DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.143

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de xaneiro de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 105/2008, do 8 de maio, polo que se crea e se regula o Rexistro de Policías Locais de Galicia.

O artigo 20 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, configura o rexistro como un instrumento de coordinación, en que deberán inscribirse, preceptivamente, todos os membros dos corpos das policías locais e os/as vixilantes municipais dos concellos de Galicia, derivando a un desenvolvemento regulamentario posterior á determinación da información que deberá figurar e ás cautelas necesarias para garantir a confidencialidade nos termos que exixe a normativa sobre a materia.

En aplicación de tal previsión legal dítase o Decreto 105/2008, do 8 de maio, polo que se crea e regula o Rexistro das Policías Locais de Galicia, que, no seu artigo 11, dispón que a tramitación dos procedementos rexistrais se realizará cubrindo os modelos normalizados que figurarán na aplicación informática que a consellería porá á disposición dos concellos, e na súa disposición adicional primeira establece que a consellería competente en materia de coordinación de policías locais establecerá os criterios técnicos para a tramitación telemática entre os distintos concellos e a unidade directiva encargada do devandito rexistro.

De conformidade co establecido no artigo 17.1º.a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a Comisión de Coordinación de Policías Locais emitiu informe na súa sesión do 12 de xaneiro de 2009.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é o establecemento dos criterios técnicos para que todas as comunicacións entre os diferentes concellos e a unidade encargada do rexistro de policías locais se realicen a través da aplicación informática creada para a tramitación por medios electrónicos dos procedementos rexistrais.

2. Esta orde é de aplicación aos concellos de Galicia con policía local e aos que, non tendo creado tal corpo, conten con vixilantes municipais, para dar cumprimento ás obrigas de comunicación de datos para o seu rexistro, ao abeiro do previsto no artigo 4 do Decreto 105/2008, do 8 de maio, polo que se crea e regula o Rexistro das Policías Locais de Galicia.

Artigo 2º.-Modelos oficiais.

Os modelos normalizados para a tramitación dos distintos procedementos rexistrais recollidos nos artigos 11, 14 e nas disposicións transitorias terceira e cuarta do Decreto 105/2008, do 8 de maio, polo que se crea e se regula o Rexistro das Policías Locais de Galicia, figuran como anexos II, III, IV e V do devandito decreto e na aplicación informática que, para estes efectos, se establece no artigo seguinte.

Artigo 3º.-Tramitación electrónica.

1. A consellería competente en materia de coordinación de policías locais pon á disposición dos concellos a aplicación informática denominada Rexistro das Policías Locais de Galicia, que se configura como o conxunto de medios que permiten a presentación telemática das comunicacións rexistrais entre os concellos e a unidade directiva encargada do Rexistro das Policías Locais de Galicia.

2. A tramitación dos procedementos previstos no Decreto 105/2008, do 8 de maio, polo que se crea e se regula o Rexistro das Policías Locais de Galicia, farase mediante a cobertura do correspondente modelo normalizado na dita aplicación informática, accesible desde a internet na URL

https://www.rexistropolicialocal.xunta.es

3. Ao abeiro do disposto nos artigos 7 e 13 do Decreto 105, do 18 de maio, polo que se crea e se regula o Rexistro das Policías Locais de Galicia, os datos que deberán comunicarse para a súa anotación nas seccións do rexistro son:

a) Na sección primeira: alta, baixa e modificación de datos profesionais dos policías locais, auxiliares de policía de tempada e dos vixilantes municipais, integración no corpo de vixilantes, auxiliares e interinos, clasificación no novo grupo profesional dos funcionarios policiais.

b) Na sección segunda: información dos corpos das policías locais.

Artigo 4º.-Carácter do rexistro.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 2 do Decreto 105/2008, do 8 de maio, polo que se crea e se regula o Rexistro das Policías Locais de Galicia, o rexistro non ten carácter público, podendo ter coñecemento dos seus datos exclusivamente os concellos respecto do persoal ao seu servizo e o persoal inscrito respecto dos seus datos.

2. Para que sexa posible a consulta polo persoal inscrito dos seus datos, a aplicación informática xerará unha clave persoal de acceso que o concello deberá facilitar ao seu persoal. Esta clave persoal deberá ser modificada polo seu propietario no primeiro acceso á aplicación, modificación que será obrigado repetir con periodicidade anual, todo isto en cumprimento do disposto na normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da unidade directiva encargada do Rexistro das Policías Locais de Galicia para ditar as normas de desenvolvemento, así como as necesarias para a regulación da utilización da aplicación informática prevista nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza