DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.144

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 31 de decembro de 2008 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas a concellos e mancomunidades de municipios para o fomento e a realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

No Decreto 517/2005, do 6 de outubro, establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. No seu artigo 6 número 2.2º b) establécese que lle corresponde á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a xestión e coordinación das actuacións da Secretaría Xeral do Benestar en materia de voluntariado, así como a elaboración e o seguimento do Plan galego de fomento e promoción da acción voluntaria e a xestión do sistema de Rexistro autonómico das entidades de acción voluntaria. Tamén será a súa función o desenvolvemento das actuacións de promoción, investigación, asistencia e formación en materia de voluntariado e todas aquelas segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado, actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde do 11 de febreiro de 1998, polo que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 28 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001; de acordo co disposto no capítulo II do título preliminar da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, aprobado na reunión do Consello da Xunta de Galicia do día 16 de outubro de 2008.

Na tramitación anticipada deste expediente poderá chegarse ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso de gasto, sempre que se fagan constar nas bases reguladoras ou convocatoria a circunstancia de que o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.

En virtude do exposto e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerán as subvencións dirixidas a concellos e mancomunidades de municipios para o fomento e realización de actividades de voluntariado durante o ano 2009.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polos concellos e mancomunidades de municipios sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:

-Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como a promoción e captación de voluntariado.

-Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.

-Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación (local, comarcal, etc.).

b) Área de formación: perséguese unha modernización e adaptación permanente dos entes locais á realidade social a través destas liñas fundamentais:

-Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.

-Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.

c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre os diferentes concellos e mancomunidades incorporando de xeito transversal as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

Artigo 2º.-Beneficiarias/os.

As/os beneficiarias/os das axudas serán os concellos e mancomunidades de municipios de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2009, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de actuación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos das/os beneficiarias/os.

1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

-Que os concellos e mancomunidades de municipios estean inscritos no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e accidentes de todas as persoas voluntarias para o ano en curso e na data de presentación da solicitude, acompañando esta coa copia das pólizas correspondentes.

2. Polo contrario, non poderán solicitalas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

Artigo 4º.-Contía máxima da axuda.

As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2009.05.42.312F.460.0 (proxecto 2009 00038) por un importe 300.000 € segundo o establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, aprobado na reunión do Consello da Xunta de Galicia do día 16 de outubro de 2008, quedando condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables.

1. Serán conceptos subvencionables os gastos correntes que deriven da realización das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2009, entre os que se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, gastos derivados de desprazamentos do persoal voluntario, gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, contratación de persoal experto, formación de persoal técnico ou voluntario, adquisición de material funxible pero non inventariable, servizos de comunicación (telefónicos, postais e telegráficos) e seguros de voluntarias ou voluntarios.

2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimento; os xuros debedores das contas bancarias, recargas e sancións administrativas nin gastos de procedementos xudiciais.

3. A contía máxima da axuda por proxecto non poderá ser maior á cantidade de 10.000 €.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As solicitudes cubertas, segundo o modelo do anexo I, presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da/o representante legal do concello ou da mancomunidade.

b) Fotocopia compulsada do CIF do concello ou da mancomunidade.

c) Certificación orixinal dunha entidade bancaria da conta do concello ou da mancomunidade onde se fará o ingreso da subvención.

d) Certificación expedida pola/o secretaria/o do concello ou da mancomunidade co visto e prace do representante legal (anexo II), que recolla: o acordo do órgano que teña asumida a competencia en virtude da cal se solicita a subvención, a acreditación da persoa que teña o cargo do representante legal, así como o conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais así como os fondos propios que achega a entidade.

e) Proxecto tal e como se recolle no anexo III, admitíndose un só proxecto por municipio ou mancomunidade.

3. No caso de que algún dos documentos relacionados no punto a), b), e c) fosen presentados na Administración, deberán facelo constar, así como o expediente para o que foron presentados, e queda, deste xeito, exento de presentación.

4. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará desistido na súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 7º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que estará composta polos seguintes membros:

Presidenta/e: subdirectora ou subdirector xeral de Solidariedade e Participación.

Secretario: unha/un funcionaria/o da Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación a/o cal participará con voz pero sen voto.

Vogais: a/o xefa/e de Servizo de Solidariedade, dúas/dous técnicas/os da Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación, as/os xefas/es dos Servizos de Xuventude e Solidariedade das catro delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

3. A dita comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

4. As solicitudes admitidas remitiránselle á comisión de valoración para que, unha vez avaliadas, proceda a propor a concesión ou denegación das axudas, seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º desta orde.

5. A comisión proporá a contía das axudas correspondentes a cada concello ou mancomunidade de municipios que, en ningún caso, superarán o 80% do orzamento total ata esgotar o crédito dispoñible.

