DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 10 de marzo de 2009 Páx. 5.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 26 de febreiro de 2009 pola que se modifica a Orde do 27 de novembro de 2007, pola que se regula o uso e a xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

O Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro.

Os Miñarzos (DOG nº 88, do 8 de maio) definiu os elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva, como unha ferramenta de xestión dos recursos cunha filosofía participativa do sector nela.

A Orde do 27 de novembro de 2007, pola que se regula o uso e xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos (DOG nº 236, do 7 de decembro) foi o resultado da necesidade de desenvolver os aspectos procedementais necesarios para o bo fin do obxecto da reserva, é dicir, a recuperación dos recursos pesqueiros e dos seus ecosistemas, así como para o correcto seguimento da súa evolución, tal e como así o determinaba o Decreto 87/2007, do 12 de abril.

O Decreto 240/2008, do 2 de outubro, polo que se modifica o Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos (DOG nº 210, do 29 de outubro de 2008) introduce modificacións que afectan, entre outros aspectos, o réxime de xestión da reserva e ao censo de titulares de permisos que habilitan para exercer a actividade pesqueira e marisqueira no ámbito da reserva mariña, así como o control necesario da actividade para os efectos do seguimento científico e da adopción das medidas que garantan a explotación sustentable dos recursos pesqueiros e marisqueiros.

Consecuentemente, cómpre, polo tanto, realizar as modificacións necesarias na Orde do 27 de novembro de 2007, co obxecto de garantir a coherencia entre as normas reguladoras, coa finalidade de asegurar o bo funcionamento da reserva e o cumprimento dos obxectivos perseguidos coa súa creación.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 27 de novembro de 2007, pola que se regula o uso e a xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

A Orde do 27 de novembro de 2007 pola que se regula o uso e a xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, queda modificada como segue:

Un.-A alínea b) do parágrafo 1 do artigo 3º queda redactada do seguinte modo:

«b) No caso de que o número de solicitudes se considere excesivo en relación coa capacidade produtiva da área da reserva, teranse en conta como criterios de selección a pertenza a portos base máis próximos ao ámbito xeográfico da reserva, no caso das embarcacións. Sempre, e en calquera caso, se fará de conformidade co Plan de Xestión Integral aprobado para o ámbito da reserva».

Dous.-O parágrafo 2 do artigo 3º terá a seguinte redacción:

«2. Non se poderá incrementar o número de titulares de permisos para exercer a actividade pesqueira e marisqueira mentres non se acorde a actualización do censo. Para a actualización seguirase o mesmo procedemento descrito no parágrafo anterior e terase en conta como criterio de selección, ademais do sinalado na letra b), a habitualidade e as capturas realizadas no ámbito da reserva dos titulares que xa estivesen incluídos, de conformidade co disposto no artigo 8.3º do Decreto 87/2007, do 12 de abril, modificado polo Decreto 240/2008, do 2 de outubro».

Tres.-O parágrafo 1 do artigo 7º queda redactado do seguinte modo:

«1. Todos aqueles que efectúen a actividade pesqueira e/ou marisqueira no ámbito da reserva mariña deben comunicarlle ao persoal asignado á xestión, seguimento e control da reserva a súa entrada na zona da reserva mariña, identificándose convenientemente e notificándolle as capturas no momento de acceder á reserva. Así mesmo, deben notificar a súa saída, número de artes caladas ou empregadas e as capturas realizadas na zona da reserva. Estas comunicacións deben efectuarse de maneira que lle permitan ao órgano de xestión, seguimento e control realizar a comprobación dos datos transmitidos».

Catro.-Engádese un parágrafo 3 no artigo 7º coa seguinte redacción:

«3. Para facilitar os labores de seguimento e control da actividade pesqueira e/ou marisqueira, os armadores das embarcacións inscritas no censo deberán permitir a instalación de dispositivos de identificación».

Disposición derradeira

Única. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2009.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos