DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.230

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2009 pola que se convoca, para a súa provisión polo sistema de libre designación, un posto vacante do cadro de persoal funcionario de administración e servizos desta universidade.

Vacante na USC o posto de traballo que se indica no anexo a esta resolución e sendo necesaria a súa provisión con carácter urxente.

O reitor, no uso das atribucións que ten conferidas e, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificado polas leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, resolve convocar a provisión mediante o sistema de libre designación, do dito posto, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo vacante que se relaciona no anexo desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

Poderán participar os funcionarios de carreira da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas, especialidade bibliotecas, da USC, ou de corpos ou escalas equivalentes doutras universidades e administracións públicas, que presten servizo nela.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes dirixiranse ao reitor da USC, o prazo de presentación é de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os aspirantes deberán xuntarlle á solicitude un curriculum vitae, e xustificar debidamente os méritos que aleguen.

3.2. A presentación de solicitudes poderá facerse no rexistro xeral da USC, situado na Reitoría da Universidade (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela); no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros (avda. de Bernardino Pardo Ouro, s/n. Polígono de Fingoi, 27002 Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.3. Os erros de feito poderán emendarse en calquera momento de oficio ou por petición do interesado.

4. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa recepción, de conformidade cos artigos 46 e 8.2º a) da Lei da xurisdición contencioso-administrativa, aprobada pola Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que o ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2009.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Denominación do posto: dirección da biblioteca universitaria.

Nº posto: 1.

Grupo: A.

Nivel: 28.

Complemento específico: 14.226,72 €.

Quenda: mañá.

Localidade: Santiago de Compostela.