DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 29 de abril de 2009 Páx. 8.154

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ANUNCIO do 13 de abril de 2009, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, da declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Catoira (Catoira-Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Catoira (Catoira-Pontevedra) e que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2009.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 24 de marzo de 2009, relativa á zona de concentración parcelaria de Catoira, concello de Catoira (Pontevedra), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. (Clave 2007/0137)

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias promove, por solicitude dos veciños, un proceso de concentración parcelaria na zona de Catoira (Pontevedra).

A citada concentración parcelaria cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental por atoparse entre os proxectos previstos no anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

No anexo I desta declaración resúmense as actuacións e características da zona de concentración e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental avaliado.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, o 2 de novembro de 2007 publícase no DOG nº 212 a Resolución do 28 de setembro do mesmo ano, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Catoira (Catoira- Pontevedra), non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Posteriormente recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias como órgano substantivo por razón da materia, en que se inclúen o estudo de impacto ambiental e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza, así como o do organismo autónomo Augas de Galicia e do Concello de Catoira.

Segundo indica o órgano substantivo nun dos oficios de remisión do expediente, non consta emisión de informe por parte da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais no prazo legalmente establecido.

Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, e as súas modificacións, formula, só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) para a zona de concentración parcelaria de referencia.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da referida zona é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteriores condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicións adicionais ás anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva ao proceso de concentración parcelaria que se desenvolverá na chamada zona de Catoira, sendo o perímetro da zona obxecto desta DIA o correspondente á totalidade dos terreos do concello de Catoira, cunha superficie duns 29 km2.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de implantación.

1. Todos os elementos do patrimonio cultural e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obras antes do seu inicio, incluída a traza do Camiño de Santiago, todo isto de acordo co recollido ao respecto no punto C.1.1 desta declaración.

2. Co fin de dar cumprimento ao estipulado no punto 8º do artigo 4 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, o proxecto de rede viaria desta concentración parcelaria deberá contar co correspondente estudo acreditativo do seu impacto acústico.

Nese estudo, que se realizará baseado no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, determinarase a necesidade ou non de adoptar medidas protectoras naqueles puntos en que se poidan superar os límites establecidos no anexo da citada Lei 7/1997, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Catoira. Así mesmo, valorarase a necesidade ou non de establecer un plan de seguimento de ruídos.

3. Nesta fase teranse en conta todas as limitacións e demais prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e no Regulamento do dominio público hidráulico (R.D. 849/1986, do 11 de abril, modificado polo R.D. 606/2003, do 23 de maio). Ademais, o proxecto deberá axustarse ás prescricións establecidas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa (PHGC).

Neste sentido, o proxecto contará con polo menos un plano en que se definan claramente as zonas de servidume e de policía da rede hidrolóxica desta zona de concentración parcelaria.

4. Logo da definición do trazado dos novos accesos, e das obras que hai que realizar en xeral, terase en conta que deberán desenvolverse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e ás súas zonas de servidume e policía, sobre todo por posibles incorporacións aos cursos de auga de sólidos en suspensión, medidas que pasarán pola disposición de gabias de intercepción e balsas de decantación, dimensionadas correctamente para poder absorber a auga de escorremento pluvial antes de chegar aos leitos fluviais.

5. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de estremas lineais de interese ambiental. Para isto, procurarase axustar a maior lonxitude posible de estremas dos predios de substitución aos citados elementos, tal como se contén no estudo ambiental.

6. Será nesta fase cando se defina a localización das zonas destinadas a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc. Para isto seguiranse os criterios ambientais sinalados no estudo de impacto e ao longo desta declaración.

7. Definiranse as zonas para o depósito de posibles sobrantes procedentes dos movementos de terras. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais tendo en conta o recollido no punto anterior e que, no caso de existiren no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou doutros movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental e ao longo desta DIA.

8. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado a este proceso de concentración parcelaria en que se desenvolvan e orcen detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxística descritos xenericamente no estudo de impacto ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderase a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística, e terase en conta o seguinte:

As especies que se vaian empregar:

Serán autóctonas, tendo sempre presentes para a súa implantación as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que se vai restaurar, e que procedan (sexan árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) da mesma zona ou doutra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

Deberán ser compatibles co hábitat en que se van implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etc.), e factores bióticos.

Deberán ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, aplicándose, se for o caso, os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose, ademais, para acadar este obxectivo os tratamentos que sexan necesarios (rareos, rozas, etc.).

No caso de ser necesaria a eliminación dalgúns exemplares de especies arbóreas autóctonas, procurarase que sexan replantadas na medida do posible, empregándose na restauración. De todos os modos, priorizarase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se van restaurar e os hábitats presentes.

Contemplarase, tal e como se sinala no estudo ambiental, a plantación de vexetación de ribeira -con especies autóctonas das existentes na zona- nas marxes dos leitos fluviais, cando sexa estritamente necesaria a súa corta para a execución das obras e non poidan ser replantadas noutras zonas.

9. Redactarase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, no cal se incorporarán aqueles aspectos a controlar que xurdan ao longo desta fase de implantación, así como os derivados do cumprimento das condicións desta DIA.

Ese programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación ambiental e nas condicións desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou nas condicións da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

Fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán estar asinados por un técnico da citada entidade.

As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fases de execución e explotación.

1. No que respecta ao patrimonio cultural:

Calquera modificación sobre o autorizado deberá ser remitida polo promotor da obra á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para a súa revisión e autorización.

a) Con carácter xeral non se permite a utilización do Camiño de Santiago nin doutros camiños tradicionais que teñan asociados elementos singulares. De ser imprescindible o uso destas vías, deberá solicitarse a autorización pertinente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que establecerá as medidas cautelares oportunas.

b) A maquinaria pesada non circulará por vías tradicionais que sexa preciso conservar, e en especial por aquelas que teñan asociados elementos sensibles como valos ou chousumes tradicionais en pedra de pequena lonxitude, con fontes ao seu carón, con vexetación a modo de túnel, ou aqueles en que este uso poida afectar as dimensións e elementos característicos destas vías, como elementos singulares (fontes, cancelas e lousados), ou mesmo construcións.

2. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a fase de obras e a afectación da vexetación circundante, ademais das medidas indicadas no estudo ambiental, procederase á rega de superficies cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos, evitando en todo momento asolagamentos e enxurradas, e deberán asfaltarse as pistas con maior tránsito sempre que sexa posible. Ademais, e no caso de ser necesario, o lavado das rodas dos camións efectuarase á saída da zona de obras.

3. Con carácter xeral, cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e no que sexa máis restritivo observarase o disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas e, se for o caso, ao que se estableza nas ordenanzas municipais ao respecto.

4. Toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na súa zona de servidume e policía, así como calquera captación ou vertedura, se a houber, precisará da autorización ou permiso do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia. Neste sentido, deberán terse en conta en todo momento as limitacións e demais prescricións establecidas na normativa en materia de augas citada no punto B.1.3 desta declaración.

En relación co anterior, se se xeraren augas residuais fecais en casetas de obras, deberá solicitarse a correspondente autorización de vertedura para elas ou recollelas e entregalas a xestor autorizado.

5. Tal e como se recolle na documentación avaliada, non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se encontren na zona afectada pola concentración parcelaria. Ademais, respectaranse os mananciais que existan na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso se resultar necesario para a execución das obras. Se xurdiren afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.

6. Cando se leven a cabo movementos de terras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiesborroamento ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastres de materiais aba abaixo.

7. Tal e como se contempla no estudo ambiental, no caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas, etc.) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se produciren, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

8. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e/ou incorporación de sólidos ás augas procederase, a medida que avanza a obra e na medida do posible, á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras, coidando que estas operacións sexan efectivas. Ademais, na modelaxe dos noiros evitaranse as formas demasiado artificiais, procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, integrándose co natural e por extensión coa paisaxe.

9. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. A este respecto, observarase o disposto no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais e, de acordo co indicado no estudo ambiental, levarase a cabo un plan de control da calidade das augas, tendo en conta o sinalado no punto C.1.10 desta DIA.

10. De ser preciso o emprego de formigón, evitarase a súa elaboración na propia obra, adquiríndoo xa preparado en instalación ou instalacións que conten coas debidas autorizacións.

11. Levarase a cabo un control topográfico dos límites da zona de concentración, dos predios de substitución e da traza dos camiños de concentración, evitando afeccións fóra destes límites, que se axustarán ao contido dos documentos a que se fai referencia no punto C.1.11 desta DIA.

12. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria de obra realizaranse en talleres autorizados sempre que sexa posible, eliminando así o risco de posibles derramamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando estes labores teñan que realizarse in situ, pola súa mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada, estes realizaranse preferentemente na zona destinada a parque de maquinaria e, en todo caso, protexendo o chan con materiais impermeables e dispondo os medios necesarios para a recolla e xestión de posibles derramamentos.

13. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, pozas, zonas húmidas, zonas hidromorfas ou con vexetación de interese, adoptando todas as medidas necesarias para a súa preservación, ademais das propostas no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento desas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

Evitarase a intervención simultánea sobre diversos cursos na mesma bacía, procurando graduar os traballos para evitar a acumulación de sólidos en suspensión no leito principal.

14. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa.

15. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra (se os houber) nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.7 desta DIA, deberá contarse cos correspondentes permisos.

16. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario, respectando sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución das obras. Non se fará uso do lume nin de fitocidas nestas tarefas. Ademais, tal e como se establece no estudo ambiental, procederase ao balizamento ou sinalización das masas e formacións vexetais de interese ambiental para evitar a súa eliminación.

17. En relación coa preservación do arboredo, observarase o indicado ao respecto no estudo ambiental e nesta declaración. Non obstante, para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e demais normativa de aplicación.

18. Se na zona existiren afloramentos rochosos singulares con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.

19. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B.1.8 desta DIA, paralelamente ao avance das obras sempre que sexa posible, e vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideren aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

20. Retirarase e acumularase a camada superior de terra vexetal (15-30 cm) dependendo da carga en materia orgánica, para a súa utilización no proceso de restauración. As acumulacións realizaranse ao longo da traza dos camiños e do xeito indicado no estudo ambiental. Esta terra, mentres permaneza amoreada non poderá ser mesturada con ningún tipo de residuos ou entullos.

21. Para depositar a citada terra sobre os terreos a restaurar, procederase a triturala e esparexela homoxeneamente, a fin de permitir a súa rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais, e evitar a aparición de enfermidades ou pestes.

22. No caso de ter que importar terra vexetal para os citados labores, esta deberá proceder de zonas que sexan froito de alteración autorizada.

23. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

24. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

25. Tal e como se recolle no estudo ambiental, todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da concentración parcelaria deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación de aplicación, sendo isto aplicable aos lodos das balsas de decantación. Ademais, primará a reciclaxe ou reemprego dos residuos fronte á vertedura.

Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e de residuos, etc., deberán ser desmanteladas e xestionadas segundo a súa natureza. Ademais, se for o caso, os espazos ocupados por elas deberán ser restaurados á súa situación preoperacional. Isto é aplicable no caso das balsas de decantación e de vías de obra que non vaian ser empregadas ao remate daquelas.

26. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectaren impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación de aplicación, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. De manifestarse a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarao á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o seguinte:

Polo que respecta á afección ao Camiño de Santiago:

a) Os camiños históricos deben quedar identificados no proxecto e nos seus planos. Ademais da estreita franxa de protección coincidente coa marxe do río Ulla e co Lic Es 1140001 Sistema Fluvial Ulla-Deza, existen outros como o denominado Camiño Real e a posible variante do Camiño de Santiago que conectaría o concello de Padrón co citado Camiño Real, atravesando as poboacións de Gondar, A Baiúca, A Corredoira, A Ponte e O Outeiriño cara a desembocadura do río Ulla.

b) O trazado das vías de comunicación e os elementos anexos (cerramentos, construcións á marxe, etc.) deberán estar recollidos e perfectamente identificados nun plano topográfico do estado actual e noutro das intervencións sobre o mesmo. Prestarase especial atención ás vías que comunican Catoira coas poboacións do norte, que teñen un interesante trazado tradicional onde se conservan os valos de pedra laterais ademais de numerosos elementos patrimoniais como cruceiros, petos de ánimas, hórreos, etc. En xeral analizarase a estrutura do territorio, sobre todo na zona noroeste do concello, a fin de emprender unha concentración coherente cos diferentes elementos preexistentes.

c) Logo da anterior análise, considerarase a posibilidade de excluír da concentración, ademais dos camiños históricos, a zona noroeste do concello de Catoira, pola súa complexidade territorial.

Outras medidas de protección do patrimonio serán:

a) Cada un dos elementos do patrimonio cultural da zona estará delimitado polo seu ámbito de protección, que como mínimo, conterá as distancias sinaladas na normativa de aplicación. Estas distancias mediranse a partir dos elementos que lles sexan propios e seguirán signos físicos do territorio (parcelario, cómaros, muros, etc.) e non liñas abstractas.

b) Nos planos de obras reflectiranse todas as zonas de protección dos elementos do patrimonio cultural, sendo necesario engadir, no que respecta ao patrimonio arquitectónico e etnográfico, os elementos incluídos no Catálogo Complementario de Bens de Interese Cultural das Normas Subsidiarias do Planeamento Municipal do Concello de Catoira. Así, reflectirase o contorno de protección dos muíños de vento de Cores - Abalo, e do Outeiro da Vila - Catoira.

c) Non se poderán executar pistas de novo trazado nas áreas de protección integral e respecto dos elementos do patrimonio cultural. A realización de calquera tipo de obra nas áreas de protección dos citados elementos precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

d) Previamente ao inicio das obras dos proxectos de rede viaria e de acondicionamento de leiras, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe, unha avaliación do impacto dos anteditos proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona de concentración. Esta documentación deberá contar cunha ficha individualizada de cada elemento en que se fará constar: delimitación dos ámbitos de protección e o seu reflexo en fotografía aérea e cartografía catastral, especificacións técnicas e características construtivas da obra ou proxecto que ocasiona o impacto, e proposta de medidas correctoras.

e) Para a realización da avaliación do impacto a que se refire o punto anterior, elaborarase un proxecto de prospección arqueolóxica, con metodoloxía intensiva, do trazado seleccionado da rede de camiños, proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

f) Unha vez obtida a citada autorización, deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante a implantación, a execución das obras, e a restitución dos terreos, en todo o ámbito da zona de concentración parcelaria. A tal fin, logo de inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

g) Como anexo ao proxecto arqueolóxico, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso desta, deberase recoller un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto de control e seguimento arqueolóxico). O citado plano deberá incorporar os textos necesarios para a súa comprensión.

h) No deseño da rede de camiños e demais obras inherentes ao proceso de concentración parcelaria, terase en conta a antiga localización do petroglifo da Finca Tilleiriña (GA36010002), que segundo a información dispoñible se situaba no predio denominado Finca Tilleiriña, ao NNE da aldea de Aragude.

i) No deseño dos proxectos de rede viaria e de acondicionamento de leiras deberán terse en conta, adoptando as medidas oportunas para a súa conservación, preservación e recuperación, os antigos camiños e corredoiras, valados de pedra, muros de cerramentos tradicionais, etc., que configuran funcional e estruturalmente a paisaxe galega e caracterizan culturalmente o territorio. Os que por forza haxa que retirar deberán ser obxecto de recuperación, desmontándoos e aproveitándoos para definir as novas leiras.

j) Durante a implantación revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das medidas correctoras.

k) Segundo os resultados das actuacións arqueolóxicas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

2. No proceso de concentración parcelaria contemplaranse as medidas necesarias para manter o espazo natural protexido limítrofe Sistema Fluvial Ulla-Deza (que ostenta a categoría de lugar de importancia comunitaria -Lic-, sinalando que o río Ulla constitúe neste tramo unha zona húmida das recollidas no Inventario das Zonas Húmidas de Galicia: Esteiro do Ulla) en condicións óptimas, evitando calquera actuación que poida ter unha incidencia negativa sobre el e adoptando, en todo caso, medidas que fomenten a súa conservación, mellora e mantemento. Estas medidas deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

A este respecto, lémbrase que a realización de usos ou actividades non tradicionais no ámbito dun espazo natural protexido e que poidan poñer en perigo os valores que xustifican a protección do citado espazo requirirá autorización previa por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (e dentro desta, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza) consonte o artigo 2 do Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais.

3. En todo momento se terá presente que, para fases posteriores, deberá evitarse que os usos dos terreos cambien dun xeito radical, en especial a transformación de terreos forestais e ecosistemas acuáticos en agrícolas, a fin de, entre outros, non causar afeccións ao citado Lic por posibles variacións substanciais do balance hídrico da zona.

4. En relación co anterior, no proceso de concentración parcelaria conservaranse integramente as áreas que presenten os seguintes hábitats: fragas aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), presentes por exemplo na zona da paraxe denominada Ermida de San Cibrán, parroquia de Dimo, e queirogais húmidos atlánticos de zonas templadas de Erica ciliaris e Erica tetralix, recoñecidos na parroquia de oeste e ao sur do Monte das Mámoas, os dous hábitats naturais prioritarios recollidos no anexo I da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, cos códigos 91E0* e 4020* respectivamente.

5. Ademais do anterior, durante o devandito proceso conservaranse ao máximo posible os rochedos silíceos con vexetación pioneira do sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii (habitat natural de código 8230), e as formacións de arboredo autóctono de frondosas (especialmente se constitúen carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica -hábitat natural de código 9230-, presentes por exemplo na zona de Freixeiro e no interior da parroquia de Dimo.

Tamén se conservarán ao máximo posible todos os cursos fluviais e a súa vexetación de ribeira (aínda que non constitúa un hábitat prioritario), os ecosistemas intimamente ligados á auga, hábitats palustres e zonas húmidas (na zona atópase a zona húmida denominada Outeiro da Vila que figura no Inventario das Zonas Húmidas de Galicia), as árbores -aínda que constitúan pés illados- e mouteiras singulares, as sebes, as estremas arborizadas e arbustivas de límite entre parcelas, os corredores ecolóxicos e ecótonos, as especies vexetais e faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas (atendendo especialmente ás que teñan algún grao de protección, estando incluídas nos catálogos nacional e galego de especies ameazadas), os valados de pedra, a paisaxe agrícola tradicional galega e, de non estaren contempladas entre as anteriores, as áreas que figuran no estudo avaliado como de interese ambiental.

6. No que respecta á protección dos pés de acivo (Ilex aquifolium) que se poidan encontrar na zona de concentración, observarase o disposto na Orde do 10 de decembro de 1984, lembrando que a especie está declarada protexida pola citada orde, o que supón prohibición da súa arrinca, corta, recolla ou desenraizamento.

7. Ao longo de todo o proceso de concentración, pero especialmente no deseño da rede viaria e dos predios de substitución, adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto ambiental e das establecidas nesta DIA, para evitar ou minimizar a afección aos citados elementos. Tal e como se recolle no estudo ambiental, pero durante todo o proceso de concentración, terase en conta tamén a presenza de rutas de camiñada, así como das áreas recreativas identificadas na documentación avaliada (Barral, Portocanles, Fontegaiteira, e á asociada ao camiño natural Río San Cibrán), miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalacións para o tempo de lecer (camiños naturais dos muíños de vento e do río Freixeiro), que non deberán sufrir alteracións.

8. A rede de camiños da concentración deberá deseñarse tendo en conta todos os criterios recollidos na documentación avaliada e nas condicións desta DIA, recollendo as seguintes medidas que matizan ou amplían as anteriores:

Aproveitarase ao máximo posible a traza dos camiños existentes, ben sexan forestais ou convencionais, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas. A modelaxe dos noiros resultantes, se é o caso, evitará formas demasiado artificiais.

Como norma xeral, os camiños que se proxecten non superarán un largo total, incluíndo cuneta e beiravía, de 6 metros para os de acceso agrícola e de 8 metros naqueles que comuniquen parroquias ou núcleos entre si. En zonas de monte, o largo das pistas será a necesaria para o mantemento dun uso forestal, sendo preferible que este largo sexa o mínimo que permita a manobra, e creando pola súa vez, cada certa distancia, zonas máis largas a modo de apartadoiros que permitan o xiro dos vehículos e a acumulación da madeira de corta ata o seu transporte.

Contemplarase a posibilidade de que, as comunidades vexetais de interese, que se atopen no discorrer dun camiño existente a acondicionar, se inclúan nel e pasen a ser dominio público, e co obxecto de asegurar a súa persistencia.

Previamente á execución das obras procederase á implantación e balizamento dos puntos de interceptación da obra coas canles, evitando así afeccións innecesarias á rede hídrica.

Deberá desenvolverse un plan de seguimento hidrolóxico durante as fases de obras e explotación, conforme o sinalado no punto C.1.10 desta DIA.

As vías de comunicación novas situaranse fóra de zonas asolagables.

Elixirase a alternativa de deseño que supoña un menor número de cruzamentos de cursos fluviais. No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando que os piares non se coloquen no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado, lembrando en todo caso as limitacións e prescricións establecidas ao respecto na lexislación de augas e no PHGC) ou, na súa falta, obras de paso tipo pórtico, evitando pasos tipo marco ou tubo con fin de manter os leitos no seu estado natural. Débese sinalar que para a execución das obras de paso as seccións necesarias se calcularán baseándose nos caudais de enchente con períodos de retorno de 500 anos.

En calquera caso, o deseño que se adopte deberá permitir o paso da fauna ictícola en datas de escaso caudal.

Con caracter xeral prohíbense encanamentos cubertos. Cando sexa inevitable a cobertura dun leito, se a bacía drenada é superior a 0,5 km2, a sección será visitable cunha altura mínima de 1,8 m e cun largo mínimo de 1,5 m.

A capacidade de desaugamento de obras de paso provisorias, que poidan ser necesarias para a execución das obras, será maior que os tramos do leito inmediatamente augas arriba e augas abaixo.

9. Tal e como se contempla no estudo ambiental, desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de implantación, como poden ser a aparición de edificacións ou cerramentos, o abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos, arroteamentos ou cortas indiscriminadas de vexetación ante a incerteza dos propietarios pola titularidade futura das parcelas.

Neste sentido, lembraráselle aos propietarios a obriga legal de obteren autorización ou permiso para a corta de especies arbóreas, así como da existencia doutras limitacións ou obrigas establecidas na normativa vixente ao respecto (Lei 9/2002 modificada pola 15/2004, 43/2003 modificada polas 10/2006, 5/2006, 3/2007, 7/2007, Decreto 105/2006…), e procurarase telos informados en todo momento da marcha do proceso de concentración, establecendo canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso.

10. Ademais de cumprir o sinalado no punto B.1.9 desta DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá completarse, e contemplar especificamente os seguintes aspectos:

Plan de seguimento das medidas cautelares de protección do patrimonio cultural.

De acordo co sinalado no punto B.1.1 desta DIA, en función das conclusións do estudo acústico elaborarase, de ser o caso, un plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras, no cal constarán os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade dos controis, etc. Este plan de seguimento basearase no disposto no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

Detalle do plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación.

No que respecta ao plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais, e unha vez que se dispoña do proxecto de rede de camiños de concentración, o promotor revisará o estudo cero de augas recollido no estudo ambiental, para o establecemento de puntos de toma de mostras de auga, co fin de (tendo en conta aqueles lugares onde se poida producir maior arrastre de partículas por movementos de terra e tránsito de maquinaria) realizar os controis durante a fase de obras e explotación nos mesmos puntos, ampliar os puntos de mostraxe de xeito que se vexan representadas todas as zonas afectadas polas obras, ou establecer outros novos. En calquera caso a escolla dos referidos puntos de mostraxe deberá estar suficientemente motivada desde o punto de vista ambiental.

Os parámetros que se analizarán nas mostras de auga serán os recollidos no citado estudo cero, ademais de hidrocarburos. Para a fase de explotación analizaranse tamén nas augas amoníaco, nitróxeno nítrico e pesticidas.

