DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 11 de febreiro de 2009 Páx. 2.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 5 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia e do seu Consello Regulador e se nomea o Consello Regulador Provisional.

Cos estudos e documentación técnica e histórica pertinentes, o expediente para a tramitación da solicitude de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas correspondente á IXP Castaña de Galicia foi transmitido aos servizos da Comisión Europea.

O Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, establece no seu artigo 4 que, unha vez remitido o expediente á Comisión Europea, por orde do titular da consellería competente segundo a natureza do produto, se aprobará o Regulamento da denominación e do seu consello regulador, que será publicado no DOG, co fin de acadar a protección nacional transitoria a que se refire o artigo 5.6º do Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo.

Igualmente, segundo o citado decreto, a dita orde recollerá tamén o nomeamento, de acordo coas propostas do sector, dos membros do Pleno do Consello Regulador, que terá carácter provisorio e estará encargado da posta en marcha da denominación ata a celebración do proceso electoral polo que se constitúa un novo órgano de xestión.

Por outra parte, o Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario, de posterior publicación, establece no seu artigo 12 a posibilidade da concesión dunha protección nacional transitoria a partir da data de transmisión da solicitude de rexistro á Comisión Europea, procedendo para iso á publicación do prego de condicións do produto no BOE.

Polo exposto, conforme as dúas normas sinaladas, resulta necesario publicar no DOG o regulamento da denominación, que figura como anexo desta orde, e publicar o seu prego de condicións no BOE.

Na súa virtude, por proposta do sector, tendo en conta as consideracións expostas e o disposto no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia e do seu Consello Regulador que figura como anexo a esta disposición, co fin de dar cumprimento ao establecido no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, para acadar a protección nacional transitoria establecida no artigo 5.6º do R (CE) 510/2006, unha vez que a solicitude de rexistro foi transmitida á Comisión Europea.

Artigo 2º

Noméase, por proposta do sector, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, con carácter provisorio ata que se celebren eleccións na forma determinada na normativa vixente.

Queda formado polos membros seguintes:

Presidente:

Vogais polo sector produtor:

-Guillermo Lago Pérez.

-Juan José Estévez Fernández.

-María Páez Pérez.

-Alberto Vázquez Rodríguez.

-Xosé Manuel Guerra Nieves.

-Mónica Vázquez Blanco.

Vogais polo sector industrial de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco:

-José Domingo Gómez Fidalgo.

-Francisco Barredo González.

-Juan Pedro Fernández López.

Vogais polo sector industrial de industrias de procesado:

-Maite González Estévez.

-Miguel Ángel Areán González.

-José Domingo Posada González.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Conforme o establecido no artigo 12 do Real decreto 1069/2007, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario, remitirase ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño o prego de condicións da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, para proceder á súa publicación no BOE e acadar a protección transitoria no territorio do Estado.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as normas precisas para o desenvolvemento do establecido nesta orde.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida Castaña

de Galicia e do seu Consello Regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparadas coa indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia as castañas que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, procesamento, envasamento, e comercialización todos os requisitos exixidos por este, polo prego de condicións comunicado á Unión Europea e pola lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

A indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; neste regulamento e demais normativa concordante.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade do produto amparado quedan encomendados ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión das Comunidades Europeas, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. O órgano de control e certificación para os produtos da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia será o Instituto Galego da Calidade Alimentaria, de acordo co disposto no artigo 15.1º c) da Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 66 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 4º.-Manual de Calidade.

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do consello regulador, o Programa de Control, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, que serán integrados no Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas, en diante Manual de Calidade.

Capítulo II

Produción

Artigo 5º.-Zona de produción.

1. O ámbito xeográfico de produción da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia comprende a área do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopa delimitada ao oeste pola Dorsal Galega e pola Serra do Xistral cara ao norte.

2. Desde o punto de vista administrativo, a zona de cultivo e recolección abrangue:

-Provincia da Coruña: a Comarca da Terra de Melide, e os concellos de Arzúa e Boimorto (comarca de Arzúa).

-O conxunto da provincia de Lugo, a excepción dos concellos do Vicedo, Viveiro, Xove e Cervo (comarca da Mariña Occidental), Burela e Foz (comarca da Mariña Central) e Barreiros e Ribadeo (comarca da Mariña Oriental).

-A totalidade dos concellos da provincia de Ourense.

-Provincia de Pontevedra: as comarcas do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes, os concellos de Cotobade, A Lama e Campo Lameiro (comarca de Pontevedra) e o concello de Cuntis (comarca de Caldas).

3. A demarcación da dita área de produción responde a unhas condicións pluviométricas, térmicas, ombrotérmicas, hipsométricas e de solos óptimas para o cultivo de castaña de calidade.

Artigo 6º.-Cultivo.

1. O sistema tradicional de aproveitamento do castiñeiro en Galicia foron os soutos, plantacións formadas por árbores de igual ou similar idade ás que se aplican as mesmas prácticas culturais. Porén, a castaña acollida á IXP Castaña de Galicia poderá cultivarse tamén en plantacións regulares de nova implantación.

2. Os principais coidados culturais do castiñeiro de froito refírense á poda, ao enxerto, ao laboreo do solo, a fertilización, a rega e a recolección, que se describen nos seguintes artigos.

Artigo 7º.-Poda.

As formas de poda empregadas son dúas: en vaso e en eixo central.

Na poda en vaso córtanse todas as ramas que aparecen nos dous terzos inferiores do tronco. Escóllense tres ramas que estean preto unhas doutras e que formen entre elas un ángulo de 120º, para deixalas medrar libremente, sen máis control que os aclarados e conseguir con isto que a luz entre ben na copa. Esta operación farase, segundo os casos, cada 2 a 5 anos, mentres que as renovacións de copa se farán ao cabo de 15 a 20 anos.

Na poda en eixo central non se tallan as ramas, deixando que enramen libremente. Como moito límpase o tronco ata unha altura que pode chegar aos 3 metros, sen máis coidados que os aclarados e a renovación das copas.

Artigo 8º.-Enxerto.

No establecemento de plantacións ou no rexuvenecemento das xa existentes, as árbores que as compoñen deben enxertarse con variedades que produzan castañas de calidade e procedentes dos distintos cultivares autóctonos galegos de castiñeiro.

Artigo 9º.-Labor do solo.

1. Nas plantacións onde a topografía e os marcos de plantación o permitan, realizarase, unha ou dúas veces ao ano, un labor de solo (gradadura) moi superficialmente (4-8 cm) para non danar as raíces superiores do castiñeiro, e tendo a precaución de deixar un espazo dun metro aproximadamente arredor do tronco, para non danar o colo da raíz, que é unha zona moi sensible nesta especie.

2. Naquelas plantacións onde a topografía ou os marcos de plantación non permiten o laboreo, eliminarase a vexetación que polo seu tamaño ou capacidade invasiva non interesa que se desenvolva en exceso.

Artigo 10º.-Fertilización.

1. No momento da plantación farase unha fertilización de arranque, que adicionalmente se poderá continuar ou manter durante varios anos co fin de aumentar a velocidade de instalación da planta no terreo.

2. Ademais do fertilizado de fondo ou de arranque, convén realizar fertilizados de mantemento anuais co fin de asegurar a produción e mellorar a calidade desta.

3. A fertilización de mantemento será a axeitada de cara a manter o equilibrio e os niveis de nutrientes no solo e na planta. Para a súa dosificación teranse en conta o nivel de fertilidade do solo, as extraccións previstas e o estado nutricional da plantación.

Artigo 11º.-Rega.

Nas condicións climáticas e edáficas da área de produción non é habitual a achega de auga, agás nos primeiros estadíos da plantación. Poderá recorrerse á rega no caso de que as precipitacións estivais non alcancen os 150 mm, aplicándose, de ser o caso, no momento de máximo crecemento dos froitos co obxecto de garantir un axeitado desenvolvemento destes.

Artigo 12º.-Recolección.

1. A recolección comezará normalmente a finais de setembro ou primeiros de outubro e durará aproximadamente un mes, todo iso dependendo das distintas variedades de castiñeiro e da localización da parcela.

2. As castañas amparadas pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia recolleranse coa dilixencia necesaria para asegurar a súa calidade, tras a súa caída natural da árbore, e introduciranse in situ en recipientes que permitan unha axeitada ventilación, os cales deberán levar unha etiqueta identificativa na que se fará constar, cando menos, a data e o lugar de recolección.

3. O transporte ao almacén ou industria farase en vehículos adecuados e sen mesturar con outros produtos non amparados pola indicación xeográfica protexida.

Capítulo III

Procesado, envasamento e comercialización

Artigo 13º.-Almacenaxe e procesado.

1. As castañas que non se dirixan tras a súa recolección ás instalacións dos almacenistas en fresco ou industrias de procesado, deberán ser almacenadas nos almacéns propios dos produtores ou dos operadores-comercializadores, en locais con condicións axeitadas.

2. Na industria, as castañas someteranse aos seguintes tratamentos:

-Recepción, limpeza, precalibraxe e selección.

-Almacenamento, que se realizará en locais limpos, secos e con suficiente ventilación natural ou con ambiente controlado.

3. En función das diferentes formas de presentación, os procesos a que se someten as castañas son:

-En fresco: desinfección, seguindo métodos legalmente autorizados, cepilladura, calibradura, selección, acondicionamento e envasamento.

-Conxeladas: previamente á conxelación, procederase ao pelado e posterior lavado da castaña, mediante a estonadura ao lume ou estonadura ao vapor. A conxelación efectúase por contacto directo con nitróxeno líquido ou neve carbónica, ou aplicando correntes forzadas de aire. Finalizado o proceso de conxelación, o produto introducirase no envase e almacenarase en cámaras frigoríficas para produtos conxelados.

Artigo 14º.-Envasamento e comercialización.

1. As castañas amparadas pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia comercializaranse en envases de materiais para uso alimentario autorizados pola lexislación alimentaria vixente e recollidos no Manual de Calidade. As castañas deberán ser comercializadas en lotes homoxéneos.

2. Tanto para a comercialización en fresco como conxelada, os pesos admitidos serán de 500 g, 1 kg, 2,5 kg, 5 kg, 10 kg, 15 kg, 20 kg e 25 kg. No Manual de Calidade poderá autorizarse o uso doutros formatos sempre que non se comprometa a calidade do produto.

3. Os envases utilizados deberán ser novos, limpos e de materiais axeitados para favorecer unha correcta conservación e transporte do produto. Sobre os ditos envases irá a contraetiqueta de garantía que servirá para a certificación do produto.

Capítulo IV

Características do produto e formas de presentación

Artigo 15º.-Características do produto.

1. A indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia resérvase aos froitos obtidos a partir dos cultivares autóctonos galegos do castiñeiro europeo (Castanea sativa, Mill.) destinados ao consumo humano e comercializados en fresco ou conxelado.

2. As castañas amparadas pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia deberán estar cultivadas e procesadas, segundo o establecido neste regulamento, no prego de condicións e normas complementarias de aplicación.

3. As principais características xerais da castaña galega son:

-Pericarpio fino, de cor marrón clara e brillante.

-Epispermo (membrana) fino que penetra lixeiramente na semente e que se separa facilmente ao pelar a castaña.

-Sabor doce e textura firme non fariñenta.

-Humidade: unha vez colleitado, o froito terá entre o 50 e o 60% de humidade.

-En xeral, o número de froitos por ourizo será igual ou inferior a 3.

-Porcentaxe media de carbohidratos do 59,5% (medido sobre materia seca).

-Moi baixas porcentaxes medias de raxado (4,5%) e tabicado (2,1%).

4. As características exixibles á Castaña de Galicia amparada pola indicación xeográfica, unha vez colleitada, serán as seguintes:

-Humidade mínima do 50% e máxima do 60%.

-Porcentaxe máxima de froitos tabicados: 12%.

-Porcentaxe mínima de carbohidratos: 55%.

-Número máximo de froitos por quilogramo non superior a 120 no caso de produto para fresco e 200 no caso de produto conxelado.

En cada envase de castañas indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia admitirase un máximo dun 5% de froitos que non cumpran as especificacións.

Artigo 16º.-Presentacións comerciais.

As presentacións comerciais das castañas da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia serán en fresco ou conxeladas.

En ambos os casos as castañas deberán presentarse enteiras, sans, limpas, sen xerminar e exentas de sabores ou olores estraños.

Capítulo V

Control e certificación do produto

Artigo 17º.-Autocontrol.

Os controis de calidade e trazabilidade sobre o produto serán responsabilidade, en primeira instancia, dos distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a trazabilidade do produto como o cumprimento das especificacións deste regulamento e do Manual de Calidade.

Artigo 18º.-Control e certificación polo Ingacal.

1. O Ingacal realizará o control e certificación das castañas acollidas á indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, instalacións e os produtos, estarán sometidas ao control levado a cabo polo Ingacal co obxecto de verificar que os produtos que teñan a indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, cumpren os requisitos deste regulamento e demais normas de aplicación.

3. Os controis basearanse en inspeccións das plantacións, almacéns e industrias, revisión de documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos e físico-químicos descritos neste regulamento. Poderá procederse ademais á realización de análises multirresiduos coa finalidade de comprobar que os valores obtidos de praguicidas se atopan por debaixo dos Límites Máximos de Residuos (LMR) fixados pola lexislación vixente para o cultivo recolleitado.

4. O proceso de control e certificación implicará a toma de mostras aleatoria do produto, que se someterán a análises das súas características físicas e fisico-químicas. O órgano de control, á vista do resultado das análises así como dos demais datos relativos ao produto, resolverá o que proceda en relación coa certificación.

5. No Manual de Calidade recolleranse as normas que permitan o perfecto control das castañas, e mesmo tamén das partidas defectuosas ou non certificadas, garantindo a orixe e calidade do produto amparado pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia.

6. As industrias que manipulen ou elaboren outros produtos distintos das castañas acollidas á indicación xeográfica protexida, farano constar expresamente no momento da súa inscrición, garantirán en todo momento a efectiva separación da castaña con IXP do resto das producións e someteranse ás inspeccións que se establezan para controlar estes produtos e garantir en todo caso a orixe e calidade dos produtos amparados pola indicación xeográfica.

7. As castañas amparadas pola indicación xeográfica protexida con destino ao consumo levarán unha contraetiqueta numerada que será controlada polo Ingacal, de acordo coas normas establecidas no Manual de Calidade. O dito distintivo será colocado, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

Artigo 19º.-Produto non certificable.

1. No caso de que se constatase calquera tipo de incumprimento nas características das castañas, ou que na súa produción, acondicionamento ou conservación non se cumprisen os preceptos deste regulamento, do Manual de Calidade e das demais disposicións legais que lles afecten, as castañas non serán certificadas. Neste caso, o órgano de control poderá levantar unha non conformidade, que será comunicada ao interesado para que a corrixa no prazo que se estableza. Antes da finalización dese prazo, o interesado deberá comunicar ao órgano de control as medidas correctoras adoptadas. Sen prexuízo do anterior, cando as irregularidades detectadas así o aconsellen, o órgano de control poderá suspender temporalmente a certificación ata que a empresa adopte as medidas correctoras necesarias, sen que esta suspensión teña carácter de sanción.

2. Cando as irregularidades detectadas polo órgano de control poidan ser constitutivas de infracción, este dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

3. As castañas que o órgano de control non considere aptas para ser amparadas, ademais de perderen o dereito ao uso da denominación, deberán permanecer inmobilizadas e perfectamente identificadas, baixo a súa supervisión. O órgano de control vixiará en todo momento o destino desas castañas que, en ningún caso, poderán ser protexidas coa indicación xeográfica.

4. As castañas a que se refire a alínea 3 anterior, poderán ser utilizadas para obter outros produtos ou para consumo directo se a alteración ou defecto non constitúe perigo para o consumo, pero empregando outras marcas ou distintivos, sen o amparo da indicación xeográfica.

Artigo 20º.-Control dos volumes de produción.

O órgano de control verificará en cada campaña as cantidades de castaña certificada pola indicación xeográfica que foron expedidas ao mercado por cada firma inscrita nos rexistros de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco e de industrias de procesamento, para comprobar que é correcta a súa relación coas cantidades adquiridas aos produtores censados no rexistro de plantacións e a outras firmas inscritas. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos das parcelas inscritas.

Artigo 21º.-Declaracións para o control.

Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, recolleita, almacenaxe, envasamento, transformación e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade do produto certificado pola indicación xeográfica, as persoas físicas ou xurídicas titulares das plantacións e das instalacións de almacenaxe e procesado estarán obrigadas a cumprir as seguintes formalidades:

a) Todos os titulares de plantacións de castañas susceptibles de ser amparadas pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, presentarán ao órgano de control, ao final de cada campaña, unha declaración cos seguintes datos:

-Quilogramos de castañas recollidas en cada parcela inscrita.

-Destino das castañas e, no caso de venda, o nome do comprador.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

b) Todas as firmas que teñan instalacións inscritas para almacenaxe e/ou envasamento levarán un rexistro de control, segundo modelo adoptado no Manual de Calidade, no que figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia das castañas adquiridas.

-Destino das castañas e nome do comprador, con indicación, no caso de ser envasadas con destino ao mercado, das cantidades comercializadas por tipo de envase.

-Calquera outro dato que o órgano de control poida considerar necesario.

Así mesmo, ao final de cada campaña, presentarán ao órgano de control unha declaración onde se reflictan os datos da campaña, sendo suficiente con fotocopia cotexada dos asentos que figuren no mencionado rexistro.

c) Todas as firmas titulares de industrias de procesamento inscritas no correspondente rexistro levarán un rexistro de control, segundo modelo adoptado no Manual de Calidade, no que figurarán, diariamente e durante a campaña, os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia das castañas adquiridas.

-Destino das castañas (para consumo en fresco, para conxelación ou para outras transformacións) e cantidade.

-Calquera outro dato que o órgano de control poida considerar necesario.

Artigo 22º.-Circulación do produto.

Toda expedición de produto con dereito a protección que se realice entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada dun volante de circulación expedido polo órgano de control, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Capítulo VI

Rexistros

Artigo 23º.-Rexistros do Consello Regulador.

O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de produtores e plantacións.

b) Rexistro de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco.

c) Rexistro de industrias de procesado.

Artigo 24º.-Rexistro de produtores e plantacións.

1. Neste rexistro inscribiranse todas as plantacións situadas dentro da zona de produción que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de Calidade, queiran destinar a súa produción á comercialización de castañas amparadas pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia.

2. Na inscrición figurará:

-Nome do propietario (persoa física ou xurídica) e, de ser o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestionar a plantación.

-Relación das parcelas nas que estea prevista a produción de castaña susceptible de ser amparada pola indicación xeográfica, identificadas mediante as súas respectivas referencias no Sistema de Información Xeográfica da Política Agraria Común, SIXPAC, con indicación do marco de plantación no caso das plantacións regulares e do número de pés produtivos no caso de plantacións non regulares.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas inscritas.

Artigo 25º.-Rexistro de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco.

1. Neste rexistro inscribiranse todas aquelas instalacións que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de Calidade, se dediquen á almacenaxe e comercialización en fresco de castaña que poida ser amparada pola indicación xeográfica protexida.

2. Na inscrición figurará:

-Nome ou razón social da persoa física ou xurídica titular das instalacións.

-Enderezo ou domicilio social.

-Localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

-Capacidade de almacenaxe e, de ser o caso, de envasamento.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións inscritas.

-No caso de sociedades, exixirase inscrición rexistral e o nome do xerente ou responsable.

-Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións, farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

3. Tamén se xuntará copia de:

-Inscrición no rexistro de industrias agrarias.

-Inscrición no rexistro sanitario ou autorización sanitaria de funcionamento.

-Acreditación de calquera outro requisito establecido pola lexislación vixente.

Artigo 26º.-Rexistro de instalacións de procesamento.

1. Neste rexistro inscribiranse todas aquelas instalacións que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de Calidade, se dediquen ao procesamento de castaña que poida ser amparada pola indicación xeográfica protexida ou á que lle sexa aplicable o establecido no artigo 33º.3.

2. Na inscrición figurará:

-Nome ou razón social da persoa física ou xurídica titular das instalacións.

-Enderezo ou domicilio social.

-Localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

-Capacidade de procesamento.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións inscritas.

-No caso de sociedades, exixirase inscrición rexistral e o nome do xerente ou responsable.

-Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións, farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

3. Tamén se xuntará copia de:

-Inscrición no rexistro de industrias agrarias.

-Inscrición no rexistro sanitario ou autorización sanitaria de funcionamento.

-Acreditación de calquera outro requisito establecido pola lexislación vixente.

Artigo 27º.-Procedemento para a inscrición nos rexistros.

1. As peticións de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentos e comprobantes que en cada caso sexan requiridos, segundo as disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que se establezan no Manual de Calidade.

2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao órgano de control e certificación para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, tras o informe favorable do órgano de control e certificación, o Consello Regulador entregaralle ao interesado un certificado acreditativo da inscrición indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. De acordo co establecido na alínea 5ª do artigo 8 do Decreto 4/2007, o órgano de control e certificación denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal lle será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderase interpor recurso de alzada perante a consellería competente en materia de agricultura.

5. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueloutros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente e, particularmente, no rexistro de industrias agrarias, de proceder, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 28º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir, en todo momento, cos requisitos impostos polas normas da indicación xeográfica e demais normativa de aplicación, debendo comunicarse calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición. O Consello Regulador poderá suspender provisional ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se axustasen a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. As inscricións nos rexistros renovaranse cada catro anos no caso dos produtores e cada dous anos no caso dos operadores-comercializadores e almacenistas en fresco e das industrias de procesado. O órgano de control e certificación fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

Artigo 29º.-Baixa nos rexistros.

1. A baixa nos rexistros pode ser voluntaria ou consecuencia da incoación e resolución dun expediente. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un ano para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Quen sexa dado de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

Capítulo VII

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 30º.-Dereito ao uso da denominación.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas plantacións e almacéns e instalacións nos rexistros indicados no artigo 23º poderán destinar a súa produción a ser amparada pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia.

2. Unicamente as castañas que se obteñan de acordo coas condicións establecidas neste regulamento e no Manual de Calidade, nas plantacións inscritas no correspondente rexistro, poderán ser amparadas pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia.

3. Do mesmo xeito, só poderán obter o amparo da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia as castañas almacenadas e procesadas nos almacéns e instalacións de procesamento inscritos nos rexistros do Consello regulador.

4. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintos e etiquetas é exclusivo das firmas inscritas nos diferentes rexistros do Consello Regulador e baixo a aprobación deste. Non obstante, autorízase a que nos envases de castañas procesadas se indique que están elaborados con castañas amparadas pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia cando a materia prima estea controlada polo Instituto Galego de Calidade Alimentaria e se cumpran as condicións deste regulamento e as que para o efecto se establezan no Manual de Calidade.

Artigo 31º.-Obrigas xerais.

1. Polo simple feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto neste regulamento, así como no Manual de Calidade. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de agricultura, o Consello Regulador e o órgano de control.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.

3. As persoas físicas e quen represente a persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador, están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 42º.4 deste regulamento, o incumprimento do indicado nos parágrafos 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata un ano nos dereitos do inscrito ou a baixa, tras a decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser recorrida perante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 32º.-Marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador de marcas, nomes comerciais e razóns sociais, axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Ademais, de conformidade co disposto no parágrafo 6º do artigo 9 da Lei 2/2005, e no parágrafo 3º do artigo 12 do Decreto 4/2007, as marcas comerciais que se utilicen en produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, non poderán ser utilizadas noutras castañas que non estean acollidas á súa protección.

Artigo 33º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Nas etiquetas comerciais das castañas amparadas, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de xeito destacado a mención: indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, en galego ou en castelán e, optativamente, o seu logotipo, ademais dos datos que, con carácter xeral, se determinan na lexislación vixente.

3. Nas etiquetas de produtos transformados poderá indicarse que as castañas empregadas na súa elaboración proceden da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, sempre que a materia prima cumpra os requisitos deste regulamento e os que para o efecto se establezan no Manual de Calidade.

Artigo 34º.-Logotipo da denominación.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia adoptará como logotipo o que figura no anexo deste regulamento.

2. No exterior dos locais das empresas inscritas nos rexistros de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco e de instalacións de procesamento, nun lugar destacado deberá figurar unha placa onde se reproduza o logotipo da denominación, de acordo co que se estableza no Manual de Calidade.

3. Os establecementos de venda polo miúdo e os da restauración que comercialicen produto da indicación xeográfica, poderán utilizar o seu logotipo para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor.

Capítulo VIII

O Consello Regulador

Artigo 35º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia constitúese como corporación de dereito público, á que se atribúe a xestión da denominación, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos produtos protexidos pola indicación xeográfica, en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, procesamento, envasadura, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 36º.-Órganos de goberno do Consello Regulador.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o Pleno, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Comisión Permanente.

Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 37º.-O Pleno. Composición e funcións.

1. O Pleno está constituído por:

-Seis vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de plantacións inscritas no rexistro correspondente.

-Tres vogais en representación do sector de operadores-comercializadores e almacenistas en fresco, elixidos democraticamente por e entre os titulares inscritos no rexistro correspondente.

-Tres vogais en representación do sector de industrias de procesamento, elixidos democraticamente por e entre os titulares inscritos no rexistro correspondente.

2. O número de vogais que se van elixir e a súa repartición entre os distintos censos e subcensos poderase alterar na correspondente orde de convocatoria electoral co fin de adecuar a composición do Pleno á realidade cambiante da denominación e ás exixencias dunha axeitada representación dos intereses económicos e sociais contidas no Decreto 4/2007, do 18 de febreiro. Para incluír esta modificación na orde de convocatoria electoral, será necesario o voto favorable das tres quintas partes do Pleno.

3. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario do Consello Regulador.

4. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

5. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 38º.-A Presidencia.

1. A presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros, sendo necesaria, na primeira votación, o apoio de máis da metade destes.

2. O presidente ou presidenta non ten por que ter a condición previa de vogal. No caso de que así fose, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da presidencia así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 39º.-A Vicepresidencia.

1. O Consello Regulador terá unha Vicepresidencia elixida por e entre os vogais.

2. A persoa que exerza a Vicepresidencia, substituirá o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. A Vicepresidencia exercerá, ademais, aquelas funcións que lles sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 40º.-A Comisión Permanente.

A Comisión Permanente estará formada pola Presidencia, a Vicepresidencia e polo vogal ou vogais que decida o Pleno.

O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son os cometidos específicos que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a Comisión Permanente seranlle comunicadas ao Pleno na primeira reunión que este celebre.

Artigo 41º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Tamén poderá asinar convenios de colaboración co Ingacal para que este lle preste os servizos que libremente acorden en relación coas funcións e actividades do Consello Regulador.

2. O Consello Regulador contará cun secretario, designado polo Pleno, que terá como cometidos específicos os sinalados na alínea 2ª do artigo 28 do citado Decreto 4/2007. O dito secretario poderá pertencer ao cadro de persoal do consello ou estar adscrito ao do Ingacal.

Capítulo IX

Réxime económico

Artigo 42º.-Recursos económicos.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria, así como no seu regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Conforme coa citada normativa, establécense neste regulamento as clases de cotas que deberán aboar as persoas inscritas e os seus importes máximos:

-Cota de inscrición: de ata 100 euros. Satisfarase unha vez, no momento da alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación rexistral: ata 100 euros. Pagarase con periodicidade cuadrienal no caso dos titulares de plantacións e bianual no caso de persoas titulares de instalacións inscritas nos outros rexistros, coincidindo coa renovación de datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

-Cota en función da actividade da persoa inscrita na indicación xeográfica, que será proporcional ao valor da súa produción. Esta cota poderá chegar ata o 2% do valor do produto controlado.

3. Anualmente o Pleno do Consello Regulador fixará o importe das cotas e o prazo para o pagamento de cada unha delas. No caso de non se satisfacer o pagamento no prazo voluntario, o Consello Regulador poderá exixir o pagamento da cota cunha recarga de ata o 30% no prazo adicional que se estableza. No caso de que no devandito prazo adicional non se realizase o pagamento, a persoa inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano a persoa inscrita non liquidase a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo cos artigos 29º e 31º.

Capítulo X

Réxime electoral

Artigo 43º.-Réxime electoral do Consello Regulador.

O réxime electoral do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia é o contido nas seccións primeira e segunda do capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo XI

Réxime sancionador

Artigo 44º.-Base legal do réxime sancionador.

1. O réxime sancionador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria de Galicia.

2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, e cantas disposicións estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Ver referencia pdf "02900D006P017.PDF"