego.

3. O Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como os departamentos que exerzan o Protectorado das fundacións de interese galego, facilitaranlle ao Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia toda a documentación e información que lles requira para o adecuado exercicio das súas funcións.

Artigo 73º.-Composición.

O Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia está integrado polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da consellería competente en materia de fundacións de interese galego.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da secretaría xeral da consellería competente en materia de fundacións de interese galego.

c) Vogais:

-Un representante con categoría, polo menos, de director xeral, nomeado polo/a presidente/a do consello, por proposta de cada un dos departamentos da Xunta de Galicia que exerzan funcións de Protectorado.

-Catorce representantes das fundacións de interese galego, nomeados polo/a presidente/a do consello para un período de catro anos, conforme o disposto no artigo seguinte.

d) Secretario/a con voz e sen voto: un/unha funcionario/a da consellería competente en materia de fundacións, nomeado polo/a presidente/a do consello.

Artigo 74º.-Vogais representantes das fundacións.

1. Os vogais representantes das fundacións de interese galego serán nomeados polo presidente/a do consello: nove entre os candidatos propostos polas fundacións de interese galego, tres por proposta da consellería competente en materia de fundacións entre membros de padroados de fundacións de interese galego recoñecidas polo seu labor, prestixio e relevancia no eido fundacional de Galicia, e dous por proposta das asociacións representativas do sector fundacional galego, sempre que aquelas estivesen legalmente constituídas.

2. Para propoñer candidatos, as fundacións de interese galego deberán cumprir os seguintes requisitos que verificará de oficio o Rexistro de Fundacións de Interese Galego:

a) Inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

b) Cumprimento das súas obrigas de presentación das contas anuais e o plan de actuacións previstas na Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Artigo 75º.-Selección dos vogais en representación das fundacións de interese galego.

1. Cada fundación de interese galego poderá presentar un único candidato, no prazo de quince días desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da secretaría xeral da consellería competente en materia de fundacións, anunciando a apertura do prazo de presentación de propostas e o lugar, data e hora de realización do sorteo previsto no punto seguinte.

2. A selección dos vogais en representación das fundacións de interese galego farase mediante sorteo público entre os candidatos propostos polas fundacións, conforme as seguintes regras:

-Tres vogais entre as fundacións cuxo patrimonio non exceda os 150.000 euros.

-Tres vogais entre as fundacións cun patrimonio de entre 150.000 e un millón de euros.

-Tres vogais entre as fundacións cun patrimonio superior a un millón de euros.

3. Para os efectos do punto anterior enténdese por patrimonio, o total activo do balance de situación, de acordo coas últimas contas anuais depositadas.

4. A selección dos vogais en representación das asociacións representativas do sector fundacional galego farase entre os candidatos propostos por cada unha das asociacións. Cada asociación de fundacións representativas do sector fundacional galego, conforme as súas normas estatutarias, poderá propor un representante, acompañando unha relación nominal das fundacións integradas nesta.

A representativade das asociacións de fundacións determinarase en función do número de fundacións de interese galego asociadas a estas.

O/a presidente/a nomeará como vogais aos dous candidatos propostos polas dúas asociacións máis representativas do sector fundacional galego.

5. De non presentaren propostas as fundacións, a vacante acrecerá o grupo de patrimonio inmediatamente superior. De non presentaren propostas as asociacións de fundacións legalmente constituídas, as vacantes acrecerán os grupos de patrimonio anteriores comezando polo inferior e acumulándose a continuación aos restantes.

6. No caso de falecemento, incapacidade ou renuncia dun vogal representante das fundacións, será substituído por quen indique a fundación ou, se é o caso, asociación de fundacións propoñente.

Artigo 76º.-Funcionamento.

1. O Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia reunirase, en sesión ordinaria, unha vez ao ano e, de forma extraordinaria, por iniciativa do seu presidente/a ou cando o soliciten a metade dos seus membros, caso en que se incluirán na orde do día os asuntos que motivaron a petición.

2. Para a válida constitución do consello requirirase, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos seus membros e, en segunda convocatoria, a asistencia de, polo menos, a cuarta parte. En todo caso, será preceptiva a presenza do/a presidente/a e do/a secretaria/o ou, se é o caso, das persoas que os substitúan.

3. A convocatoria realizaraa o/a secretaria/o, por orde do/a presidente/a, cunha antelación mínima de sete días naturais, agás no suposto de sesións extraordinarias para o caso de que, por razóns de urxencia motivadas, non se poida demorar a súa realización, caso en que a convocatoria se realizará, polo menos, con corenta e oito horas de antelación.

4. Na convocatoria concretarase a orde do día e o lugar, a data e a hora daquela, tanto en primeira como en segunda convocatoria.

5. Os acordos adoptaranse por maioría absoluta de votos dos membros presentes en cada sesión, e decidirá, en caso de empate, o voto de calidade do/a presidente/a.

6. Das reunións redactará acta o/a secretaria/o do consello, onde se reflectirán os asistentes, a orde do día, a data e o lugar onde se realizou, as deliberacións e acordos adoptados e todas as circunstancias que contribúan a manifestar fielmente as deliberacións mantidas.

7. A participación no Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia ten carácter honorífico e non suporá retribución ningunha.

Capítulo IX

As fundacións do sector público de Galicia

Artigo 77º.-Fundacións do sector público de Galicia.

1. As fundacións do sector público de Galicia réxense polo disposto nos artigos 58 e seguintes da Lei 12/2006, do 1 de decembro, coas especialidades previstas neste regulamento e no Decreto 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico.

2. Para os efectos da consideración como fundacións do sector público daquelas cuxos ingresos proveñan maioritariamente de subvencións con cargo aos orzamentos da comunidade autónoma, sempre que neste caso a comunidade autónoma forme parte dos seus órganos de goberno ou dirección, terán a consideración de subvencións unicamente as dotacións orzamentarias que cubran tanto os gastos correntes como de investimento, tendentes a garantir a autonomía financeira das fundacións.

Artigo 78º.-Denominación das fundacións do sector público de Galicia.

A denominación das fundacións de interese galego do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá conter os termos fundación pública galega, sen prexuízo da aplicación das regras previstas nos artigos 4º e 5º deste regulamento.

Artigo 79º.-Procedemento de autorización para a creación, extinción, adquisición e perda da representación maioritaria de fundacións do sector público de Galicia.

1. A creación e extinción das fundacións do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, a adquisición e a perda da representación maioritaria deberán ser autorizadas por acordo do Consello da Xunta.

2. Nos expedientes de autorización sinalados no punto anterior, regulado no artigo 59 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, deberase incluír unha memoria xustificativa e unha memoria económica, coas exixencias previstas no artigo 7 do Decreto 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico.

3. O acordo do Consello da Xunta polo que se autoriza a creación de fundacións do sector público de Galicia, proposto polo titular da consellería interesada, conterá como mínimo:

a) A vontade de constituír unha fundación.

b) Denominación da fundación.

c) As persoas ou entidades cofundadoras, se é o caso.

d) A achega da Xunta de Galicia á dotación fundacional inicial e no caso de ser en diñeiro, a forma de desembolso. Neste último suposto, a autorización non implica a aprobación do gasto.

e) Aprobación dos estatutos da fundación.

f) A designación da persoa ou persoas representantes da Xunta de Galicia no padroado da fundación.

g) A designación da persoa que actuará en nome e representación da Xunta de Galicia para a realización de actuacións precisas para a constitución e inscrición da fundación.

h) O destino dos bens e dereitos resultantes da liquidación da fundación, no suposto da súa extinción.

Artigo 80º.-Modificación de estatutos das fundacións do sector público de Galicia.

A modificación dos estatutos de fundacións do sector público de Galicia deberá ser autorizada por acordo do Consello da Xunta, conforme o disposto no artigo 59 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Para a autorización da modificación estatutaria, requirirase:

a) Acordo do padroado polas maiorías que procedan segundo os estatutos e a normativa aplicable.

b) Memoria xustificativa da modificación, en que consten os artigos que se van modificar e o seu contido, aprobada polo padroado e con informe do Protectorado.

c) Memoria económica con informe da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 81º.-Persoal ao servizo das fundacións do sector público de Galicia e persoal de alta dirección.

1. A selección de persoal ao servizo das fundacións do sector público de Galicia será efectuada con respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria, cos requisitos previstos no artigo 61 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

2. A selección de persoal de alta dirección someterase aos principios de mérito e capacidade entre persoas que demostrasen a súa cualificación profesional, de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e contratación, e na normativa reguladora da relación laboral de carácter especial de alta dirección.