A periodicidade de realización das análises para o control da calidade das augas durante a fase de obras será como mínimo mensual, e, durante a fase de explotación, semestral nos dous primeiros anos e anual nos seguintes.

Os resultados das campañas preoperacionais de nivel sonoro ambiental e de calidade de augas incorporaranse aos informes e memorias de seguimento ambiental (tanto aos da fase de obras como aos de explotación) a elaborar segundo o recollido nos puntos C.2.6 e C.3.6 desta DIA, para, se for o caso, comparalos cos datos que se obteñan nos períodos de seguimento.

11. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitirá a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración parcelaria, que incluirá, sen prexuízo do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia (con especial atención ao sinalado sobre a elaboración dun plan forestal para a zona de concentración), o proxecto da rede de camiños, con indicación das alternativas estudadas ao respecto, e un anexo específico en que se documente adecuadamente a inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias propostas no estudo de impacto ambiental, como todas as cuestións derivadas do cumprimento das condicións desta DIA (especialmente o proxecto de integración paisaxística e programa de vixilancia ambiental).

C.2. Fase de execución.

1. Serán obxecto de especial atención no tocante á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, así como obxecto dun intenso seguimento e vixilancia ambiental, os elementos e áreas sensibles sinaladas ao longo do punto C.1 da DIA.

2. En relación co anterior, estableceranse todas as medidas necesarias para detectar e, se for o caso, protexer exemplares e posibles parellas reprodutoras de escribenta das canaveiras -Emberiza schoeniclus- (sobre todo da subespecie lusitánica, que está recollida no Catálogo galego de especies ameazadas como en perigo de extinción), medidas que pasarán polo mantemento das áreas húmidas con vexetación palustre da zona.

3. Ademais, dado que entre a ornitofauna localizada figuran as aves de rapiña tartaraña cincenta (Circus pygargus), a gatafornela (Circus cyaneus), e tartaraña das xunqueiras (Circus aeroginosus) estableceranse os controis oportunos para a detección de posibles parellas reprodutoras nas áreas que vaian ser afectadas polas obras, tendo en conta que nidifican sobre o chan.

No caso de detectarse a nidificación, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, que poden incluír o establecemento dun perímetro de protección duns 500 m de raio arredor o niño, onde se evitará calquera actuación ata que finalice o período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona afastada) e outro perímetro de seguranza de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.

4. No referente aos labores de corta de arboredo, previamente á súa execución verificarase a ausencia de avifauna nidificante de interese nos pés implicados. En caso afirmativo, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor.

En especial, atenderase á presenza de aves de rapiña (entre outras, azor, gabián e millafre negro), moitas de cuxas especies teñen figuras legais de protección ou figuran en diversos catálogos e publicacións que poñen de manifesto a importancia da súa conservación.

5. Tal como se sinala no estudo de impacto ambiental, evitarase que as obras coincidan coas épocas de maior afección aos ciclos vitais das especies sensibles presentes nesta zona de concentración.

6. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se fai referencia ao longo desta DIA e, como órgano substantivo, observará o disposto no artigo 18 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Durante a fase de obras elaborarase a seguinte documentación de seguimento, cos contidos mínimos que se sinalan a seguir:

a) Semestralmente:

Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto de concentración, acompañado de plano en planta en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

Memoria do seguimento ambiental, incluíndo os resultados dos controis da calidade das augas e, se for o caso, do nivel de ruído, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico, e control da presenza de parellas reprodutoras de Emberiza schoeniclus, Circus pygargus, Circus cyaneus e Circus aeroginosus. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras, correctoras ou compensatorias (patrimonio cultural, etc.), incidencias ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra e sobrantes de terra, etc. O informe reflectirá o cumprimento desta declaración en relación a todos os aspectos contidos nela.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados ao longo do punto C.1 desta DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora e deberán ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, na cal quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA. Describirase detalladamente o estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección do patrimonio, do solo e da vexetación, e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Ademais, incluiranse na memoria, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, e demais formacións e áreas de interese sinaladas ao longo do citado punto C.1, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración e das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e hora, e virán acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante a adopción de criterios de sustentabilidade ambiental no uso da nova propiedade.

2. Atenderase ás posibles limitacións e/ou obrigas legais canto ao uso dos predios de substitución, tendo en conta a normativa a que se fai referencia no punto C.1.9 da DIA, e o respecto aos elementos e áreas sensibles indicados ao longo do devandito punto C.1.

Neste sentido, considérase de especial importancia o desenvolvemento de accións de información e asesoramento ambiental aos propietarios dos predios, co obxecto de que sexan coñecedores dos valores ambientais e culturais que poidan albergar os seus predios de substitución, e das medidas contidas no Código galego de boas prácticas agrarias, medidas que estes deberán poñer en práctica para un aproveitamento das parcelas máis respectuoso co ambiente. Ademais, os propietarios comprometeranse a manter o uso que se asigne ás parcelas ao longo desta fase.

