Por Resolución do 30 de marzo de 2007, da Dirección Xeral de Administración Local, publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 de abril, créase e clasifícase o posto de colaboración de secretario adxunto á Secretaría Xeral na Deputación Provincial de Lugo.
Posteriormente, a Deputación Provincial de Lugo formula proposta relativa á supresión do dito posto, mediante acordo de modificación da relación de postos de traballo adoptado polo Pleno na sesión do día 25 de novembro de 2008, acordo que segundo os datos que constan no expediente, tras a preceptiva exposición pública, non foi obxecto de reclamacións ou suxestións, motivando a proposta en que as funcións atribuídas ao indicado posto, de colaboración coa Secretaría Xeral da Deputación, son coincidentes coas asignadas ao posto de secretario-interventor adxunto á Secretaría Xeral, creado en virtude de Resolución da Dirección Xeral de Administración Local do 26 de maio de 2008, producíndose por conseguinte unha duplicidade innecesaria de postos para o desenvolvemento das mesmas funcións.
O artigo 2 g) do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, que continúa en vigor de acordo coa disposición transitoria sétima da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, establece que os postos de colaboración poden ser creados discrecionalmente polas corporacións locais e ser clasificados por proposta daquelas polo órgano competente da comunidade autónoma.
Doutra banda, a disposición adicional segunda do Estatuto básico do empregado público estipula que a creación, clasificación e supresión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal corresponde a cada comunidade autónoma, de acordo cos criterios básicos que se establezan por lei.
Por todo isto, en aplicación do establecido nos artigos 2 e 9 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, na disposición adicional segunda e na disposición transitoria sétima do Estatuto básico do empregado público, e demais normativa concordante de aplicación, e no uso da atribución do artigo 15.1º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e de conformidade coa Orde do 12 de setembro de 2005, sobre delegación de competencias, esta dirección xeral
RESOLVE:
Suprimir o posto de colaboración da Deputación Provincial de Lugo de secretario adxunto á Secretaría Xeral, reservado a funcionarios con habilitación de carácter estatal pertencentes á subescala de secretaría, categoría superior.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2009.
Matilde Begoña Rodríguez Rumbo
Directora xeral de Administración Local
Ver referencia pdf "02200D023P137.PDF"