DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Venres, 20 de marzo de 2009 Páx. 5.819

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ANUNCIO do 20 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, da declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Borrifáns (Cesuras-A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Borrifáns (Cesuras-A Coruña) que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2009.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas

Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no 29 de xaneiro de 2009, relativa á concentración parcelaria da zona de Borrifáns, no concello de Cesuras (A Coruña), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (clave 2007/0143).

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, por petición dos veciños da parroquia de San Pedro de Borrifáns e dunha zona da parroquia de Filgueira de Barranca, no concello de Cesuras (A Coruña) iniciou o proceso de concentración parcelaria.

A citada concentración parcelaria cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental ao atoparse entre os proxectos contemplados no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

No anexo I resúmense as características da zona de concentración e no anexo II as medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental avaliado.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 11 de xullo de 2007, publícase no DOG nº 134 a Resolución do 5 de maio de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria de Borrifáns (Cesuras-A Coruña).

Con data do 23 de outubro de 2008 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto en que se inclúen os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais e Augas de Galicia, copia da resolución publicada e o resultado de exposición pública.

Segundo indica o órgano substantivo, no oficio de remisión do expediente non consta emisión de informe por parte do Concello de Cesuras no prazo legalmente establecido.

Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula só para os efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria da parroquia de San Pedro de Borrifáns e dunha zona de Filgueira de Barranca, no concello de Cesuras-A Coruña, promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar só para os efectos ambientais, condiciones adicionais ás seguintes.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta declaración. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique as medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese ao proceso de concentración parcelaria para desenvolver na parroquia de San Pedro de Borrifáns e nunha zona da parroquia de Filgueira de Barranca, ambas definidas no estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria de Borrifáns (Cesuras-A Coruña), sobre unha superficie de 1.519 hectáreas, que se vai desenvolver nas zonas referidas como zonas que se van concentrar no plano nº 12: denominado propostas de exclusión.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Adaptarase o estudo acústico incluído no punto 2.1.2 do estudo de impacto ambiental da zona de concentración parcelaria de Borrifáns (Cesuras-A Coruña) ao proxecto de rede viaria, definindo con detalle as medidas protectoras e/ou correctoras necesarias a adoptar co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica, e no caso de que dispoñan dela, na ordenanza municipal do Concello de Cesuras. Ademais, valorarase a necesidade de establecer ou non un plan de seguimento de ruídos.

2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións de obra, casetas, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc., cos criterios sinalados no estudo de impacto ambiental, pero tendo en conta que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

Neste sentido non se poderán destinar as marxes fluviais e ribeiras dos cursos de auga a parque de maquinaria, nin como lugares para o depósito de materiais ou para desenvolvemento de actividades que por si mesmas supoñan un risco potencial de contaminación das augas superficiais ou alteración dos ecosistemas asociados.

3. No caso de que existan sobrantes procedentes de movementos de terra, definiranse as posibles zonas para depósito destes. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que, de existiren na contorna ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados na contorna. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. Tal e como se indica no estudo ambiental, no deseño da rede viaria aproveitaranse ao máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución dos novos accesos ás parcelas de achega. De ser necesarios, na definición do seu trazado teranse en conta as seguintes medidas, ademais das sinaladas no estudo de impacto ambiental:

Evitaranse longos tramos de trazados rectilíneos, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural do terreo, co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura.

Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona e permitirase a libre circulación das augas, polo que deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionaranse en función da máxima avenida previsible, de modo que non se produza efecto presa en ningún momento. Á saída destes pasos colocaranse dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ás canles naturais.

5. No caso de que nos camiños de servizo sexa preciso habilitar barreiras canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que permitan a fuxida dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foso, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo con un os dous laterais abertos.

6. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendedura de mantas de fibras naturais, etc.).

7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo da concentración parcelaria, no cal se devolverán e orzarán detalladamente os labores de restauración e integración paisaxística descritos xenericamente no estudo de impacto ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderase a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística e terase en conta o seguinte:

As especies que se empregarán.

Serán autóctonas, tendo sempre presentes para a súa implantación as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que se vai restaurar, e que procedan (sexan árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) da mesma zona ou outra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

Deberán ser compatibles co hábitat en que se van implantar. O hábitat estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición) ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etc.) e factores bióticos.

