DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.129

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no punto 26º do artigo 27, recoñece a competencia exclusiva da comunidade autónoma en materia de réxime das fundacións de interese galego.

A teor da citada competencia, promulgouse a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, que constitúe a cerna dun marco regulador que intenta responder ás necesidades de flexibilidade e autonomía acordes coa realidade actual do fenómeno fundacional e, así mesmo, de mellora da calidade da actuación da Xunta de Galicia en relación coas fundacións de interese galego.

O regulamento que se aproba mediante este decreto conclúe o proceso de modernización e mellora do marco xurídico regulador da realidade fundacional galega, iniciado coa propia Lei 12/2006, do 1 de decembro, e continuado co Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, substituíndo, deste modo, de xeito íntegro, a anterior regulación das fundacións de interese galego, integrada pola Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de modificación da anterior, e o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

Este regulamento, ditado en virtude da habilitación contida no artigo 52.2º e na disposición derradeira primeira da Lei 12/2006, do 1 de decembro, regula o Rexistro de Fundacións de Interese Galego, conforme a súa dobre natureza de rexistro xurídico público e administrativo, de instrumento de colaboración cos órganos administrativos do protectorado, de cara ao exercicio das actividades de apoio, asesoramento e control das fundacións encomendadas a estes, mediante a inscrición do acto de constitución e dos estatutos e de toda a secuencia de datos e actuacións en que se plasma a vida fundacional e, por outro lado, de instrumento ao servizo da seguridade xurídica, dándolle publicidade ao dereito de fundación para fins de interese xeral exercido legalmente polos cidadáns.

A regulación do Rexistro de Fundacións de Interese Galego aspira a constituír unha regulación autónoma e clarificadora do labor rexistral, fronte a unha normativa de mínimos prevista no Decreto 248/1992, do 18 de xuño, en que toda a regulación do rexistro se concretaba en cinco artigos, e que xerara múltiples disfuncionalidades froito da necesidade de integrar ou suplementar a norma con outras vixentes.

Así mesmo, trátase de reforzar a coordinación da actuación do Rexistro Único e as diferentes seccións e, por último, contribuír a eliminar a confusión das funcións correspondentes ao Protectorado e ao Rexistro de Fundacións de Interese Galego. De aí que, e por se considerar máis correcto desde un punto de vista sistemático e de técnica normativa, se opte por darlle substantividade propia á regulación do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Entre as novidades máis destacables deste novo regulamento pódense sinalar as seguintes:

Poténciase a natureza xurídica pública do rexistro coa plena garantía da publicidade rexistral, regulando o procedemento de acceso de cara ao fomento da transparencia no mundo fundacional galego.

Desenvólvese a eficacia rexistral mediante a determinación dos principios rexistrais básicos: legalidade, lexitimación, prioridade, tracto sucesivo rexistral, publicidade material e formal e titulación pública.

Prevese un novo sistema de mantemento do rexistro, determinando a súa organización e funcionamento, concretando de forma detallada o réxime xurídico da inscrición e do depósito da documentación e potenciando a tramitación telemática dos procedementos en materia de fundacións de interese galego.

Refórzase o labor de asesoramento e apoio ao exercicio do dereito de fundación para fins de interese xeral, mediante a regulación das funcións de asesoramento e apoio técnico do rexistro, así por exemplo, a cualificación previa do proxecto de estatutos fundacionais, as consultas ao rexistro, etc.

Finalmente, procede destacar a regulación da inscrición de delegacións de fundacións inscritas noutros rexistros estatais ou autonómicos e a regulación da colaboración entre o Protectorado e o Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Apróbase o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, que se desenvolve a seguir.

Disposicións adicionais

Primeira.-Tramitación electrónica dos procedementos administrativos do rexistro.

No prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, a consellería competente en materia de fundacións adoptará as medidas oportunas para a incorporación dos procedementos administrativos obxecto de tramitación polo rexistro ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, a través do sistema informático único do Rexistro de Fundacións de Interese Galego e das súas seccións.

No prazo de seis meses procederase á tramitación electrónica da solicitude do certificado de denominación de fundacións de interese galego.

Segunda.-Acceso informático á información rexistral.

No prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, a consellería competente en materia de fundacións adoptará as medidas oportunas para que calquera persoa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (www.xunta.es), poida consultar os datos das fundacións inscritas relativas ao nome da fundación, o ano da inscrición, no caso de constar, a localidade, o estado (alta ou baixa), o seu obxecto e finalidade, o seu carácter público ou privado, se está adaptada ou non á Lei 12/2006, do 1 de decembro, e o cumprimento das súas obrigas contables.

Disposición transitoria

Única.-Réxime transitorio dos procedementos.

Aos procedementos administrativos xa iniciados antes da entrada en vigor deste decreto non lles será de aplicación este e rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria

Única.

1. No momento da entrada en vigor deste decreto quedan derrogados os artigos 33 a 37, ambos inclusive, do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

2. Así mesmo, quedan derrogadas todas aquelas normas, de igual ou inferior rango, que se opoñan ao previsto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de fundacións para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento e execución do previsto neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día 1 de setembro do 2009.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil nove

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego

ÍNDICE

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto do regulamento. Artigo 2º.-Obxecto do Rexistro. Artigo 3º.-Natureza do Rexistro. Artigo 4º.-Acceso ao Rexistro. Artigo 5º.-Principios rexistrais.

Capítulo II

Organización e funcionamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego

Artigo 6º.-Organización. Artigo 7º.-Órganos e atribucións. Artigo 8º.-Mantemento do Rexistro. Artigo 9º.-Funcionamento do Rexistro. Artigo 10º.-Libros. Artigo 11º.-Libro diario. Artigo 12º.-Libro de inscricións. Artigo 13º.-Libro de inscrición de delegacións de fundacións. Artigo 14º.-Libro de legalizacións. Artigo 15º.-Libro de depósito de contas e plans de actuación. Artigo 16º.-Ficheiro de denominacións. Artigo 17º.-Arquivo individualizado de cada fundación. Artigo 18º.-Asentos. Artigo 19º.-Contidos dos asentos. Artigo 20º.-Rectificación de erros.

Capítulo III

Réxime xurídico da inscrición e do depósito de documentación

Sección primera

Actos e títulos inscritibles

Artigo 21º.-Actos suxeitos á inscrición. Artigo 22º.-Outra información suxeita á constancia rexistral. Artigo 23º.-Títulos inscritibles e documentos incorporados.

Sección segunda

Procedemento de inscrición

Artigo 24º.-Procedemento de inscrición. Artigo 25º.-Prazo para solicitar a inscrición. Artigo 26º.-Requisitos formais e presentación de documentación. Artigo 27º.-Cualificación rexistral. Artigo 28º.-Prazo para a cualificación rexistral e inscrición. Artigo 29º.-Primeira inscrición e os seus requisitos. Artigo 30º.-Contido da primeira inscrición. Artigo 31º.-Inscricións posteriores. Artigo 32º.-Inscrición de delegacións de fundacións inscritas noutros rexistros estatais ou autonómicos. Artigo 33º.-Inscrición de modificacións estatutarias. Artigo 34º.-Inscrición do nomeamento, substitución e suspensión de patróns. Artigo 35º.-Inscrición do cesamento de patróns. Artigo 36º.-Inscrición da delegación de facultades, creación de comisións e órganos, apoderamentos xerais e a súa revogación. Artigo 37º.-Inscrición da fusión de fundacións. Artigo 38º.-Inscrición da escisión de fundacións. Artigo 39º.-Inscrición da extinción e liquidación de fundacións.

Capítulo IV

Outras funcións do Rexistro de Fundacións de Interese Galego

Sección primeira

Certificación de denominación

Artigo 40º.-Autorización de nome ou denominación. Artigo 41º.-Certificación de denominación. Artigo 42º.-Certificación negativa de denominación. Artigo 43º.-Reserva de denominacións.

Sección segunda

Libros das fundacións e a súa legalización

Artigo 44º.-Libros das fundacións. Artigo 45º.-Competencia para a legalización de libros. Artigo 46º.-Legalización de libros. Artigo 47º.-Solicitude de legalización. Artigo 48º.-Presentación de libros en branco. Artigo 49º.-Presentación de follas encadernadas. Artigo 50º.-Legalización dos libros. Artigo 51º.-Prazos para dilixenciar e retirar os libros.

Sección terceira

Asesoramento e apoio técnico ás fundacións

Artigo 52º.-Cualificación previa do proxecto de estatutos fundacionais. Artigo 53º.-Consultas ao rexistro. Artigo 54º.-Impresos e modelos orientativos.

Capítulo V

Publicidade do rexistro

Artigo 55º.-Publicidade formal.

Capítulo VI

Colaboración entre o Rexistro de Fundacións de Interese Galego e o Protectorado

Artigo 56º.-Principio de colaboración. Artigo 57º.-Comunicación entre o Rexistro e o Protectorado.

Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto do regulamento.

Este regulamento ten por obxecto regular o Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante o Rexistro), a súa organización e funcións, o procedemento de inscrición nel e a súa relación cos protectorados.

Artigo 2º.-Obxecto do Rexistro.

1. O Rexistro ten por obxecto a inscrición das fundacións de interese galego e das delegacións de fundacións estranxeiras que pretendan exercer as súas actividades de forma estable e duradeira no territorio da comunidade autónoma, así como a inscrición, constancia e depósito dos actos, negocios xurídicos e documentos relativos a estas.

2. Sen prexuízo do anterior e de forma voluntaria, as fundacións inscritas noutros rexistros estatais ou autonómicos poderán solicitar a inscrición das súas delegacións que teñan ámbito territorial galego. Esta inscrición unicamente terá efectos informativos e o Rexistro unicamente poderá certificar a existencia da dita delegación en territorio galego.

Artigo 3º.-Natureza do Rexistro.

A inscrición no Rexistro das fundacións que conforme a lei e o Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, se deban cualificar como de interese galego é obrigatoria. As fundacións de interese galego terán personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública da súa constitución no Rexistro.

Artigo 4º.-Acceso ao rexistro.

1. O Rexistro é público para todas as persoas que teñan interese en coñecer o seu contido. O dereito de acceso ao Rexistro exercerase tendo en conta as previsións que ao respecto se conteñen na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A publicidade do Rexistro non alcanza os datos referentes aos domicilios das persoas, estado civil e outros datos de carácter persoal que consten na documentación de cada fundación, de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 5º.-Principios rexistrais.

A eficacia do Rexistro está definida polos seguintes principios:

a) Publicidade formal: o Rexistro, incluído o seu anexo, é público para todos aqueles que teñan interese en coñecer o seu contido.

b) Publicidade material: os actos inscritos no Rexistro presúmense coñecidos por todos e o protectorado consideraraos para fundamentar as súas decisións.

Os actos suxeitos a inscrición rexistral e non inscritos non prexudicarán os terceiros de boa fe. A boa fe do terceiro presúmese mentres non se probe que coñecía o acto suxeito a inscrición e non inscrito.

Quen incorreu na omisión non poderá invocar a falta de inscrición ao seu favor.

c) Legalidade: os documentos suxeitos a inscrición serán sometidos á cualificación pola persoa responsable do Rexistro ou, de ser o caso, da sección correspondente en función do acto que se vai inscribir, que comprenderá a legalidade formal, a capacidade e a lexitimación dos que os outorgan ou subscriben e a validez do contido, tendo en conta este contido e, se for o caso, os asentos rexistrais.

d) Lexitimación: os asentos do Rexistro presúmense exactos e válidos. Producirán todos os seus efectos mentres non se inscriba a declaración da súa inexactitude ou nulidade. A declaración de inexactitude ou nulidade non prexudicará os dereitos de terceiros de boa fe adquiridos conforme o contido do Rexistro. A inscrición non valida os actos ou contratos que sexan nulos conforme as disposicións vixentes.

e) Prioridade: inscrito ou anotado preventivamente no Rexistro calquera título, non poderá inscribirse ou anotarse ningún outro de igual ou anterior data que resulte oposto ou incompatible con el.

As operacións rexistrais practicaranse conforme a orde de presentación dos documentos, sendo preferentes os que accedan en primeiro lugar ao Rexistro sobre os que se presenten con posterioridade.

f) Tracto sucesivo: para inscribir actos relativos a unha fundación é preciso inscribila previamente. Para inscribir actos modificativos ou extintivos doutros outorgados previamente, requírese a súa inscrición previa. Para inscribir actos ou contratos outorgados por apoderados ou administradores, requírese a inscrición previa destes.

g) Titulación pública: a inscrición no Rexistro practicarase, con carácter xeral, en virtude de documento público, conforme o disposto no artigo 22 deste regulamento.

Capítulo II

Organización e funcionamento do Rexistro

Artigo 6º.-Organización.

1. O Rexistro é único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia e está adscrito á consellería competente en materia de fundacións.

2. O Rexistro consta de tantas seccións como departamentos integren a Xunta de Galicia, en cada un dos cales se levará un rexistro auxiliar.

3. Sen prexuízo do anterior, a xestión do Rexistro levarase a cabo a través dun sistema informático único, que permita o coñecemento por parte dos protectorados do estado dos procedementos, dos asentos e da situación rexistral das fundacións que teñan asignadas e a plena interconexión do Rexistro Único e dos auxiliares.

Artigo 7º.-Órganos e atribucións.

