DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 23 de febreiro de 2009 Páx. 3.780

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 12 de febreiro de 2009 de integración do persoal adscrito ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña) no réxime estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Sen prexuízo da reserva de competencias que a Constitución realiza a favor do Estado no seu artigo 149.1º 16, na materia de sanidade exterior, bases e coordinación xeral da sanidade, a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, asumiu competencias, no artigo 33.1º, en materia de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade e outorga á comunidade autónoma, no artigo 33.4º, a competencia para organizar e administrar os servizos relacionados coas materias expresadas así como o exercicio da tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguranza social.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, configuraba a existencia dunha sanidade integral, principio no que se basea así mesmo a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde. A Lei 8/2008, do 10 de xullo, define o sistema público de saúde de Galicia, como parte integrante do Sistema Nacional de Saúde, como o conxunto de recursos, medios organizativos, actividades, servizos e prestacións públicas que teñen por finalidade a promoción e a protección da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria, a rehabilitación e a reinserción social, todo iso baixo unha perspectiva de asistencia sanitaria integral e funcionalmente articulada. Así mesmo, para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden, configura o Servizo Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, como un organismo autónomo de natureza administrativa dotado de personalidade xurídica de seu e plena capacidade para o

cumprimento dos seus fins.

En virtude do anterior, o convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia para a execución do protocolo subscrito para regular o uso compartido civil e militar do Hospital Básico da Defensa en Ferrol, asinado polo presidente da Xunta de Galicia e o Ministerio de Defensa permitiu ampliar a capacidade do servizo público sanitario na área de Ferrol e establece, para tal fin, que mediante real decreto sería efectuado o traspaso á Xunta de Galicia do persoal civil do citado hospital, o cal foi acordado en sesión da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia celebrada o 23 de xuño de 2008.

En virtude do anterior, o Real decreto 1081/2008, do 30 de xuño, dispón o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña), asumidos en virtude de Decreto 156/2008 e adscritos ao Servizo Galego de Saúde, pasan a integrarse na área de xestión da Área sanitaria de Ferrol, que co seu vínculo de orixe, funcionario ou laboral segundo o caso, pasan a convivir co persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde na citada área.

A experiencia amosa que a convivencia de persoal suxeito a diversos réximes xurídicos ocasiona non poucas dificultades na xestión e organización do traballo, problema que resulta máis urxente en organizacións complexas como as das institucións sanitarias. Por iso, co obxecto de homoxeneizar o réxime xurídico do persoal con vínculo xurídico non estatutario que resultaba adscrito ao Servizo Galego de Saúde, o Decreto 447/1996, do 26 de decembro, regulou as bases do réxime de homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, e do persoal pertencente ao Servizo Galego de Saúde con vínculo funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo. Así as cousas, cabe mencionar como precedente do actual proceso, en execución do citado decreto, a Orde do 4 de decembro de 1998 regulou o proceso de integración no réxime estatutario de determinado

persoal do Hospital Militar da Coruña transferido polo Real decreto 1432/1996, do 7 de xuño.

A disposición adicional quinta da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde dispón que co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal de cada un dos centros, institucións ou servizos de saúde e, co fin de mellorar a eficacia na xestión, as administracións sanitarias públicas poderán establecer procedementos para a integración directa, con carácter voluntario, na condición de persoal estatutario, na categoría e titulación equivalente de quen preste servizo en tales centros, institucións ou servizos coa condición de funcionario de carreira ou en virtude de contrato laboral fixo.

O artigo 108 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, integra no colectivo de empregados públicos da saúde de Galicia o persoal transferido, calquera que sexa o réxime xurídico de dependencia, laboral, funcionario ou estatutario doutras administracións públicas con ocasión do traspaso e/ou asunción das competencias, dos medios e dos servizos na materia de asistencia sanitaria. Así mesmo, o parágrafo 5º do artigo 112 establece que co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal que preste os seus servizos no Sistema Público de Saúde de Galicia e de mellorar a eficacia na xestión, a Administración sanitaria pública galega promoverá as medidas co fin de establecer procedementos para a integración directa e voluntaria do persoal na condición de persoal estatutario, coas especialidades que procedan polas peculiaridades das institucións, os centros e os servizos e das diferentes agrupacións de persoal.

Xa que logo, no marco normativo exposto, esta orde, logo da negociación coas organizacións sindicais representadas no Comité de Empresa do Hospital da Defensa e da Mesa sectorial do persoal estatutario, articula o procedemento de integración no réxime estatutario do persoal do Hospital Básico da Defensa de Ferrol, traspasado por mor do Real decreto 1081/2008, do 30 de xuño, regulando o exercicio de opción voluntaria do persoal laboral fixo ou funcionario de carreira, no marco dos dereitos e deberes recollidos no xa citado Decreto 446/1997, do 26 de decembro.

Por iso, en virtude das atribucións conferidas nos artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O persoal funcionario de carreira e laboral fixo do Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña) transferido polo Real decreto 1081/2008, do 30 de xuño, poderá homologarse ao réxime estatutario e integrase na correspondente categoría, nos termos e condicións que se establezan nesta norma, sempre que reúna os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente para o acceso ás categorías estatutarias de homologación segundo o anexo I, e que no momento da súa entrada en vigor se atope nalgún dos supostos seguintes:

a) Estar en situación de activo.

b) Estar en situación que implique a suspensión na relación de servizos laboral, con reserva de posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente, ou excedencia forzosa á que se refire o parágrafo 1 do artigo 56 do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Administración xeral do Estado.

c) Estar en situación de servizos especiais ou calquera das situacións de excedencia á que se refire o artigo 89 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, sempre que non transcorrese o tempo máximo desa excedencia prevista legalmente para cada caso.

Nos supostos b) e c) do parágrafo anterior a integración efectuarase na situación de suspensión de servizos ou excedencia que corresponda segundo o caso e a reincorporación ao servizo activo obterase de conformidade co previsto na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto de persoal das institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde e Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

As solicitude de integración do persoal que non cumpra os requisitos serán desestimadas.

Artigo 2º

Non poderá exercer o dereito de opción o persoal funcionario interino e laboral temporal transferido polo Real decreto 1081/2008, do 30 de xuño, calquera que sexan as características de tal vínculo, caso no que se estará ao previsto na disposición adicional segunda desta orde.

Artigo 3º

O persoal que exerza o dereito de opción da forma establecida no artigo 8º desta norma e reúna os requisitos establecidos nela, de conformidade cos esixidos para o acceso ás categorías estatutarias, integrarase no réxime estatutario da categoría correspondente e o seu réxime económico e xurídico pasará a ser o do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde; a súa prestación de servizos adecuarase á estrutura asistencial das institucións sanitarias do organismo.

A tal efecto a homologación realizarase nas categorías básicas do réxime estatutario, de conformidade co capítulo segundo da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, segundo o grupo profesional, área funcional e, no seu caso, especialidade de pertenza en orixe, o nivel de titulación acreditado para o acceso aos citados grupos, área funcional e especialidade e o requirido para a correlativa categoría estatutaria, as características do posto desempeñado no momento da transferencia e a praza estatutaria de referencia. Para este fin, no anexo I desta orde recóllese a táboa básica de homologacións.

Para os efectos da integración só terá virtualidade a categoría a que o persoal acredite pertencer como funcionario de carreira ou persoal laboral fixo de conformidade coa normativa vixente en materia de selección de persoal funcionario e laboral da Administración do Estado.

O persoal funcionario ou laboral que se integre no réxime estatutario será declarado na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade no seu corpo ou escala de orixe ou categoría segundo o caso.

Artigo 4º

Xunto coa resolución á solicitude de homologación e integración, expedirase un nomeamento adicional ao persoal que desempeñe postos de traballo de xefatura adquirida en virtude de concurso ou libre designación, no posto equivalente de carácter estatutario. Este nomeamento poderá ser definitivo, se o orixinario tiña tal condición ao ser obtido por concurso ou concurso-oposición, ou ben provisional, se aquel foi expedido en virtude de sistema de libre designación.

