DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.184

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2009 pola que se convocan as bases do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria das bases do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 34.4º do Decreto 204/2000, de destreza no manexo das armas regulamentarias.

-Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

-Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

-Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.

Destinatarios/as.

A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 34.4º do Decreto 204/2000, relativo a lograr a destreza e seguridade necesarias no manexo das armas regulamentarias para o persoal dos corpos de policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, no que se inclúe unha práctica cuadrimestral para o persoal dos concellos interesados.

Solicitudes.

Os concellos interesados deberán remitir o anexo que se xunta á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 16 de febreiro.

As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp número 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán estar autorizadas no anexo correspondente pola Alcaldía, Concellaría ou xefe de persoal, segundo proceda.

A Academia Galega de Seguridade Pública, rematado o prazo de presentación de solicitudes, establecerá unha quenda ou programa cuadrimestral para que cada concello escolla a data e a hora que mellor se acomode á disposición do servizo do seu corpo de policía local.

Ademais, todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios.

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Calendario anual.

1.º cuadrimestre: mes de marzo (a partir do 2 de marzo).

2.º cuadrimestre: mes de xuño.

3.º cuadrimestre: mes de outubro.

Determinación da data das prácticas.

Configurado o plan anual segundo as solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante en cada práctica, sinalando o día e a hora desta.

Control e cartilla de tiro.

O persoal de policía non poderá desenvolver máis dunha práctica por cuadrimestre.

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis aos que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar.

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de xaneiro de 2009.

P.S. (Disp. 1ª Orde 31-1-2008;

DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "02200D014P096.PDF"