DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 13 de febreiro de 2009 Páx. 2.909

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 10 de febreiro de 2009 pola que se modifica e refunde a normativa reguladora da indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense.

Por Orde do 15 de xullo de 1987, da entón Consellería de Agricultura, aprobáronse as condicións que deberían cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra Val do Miño-Ourense os viños elaborados nesa comarca vitivinícola.

Posteriormente, con data do 28 de abril de 2008, aprobouse a orde da Consellería do Medio Rural pola que se modificou a anterior. A dita modificación afectou basicamente aos aspectos relacionados coas obrigas dos viticultores e adegueiros e co sistema de control e certificación da produción.

Por outra parte, tras diversas peticións de persoas e organizacións interesadas na ampliación da área xeográfica delimitada, os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural informaron favorablemente a dita ampliación a distintas parroquias situadas no contorno da área actualmente definida e na súa prolongación cara ao sur nos límites co territorio da denominación de orixe Ribeiro. A aprobación desta ampliación obrigaría a modificar novamente a citada orde de 1987.

Porén, por seguranza xurídica e para facilitar a comprensión das normas aos interesados, parece aconsellable aprobar un novo texto onde se recollan actualizadas e organizadas de xeito coherente, todas as especificacións relativas á produción, elaboración e comercialización do viño acollido ou que pretenda acollerse á indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense. Esta refundición normativa tamén serve para actualizar as referencias ao marco legal vixente na materia, adecuar o texto ao dito marco e solucionar determinadas discrepancias que existían na delimitación da área desta indicación xeográfica entre a citada Orde do 15 de xullo de 1987 e as sucesivas ordes ministeriais polas que se foron actualizando os anexos correspondentes das ordes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación reguladoras desta materia. Por último, neste novo texto revísanse algúns aspectos e parámetros técnicos que, á luz dos avances das técnicas de produción vitícola e vinícola e das

demandas dos consumidores, quedaran un tanto obsoletos na citada orde do ano 1987.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Capítulo I

O produto

Artigo 1º.-Base legal da protección do produto.

De conformidade co disposto no R (CE) 1493/1999, do Consello, do 17 de maio, polo que se establece a Organización Común do Mercado Vitivinícola; no R (CE) 753/2002, da Comisión, do 29 de abril, que fixa determinadas disposicións de aplicación do dito regulamento; na Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño; e na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; poderán acollerse á denominación Viño da Terra Val do Miño-Ourense os viños producidos dentro desta demarcación xeográfica que, reunindo as características definidas nesta orde, cumpran na súa produción, elaboración e comercialización todos os requisitos exixidos nela e na lexislación vixente que lle sexa de aplicación.

Artigo 2º.-Área de produción.

A zona de produción dos viños acollidos á denominación Viño da Terra Val do Miño-Ourense está composta polas parroquias que se sinalan, pertencentes aos concellos seguintes:

-Amoeiro: as parroquias de Parada de Amoeiro e Trasalba.

-Barbadás: as parroquias de Barbadás, Bentraces, Loiro, Piñor, Sobrado do Bispo e A Valenzá.

-Cartelle: as parroquias de Cartelle, Santo Tomé e Sande.

-Coles: as parroquias da Barra, Coles, Gueral, Gustei, Melias, Ribela e Santo Eusebio da Peroxa.

-Gomesende: as parroquias da Guía, O Pao, Poulo, San Lorenzo de Fustáns e O Val.

-Nogueira de Ramuín: as parroquias de Moura e San Miguel do Campo.

-Ourense: as parroquias de Beiro, Cabeza de Vaca, Canedo, O Castro de Beiro, Ceboliño, Cudeiro, Montealegre, Ourense, Palmés, Rairo, Reza, Santa Mariña do Monte, Santiago das Caldas, Seixalbo, Tras do Hospital, Trasalba, Velle, Vilar de Astrés e Vista Fermosa.

-Padrenda: as parroquias do Condado, Crespos, Desteriz e Padrenda.

-O Pereiro de Aguiar: as parroquias de Calvelle, A Lamela, Melias, Sabadelle, San Xoán de Moreiras, Tibiás e Vilariño.

-A Peroxa: as parroquias de Gueral, A Peroxa e Vilarrubín.

-Pontedeva: as parroquias de Pontedeva e Trado.

-Quintela de Leirado: a parroquia de Quintela de Leirado.

-San Cibrao das Viñas: as parroquias de Noalla, Pazos de San Clodio, Rante, San Cibrao das Viñas, Santa Cruz da Rabeda e Soutopenedo.

-Toén: as parroquias de Moreiras, Mugares, Toén, Trelle e Xestosa.

Artigo 3º.-Variedades de uva e prácticas de cultivo.

1. Para podérense acoller á indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense, os viños terán que ser elaborados cun mínimo do 60% de uva das seguintes variedades consideradas principais:

a) Brancas: Treixadura, Torrontés, Godello, Albariño e Loureira.

b) Tintas: Mencía, Brancellao, Mouratón, Sousón e Caíño.

2. A porcentaxe restante será necesariamente de uva das seguintes variedades, consideradas como complementarias:

a) Brancas: Palomino (Xerez).

b) Tintas: Alacante (Garnacha).

3. As replantacións ou substitucións de viñedos requirirán para a súa autorización seren realizadas coas variedades relacionadas na alínea 1 deste artigo e enxertadas sobre patrón axeitado. Non se permitirá a mestura nunha mesma parcela de variedades tintas e brancas.

4. As prácticas de cultivo serán as tradicionais da comarca, admitíndose a substitución de empalizadas individuais por sistemas de empalizado colectivo.

A produción máxima de uva permitida será de 10.000 kg por ha.

Artigo 4º.-Elaboración e embotellado.

1. Os viños que pretendan ser amparados pola mención Viño da Terra Val do Miño-Ourense deberán ser elaborados e embotellados en instalacións situadas na área xeográfica de produción delimitada e nelas unicamente se elaborarán e embotellarán viños producidos a partir de uvas procedentes da dita área, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria única.

2. A manipulación da uva, o mosto e o viño deberá manterse dentro dos procedementos de elaboración tradicionalmente seguidos para os diferentes tipos de viño, brancos e tintos. Tales procedementos utilizarán, non obstante, a máis moderna tecnoloxía que garanta a calidade dos viños.

3. Os rendementos na extracción non serán, en calquera caso, superiores aos 70 litros de mosto por cada 100 kg de uva.

4. A embotelladura destes viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.

Artigo 5º.-Etiquetaxe.

Nas etiquetas comerciais incluiranse, ademais das mencións obrigatorias que correspondan, a lenda Viño da Terra Val do Miño-Ourense, na súa versión en galego ou en castelán.

As mencións da etiquetaxe presentaranse con caracteres claros, lexibles, indelebles e suficientemente grandes para que destaquen axeitadamente do fondo sobre o que se impriman e para que se poidan distinguir claramente do conxunto das demais indicacións inscritas e grafismos utilizados.

Artigo 6º.-Características dos viños.

1. Os viños que se comercialicen baixo a indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense serán brancos e tintos cun grao alcohólico volumétrico natural mínimo de 9,5 graos.

2. A acidez total, expresada en gramos por litro de ácido tartárico, estará comprendida entre 4,5 e 8,0 g/l. En canto á acidez volátil seguirase o disposto no artigo 5.1º do Real decreto 1126/2003, do 5 de setembro, polo que se establecen as regras xerais de utilización das indicacións xeográficas e da mención tradicional Viño da Terra na designación dos viños.

3. O contido máximo en anhídrido sulfuroso total nos viños dispostos para o consumo será 150 mg/l.

4. Os viños acollidos á denominación Viño da Terra Val do Miño-Ourense deberán estar exentos de defectos e presentar as calidades organolépticas e enolóxicas características dos da área delimitada, especialmente en canto a cor, limpeza, aroma e sabor. Estes viños, de características variables en función das variedades de uva empregadas, son en xeral vivos, equilibrados, lixeiros de corpo, de cor tenue, ricos en aromas primarios, secos, frescos e lixeiramente ácidos.

Capítulo II

Obrigas xerais dos operadores

Artigo 7º.-Obrigas xerais dos viticultores.

Os viticultores que produzan uvas con destino á elaboración de Viño da Terra Val do Miño-Ourense deberán:

a) Ter as viñas legalmente inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia, con indicación de que a produción se pretende amparar baixo a denominación Viño da Terra Val do Miño-Ourense.

b) Presentar a declaración anual de colleita de uva perante o Servizo Provincial do Fogga en Ourense, de acordo co establecido no anexo II do Real decreto 1227/2001, do 8 de novembro, sobre declaracións de existencias, colleita de uva e produción, do sector vitivinícola.

Artigo 8º.-Obrigas xerais dos elaboradores.

Os operadores que elaboren viños que pretendan ser comercializados como Viño da Terra Val do Miño-Ourense deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Ter inscrita a adega de elaboración no Rexistro de Industrias Agrarias da delegación provincial da consellería competente en materia de agricultura en Ourense, sen prexuízo da súa inscrición noutros rexistros nos que fose obrigatorio.

b) Comunicarlle ao órgano de control e certificación a data de recepción da vendima, cunha antelación mínima de sete días, coa finalidade de que poida ser sometida aos controis pertinentes. Así mesmo, tamén se notificará a data de remate da vendima nun prazo de 48 horas.

c) Presentar as declaracións de produción e existencias de cada campaña ante o Servizo Provincial do Fogga en Ourense, nas que se incluirán as anotacións relativas ao Viño de Terra Val do Miño-Ourense, de acordo co modelo establecido no anexo III do Real decreto 1227/2001, do 8 de novembro, sobre declaracións de existencias, colleita de uva e produción, do sector vitivinícola.

d) Presentar ao órgano de control e certificación, antes do 10 de decembro de cada ano, as declaracións de entrada de uva e de produción de viño na campaña, segundo os modelos que figuran nos anexos I e II, respectivamente, desta orde.

e) Ter a disposición da inspección de defensa da calidade alimentaria da consellería competente en materia de agricultura e do órgano de control e certificación, copia dos albarás ou facturas de venda dos produtos amparados pola indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense. Nestes documentos deberán quedar perfectamente identificadas as partidas vendidas por marca e lote, entendendo por lote o conxunto de unidades de venda dunha partida determinada, procesada en circunstancias idénticas.

f) Manter unha axeitada rastrexabilidade do produto, para o que se cumprirán as seguintes obrigas:

-O traslado ás plantas de embotelladura realizarase en envases de máis de 60 litros, xunto co correspondente documento de acompañamento no que conste a certificación da orixe expedida polo órgano de control e certificación.

-Levarase a contabilidade específica para estes viños e os produtos vitivinícolas utilizados na súa elaboración, mediante os correspondentes rexistros de entradas e saídas de graneis, sendo o modelo que se utilizará o que figura no anexo III desta orde, sen prexuízo doutros rexistros de contabilidade a que obrigue a normativa xeral.

Porén, aqueles elaboradores que comercialicen a súa produción e non exceda dos 3.000 litros/campaña, poderán levar a contabilidade mediante anotación no reverso das súas declaracións anuais de produción.

-Faranse as anotacións e cubriranse os libros rexistro de entradas e saídas, dispoñendo de probas suficientes da exactitude de todas as mencións que se refiran á natureza, identidade, calidade, composición e orixe do viño e á procedencia e variedade das uvas empregadas na súa elaboración.

-Diferenciaranse coa lenda Viño da Terra Val do Miño-Ourense, os depósitos que conteñan este tipo de viños, indicando numeración, volume e as indicacións facultativas que se pretendan utilizar na súa comercialización, de acordo co previsto no R(CE)753/2002.

-Remitiranse ao servizo provincial competente en materia de industrias e calidade agroalimentaria en Ourense, copia dos documentos de acompañamento das partidas expedidas, coa certificación de orixe outorgada polo órgano de control e certificación.

-Con carácter xeral, deberase cumprir o disposto na orde da Consellería de Agricultura do 12 de xuño de 1996, pola que se regulan as normas de aplicación aos documentos que acompañan o transporte de produtos vitivinícolas e os rexistros que deben levarse no sector.

Artigo 9º.-Obrigas xerais dos embotelladores.

Os operadores que embotellen viños que pretendan ser comercializados como Viño da Terra Val do Miño-Ourense deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Ter inscrita a adega no rexistro de industrias agrarias e no rexistro de envasadores e embotelladores de viños e bebidas alcohólicas da delegación provincial da consellería competente en materia de agricultura en Ourense, sen prexuízo da súa inscrición noutros rexistros nos que for obrigatorio.

b) Presentar perante o Servizo Provincial do Fogga en Ourense as declaracións de existencias de cada campaña, nas que se incluirán as anotacións correspondentes ao Viño da Terra Val do Miño-Ourense, de acordo co modelo establecido no anexo I do Real decreto 1227/2001, do 8 de novembro, sobre declaracións de existencias, colleita de uva e produción, do sector vitivinícola.

c) Ter a disposición da inspección copias dos albarás ou facturas de venda dos produtos amparados por esta indicación xeográfica.

Nas anteditas copias deberán quedar perfectamente identificadas as partidas vendidas por marca e lote de embotelladura, entendendo por lote o conxunto de unidades de venda dunha partida determinada, embotellada ou envasada en circunstancias idénticas.

d) Manter unha axeitada rastrexabilidade do produto, para o que se cumprirán as seguintes obrigas:

-Levarase a contabilidade específica para estes viños e os produtos vitivinícolas utilizados na súa elaboración, sendo os modelos a utilizar os que figuran no anexo III desta orde.

-Faranse as anotacións e cubrirase o libro rexistro de embotellados sendo o modelo a utilizar o que figura no anexo IV desta orde e, de ser o caso, o de entradas e saídas (anexo III), dispoñendo de probas suficientes da exactitude de todas as mencións que se refiran á natureza, identidade, calidade, composición e orixe do viño e á procedencia e variedade das uvas empregadas na súa elaboración.

-Diferenciaranse coa lenda Viño da Terra Val do Miño-Ourense, os depósitos que conteñan este tipo de viños, indicando numeración, volume e as indicacións facultativas que se pretendan utilizar na súa comercialización, de acordo co R(CE) 753/2002.

-Presentarase perante o servizo provincial competente en materia de industrias e calidade agroalimentaria en Ourense, con anterioridade á súa utilización, para o seu rexistro e verificación do cumprimento da normativa que lle é exixible, o modelo de etiqueta que se pretenda empregar, así como as súas modificacións. O dito servizo, nun prazo de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa presentación, emitirá informe, que será remitido ao interesado e ao órgano de control e certificación.

-Con carácter xeral, deberase cumprir o disposto na orde da Consellería de Agricultura do 12 de xuño de 1996, pola que se regulan as normas de aplicación aos documentos que acompañan o transporte de produtos vitivinícolas e os rexistros que deben levarse no sector.

Capítulo III

Control e certificación

Artigo 10º.-Autocontrol.

A adega comercializadora é responsable de que o viño que poña no mercado baixo a indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense, cumpra coas condicións impostas nas súas normas reguladoras e deberá dispoñer das probas que o acrediten respecto de todas as partidas de viño comercializadas.

Para iso, todos os lotes comercializados (entendendo como tal o viño identificado pola adega que presenta características homoxéneas) deberán ser sometidos ás necesarias análises químicas e organolépticas.

As análises poderán ser feitas cos medios propios da adega sempre que os resultados queden reflectidos nun documento que inclúa a identificación do lote. Este documento estará á disposición do órgano de control e certificación.

Artigo 11º.-Control da orixe e calidade dos viños da terra.

1. O control e certificación do Viño da Terra Val do Miño-Ourense será realizado polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal). Porén, a vixilancia do cumprimento da normativa vixente en materia vitivinícola será realizada polos servizos provinciais competentes en materia de produción, industrias e calidade agroalimentaria.

2. Os operadores que queiran comercializar con destino ao mercado Viño da Terra Val do Miño-Ourense, solicitarán ao órgano de control e certificación, cos impresos indicados no anexo V, as contraetiquetas necesarias para cada partida de viño que pretendan embotellar, as cales serán subministradas unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, sendo o modelo (na súa aplicación en branco e negro) o que figura no anexo VI desta orde.

3. O órgano de control e certificación poderá realizar análises físico-químicas e organolépticas, independentemente das que preceptivamente deberá realizar o operador. Como resultado destas análises o órgano de control e certificación poderá decidir non outorgar as contraetiquetas á partida de viño analizada, sen prexuízo da súa posible comercialización como viño de mesa, se cumpre os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación.

Capítulo IV

Réxime sancionador

Artigo 12º.-Infraccións e sancións.

Todas as actuacións que sexa preciso desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas desta orde; ás da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño; ao Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria; á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ao Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e a cantas disposicións xerais sobre a materia estean vixentes no seu momento.

Disposición transitoria

Única.-O establecido na alínea 1 do artigo 4º non será de aplicación ata o 1 de agosto de 2011 para aquelas adegas que, á data de aprobación desta orde, veñan elaborando viños coa indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango a esta orde no que se opoñan a ela e, en particular, queda derrogada a orde da Consellería de Agricultura do 15 de xullo de 1987 sobre as condicións que terán que cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra Val do Miño-Ourense os caldos elaborados nesa bisbarra, modificada pola orde da Consellería do Medio Rural do 28 de abril de 2008.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "03100D008P017.PDF"

Ver referencia pdf "03100D009P025.PDF"