1. Correspóndelle á consellería competente en materia de fundacións:

a) A recepción das solicitudes e a documentación complementaria que se presente en relación coa clasificación das fundacións e a adscrición ao protectorado correspondente.

b) O traslado á Comisión de Secretarios Xerais das solicitudes e da documentación complementaria que se presente en relación coa clasificación, co fin de que a devandita comisión emita proposta vinculante de clasificación da fundación correspondente.

c) A clasificación, mediante orde e de acordo coa proposta indicada no punto anterior, respecto de todas as fundacións que proceda. A orde de clasificación deberase ditar no prazo dun mes a partir da solicitude e comportará a adscrición da tutela da fundación á consellería correspondente por razón de materia que constitúa o fin principal de tal fundación e que deberá exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A mencionada clasificación non prexulgará a inscrición da fundación e consecuente declaración de interese galego, que corresponderá en todo caso ao departamento que exerza o protectorado, conforme o disposto no punto seguinte.

d) A organización e o mantemento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, de conformidade co establecido neste regulamento.

2. Correspóndelle ao departamento con competencia específica sobre a materia propia dos fins de cada fundación conforme o disposto na correspondente orde de clasificación, a través da sección correspondente do Rexistro e sen prexuízo das funcións que lle correspondan como Protectorado de Fundacións de Interese Galego:

a) A inscrición da fundación que comportará a declaración de interese galego e que se publicará mediante resolución da secretaría xeral do departamento correspondente no Diario Oficial de Galicia. A inscrición efectuarase no prazo máximo de dous meses a partir da clasificación da fundación correspondente, e publicarase no Diario Oficial de Galicia e deberá estar debidamente motivada no caso de rexeitamento da inscrición e consecuentemente da declaración de interese galego.

b) A inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego do departamento dos actos relativos a cada unha das fundacións sobre as cales exerza o protectorado.

3. Correspóndelle á Comisión de Secretarios Xerais:

a) O exame previo das solicitudes de clasificación co fin de emitir informe vinculante sobre a súa clasificación e adscrición a un determinado departamento autonómico por razón da materia que constitúa o fin principal da fundación.

b) Cando esta adscrición puidese corresponder a varias consellerías por razón da materia que constitúa o fin principal da fundación ou este fin poida considerarse de interese xeral, a Comisión de Secretarios Xerais poderá propoñer a adscrición dunha determinada fundación ao departamento competente en materia de fundacións para que exerza o protectorado sobre ela.

Artigo 8º.-Mantemento do Rexistro.

1. O Rexistro levarase por procedementos informáticos e abrirase unha folla para cada fundación de interese galego en que se asentarán todos os actos inscritibles correspondentes a ela.

Así mesmo, abrirase unha folla para cada fundación ou delegación de fundación estranxeira establecida no territorio autonómico.

2. A aplicación informática deberá garantir a integridade e seguridade dos datos reflectidos e, en todo caso, a xestión do rexistro farase respectando a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e o tratamento automatizado destes.

3. Levarase un arquivo individualizado, como anexo do Rexistro, por cada fundación, en que se conservarán e depositarán os títulos e documentos presentados para a práctica das inscricións.

4. Os documentos contables correspondentes depositaranse no arquivo individualizado de cada fundación.

Artigo 9º.-Funcionamento do Rexistro.

As inscricións no Rexistro practicaraas o encargado do Rexistro ou, de ser o caso, da sección correspondente, logo de cualificación favorable da documentación presentada.

Artigo 10º.-Libros.

No Rexistro, e en cada un dos rexistros auxiliares dos departamentos da Xunta de Galicia, levaranse informaticamente, cando menos, os seguintes libros, ficheiros e arquivos:

a) Libro diario.

b) Libro de inscricións.

c) Libro de inscrición de delegacións de fundacións.

d) Libro de legalizacións.

e) Libro de depósito de contas e plans de actuación.

f) Ficheiro de denominacións.

g) Arquivo individualizado de cada fundación.

Artigo 11º.-Libro diario.

No libro diario rexistraranse todos os documentos que se presenten en relación coas fundacións, así como as comunicacións que se efectúen con relación a elas, expresando a data dunhas e doutras.

Artigo 12º.-Libro de inscricións.

O libro de inscricións estará ordenado polas distintas seccións e cada fundación terá unha folla numerada distinta. Nel practicaranse os asentos correspondentes aos actos inscritibles previstos no artigo 20º deste regulamento e constará dos seguintes campos: código e denominación da fundación, protectorado, domicilio fundacional, número e ano do procedemento, número e tipo de asento e identificación da persoa que autoriza a inscrición.

Artigo 13º.-Libro de inscrición de delegacións de fundacións.

No libro de inscrición de delegacións de fundacións farase constar:

a) A denominación da fundación.

b) O domicilio da delegación.

c) Copia dixitalizada do acordo do padroado da fundación, debidamente protocolizado por notario/a, en que conste a creación da delegación e os fins fundacionais.

d) Certificado do Rexistro de Fundacións en que estea inscrita, que acredite que foi constituída segundo a súa lei persoal.

Artigo 14º.-Libro de legalizacións.

O libro de legalizacións levarase mediante fichas individualizadas para cada fundación, nas cales se fará constar a súa denominación e o seu número de inscrición, a clase de libro legalizado e a data de legalización. No caso de que a legalización fose instada fóra de prazo, farase constar esta circunstancia.

Artigo 15º.-Libro de depósito de contas e plans de actuación.

O libro de depósito de contas e plans de actuación levarase mediante fichas individualizadas para cada fundación, nas cales se fará constar a súa denominación e o seu número de inscrición, o tipo de documento depositado, a data do depósito e o exercicio económico a que pertence.

Artigo 16º.-Ficheiro de denominacións.

No ficheiro de denominacións anotaranse as denominacións das fundacións de interese galego constituídas e as reservas de denominacións en vigor.

Artigo 17º.-Arquivo individualizado de cada fundación.

No arquivo conservaranse os expedientes de cada fundación e depositaranse os documentos contables. O Rexistro conservará as contas anuais e os documentos complementarios depositados durante seis anos, desde a súa recepción.

Artigo 18º.-Asentos.

Nos libros do Rexistro practicaranse as seguintes clases de asentos:

a) Asento de presentación.

b) Inscricións.

c) Anotacións preventivas.

d) Cancelacións.

e) Notas marxinais.

Artigo 19º.-Contidos dos asentos.

Salvo disposición específica en contrario, toda inscrición, anotación preventiva ou cancelación conterá, necesariamente, as seguintes circunstancias:

a) Clase, lugar e data do documento ou documentos.

b) Datos da súa autorización, expedición ou sinatura, con indicación, se é o caso, do/a notario/a que o autorice ou do xuíz, tribunal ou funcionario que o expida.

c) Data do asento e sinatura do encargado do Rexistro ou sección correspondente, se for o caso.

Artigo 20º.-Rectificación de erros.

1. A rectificación de erros cometidos en calquera tipo de inscrición, anotación preventiva ou cancelación realizarase mediante a redacción dun novo asento, ao cal se lle outorgará un novo número e no cal se fará constar:

a) Referencia ao asento e liña onde se cometeu o erro.

b) Palabras ou conceptos erróneos.

c) Palabras que substitúen as equivocadas ou suplen a omisión.

d) Causa da rectificación.

e) Declaración de rectificación do asento primitivo.

2. A rectificación de notas marxinais redactarase o máis preto posible das rectificadas.

3. Rectificado un asento rexistral, redactarase á marxe unha remisión suficiente ao novo asento.

4. Rectificada unha inscrición, rectificaranse tamén o resto dos asentos relativos ás materias afectadas.

Capítulo III

Réxime xurídico da inscrición e depósito de documentación

Sección primeira

Actos e títulos inscritibles

Artigo 21º.-Actos suxeitos a inscrición.

Inscribiranse separadamente no Rexistro, respecto de cada unha das fundacións incluídas no ámbito de aplicación da Lei 12/2006, do 1 de decembro, os actos relativos á súa constitución, réxime, funcionamento, modificación e extinción e, en todo caso, os seguintes:

a) A constitución da fundación e os desembolsos sucesivos da dotación inicial, así como o aumento e a diminución da dotación.

b) A constitución testamentaria. O testamento debe cumprir os requisitos establecidos no artigo 11 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

c) As modificacións estatutarias.

d) O nomeamento, a suspensión, o cesamento e a renuncia dos membros do padroado e, de proceder, dos/as liquidadores/as.

e) A constitución, modificación e supresión de comisións e outros órganos polo padroado, como consellos asesores e de estudo, creados conforme o disposto no artigo 18 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, así como o nomeamento e o cesamento dos seus membros.

f) O nomeamento e cesamento da xerencia da fundación.

g) As delegacións, os apoderamentos xerais e a súa revogación outorgados polo padroado.

h) A fusión de fundacións, ben constituíndo unha nova, ben incorporando unha fundación a outra xa constituída. A escritura pública de fusión deberá conter os estatutos da fundación resultante e a identificación do padroado.

i) A escisión de fundacións.

j) A adquisición, alleamento e gravame de bens e dereitos que integran o patrimonio da fundación, nos supostos previstos nos artigos 28 e 29 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

k) O acordo de extinción ou, de ser o caso, a resolución xudicial motivada de extinción da fundación.

l) A declaración de concurso de acredores e as medidas de intervención temporal previstas na lexislación concursal.

m) A resolución xudicial que acorde a intervención temporal da fundación, que lle autorice nos termos previstos no artigo 50 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, ao protectorado a asunción de todas as atribucións legais e estatutarias do padroado, con expresión do prazo fixado polo xuíz e, de ser o caso, de eventuais prórrogas. Así mesmo, será obxecto de inscrición a demanda que se interpoña para solicitar a intervención temporal.

n) A interposición da acción de responsabilidade contra todos ou algún dos membros do padroado, cando o ordene o xuíz ao admitir a demanda, e a resolución xudicial ditada para o efecto.

o) A delegación das fundacións sometidas a outra lexislación que actúan en Galicia, cando estas manifesten a súa vontade de levar a cabo as súas actividades principalmente na comunidade autónoma.

p) A resolución do protectorado que considere que os documentos referidos ás contas anuais cumpren os requisitos formais e materiais exixidos pola normativa vixente, depositando os documentos correspondentes para os efectos de constancia e publicidade.

q) En xeral, os actos que modifiquen o contido dos asentos practicados ou cuxa inscrición estea prevista na normativa vixente.

Artigo 22º.-Outra información suxeita a constancia rexistral.

1. Incorporarase ao Rexistro, unha vez que sexa remitida polo protectorado respectivo, xunto co informe sobre a adecuación formal á normativa vixente que efectúe ese protectorado, a documentación seguinte:

a) Con carácter anual, o balance, a conta de resultados e a memoria, que deberán formar unha unidade e, se for o caso, nos termos previstos na normativa contable, o estado de fluxos de tesouraría e o estado de cambios no patrimonio neto.

Deses documentos, debe presentarse un orixinal, conforme os requisitos previstos para a aprobación e presentación das contas no artigo 38 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, e no artigo 37 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego, e unha copia en soporte informático.

b) Nos tres últimos meses de cada exercicio, o plan de actuación previsto no artigo 39 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, xunto coa certificación da aprobación por parte do padroado. Do plan de actuación debe presentarse un orixinal e unha copia en soporte informático.

c) Os informes de auditoría externa a que fai referencia o artigo 37.5º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

2. Estes documentos depositaranse no Rexistro no arquivo individualizado previsto no artigo 18 deste regulamento.

3. Os alleamentos e gravames de bens e dereitos da fundación previstos no artigo 29 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, faranse constar anualmente no Rexistro ao final do exercicio económico.

Artigo 23º.-Títulos inscritibles e documentos incorporados.

1. Deberán constar en escritura pública os actos a que se refiren as letras a), c), e), f), h), i) e k) do artigo 21º deste regulamento. Á copia autorizada da escritura pública en que o encargado do Rexistro consignará as correspondentes notas e dilixencias xuntarase copia simple para o seu depósito. Preferentemente serán empregadas copias simples notariais electrónicas.

2. Os actos mencionados na letra d) do artigo 21º deste regulamento poderanse formalizar en escritura pública, en documento privado con sinatura lexitimada por unha persoa que dea fe pública ou por calquera das formas previstas no artigo 19.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

3. Os demais actos inscritibles xudiciais ou administrativos inscribiranse de oficio mediante a presentación do testemuño correspondente.

Sección segunda

Procedemento de inscrición

Artigo 24º.-Procedemento de inscrición.

A tramitación dos procedementos de inscrición rexistral axustarase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coas especialidades previstas na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e neste regulamento.

Artigo 25º.-Prazo para solicitar a inscrición.

1. Os actos inscritibles mencionados no artigo 20 deberán presentarse para a súa inscrición no prazo dun mes desde a súa adopción, agás o regulado na letra a), para o cal o prazo é de seis meses desde o outorgamento da escritura pública fundacional.

2. Se a fundación se constituíse por testamento notarial aberto, a inscrición débese solicitar no prazo dun ano a partir do falecemento do testador e xuntaráselle á solicitude unha copia autorizada do testamento e dos certificados de defunción e do Rexistro Xeral de Actos de Derradeira Vontade.

3. O incumprimento polo padroado destes prazos dá lugar ás responsabilidades que corresponden, por instancia do protectorado, en aplicación dos artigos 14.2º, 22 e 24.4º d) da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Artigo 26º.-Requisitos formais e presentación da documentación.

1. Toda a documentación que ten acceso ao Rexistro debe cumprir as formalidades establecidas legalmente para a súa validez e recoller suficientemente os feitos ou actos obxecto de inscrición.

2. Os documentos presentaranse por duplicado acompañados dunha copia en soporte informático; un dos exemplares quedará arquivado no Rexistro e o restante devolverase ao interesado con nota relativa ás dilixencias practicadas.

3. Os documentos a que se refire o artigo 22º deste regulamento só se poderán depositar no Rexistro se reúnen os requisitos previstos na normativa reguladora específica, incorporándose de oficio unha vez remitidos polo protectorado.

4. Os acordos do padroado que teñan que ser inscritos no Rexistro conforme o disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e neste regulamento, acreditaranse mediante certificación, asinada polo secretario, co visto e prace do presidente.