6. A comisión poderá establecer un mínimo de puntuación a partir do cal non se valoren os proxectos por considerarse que non se adecúan á calidade exixida nas bases.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 7º.

No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

a) Coherencia xeral do proxecto (ata 35 puntos).

-Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de beneficiarias/os e voluntarias/os que participan no proxecto.

-Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

-Secuencia lóxica da intervención: situación da que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, cos que conta e os que terán que incrementar.

-Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega previndo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado e a participación de voluntarias/os da organización (ata 15 puntos).

c) Capacidade da entidade e solvencia (ata 10 puntos).

-Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.

-Achega financeira da entidade ao proxecto.

-Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de caracter privada.

d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 10 puntos).

e) Participación do voluntariado nas actividades do proxecto, acreditado mediante xustificación bancaria de aboamento da prima das pólizas dos seguros correspondentes (ata 10 puntos).

f) Proxecto conxunto con outras entidades (ata 10 puntos).

g) Consonancia entre a formación recibida polas/os voluntarias/os da entidade e a actividade desenvolvida nesta (ata 5 puntos).

h) Garantir na presentación do proxecto a esta Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación, o uso do galego. Así mesmo, facer constar en toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada, o seu contido en galego e a colaboración deste organismo incorporando de xeito visible o seu logotipo (ata 5 puntos).

Artigo 9º.-Resolución.

1. Analizadas as solicitudes pola Comisión de Valoración, esta levantará acta na que se recollerá a proposta de resolución para a súa elevación ao director xeral de Xuventude e Solidariedade quen resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Se a resolución non foi notificada os interesados no prazo ao que se refire o punto anterior, poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.

4. Notificada a resolución polo órgano concedente, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada tal como dispón o artigo 21.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra ela caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Xustificación da axuda concedida.

1. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente pagamento é o 15 de outubro de 2009. Para isto o beneficiario deberá presentar na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou nas delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común, a seguinte documentación por duplicado:

1.1. Certificación expedida pola/o secretaria/o da entidade co visto e prace da/o representante legal (anexo IV), na que se farán constar:

a) Conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como os fondos propios do concello ou mancomunidade.

b) A relación de actividades realizadas.

c) O importe da subvención concedida (en cifras e letra).

d) Cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención.

1.2. Memoria descritiva das actividades realizadas de acordo co proxecto presentado.

2. Os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a/o beneficiaria/o non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 12º.-Concorrencia de subvencións públicas e modificacións da resolución.

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da/o beneficiaria/o. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras. Procederá tamén a modificación da resolución naqueles supostos nos que se produza a ampliación da contía orzamentaria destinada a mesma finalidade.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditada polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente.

Artigo 13º.-Anticipos e pagamentos.

Unha vez ditada a resolución de concesión e aceptada poderase facer un anticipo de pagamento de ata o 10%, nos supostos do artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e de acordo co artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Nos demais casos o importe da subvención concedida farase efectiva nun único pagamento tras a aceptación pola entidade solicitante e presentación de xustificantes de ter realizadas as actividades segundo o proxecto presentado. Non obstante, poderanse facer pagamentos parciais, de acordo co artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ata un máximo do 80% da contía total concedida na medida en que se vaia xustificando. O restante 20% aboarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións coas que lle foi concedida a subvención.

Artigo 14º.-Obrigas das/os beneficiarias/os.

Os concellos ou mancomunidades de municipios que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. As obrigas das entidades beneficiarias das axudas, serán:

a) Cumprir o proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión de subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamenten a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada os fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do caracter público do financiamento dos proxectos. Facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicarlle por escrito certificado, nun prazo de 20 días antes da realización, calquera actividade coa publicidade escrita, á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Artigo 15º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 16º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia que son as seguintes:

-Obtención da subvención falseando ou ocultando as condicións requiridas.

-Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nesta orde.

-Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa as actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado os fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a regularidade das actividades e a concorrencia doutras axudas.

-Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios cando se derive a imposibilidade de conseguir o obxecto, sempre que afecten o modo no que se conseguen os obxectivos ou cando do incumprimento se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.

De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 17º.-Publicidade.

1. Unha vez ultimada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputen, a entidade beneficiaria, contía e finalidade da subvención, de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, publicarase na páxina web da Xunta de Galicia a concesión indicando a relación de beneficiarias/os, e o importe das axudas, ao abeiro do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade, para desenvolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade co artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normas de aplicación.

Cuarta.-Coa presentación da solicitude (anexo I) a/o beneficiaria/o dá a súa conformidade a que os datos facilitados para concesión da subvención figuren no Rexistro Público de Subvención coas salvidades do artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

A relación de beneficiarios será publicada no Diario Oficial de Galicia, na páxina web e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto 132/2006, do 26 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "02200D006P056.PDF"