A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.
No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, establecendo no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación, modificación e supresión daqueles.
En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Mediante esta orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regúlanse os ficheiros de carácter persoal que se especifican nos anexos seguintes.
Artigo 2º.-Contido.
A información exixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación de ficheiros, está contida nos anexos desta orde, en cada un dos ficheiros creados.
Artigo 3º.-Finalidade e usos dos ficheiros.
Os datos de carácter persoal, incluídos nos ficheiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria creados por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.
Artigo 4º.-Cesión de datos.
Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados nos anexos. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.
Artigo 5º.-Órgano responsable da seguridade dos ficheiros.
A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelle á Secretaría Xeral encadrada en Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
No anexo detállase a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.
Artigo 6º.-Medidas de seguridade.
O nivel dos ficheiros creados por esta orde atópanse clasificados atendendo ao disposto no artigo 80 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo I aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados baixo esta orde.
O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade, e os dereitos e obrigas recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
Artigo 7º.-Dereito de oposición, acceso, rectificación e cancelación de datos.
As persoas poderán exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación de datos, cando cumpra, mediante escrito dirixido ao enderezo seguinte: edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 3-2 15781 Santiago de Compostela.
Artigo 8º.-Cancelación de ficheiros.
No anexo II desta orde, relaciónanse aqueles ficheiros para os que será solicitada a súa supresión ao Rexistro da Axencia de Protección de Datos, ben por que a finalidade para a que foron solicitados non subsiste ou porque os datos serán incorporados en ficheiros de nova declaración.
Disposición adicional
No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas haberá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2009.
Benito Fernández Rodríguez
Secretario xeral da Consellería de Educación
e Ordenación Universitaria
Ver referencia pdf "08000D005P035.PDF"
Ver referencia pdf "08000D006P039.PDF"