DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 18 de marzo de 2009 Páx. 5.679

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 53/2009, do 26 de febreiro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Catoira, Pontevedra.

O Concello de Catoira considerou conveniente organizar correctamente a súa bandeira municipal para perpetuala con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da insignia, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de febreiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Catoira, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

En pano de vermello: no terzo da hasta unha roda de branco cargada cunha cruz de branco cos cantóns en vermello; no terzo do batente dúas torres de amarelo mazonadas de sable e aclaradas de azul; e no terzo vertical do centro sete franxas verticais ondadas de branco e de azul.

Santiago de Compostela, vinte e seis de febreiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza

Ver referencia pdf "05400D009P019.PDF"