DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.252

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

EDICTO do 2 de decembro de 2008, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve o recurso de reposición interposto pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabral, do concello de Vigo, contra a Resolución do 26 de outubro de 2006.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes.

Presidente: Gonzalo Constenla Bergueiro, delegado provincial da Consellería do Medio Rural.

Vogais:

Víctor Abelleira Argibay, avogado polo colexio da provincia.

Mª Jesús Novoa Suárez, letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, exerce ademais as funcións de secretaria.

Jesús de la Fuente Villar, xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais.

Na cidade de Pontevedra, ás dezasete horas do día vinte e catro de abril de dous mil oito, coa asistencia das persoas indicadas, reúnese, na 4ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre o recurso de reposición interposto pola CMVMC de Cabral, do concello de Vigo, contra a resolución adoptada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra con data do 26 de outubro de 2006.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 27-3-2005, Luis Rodríguez Pérez, presidente da CMVMC de Cabral, en Vigo, presenta perante o Xurado Provincial de Montes solicitude que insta a clasificación do monte denominado Ameal como veciñal en man común a favor da devandita comunidade.

Segundo.-Na reunión realizada polo xurado con data do 26-10-2006 acordouse non clasificar como veciñal en man común o monte denominado Ameal.

Terceiro.-Contra esta resolución Luis Rodríguez Pérez, na súa calidade de presidente da CMVMC de Cabral, formula recurso de reposición contra a devandita resolución.

Cuarto.-Con data do 4-2-2008 é remitido por parte do Servizo de Montes e Industrias Forestais informe complementario, solicitado polo xurado, no cal se indica entre outros extremos o tipo de arboredo existente, así como os aproveitamentos observados.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición contra as súas resolucións de conformidade co artigo 116 da Lei 30/1992.

Segundo.-Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto por cumplir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1º da precitada lei.

Terceiro.-Da análise do recurso interposto pola CMVMC de Cabral, así como do informe complementario do Servizo de Montes e Industrias Forestais, despréndese que parte do monte solicitado, concretamente as parcelas B e C, teñen as características necesarias para ser declaradas monte veciñal.

En consecuencia, vistos os preceptos legais citados e demáis normativa de xeral e pertinente aplicación, o Xurado de Montes de Pontevedra acorda:

Estimar o recurso de reposición interposto pola CMVMC de Cabral, do concello de Vigo, contra resolución do xurado do 26-10-2006, de acordo coas superficies e lindeiros seguintes e o plano elaborado para o efecto polo Servizo de Montes e Industrias Forestais, que forma parte inseparable desta resolución:

Concello: Vigo.

Parroquia: Cabral.

Nome do monte: Ameal-parcela B.

Cabida: 1.251 m2 (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: camiño da Chamuscada.

Sur: parcela C e predios particulares de Delmiro Álvarez Álvarez.

Leste: camiño da Chamuscada.

Oeste: camiño Sanín.

Nome do monte: Ameal-parcela C.

Cabida: 3.200 m2 (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: parcela B e predios particulares de Delmiro Álvarez Álvarez.

Sur: camiño da Chamuscada.

Leste: camiño da Chamuscada.

Oeste: predios particulares de Ramón Carrera Lago, Manuel Vila Hermida e herdeiros de Francisco Carrera.

Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 2 de decembro de 2008.

Gonzalo Constenla Bergueiro

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra