Mediante a Orde do 7 de maio de 1997 creouse o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega, ao cal se lle encomendou, entre outras, a tarefa de actuar como autoridade única de control no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de produción ecolóxica, de acordo coa regulación que deste sector facía o regulamento europeo vixente naquel momento, o R(CEE) 2092/1991 do Consello, do 24 de xuño de 1991, sobre a produción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos produtos agrarios e alimentarios.
De acordo coa dita orde e co previsto na Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, o viño e os alcohois, o Craega constituíuse como órgano desconcentrado da administración, sen personalidade xurídica propia, exercendo desde a súa creación as funcións encomendadas.
Porén, nos últimos anos téñense producido importantes cambios normativos que afectan o funcionamento deste órgano e o sector da actividade en que actúa.
Así, por unha parte, en marzo de 2005 publicouse no DOG a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega. Posteriormente, con data do 29 de xaneiro de 2007, publicouse o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. A disposición adicional primeira deste decreto establece que serán de aplicación ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia as disposicións nel contempladas que sexan compatibles coa natureza da agricultura ecolóxica na medida en que se trata dunha denominación de calidade de carácter non xeográfico. Estas normas establecen o réxime xurídico e de funcionamento dos consellos reguladores das denominacións de calidade alimentarias existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que son dotados de personalidade xurídica propia baixo a forma de corporacións de dereito público. De acordo coa alínea 4 da
disposición transitoria primeira do citado decreto, a entrada en vigor do novo regulamento de cada consello regulador determinará a súa constitución como corporación de dereito público.
Por outra parte, en 2007 aprobouse a nova regulación da agricultura ecolóxica no ámbito da Unión Europea, recollida no R(CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, aplicable desde o pasado 1 de xaneiro de 2009, momento a partir do cal quedou derrogado o R(CE) 2092/1991.
Faise necesario, por tanto, publicar a normativa reguladora do funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, adaptada á realidade deste sector no noso país e ao marco normativo actualmente en vigor, para o que tamén se deberá ter en conta a experiencia adquirida nos anos que este órgano leva actuando.
Por todo o anterior, tras a proposta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,
DISPOÑO:
Artigo único.-Apróbase o regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega, que figura como anexo desta disposición, organismo a que se lle encomendan, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o control e certificación da produción ecolóxica, regulada a través do R(CE) 834/2007 e as normas que o complementen, así como o fomento deste sistema de produción, en colaboración coa consellería competente en materia de agricultura.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango a esta orde no que se opoñan a ela e, en particular, queda derrogada a Orde do 7 de maio de 1997, pola que se regula a produción agrícola ecolóxica e a súa indicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se crea o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, e a Orde do 21 de agosto de 1997, pola que se aproba o logotipo, a contraetiqueta e o precinto identificativos da produción agrícola ecolóxica de Galicia.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facultade de desenvolvemento.
Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as normas precisas para o desenvolvemento do establecido nesta orde.
Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2009.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
ANEXO
Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Natureza xurídica do Craega.
1. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega, creado mediante a Orde do 7 de maio de 1997, constitúese, de acordo co establecido no artigo 12 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, como corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.
2. O funcionamento do Craega está suxeito ao réxime de dereito privado con carácter xeral, salvo as actuacións que supoñan o exercicio de potestades públicas, nas cales se someterá ás normas do dereito administrativo.
3. A consellería con competencias en materia de agricultura, ademais de asumir a súa función de autoridade competente, de acordo co establecido no R(CE) 834/2007, exercerá a tutela administrativa do Craega, que comprenderá o control de legalidade dos actos e acordos dos seus órganos de goberno suxeitos ao dereito administrativo, a resolución dos recursos contra actos ditados no exercicio das súas funcións públicas e o control de legalidade das demais actuacións previstas na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e nas disposicións de desenvolvemento.
Artigo 2º.-Ámbito competencial do Craega.
O ámbito de competencias do Craega está determinado:
a) No relativo ao territorio, polo da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) No que se refire aos produtos, polos definidos na alínea 2º do artigo 1 do R(CE) 834/2007.
c) Por razón das persoas, tanto físicas como xurídicas, as que notificasen debidamente ao Craega a súa solicitude de alta no sistema de produción ecolóxico e se sometan ao seu sistema de control.
Artigo 3º.-Funcións do Craega.
1. Son funcións do Craega as seguintes:
a) Aplicar o sistema de control a que se refire o título V do R(CE) 834/2007, como organismo de control autorizado no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Velar polo correcto uso dos termos protexidos a través do R(CE) 834/2007, do 28 de xuño, en colaboración cos servizos de control da calidade da consellería competente en materia de agricultura. Para o exercicio desta función, os inspectores habilitados do Craega, debidamente acreditados, terán a consideración de axentes da autoridade, de acordo co establecido no artigo 54.1º da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.
c) Difundir o coñecemento e a aplicación dos sistemas de produción ecolóxica e dos produtos ecolóxicos.
d) Propoñer á consellería competente en materia de agricultura actuacións en materia de produción agraria ecolóxica.
e) Propoñer á consellería competente en materia de agricultura as normas relativas ao funcionamento do Craega e a súa modificación.
f) Propoñer á consellería competente en materia de agricultura para a súa aprobación, o Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas do Craega, en diante Manual de calidade, documento en que se recollerán as normas complementarias de aplicación, en particular as relativas á implementación do proceso de control e certificación.
g) Xestionar os rexistros de operadores a que se refire o capítulo II deste regulamento.
h) As demais funcións que se recollen con carácter xeral para os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade no artigo 14 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, na medida en que sexan compatibles coa natureza da produción ecolóxica.
2. O Craega poderá ofrecer aos operadores inscritos servizos de certificación de producións ecolóxicas de acordo con outras normas diferentes ás recollidas polo R(CE) 834/2007 e aplicables en terceiros países (normas JAS, NOP, BIO SUISSE e outras) para facilitar a súa exportación. Ademais, tamén poderá ofertar outros servizos relacionados co seu ámbito de competencias tras o acordo do pleno e a autorización da consellería competente en materia de agricultura.
3. O Craega poderá recomendar a utilización de produtos distintos dos definidos na alínea 2º do artigo 1 do R(CE) 834/2007 que interveñan na obtención destes, directa ou indirectamente. Tamén poderá recomendar o uso de determinados servizos prestados ás explotacións e aos operadores inscritos nos rexistros do Consello Regulador e a actividade de determinados establecementos comerciais ou da hostalaría destacados pola súa vinculación e fomento da agricultura ecolóxica e dos produtos ecolóxicos.
Este apoio do Craega farase efectivo mediante a cesión do uso da indicación «produto/servizo/establecemento recomendado polo Craega», de acordo coas condicións que se establezan no Manual de calidade do Consello Regulador.
Artigo 4º.-Normativa de aplicación.
As normas relativas aos sistemas de produción aplicados polos operadores inscritos nos rexistros de operadores do Craega, aos sistemas de control e certificación e ás indicacións protexidas, serán as recollidas no Regulamento (CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o R(CEE) 2092/1991, e demais normas que o desenvolvan.
Estas normas compleméntanse coas normas técnicas que o Craega recolla no seu Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.
Capítulo II
Rexistros do Craega
Artigo 5º.-Rexistros de operadores.
1. Para realizar as súas funcións de control e de fomento da produción ecolóxica, o Craega xestionará os seguintes rexistros de operadores:
a) Rexistro de operadores titulares de empresas agrarias de produción vexetal.
b) Rexistro de operadores titulares de empresas agrarias de produción animal.
c) Rexistro de operadores titulares de industrias elaboradoras e/ou envasadoras.
d) Rexistro de operadores titulares de empresas importadoras e/ou comercializadoras.
2. Poderán inscribirse nos rexistros do Consello Regulador os operadores titulares de empresas que exerzan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen certificar as súas producións como procedentes da agricultura ecolóxica, de conformidade co establecido no Regulamento CE nº 834/2007. En función do tipo de actividade que desenvolvan inscribiranse no rexistro correspondente.
3. Os operadores que desenvolvan actividades incluídas en máis dun dos rexistros do Consello Regulador figurarán en todos aqueles rexistros que correspondan por esas actividades.
4. A inscrición nos rexistros do Consello Regulador é voluntaria e non exime os interesados da obriga de se inscribiren naqueles outros rexistros que, con carácter xeral, estean establecidos legalmente, así como contar cos permisos, licenzas ou autorizacións administrativas pertinentes, debendo acreditalo no momento da solicitude da inscrición.
Artigo 6º.-Procedemento para a inscrición nos rexistros.
1. Poderán inscribirse no rexistro correspondente do Craega as persoas físicas ou xurídicas que sexan operadores titulares de empresas de produción, elaboración, envasado, importación ou comercialización que se dediquen ou pretendan dedicarse a actividades que configuran o sistema de produción ecolóxica. No caso das persoas xurídicas, deberán xustificar documentalmente tamén esta condición.
2. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que se establezan no Manual de calidade.
3. Formulada a petición e verificada a súa corrección formal, trasladarase ao órgano de control para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición. O órgano de control preparará un informe que será posto á disposición do Comité de Certificación, que emitirá informe en relación á inscrición ou non do interesado.
4. De ser o caso, tras o informe favorable do Comité de Certificación, o Consello Regulador entregará ao interesado un certificado acreditativo da inscrición, indicando os medios de produción que quedan vinculados a ela, as condicións particulares establecidas -entre elas, de ser o caso, o período de conversión fixado- e a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.
5. De acordo co establecido na alínea 5º do artigo 8 do Decreto 4/2007, o Comité de Certificación emitirá informe desfavorable de forma motivada sobre a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado pola presidencia do Consello Regulador.
Artigo 7º.-Vixencia e renovación das inscricións.
1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos da normativa reguladora da produción ecolóxica. O pleno do Consello Regulador poderá suspender temporalmente nos seus dereitos os inscritos ou dalos de baixa no rexistro cando non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.
2. As inscricións nos rexistros renovaranse anualmente mediante os impresos recollidos no Manual de calidade, que poñerá o Consello Regulador á disposición da persoa interesada.
3. Para proceder á renovación da inscrición será preciso que o operador cumpra coas súas obrigas co Consello Regulador.
Artigo 8º.-Modificación das inscricións.
Os operadores inscritos nos rexistros do Consello Regulador deberán comunicar a este con anticipación todas aquelas modificacións que pretenda realizar en relación cos medios de produción e aos procesos produtivos para os cales obtivo a certificación e que poidan afectala. Para realizar as comprobacións oportunas, o órgano de control realizará, de ser necesario, a correspondente visita de inspección. O operador non deberá comercializar produtos afectados por tales cambios en canto non se lle autorice expresamente.
Artigo 9º.-Baixa nos rexistros.
1. A baixa nos rexistros do Consello Regulador pode ser voluntaria, tras a petición por escrito do interesado; por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica titular da inscrición ou tras a incoación e resolución dun expediente por parte do pleno do Consello Regulador, por incumprimento grave do establecido na normativa reguladora da agricultura ecolóxica ou neste regulamento.
2. Non obstante o anterior, no caso de morte da persoa física ou extinción da persoa xurídica titular da inscrición, non procederá a baixa se nos seis meses seguintes se comunica ao Consello Regulador cal é a persoa que se subroga nos dereitos e obrigas do causante.
3. No caso de baixa voluntaria, deberá transcorrer un período de dous anos para proceder a unha nova inscrición, agás no caso de cambio de titularidade.
4. Quen sexa dado de baixa, ben por vontade propia ben tras a resolución dun expediente, debe satisfacer as súas obrigas pendentes co Consello Regulador.
Capítulo III
Dereitos e obrigas dos inscritos
Artigo 10º.-Dereitos dos operadores inscritos.
1. Son dereitos dos operadores inscritos nos rexistros do Craega:
a) Utilizar na etiqueta, presentación e publicidade dos produtos comercializados as indicacións ecolóxico ou biolóxico e os seus derivados ou abreviaturas, así como o logotipo europeo identificador dos produtos ecolóxicos, de acordo co establecido no R(CE) 834/2007.
b) Utilizar na etiqueta, presentación e publicidade dos seus produtos controlados polo Craega o logotipo identificador que se xunta como anexo deste regulamento, nas condicións que se establezan no Manual de calidade do Consello Regulador.
c) Participar como elector e como elixible nos procesos electorais para a renovación do pleno do Consello Regulador, de acordo co establecido no capítulo VII deste regulamento, relativo ao réxime electoral.
d) Figurar no directorio de explotacións e empresas inscritas no Consello Regulador, o cal estará á disposición de todos os interesados.
e) Beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador aos inscritos, en particular o relativo á certificación do produto.
f) Recibir información e favorecerse das actuacións xerais de promoción e formación e calquera outra tendente á difusión e fomento da produción e o consumo dos produtos ecolóxicos levadas a cabo polo Consello Regulador.
2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.
Artigo 11º.-Obrigas dos operadores inscritos.
1. Son obrigas dos operadores inscritos nos rexistros do Craega:
a) Cumprir o establecido na normativa vixente en materia de produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e, en particular, no R(CE) 834/2007 e normas que o desenvolvan, neste regulamento e no Manual de calidade do Craega. Tamén deberán cumprir cos acordos que, dentro do ámbito das súas competencias, adopten o Consello Regulador e a Consellería do Medio Rural.
b) Colaborar na realización de visitas de seguimento e inspección que realice o persoal do órgano de control do Consello Regulador e facilitar a tarefa dos inspectores proporcionándolles a información que soliciten.
c) Comunicar por escrito ao Consello Regulador, con antelación suficiente, todas as modificacións relativas aos medios de produción que poidan afectar a cualificación dos produtos como ecolóxicos e, en xeral, todas a modificacións que afecten substancialmente os datos achegados cando a inscrición, para o mantemento actualizado dos rexistros.
d) Solicitar autorización ao Consello Regulador para o uso das etiquetas comerciais antes da súa posta en circulación, de acordo do recollido no artigo 13 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. O Consello Regulador deberá contestar no prazo máximo de 15 días hábiles. Do mesmo xeito, requirirase a dita autorización para a utilización do material promocional que inclúa o logotipo ou referencias ao Craega.
e) Participar activa e responsablemente nos procesos electorais para a renovación do pleno do Consello Regulador e asumir as obrigas que deste poidan derivar.
f) Estar ao día no pagamento das cotas fixadas polo Craega de acordo co que se recolle no capítulo VI deste regulamento.
2. O incumprimento do indicado na alínea 1 anterior poderá comportar a suspensión por un período de ata un ano nos dereitos do inscrito ou a súa baixa nos rexistros logo da instrución do correspondente expediente tras a decisión do pleno do Consello Regulador. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser impugnada perante a consellería competente en materia de agricultura.
Capítulo IV
Control do produto
Artigo 12º.-Autocontrol.
Os controis de calidade e da rastrexabilidade sobre os produtos que pretendan levar o aval de certificación do Craega serán responsabilidade, en primeira instancia, dos distintos operadores inscritos nos rexistros do Consello Regulador. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións do R(CE) 834/2007 e normas que o desenvolvan e as contidas no Manual de calidade do Craega.
Artigo 13º.-Control polo Craega.
1. O control externo dos produtos amparados polo aval da certificación do Craega será realizado polo órgano de control, estrutura de inspección e control pertencente ao Craega pero que actuará con autonomía dos seus órganos de goberno, de acordo co establecido no artigo 15.1º b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
2. No Manual de calidade do Craega recolleranse os procedementos que se empregarán para a realización dun control efectivo sobre todos os procesos de produción e elaboración dos produtos que pretendan utilizar o aval de certificación do Craega.
Artigo 14º.-Certificación da produción.
1. A responsabilidade sobre a certificación dos produtos avalados pola marca de conformidade do Craega recaerá no Comité de Certificación e na dirección técnica.
2. Só poderán facer uso da marca de certificación do Craega, é dicir, do seu aval de certificación, os produtos daqueles operadores que, estando inscritos no correspondente rexistro do Consello Regulador e sometidos ao seu sistema de control, teñan superado o período de conversión establecido polo Comité de Certificación de acordo co recollido no artigo 17 do R(CE) 834/2007.
3. Os produtos ecolóxicos avalados polo Craega levarán na súa etiqueta, presentación e publicidade as indicacións que fagan referencia ao método de produción ecolóxica, de acordo coas normas recollidas no título IV do R(CE) 834/2007, e irán acompañadas da correspondente marca de certificación do Craega do seguinte xeito:
a) No caso de mercadorías a granel, mediante o acompañamento do correspondente volante de circulación do Craega. No caso do gando maior, ademais do uso de volantes de circulación, cada canal levará os correspondentes precintos numerados.
b) No caso de produtos envasados, mediante o uso dunha contraetiqueta numerada controlada polo Craega, que incluirá o seu logotipo e código de identificación como organismo de control autorizado.
c) No caso de venda directa da produción propia do produtor ao consumidor final na súa explotación ou en mercados locais, poderán substituírse os elementos de control indicados nas dúas letras anteriores por un sistema de identificación e control que se regulará no Manual de calidade do Craega.
Artigo 15º.-Non conformidades detectadas e o seu tratamento.
1. De acordo coa norma EN 45011, sobre criterios xerais que deben cumprir as entidades de certificación que realizan a certificación de produto, defínense como non conformidades as desviacións respecto aos requisitos establecidos para o produto ou respecto aos requisitos de certificación establecidos pola entidade que a realiza. En definitiva, son os incumprimentos por parte dos operadores dos requisitos recollidos nas normas relativas á produción ecolóxica e ao seu control.
2. As non conformidades serán documentadas polo órgano de control e avaliadas polo Comité de Certificación, que emitirá informe sobre a situación da certificación dos produtos e/ou medios de produción afectados. O dito informe pode determinar a suspensión temporal e mesmo a retirada definitiva da certificación ao operador, o que suporía, tras o acordo do pleno e a instrución do correspondente expediente, a baixa definitiva do rexistro. Tanto a suspensión como a baixa deberán ser comunicadas pola presidencia do Craega ao operador afectado. A dirección técnica poderá tomar a decisión da suspensión provisoria ata a toma de decisión definitiva polo Comité de Certificación.
3. Cando o Craega detecte unha non conformidade que poida ser constitutiva de infracción, dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.
4. No Manual de calidade do Craega especificarase o procedemento que se aplicará ás non conformidades detectadas.
Capítulo V
Estrutura orgánica do Craega
Artigo 16º.-Órganos do Craega.
1. Os órganos de goberno do Craega son: o pleno, a presidencia, as vicepresidencias e a comisión de goberno. Ademais, o pleno poderá crear comisións de traballo para tratar ou resolver asuntos específicos.
2. Ademais, para o seu funcionamento o Craega contará tamén cos seguintes órganos: a secretaría, o órgano de control, a dirección técnica, o Comité de Certificación e o comité consultivo.
Artigo 17º.-O pleno do Consello Regulador: composición.
1. O pleno do Craega é o seu órgano superior de goberno, elixido por un período de catro anos. Está constituído polos seguintes vogais:
a) Tres vogais en representación dos titulares de empresas agrarias de produción vexetal, elixidos democraticamente por e entre os inscritos no rexistro da letra a) do artigo 5.1º.
b) Tres vogais en representación dos titulares de empresas agrarias de produción animal, elixidos democraticamente por e entre os inscritos no rexistro da letra b) do artigo 5.1º.
c) Seis vogais en representación dos titulares de industrias elaboradoras e/ou envasadoras, elixidos democraticamente por e entre os inscritos no rexistro da letra c) do artigo 5.1º.
Estes seis vogais distribuiranse do seguinte xeito:
-Tres vogais en representación das empresas cunha facturación anual de produtos controlados polo Craega superior a 300.000 .
-Dous vogais en representación das empresas con facturación anual de produtos controlados polo Craega igual ou inferior a 300.000 e superior a 50.000 .
-Un vogal en representación das empresas con facturación anual de produtos controlados polo Craega igual ou inferior a 50.000 .
d) Un vogal en representación dos titulares de empresas de importación e/ou comercialización, elixido por e entre os inscritos no rexistro da letra d) do artigo 5.1º.
2. O número de vogais a elixir e a súa repartición entre os distintos rexistros que se recollen na alínea anterior poderase alterar na correspondente orde de convocatoria electoral, co fin de adecuar a composición do pleno á realidade cambiante do sector e ás exixencias dunha axeitada representación dos intereses económicos e sociais contidas no Decreto 4/2007, do 18 de febreiro. Para incluír esta modificación na orde de convocatoria electoral, será necesario o voto favorable das tres quintas partes do pleno.
3. O pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario ou secretaria do Craega, que tamén o será do pleno.
4. A consellería competente en materia de agricultura designará dous delegados, un deles experto en materia de produción agraria ecolóxica e o outro en materia de transformación e comercialización agroalimentaria. Estas persoas asistirán ás sesións do pleno con voz pero sen voto.
5. O réxime de funcionamento do pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.
Artigo 18º.-Funcións do pleno do Craega.
As funcións do pleno do Craega son, ademais das recollidas no artigo 19 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, as seguintes:
a) Acordar as suspensións temporais nos dereitos dos inscritos e as baixas nos rexistros de operadores por incumprimento das súas obrigas, de acordo cos procedementos que se establezan no Manual de calidade e sen prexuízo das atribucións do Comité de Certificación no relativo á suspensión ou a retirada do dereito á certificación derivadas de non conformidades detectadas.
b) Avaliar e aprobar, tras o informe da secretaría e/ou do órgano de control, de ser o caso, os servizos e tarefas encomendados a organismos ou empresas externas ao Consello Regulador.
Artigo 19º.-A presidencia.
1. A presidencia do Craega será exercida pola persoa que elixa o pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros, sendo necesaria, na primeira votación, o apoio de máis da metade destes. O seu nomeamento farase mediante orde do titular da consellería competente en materia de agricultura.
2. O presidente ou presidenta non ten por que ter a condición de vogal. No caso de que así sexa, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.
3. As funcións da presidencia serán, ademais das recollidas no artigo 22.1º do Decreto 4/2007, do 18 de febreiro, as seguintes:
a) Presidir a comisión de goberno.
b) Comunicar aos interesados a inscrición ou non inscrición nos rexistros, así como o mantemento, a suspensión e a retirada do dereito á certificación dos seus produtos, de acordo co informe preceptivo e vinculante do Comité de Certificación.
4. De acordo co establecido no artigo 22.2º do Decreto 4/2007, do 18 de febreiro, a presidencia poderá delegar o exercicio dalgunha das súas atribucións nas vicepresidencias. Tamén poderá delegar en calquera vogal para a dirección e xestión de asuntos concretos.
Esta delegación farase nos termos seguintes:
a) Farase por escrito, facendo constar a persoa ou persoas en que delega, a función que se delega ou o asunto para o cal fai a delegación e o período, de ser o caso, que dura a delegación. A delegación poderá ser revogada en calquera momento pola presidencia.
b) Na documentación que asinen as persoas que exerzan funcións delegadas da presidencia, deixarán constancia desta circunstancia.
c) A delegación será exclusivamente para a resolución de asuntos de trámite ou os relativos á representación institucional do Craega.
5. As causas de cesamento da persoa titular da presidencia e as demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de febreiro.
Artigo 20º.-As vicepresidencias.
1. O consello regulador terá dúas vicepresidencias, a vicepresidencia primeira e a vicepresidencia segunda, que serán exercidas polas persoas elixidas por e entre os vogais do sector produtor unha, e por e entre os vogais representantes dos sectores industrial, importador e comercializador, a outra. O seu nomeamento non lles fará perder a súa condición de vogais.
2. As vicepresidencias serán rotatorias no tempo de mandato do pleno, decidindo este na sesión en que se elixan a cal das dúas vicepresidencias vai corresponder ser a vicepresidencia primeira nos dous primeiros anos do mandato.
3. Os/as vicepresidentes/as substituirán, pola súa orde de prelación, o presidente ou presidenta nos caos de ausencia, enfermidade ou vacante.
4. As vicepresidencias exercerán, ademais, as funcións que lle sexan delegadas pola presidencia.
Artigo 21º.-A comisión de goberno e outras comisións de traballo.
1. Para a resolución dos asuntos de trámite ou cuestións específicas constituirase unha comisión de goberno, que estará integrada pola presidencia, as dúas vicepresidencias e, se así o aproba o pleno, por un ou varios dos seus vogais, e contará coa asistencia de quen exerza a secretaría do consello regulador.
O pleno do Craega establecerá cales son os cometidos específicos que se lle encargan.
2. O pleno do Craega tamén poderá decidir a creación de comisións específicas para tratar asuntos concretos.
3. Das resolucións e trámites realizados pola comisión de goberno e as restantes comisións que eventualmente se creen, darase conta ao pleno na primeira sesión que este celebre.
4. En calquera caso, as funcións que o artigo 19 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, atribúe especificamente ao pleno non poderán ser delegadas na comisión de goberno ou nas demais comisións.
Artigo 22º.-A secretaría.
1. O Consello Regulador contará cunha secretaría, que será desempeñada pola persoa que designe o pleno e formará parte do cadro de persoal do Craega.
2. Os cometidos específicos da secretaría son os sinalados na alínea 2º do artigo 28 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
Artigo 23º.-O órgano de control.
1. A inspección e o control dos produtos avalados polo Craega serán realizados por un órgano integrado na súa estrutura que, baixo a denominación de «órgano de control», actuará con independencia dos órganos de dirección do Consello Regulador, de acordo cos principios e requisitos establecidos no artigo 15.1º b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
2. O órgano de control estará dirixido pola persoa que ocupe a dirección técnica do Craega, e contará con persoal técnico con funcións inspectoras e de control. Tanto a persoa que ocupe a dirección técnica como os demais técnicos do órgano de control deberán ser habilitados pola consellería competente en materia de agricultura.
Artigo 24º.-A dirección técnica.
1. A persoa que ocupe a dirección técnica do Craega será nomeada e cesada polo pleno do Consello Regulador, sen prexuízo do establecido en relación coa súa habilitación e remoción no artigo 15.1º b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no artigo 65.1º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Do mesmo xeito e coas mesmas condicións nomearase un suplente de entre o persoal do Craega, que exercerá a dirección técnica nos casos de ausencia ou enfermidade da persoa titular.
2. As funcións da dirección técnica son as seguintes:
a) Presidir o Comité de Certificación.
b) Coordinar o persoal técnico e de inspección do órgano de control, exercendo a xefatura inmediata sobre el, de acordo coas directrices fixadas polo pleno do Consello Regulador.
c) Decidir sobre a suspensión provisoria da certificación aos operadores no caso de non conformidades detectadas, mentres non se produce unha decisión definitiva por parte do Comité de Certificación.
d) Emitir os informes técnicos segundo o establecido no Manual de calidade e nos seus procedementos.
e) Prestar asesoramento á presidencia, ao pleno do Consello Regulador, ás comisións de goberno ou de traballo e á secretaría en todas aquelas cuestións técnicas que lle fosen requiridas.
f) Responsabilizarse do desenvolvemento dos traballos técnicos do Consello Regulador.
g) Velar polo correcto cumprimento da normativa vixente en materia de produción agroalimentaria ecolóxica.
h) A coordinación, seguimento e avaliación das tarefas propias do órgano de control que fosen encomendadas a organismos ou empresas externas, segundo o establecido neste regulamento e no Manual de calidade do Craega.
i) Todas aquelas que lle poidan ser encomendadas por acordo do pleno en condición do seu posto.
Artigo 25º.-O Comité de Certificación.
1. O Comité de Certificación é un órgano colexiado encargado da toma de decisión en relación coa certificación realizada polo Craega.
2. Son funcións do Comité de Certificación as seguintes:
a) Emitir informe perceptivo e vinculante sobre as solicitudes de inscrición dos operadores nos rexistros do Consello Regulador e de ampliación ou modificación que afecten o alcance da certificación concedida, así como sobre a suspensión temporal ou a retirada definitiva da dita certificación.
b) Emitir informe perceptivo e vinculante sobre a certificación ou non de produtos, nos casos en que se presenten non conformidades que os afecten.
c) Colaborar co pleno na aplicación e desenvolvemento das normas técnicas de produción ecolóxica e procedementos de control, que se integrarán no Manual de calidade do Craega.
Artigo 26º.-Composición do Comité de Certificación.
O Comité de Certificación estará integrado polos seguintes membros:
a) A persoa que ocupe a dirección técnica.
b) Un funcionario experto en produción agraria ecolóxica, proposto pola consellería competente en materia de agricultura.
c) Un funcionario experto en industrialización e comercialización agraria, proposto pola consellería competente en materia de agricultura.
Por cada titular haberá un suplente, que o substituirá nos casos en que aquel non poida asistir ás sesións do órgano.
Artigo 27º.-Funcionamento do Comité de Certificación.
1. Os membros do Comité de Certificación estarán obrigados a actuar con total imparcialidade e manterán a confidencialidade sobre as deliberacións e calquera aspecto que afecte os expedientes examinados.
2. O Comité de Certificación reunirase en sesión ordinaria, mediante convocatoria do director técnico do órgano de control, coa frecuencia necesaria para o correcto desenvolvemento das funcións asignadas, como mínimo unha vez cada 3 meses.
3. A convocatoria para a reunión do Comité de Certificación farase por escrito, mediante correo postal, electrónico ou fax, e cunha antelación mínima de 48 horas previas á reunión.
4. Para a válida constitución do Comité de Certificación será necesaria a presenza de todos os seus membros.
5. Os acordos do Comité de Certificación serán adoptados por unanimidade.
6. Os informes emitidos polo Comité de Certificación conterán todos os acordos tomados na sesión, actuando como acta desta, a cal estará asinada por todos os seus membros.
7. No Manual de calidade do Craega poderán recollerse normas complementarias en relación ao funcionamento do Comité de Certificación.
Artigo 28º.-O comité consultivo.
1. Para garantir a imparcialidade do Craega no proceso de certificación, o Consello Regulador contará co apoio do comité consultivo, no cal estarán representadas todas as partes significativamente interesadas no dito proceso, de acordo co establecido na norma EN 45011.
2. De acordo co recollido na alínea anterior, neste comité estarán representados os operadores inscritos, os consumidores e expertos en certificación de produto, sen que haxa predominio dun interese en particular.
3. As funcións do comité consultivo son:
a) Colaborar na formulación das políticas relacionadas coa imparcialidade das actividades de certificación.
b) Contrarrestar calquera tendencia por parte dos órganos do Craega a permitir que consideracións comerciais ou doutra índole interfiran na prestación sistematicamente obxectiva das actividades de certificación.
c) Aconsellar en aspectos que afecten a confianza na certificación, como a transparencia ou a percepción do público.
4. No Manual de calidade do Craega estableceranse as normas en relación coa constitución e funcionamento do comité consultivo.
Artigo 29º.-O persoal ao servizo do Craega.
Para o cumprimento dos seus fins, e de acordo con establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, o Craega contará co persoal necesario contratado en réxime de dereito laboral, de conformidade co cadro de persoal aprobado polo pleno, de acordo coa súa capacidade orzamentaria.
Capítulo VI
Réxime económico
Artigo 30º.-Recursos económicos do Craega.
1. Para o desenvolvemento das súas actividades o Craega poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
2. Conforme o anterior, os ingresos que percibirá o Craega dos seus inscritos serán os seguintes:
a) Cotas de preinscrición e inscrición.
b) Cota de renovación rexistral.
c) Cota variable en función das vendas dos produtos ecolóxicos.
d) Cota fixa polo servizo de certificación.
e) Pagamentos pola prestación do servizo de certificación.
f) Calquera outra cota ou pagamento pola prestación de servizos que o pleno do Craega estableza e de acordo coas tarifas que aprobe.
Da cota fixa de certificación deduciranse os pagamentos efectuados en concepto das cotas variables polas vendas de produtos ecolóxicos e pola prestación do servizo de certificación.
3. Anualmente o pleno do Craega aprobará o importe das cotas e tarifas aplicables e o prazo para o pagamento de cada unha delas. No caso de non se satisfacer o pagamento no prazo voluntario, o pleno do Craega poderá exixir o seu pagamento cunha recarga de ata o 30% no prazo adicional que se estableza. No caso de que no devandito prazo adicional non se realizase o pagamento, a persoa inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos ata que liquide a débeda. Se no prazo dun ano a persoa inscrita non liquidar a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente por acordo do pleno, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 9.4º.
Artigo 31º.-Cotas de preinscrición e de inscrición.
Para cubrir os gastos ocasionados en relación coa preinscrición e a inscrición dos operadores nos distintos rexistros, o Craega poderá establecer as respectivas cotas, cuxa suma en ningún caso excederá 100 , de acordo co establecido no artigo 29 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
Artigo 32º.-Cota de renovación rexistral anual.
Para cubrir os gastos relacionados coa renovación do rexistro, os inscritos deberán aboar anualmente unha cota de renovación rexistral cuxo importe, a establecer polo pleno do Craega, será inferior a 100 , de acordo co establecido no artigo 29 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
Artigo 33º.-Cota variable en función das vendas.
De acordo co establecido no artigo 29 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, os inscritos deberán aboar unha cota proporcional ao valor de venda da produción certificada polo Craega, segundo o que determine o pleno do Craega, sen que en ningún caso a dita cota supere o 2% do valor declarado da produción comercializada co aval do Craega.
Esta cota variable liquidarase por períodos semestrais, debéndose pagar cada cota nos dous meses seguintes a cada semestre natural.
Artigo 34º.-Cota fixa polo servizo de certificación.
Os inscritos nos diferentes rexistros deberán pagar unha cota fixa pola prestación do servizo de certificación, que será progresiva, modulándoa en tramos en función da superficie inscrita no caso de operadores do sector da produción vexetal, das unidades de gando maior (UGM) no caso dos operadores do sector da produción animal, e do volume de facturación da empresa no caso dos restantes operadores. O pleno do Craega aprobará as normas concretas para a aplicación desta cota e o seu importe para cada tramo e sector da actividade.
Artigo 35º.-Cota variable pola prestación do servizo de certificación.
Para cubrir os custos de certificación, os operadores aboarán as cantidades que o pleno estableza polos seguintes conceptos:
-Emisión de contraetiquetas, nos produtos envasados. Estableceranse para este concepto tarifas distintas no caso de que a contraetiqueta vaia ou non incluída dentro da etiqueta comercial.
-Emisión de volantes de circulación, nos produtos a granel.
-Emisión de precintos, nas canais animais.
-Emisión doutros documentos ou aplicación doutros sistemas para a identificación dos produtos certificados que, de ser o caso, aprobe o pleno do Consello Regulador.
Artigo 36º.-Pagamentos pola prestación doutros servizos.
O pleno do Consello Regulador establecerá as tarifas aplicables ao pagamento doutros servizos realizados, como o de certificación baixo outros estándares diferentes ao do R(CE) 834/2007, de acordo con criterios obxectivos, como o número de horas empregadas e o seu custo unitario e o custo do material empregado para a prestación do servizo.
Capítulo VII
Réxime electoral
Artigo 37º.-Réxime electoral do Craega.
O réxime electoral do Craega é o contido nas seccións primeira e segunda do capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
Capítulo VIII
Réxime sancionador
Artigo 38º.-Base legal do réxime sancionador.
1. O réxime sancionador aplicable en relación co incumprimento da normativa reguladora da produción ecolóxica é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria de Galicia.
2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, e cantas disposicións estean vixentes no seu momento sobre a materia.
Anexo ao Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia
Logotipo do Craega
Ver referencia pdf "07000D008P024.PDF"