DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 09 de febreiro de 2009 Páx. 2.698

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ANUNCIO do 13 de xaneiro de 2009, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, da declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Benza (Trazo-A Coruña).

En cumprimento do disposto polo artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Benza (Trazo-A Coruña) e que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2009.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 17 de novembro de 2008, relativa á concentración parcelaria da zona de Benza, no concello de Trazo (A Coruña), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. (Clave: 2006/0017).

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (actualmente Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias) iniciou, por petición dos veciños, un proceso de concentración parcelaria na parroquia de Benza, no concello de Trazo (A Coruña), que abrangue unha superficie dunhas 1.105 hectáreas.

A devandita concentración parcelaria, que se atopa entre os proxectos recollidos no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I inclúese un resumo da actuación e das características da zona de concentración e no anexo II das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental presentado.

Mediante Resolución do 4 de abril de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (publicada no DOG nº 88, do 8 de maio), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria da referida zona, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 10 de xullo de 2008 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias como órgano substantivo por razón da materia, en que se inclúen os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza e de Montes e Industrias Forestais, así como o emitido polo concello de Trazo. Segundo indica o órgano substantivo no oficio de remisión do expediente, non consta emisión de informe por parte de Augas de Galicia no prazo legalmente establecido.

Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria da zona de Benza, no concello de Trazo (A Coruña), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da referida zona é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na dita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicións adicionais ás anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria que se desenvolverá na parroquia de Benza (Trazo, A Coruña), na zona delimitada no plano «Localización. Plano: 2» do estudo de impacto ambiental, que abrangue unha superficie dunhas 1.105 hectáreas.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Co fin de dar cumprimento ao estipulado no punto 8 do artigo 4º da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, o proxecto de rede viaria da concentración parcelaria deberá contar co correspondente estudo acreditativo do seu impacto acústico.

No dito estudo, que se realizará baseado no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, determinarase a necesidade ou non de adoptar medidas protectoras naqueles puntos en que se puidesen superar os límites establecidos no anexo da citada Lei 7/1997, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Trazo. Asemade, valorarase a necesidade ou non de establecer un plan de seguimento de ruídos.

2. Definirase a localización da zona destinada a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc, cos criterios sinalados no estudo de impacto ambiental, pero coidando que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

3. No caso de que existan sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o seu depósito. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. No caso de que nalgún dos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, podendo consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou con dous laterais abertos.

5. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindes arboradas, valados de pedra, sebes, etcétera. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de lindeiros dos predios de substitución aos citados elementos. Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos muros ou valados de pedra que vaian quedar sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador doutras novas parcelas.

6. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proceso de concentración parcelaria, en que se desenvolvan e orcen detalladamente os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia xenérica no estudo ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderase a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística, e terase en conta o seguinte:

En canto ás especies que se empregarán:

Serán autóctonas, tendo sempre presentes, para a súa implantación, as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que se restaure e que procedan (sexan árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) da mesma zona ou outra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

Deben ser compatibles co hábitat en que se van implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etcétera), e factores bióticos.

Deben ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, e aplicaranse, de ser o caso, os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose ademais, para acadar este obxectivo, os tratamentos que sexan necesarios (rareos, rozas, etcétera).

No caso de ser necesaria a eliminación dalgún pé de especies arbóreas autóctonas, procurarase que sexan replantadas na medida do posible, empregándoas na restauración. De todos modos, recoméndase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se vaian restaurar e os hábitats presentes.

Considerarase así mesmo, tal e como se sinala no estudo ambiental, a plantación de vexetación de ribeira -con especies autóctonas das existentes na zona- nas marxes dos leitos fluviais cando non exista ou ben cando sexa estritamente necesaria a súa corta para a execución das obras e os exemplares non poidan ser replantados noutras zonas.

7. Redactarase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, incorporándolle aqueles aspectos para controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como todos os derivados do cumprimento das condicións desta DIA.

O citado programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e nas condicións da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicións da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da antedita entidade.

Fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fases de execución e explotación.

1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a execución das obras, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións que transporten terra ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos durante o seu tránsito cara á zona de obras. Así mesmo, no caso de ser necesario, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como co disposto ao respecto, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Trazo.

3. Toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na súa zona de servidume e policía, así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisará da autorización ou permiso do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia. Neste sentido, deberán terse en conta en todo momento as limitacións e demais prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e no Regulamento do dominio público hidráulico (R.D. 849/1986, do 11 de abril, e posteriores modificacións). Así mesmo, o proxecto deberá axustarse ás prescricións establecidas no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa (PHGC).

4. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria. Así mesmo, respectaranse os mananciais que existan na zona, e poderán ser parcialmente canalizado o seu curso se resultase necesario para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.

5. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregamentos, chuvias ou enchentes.

6. Cando se leven a cabo movementos de terras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

7. Co obxecto de prevenir fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas, segundo avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras. Así mesmo, no modelado dos noiros evitaranse as formas demasiado artificiais, procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, para favorecer así a integración coa paisaxe.

8. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A este respecto, observarase ao disposto no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais e, de acordo co indicado no estudo ambiental, levarase a cabo un control da calidade das augas, para o cal se aplicará ao sinalado no punto C.1.7 desta DIA.

9. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

10. De ser preciso o emprego de formigón, evitarase a súa elaboración na propia obra, adquiríndoo xa preparado en plantas que conten coas debidas autorizacións.

11. Levarase a cabo un control topográfico dos límites da zona de concentración, dos predios de substitución e do trazado dos camiños de concentración, evitando afeccións fóra destes límites, que se axustarán ao contido dos documentos a que se fai referencia no punto C.1.8 da DIA.

12. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria de obra realizaranse en talleres autorizados sempre que sexa posible, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a parque de maquinaria, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

13. Todos os residuos que se xeren deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

14. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas, zonas húmidas, zonas hidromorfas ou con vexetación de interese, adoptando todas as medidas necesarias para a súa preservación, ademais das propostas no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento destas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra. Evitarase a intervención simultánea sobre diversos cursos na mesma bacía, procurando graduar os traballos para evitar a acumulación de sólidos en suspensión no leito principal.

15. No caso de que se precise material de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de explotacións autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se utilicen na construción de novos camiños (para as bases ou subbases ou para a pavimentación), proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

16. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes deberán ser restaurados ao remate da obra.

17. Previamente ao depósito de sobrantes procedentes dos movementos de terra -se os houbese- nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.3 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

18. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario, respectando sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución das obras. Procederase ao balizamento ou sinalización das masas e formacións vexetais de interese ambiental para evitar a súa eliminación ou afección. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.

19. En relación coa preservación do arboredo, aplicarase o indicado no estudo ambiental e o establecido nesta DIA. Non obstante, cómpre sinalar que para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira se observará ao disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e demáis normativa de aplicación.

20. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

21. Se na zona de concentración existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.

22. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B.1.6 desta DIA, paralelamente ao avance da obra sempre que sexa posible, co fin de lograr o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras. Vixiarase a evolución da revexetación efectuada, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas.

23. Retirarase e acumularase a capa superior de terra vexetal (15-30 cm) dependendo da carga en materia orgánica, para a súa utilización no proceso de restauración. Estes amoreamentos realizaranse ao longo do trazado dos camiños en moreas de altura non superior a 1,5 metros, para facilitar a súa aireación.

24. No caso de precisar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, esta non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, debendo proceder de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas.

25. Con anterioridade á revexetación efectuarase un acondicionamento do terreo, e procederase á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

26. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que existan na actualidade. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberán implementarse rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

27. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura, instalación ou servizo preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse ao estado previo ao inicio das obras.

28. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refire o punto B.1.7 desta DIA se detectasen impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais profundos ou críticos, comunicarallo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. No proceso de concentración parcelaria conservaranse integramente as áreas de ribeira que presenten bosques aluviais residuais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), hábitat natural prioritario recollido no anexo I da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, tipificado co código 91E0*.

2. Ademais do anterior, consideraranse elementos e áreas sensibles para conservar ao máximo posible as formacións de arboredo autóctono (especialmente se constitúen carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica -código 9230-), entre as que cabe destacar as fragas existentes no contorno dos núcleos de Benza e Vilasuso (Unidade ambiental 3), o contorno dos cursos fluviais e a súa vexetación de ribeira (Unidade 4) aínda que non constitúa un hábitat 91E0*, os ecosistemas intimamente ligados á auga, as árbores e mouteiras singulares, as sebes, os lindeiros arborizados e arbustivos de límite entre parcelas (presentes sobre todo nas unidades 3 e 5), os corredores ecolóxicos e ecotonos, as especies vexetais e faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas, os valados de pedra, a paisaxe agrícola tradicional galega e, de non estar previstas entre as anteriores, as zonas que figuran no plano nº 14 «Zonas de exclusión e protección» ou calquera outra mencionada ao

longo do estudo de impacto ambiental.

3. Ao longo de todo o proceso de concentración, pero especialmente no deseño da rede viaria e na configuración dos predios de substitución, adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto ambiental e as establecidas nesta DIA, co fin de evitar ou minimizar a afección aos citados elementos. Terase en conta tamén a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer, que non deberán sufrir alteracións.

4. En relación coa protección do patrimonio cultural, observarase o seguinte:

a) Non se poderán executar pistas de novo trazado nas zonas de protección integral e de respecto dos xacementos arqueolóxicos, que se corresponderán coas reflectidas no plano nº 10 «Arqueolóxico» do estudo de impacto ambiental. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

b) Previamente ao inicio das obras de cada proxecto que integra a concentración parcelaria (proxectos de rede viaria e de acondicionamento de predios), o promotor remitirá á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe, unha avaliación do impacto dos citados proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona de concentración. Esta documentación deberá contar cunha ficha individualizada de cada elemento en que se fará constar: delimitación dos ámbitos de protección e o seu reflexo en fotografía aérea e cartografía catastral, especificacións técnicas e características construtivas da obra ou proxecto que ocasiona o impacto, e proposta de medidas correctoras.

c) Terase en conta que, unha vez que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emita informe sobre os documentos a que se fai referencia no punto anterior, en todo o ámbito do proxecto deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ao antedito proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O citado plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

d) No deseño dos proxectos de rede viaria, de concentración parcelaria e de acondicionamento de predios deberán terse en conta, adoptando as medidas oportunas para a súa conservación, preservación e recuperación, os antigos camiños e corredoiras, valados de pedra, muros de peche tradicionais, etc, que configuran funcional e estruturalmente a paisaxe galega e caracterizan culturalmente o territorio. Os que por forza haxa que retirar deberán ser obxecto de recuperación, desmontándoos e aproveitándoos para definir os novos predios.

-Na fase de replanteo deberanse revisar os impactos e valorar a aplicación das medidas correctoras.

-Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

Os traballos arqueolóxicos levaranos a cabo técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

5. O deseño final da rede de camiños de concentración deberá ter en conta todas as directrices indicadas no estudo ambiental (moi especialmente os do punto 5.4), así como as condicións establecidas ao longo desta declaración e as seguintes medidas que matizan ou amplían as anteriores:

Como norma xeral, os camiños non superarán unha largura total, incluíndo cuneta e beiravía, de 6 metros para os de acceso agrícola e de 8 metros naqueles que comuniquen parroquias ou núcleos entre si. En zonas de monte, a largura das pistas será a necesaria para o mantemento dun uso forestal, sendo preferible que sexa a mínima que permita a manobra da maquinaria, creando cada certa distancia zonas máis largas a modo de apartadoiros que permitan o xiro dos vehículos e a acumulación da madeira de corta ata o seu transporte. Minimizarase o número de ramais cegos.

Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria deberán dispoñerse as estruturas de drenaxe necesarias para iso, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Á saída dos pasos de auga colocaranse dispositivos protectores ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas de drenaxe cara aos cursos naturais. Neste sentido, deberá desenvolverse un plan de seguimento hidrolóxico durante as fases de obras e explotación, conforme o indicado no punto C.1.7. O dito plan debe permitir controlar o correcto funcionamento da rede de drenaxes dos camiños de concentración e dos dispositivos de disipación de enerxía, así como a comprobación das condicións de incorporación das augas de drenaxe cara á rede natural, co obxecto de adoptar as medidas protectoras ou correctoras oportunas no caso de

producirse os citados fenómenos erosivos, arrastres, asolagamentos ou outros.

No caso de que finalmente sexa imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando que os piares non se coloquen no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado deste sen impedir o paso polas súas ribeiras, lembrando en todo caso as limitacións e prescricións establecidas ao respecto na lexislación de augas e no PHGC) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando pasos tipo marco ou tubo co fin de manter os leitos no seu estado natural. En calquera caso, o deseño que se adopte deberá permitir o paso da fauna ictícola en datas de escaso caudal.

6. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser a aparición de edificacións, construcións diversas ou peches, as cortas indiscriminadas de vexetación, o abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos, roturacións, etc., motivados pola incerteza dos propietarios sobre a futura titularidade das parcelas.

Neste sentido, lembraráselles aos propietarios a obriga legal de obter autorización ou permiso para a corta de especies arbóreas, así como a existencia doutras limitacións ou obrigas establecidas na normativa vixente ao respecto (Leis 9/2002 modificada pola 15/2004, 43/2003 modificada pola 10/2006, 5/2006, 3/2007, 7/2007, Decreto 105/2006…), e procurarase telos informados en todo momento da marcha do proceso de concentración, establecendo canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso.

7. Ademais de cumprir co sinalado no punto B.1.7 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír ou prever os seguintes aspectos:

De acordo co sinalado no punto B.1.1 da DIA, en función das conclusións do estudo acústico elaborarase, se é o caso, un plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras, en que constarán os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade dos controis e límites que se vaian impoñer, elixindo como puntos de control as vivendas ou edificacións habitadas máis próximas ás zonas onde estea previsto executar obras. Este plan de seguimento basearase no disposto no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate a ausencia de afeccións, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Consideraranse como mínimo os seguintes parámetros: pH, temperatura, materias en suspensión, osíxeno disolto, condutividade e presenza de hidrocarburos.

Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación, tendo en conta o sinalado no punto C.1.5.

Terase en conta que previamente ao inicio das obras deberá levarse a cabo unha campaña preoperacional do plan de control da calidade das augas. Os resultados da dita campaña, xunto coa do plan de seguimento do nivel de ruído xa efectuada, incorporaranse aos informes de seguimento ambiental para comparalos cos datos que se obteñan en cada período ou fase do seguimento ambiental.

8. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitirá a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración parcelaria que incluirá, sen prexuízo do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia (plano co novo parcelario, plan forestal e/ou de aproveitamento de cultivos, etc.), o proxecto da rede de camiños de concentración (con indicación das alternativas estudadas ao respecto) e un anexo específico en que se documente a adecuada inclusión no proxecto de concentración tanto das medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias propostas no estudo de impacto ambiental como todas as cuestións derivadas do cumprimento das condicións desta DIA, incluíndo proxecto de integración paisaxística e programa de vixilancia ambiental.

C.2. Fase de execución.

1. Serán obxecto de especial atención no tocante á súa preservación e adopción de todas as medidas protectoras e correctoras necesarias, así como obxecto dun intenso seguimento e vixilancia ambiental, os elementos e áreas sensibles sinalados no punto C.1 da DIA, que deberán ser balizados ou sinalizados durante o replanteo da obra. Así mesmo, no caso de detectar algún valor natural non considerado ata o momento, procederase á súa delimitación e adopción das medidas precisas para garantir a súa preservación, comunicando o achádego ao correspondente Servizo Provincial de Conservación da Natureza. Terase en conta que non se poderá afectar a formacións distintas ás descritas no estudo de impacto ambiental sen antes facer a correspondente consulta.

2. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de potencial afección á rede hidrolóxica (sexan directas ou indirectas, por cruzamento de pistas ou por movementos de terras nas proximidades dos leitos) de xeito que se evite calquera efecto negativo sobre a rede fluvial, dado que augas abaixo da zona de actuación se atopa o espazo natural protexido «Río Tambre», con categoría de LIC e ZEPVN.

3. Dado que entre as aves rapaces presentes na zona de estudo figura a tartaraña cincenta Circus pygargus (catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas), que nidifica sobre o solo e polo tanto é susceptible de verse afectada polo proceso de concentración, estableceranse os controis oportunos para a detección de posibles parellas reprodutoras nas áreas que vaian ser afectadas polas obras.

No caso de detectarse a nidificación, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, que poden incluír o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata que finalice o período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona afastada) e outro perímetro de seguranza de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.

4. Previamente aos labores de corta de arboredo verificarase a ausencia de avifauna nidificante de interese nos pés implicados. En caso de presenza, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor. En especial, atenderase á presenza de aves rapaces (na zona detectáronse varias especies que aniñan en árbores; miñato Buteo buteo, azor Accipiter gentilis e gabián Accipiter nisus) ou calquera outra especie que teña figuras legais de protección ou apareza recollida en listaxes ou libros vermellos que poñan de manifesto a importancia da súa conservación.

5. Evitarase que as obras coincidan coas épocas de maior afección ao ciclo vital das especies sensibles presentes na zona de concentración. O calendario de obras deberá elaborarse tendo en conta os ditos períodos.

6. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se fai referencia ao longo desta DIA e, como órgano substantivo, observará o disposto no artigo 18 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido de la Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Durante a fase de obras elaboraranse os seguintes informes de seguimento, cos contidos mínimos que se sinalan a continuación:

a) Semestralmente:

Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación con todos os compoñentes do proxecto de concentración, acompañado de plano en planta en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

Memoria do seguimento ambiental realizado en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA, incluíndo os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico, control da presenza de parellas reprodutoras de Circus pygargus e outra fauna de interese segundo o exposto no punto C.2.4, actuacións para a preservación dos elementos e áreas sensibles indicados no punto C.1, etc. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, incidencias ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra e sobrantes de terra, etc. En conxunto, o informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación con todos os aspectos recollidos nela.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados no punto C.1 da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, en que quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA. Descrición detallada do estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Describiranse así mesmo, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona e demais formacións e áreas de interese sinaladas no punto C.1 da DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración e das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e virán acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sostible da zona concentrada mediante a adopción de criterios de sustentabilidade ambiental no acondicionamento e uso das parcelas asignadas a cada propietario.

Na medida do posible procurarase que a delimitación -se é o caso- das novas parcelas se efectúe mediante plantación de sebes arborizadas ou arbustivas integradas por especies autóctonas existentes na zona. De non ser factible, atenderase ao sinalado no punto B.1.5 da DIA respecto dos muros ou valados de pedra. Así mesmo, procurarase que os usos do solo non cambien dun xeito radical, en especial a transformación de terreo forestal en agrícola, para evitar modificacións substanciais do balance hídrico da zona que poidan afectar a rede fluvial, dado que augas abaixo da zona de actuación se atopa o espazo natural protexido «Río Tambre», con categoría de LIC e ZEPVN.

En todo caso, atenderase ás posibles limitacións ou obrigas legais en canto ao acondicionamento e uso dos predios de substitución, tendo en conta a normativa a que se fai referencia no punto C.1.6 da DIA e o respecto aos elementos e áreas sensibles indicados no punto C.1.

Neste sentido considérase de especial importancia, tal e como se indica no estudo de impacto ambiental, o desenvolvemento de accións de información e asesoramento ambiental aos propietarios/usuarios dos predios de substitución, co obxecto de que sexan coñecedores tanto dos valores ambientais e culturais que albergan as súas parcelas -se é o caso-, como da normativa de aplicación en canto aos posibles usos. Así mesmo, deberán coñecer e poñer en práctica as medidas recollidas no Código galego de boas prácticas agrarias, de cara a un aproveitamento das parcelas máis respectuoso co ambiente.

2. Dado que unha boa parte da superficie obxecto de concentración ten a condición de terreo de uso forestal (dedicada na actualidade a repoboacións de piñeiro e eucalipto), ademais de cumprir en todo momento coa normativa vixente en materia forestal -en sentido amplo-, teranse en conta as seguintes medidas:

O deseño das repoboacións procurará evitar a continuidade de masas monoespecíficas de eucalipto ou piñeiro para impedir unha doada propagación de incendios forestais. En concreto, non se realizarán plantacións de eucalipto nas bandas de protección dos cursos fluviais, nin tampouco en zonas con pendente superior ao 40%. Tamén se desaconsellan as plantacións de piñeiros nas ditas bandas.

Respectaranse as distancias mínimas establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, e tomaranse as medidas necesarias para manter as faixas de especial protección. Aproveitarase o proceso de concentración para deseñar e executar, na medida do posible, as ditas faixas, especialmente no referente ao núcleo rural principal e na banda de 50 metros arredor dos primeiros predios destinados a uso agrario. Non se poderán realizar repoboacións forestais en solo urbano e núcleos rurais, nin en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pasteiros, con independencia da súa cualificación urbanística. Só se poderán realizar repoboacións con frondosas autóctonas en zonas agrícolas cando estean recollidas nun plan de ordenación de cultivos e forestal, sempre e cando non interfiran no desenvolvemento agrario da zona.

Levaranse a cabo boas prácticas forestais que incluirán, sen prexuízo doutras, as seguintes:

Promoveranse as masas mixtas de frondosas autóctonas ou, cando menos, a aparición de frondosas acompañantes á especie principal. Fomentarase a conservación de mouteiras maduras e, sempre que non supoña risco de pragas, o mantemento de árbores mortas.

As especies arbóreas empregadas deberán ser as máis adecuadas á estación forestal e o material reprodutivo terá identificada a súa procedencia, utilizando material selecto sempre que sexa posible. Levarase a cabo unha vixilancia do adecuado desenvolvemento das plantacións efectuadas.

Recoméndase que as superficies forestais incluídas no ámbito da concentración conten cun instrumento de xestión que cumpra coa lexislacion vixente.

Durante as cortas evitaranse danos nas frondosas autóctonas que non sexan obxecto de aproveitamento. Ao remate da corta procederase á limpeza dos residuos forestais.

Fomentarase a función recreativa e social das zonas forestais máis próximas aos núcleos rurais.

Procuraranse evitar as queimas controladas.

Minimizaranse os impactos paisaxísticos racionalizando as superficies de corta e deixando pequenas mouteiras maduras que interrompan a uniformidade da corta.

3. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que, como mínimo, inclúa:

Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística efectuados, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, poboación reprodutora de Circus pygargus tras o proceso de concentración, estado da rede de camiños de concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se adoptasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra, tanto as que figuran no estudo ambiental como as establecidas nesta DIA.

Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, referida a todos os seus elementos, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

De ser o caso, incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realicen en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2008.

Joaquín Lucas Buergo del Río, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Resumo da actuación e das características da zona

de concentración

Preténdese levar a cabo un proceso de concentración parcelaria na parroquia de Benza, pertencente ao concello de Trazo (A Coruña), co obxecto de establecer unha reordenación da propiedade coas dimensións suficientes e as infraestruturas adecuadas para mellorar a capacidade produtiva dos terreos e aumentar así a súa rendibilidade económica. Os límites da zona que se concentrará abranguen unha superficie dunhas 1.105 hectáreas.

O proceso desenvolverase en tres fases: formulación, execución e explotación. As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son a execución da rede de camiños de concentración parcelaria e o acondicionamento dos predios de substitución.

A rede hidrográfica da zona que se concentrará pertence á bacía do río Tambre, sendo os cursos máis destacados o río de Benza (ou de Restande), que cruza a parroquia de norte a sur, e o de Chonia, que discorre polo sueste. No tocante aos usos do solo e unidades de vexetación, a zona de concentración comprende terreos ocupados por cultivos, pasteiros e prados de sega, repoboacións de piñeiro e eucalipto, algunhas masas máis ou menos extensas de carballo (e outras especies acompañantes) en contacto coas repoboacións, e vexetación de ribeira asociada ás marxes dos cursos fluviais que discorren pola zona. Con moita menor extensión, atópanse zonas cubertas por matogueira/monte baixo.

ANEXO II

Resumo das medidas preventivas e correctoras propostas

no estudo de impacto ambiental

Na epígrafe de medidas de integración ambiental do estudo de impacto ambiental inclúense unha serie de medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias agrupadas baixo as seguintes epígrafes:

Zonas e elementos para preservar.

Alternativas para a protección de enclaves de interese ambiental.

Directrices para a configuración dos novos predios de substitución.

Deseño do trazado da nova rede viaria.

Trazado de camiños en zonas sensibles desde o punto de vista ambiental:

Trazado de camiños por áreas arborizadas de interese.

Trazado de camiños próximos a cursos de auga.

Control da erosión pola apertura de camiños e polo acondicionamento dos predios.

Trazado de camiños en pendente.

Construción de balsas de decantación e barreiras contra sedimentos.

Medidas de carácter xeral durante a fase de obras.

Medidas sobre o parque de maquinaria.

Medidas sobre os movementos de terras.

Medidas sobre áreas de préstamo e restauración de canteiras.

Seguranza e saúde dos traballadores.

Seguranza e saúde da poboación.

Actuacións en áreas de ribeira.

Fomento de costumes agrarias tradicionais con alto valor paisaxístico e cultural.

Medidas respecto á corta de material vexetal.

Prevención de incendios forestais.

Protección da fauna.

Medidas para minimizar a contaminación acústica.

Medidas sobre xacementos arqueolóxicos.

Medidas para protexer a riqueza toponímica.

Accións xenéricas de formación ambiental.

Programa de vixilancia ambiental.