DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.172

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de xaneiro de 2009 pola que se convocan, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega que terán lugar nos períodos e nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece que os poderes públicos de Galicia deberán garantir o uso normal e oficial do idioma galego, e potenciar o seu emprego. Neste sentido, o artigo 6.4º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, especifica que a Xunta de Galicia ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. Dentro do seu ámbito, é a Secretaría Xeral de Política Lingüística o órgano que ten as atribucións e as funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega.

Pola súa parte, o artigo 59 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as escolas oficiais de idiomas teñen por obxecto capacitar o alumnado para o emprego axeitado dos idiomas fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, cunha organización en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. Nesta mesma lei, no punto 4º do artigo 60, establécese que, de acordo co que establezan as administracións educativas, as escolas oficiais de idiomas poderán impartir cursos para a actualización dos coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais.

Mediante o acordo subscrito o día 17 de novembro de 2006 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística establecéronse as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as escolas oficiais de idiomas, como centros de ensinanzas de réxime especial dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir cursos de linguaxes específicas en lingua galega a partir do curso 2006-2007, logo da convocatoria anual correspondente.

Por iso, no uso das funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican no anexo II.

Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro/marzo de 2009 e a segunda en outubro de 2009, en horario de mañá ou de tarde segundo a dispoñibilidade de aulas.

Artigo 2º.-Beneficiarios dos cursos.

Os cursos van dirixidos preferentemente ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia. No caso de non se cubriren as prazas ofertadas para cada curso, poderán solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de idade que posúan o certificado de lingua galega Celga 4 ou o certificado de ter feito o curso de perfeccionamento de galego ou acreditación equivalente para acceder ao nivel que solicite.

Artigo 3º.-Solicitudes e prazos.

Tendo en conta o disposto no parágrafo primeiro do seguinte artigo 4º, as solicitudes, segundo o modelo de instancia que figura como anexo I desta orde, presentaranse na propia escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso para o cal se solicita praza.

Os prazos para a presentación das solicitudes serán os seguintes:

-Para a quenda de febreiro/marzo a xuño: será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Para a quenda de outubro a xaneiro: do 1 ao 20 de setembro de 2009.

O alumnado que aspire a participar nestes cursos deberá engadir ao modelo de solicitude un xustificante de ser persoal ao servizo das diferentes administracións públicas de Galicia. Igualmente, os aspirantes ao curso medio deberán engadir unha copia compulsada da certificación que acredite que ten superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega ou de perfeccionamento de lingua galega; para acceder ao curso superior deberase acreditar a superación ou validación do curso medio de linguaxe administrativa galega.

As listas de seleccionados para participar nos cursos, así como as datas de comezo faranse públicas tanto nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso como na súa páxina web.

Artigo 4º.-Asignación das prazas.

As prazas para o persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia asignaranse por rigorosa orde de entrada da solicitude de matrícula no centro.

No caso de que non houbese suficiente matrícula deste alumnado para cubrir o curso, poderán optar as persoas que posúan o certificado de ter feito o curso de perfeccionamento de galego ou acreditación equivalente.

Os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25. No caso de que non se alcance o número mínimo, poderá decaer a súa realización. Neste caso, a escola oficial de idiomas comunicaralles aos aspirantes a súa suspensión.

Artigo 5º.-Características dos cursos: contidos e avaliación.

1. Os cursos axustaranse aos contidos sinalados na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril), pola que se regulan os cursos de formación en lingua galega e as validacións correspondentes, e a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

2. Cada curso terá unha duración de 75 horas (60 horas lectivas, coa obrigada presenza de todo o alumnado, e 15 horas de tratamento individualizado, nas que o alumnado poderá realizar actividades específicas de reforzo e/ou actividades prácticas complementarias).

3. Corresponderalle ao profesorado a programación destas horas, de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso.

4. A cualificación do alumnado dos cursos de lingua galega deberá responder aos principios de avaliación continua, terá en conta o dominio oral e escrito no idioma galego, e tamén, entre outros elementos, o traballo diario na aula, os traballos teóricos e prácticos e a asistencia. En calquera caso, a cualificación final do alumnado expresarase nos termos de apto ou non apto.

5. Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003.

6. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia, xustificada ou non, de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

7. Ao remate de cada curso, aos asistentes que superasen as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto. Este certificado será emitido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

8. Os cursos serán gratuítos para todos os participantes.

9. Para os efectos da emisión do certificado correspondente, o alumnado que non estea ao servizo das distintas administracións públicas de Galicia deberá aboar as taxas correspondentes.

Artigo 6º.-Cursos que se ofertan.

Os cursos ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran na táboa anexa a esta orde, distribuídos en dous períodos: quenda de febreiro/marzo e quenda de outubro.

Artigo 7º.-Profesorado.

Estes cursos serán impartidos polo profesorado dos departamentos didácticos de lingua galega das escolas oficiais de idiomas que realizasen o correspondente curso de formación previo para a docencia en linguaxe administrativa galega.

O profesorado de cada curso será o responsable de programar e desenvolver os contidos sinalados na Orde do 1 de abril de 2005, DOG nº 71, do 14 de abril, así como de avaliar o alumnado e levar os correspondentes rexistros de asistencia. Igualmente, o profesorado de cada curso será o responsable de elaborar a acta final en que figurará a relación de aptos e non aptos, que deberá ser remitida aos correspondentes gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto cos traballos finais realizados polos/as alumnos/as, nun prazo non superior a 15 días ao remate do curso, para proceder á expedición do certificado correspondente.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2009.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "02200D008P084.PDF"

ANEXO II

Relación de cursos ofertados