5. Toda a documentación relativa á solicitude de inscrición no Rexistro, ata o mesmo momento da clasificación da fundación, incluída esta, deberá dirixirse á consellería competente en materia de fundacións, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

6. O resto da documentación, unha vez clasificada a fundación, deberá ir dirixida ao departamento da Xunta de Galicia que exerza o protectorado.

Artigo 27º.-Cualificación rexistral.

1. Os documentos inscribibles serán obxecto de cualificación da súa legalidade polo encargado do rexistro ou, se for o caso, da sección correspondente.

2. A cualificación enténdese limitada para os únicos efectos da inscrición.

3. Como resultado da cualificación rexistral, procederase á inscrición, á rectificación de defectos ou á denegación da inscrición solicitada.

4. Se o título contivese defectos corrixibles que determinen a súa inadecuación á normativa vixente, requirirase o interesado para que, nun prazo máximo de tres meses, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo de resolución en que se fagan constar as circunstancias que concorren, con indicación dos feitos producidos e as normas aplicables.

5. No caso de que o título englobase varios feitos, actos ou negocios independentes, os defectos nalgún deles non comportarán a súa transmisibilidade e procederá a inscrición dos feitos, actos ou negocios non viciados, tras a solicitude do interesado.

6. A resolución denegatoria da inscrición será motivada e só se poderá basear na infracción dos estatutos ou da normativa vixente no momento de se ditar a resolución.

A resolución denegatoria da inscrición ditaraa o encargado do Rexistro, de ser o caso, por proposta motivada do encargado da sección correspondente.

7. Contra as resolucións do encargado do Rexistro caberá a interposición de recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de fundacións.

Artigo 28º.-Prazo para a cualificación rexistral e inscrición.

1. As inscricións e os demais asentos derivados da presentación de documentos que poidan xerar unha operación rexistral deberán ser obxecto de resolución e notificación a quen presentase o título, dentro do prazo de seis meses, cando se trate da primeira inscrición, modificación ou nova redacción dos estatutos, fusión, escisión e extinción da fundación, e tres meses para os restantes casos previstos no artigo 20 deste regulamento.

2. No suposto en que se requira o interesado para a rectificación do título presentado, o cómputo do prazo quedará en suspenso, continuando desde o momento en que se acheguen os documentos que a rectificación exixise.

3. Os prazos empezarán a se computar o día en que a solicitude teña entrada no Rexistro ou na sección competente, de conformidade co disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Transcorridos os prazos citados sen notificación da resolución, poderase entender estimada a solicitude de inscrición correspondente. En tal caso, a resolución expresa posterior á produción do acto que debe ditar a Administración en virtude do disposto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, só poderá ser confirmatoria deste, conforme dispón o artigo 43.4º a) da devandita lei.

Artigo 29º.-Primeira inscrición e os seus requisitos.

1. Abren folla rexistral a constitución dunha fundación e o establecemento en Galicia da delegación dunha fundación estranxeira.

2. A primeira inscrición dunha fundación entenderase solicitada mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Solicitude de clasificación e inscrición da fundación dirixida á secretaría xeral da consellería competente en materia de fundacións.

b) Copia autorizada e simple da escritura de constitución da fundación ou, de ser o caso, do testamento, co contido mínimo previsto no artigo 11 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, acompañada do xustificante acreditativo do aboamento da taxa correspondente, conforme o previsto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Preferentemente serán empregadas copias simples notariais electrónicas.

c) Documento acreditativo da aceptación dos patróns nalgunha das formas previstas no artigo 19 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, no caso de que a aceptación non se tivese verificado na escritura de constitución.

d) Número de identificación fiscal provisional.

3. A inscrición só se pode denegar cando o acto de constitución ou os estatutos non se axusten ao previsto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e demais normativa vixente, ou ben cando o protectorado emita informe negativo sobre a idoneidade dos fins ou sobre a suficiencia dotacional da fundación.

4. A inscrición dunha delegación dunha fundación estranxeira, de conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, só se poderá denegar cando non se acredite a constitución válida da fundación, conforme a súa lei persoal, cando o establecemento da delegación non fose acordado polos órganos competentes da fundación estranxeira, así como cando os fins non sexan de interese xeral de acordo co ordenamento autonómico.

Artigo 30º.-Contido da primeira inscrición.

1. A primeira inscrición da fundación comprende os datos seguintes:

a) Protectorado ao cal corresponde a fundación.

b) Denominación da fundación.

c) Fins de interese xeral que persegue a fundación.

d) Enderezo e teléfono. Con carácter voluntario para as fundacións, poderase inscribir o enderezo de correo electrónico e a sede electrónica.

e) Número de identificación fiscal (NIF).

f) Nome e apelidos, idade e documento nacional de identidade dos fundadores, se son persoas físicas, e denominación ou razón social e número de identificación fiscal, se son persoas xurídicas, as cales teñen que designar a persoa física que as represente acreditando de xeito fidedigno esta designación, que debe constar na escritura pública de constitución, indicando, igualmente, a filiación deste representante. En ambos os dous casos se deben incluír a nacionalidade e o enderezo dos fundadores.

g) Dotación, con indicación de se é ou non en diñeiro, procedemento de valoración e a realidade e forma da achega.

h) Estatutos da fundación.

i) Identificación dos membros que integran o padroado e a forma de aceptación destes cargos.

k) Nome e apelidos do/a notario/a que autoriza o documento público en que se materializa a constitución da fundación.

l) Data de outorgamento e número de protocolo notarial.

m) Data de inscrición no Rexistro.

n) Identificación e autorización da persoa encargada do Rexistro.

2. Os mesmos datos, axustados ás peculiaridades do seu estatuto persoal e de conformidade co principio de equivalencia de forma, deben constar na primeira inscrición do establecemento en Galicia dunha delegación dunha fundación estranxeira. Así mesmo, inscribirase a dotación prevista para as súas actividades no citado territorio.

Artigo 31º.-Inscricións posteriores.

1. As inscricións sucesivas reflectirán os actos que afecten a fundación e, se é o caso, os alleamentos e gravames dos seus bens e dereitos previstos no artigo 29 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, con indicación do título, da data e da persoa que o autoriza. Na inscrición destes actos debe figurar a identificación e autorización da persoa encargada do Rexistro.

2. A inscrición destes actos efectuarase mediante a presentación da solicitude, acompañada da documentación correspondente aos actos suxeitos á inscrición recollidos no artigo 20 deste regulamento e do xustificante do aboamento da taxa correspondente conforme o previsto na Lei 6/2003, do 9 decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 32º.-Inscrición de delegacións de fundacións inscritas noutros rexistros estatais ou autonómicos.

