DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 24 de febreiro de 2009 Páx. 3.872

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 18 de febreiro de 2009 pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia.

O Decreto 157/2006, do 7 de setembro, establece os requisitos, procedementos e incentivos para unha rehabilitación e renovación de calidade das vivendas e edificios, tanto no medio rural como nos conxuntos históricos de Galicia. No citado decreto establécese, ademais, que as subvencións recollidas nel se regularán por ordes anuais de convocatoria.

A disposición derradeira primeira do citado Decreto 157/2006, do 7 de setembro, outórgalle á conselleira de Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, a potestade de ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a súa aplicación.

A Orde do 13 de decembro de 2006 regula o procedemento de obtención, as actuacións previstas, os requisitos exixidos e canto sexa necesario para a obtención da resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, que constitúe un requisito necesario da vivenda para ser beneficiario das subvencións en materia de rehabilitación e renovación.

Na Orde do 27 de maio de 2008 aprobáronse as bases reguladoras das subvencións, con vixencia indefinida e detallouse o seu procedemento de concesión.

Mediante esta orde convócanse as subvencións para o exercicio económico 2009, establécese o prazo de presentación de solicitudes de subvencións e indícase o seu importe máximo e a partida orzamentaria en que figuran os créditos que a amparan.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, e desenvolvida polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e o Decreto 505/2005, do 22 de setembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Esta orde ten por obxecto abrir a convocatoria no exercicio económico de 2009, nun procedemento de concorrencia non competitiva, das subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia, de acordo co establecido no artigo 4º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, publicado no DOG nº 181, do 19 de setembro de 2006, modificado polo Decreto 90/2008, do 24 de abril, publicado no DOG nº 91, do 13 de maio de 2008, e a Orde do 27 de maio de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras, publicada no DOG nº 107, do 4 de xuño de 2008.

Artigo 2º.-Obxecto das actuacións.

Serán subvencionables aquelas actuacións de rehabilitación ou renovación de vivendas unifamiliares rurais e edificios ou vivendas en núcleos históricos reguladas no artigo 5 da Orde do 13 de decembro de 2006 e que figuran na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade.

Artigo 3º.-Requisitos das vivendas.

1. De acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, modificado polo Decreto 90/2008, do 24 de abril, as vivendas e locais deberán estar en posesión da resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade.

2. Enténdese que tamén cumpren este requisito as vivendas que xa estean en posesión da cédula de rehabilitación de calidade.

3. Os citados requisitos acreditaranse coa presentación da resolución de conformidade ou da cédula de rehabilitación de calidade.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. De acordo co establecido no artigo 6 da Orde do 27 de maio de 2008, as solicitudes para estas axudas presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, axustándose aos modelos que figuran no anexo desta orde.

2. Os documentos que se deben achegar á solicitude son os seguintes:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou do NIF do solicitante.

b) Fotocopia da resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade ou fotocopia da cédula de rehabilitación de calidade se xa a ten.

c) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

d) No caso de que as persoas beneficiarias sexan empresas, de acordo co referido no artigo 4 da Orde do 27 de maio de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras, deberán xuntar unha declaración de que a axuda global de minimis que recibisen non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais de acordo co establecido no artigo 3.2º.c do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis, así como de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1 do citado regulamento.

e) Nas solicitudes para vivenda unifamiliar no ámbito rural:

-Autorización á Consellería de Vivenda e Solo para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos e débedas, ou fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data de solicitude, e certificado das rendas expedido nos termos do R.D. 3/2004, do 5 de marzo, pola Axencia Estatal Tributaria, correspondentes ao conxunto dos membros da unidade familiar.

-No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF:

Se presentou o modelo de solicitude de devolución 104-105, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Para os que non presentasen o citado modelo de devolución, declaración responsable de todos os ingresos obtidos, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións ou prestacións periódicas, certificado do INEM e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

-No suposto dos emigrantes, a xustificación dos ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presentada en España, ou da similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada, se é o caso, pola agregadoría laboral correspondente ou delegación consular de España.

-Acreditación da composición da unidade familiar e número de perceptores de ingresos, mediante copia cotexada da declaración do IRPF ou, no caso de non estar obrigado a presentala, declaración responsable, e copia cotexada do libro de familia.

3. Así mesmo, os membros da unidade familiar e os solicitantes adicionais deberán acreditar que están ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Consonte co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, a solicitude de subvencións comportará a autorización para que a Consellería de Vivenda e Solo obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

4. As citadas solicitudes deberán conter os datos da persoa solicitante adicional, entendendo por tal aquela persoa que sexa cotitular sobre os dereitos de propiedade, usufruto ou arrendamento, sen asignación concreta de cotas, como pode ser o caso de sociedades de gananciais ou comunidades de herdeiros en que concorran as citadas circunstancias.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta disposición e rematará o 1 de setembro de 2009.

Artigo 6º.-Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.

1. A instrución do procedemento correspóndelle á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda.

2. Á vista da solicitude das subvencións, da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o/a delegado/a provincial da Consellería de Vivenda e Solo elevará a proposta de resolución da subvención á persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo.

Artigo 7º.-Prazo de resolución.

O prazo para resolver fíxase en tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro correspondente. Vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Resolución.

A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue, após proposta realizada polos delegados provinciais, ditará resolución expresa, debidamente motivada, en que figure o motivo da perda do dereito á subvención e ao pagamento, e comunicaralle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

A resolución da conselleira pon fin á vía administrativa, polo que é susceptible do recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo, directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses.

Artigo 9º.-Notificación da resolución de concesión.

A resolución de concesión da subvención será notificada no enderezo da persoa asinante da solicitude, a non ser que esta sinalase outro enderezo para a notificación, segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Prazo de xustificación da subvención.

De acordo co establecido no artigo 9 da Orde do 27 de maio de 2008, o prazo máximo de xustificación da subvención será o das anualidades establecidas no anexo da resolución de concesión da subvención.

Artigo 11º.-Importe máximo e dotación orzamentaria.

Para os efectos do determinado no artigo 4 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, o importe máximo das subvencións para vivenda unifamiliar en ámbito rural será de 6.200.000 euros e instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado na aplicación 17.02.451A.780.0 do orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo para o ano 2009, 5.500.000 € con cargo aos orzamentos de 2010 e 1.500.000 € con cargo aos orzamentos de 2011.

O importe máximo das subvencións en conxuntos históricos, para familias e institucións sen fin de lucro será de 2.450.000 de euros, na aplicación 17.02.451A.780.2 do orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo para o ano 2009, 2.700.000 € con cargo aos orzamentos de 2010 e 2.400.000 € con cargo aos orzamentos de 2011, e para empresas privadas será de 350.000 euros na aplicación 17.02.451A.770.0 do orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo para o ano 2009, 390.000 € con cargo aos orzamentos de 2010 e 360.000 € con cargo aos orzamentos de 2011.

Artigo 12º.-Cómputo dos ingresos familiares na convocatoria de 2009.

Para os efectos do disposto no artigo 5 da Orde do 27 de maio de 2008 computaranse os ingresos da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/ 2006, do 28 de novembro, incrementada, se é o caso, no importe que resulte do establecido no artigo 20, números 2º e 3º, da citada lei, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada un dos membros da unidade familiar relativa ao período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.

Artigo 13º.-Importes máximos das subvencións.

En relación á porcentaxe do orzamento que figure na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, establecidas no artigo 7 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, as subvencións non poderán superar as seguintes cantidades máximas:

1. Nos casos de rehabilitación en ámbito rural ou en conxuntos históricos, o 50% do orzamento que figure na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, sen superar a cantidade de 24.000 euros.

2. Nos casos de renovación en ámbito rural ou en conxuntos históricos, o 50% do orzamento que figure na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, sen superar a cantidade de 30.000 euros.

Artigo 14º

As solicitudes presentadas dentro da convocatoria de 2008, que non se puideron conceder por falta de recursos dispoñibles, poderán solicitarse de novo nesta convocatoria. Neste caso tomarase como referencia a documentación entón presentada sempre e cando non se producisen alteracións que a invaliden.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2009.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "03800D013P036.PDF"