DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 22 de abril de 2009 Páx. 7.738

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE conxunta do 14 de abril de 2009, das consellerías do Medio Rural e de Sanidade, pola que se regula a formación das persoas que realizan actividades relacionadas coa manipulación e aplicación de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se crea a Comisión Técnica de Produtos Fitosanitarios.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 30 de xullo de 1997 (BOE nº 177, do 15 de setembro), conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, viña regulando o procedemento normativo de acreditación da capacitación para realizar tratamentos con praguicidas de uso agrícola, a homologación de cursos de capacitación nesta materia e o procedemento de expedición de carnés de manipuladores. A citada orde ditouse en atención á disposición adicional segunda da Orde do 8 de marzo de 1994, do Ministerio da Presidencia (BOE nº 63, do 15 de marzo), reguladora da homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas de uso agrícola, ao establecer que as comunidades autónomas, no ámbito das súas competencias, debían ditar a normativa específica e, en particular, a relativa á expedición dos carnés.

Esta normativa estaba fundada na establecida no Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro (BOE nº 20, do 24 de xaneiro), pola que se aproba a regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas, en concreto polo disposto no artigo 6.4º, que indica que os aplicadores e o persoal das empresas que prestan servizos de tratamento con praguicidas deben superar os correspondentes cursos de capacitación homologados polas autoridades competentes en materia de agricultura, sanidade e consumo.

Tanto o avance dos coñecementos científico-técnicos como a evolución da sensibilidade existente na sociedade relativos ás consecuencias do uso de determinados produtos químicos e a súa repercusión na saúde, na calidade dos alimentos e no medio ambiente, motivou que, desde a publicación da normativa citada ata esta data se teñan producido distintos cambios na lexislación na materia.

Entre os cambios citados figura a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE nº 279, do 21 de novembro); o Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro (BOE nº 247, do 15 de outubro), que regula o proceso de avaliación para o rexistro, autorización e comercialización de biocidas; o Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro (BOE nº 54, do 4 de marzo), que aproba o Regulamento sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de preparados perigosos, e a Orde PRE/2922/2005, do 19 de setembro (BOE nº 228, do 23 de setembro) pola que se modifica a Orde do 8 de marzo de 1994, do Ministerio da Presidencia.

A Orde PRE/2922/2005 constitúe a normativa estatal básica reguladora en materia de capacitación exixible para realizar tratamentos con praguicidas, define os niveis de capacitación e as persoas a que van dirixidos e especifica o contido dos programas no seu anexo. Así mesmo, adecúa a normativa aos novos criterios de clasificación dos produtos fitosanitarios establecidos polo Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro, de acordo cos cales moitos produtos se deben de clasificar nunha categoría de superior toxicidade e perigo á que tiñan sinalada con anterioridade. Nestas novas definicións, a posibilidade de utilización de praguicidas está condicionada ao feito de que estes sexan ou xeren gases clasificados como tóxicos ou moi tóxicos ou, de ser o caso, que non sexan ou non xeren este tipo de gases. Así mesmo, nesta orde formúlase o contido temático dos cursos que deberán superarse para a obtención do carné en función do nivel de capacitación. O devandito contido é cuantitativa e

cualitativamente superior aos recollidos inicialmente na Orde do 8 de marzo de 1994 e, consecuentemente, na Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais.

Mediante resolucións da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural, do 16 de xuño de 2006, 21 de xuño de 2007 e 5 de xuño de 2008, ditáronse instrucións para a habilitación dos carnés expedidos ao abeiro da orde do Ministerio da Presidencia do 8 de marzo de 1994, para adaptalos á capacitación establecida na Orde PRE/2922/2005, de acordo co disposto na disposición transitoria única desa orde. Porén, razóns de seguridade xurídica aconsellan, dado o alcance e contido das modificacións, que se proceda a unificar e establecer a regulación da formación do persoal que realiza actividades relacionadas coa utilización de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de asegurar uns niveis adecuados de coñecementos, habelencias e aptitudes por parte desas persoas.

Por outra banda, a complexidade do marco normativo sobre regulamentación técnico-sanitaria que afecta os produtos fitosanitarios, así como a rapidez da evolución do avance técnico e científico, aconsella a creación dunha comisión técnica con labores de información e asesoramento sobre esta materia á autoridade competente en sanidade vexetal.

Por todo o exposto, por iniciativa conxunta da Consellería do Medio Rural e da Consellería de Sanidade, en exercicio das competencias conferidas polos artigos 27.10º e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1.1. O obxecto desta disposición é establecer os niveis de capacitación dos que deben dispor as persoas que desenvolven actividades relacionadas coa utilización de produtos fitosanitarios dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como fixar o contido dos cursos para alcanzar estes niveis de capacitación.

1.2. A capacitación correspondente aos niveis que prevé o número anterior entenderase acreditada co carné de manipulador e aplicador de produtos fitosanitarios, que será expedido coa presentación previa do certificado acreditativo de ter superado o curso de formación do nivel correspondente.

Artigo 2º.-Niveis de capacitación.

Os niveis de capacitación son os seguintes:

1. Básico.

2. Cualificado.

3. Fumigador.

4. Especial para a aplicación de fumigantes tóxicos e moi tóxicos para a desinfección de solos agrícolas.

5. Especial para a aplicación de fumigantes moi tóxicos contra os micromamíferos de solos agrícolas.

6. Piloto aplicador agroforestal.

Artigo 3º.-Requirimentos de capacitación para aplicar ou manipular produtos fitosanitarios.

3.1. Para o caso de produtos fitosanitarios que non sexan gases ou non sexan xeradores de gases clasificados como tóxicos e/ou moi tóxicos segundo o disposto no Real decreto 255/2003, necesitan alcanzar o nivel de capacitación:

a) Básico:

-Os agricultores que non dispoñan de persoal auxiliar na mesma explotación.

-O persoal auxiliar das empresas e outras entidades dedicadas á aplicación de produtos fitosanitarios.

-O persoal auxiliar das empresas e explotacións agrarias que apliquen produtos fitosanitarios.

-O persoal auxiliar dos establecementos de venda ao público de produtos fitosanitarios.

b) Cualificado:

-Os agricultores e/ou os responsables técnicos das explotacións agrarias que teñan ao seu cargo persoal que aplique produtos fitosanitarios.

-Os responsables das empresas e outras entidades dedicadas á aplicación de produtos fitosanitarios.

-Os responsables técnicos das empresas e explotacións agrarias que apliquen produtos fitosanitarios.

-Os responsables dos establecementos de venda ao público de produtos fitosanitarios.

-Os aplicadores a terceiros.

c) Piloto aplicador agroforestal:

-As persoas que están en posesión do título e a licenza de piloto comercial de avión ou helicóptero e aplican produtos fitosanitarios por medios aéreos.

3.2. Para o caso de produtos fitosanitarios que son gases ou xeran gases clasificados como tóxicos ou moi tóxicos segundo o disposto no Real decreto 255/2003, necesitan alcanzar o nivel de capacitación:

a) Fumigador:

-Os responsables técnicos, os aplicadores profesionais e o persoal das empresas de servizos que participen de forma directa na aplicación destes produtos.

b) Especial para a aplicación de fumigantes tóxicos e/ou moi tóxicos para a desinfección de solos:

-Os agricultores que apliquen estes produtos na súa explotación para a desinfección do solo así como toda persoa que participe na aplicación, agás as especificadas no número 3.2.a) deste artigo.

c) Especial para a aplicación de fumigantes moi tóxicos contra os micromamíferos do solo:

-Os agricultores que apliquen estes produtos na súa explotación contra os micromamíferos do chan así como toda persoa que participe na aplicación, agás as especificadas no número 3.2.a) deste artigo.

Con carácter previo á obtención de calquera destas dúas modalidades do nivel especial de capacitación especificadas nas alíneas b) e c) deberá acreditarse a posesión do nivel básico ou cualificado.

3.3. Os contidos e a duración mínima dos cursos de formación para alcanzar estes niveis seguirán o que se especifica no anexo II desta orde.

Artigo 4º.-Autoridade competente.

Na Comunidade Autónoma de Galicia a autoridade competente en materia de capacitación das persoas que manipulen ou utilicen produtos fitosanitarios, en particular, para tramitar a autorización de cursos, conceder validacións das materias destes e expedir os carnés que habilitan para a distribución, manipulación e aplicación de produtos fitosanitarios, é a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural.

Artigo 5º.-Organización dos cursos de formación.

5.1. Os cursos de formación apuntados no artigo 3º desta orde poderaos organizar directamente a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural a través do Servizo de Formación Agroforestal, así como as universidades e os centros docentes oficiais que imparten formación profesional da familia agraria.

5.2. Tamén poderán organizar cursos de formación de nivel básico as organizacións de produtores agrarios e outras entidades vinculadas ao sector agrario que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Entidades Colaboradoras da Consellería do Medio Rural en materia de capacitación agraria e transferencia tecnolóxica de acordo coa Orde do 17 de marzo de 2009, da Consellería do Medio Rural, pola que se ditan normas relativas á inscrición no Rexistro de Entidades Colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria e sobre o procedemento de homologación dos cursos realizados por estas entidades e a expedición de certificacións e diplomas oficiais por parte da Administración pública.

b) Estar inscritas no Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia conforme a Orde do 13 de febreiro de 2008 pola que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento e Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia, conforme o previsto no Decreto 235/2007, do 29 de novembro, polo que se regulan os servizos de aconsellamento e de xestión das explotacións agrarias.

5.3. Agás nos cursos organizados a través do Servizo de Formación Agroforestal para o resto dos casos será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

Artigo 6º.-Autorización dos cursos.

6.1. As entidades interesadas na impartición dos cursos de manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios deberán solicitar a autorización de cada curso ante a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, seguindo o procedemento indicado nos artigos 11º a 13º da orde da Consellería do Medio Rural do 17 de marzo de 2009 e utilizando o impreso que figura no anexo I desta orde como folla de solicitude.

6.2. Logo da solicitude da entidade organizadora, e en tanto non sexan modificados os programas que figuran no anexo II desta orde, a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal poderá autorizar a realización de sucesivas edicións do mesmo curso previamente homologado.

Artigo 7º.-Cualificación do profesorado.

7.1. O persoal docente dos cursos de manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios deberá:

a) Posuír titulación universitaria de enxeñería agronómica, enxeñería de montes, enxeñería técnica agrícola ou enxeñaría técnica forestal, se ben no caso do profesorado de prácticas, será suficiente con posuír titulación de formación profesional dos ciclos medio ou superior da familia agraria.

b) Estar en posesión do carné de manipulador-aplicador de nivel cualificado ou estar exento da súa posesión conforme o especificado no artigo 12.1º desta disposición.

d) Acreditar ter recibido un curso de formación de profesorado en materia de manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios organizado pola Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

7.2. Queda exceptuado de acreditar posuír a titulación universitaria a que se alude no número 7.1.a) o profesorado das escolas de formación profesional da familia agraria que teña 5 ou máis anos de experiencia docente nos ciclos formativos.

7.3. Para a impartición das partes dos programas formativos relacionadas con saúde humana e primeiros auxilios estarán capacitados como persoal docente as persoas licenciadas en medicina e as que posúan unha diplomatura universitaria en enfermaría ou titulación equivalente.

7.4 Os cursos de manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios deberán cumprir os seguintes mínimos en canto a persoal docente:

a) Nos cursos de nivel básico: unha persoa con titulación universitaria superior ou media da rama agraria ou afíns que cumpra os requisitos especificados no número 7.1 e unha persoa con licenciatura en medicina ou diplomatura universitaria en enfermaría.

b) Nos cursos de nivel cualificado: dous titulados universitarios superiores ou medios da rama agraria ou afíns que cumpran os requisitos especificados no número 7.1, e unha persoa con licenciatura en medicina ou diplomatura universitaria en enfermaría. Neste tipo de cursos non poderán ser impartidas máis do 50 % das horas polo mesmo docente.

Artigo 8º.-Proba de avaliación de coñecementos.

En todas as accións formativas realizaranse sempre probas de avaliación dos coñecementos e as habelencias adquiridas polos alumnos. Estas probas serán obxectivas e realizadas pola Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, tanto nos cursos organizados directamente por esta dirección xeral coma nos impartidos por outras entidades autorizadas.

Artigo 9º.-Inspección.

O control do cumprimento do disposto nesta orde corresponde á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal que, a través do Servizo de Formación Agroforestal, designará o persoal técnico que poderá realizar visitas de inspección para comprobar a veracidade dos datos contidos nas solicitudes presentadas, a axeitada impartición dos cursos de acordo cos requisitos exixidos, así como o grao de cumprimento na aplicación desta orde.

Artigo 10º.-Expedición e validez dos carnés de manipulador-aplicador.

10.1. O procedemento para a expedición do carné será o indicado no artigo 14 da Orde do 17 de marzo de 2009. Deberán ser achegadas, xunto coa documentación requirida no dito artigo, dúas fotografías tamaño carné de cada persoa que solicita a acreditación.

10.2. Os carnés expedidos pola autoridade competente, segundo o modelo que se especifica no anexo III, terán unha validez de dez anos para todo o territorio do estado español. Os carnés expedidos polos órganos competentes doutras comunidades autónomas terán a mesma validez no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Renovación dos carnés.

A renovación dos carnés farase de forma automática coa presentación previa da solicitude segundo anexo IV. En caso de que as circunstancias derivadas do desenvolvemento do coñecemento técnico ou da normativa aplicable o requiran, a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal poderálles exixir ás persoas solicitantes a actualización de coñecementos mediante accións de información ou formación complementarias.

Artigo 12º.-Exención e validacións do carné.

12.1. Están exentas do requisito de posesión dos carnés a que fan referencia os números 3.1.a) e 3.1.b) desta disposición as persoas con titulación universitaria de nivel medio e superior das ramas agrarias e forestais. A estas persoas, non obstante, poderánselles expedir os mencionados carnés, coa presentación previa do certificado acreditativo conforme están en posesión das titulacións mencionadas, para o cal deberán presentar a solicitude no impreso que se indica no anexo IV, dirixida á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

12.2. Poderán solicitar a validación do carné de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios de nivel básico:

a) As persoas con titulación dos ciclos formativos de grao medio seguintes: técnico en explotacións agrícolas intensivas, técnico en explotacións agrarias extensivas, técnico en xardinaría e técnico en traballos forestais e conservación do ambiente.

b) As persoas que estean en posesión do título auxiliar da rama agraria e que iniciasen os estudos de primeiro grao de formación profesional agraria a partir do curso 1995-1996.

12.3. Poderán solicitar a validación do carné de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios de nivel cualificado:

a) As persoas con titulación dos ciclos formativos de grao superior seguintes: técnico superior en xestión e organización de empresas agropecuarias e técnico en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos.

b) As persoas que estean en posesión do título de técnico especialista da rama agraria e que iniciasen os estudos de segundo grao de formación profesional agraria a partir do curso 1995-1996.

12.4. Ás persoas que estean en posesión doutras titulacións universitarias ou de formación profesional convalidaránselles as unidades didácticas acreditadas documentalmente ante a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal que se adecúen aos contidos das programacións do anexo II desta disposición e deberán cursar o resto para poder acceder ao carné de manipulador-aplicador. A solicitude de validación parcial será presentada no impreso indicado no número 12.1.

Artigo 13º.-Publicidade.

A Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal publicará na páxina web da Consellería do Medio Rural a información correspondente a cada curso autorizado, incluíndo a denominación deste, o seu obxectivo, nivel ou niveis de capacitación que cobre, programa, número de persoas asistentes, condicións da súa inscrición e a denominación e dirección do centro ou entidade que o vai impartir. Esta publicación farase extensiva aos cursos organizados directamente pola devandita dirección xeral.

Artigo 14º.-Informe anual.

14.1. Conforme o disposto no punto 6 do número 4 da Orde PRE/2922/2005, do 19 de setembro, para os efectos do seguimento oficial dos cursos de produtos fitosanitarios, correspóndelle á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal elaborar un informe anual sobre a aplicación da citada orde e remitir, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, copia deste ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

14.2. No devandito informe, para cada un dos cursos impartidos nos seus respectivos ámbitos territoriais, deberán incluírse os seguintes datos:

a) A clave indentificativa do curso.

b) O nivel de capacitación a que corresponde.

c) A entidade docente ou servizo oficial que o organizou.

d) O nome e titulación do responsable da dirección do curso.

e) O lugar de realización do curso.

f) O número de horas lectivas e de prácticas.

g) O número de alumnos que o superaron.

h) Se foi inspeccionado polos servizos oficiais especificando, en caso afirmativo, o resultado da inspección, particularmente en canto á participación do profesorado e á asistencia e realización das probas polo alumnado.

Artigo 15º.-Comisión Técnica de Produtos Fitosanitarios.

15.1. Para o desenvolvemento e aplicación da regulamentación técnico-sanitaria nesta materia, créase a Comisión Técnica de Produtos Fitosanitarios, en diante a Comisión Técnica, adscrita á Consellería do Medio Rural.

15.2. A Comisión Técnica ten encomendadas as seguintes funcións:

a) Emitir informe as decisións de carácter xeral que adopten os órganos competentes sobre produtos fitosanitarios.

b) Asesorar e facer propostas de actuación en relación con:

-Evolución da técnica e do coñecemento en materia de produtos fitosanitarios.

-Tecnoloxía de uso e sistemas de aplicación de produtos fitosanitarios con mínimo impacto sobre a saúde e o ambiente.

-Seguridade no traballo e prevención de riscos na manipulación e aplicación de fitosanitarios.

-Rexistros de establecementos e servizos de produtos fitosanitarios.

-Inspección e control de establecementos de produtos fitosanitarios.

-Inspección técnica de maquinaria e equipamentos de aplicación de fitosanitarios.

-Programas de vixilancia de residuos, utilización e comercialización de produtos fitosanitarios.

-Normativa e execución dos programas de xestión de envases e residuos de envases de produtos fitosanitarios, dentro das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Capacitación para a utilización de produtos fitosanitarios e autorización dos cursos de formación.

-Servizos prestados polos laboratorios oficiais de análises en materia de sanidade vexetal.

-Necesidades de investigación e experimentación en materia de produtos fitosanitarios.

-Aquelas que lle sexan delegadas.

15.3. A comisión técnica estará composta por un total de once membros e os seus respectivos suplentes, tal e como se indica a continuación:

a) Un/unha funcionario/a con rango igual ou superior a xefe/a de servizo, nomeado/a pola persoa responsable da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, que actuará como presidente/a.

b) Un/unha funcionario/a con rango igual ou superior a xefe/a de servizo nomeado/a pola persoa responsable da dirección xeral competente en materia de produción forestal, que actuará como vicepresidente/a.

c) Un/unha funcionario/a con rango igual ou superior a xefe/a de servizo nomeado/a pola persoa responsable da dirección xeral competente en materia de investigación e formación agraria, que actuará como secretario/a.

d) Un/unha funcionario/a con rango igual ou superior a xefe/a de servizo nomeado/a pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade e saúde pública, que actuará como vogal.

e) Dous especialistas en sanidade vexetal, designados pola persoa responsable da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, que actuarán como vogais.

f) Dous especialistas en sanidade vexetal, designados pola persoa responsable da dirección xeral competente en materia de produción forestal, que actuarán como vogais.

g) Dous especialistas en sanidade vexetal, designados pola persoa responsable da dirección xeral competente en materia de investigación e formación agraria, que actuarán como vogais.

15.4. A comisión técnica poderá requirir asesoramento e colaboración doutros organismos ou persoas, en particular de expertos/as en sanidade vexetal para desenvolver as funcións encomendadas.

15.5. A Comisión Técnica de Produtos Fitosanitarios axustará o seu funcionamento ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

15.6. A comisión técnica será convocada pola persoa que posúa a presidencia cando sexa necesario para o cumprimento das súas funcións. As reunións serán convocadas cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización, mediante notificación a todos os membros en que se fará constar a orde do día, o lugar, o día e a hora de reunión. Esta notificación poderá efectuarse a través do correo electrónico. Por razóns de urxencia, que deben estar confirmadas pola maioría absoluta dos membros da comisión técnica na sesión correspondente, poderá convocarse a xuntanza sen atender ao prazo de antelación de 72 horas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os actuais carnés de nivel especial expedidos aos aplicadores profesionais e demais persoal de empresas de servizos que apliquen produtos fitosanitarios moi tóxicos que sexan ou xeren gases serán válidos ata a data de caducidade que conste no carné, para cada unha das modalidades de aplicación específicas vixentes ata agora: bromuro de metilo e outros fumigantes para a desinfección de solos, fosfuro de aluminio e magnesio para o control dos micromamíferos do solo, e fumigador de produtos, locais e colectores. A renovación dun deles, ou a ampliación da actividade a outras modalidades de aplicación, implicará acreditar que se alcanzou o nivel de fumigador. A consecución deste nivel poderase facer, para algúns temas, mediante validación de acordo cos criterios que estableza a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

Segunda.-Aqueles cursos cuxa realización fose autorizada previamente á entrada en vigor desta orde pola Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal conforme os programas que figuran no anexo II quedarán automaticamente homologados.

Terceira.-O prazo para solicitar a autorización de impartición de cursos de manipulador-aplicador que se celebrarán durante o ano 2009 será de tres (3) meses tras a publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia.

Cuarta.-O requisito exixido ao profesorado dos cursos de manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios indicado no artigo 7º alínea c) desta disposición non será de aplicación até transcorrido un ano da súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e Sanidade e Servizos Sociais, pola que se establece, na Comunidade Autónoma de Galicia, a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención dos carnés de manipuladores destes produtos, en todo o que se opoña ao establecido nesta orde para os produtos fitosanitarios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Autorízase o director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2009.

Alfredo Suárez Canal Mª José Rubio Vidal

Conselleiro do Medio Rural Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "07700D004P010.PDF"

ANEXO II

Contidos e duración mínima dos cursos de formación

para a obtención do carné de manipulador-aplicador

de produtos fitosanitarios

A) Programa do curso de nivel básico (mínimo de horas lectivas: 25 horas).

Orientacións produtivas: 1) Cultivos herbáceos extensivos; 2) Viña; 3) Horticultura, arboricultura, xardinaría e ornamentais.

Parte común.

Módulo 1. Produtos fitosanitarios (3 horas).

1. Descrición e xeneralidades.

2. Riscos agrícolas derivados da utilización dos produtos fitosanitarios.

3. Boa práctica fitosanitaria: interpretación da etiquetaxe e fichas de datos de seguridade.

Módulo 2. Saúde e prevención (5 horas).

4. Perigosidade dos produtos fitosanitarios e dos seus residuos.

5. Intoxicacións e outros efectos sobre a saúde. Primeiros auxilios.

6. Relación traballo-saúde: normativa sobre prevención de riscos laborais. Nivel de exposición do operario: medidas preventivas e de protección no uso de produtos fitosanitarios.

Módulo 3. Aspectos normativos (2 horas).

7. Normativa que afecta a utilización de produtos fitosanitarios. Transporte e almacenaxe. Infraccións e sancións.

8. Protección do ambiente e eliminación de envases baleiros: normativa específica.

9. Principios da rastrexabilidade. Requisitos en materia de hixiene dos alimentos e pensos. Concepto de rastrexabilidade. Marco legal da rastrexabilidade. O rexistro de pragas e o rexistro de tratamentos nas explotacións agrícolas.

Parte específica.

Módulo 4. Pragas e enfermidades dos cultivos. Manexo integrado de pragas. Produción integrada e ecolóxica (6 horas).

10. Principais pragas e enfermidades que afectan os cultivos e danos que producen.

11. Métodos de control. Medios de defensa fitosanitarios.

12. Manexo integrado de pragas e enfermidades. Orixe e evolución histórica. Definición, conceptos e obxectivos. Vantaxes e inconvenientes.

13. Produción integrada e produción ecolóxica.

Módulo 5. Maquinaria e prácticas de aplicación (9 horas).

14. Tratamentos fitosanitarios. Métodos de aplicación.

15. Equipamentos de aplicación e compoñentes, mantemento, revisión, inspección, preparación, mestura e aplicación.

16. Redución da contaminación. Limpeza, mantemento, regulación e revisión de equipamentos.

17. Boas prácticas ambientais. Sensibilización ambiental. Riscos de seguridade e ambientais das técnicas de aplicación.

18. Protección do ambiente. Deriva e bandas de seguridade.

19. Prácticas de aplicación (mínimo 3 horas).

Exame.

B) Programa do curso de nivel cualificado (mínimo de horas lectivas: 72 horas).

Orientacións produtivas: 1) Cultivos herbáceos extensivos; 2) Viña; 3) Horticultura, arboricultura, xardinaría e ornamentais.

Parte común.

Módulo 1. Produtos fitosanitarios (12 horas).

1. Produtos fitosanitarios: substancias activas e preparados. Definición, composición, tipos de formulacións, clasificación. Herbicidas.

2. Riscos agrícolas derivados da utilización de produtos fitosanitarios.

3. Residuos de produtos fitosanitarios: riscos para o consumidor.

4. Boa práctica fitosanitaria: interpretación da etiquetaxe e das fichas de datos de seguridade.

Módulo 2. Aspectos normativos (8 horas).

5. Normativa que afecta a utilización de produtos fitosanitarios. Infraccións e sancións.

6. Eliminación de envases baleiros. Sistemas de xestión.

7. Principios da rastrexabilidade. Requisitos en materia de hixiene dos alimentos e pensos. Concepto de rastrexabilidade. Marco legal da rastrexabilidade. O rexistro de pragas e o rexistro de tratamentos nas explotacións agrícolas.

8. Transporte, almacenaxe e manipulación de produtos fitosanitarios.

9. Seguridade Social agraria: peculiaridades do réxime agrario.

Módulo 3. Saúde e prevención de riscos laborais (10 horas).

10. Perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde.

11. Intoxicacións e outros efectos sobre a saúde. Primeiros auxilios.

12. Nivel de exposición do operario.

13. Medidas preventivas e de protección do operario.

14. Relación traballo-saúde: normativa sobre prevención de riscos laborais.

Parte específica.

Módulo 4. Pragas e enfermidades dos cultivos (24 horas).

15. As pragas e enfermidades dos cultivos: danos que producen. Pragas producidas por insectos, ácaros, e outros (moluscos, aves, micromamíferos...). Enfermidades producidas por fungos, nematodos, bacterias, fitoplasmas e virus. Malas herbas.

16. Métodos de control das pragas e enfermidades.

17. Etapas da loita contra pragas e enfermidades. Prevención e loita contra virus, fitoplasmas, bacterias, nematodos, ácaros e insectos.

18. Prevención de pragas e enfermidades de corentena: o pasaporte fitosanitario CE.

19. Métodos alternativos de loita.

20. Medios de protección fitosanitaria. Loita integrada e loita biolóxica.

21. Manexo integrado de pragas e enfermidades. Orixe e evolución histórica. Definición, conceptos e obxectivos. Vantaxes e inconvenientes. Criterios OILB/IOBC. Bases do deseño dun programa de control. Análise de poboacións. Procedementos de mostraxe. Avaliación de danos. Métodos de predición. Establecemento dun programa de control. Identificación do problema, selección de medidas e avaliación do programa. Limiares económicos de tratamentos.

22. Produción integrada e produción ecolóxica.

Módulo 5. Maquinaria e prácticas de aplicación (18 horas).

23. Tratamentos fitosanitarios. Preparación, mestura e aplicación.

24. Métodos de aplicación de produtos fitosanitarios.

25. Equipos de aplicación: funcionamento dos diferentes tipos, mantemento.

26. Limpeza, regulación e calibración dos equipos de aplicación.

27. Mantemento e revisións dos equipos.

28. Riscos de seguridade e ambientais das técnicas de aplicación, medidas de mitigación, inspección dos equipos de tratamento.

29. Boas prácticas ambientais. Sensibilización ambiental. Deriva e bandas de seguridade.

30. Prácticas de aplicación (mínimo 4 horas).

Exame.

* Nota: os contidos do curso poderán ser desenvolvidos ata un 15% do total de horas lectivas, mediante visitas técnicas.

C) Programa do curso de nivel cualificado de fumigador (mínimo de horas lectivas: 50 horas)

Módulo 1. Pragas (14 horas).

1. Problemáticas fitosanitarias: dos solos agrícolas. Dos produtos vexetais almacenados. Dos locais e instalacións agrícolas. Dos medios de transporte e equipamento agrícola. Das plantas vivas e material vexetativo. Dos cultivos en ambiente confinado. Dos micromamíferos do chan. Das pragas de corentena.

2. Métodos alternativos de loita. En solos agrícolas. No control de micromamíferos.

Módulo 2. Produtos fitosanitarios (6 horas).

3. Propiedades e espectro de acción dos fumigantes: bromuro de metilo e as súas mesturas. Cloropicrina e as súas mesturas. Fosfuros de aluminio e de magnesio e fosfamina. Cianuros e acedo cianhídrico.V arios (dióxido de carbono, sulfuro de hidróxeno e outros).

4. Boa práctica fitosanitaria: interpretación da etiquetaxe e das fichas de seguridade.

5. Planificación das fumigacións: aspectos que se considerarán.

6. Factores para considerar na aplicación dos diferentes fumigantes.

Módulo 3. Aspectos normativos (4 horas).

7. Lexislación específica sobre fumigantes e a súa aplicación.

8. Transporte, almacenaxe e manipulación de fumigantes.

9. Principios da rastrexabilidade. Requisitos en materia de hixiene dos alimentos e pensos. Concepto de rastrexabilidade. Marco legal da rastrexabilidade. O rexistro de pragas e o rexistro de tratamentos nas explotacións agrícolas.

10. Seguridade Social agraria: peculiaridades do réxime agrario.

11. Preparación e sinalización das mercadorías, recintos e zonas que se van fumigar.

Módulo 4. Saúde e prevención de riscos laborais (10 horas).

12. Perigosidade e riscos específicos para a saúde. Primeiros auxilios.

13. Relación traballo-saúde: normativa sobre prevención de riscos laborais.

14. Detectores de gases, máscaras, filtros e outros elementos de seguridade.

Módulo 5. Maquinaria e prácticas de aplicación (16 horas).

15. Técnicas de fumigación.

16. Equipos de fumigación e compoñentes, mantemento.

17. Regulación, calibración e revisión dos equipamentos de fumigación.

18. Mantemento dos elementos e equipamentos de seguridade.

19. Riscos de seguridade e ambientais das técnicas de fumigación. Redución da contaminación.

20. Prácticas de fumigación. Desinfección de chans (mínimo 3 horas). Control de micromamíferos (mínimo 3 horas). Recintos pechados (mínimo 4 horas).

21. Visita técnica (mínimo 4 horas).

Exame.

D) Programas dos cursos de nivel especial de aplicador na propia explotación, de produtos fitosanitarios que sexan ou xeren gases tóxicos e moi tóxicos.

D.1. Especial para a aplicación de fumigantes tóxicos e moi tóxicos para a desinfección de solos (mínimo de horas lectivas: 25 horas).

Módulo 1. Pragas (5 horas).

1. Problemática fitosanitaria dos solos.

2. Métodos alternativos de loita.

Módulo 2. Produtos fitosanitarios (6 horas).

3. Propiedades xerais do bromuro de metilo, cloropicrina e outros produtos fumigantes. Aditivos detectores.

4. Acción praguicida do bromuro de metilo e outros fumigantes.

5. Factores a ter en conta na súa aplicación.

Módulo 3. Aspectos normativos (2 horas).

