DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Luns, 06 de abril de 2009 Páx. 6.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 30 de marzo de 2009 pola que convocan as subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural e se modifica parcialmente a Orde do 29 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria.

A conselleira de Vivenda e Solo aprobou, por Orde do 29 de abril de 2008, as bases reguladoras das subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural.

A citada orde de bases introducía unha novidade respecto a convocatorias anteriores: a posibilidade de adquisición de vivenda rural por parte do concello. Unha vez posta en marcha esta nova liña, cómpre precisar o tipo de vivenda rural que sería subvencionable e modificar, polo tanto, as bases reguladoras.

Por outra banda, a demanda dos concellos e o coñecemento da realidade social indica que é necesario continuar nesta liña de axudas para resolver o problema aínda existente, polo que se considera necesaria a publicación dunha nova orde de convocatoria para o exercicio 2009 de acordo coas citadas bases.

Así, esta orde ten por obxecto a modificación parcial das bases reguladoras establecidas pola Orde do 29 de abril de 2008 e abrir a convocatoria de subvencións a fondo perdido, en réxime de concorrencia non competitiva, aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural para o ano 2009, establecer o prazo de presentación de solicitudes, indicar o importe máximo das subvencións e identificar as partidas orzamentarias en que figuran os créditos que amparan a convocatoria.

A conselleira de Vivenda e Solo actúa no exercicio das competencias que ten atribuídas en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto abrir a convocatoria de subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural para o ano 2009 e modificar o artigo 4.II.C) da Orde do 29 de abril de 2008.

Capítulo I

Modificación parcial das bases reguladoras

Artigo 2º.-Modificación do artigo 4.II.C).

Modifícase como segue o texto do artigo 4.II.C) da Orde do 29 de abril de 2008, publicada no DOG nº 91, do 13 de maio, que a seguir se cita:

«Comprende a adquisición de acondicionamento de vivenda rural, por parte do concello, con destino a realoxamento da familia que habita unha infravivenda non susceptible de rehabilitación ou renovación.

As edificacións adquiridas, ou o resultante das obras de acondicionamento, non poderán ter unha división que supoña máis de dúas vivendas».

Capítulo II

Convocatoria das subvencións para o exercicio 2009

Artigo 3º.-Obxecto.

Abrir a convocatoria de subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva no exercicio económico 2009, para as subvencións reguladas na Orde do 29 de abril de 2008, publicadas no DOG nº 91, do 13 de maio, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural, de modo que as familias con baixos ingresos que as habitan poidan acadar unha vivenda digna conservando a súa integración social co medio.

Artigo 4º.-Concepto de infravivenda rural.

Para os efectos desta disposición enténdense por infravivendas rurais as edificacións que estean nas seguintes condicións:

1. Que non reúnan as mínimas condicións de habitabilidade nos aspectos de seguridade e estanquidade, condicións hixiénico-sanitarias, espazo habitable suficiente, servizos de auga e electricidade, segundo a normativa vixente en materia de habitabilidade.

2. Que as edificacións estean situadas en entidades de poboación de menos de 1.500 habitantes e non formen parte de grupos ou asentamentos de chabolas, entendidas segundo a Lei 5/1989, do 24 de abril, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Actuacións protexibles.

As axudas aos concellos previstas neste decreto deberán destinarse a algunha das seguintes actuacións:

I. Actuacións en infravivendas ou terreos propiedade das persoas afectadas.

A) Rehabilitación da infravivenda.

Comprende actuacións de rehabilitación que figuran no anexo I desta disposición.

B) Renovación da infravivenda.

Comprende actuacións de renovación que figuran no anexo I desta disposición.

C) Nova construción de vivenda unifamiliar.

Comprende a construción de vivenda nova unifamiliar con destino ao realoxamento da familia que habita na infravivenda non susceptible dalgunha das actuacións precedentes.

II. Adquisición de vivenda rural polos concellos e actuacións en edificacións ou terreos do concello.

A) Acondicionamento de edificacións do concello para o seu uso como vivendas.

Comprende as actuacións de rehabilitación ou renovación que figuran no anexo I, para o acondicionamento de edificacións dos concellos co fin de adaptalas ao seu uso como vivendas, para aloxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

B) Nova construción de vivendas.

Comprende a construción de vivendas novas con destino a realoxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

C) Adquisición de vivenda rural.

Comprende a adquisición e acondicionamento de vivenda rural, por parte do concello, con destino ao realoxamento da familia que habita nunha infravivenda non susceptible de rehabilitación ou renovación.

As edificacións adquiridas, ou o resultante das obras de acondicionamento, non poderán ter unha división que supoña máis de dúas vivendas.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde os concellos de Galicia con infravivendas rurais no seu termo habitadas por familias con ingresos familiares ponderados que non superen o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Artigo 7º.-Requisitos das familias.

As familias que utilizan estas edificacións como vivendas deberán acreditar uns ingresos ponderados inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) e a súa inscrición no padrón municipal.

Artigo 8º.-Solicitudes.

Os concellos presentarán as súas solicitudes de acordo co procedemento establecido no artigo 9 da Orde de bases do 29 de abril de 2008, e que se reproduce a continuación, e presentarán cuberto o impreso a que fai referencia o número 3º do citado artigo, que se recolle como anexo II desta orde de convocatoria.

Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta disposición formularán solicitude escrita que presentarán nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da súa situación territorial ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa seguinte documentación:

1. Memoria para cada unha das infravivendas obxecto das actuacións composta por:

1.1. Informe social sobre a composición, idades, situación económica, de saúde, cultural e de integración social da unidade familiar, con xustificación da necesidade e da adecuación das solucións propostas.

1.2. Informe sobre a infravivenda que ocupa a familia afectada, asinado polo técnico competente relativo á súa localización, características e estado de deteriorización, con reportaxe fotográfica en cor da edificación e xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

1.3. Proxecto técnico de execución. Para a solicitude da subvención poderá substituírse, provisionalmente, a presentación do proxecto de execución por un proxecto básico. Non obstante, o proxecto técnico de execución deberá presentarse no prazo dun mes a partir da notificación da concesión.

1.4. Memoria das actuacións propostas de entre as consideradas no artigo 4º desta disposición, orzamento de execución material e calendario de execución coa previsión das porcentaxes anuais de execución.

1.5. Informe do técnico municipal de que as actuacións propostas cumpren os requisitos de planeamento, tipoloxía, habitabilidade e conservación do patrimonio exixidos no artigo 5 da Orde do 29 de abril de 2008.

1.6. Custo total das actuacións e esquema de financiamento que xustifique a viabilidade financeira da operación.

1.7. Para o caso de adquisición de vivenda polo concello, presentarase un contrato de opción de compra da vivenda, un proxecto básico das actuacións de acondicionamento que se consideren necesarias e un orzamento que inclúa os gastos de adquisición e acondicionamento, coa previsión do calendario de execución.

1.8. Certificado do órgano correspondente do concello de que o nivel de renda da unidade familiar das persoas beneficiarias entra dentro dos criterios establecidos nesta convocatoria.

2. Certificado do acordo da entidade local en que se solicite a subvención á Consellería de Vivenda e Solo aceptando os termos desta disposición e de conformidade coa memoria, orzamento e prazo, que figuran no punto anterior, facultándose o alcalde para a aceptación da subvención.

3. Impreso que figura no anexo desta disposición cos datos da unidade familiar e da infravivenda, asinado necesariamente pola persoa da familia que a represente e, se é o caso, pola persoa propietaria do inmoble, membro da unidade familiar.

4. Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

Artigo 9º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor desta disposición e rematará o día 15 de xuño de 2009.

Artigo 10º.-Concesión da subvención.

De acordo co establecido no artigo 10 da Orde do 29 de abril de 2008, a ordenación e instrución do expediente levarase a cabo nos servizos das delegacións provinciais da consellería de Vivenda e Solo, e o órgano competente para resolver será a Conselleira de Vivenda e Solo.

Artigo 11º.-Prazos de resolución.

O prazo máximo establecido para resolver e notificar as resolucións de concesión da subvención será de seis meses.

Así mesmo, segundo o disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os concellos interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Recursos.

As resolucións de aprobación ou denegación da concesión e do pagamento da subvención do expediente poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13º.-Consignación orzamentaria e importe máximo.

1. Poderán concederse subvencións para as actuacións de rehabilitación e renovación de vivenda en terreos das persoas afectadas, e rehabilitación ou renovación para acondicionamento de edificacións propiedade do concello por un importe de 500.000 €, con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451A.760.2 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, 1.700.000 € con cargo aos orzamentos de 2010 e 1.000.000 € con cargo aos orzamentos de 2011.

2. Poderán concederse subvencións para as actuacións de nova construción de vivenda en terreos propiedade das persoas afectadas ou do concello, e adquisición de vivenda polo concello por un importe de 300.000 € con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451B.760.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, 500.000 € con cargo aos orzamentos de 2010 e 400.000 € con cargo aos orzamentos de 2011.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2009.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO I

Actuacións protexibles de rehabilitación e renovación

A. Rehabilitación.

a) Actuacións en elementos exteriores, segundo tipoloxía da zona:

a.1. Acabamentos de fachada.

a.2. Carpintaría exterior.

a.3. Cubertas.

b) Condicións estruturais-seguridade:

b1. Elementos estruturais e construtivos.

b2. Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

b3. Mellora das condicións de illamento en xeral.

b4. Medidas de seguridade (incendios sinistros, etc.)

b5. Acabamentos de elementos comúns.

c) Habitabilidade.

c1. Mellora no programa funcional das vivendas, tendo presente os posibles elementos de valor patrimonial.

c2. Adecuación das dimensións da vivenda e as estancias.

c3. Mellora na funcionalidade das diferentes instalacións. En xeral, obras dirixidas a adecuar as condicións hixiénico-sanitarias.

c4. Condicións de ventilación, iluminación e aireación. En xeral, acondicionamento e mellora do comportamento higrotérmico, illamentos e estanquidade da vivenda.

c5. Mellora das condicións construtivas, tendo en conta o tipo construtivo de partida.

d) Condicións de protección patrimonial.

d1. Melloras do volume externo.

d2. Melloras de elementos singulares.

e) Accesibilidade. Outras actuacións.

e1. Adaptación da vivenda ou do edificio para uso de persoas con discapacidade.

e2. Supresión de elementos engadidos.

e3. Acabamentos interiores.

Nestas actuacións, para o caso de que o promotor sexa distinto do concello, será necesaria a licenza municipal de obras.

B. Renovación.

1. Reforzo ou substitución parcial de elementos estruturais, quedan excluídas as reconstrucións totais de casas en ruína física como consecuencia de demolición ou baleiramentos da edificación primitiva.

2. Readaptación da configuración arquitectónica interior do edificio con adecuacións significativas dos seus elementos fixos ou estruturais, en actuacións de ampliación do espazo habitable dentro dos límites da edificación existente. Quedan excluídas todas as actuacións en vivendas con ampliacións que supoñan aumento ou modificación do volume da edificación primitiva, feitas cunha antigüidade inferior aos 20 anos.

3. As obras en edificacións que só permiten a conservación de elementos illados da edificación primitiva, incorporándoos á edificación de nova planta.

4. Ampliación da vivenda.

No caso das actuacións recollidas nos puntos a1, a2 e b1 que leven aparelladas actuacións de rehabilitación, presentarase un só orzamento global, debidamente desagregado e o conxunto considerarase como actuación de renovación.

Para todas as actuacións de renovación será requisito, ademais da licenza municipal para o caso de que o promotor sexa distinto do concello, o correspondente proxecto, así como o compromiso de dirección de obra asinado polo técnico competente que, ademais das calidades técnicas e de seguridade das obras, garantirá os requisitos do artigo 5 da Orde do 28 de abril de 2008.

Ver referencia pdf "06600D006P014.PDF"