Deberán ser compatibles entre si no espazo e no tempo, aplicándose, se é o caso, no seu caso os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose ademais, para acadar este obxectivo os tratamentos que sexan necesarios (rareos, rozas, etc.).

No caso de ser necesaria a eliminación dalgúns exemplares de especies arbóreas autóctonas, procurarase que sexan replantadas, na medida do posible empregándose na restauración. De todos os modos, priorizarase a súa preservación e actuarase unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies por restaurar e os hábitats existentes.

Contemplarase a plantación de vexetación de ribeira con especies autóctonas das existentes na zona, nas marxes dos leitos fluviais, cando sexa precisa a súa corta para a execución das obras e non poidan ser replantadas noutras zonas.

8. Redactarase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, incorporándolle aqueles aspectos a controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como todos os derivados do cumprimento desta DIA.

O antedito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e nas condicións da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou nas condicións da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

Fixaranse para todas as fases os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisibles, de alerta e inadmisible) que se vaian empregar en cada caso.

As tomas de mostras e as medicións deben ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fases de execución e explotación.

1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a fase de obras, procederase á rega de superficies prevista no estudo ambiental cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos, pero evitando en todo momento asolagamentos e escoamentos. Para minimizar a emisión de po debida ao tránsito de vehículos, e a afectación á vexetación circundante, deberán asfaltarse as pistas con maior tránsito sempre que sexa posible. Así mesmo, no caso de que sexa necesario, procederase a lavar as rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. A maquinaria empregada no proceso construtivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ao respecto.

3. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro que poida ser afectado pola lexislación hidráulica.

4. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia; neste sentido deberán terse en conta en todo momento as limitacións e demais prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e no Regulamento do dominio público hidráulico (R.D. 849/1986, do 11 de abril e posteriores modificacións). Así mesmo, o proxecto deberá axustarse ás prescricións establecidas no Plan hidrolóxico de Galicia Costa (PHGC).

5. Estremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, pozas, zonas hidromorfas ou húmedas, adoptando toda as medidas protectoras ou correctoras necesarias para a súa conservación, ademais das recollidas no estudo de impacto ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento das citadas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

6. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.

7. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de augas, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria. Así mesmo, respectaranse os mananciais que existan na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso se resultase preciso para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.

8. Cando se leven a cabo movementos de terra en zonas de elevada pendente disporanse mallas antiederruba ou calquera outra medida para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

9. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios precisos para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se produciren, deberían ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

10. Co obxecto de evitar fenómenos antierosivos e a incorporación de sólidos ás augas, a medida que avanza a obra procederase á revexetación e estabilización dos noiros de desmonte ou terraplén afectados polas obras.

11. Tendo en conta a política de xestión de residuos da construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.), sexan reciclados co fin de reutilizalos na propia obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

12. No caso de que se precise material de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de explotacións autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se van utilizar na construción dos novos camiños procedan de plantas de reciclaxe de residuos da construción e demolición.

13. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Neste caso seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, na súa falta, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao final das obras.

14. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra, se os houber, nos lugares seleccionados baseándose nos criterios do punto B1.3 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

15. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase ao disposto na lexislación vixente. Asemade, previamente á corta de masas forestais terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

16. A xestión da biomasa vexetal eliminada realizarase estritamente de forma mecánica. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades e pragas.

17. Se na zona de concentración existiren afloramentos rochosos de interese xeomorfolóxico, deberán ser respectados sen que se vexan afectados polas obras.

18. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B1.7 desta DIA, paralelamente ao avance das obras, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr o antes posible a integración paisaxística das zonas afectadas. Vixiarase a evolución da revexetación efectuada, procedendo á reposición das calvas ou marras que puideren aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas.

19. Retirarase e manterase a terra vexetal daquelas zonas que vaian ser alteradas polas obras, co fin de empregalas na súa restauración, coidando que non se produza un movemento en masa ou esvaramento do material almacenado. Esta terra mentres permaneza amoreada non poderá ser mesturada con ningún tipo de residuos ou entullos.

20. No caso de ter que importar terra vexetal, esta deberá proceder de zonas que sexan froito de alteración autorizada.

21. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que existen na actualidade. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse xerar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

22. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos á concentración.

23. Todos os residuos que se xeren, tanto na fase de execución como na de explotación, deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente primando a súa reciclaxe fronte á vertedura.

24. Neste sentido adoptaranse as medidas oportunas para que os distintos residuos producidos se almacenen en condicións de hixiene, seguranza e segregación, garantindo, en todo caso, que non se produzan afeccións ao ambiente.

25. Nas labores de mantemento de cunetas e sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos ou manuais.

26. Se durante o programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias proporá as medidas precisas para corrixilas. Se se puxer de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarao a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Antes do inicio das obras.

1. En relación coa protección da natureza débese indicar que o lugar onde se sitúa a concentración non ten ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais. Tampouco existen dentro das zonas a explotar zonas húmidas das recollidas no inventario galego de zonas húmidas.

2. Non obstante, é destacable que a zona de estudo está afectada na súa maior parte por tres bacías, a bacía do río Mero, e en menor grao pola bacía do río Samo (afluente do río Tambre). A importancia disto reside en que estes regatos formaran parte, augas abaixo, de espazos protexidos catalogados como lugares de importancia comunitaria: o encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004), Betanzos-Mandeo (ES1110007), todos estes espazos atópanse declarados, segundo o Decreto 72/2004, do 2 de abril, como zona de especial protección dos valores naturais.

3. Na zona de concentración destácanse os seguintes valores naturais:

Presencia de formacións vexetais características do bosque de ribeira na beira dos regatos que circundan a zona.

Presencia de manchas de carballeiras autóctonas.

Preto do camiño de Santiago atópase unha formación mixta composta principalmente por carballos de bo porte e eucaliptos mesturados e que segundo a documentación presentada non será obxecto do proceso concentrador.

Asemade, no centro da parroquia existe unha mancha de frondosas de 1 ha aproximadamente, e de boa calidade, que non se recolle no estudo de impacto ambiental e que debe ser excluída da concentración. Tamén cómpre excluír da concentración parcelaria as seguintes unidades e sistemas: cursos fluviais, zonas de braña ou húmedas, carballeiras e formacións arbóreas autóctonas en xeral, sebes e formacións arborizadas/arbustivas entre parcelas.

C.1.1. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural.

1. Non se poderán executar pistas de novo trazado nas áreas de protección dos elementos do patrimonio cultural. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

2. A ampliación de pistas existentes nas áreas de protección dos elementos do patrimonio cultural terá caracter excepcional e, en todo caso, requirirá a elaboración dun estudo de detalle do contorno do elemento afectado. Para estes efectos se entenderá como contorno do elemento afectado as áreas de protección definidas na normativa urbanística vixente no concello e subsidiariamente as fichadas no artigo 30 das NNCCSS do planeamento. Este documento deberá incluír:

Descrición dos camiños existentes nesta zona con indicación das súas características, largo de ocupación e capa de rodadura.

Reportaxe fotográfica deles.

Identificación nunha planimetría de detalle de cada un dos camiños existentes, así como das pistas que se pretenden executar neste ámbito.

A rede de camiños deberá proxectarse aproveitando ao máximo os camiños existentes e evitando a apertura de novas pistas. De proxectarse camiños de nova traza nesta zona, deberá xustificarse a necesidade da súa implantación.

3. Cando se defina o plan de obras, plan de concentración e plan de acondicionamento de predios, e previamente ao inicio das obras en cada un dos proxectos que os desenvolvan, deberá remitirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe, unha avaliación do impacto dos anteditos proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona de concentración parcelaria. Para a realización destas avaliacións, e dado que coa metodoloxía de prospección arqueolóxica empregada non se revisou pormenorizadamente a totalidade do ámbito afectado pola concentración parcelaria, deberá realizarse unha prospección arqueolóxica, con metodoloxía intensiva, do ámbito afectado polos proxectos anteriormente referidos. Para tal fin, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

4. A avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural de cada un destes proxectos deberá contar cunha ficha individualizada de cada elemento en que se faga constar a delimitación dos ámbitos de protección e o seu reflexo na fotografía aérea e na cartografía catastral, especificacións técnicas e características construtivas da obra ou proxecto que ocasiona o impacto, cualificación do mesmo, proposta de medidas protectoras e correctoras.

5. No deseño do proxectos que desenvolvan o plan de obras, plan de concentración e plan de acondicionamento de predios, deberanse ter en conta, adoptando as medidas oportunas para a súa conservación, preservación e recuperación, os antigos camiños e corredoiras, valos de pedra, chousumes tradicionais, etc., que configuran funcional e estruturalmente a paisaxe galega e caracterizan culturalmente o territorio. Os que por forza haxa que retirar deberán ser obxecto de recuperación, desmontándoos e aproveitándoos para definir as novas leiras.

6. Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas protectoras.

7. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

C.1.2. En relación coa protección da natureza.

1. Maximizaranse os obxectivos de conservación que se definen ao longo do estudo de impacto ambiental, con especial atención das zonas e elementos que se sinalan como para protexer.

2. Contemplaranse as medidas correctoras propostas e o plan de vixilancia ambiental presentado no estudo de impacto ambiental que vele polo cumprimento destas medidas e, especialmente, no referente ao control da eliminación da vexetación en todas as fases do proxecto.

3. Considerar as limitacións e obrigas que se establecen na planificación, execución e posterior xestión e explotación da zona que se vai a concentrar que a normativa vixente vén establecer sobre o territorio. Estas limitacións e obrigas poden chegar a ser incompatibles con moitas das propostas que se efectúan no estudo. Dentro destas normas destácanse as seguintes:

4. Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección de asentamentos no medio rural e a regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei 9/2009, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas modificacións derivadas da Lei 15/2004, do 29 de decembro. Débense ter en conta tamén os instrumentos de planificación que se derivan da aplicación desta norma, así como a vixencia dos existentes, coas oportunas modificacións e adaptacións que a lexislación lles impón.

Consideración das distancias de plantación a leiras limítrofes, tanto de árbores como de sebes.

Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do banco de terras de Galicia, establece implicación directa sobre a xestión e planificación da concentración parcelaria que deberán terse presentes na súa elaboración.

C.1.3. En materia de afeccións á rede hidrolóxica.

1. Pola zona que comprende a concentración parcelaria discorren varios ríos do ámbito competencial do Plan hidrolóxico de Galicia-Costa.

2. En referencia á clasificación hidrolóxica establecida no PHGC, a área estudada pertence ao sistema de explotación nº 11: río Mero, Arteixo e ría da Coruña, e o sistema de explotación nº 12: río Mandeo e ría de Betanzos, ás unidades de coñecemento 111-04 e 122-01.

3. Analizados os planos dos solos obsérvase que os ríos da zona de estudo son os seguintes.

Río Mendo, código 111025.

Rego Piñeiro, código 11102503.

Rego Piñeiro, código 11102505.

Río Mero, código 122.

Vilarensai, código 122001.

Barqueira, código 122002.

Caneta, código 122003.

4. Sinalar que en todos estes ríos e regos e en todos aqueles outros de menor entidade será de aplicación a normativa e lexislación de augas, tendo plena vixencia as prescricións establecidas para o dominio público hidráulico na lexislación en materia de auga vixente e no Plan hidrolóxico Galicia-Costa.

5. En cumprimento das prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 1/2001, texto refundido da Lei de augas e o Regulamento do DPH. (Real decreto 849/1986, do 11 de abril, modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio, e 9/2008, do 11 de xaneiro) deberase respectar, nas marxes de todos os ríos e as canles que discorren polo termo municipal, en toda a súa extensión lonxitudinal a zona de servidume de 5 m de largo e a zona de policía de 100 m, considerándose as limitacións a que están sometidas e a necesidade de obter as preceptivas autorizacións para execución das obras ou outro tipo de actuación segundo a lexislación de augas.

Definiranse claramente nun plano as zonas de servidume e policía da rede hidrolóxica afectada.

6. Cabe destacar que na zona de actuación se sitúa parte do espazo de protección especial catalogado polo PHGC Curso alto do Mendo, fervenza do Mendo. A existencia deste espazo remite a unha serie de prescricións que se deben considerar, segundo o Plan hidrolóxico no capítulo II, sección 2, artigos 2.74º ou 2.83º, sobre a protección, conservación e recuperación dos recursos naturais.