1. As delegacións de fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de competencia estatal ou noutros rexistros autonómicos poderanse inscribir no Rexistro sempre que manteñan unha delegación aberta no territorio de Galicia e que pretenda exercer as súas actividades de forma estable no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A inscrición da delegación da fundación no Rexistro requirirá a presentación da seguinte documentación:

a) Solicitude da inscrición asinada pola representación legal da fundación interesada.

b) Copia da escritura pública en que conste o acordo do padroado de creación da delegación cuxa inscrición se pretende. Este acordo comprenderá o domicilio da delegación, os seus fins e actividades e a identificación e facultades dos apoderados pola fundación para o goberno e representación da delegación.

c) Certificación do Rexistro de Fundacións en que estea inscrita a fundación de que se trate.

3. A inscrición da delegación respectiva no Rexistro practicarase unicamente para os efectos de publicidade da existencia da delegación, sen que comporte o exercicio de ningunha das funcións do protectorado sobre ela. Sen prexuízo do anterior, a representación legal da delegación poderá remitir unha memoria anual de actividades levadas a cabo pola delegación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que se depositará no Rexistro, para a súa constancia.

Artigo 33º.-Inscrición de modificacións estatutarias.

1. A solicitude de inscrición de modificacións estatutarias irá acompañado da escritura pública de modificación estatutaria que incorporará o acordo do padroado en que conste a vontade de modificar os estatutos e a súa conveniencia, xunto co texto consolidado dos estatutos.

Así mesmo, xuntarase copia compulsada da notificación ao protectorado do acordo do padroado sobre a modificación estatutaria.

2. Recibido o informe do protectorado de non-oposición á modificación estatutaria ou transcorrido o prazo de tres meses desde a notificación ao protectorado do acordo do padroado sobre a modificación, o Rexistro efectuará, de ser o caso, a inscrición rexistral. O asento de inscrición fará referencia aos artigos modificados ou adicionados, así como, se é o caso, aos suprimidos ou substituídos.

Artigo 34º.-Inscrición do nomeamento, substitución e suspensión de patróns.

1. A solicitude de inscrición do nomeamento de patróns da fundación, así como da súa substitución, deberá ir acompañado do documento que acredite o nomeamento e a aceptación expresa do cargo.

2. No suposto de patróns que sexan persoas xurídicas, a aceptación formal do cargo deberaa efectuar o seu representante legal, con designación da persoa física que o representará no padroado, a cal deberá aceptar o seu nomeamento por calquera dos medios previstos no artigo 19 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

3. Na aceptación formal dos patróns designados por razón do cargo, deberase informar o Rexistro sobre a identidade da persoa a quen corresponda a súa substitución. Cando o membro do padroado titular por razón do cargo designase expresamente outra persoa para que o exerza como membro deste no seu nome, o designado deberá aceptar o seu nomeamento por calquera dos medios previstos no artigo 19 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

4. Non se inscribirá o nomeamento de membros do padroado respecto dos que non conste expresamente a súa aceptación.

5. A inscrición da suspensión de patróns practicarase de oficio, cando fose acordada cautelarmente en virtude de resolución xudicial, unha vez recibida no Rexistro.

Artigo 35º.-Inscrición do cesamento de patróns.

1. A inscrición do cesamento dos membros do padroado por morte, declaración xudicial de falecemento ou extinción de personalidade xurídica practicarase por instancia do padroado ou de calquera interesado, en virtude de certificación emitida polo Rexistro Civil ou, de ser o caso, polo Rexistro Mercantil.

2. Se o cesamento fose acordado por resolución xudicial firme, a inscrición practicarase mediante o seu testemuño.

3. A inscrición do cesamento dos patróns por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, practicarase mediante a achega ao Rexistro da correspondente resolución xudicial ou administrativa que declare tal circunstancia.

4. A inscrición do cesamento por renuncia practicarase mediante escritura pública, documento privado con sinatura lexitimada por persoa que dea fe pública, ante o padroado, acreditándoo mediante certificación expedida polo secretario co visto e prace do presidente, ou por acta de comparecencia ante o do Rexistro.

5. A inscrición do cesamento dos membros do órgano de goberno da fundación que o fosen por razón do cargo público practicarase en virtude de certificado ou documento equivalente expedido polo órgano administrativo competente.

6. Se a facultade de cesamento corresponde a outra persoa física ou xurídica, a inscrición do cesamento practicarase en virtude de certificado ou documento equivalente coas sinaturas lexitimadas notarialmente.

7. A inscrición do cesamento por outras causas distintas ás expresadas nos parágrafos precedentes practicarase en virtude de certificación da acta da reunión do padroado na cal se adoptan os devanditos acordos. As sinaturas do secretario certificante e do presidente deberán ser lexitimadas notarialmente.

Artigo 36º.-Inscrición da delegación de facultades, creación de comisións e órganos, apoderamentos xerais e a súa revogación.

1. A inscrición da delegación de facultades do padroado nalgún dos seus membros, así como da constitución das comisións e órganos previstos no artigo 18 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, xunto co nomeamento dos seus membros, realizarase mediante escritura pública, en que se detallarán as facultades, funcións e competencias delegadas, coas limitacións previstas na Lei 12/2006, do 1 de decembro.

Para inscribir os acordos a que se refire o parágrafo anterior será necesaria a aceptación expresa polos membros designados para desempeñar eses cargos, a través de calquera das formas establecidas no artigo 19 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

2. A inscrición de apoderamentos xerais practicarase mediante a correspondente escritura pública, en que constarán as facultades outorgadas polo padroado, conforme a certificación do acordo que conste na acta da reunión correspondente.

3. A revogación da delegación e dos apoderamentos xerais inscribirase en virtude de escritura pública.

Artigo 37º.-Inscrición da fusión de fundacións.

1. Nos supostos de fusión de fundacións previstos no artigo 42 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, a súa inscrición realizarase en virtude de escritura pública única outorgada por todas as fundacións participantes na fusión.

2. A escritura pública de fusión deberá conter:

a) Os acordos adoptados polos respectivos padroados.

b) Os estatutos da fundación resultante da fusión.

c) A identificación dos membros do primeiro padroado da fundación e das súas aceptacións, agás que estas se produzan en escritura pública diferente ou por calquera dos medios previstos no artigo 19 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

3. A inscrición da fusión requirirá a comunicación previa ao Protectorado, agás no suposto en que a fusión sexa acordada xudicialmente por proposta deste, caso en que se inscribirá o testemuño correspondente.

4. Unha vez inscrita no Rexistro a escritura de fusión, cancelaranse de oficio os asentos das fundacións extinguidas. De verificarse a fusión por absorción, inscribiranse na folla aberta da fundación absorbente as modificacións estatutarias que, de ser o caso, se verificasen e as demais circunstancias do acordo de fusión.

Artigo 38º.-Inscrición da escisión de fundacións.

Nos supostos de escisión de fundacións previstos no artigo 43 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, a súa inscrición realizarase:

a) Cando se trate de escisión con creación dunha nova fundación en virtude de escritura pública conforme o disposto no artigo 11 da Lei 12/2006, do 1 de decembro. A inscrición da escisión requirirá a comunicación previa ao protectorado.

b) Cando se trate da escisión con transmisión do escindido a outra ou outras fundacións existentes, en virtude de escritura pública única outorgada por todas as fundacións participantes na escisión. A inscrición da escisión requirirá a autorización previa do protectorado.