3. En relación co anterior, se se detectaren exemplares de escribenta das canaveiras, promoverase entre os propietarios das novas parcelas o desenvolvemento de medidas de protección desta ave, que poden pasar polo mantemento de restroballos en áreas de invernada, evitar o cambio de uso das zonas húmidas con carrizas, uso reducido de pesticidas, etc.

4. Dada a natureza basicamente forestal da maior parte dos terreos obxecto de concentración:

O deseño das repoboacións procurará evitar a continuidade de masas monoespecíficas de eucalipto ou piñeiro, co fin de impedir unha doada propagación de incendios forestais. En concreto, non se realizarán plantacións de eucalipto nas bandas de protección dos cursos fluviais, nin tampouco en zonas con pendente superior ao 40%. Tamén se desaconsellan as plantacións de piñeiros nestas bandas.

Respectaranse as distancias mínimas establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, e tomaranse as medidas necesarias para manter as faixas de especial protección. Aproveitarase o proceso de concentración para deseñar e executar, na medida do posible, as ditas faixas, especialmente no referente ao núcleo rural principal e na banda de 50 metros arredor das primeiras leiras destinadas a uso agrario.

Non se poderán realizar repoboacións forestais en solo urbano e núcleos rurais, nin en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pasteiros, con independencia da súa cualificación urbanística. Só se poderán realizar repoboacións con frondosas autóctonas en zonas agrícolas cando estean contempladas nun plan de ordenación de cultivos e forestal, sempre que non interfiran no desenvolvemento agrario da zona.

Levaranse a cabo boas prácticas forestais que incluirán o seguinte:

Promoveranse as masas mixtas de frondosas autóctonas.

Durante as cortas evitaranse danos nas frondosas autóctonas que non sexan obxecto de aproveitamento.

Fomentarase a función recreativa e social das zonas forestais máis próximas aos núcleos rurais.

Procurarase evitar as queimas controladas.

Minimizaranse os impactos paisaxísticos racionalizando as superficies de corta e deixando pequenas moiteiras maduras que interrompan a uniformidade da corta.

5. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

6. Anualmente, elaborarase un informe de seguimento ambiental que, como mínimo, inclúa:

Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Incluiranse os resultados dos controis da calidade das augas e describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, poboacións reprodutoras das aves sensibles tras o proceso de concentración (Emberiza schoeniclus, Circus sp.), estado das vías da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.

Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, referida a todos os seus elementos, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

Se for o caso, incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os tres primeiros anos de seguimento poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se realizarán en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2009.

Salvador Jesús García García

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo das actuacións e das características da zona de concentración

Na actualidade estase a desenvolver un proceso de concentración parcelaria para o concello de Catoira, co fin de acadar un maior desenvolvemento socioeconómico dos seus terreos coa reorganización da propiedade.

O municipio de Catoira localízase no extremo noroeste da provincia de Pontevedra. Ten unha extensión duns 29 km2 e limita cos concellos de Valga, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, e Rianxo. A zona de concentración estudada comprende todo o concello de Catoira, que está composto por catro parroquias (Abalo, Catoira, Dimo e Oeste) cun total de 29 entidades singulares de poboación.

O proceso desenvolverase basicamente en tres fases: implantación, execución das obras e explotación. As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son a execución da nova rede de camiños e o acondicionamento dos predios de substitución. A maior parte do concello de Catoira ten unha pendente superior ao 25%, cuestión que vai condicionar o emprego de maquinaria nos labores de explotación.

No que respecta á hidroloxía da zona, os principais ríos do municipio son o río Ulla, que desemboca neste concello, o río Catoira, o río Souto da Vila, o río Freixeiro, e o regueiro de San Xibrián. Ademais na zona atópanse os regos de Beco, Portocelo e Casieiro.

Na zona estudada atópase parte do lugar de importancia comunitaria Lic Es 1140001 Sistema Fluvial Ulla-Deza. O río Ulla constitúe a zona húmida denominada Esteiro do Ulla, e na zona atópase outra zona húmida das recollidas no Inventario Galego de Zonas Húmidas, a denominada Outeiro da Vila.

Canto á vexetación, a zona de estudo pertence á serie colina galaico-portuguesa acidófila do carballo, dentro da serie das carballeiras colino-montanos acidófilas cántabro-atlánticas. No seu óptimo estable esta serie corresponderíase cunha carballeira densa de carballos (Quercus robur), podendo levar certa cantidade de rebolos (Quercus pyrenaica), acivos (Ilex aquifolium), castiñeiros (Castanea sativa) e loureiros (Laurus nobilis), se ben a ampliación de cultivos, as cortas, e a substitución de especies autóctonas por outras de crecemento máis rápido, fixeron que a paisaxe estea dominada pola presenza de piñeiro do país e eucalipto formando masas mixtas. Segundo a documentación ambiental avaliada, un 73% do total da superficie estudada correspóndese coa unidade ambiental identificada como de bosque.