7. O estudo de impacto ambiental non fai referencia ás trazas dos novos camiños. Faise indispensable unha correcta execución dos sistemas viarios ou de calquera outra actuación relacionada co ámbito do dominio público hidráulico de tal xeito que sexa mínima a súa incidencia na rede hidrolóxica da zona. A este respecto o Plan hidrolóxico establece unha serie de prescricións nos artigos 2.44º e 2.45º que se xuntan.

8. Débese ter especial cautela coas verteduras á rede fluvial (superficial ou subterránea), circunstancias que deben ser avaliadas no estudo de alternativas propostas. Destaca respecto a este punto que no caso de producírense esas verteduras será obrigatorio obter a preceptiva autorización por parte do organismo responsable.

9. No desenvolvemento do proxecto da alternativa seleccionada estudaranse os efectos sobre as infraestruturas hidráulicas, analizado con especial detalle as posibles alteracións derivadas da modificación do caudal circulante sobre o ecosistema fluvial ou os cambios que se puideren producir nas características fisicoquímicas da auga.

10. Tamén no desenvolvemento do proxecto e xa entrando en especificacións técnicas, e naqueles tramos en que sexa necesaria a execución de pontes ou outras obras de paso, as seccións necesarias calcularanse segundo os caudais de avenida con período de retorno de 500 anos e seguindo as indicacións que reflicten os artigos 2.44º e 2.45º do PHGC.

11. Consecuentemente, e de xeito resumido, considéranse de aplicación as seguintes recomendacións:

Respectar en todo caso os límites do dominio publico hidráulico, segundo a lexislación vixente. Toda actuación en zona de dominio público hidráulico, zona de servidume e zona de policía deberá contar coa autorización de Augas de Galicia, en aplicación da lexislación vixente de augas.

Cumprimento de todas as especificacións contidas no PHGC que resulten de aplicación no estudo de impacto ambiental.

Toda a vertedura que se realice á rede fluvial necesitará a correspondente autorización de Augas de Galicia, en aplicación da lexislación vixente de augas.

C.1.3. En materia forestal.

1. Para o adecuado desenvolvemento da explotación sustentable dos produtos forestais recoméndase o seguimento do código de boas prácticas de xestión e, en particular: dentro das zonas afectadas pola concentración parcelaria deberán dedicarse a un uso forestal (produtivo ou non), todas aquelas zonas cunha pendente superior ao 40%, co fin de minimizar as perdas de solo producido pola erosión. Estas zonas encóntranse principalmente na parte norte da parroquia, nas ladeiras que lindan co río Mendo, así como algunhas zonas próximas ao río Mero. Na actualidade estas zonas atópanse dedicadas principalmente ao uso forestal. Asemade, sería conveniente que nas zonas destinadas á produción forestal se realice a concentración de parcelas de modo que estas sexan o máis grandes posible, xa que a xestión adecuada das masas forestais ten unha das principais limitacións no pequeno tamaño das leiras, que impide aspectos como unha periodicidade menor nas cortas (cunhas rendas máis sostidas), aplicación

da mecanización, acceso a unha xestión técnica, mellores prezos de venda dos produtos, etc.

2. En relación ás parcelas afectadas por incendios forestais, tomarase como criterio o Decreto 45/1999, de 21 de xaneiro, polo que se establecen medidas preventivas e de restauración de áreas afectadas polos incendios forestais, así como a prohibición de pastorear en áreas de mato durante un período de 2 anos desde o incendio, se a pendente supera o 40%, ou un ano se a pendente é menor, así como dar prioridade na concesión de subvencións para a protección e restauración da área queimada aos propietarios cunha pendente media superior ao 40%.

3. Deberase ter en conta o Decreto 81/1989, do 11 de maio, que establece no seu artigo 3.1º que non se permitirán novas plantacións de eucalipto en terras ocupadas por masas doutras frondosas, incluídas as áreas de vexetación natural de ribeira.

C.2. Fase de execución e explotación.

C.2.1. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural.

1. Durante a fase de obra e tras o informe deberá realizarse un seguimento e control arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito da zona de concentración parcelaria. A tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

C.2.2. En relación coa protección da natureza.

1. En xeral evitarase especialmente calquera afección sobre formacións arbóreas autóctonas, así como sobre os ecosistemas intimamente ligados á auga (turbeiras, lagoas, regatos...).