3. A selección do persoal de alta dirección efectuarase mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

4. O persoal ao servizo das fundacións do sector público e o persoal de alta dirección estará suxeito a avaliación conforme os criterios de eficacia e eficiencia, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos fixados.

Artigo 82º.-Comisión Técnica de Coordinación das Fundacións do Sector Público de Galicia.

Co obxecto de contribuír a coordinar, homoxeneizar e racionalizar a estrutura e actuación do sector fundacional público de Galicia, constitúese a Comisión Técnica de Coordinación das Fundacións do Sector Público de Galicia.

A Comisión Técnica de Coordinación das Fundacións do Sector Público de Galicia está adscrita á consellería competente en materia de fundacións.

Artigo 83º.-Composición.

1. A Comisión Técnica de Coordinación das Fundacións do Sector Público de Galicia está integrada por:

-Presidente/a: a persoa titular da secretaría xeral da consellería competente en materia de fundacións.

-Vicepresidente/a: a persoa titular da secretaría xeral da consellería competente en materia de economía e facenda.

-Vogais:

-Un letrado da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, designado polo/a presidente/a da comisión.

-Un vogal en representación de cada un dos departamentos da Xunta de Galicia que forme parte dos órganos de goberno ou dirección de fundacións do sector público de Galicia, designado pola persoa titular da secretaría xeral do citado departamento.

-Secretario/a:

-A persoa responsable do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 84º.-Funcións da Comisión Técnica de Coordinación de Fundacións do Sector Público de Galicia.

A Comisión Técnica de Coordinación de Fundacións do Sector Público de Galicia ten as seguintes funcións:

a) O establecemento de directrices e criterios únicos de interpretación da normativa vixente en materia de fundacións do sector público de Galicia.

b) A elaboración e aprobación dun modelo de estatutos de fundación do sector público de Galicia.

c) A elaboración dun informe anual relativo ás fundacións do sector público de Galicia creadas no exercicio por cada departamento da Xunta de Galicia, con especial mención á xustificación da citada creación.

d) A elaboración dun informe preceptivo e vinculante, no prazo máximo de dous meses desde a solicitude, respecto de todas as propostas de participación e integración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus organismos públicos e as demais entidades ou empresas do sector público autonómico, nos órganos de goberno ou dirección de fundacións de interese galego que non reúnan os requisitos para ser incluídas no sector público de Galicia.

e) Resolución das consultas que realicen as distintas fundacións do sector público de Galicia.

f) A elaboración de informes, estudos e códigos de boas prácticas que contribúan á mellora do sector público fundacional de Galicia.

Artigo 85º.-Funcionamento e adopción de acordos.

1. A comisión reunirase unha vez cada trimestre, sen prexuízo das reunións que sexan precisas pola urxencia dos temas que se vaian tratar.

Correspóndelle á secretaría efectuar a convocatoria das reunións, por orde da presidencia, por propia iniciativa ou por petición da maioría simple dos membros da comisión.

A convocatoria faráselle chegar a cada un dos membros, polo menos, con cinco días de anticipación á data da súa realización, por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción. Nela farase constar o lugar, día e hora de realización da reunión, e xuntarase, así mesmo, a orde do día e a documentación precisa sobre os temas que se vaian tratar.

2. Considérase validamente constituída a comisión cando asistan o/a presidente/a e a/o secretaria/o, ou quen os substitúa, e a metade dos seus membros.

3. Os acordos consideraranse aprobados co voto favorable da maioría simple dos asistentes, decidindo, en caso de empate, o voto de calidade do/a presidente/a.

4. O/a secretario/a da comisión redactará unha acta de cada sesión que realice, na que especificarán os asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou a sesión, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos.

5. As actas aprobaranse na seguinte sesión da comisión; non obstante, o/a secretario/a poderá emitir certificación sobre os acordos específicos adoptados, sen prexuízo da súa aprobación posterior, facendo constar a non aprobación desta.

Artigo 86º.-Remisión de información.

Para o eficaz exercicio das súas funcións, a persoa titular do Rexistro de Fundacións de Interese Galego remitirá con periodicidade trimestral á Comisión Técnica de Coordinación das Fundacións do Sector Público de Galicia a relación de fundacións que cumpran os criterios establecidos para a súa consideración como fundacións do sector público de Galicia.