Artigo 39º.-Inscrición da extinción e liquidación de fundacións.

1. A inscrición da extinción de fundacións realizarase:

a) No suposto de extinción por expirar o prazo para o cal foi constituída, de oficio ou por instancia de calquera interesado, en nota á marxe da última inscrición.

b) No suposto de extinción por terse realizado integramente o fin fundacional, por imposibilidade material ou xurídica para a súa realización, previstos nos puntos 1 b), c) e e) do artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, a inscrición practicarase en virtude do acordo do padroado que declare a extinción, ratificado polo protectorado ou, se é o caso, por resolución xudicial motivada en que se declare a extinción.

c) Cando concorra calquera outra causa establecida nas leis, para a inscrición deberá xuntarse a correspondente resolución xudicial motivada.

2. De forma simultánea á inscrición da extinción da fundación, inscribirase o nomeamento de liquidadores/as, a súa identidade e, se é o caso, o prazo para o que foron nomeados.

3. A inscrición da liquidación fará constar o destino do seu haber resultante.

4. Inscrita a extinción e posterior liquidación, cancelaranse de oficio os asentos da fundación extinguida.

Capítulo IV

Outras funcións do Rexistro

Sección primeira

Certificación de denominación

Artigo 40º.-Autorización de nome ou denominación.

A autorización do uso do nome ou pseudónimo dunha persoa física, ou da denominación ou acrónimo dunha persoa xurídica distintos do fundador, deberaa formalizar a persoa autorizante en escritura pública, á cal se xuntará certificación negativa de denominación.

Artigo 41º.-Certificación de denominación.

1. A solicitude de certificado de denominación dirixida ao Rexistro formularana os interesados por escrito, para ata tres denominacións.

2. Os certificados de denominación expediraos o encargado do Rexistro no prazo de dez días desde a recepción da solicitude neste.

3. Os certificados acreditativos de que unha determinada fundación está ou non inscrita no Rexistro deberán incluír, no suposto de certificacións de incumprimento das regras de denominación de fundacións ou coincidencia con outra denominación rexistrada, as denominacións inscritas que poden crear confusión e que motivan a cualificación do encargado do Rexistro de Fundacións.

4. Se fosen varias as denominacións solicitadas, resolverase segundo a orde de prioridade que conste na solicitude, producíndose a reserva de denominación unicamente en relación coa primeira respecto da cal se certificase que non figura rexistrada a denominación solicitada.

Artigo 42º.-Certificación negativa de denominación.

1. A denominación que se exprese na escritura pública deberá coincidir exactamente coa que conste na certificación negativa expedida polo encargado do Rexistro.

En caso de fusión, a fundación absorbente ou a nova fundación resultante da fusión poderán achegar como denominación a de calquera das que se extingan por virtude da fusión, sen que resulte precisa a achega da certificación negativa e quedando sen efecto as restantes denominacións.

2. A certificación presentada ao/á notario/a que autorice deberá ser orixinal, estar vixente e expedida a nome de calquera das persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que sexan fundadores.

No suposto de modificación da denominación, a certificación será expedida a nome da propia fundación.

A certificación negativa terá unha vixencia de tres meses contados desde a data da súa expedición ata a súa incorporación á escritura de constitución. Transcorrido ese prazo, caducará a certificación e poderase solicitar unha nova coa mesma denominación, presentando a certificación caducada.

3. A certificación negativa deberá formalizarse na escritura matriz.

Artigo 43º.-Reserva de denominacións.

1. A certificación negativa de denominación incorporarase a un ficheiro de denominacións no Rexistro e reservarase a dita denominación de forma provisional por un prazo de tres meses desde a data de expedición do certificado de denominación. Transcorrido este prazo sen que se tivese practicada a inscrición no Rexistro, a reserva de denominación caducará e cancelarase de oficio.

2. Unha vez inscrita a fundación ou unha delegación dunha fundación estranxeira, a denominación provisional converterase en definitiva.

Sección segunda

Libros das fundacións e a súa legalización

Artigo 44º.-Libros das fundacións.

1. As fundacións incluídas no ámbito de aplicación da Lei 12/2006, do 1 de decembro, deben levar obrigatoriamente os seguintes libros:

a) Libro diario.

b) Libro de inventarios.

c) Libro de contas anuais.

d) Libro de actas das reunións do padroado.

e) Aqueles que o padroado crea convenientes para a boa orde, desenvolvemento e control das súas actividades.

2. Os libros obrigatorios das fundacións deberán estar legalizados, sen prexuízo da legalización dos libros non obrigatorios por solicitude do padroado.

3. Non se poden legalizar os libros das fundacións non inscritas no Rexistro.

Artigo 45º.-Competencia para a legalización de libros.

1. Correspóndelle ao Rexistro a legalización dos libros que deban levar as fundacións reguladas na Lei 12/2006, do 1 de decembro.

2. Esta legalización efectuarana o Rexistro e as distintas seccións del, en función da clasificación e adscrición das fundacións ao departamento respectivo por razón da materia que constitúa o fin principal da fundación.

Artigo 46º.-Legalización de libros.

A legalización dos libros das fundacións conforme o previsto no artigo 36.7º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, poderase realizar antes de ser empregados ou ben despois de realizar os asentos e as anotacións por procedementos informáticos e outros pertinentes.

Artigo 47º.-Solicitude de legalización.

1. A solicitude de legalización efectuarase mediante instancia por duplicado dirixida ao encargado do Rexistro, na cal se recollerán as seguintes circunstancias:

a) Denominación da fundación, domicilio e datos da súa identificación rexistral.

b) Relación de libros cuxa legalización se solicita, con expresión de se se atopan en branco ou se foron formados mediante a encadernación de follas anotadas, así como do número de folios ou follas legalizadas que compoñen cada libro.

c) Data de apertura e, se for o caso, de peche dos últimos libros legalizados da mesma clase dos que se solicita a legalización.

d) Data da solicitude.

2. Deberanse presentar coa solicitude os libros que se pretendan legalizar.

Artigo 48º.-Presentación de libros en branco.

1. Os libros obrigatorios que se presenten para a súa legalización antes de ser empregados deberán estar completamente en branco e numeradas as súas follas de forma correlativa, sen prexuízo de que poidan estar encadernados ou formados por follas móbiles.

2. Non se poderán legalizar novos libros en branco se previamente non se acredita mediante certificación do secretario do padroado a íntegra utilización do anterior, excepto no caso de que se denunciase a subtracción do anterior ou de que consignase en acta notarial o seu extravío ou destrución.

3. No suposto en que o padroado opte polo cambio de sistema e proceda á utilización de follas encadernadas con posterioridade á realización dos asentos e anotacións por procedementos informáticos e outros pertinentes, poderase pechar o libro por medio de dilixencia redactada polo secretario do padroado.

Artigo 49º.-Presentación de follas encadernadas.

