DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 07 de abril de 2009 Páx. 6.886

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de marzo de 2009 pola que se ditan instrucións para as validacións académicas entre as ensinanzas profesionais de música e danza e a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e as ensinanzas de educación secundaria para as persoas adultas.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 47 que as administracións educativas facilitarán a posibilidade de cursar simultaneamente as ensinanzas artísticas profesionais e a educación secundaria obrigatoria, e que para tal fin se poderán adoptar as oportunas medidas de organización e de ordenación académica, que incluirán, entre outras, as validacións e a creación de centros integrados.

Consonte o anterior, o artigo 20 do Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de música, e o mesmo número do Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza, establecen o marco da correspondencia entre as ensinanzas profesionais de música e danza e as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, que regula a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Nesta liña, o Decreto 203/2007, do 27 de setembro, e o Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polos que se establecen, respectivamente, os currículos das ensinanzas profesionais de réxime especial de música e de danza, dispoñen, no artigo 24 o primeiro e no artigo 23 o segundo, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no marco da normativa básica vixente, regulará as medidas necesarias para que o alumnado poida cursar simultaneamente as ensinanzas profesionais de danza e de música e a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato. Para tales efectos, a citada regulación deberá abordar a adopción de medidas de organización e de ordenación académica que incluirán entre outras, as validacións, as adaptacións curriculares e as condicións para o desenvolvemento dunha oferta integrada das ensinanzas reguladas nese decreto e as correspondentes á educación secundaria obrigatoria e ao bacharelato.

Para tal fin, o Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, polo que se establecen validacións entre as ensinanzas profesionais de música e de danza e a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato, así como os efectos que sobre a materia de educación física deben ter a condición de deportista de alto nivel ou alto rendemento e as ensinanzas profesionais de danza, dispón as validacións entre as ensinanzas profesionais de música e de danza e a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato, en coherencia co establecido na disposición adicional cuarta do Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria, e na disposición adicional sétima do Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro, polo que se establece a estrutura do bacharelato e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

Coa finalidade de desenvolver o regulado na citada normativa, cómpre, pois, establecer procedementos que favorezan unha concepción integradora do sistema educativo das ensinanzas de réxime xeral coas ensinanzas de réxime especial de música e de danza, ao tempo que se palían os efectos que pode producir a sobrecarga lectiva dos estudantes que optan polos estudos de música e de danza.

Esta orde regula, pois, os aspectos referentes ás validacións entre as ensinanzas de réxime especial de música e de danza e determinadas materias da educación secundaria obrigatoria, do bacharelato ou entre a oferta curricular propia de cada centro do ensino básico para as persoas adultas. Así mesmo, regúlanse os aspectos referentes ás adaptacións do currículo nas materias de música e educación física na educación secundaria obrigatoria. Finalmente, disponse a adopción de medidas de coordinación para o alumnado que curse a modalidade do bacharelato en artes na súa vía específica de música, danza e artes escénicas.

En consecuencia co exposto, e en virtude das atribucións conferidas pola normativa anteriormente citada, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por finalidade ditar medidas organizativas e de ordenación académica para facilitar a simultaneidade dos estudos profesionais das ensinanzas de música e de danza coa educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e o nivel III do ensino básico para as persoas adultas, de acordo co establecido no artigo 47 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

2. Esta orde é de aplicación nos centros públicos ou privados que estean autorizados para impartir as ensinanzas profesionais de música ou de danza, de educación secundaria, de bacharelato ou as ensinanzas de educación secundaria para as persoas adultas.

Artigo 2º.-Validacións da materia de música da ESO.

De conformidade co establecido no artigo 2 do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, autorízanse as validacións de materias das ensinanzas profesionais de música e de danza pola materia de música da educación secundaria obrigatoria, conforme se establece a continuación:

a) O alumnado que teña superado o 1º curso de instrumento ou voz poderá solicitar a validación da materia de música de 2º ou de 3º curso da educación secundaria obrigatoria.

b) O alumnado que teña superado o 1º curso da materia de música das ensinanzas profesionais de danza poderá solicitar a validación da materia de música de 2º ou de 3º curso da educación secundaria obrigatoria.

c) O alumnado que teña superado o 2º curso de instrumento ou voz poderá solicitar a validación da materia de música de 4º curso da educación secundaria obrigatoria.

d) O alumnado que teña superado o 2º curso da materia de música das ensinanzas profesionais de danza poderá solicitar a validación da materia de música de 4º curso da educación secundaria obrigatoria.

Artigo 3º.-Validacións das materias optativas da ESO.

De conformidade co establecido nos artigos 20 do Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, e do Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, autorízanse as validacións de materias optativas da educación secundaria obrigatoria por determinadas materias das ensinanzas profesionais de música e de danza, conforme se establece a continuación:

a) O alumnado que teña superada a proba de acceso a calquera dos cursos das ensinanzas profesionais de música ou de danza e teña formalizada a súa matrícula no cursoa que acceda, poderá solicitar a súa validación por unha materia optativa dun curso da educación secundaria obrigatoria.

b) O alumnado que teña superada a materia de linguaxe musical dun curso das ensinanzas profesionais de música poderá solicitar a súa validación pola materia optativa de 3º ou 4º da educación secundaria obrigatoria.

c) O alumnado que teña superada a materia de danza galega das ensinanzas profesionais de danza poderá solicitar a súa validación pola materia optativa de 3º ou 4º da educación secundaria obrigatoria.

Artigo 4º.-Validacións de diversas materias do bacharelato.

1. De conformidade co establecido no artigo 3 do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, autorízanse as validacións de materias das ensinanzas profesionais de música e de danza, por determinadas materias do bacharelato, conforme se establece a continuación:

a) O alumnado que teña superado o 2º curso de harmonía poderá solicitar a validación da materia de análise musical I do bacharelato.

b) O alumnado que teña superado o 1º curso de análise poderá solicitar a validación da materia de análise musical II do bacharelato.

c) O alumnado que teña superado os cursos 1º e 2º de historia da música poderá solicitar a validación da materia de historia da música e da danza do bacharelato.

d) O alumnado que teña superado o 3º curso de instrumento ou voz poderá solicitar a validación da materia de linguaxe e práctica musical do bacharelato.

e) O alumnado que teña superado os cursos 1º e 2º de anatomía aplicada á danza poderá solicitar a validación da materia de anatomía aplicada do bacharelato.

f) O alumnado que teña superado os cursos 1º e 2º de historia da danza poderá solicitar a validación da materia de historia da música e da danza do bacharelato.

g) O alumnado que teña superado o 3º curso da materia de música poderá solicitar a validación da materia de linguaxe e práctica musical do bacharelato.

2. Para as materias de contido análogo das ensinanzas profesionais de música e de danza non recollidas no punto anterior, os centros educativos poderán solicitar as correspondentes validacións á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para a concesión destas validacións requirirase unha coincidencia en obxectivos e contidos non inferior ao 75% no cómputo total do curso considerado e os cursos previos.

3. As materias obxecto de validación non serán tidas en conta no cálculo da nota media.

Artigo 5º.-Validacións de materias optativas do bacharelato.

De conformidade co establecido no artigo 20 do Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, e no mesmo número do Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, autorízanse as validacións de materias optativas do bacharelato por determinadas materias das ensinanzas profesionais de música e de danza, conforme se establece a continuación:

a) O alumnado que teña superado o 1º curso das materias de orquestra, banda ou coro poderá solicitar a validación da materia optativa de 1º do bacharelato.

b) O alumnado que teña superado o 2º curso das materias de orquestra, banda ou coro poderá solicitar a validación da materia optativa de 2º do bacharelato.

c) O alumnado que teña superado o 1º curso da materia de acondicionamento físico poderá solicitar a validación da materia optativa de 1º do bacharelato.

d) O alumnado que teña superado o 2º curso da materia de acondicionamento físico poderá solicitar a validación da materia optativa de 2º do bacharelato.

Artigo 6º.-Validacións das ensinanzas da ESO para as persoas adultas.

Autorízase a validación da oferta curricular propia de cada centro na educación secundaria para as persoas adultas polas materias das ensinanzas profesionais de música e de danza, conforme se establece a continuación:

O alumnado que teña superados os catro primeiros cursos das ensinanzas profesionais de música ou de danza, poderá solicitar a súa validación polos 100 períodos lectivos de oferta curricular propia de cada centro das ensinanzas de educación secundaria para as persoas adultas, reguladas na Orde do 24 de xuño de 2008 (DOG do 23 de xullo).

Artigo 7º.-Exención da materia de educación física.

1. De conformidade co establecido no artigo 4 do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, poderán solicitar a exención da parte práctica da materia de educación física de educación secundaria obrigatoria aqueles que simultaneamente realicen estudos das ensinanzas profesionais de danza.

2. Así mesmo, poderán solicitar a exención da parte práctica ou a exención total da materia de educación física do bacharelato aqueles que simultaneamente realicen estudos das ensinanzas profesionais de danza.

Artigo 8º.-Avaliación da materia de educación física.

1. O alumnado exento da parte práctica da materia de educación física non estará obrigado a asistir ás sesións prácticas e realizará as actividades de aprendizaxe e avaliación que non impliquen un coñecemento adquirido directamente nas sesións prácticas.

2. O alumnado de bacharelato que se acolla á exención total non será avaliado da materia de educación física. Esta materia non será tida en conta no cálculo da nota media do bacharelato.

Artigo 9º.-Procedemento para as validacións.

1. Para solicitar as validacións, deberase presentar no centro o certificado académico que acredite a superación das materias necesarias. O alumnado que curse simultaneamente os cursos correspondentes para a validación poderá presentar o certificado académico que acredite a superación das materias ata a data en que se leve a cabo a avaliación final extraordinaria, noutro caso a materia figurará como pendente.

2. Nos documentos de avaliación correspondentes, utilizarase o código CV e/ou o termo Validada no recadro referido á cualificación das materias obxecto de validación.

3. As validacións recollidas nesta orde serán aplicadas polos/as directores/as dos centros que impartan a educación secundaria obrigatoria, por petición dos/as pais/nais ou titores/as legais do alumno ou alumna, á vista do certificado académico expedido polo correspondente conservatorio de música ou de danza, ou centro autorizado, en que se acredite a superación da materia susceptible de ser validada.

4. Cada materia só poderá ser utilizada unha única vez para as validacións establecidas nesta orde.

Artigo 10º.-Procedemento para as exencións.

1. Para solicitar a exención da materia de educación física deberase presentar no centro o documento que acredite ter formalizada a matrícula para cursar estudos das ensinanzas profesionais de danza nun centro público ou nun centro privado autorizado.

2. Nos documentos de avaliación correspondentes ao bacharelato, utilizarase o código EX e/ou o termo Exento/a no espazo referido á cualificación da materia de educación física cando se conceda a exención total.

Artigo 11º.-Adaptacións do currículo na educación secundaria obrigatoria.

1. O alumnado matriculado na educación secundaria obrigatoria e nas ensinanzas profesionais de música ou de danza, que non obtivese as validacións establecidas no artigo 2º, poderá ser obxecto de adaptacións do currículo da materia de música que consistirán en medidas de ampliación. Estas adaptacións realizaranse no centro onde cursen os estudos de educación secundaria obrigatoria.

2. Igualmente, o alumnado matriculado na educación secundaria obrigatoria e nas ensinanzas profesionais de música ou de danza, poderá ser obxecto de adaptacións do currículo da materia de educación física. Estas adaptacións deberán estar dirixidas a potenciar e preservar a parte anatómica relacionada co instrumento e coa práctica da danza que o alumno ou alumna estea a cursar.

3. Estas adaptacións serán aplicadas polos/as directores/as dos centros que impartan a educación secundaria obrigatoria, a través do titor ou titora de curso, por petición dos/as pais/nais ou titores/as legais do/a alumno/a, á vista do certificado académico expedido polo correspondente conservatorio de música ou de danza ou centro autorizado, no que se acredite a matriculación nas ensinanzas profesionais de música ou de danza. Para elaborar estas adaptacións terase en conta o informe que remita a xefatura de estudos do conservatorio onde o alumno ou alumna curse as ensinanzas profesionais de música ou de danza, e non será necesaria a avaliación psicopedagóxica do alumnado.

Artigo 12º.-Ordenación das ensinanzas da ESO e das ensinanzas profesionais de música e danza.

Nos casos en que o bacharelato na modalidade de música, danza e artes escénicas se imparta nos conservatorios profesionais de música ou de danza, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais ditará as normas necesarias para garantir a axeitada coordinación entre os institutos de educación secundaria e os conservatorios profesionais de música ou de danza, co fin de facilitarlle ao alumnado a simultaneidade dos dous tipos de estudos.

Artigo 13º.-Titulación.

1. En aplicación do disposto no artigo 50 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o alumnado que finalice as ensinanzas profesionais de música ou de danza, obterá o título de bacharel se supera as materias comúns do bacharelato, aínda que non realizase o bacharelato na modalidade de artes na súa vía específica de música.

2. O bacharelato a que se refire o punto anterior terá a denominación que oportunamente se estableza e considerarase integrado polas materias comúns do bacharelato e o grao profesional de música ou de danza.

3. O alumnado que opte por cursar este bacharelato, matricularase das materias comúns en calquera centro que imparta estas ensinanzas. Para tal efecto, deberá achegar unha certificación académica expedida polo conservatorio de música ou de danza, ou centro autorizado, en que se acredite a matriculación nas ensinanzas profesionais de música ou de danza.

Artigo 14º.-Adaptacións horarias.

1. Os/as directores/as dos centros de educación secundaria, cando a organización do centro así o permita, establecerán medidas de axuste no referente aos horarios do alumnado que curse ensinanzas profesionais de música ou de danza, co fin de facilitarlles unha dispoñibilidade horaria que lles permita unha maior dedicación aos estudos de música ou danza.

2. Cando os axustes horarios impliquen a saída por parte do alumno ou alumna do centro en que curse as ensinanzas de réxime xeral, os pais, nais ou titores legais asumirán por escrito a súa total responsabilidade a partir do momento da saída da alumna ou alumno do centro educativo.

3. Cando, por outra parte, o alumnado abandone a aula durante a impartición das materias validadas pero permaneza no centro, a xefatura de estudos establecerá os procedementos necesarios para a atención deste alumnado durante o período lectivo das ditas materias.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 15 de maio de 2001 pola que se establecen accións encamiñadas a facilitar a simultaneidade dos estudos do grao medio das ensinanzas de música reguladas polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, cos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e nivel III do ensino básico para as persoas adultas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente en vía xurisdicional perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2009.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria