En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:
O Xurado Provincial de Clasificación de Montes veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:
Asistentes:
Presidente: Gonzalo Constenla Bergueiro, delegado provincial da Consellería do Medio Rural.
Vocais:
Mª. Jesús Novoa Suárez, letrada do Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra.
Jesús de la Fuente Villar, xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais.
Víctor Abelleira Argibay, representante do Colexio de Avogados de Pontevedra.
Vogais representantes da CMVMC de Lavadores, concello de Vigo:
Manuel Estévez Lorenzo.
José Antonio Domínguez Fernández.
Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.
Na cidade de Pontevedra, sendo as 16.30 horas do día 19-2-2009, coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 2ª planta do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación do monte Meixoeiro ou Regueiro Furado, da parroquia de Lavadores, do concello de Vigo.
Antecedentes de feito.
Primeiro.-Con data de entrada 8-6-2006, Manuel Estévez Lorenzo, na súa condición de presidente da CMVMC de Lavadores, do concello de Vigo, e en representación dela, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Meixoeiro ou Regueiro Furado como veciñal en man común para os veciños da parroquia de Lavadores, acompañando informe técnico e pericial, describindo o monte, identificación, superficie, ocupacións e lindeiros.
Segundo.-O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión de 26-4-2007, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito monte a prol da CMVMC de Lavadores, do concello de Vigo.
Terceiro.-O rexistrador da propiedade nº 2 de Vigo, certifica con data do 24-1-2008, que o monte solicitado non aparece inscrito a nome de ningunha persoa.
Cuarto.-Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de MIF o monte obxecto deste expediente, obedece á seguinte descrición:
Concello: Vigo.
Parroquia: Lavadores.
Nome do monte: Parcela A.
Cabida: 40.810 m2 (superficie alegada na solicitude).
Lindes:
Norte: estrada Vigo-Madrid (A-52).
Sur: parroquia de Bembrive, monte de UP nº 563.
Leste: predios particulares de González Alonso Eduardo y cía, S.A., Talleres Rodosa S.L., Atriscar S.L., Orden Urbano S.L., Fernando del Río S.L. e Seteinco S.L.
Oeste: C.A. Galicia.
Nome do monte: Parcela B.
Cabida: 32.935 m2 (superficie alegada na solicitude).
Lindes:
Norte: IES Valentín Paz Andrade.
Sur: residencia da 3ª idade, C.A. Galicia e camiño Arieiro.
Leste: estrada de Madrid e IES Ricardo Mella.
Oeste: Monte de UP nº 869 e predios particulares de Apariper S.L., Jaime Leiras, Urbano Pérez Rodríguez, José Leiras Rodríguez, concello de Vigo e estrada de Madrid.
Nome do monte: Parcela C.
Cabida: 20.995 m2 (superficie alegada na solicitude).
Lindes:
Norte: monte xa clasificado da propia CMVMC de Lavadores.
Sur: estrada Vigo-Madrid (A-52).
Leste: predios particulares de Alonso González Martín, camiño e estrada vella de Madrid.
Oeste: IE Ricardo Mella.
Quinto.-Realizadas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, non se presentan alegacións
Fundamentos de dereito.
Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
Segundo.-Esta solicitude de clasificación ten que ser rexeitada polos seguintes motivos:
1º Este mesmo monte xa foi obxecto de desestimación por parte do Xurado de Montes, en sesión que tivo lugar con data do 20-6-2001, e volveuse desestimar na resolución do recurso de reposición interposto pola CMVMC solicitante, en sesión que tivo lugar o 14-7-2004. Resolucións, confirmadas pola sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número dous de Pontevedra con data do 27-9-2006.
2º Contrariamente ao que indica o solicitante, a CMVMC de Lavadores non achega ningún novo documento que non fose tido en conta nas resolucións do 20-6-2001, 14-7-2004 e na sentenza xudicial do 27-9-2006. Proba diso, entre outras, é o seguinte:
-Emolumentos do común do Libro Real de Legos do Catastro do Marqués de la Ensenada (folios 19 ao 47 deste expediente), correspóndense cos folios 193 ao 198 do expediente antigo.
-Expediente promovido polo concello de Lavadores en solicitude de excepción de venda dos montes daquel concello (folios 24 ao 47 deste expediente) correspóndense cos folios 12 ao 34 do expediente antigo.
-Inscrición do monte Meixoeiro ou Regueiro Furado (folios 52 ao 54 deste expediente), correspóndense cos folios 8 ao 10 do expediente antigo, etc.
3º O Xurado de Montes non pode volver revisar actos firmes en vía administrativa, xa que a función negativa ou excluínte da cousa xulgada comporta que cando se promova un proceso cun obxecto idéntico a outro xa resolto, o xulgador do segundo preito deberá pór fin a el, é dicir, non se pode volver sobre o xa resolto.
E todo de acordo cunha presunta nova e fundamental documentación presentada polo solicitante, cousa por outro lado incerta como se refería no punto anterior, xa que non só se pronunciou o Xurado de Montes senón os tribunais de xustiza da orde contencioso-administrativa, desestimando a mesma pretensión agora reiterada. E intentando, o solicitante, coa apertura deste novo expediente prescindir de tales decisións, baleirando de contido a cousa xulgada e suprimindo a forza vinculante das resolucións xudiciais da orde contencioso-administrativo, e intentando desa forma evitar a vía civil, a cal o pronunciamento xudicial referido deixou expedita.
En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, a instrutora propón e, de maneira unánime, o xurado acorda: non clasificar como veciñal en man común o monte denominado Meixoeiro ou Regueiro Furado, por ser un expediente xa resolto polo Xurado de Montes en resolucións do 20-6-2001 e 14-7-2004, confirmadas pola sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número dous de Pontevedra con data do 27-9-2006.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 12 de marzo de 2009.
Gonzalo Constenla Bergueiro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