Ao persoal que resulte homologado no réxime estatutario respectaráselle, para todos os efectos, a antigüidade que teña no momento da entrada en vigor da presente resolución, ben que os trienios que se lle recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración serano de acordo co previsto na Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o estatuto marco do persoal estatutario do Sistema Nacional de Saúde.

Artigo 5º

Ao persoal que, tendo efectuada a opción pola súa integración percibise retribucións superiores ás correspondentes á categoría de homologación no Servizo Galego de Saúde, recoñeceráselle un complemento persoal e transitorio consistente na diferenza de retribucións. Non se terán en conta, para estes efectos, as retribucións devengadas polo recoñecemento do grao de carreira profesional. O citado complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría, de acordo coa normativa orzamentaria.

De conformidade co establecido no artigo 19.1º g) da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, para o cálculo do complemento persoal transitorio non se terán en conta as contías percibidas en concepto de atención continuada, complemento de nocturnidade, con excepción dos profesionais que se integren na categoría de médico de urxencias hospitalarias, e a realización de horas extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que, en concepto de antigüidade, teñan recoñecidas ata a data en que remate o prazo de presentación de instancias do artigo 7º.

Xa que logo, o cálculo do complemento persoal transitorio resultará das diferenzas económicas entre as retribucións percibidas como persoal da Administración do Estado, para tal efecto, soldo base, complemento persoal de unificación, complemento singular de posto de traballo, quendas, nocturnidade no caso do persoal facultativo que se integre na categoría de médico de urxencias, e complemento persoal de homoxeneización, e as estatutarias que correspondan ao posto estatutario de homologación con motivo da integración, para tal efecto, soldo base, complemento de destino, complemento específico, produtividade fixa, PRD e complemento de quendas.

Artigo 6º

Ao persoal que non se integre no réxime estatutario respectaráselle o réxime económico e xurídico que derive da súa situación de orixe, tanto funcionarial como laboral, coa dependencia orgánica e funcional do Servizo Galego de Saúde, de acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

Respecto das lagoas que se produzan na regulación dos colectivos, funcionarial e laboral, aplicarase por analoxía a normativa estatutaria do grupo ou categoría de persoal equiparable.

A prestación de servizos do persoal non integrado adaptarase ás características de funcionamento da institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde, onde está adscrito, coa súa plena imbricación na estrutura e organización do traballo. Para tal fin, a dirección do centro adoptará as medidas de xestión e organización adecuadas para acadar a plena adaptación e integración deste persoal nel.

Artigo 7º

O exercicio do dereito de opción de integración deberá realizarse con carácter individual no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta disposición segundo modelo de instancia que se xunta como anexo II.

Os profesionais que non formulen opción de integración enténdese que optan por permanecer no réxime anterior.

As solicitudes debidamente dilixenciadas pola dirección do centro, dirixiranse á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde e poderán ser presentadas de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O persoal que realice a opción achegará, xunto coa súa solicitude, os seguintes documentos:

-Fotocopia compulsada da titulación académica ou certificado do libro de escolaridade.

-O persoal médico achegará fotocopia compulsada do documento ou título de especialista que posúa e que o habilite para exercer a praza que vén desempeñando.

Artigo 8º

As opcións serán resoltas pola División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional no prazo máximo de tres meses desde que remate a presentación das instancias para formular a opción.

A resolución pronunciarase sobre a estimación, desestimación, ou inadmisión das solicitudes. As resolucións polas que se desestime ou inadmita unha solicitude serán debidamente motivadas.

As resolucións estimatorias conterán o pronunciamento sobre a categoría básica en que se integran as persoas que exerceron o dereito de opción, a situación administrativa que corresponda declarar, segundo o caso, e a súa adscrición ao posto de traballo que se integre en función do que viña desempeñando, de conformidade co disposto no anexo I.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 26 de decembro de 1986, e na disposición adicional segunda do Decreto 447/1996, do 26 de decembro, ao persoal que se homologue á categoría de auxiliar de enfermaría non lle será exixido o título de formación profesional de primeiro grao rama sanitaria, sempre que no momento da súa entrada en vigor, se encontrase prestando servizos en praza desa categoría, que resulten debidamente acreditados.

Para tal fin, o centro hospitalario expedirá certificación dos servizos prestados de conformidade cos datos resultantes do expediente persoal.

Segunda.-Os postos de traballo de orixe, do persoal que opte pola súa integración nos réximes estatutarios, consideraranse amortizados e reconvertidos aos correspondentes estatutarios que determina para cada caso a táboa de homologacións que se inclúen no anexo I desta orde.

As prazas desempeñadas por persoal laboral ou funcionario que non se integre no réxime estatutario e que non estean afectadas polas situacións previstas no artigo 1º b) desta disposición decláranse a extinguir. Logo de que fiquen vacantes, producirase a súa amortización e, se é o caso, a súa transformación en prazas de réxime estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Os postos de traballo vacantes ocupados polo persoal temporal do artigo 2 desta norma consideraranse amortizados e reconvertidos en prazas de persoal estatutario, polo que o persoal que os ocupa cesará no seu desempeño.

Emporiso, con efectos do día seguinte ao do cesamento, expediráselle o nomeamento que corresponda para ocupar a equivalente praza de persoal estatutario, co mesmo carácter temporal.

Terceira.-Con respecto ao complemento PRD por quendas establecido para a remuneración das prestacións de servizos en réxime de quendas, dado que este concepto retributivo é de aplicación con carácter fixo e periódico ás categorías de persoal que teñan dereito a percibilo, incluirase entre as retribucións correspondentes á categoría de homologación para os efectos da determinación do complemento persoal e transitorio a que fai referencia o artigo 5º desta disposición.

A consideración deste complemento no cálculo do complemento persoal e transitorio practicarase sobre a asignación da contía correspondente á modalidade de quendas que corresponda ao posto de traballo de homologación.

No suposto de producirse con posterioridade á homologación, unha alteración no réxime de prestación de servizos do posto de traballo que determine a variación estable do réxime de quendas tomado en consideración para o cálculo do complemento persoal e transitorio, procederase á revisión do devandito CPT para reflectir nel a nova modalidade do complemento PRD por quendas que pase a resultarlle de aplicación.

A revisión do complemento persoal e transitorio á que se fixo referencia procederá unicamente mentres o traballador que optou pola integración se manteña no posto de traballo que pasa a desempeñar como consecuencia deste proceso. No suposto de pasar a desempeñar outro posto de traballo distinto non se revisará o complemento persoal e transitorio aínda que varíe o réxime de quendas que resulte de aplicación.

Cuarta.-A integración do persoal laboral dos respectivos grupos profesionais realizarase en función da área específica á que pertenza e das funcións do posto que desempeñe no grupo profesional de pertenza.

En todo caso será condición imprescindible reunir os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente para cada categoría de integración.

Quinta.-Como consecuencia da resolución de integración:

A) Ningún profesional poderá posuír simultaneamente a condición de persoal estatutario fixo e temporal nunha mesma categoría.

B) Ningún profesional poderá simultaneamente acreditar a condición de persoal estatutario en activo ou en situación distinta á de activo nunha mesma categoría.

C) Ningún profesional poderá simultaneamente posuír o dereito de reingreso en máis dunha institución.

Xa que logo, o persoal transferido que opte pola integración e teña vínculo estatutario previo a esta, entenderase que renuncia ao vínculo estatutario anterior e pasa a acadar o que resulte da integración, sen prexuízo da situación administrativa que corresponda declarar como consecuencia desta.

Disposicións transitorias

Primeira.-O persoal facultativo que se integre no réxime estatutario exercerá no momento que formalicen a opción polo réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva ao sector público sanitario coa conseguinte renuncia ou solicitude de percepción do complemento específico, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.

A citada opción resolverase conxuntamente coa solicitude de homologación, no prazo establecido nesta norma.

Segunda.-A selección de persoal temporal das categorías en proceso de integración, para vinculacións que non teñan carácter de longa duración, realizarase segundo o sistema de selección temporal do Hospital Básico do Ministerio de Defensa en Ferrol, en vigor no momento da publicación do Real decreto 1081/2008, do 30 de xuño, de conformidade co acordo da Mesa Sectorial de Negociación do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, recollido na acta do 25 de xuño de 2008.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2009.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "03700D009P088.PDF"