1. Os libros obrigatorios formados por follas encadernadas con posterioridade á realización nelas de asentos e anotacións por calquera procedemento idóneo deberán estar encadernados de modo que non sexa posible a substitución dos folios e deberán ter o primeiro folio en branco e os demais numerados correlativamente e pola orde cronolóxica que corresponda aos asentos e anotacións practicadas neles. Os espazos en branco deberán estar anulados.

2. Os libros obrigatorios a que se refire o punto anterior deberanse presentar á legalización antes de que transcorran os seis meses seguintes á data de peche do exercicio. De solicitarse a legalización fóra de prazo, o encargado do Rexistro farao constar na dilixencia do libro.

Artigo 50º.-Legalización dos libros.

1. A legalización dos libros terá lugar mediante dilixencia e selo.

2. A dilixencia asinada polo encargado do Rexistro redactarase no primeiro folio, que deberá estar en branco. Nesta identificarase a fundación, incluíndo os datos rexistrais, expresando a clase de libro, o número que lle corresponda dentro da mesma clase, legalizados para a mesma fundación, o número de folios de que consta o libro e o sistema e contido da selaxe.

3. O selo do Rexistro constará en todas as follas mediante impresión ou estampillado, sen prexuízo doutros procedementos que garantan a autenticidade da legalización.

Artigo 51º.-Prazos para dilixenciar e retirar os libros.

1. Se a solicitude e os libros reúnen os requisitos establecidos pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, e por este regulamento, o encargado do Rexistro procederá á legalización no prazo de dous meses desde a data de entrada da solicitude no Rexistro.

2. Practicada, suspendida ou denegada a legalización, tomarase razón destas circunstancias no libro de legalizacións.

3. Un exemplar da instancia devolveráselle ao solicitante, xuntando, se é o caso, os libros legalizados. O outro exemplar quedará arquivado no Rexistro.

4. Transcorridos tres meses desde a presentación dos libros sen que fosen retirados, o encargado do rexistro, poderá remitilos con cargo á fundación solicitante, ao domicilio consignado na instancia, facéndoo constar ao pé desta.

Sección terceira

Asesoramento e apoio técnico ás fundacións

Artigo 52º.-Cualificación previa do proxecto de estatutos fundacionais.

1. Os fundadores poderán solicitar a cualificación previa dos estatutos fundacionais polo Rexistro, mediante a solicitude ao Rexistro e a presentación dun exemplar do proxecto de estatutos.

2. A cualificación previa do proxecto de estatutos terá carácter exclusivamente informativo, polo que non orixinará dereitos nin expectativas de dereito a favor de solicitantes nin de terceiros. Tampouco vinculará respecto de futuros procedementos, nin poderán ser obxecto de ningún recurso, sen prexuízo do recurso contra a cualificación rexistral, se for o caso.

Artigo 53º.-Consultas ao rexistro.

1. Os padroados, así como os promotores de novas fundacións e as asociacións representativas de fundacións, poderanlle formular consultas ao Rexistro sobre as materias de competencia deste.

2. As consultas formularanse mediante escrito dirixido ao encargado do Rexistro.

As consultas tamén se poderán presentar por medios telemáticos, mediante correo electrónico dirixido ao encargado do Rexistro. Neste caso a súa resposta será necesariamente por medios telemáticos.

3. As respostas das consultas terán carácter exclusivamente informativo, polo que non orixinarán dereitos nin expectativas de dereito a favor de solicitantes nin de terceiros. Tampouco vincularán respecto a futuros procedementos, nin poderán ser obxecto de ningún recurso, sen prexuízo do recurso contra a cualificación rexistral, de ser o caso.

4. As respostas deberán emitirse no prazo de dez días desde a súa recepción no Rexistro. En caso contrario, a resposta corresponderá ao secretario xeral da consellería competente en materia de fundacións, na cal, en todo caso, se xustificará o atraso na contestación.

5. Anualmente elaborarase e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia, na epígrafe relativa á consellería competente en materia de fundacións, unha relación das principais consultas resoltas en materia de fundacións.

Artigo 54º.-Impresos e modelos orientativos.

O Rexistro facilitará e manterá actualizados impresos e modelos orientativos de utilidade para as fundacións nas súas relacións co Protectorado e co Rexistro. Estes impresos e modelos orientativos estarán permanentemente accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Capítulo V

Publicidade do Rexistro

Artigo 55º.-Publicidade formal.

1. De conformidade co disposto no artigo 53.1º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, o Rexistro é público.

2. A publicidade dos actos inscritos farase efectiva mediante a certificación dos asentos expedida polo responsable do Rexistro, mediante nota simple informativa ou copia compulsada dos asentos e dos documentos depositados no Rexistro, preferentemente por medios telemáticos.

Só as certificacións terán carácter de documento público e acreditan o contido dos asentos do Rexistro. As notas informativas dos asentos teñen valor puramente informativo e deben incluír o nome da fundación, o número de asento e a data de expedición, co selo de Rexistro.

3. A persoa encargada do Rexistro e as persoas responsables das súas seccións velarán, baixo a súa responsabilidade, polo cumprimento das normas vixentes das solicitudes de publicidade en masa ou que afecten os datos persoais contidos nos asentos.

4. Calquera persoa poderá consultar as contas depositadas e demais información suxeita a constancia rexistral, logo de petición dirixida por escrito ao responsable do Rexistro ou da sección correspondente, en que se concreten de forma individualizada os documentos que se queren consultar e a fundación a que pertencen.

5. Para efectuar a consulta, o persoal do Rexistro concertará unha cita coa persoa solicitante nun prazo máximo de cinco días para evitar que a eficacia e o funcionamento do servizo se vexan afectados.

Poderanse pedir copias ou obter certificados dos asentos amparados polos documentos cuxo exame fose autorizado pola persoa encargada do Rexistro ou da sección correspondente.

Así mesmo, poderase solicitar copia das contas ou dos documentos cuxo exame fose autorizado pola persoa encargada do Rexistro ou da sección correspondente, despois do pagamento das taxas establecidas na Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo VI

Colaboración entre o Rexistro de Fundacións de Interese Galego e o protectorado

Artigo 56º.-Principio de colaboración.

De cara ao eficaz cumprimento das súas competencias, o Rexistro e o Protectorado de Fundacións de Interese Galego remitiranse a información mutua que se soliciten, preferentemente por medios telemáticos.

Artigo 57º.-Comunicación entre o Rexistro e o Protectorado.

1. O Protectorado promoverá de oficio a inscrición no Rexistro dos actos inscritibles nel que lle sexan comunicados polos padroados das fundacións, ou respecto dos cales outorgase a súa autorización, conforme o disposto no artigo 49 da Lei 12/2006, do 1 de decembro.

2. O Rexistro remitiralle ao Protectorado os actos presentados para a súa inscrición suxeitos a un réxime de comunicación previa a este. No suposto de que o acto estea suxeito a autorización, non se procederá á súa inscrición mentres o Protectorado non dite e notifique a correspondente resolución, ou transcorra o prazo establecido para o efecto.