6. Lexislación.

7. Perigosidade do seu uso e almacenaxe.

Módulo 4. Saúde e prevención de riscos laborais (4 horas).

8. Perigos para a saúde derivados do seu uso. Primeiros auxilios.

9. Normativa legal sobre prevención de riscos laborais.

Módulo 5. Maquinaria de aplicación (8 horas).

10. Técnicas de aplicación. Equipamentos de aplicación e compoñentes. Mantemento. Regulación dos equipamentos de aplicación.

11. Riscos ambientais das técnicas de fumigación no chan. Redución da contaminación.

12. Prácticas de campo (mínimo 3 horas).

Exame.

D.2. Especial para a aplicación de fumigantes moi tóxicos contra os micromamíferos do solo (mínimo de horas lectivas: 15 horas).

Módulo 1. Pragas (3 horas).

1. Bioloxía e problemática do control dos micromamíferos que afectan aos cultivos.

2. Métodos alternativos de loita.

Módulo 2. Produtos fitosanitarios (3 horas).

3. Propiedades xerais do fosfuro de aluminio e fosfuro de magnesio.

4. Acción biocida e factores pasa ter en conta na aplicación do fosfuro de aluminio e fosfuro de magnesio.

Módulo 3. Aspectos normativos (2 horas).

5. Lexislación.

6. Perigosidade dos fosfuros de aluminio e de magnesio e precaucións no seu uso e almacenaxe. Normativa legal.

Módulo 4. Saúde e prevención de riscos laborais (4 horas).

7. Perigos para a saúde derivados do seu uso. Primeiros auxilios.

8. Normativa legal sobre prevención de riscos laborais.

Módulo 5. Maquinaria de aplicación (3 horas).

9. Prácticas de campo.

Exame.

E) Programa do curso de piloto aplicador agroforestal (mínimo de horas lectivas: 90 horas).

Módulo 1. Pragas (15 horas).

1. Xeneralidades de fitopatoloxía. Entomoloxía agrícola e forestal. Fungos, bacterias e virus. Malas herbas.

2. Ecoloxía e actividade fitosanitaria.

Módulo 2. Produtos fitosanitarios (13 horas).

3. Formulacións praguicidas: natureza e características. Definición de praguicida, composición, tipos e clases de formulacións. Clasificación dos praguicidas.

4. Os residuos de praguicidas. Disipación do residuo, prazos de seguridade e límites máximos de residuos en produtos vexetais e augas potables. Normativa sobre residuos e os seus controis.

Módulo 3. Aspectos normativos (10 horas).

5. Normativa legal: rexistro, etiquetaxe e servizos praguicidas.

6. Riscos ecolóxicos derivados da utilización de praguicidas. Perigosidade para a fauna silvestre e o gando, fitotoxicidade. Contaminación de solos e augas.

Módulo 4. Técnicas de voo (12 horas).

7. Meteoroloxía aplicada á actividade fitosanitaria. Biometeoroloxía.

8. Planificación de tratamentos agroforestais: avaliación previa, obstáculos ao voo de baixa cota e plans de voo.

9. Pistas e helipistas agroforestais. Características e acondicionamentos, instalacións e equipos. Medios auxiliares para o aprovisionamento e rexeitamento dos envases baleiros.

Módulo 5. Saúde e prevención de riscos laborais (10 horas).

10. Riscos derivados da utilización de praguicidas para a saúde das persoas. Toxicoloxía, factores que inflúen na toxicidade, fontes de exposición. Intoxicacións, normas para evitar intoxicacións, primeiros auxilios.

11. Seguridade e hixiene. Saúde laboral.

Módulo 6. Maquinaria de aplicación (30 horas)

12. Técnicas de aplicación aérea de grandes volumes e compactos.

13. Medios e equipos de aplicación aérea I: instalacións fixas nos diferentes tipos de aeronaves. Equipamentos para as diferentes técnicas de aplicación.

14. Medios e equipamentos de aplicación aérea II: funcionamento e regulación. Mantemento e calibración de equipamentos. Caracterización das aeronaves.

15. Técnicas de aplicación aérea de pequenos e grandes volumes: ULV (ultra baixo volume), pulverización, espallamento e esparexemento.

16. Control da contaminación. Técnicas especiais antideriva.

17. Prácticas de aplicación. Tratamento aéreo con produtos sólidos (mínimo 4 horas). Tratamento aéreo con líquidos con volumes medios e altos (mínimo 4 horas). Tratamento aéreo con líquidos a ultra baixo volume (mínimo 4 horas).

Exame.

Ver referencia pdf "07700D004P010.PDF"