2. Buscarase a preservación dos corredores ecolóxicos, ecotonos e outros hábitats antropoxénicos de interese natural, cultural e paisaxístico (vexetación de ribeira, sebes, valados de pedra, socalcos, corredoiras, aliñacións de árbores, árbores illadas de interese, etc).

3. De atoparse especies protexidas pola lexislación vixente, deberán ser respectadas sen alterar o seu hábitat, comunicando o seu achado ao servizo provincial de conservación da natureza.

4. Para evitar a emisión de po debida ao tránsito de vehículos pesados e a afectación da vexetación circundante, deben asfaltarse as pistas con maior tránsito.

5. Non se abrirán canteiras de préstamo na zona salvo xustificación adecuada. Igualmente no tocante ás verteduras, que deben efectuarse en lugares previamente sinalizados e procedendo á súa integración no medio.

6. As vías deberanse axustar á topografía do terreo para minimizar o movemento de terras ao máximo e reducir os impactos. Así mesmo, e previamente á fase de execución, delimitaráse fisicamente o trazado co fin de evitar maiores intrusións.

7. Aproveitarase ao máximo posible a existencia de antigos accesos para o trazado das novas pistas.

8. A modelaxe dos noiros evitará formas demasiado artificiais procurando que o cambio de pendentes sexa gradual e integrándose co natural e por extensión coa paisaxe.

9. Adoptaranse as medidas precisas para evitar posibles desprendementos fundamentalmente en zonas de forte pendente, medidas que se tomarán fundamentalmente tanto para a fase de acondicionamento e execución como para a fase de uso.

10. Os noiros e desmontes deberán estar protexidos contra fenómenos erosivos.

11. Evitar que os sistemas de drenaxe sexan xerados de zonas asolagadas (de non existiren antes) ou contaminacións na rede hidrográfica.

12. Evitarase que os sistemas de drenaxe xeren un cambio substancial no réxime hidrolóxico. Non poderá facerse trasvaramento dunha microbacía para outra.

13. É moi importante o control da erosión das plataformas e das vías das cunetas. Para isto deberanse adoptar as medidas de protección oportunas de forma que a erosión sexa anecdótica. Os tramos onde a forza erosiva sexa importante pola súa elevada pendente deberán estar deseñados para adaptarse a esta situación evitando as erosións e a contaminación das augas.

14. O control da erosión non só debe limitarse aos puntos anteriores senón que tamén se deben establecer as medidas de control oportunas nos puntos de desaugamento das vías (bueiros), medidas que pasan pola disposición de disipadores de enerxía e barreiras de sedimentos entre outras.

15. A deterioración que sufran as infraestruturas viarias como consecuencia do uso que se faga delas durante o ciclo de explotación deberá ser restaurado. Entendemos esta necesidade aplicable a aqueles elementos daos vías que repercuten directamente no ambiente (procesos erosivos, contaminantes, desprendementos, levantamento de po...).

16. Calquera afección que se poida producir sobre os sistemas fluviais e o seu contorno debe ser eliminada de modo que se garanta a súa protección e conservación. É salientable a este respecto que, ademais das proteccións que xa derivaban da lexislación de pesca e de augas continentais, se lle vén sumar agora a Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos, a cal no seu primeiro artigo de principios xerais declara como prioridade de interese xeral da comunidade autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, incluíndo a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado.

17. Deberase manter intacta a vexetación riparia existente, evitando calquera afección sobre as formacións arbóreas autóctonas, así como as comunidades asociadas á estrutura interna e externa do río. Facilitarase a conectividade da canle coas súas ribeiras e en ningún caso deberán alterar zonas de servidume dos cursos fluviais.

18. Evitarase calquera actuación que leve asociados efectos negativos sobre o medio, como realizar verteduras accidentais de susbtancias contaminantes na propia explotación ou no seu contorno.

19. Evitarase calquera alteración das bacías vertentes, así como a destrución e cambios de ribeiras que afecten o funcionamento do sistema fluvial, ocasionando efectos tales como a sedimentación de limos nos fondos e modificación da temperatura ou a alteración das propiedades fisicoquímicas das augas.

20. No caso de efectuarse unha vertedura ou calquera tipo de actuación nas canles dos regatos, nas súas zonas de servidume e/ou policía, requirirase autorización previa do correspondente organismo de bacía. No caso de que esta afección atinxa os ecosistemas fluviais (como poida ser a afección ocasionada polo exceso de sólidos en suspensión nos lugares de desova, garlas dos peixes), requirirase informe preceptivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997 polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En calquera caso, a auga que se incorpore aos sistemas fluviais cumprirá cos parámetros exixidos no anexo V do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

21. Efectuarase unha minuciosa vixilancia sobre os procesos desencadeantes de erosión e contaminación das augas.

22. Para levar a cabo os labores de corta e roza, logo de autorización, escolleranse aqueles períodos que estean fóra das épocas de nidificación e cría para a fauna, implementando en todo caso as medidas para non a alterar.

23. A terra vexetal da zona de actuación será adecuadamente xestionada para garantir a súa preservación mentres non se emprega na restauración.

24. A terra vexetal que se importe deberá ser froito de alteración autorizada.

25. As restauracións que se fagan atenderán a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística reflectindo o carácter local do territorio afectado e implicarán: emprego de especies autóctonas, sempre tendo presentes as características edafolóxicas e climáticas da zona restaurada para a súa implantación.

As especies autóctonas que se deben empregar (árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) procederán da mesma zona ou outra similar segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

No caso de ser necesaria a eliminación dalgúns exemplares de árbores autóctonas, estas deberán ser replantadas e empregaranse na restauración. De todos os modos, e tal como se sinalou, recoméndase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

As especies que se empreguen deberán ser compatibles co hábitat en que se van implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, estrutura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etc.) e factores bióticos.

Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se van restaurar e os hábitats presentes (en superficies pequenas e/ou en estacións de mala calidade diminúen exponencialmente as posibilidades de acadar esta premisa).

As especies que se empregasen deben ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, aplicándose, se é o caso, os tratamentos oportunos. É dicir a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose, ademais, para acadar este obxectivo, os tratamentos culturais que sexan necesarios (aclareos, clareos, claras, rozas, etc.).

26. Finalmente, durante a implantación e execución deberanse efectuar os controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas precisas para evitalo, comunicando ao correspondente servizo de conservación da natureza tal situación, así como as medidas que se planifica adoptar. En todo caso paralizaranse aquelas obras susceptibles de producir a devandita afección, en canto o organismo competente non se pronuncie.

C.2.3. En materia forestal.

1. Asegurarase a persistencia das masas arborizadas fomentando sempre que sexa posible a rexeneración natural, pero facendo uso da plantación artificial cando o éxito da rexeneración non estea asegurado ou as características xenéticas da masa non sexan as máis adecuadas. No caso de zonas de forte pendente (superior ao 30%) as operacións de subsolaxe previas á plantación deberán realizarse de maneira descontinua, e as cortas de arboredo non poderán afectar a totalidade da masa existente.

2. Promoveranse as masas mixtas, ou cando menos a aparición de especies acompañantes da principal, especialmente frondosas autóctonas.

3. As especies arbóreas empregadas deberán ser as máis adecuadas á estación forestal e o material reprodutivo terá cando menos identificada a súa procedencia. Sempre que sexa posible empregarase material selecto.

4. Recoméndase que as superficies forestais incluídas en concentracións parcelarias contén cun instrumento de xestión que cumpra a lexislación vixente.

5. Só se recorrerá á fertilización das plantacións se está xustificado tecnicamente e está legalmente autorizado.

6. Vixiarase o arboredo para que se poidan detectar no menor prazo de tempo posible a aparición de pragas ou enfermidades. Non se empregarán produtos fitosanitarios, químicos nin doses que non estean legalmente autorizadas, debendo xustificarse tecnicamente a súa aplicación. Aconséllase o emprego de técnicas de loita integrada.

7. Débese velar polo éxito do rexenerado, tomando as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento, especialmente no que se refire á súa protección fronte aos herbívoros.

8. Racionalizarase a rede viaria forestal minimizando o número de ramais cegos, evitando os tramos de excesiva pendente e construíndo obras de drenaxe xustificadas tecnicamente.

9. Fomentarase a conservación da biodiversidade con especies e como ecosistemas, con medidas tales como a conservación de mouteiras maduras. Fomentarase o mantemento de árbores mortas sempre que non supoña un risco de pragas, enfermidades ou incendios.

10. Procederase á limpeza de residuos causados polas actividades forestais. No caso de cortas de arboredo, os tocos non superarán unha altura de 10 cm contados a partir do chan.

11. Evitarase a vertedura de residuos industriais nos labores forestais.

12. Minimizaranse os impactos paisaxísticos, racionalizando as superficies de corta e deixando pequenas mouteiras maduras ou árbores mortas que interrompan a uniformidade da corta.

13. Fomentarase a función recreativa e social das zonas forestais.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2009. Salvador J. García García, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Resumo da actuación descrita na documentación avaliada

A zona que se vai concentrar ocupa practicamente a totalidade da parroquia de Borrifáns e unha pequena zona da parroquia de Filgueira de Barranca, parroquias situadas no sudoeste do concello de Cesuras, na provincia da Coruña.

A superficie total é de 1.519 hectáreas, o que supón ao redor dun 19% de todo o territorio municipal.

Os seus límites son:

Norte: parroquias de Dordaño e Trasanquelos.

Sur: parroquias de Bascoi e Cabrui (concello de Mesía).

Leste: parroquia de Trasanquelos (concello de Cesuras)e parroquias de Lurdes e Fisteus (concello de Curtis).

Oeste: parroquia de Probaos (concello de Cesuras) e parroquia de Bascoi (concello de Mesía).

Dentro das 1.519,00 ha existen varias zonas que hai que excluír do proceso de concentración por razóns de planeamento (áreas identificadas como «solo de núcleo rural tradicional», «solo urbanizable industrial», «unidade de actuación» e «solo apto para urbanizar» segundo as normas subsidiarias de planeamento, 25 hectáreas), estimando que se actuará, finalmente, sobre unhas 1.494 hectáreas.

Aproximadamente a metade dos terreos concentrados oriéntanse á produción agrícola, dedicándose o resto a monte.

ANEXO II

Resumo das medidas de integración ambiental propostas

no estudo de impacto ambiental

Ao longo do proceso de concentración parcelaria debemos tentar introducir unha serie de medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias co fin de previr, paliar ou corrixir o impacto ambiental que orixinan no ambiente as distintas accións do proceso. Estas medidas aplicaranse ás:

Zonas e elementos para conservar.

Medidas protectoras na fase de formulación.

Definición de subperímetros (inclusións, rectificacións ou exclusións).

Localización daqueles puntos sensibles ás actuacións da concentración parcelaria.

Métodos de conservación dos enclaves de interese ambiental dentro da zona de concentración parcelaria.

Vexetación de ribeira.

Sebes e estremas arborizadas.

Pés illados de especies vexetais autóctonas.

Piñeirais e eucaliptais replantados.

Vexetación autóctona de carballos, castiñeiros e sobreiras.

Deseño do trazado da nova rede viaria.

Deseño das novas leiras de substitución.

Deseño de noiros e terrapléns.

Calendario de obra.

Formulación de plans de emerxencia de verteduras.

Respecto das zonas de protección de xacigas arqueolóxicos.

Implementación dun fondo de terras.

Medidas que se aplicarán durante as fases de execución e explotación.

Atmosfera.

Control da emisión de ruído.

Rega de camiños e emprego de lonas para evitar o levantamento de po.

Recursos hídricos e solos.

Restricións ao paso da maquinaria.

Retirada, almacenamento, conservación e recuperación da terra vexetal.

Integración dos noiros de camiños na paisaxe.

Situación axeitada das zonas de provisións de materiais, maquinaria, préstamo e vertedoiros.

Definición de zonas exclusivas para o cambio de aceites, lubricantes, etc.

Vexetación.

Proteción da vexetación.

Proteción de marxes e ribeiras.

Perigo de introdución de especies alóctonas e invasoras.

Fauna.

Adecuación das obras a épocas non delicadas para a fauna.

Procesos.

Prevención de incendios.

Medio socioeconómico.

Accións xerais de formación.

Ordenación de cultivos.

Fertilización.

Tratamentos fitosanitarios.

Medidas de protección do patrimonio cultural.

Medidas para evitar a simplificación e perda da toponimia.

Medidas para garantir a seguranza e saúde dos traballadores.

Medidas para garantir a seguranza e saúde da veciñanza.

Medida compensatoria.

Paisaxe.

Integración paisaxística.