A actividade administrativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.
A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:
a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ao titular da consellería.
b) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, e o recoñecemento das obrigas relativas a eles, solicitando do órgano competente a ordenación dos pagamentos.
c) As funcións que, como órgano de contratación, están atribuídas ao titular da consellería pola lexislación vixente.
d) As facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 17 do texto refundido da Lei de función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo e demais disposicións en vigor.
e) A designación das comisións de servizos, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente organicamente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
f) A resolución dos recursos administrativos cando a facultade de resolución corresponda ao titular da consellería, e mesmo a suspensión da execución dos actos impugnados.
g) A resolución das solicitudes de revisión de oficio formuladas ao abeiro do previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
h) A resolución das reclamacións previas á vía civil e aos procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.
Artigo 2º
As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
Artigo 3º
En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das cales quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas as ordes do 1 de setembro de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a Orde do 6 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e na Orde do 22 de setembro de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Vivenda e Solo, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2009.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas

