Convocadas eleccións ao Parlamento de Galicia polo Decreto 1/2009, do 5 de xaneiro, da Presidencia da Xunta de Galicia, e ao abeiro do artigo 37.3º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, cómpre regular as diversas situacións que se poidan presentar para o exercicio do dereito ao voto daqueles traballadores e traballadoras que non gocen do seu descanso semanal o día da votación, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral, posto que as eleccións terán lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.
Para este fin, e logo do acordo co delegado do Goberno de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Estas normas seranlles de aplicación ás persoas traballadoras por conta allea que teñan a condición de electoras e non gocen do devandito día de descanso semanal previsto no artigo 37.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e a aquelas en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores ou apoderados nas eleccións do 1 de marzo de 2009.
Artigo 2º
Para que as persoas traballadoras por conta allea poidan participar nas eleccións ao Parlamento de Galicia, que se levarán a cabo o día 1 de marzo de 2009, no suposto de que non gocen en tal data de descanso semanal, terán un permiso retribuído correspondente, consonte as seguintes prescricións:
a) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura de mesas electorais, ou que coincida nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.
b) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de dúas horas.
c) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de tres horas.
d) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de catro horas.
Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.
Correspóndelle ao/á empresario/a a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores e traballadoras disporán de permiso para acudiren a votar.
Artigo 3º
No suposto de persoas traballadoras por conta allea que teñan previsto que na data da votación non se atopen na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poidan exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira que o establecido no artigo anterior, para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo, así como para efectuar a remisión do voto por correo.
Artigo 4º
As persoas traballadoras por conta allea nomeadas presidente ou vogal das mesas electorais e as que acrediten a súa condición de interventoras disporán, durante o día da votación, dun permiso retribuído de xornada completa, se non gozasen en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1º e 78.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral.
Se algún dos traballadores e traballadoras aos cales se refire o parágrafo anterior tivese que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ao día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.
Artigo 5º
As persoas traballadoras por conta allea que acrediten a súa condición de apoderadas, de acordo co previsto no artigo 76.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non gozan en tal data do descanso semanal.
Artigo 6º
Os/as empresarios/as poderán solicitar dos traballadores e traballadoras que exerzan os dereitos regulados nesta orde a certificación de voto ou, de ser o caso, a acreditación da mesa electoral.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2009.
Ricardo Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de Traballo