Na zona de concentración atópanse zonas de vexetación potencial intacta, mantendo as súas características iniciais e asociacións, acadando o seu máximo esplendor no lugar chamado Ermida de San Cibrán na parroquia de Dimo, onde se alternan carballeiras con fragas de ribeira.

ANEXO II

Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental

Na proposta de medidas protectoras e correctoras incluída no estudo de impacto ambiental avaliado recóllense medidas relativas aos seguintes aspectos:

A) Medidas preventivas durante a fase de formulación do proxecto, en relación coa corta indiscriminada de árbores e coa proliferación de cerramentos e construcións.

B) Medidas protectoras e correctoras durante a fase de execución de obras, medidas xenéricas e en relación coas seguintes áreas: atmosfera, calidade sonora, solo, augas, vexetación, fauna, paisaxe e arqueoloxía.

C) Medidas correctoras durante a fase de explotación, en relación coas seguintes áreas: atmósfera, augas, solo, medio biótico e paisaxe.

Ademais, no referido estudo inclúense criterios de deseño do trazado da rede de camiños:

1. Consideracións coa xeometría:

Se for imprescindible o cruzamentos de leitos fluviais, empregaranse pontes procurando non colocar piares no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado do mesmo para manter os leitos dos ríos no seu estado natural.

A densidade dos camiños será a mínima imprescindible para o mantemento do uso forestal, dando maior servizo posible ocupando a mínima superficie.

Evitaranse os tramos longos de trazado rectilíneo, sendo preferible que se adapte ao relevo natural coa finalidade de acadar unha maior integración paisaxística da infraestrutura.

Terase en conta a presenza de rutas de camiñada, camiños naturais, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación de tempo libre no deseño da rede viaria.

A rede de camiños proxectada deberá apoiarse en gran medida sobre os camiños rurais xa existentes, adaptando as súas condicións de largo e capa de rodaxe ao servizo que se espera deles. Tamén se asegurará unha estrutura xerárquica de xeito que unha pista dun rango ou categoría determinada tería que saír doutra de categoría igual ou superior.

Os camiños principais proxectados terán un largo de 4 a 6 m en función da densidade de tráfico. En pistas forestais secundarias o valor máximo será de 2,5 m e para servizo das parcelas de 2 a 4 m.

Evitaranse as zonas de maior pendente sempre que sexa posible, sendo a pendente máxima admisible de 15% en tramos máximos de 50 m.

A rasante acomodarase á topografía do terreo e evitaranse zonas de alta pendente sensibles á erosión. Evitaranse noiros en zonas de elevada pendente non superando os 40º. No caso de necesitar unha maior pendente, protexeranse os muros con cachotería. Non se crearán noiros de pendente vertical na parte inferior dun camiño.

2. Consideracións coas terras de préstamo.

O tempo de construción dunha pista será o máis corto posible co fin de evitar períodos de choiva ou a inestabilización dos noiros, e co fin de non ter que almacenar terras vexetais en lugares específicos cun mantemento particular. Non obstante, é importante non facer pillas de terra vexetal moi altas nin compactalas.

A localización de canteiras ou depósitos temporais ou definitivos asentaranse en lugares de escaso valor natural e, polo tanto, de baixo impacto.

No caso de necesitar material de canteira para o desenvolvemento das obras, procederá de canteiras autorizadas. Estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se utilizarán na construción de novos camiños (para as bases, subbases ou pavimentación), proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

Só se efectuarán préstamos (con xustificación previa) en zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. Os préstamos terán a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes deberán ser restaurados ao remate da obra.

3. Consideracións coa paisaxe e o contorno.

Na fase de implantación evitarase o trazado de novos camiños por zonas próximas a leitos fluviais. O camiño distanciarase o máximo posible, considerando os 5 m de servidume e unha banda de protección de 4 m que se destinará á restauración.

Para o piso empregarase material granular (saburra). Soamente se empregará piso asfáltico naqueles camiños que realmente sirvan de comunicación entre núcleos ou con outras estradas de maior entidade, e os movementos de terra serán os mínimos necesarios.

No caso de que nos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten a saude dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, podendo consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou cos dous laterais abertos.

Respectaranse as árbores situadas pendente abaixo, co fin de que contribúan á estabilidade da propia pista e dos noiros.

Evitarase modificar o réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas. Respectaranse as estruturas de drenaxe transversal e as vagoadas que teña o terreo, dimensionando estas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de precipitación máxima. Co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos leitos naturais, colocaranse á saída destes pasos dispositivos protectores ou de disipación de enerxía.

Teranse en conta os actuais valos artesanais e sebes vexetais formados por filas de árbores e/ou arbustos co fin de facer coincidir, na medida do posible, as antigas e novas estremas de leiras, e así conservar elementos característicos da paisaxe galega.

Terase especial coidado cos carballos e demais especies arbóreas presentes na beira dos camiños, estudando alternativas de trazado ou eliminando nestas zonas os camiños de paso.

No caso de muros de pedra que resulten afectados nas obras, serán restituídos na medida do posible.