DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 12 de maio de 2009 Páx. 8.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 5 de maio de 2009 pola que se prorroga a homologación do contrato-tipo para a compravenda de leite cru de vaca.

Mediante a Orde do 30 de maio de 2008 homologouse o contrato-tipo para a compravenda de leite cru de vaca.

O artigo 9 da Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, prevé a posibilidade de prorrogar o contrato tipo agroalimentario.

De conformidade co dito artigo 9 da Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, e co artigo 7 do Real decreto 686/2000, do 12 de maio, polo que se aproba o regulamento da Lei de homologación dos contratos tipo, correspóndelle á comisión de seguimento solicitar a prórroga da homologación.

A comisión de seguimento do contrato-tipo para a compravenda de leite cru de vaca en Galicia acordou dentro do prazo sinalado no Real decreto 686/2000, do 12 de maio, e por unanimidade, solicitar a prórroga da homologación do contrato-tipo durante dúas campañas lácteas (2009/2010 e 2010/2011).

Consonte coa proposta elevada pola dirección xeral competente en materia de produción agraria relativa á prorroga da homologación do contrato-tipo para a compravenda de leite cru de vaca procede aprobar esta orde.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Prorrogar a homologación do contrato-tipo para a compravenda de leite cru de vaca durante as campañas lácteas 2009/2010 e 2010/2011, o cal figura como anexo I desta orde.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Contrato de compravenda de leite de vaca

..., …de …de 200.

Reunidos:

Dunha banda, D./Dna…, con NIF número..., actuando en nome e representación de... con CIF número... e número de primeiro comprador..., con enderezo social en..., concello de..., na súa condición de comprador/a de leite.

E doutra banda, D./Dna..., con NIF número... actuando en nome propio ou en representación de... con CIF número... , con enderezo en..., concello de ..., na súa condición de produtor/a de leite, co réxime de IVE...

Intervindo as dúas partes na representación indicada, recoñécense mutuamente a capacidade legal necesaria para formalizar este documento e realizan as seguintes

Manifestacións:

I. Que... (en diante o produtor) ten como obxecto social a produción e comercialización de leite cru de vaca de conformidade coa normativa vixente, cunha cantidade de referencia dispoñible para a campaña ... de... quilogramos e con...% de materia graxa.

II. Que... (en diante o comprador) cumpre coa normativa vixente para o exercicio da súa actividade.

III. Ambas as partes teñen interese en subscribir este contrato de compravenda de leite de vaca, adoptando o modelo de contrato-tipo homologado pola Orde do..., todo isto conforme as seguintes

Estipulacións:

Primeira.-Obxecto do contrato.

O produtor comprométese a fornecer ao comprador e este a adquirir a cantidade de... litros de leite cru de vaca, corrixidos, se é o caso, en función do contido de materia graxa, comercializable de acordo coa lexislación vixente, cunha tolerancia de +/- ...% durante o período de vixencia do contrato.

A entrega/recollida do leite efectuarase en... cunha frecuencia mínima/máxima de...

Segunda.-Prezo e pagamento do abastecemento.

2.1. O comprador adoptará un modelo de recibo que se axuste ao recollido no Acordo do 15 do marzo de 2007 entre os distintos axentes económicos e sociais representativos do sector lácteo en Galicia (Anuncio do 23 de marzo de 2007, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, polo que se publica o acordo alcanzado polas organizacións de produtores agrarios, cooperativas e integrantes da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, relativo ao sector lácteo galego; DOG do 3 de abril de 2007).

A estrutura das primas e descontos axustarase ao recollido nese acordo.

2.2. O prezo que se aplicará polo leite estará conformado polo prezo do leite tipo libremente pactado entre as partes, recollido no anexo II, e as primas e/ou descontos ligados á calidade e a prima por cota, recollidos no anexo III.

As partes acordan acollerse ao sistema de fixación do prezo do leite tipo que se recolle no anexo I.

2.3. O pagamento da facturación mensual farase efectivo a mes vencido antes do día... de cada mes. No caso de que o comprador supere o prazo de pagamento establecido, este terá que aboar ao produtor xuros a unha taxa anual do...% aplicada ao período de atraso. Se o período de demora no pagamento supera... días, considerarase un incumprimento para osefectos da estipulación oitava.

2.4. Para os efectos da cuantificación das primas/descontos a calidade do leite será a resultante das análises realizadas polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análises do Leite (LIGAL) ao cal ambas as partes acordan someterse.

Terceira.-Calidade e rastrexabilidade.

O leite deberá cumprir as normativas existentes e en vigor referidas ás súas condicións hixiénicas e sanitarias, en particular o Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro, polo que establece a normativa básica do control que deben cumprir os operadores do sector lácteo e se modifica o Real decreto 217/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan a identificación e o rexistro dos axentes, establecementos e contedores que interveñen no sector lácteo, e o rexistro de movementos do leite.

O comprador debe rexeitar o leite que incumpra os requisitos recollidos na normativa anterior que impida a súa comercialización, sen que o produtor teña dereito a indemnización ningunha.

A determinación da calidade farase mediante toma de mostras que serán analizadas polo LIGAL. O custo das análises do leite será sufragado de acordo coas determinacións aprobadas polos órganos de dirección do LIGAL.

Cuarta.-Duración.

Este contrato ten unha duración de... (como mínimo seis meses) desde a data de entrada en vigor fixada o día...

Unha vez transcorrido este prazo, entenderase o contrato renovado por ...meses se non media comunicación en sentido contrario, cun mínimo de 30 días de antelación, dunha das partes á comisión de seguimento.

Quinta.-Taxa láctea.

O produtor será responsable do reintegro ao comprador -recadador por conta do FEGA- da taxa en que incorrese durante o período obxecto do contrato.

Sexta.-Garantías de cumprimento.

As partes deberán cumprir coas súas obrigas de fornecemento e adquisición especificadas nas estipulacións anteriores, excepto os casos de forza maior demostrada, derivados de folgas, sinistros, situacións catastróficas, adversidades meteorolóxicas ou calquera outro tipo de circunstancia sobrevida e allea á vontade das partes, e que deberán comunicarse dentro das setenta e dúas horas seguintes a se producir.

A consideración dunha situación de forza maior será constatada pola comisión de seguimento, para o que recibirá aviso da parte afectada dentro do prazo anteriormente establecido.

O incumprimento de calquera das estipulacións e anexos deste contrato dará lugar a unha indemnización pola parte responsable á parte afectada por unha contía equivalente ao valor estipulado do volume de leite obxecto do incumprimento do contrato.

En calquera caso, as denuncias deberán presentarse dentro dos sete días seguintes a producirse o incumprimento ante a mencionada comisión ou entidade independente nomeada por ela.

O contrato pode ser resolto en calquera momento por mutuo acordo das partes. A resolución do contrato debe comunicárselle á comisión de seguimento no prazo de ...días.

Sétima.-Comisión de seguimento.

O control, seguimento e vixilancia do cumprimento deste contrato, para os efectos dos dereitos e obrigas de natureza privada, realizarao a comisión de seguimento constituída para o efecto; comisión con personalidade xurídica, sen ánimo de lucro, e con carácter representativo e composición paritaria entre os representantes dos produtores e dos primeiros compradores de leite asinantes da solicitude de homologación do contrato-tipo a que se axusta este contrato.

Oitava.-Arbitraxe.

Calquera diferenza que puider xurdir entre as partes en relación coa interpretación ou execución deste contrato que non se poida resolver de mutuo acordo, será sometida polas partes á comisión de seguimento a que se fai referencia na cláusula novena.

No caso de que a comisión de seguimento non adopte unha solución aos conflitos, ou no de discrepancia coa solución proposta, deberá someterse á arbitraxe regulada na Lei 60/2003, do 23 de decembro, coa especialidade prevista na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, consistente en que o árbitro ou árbitros serán nomeados pola Consellería do Medio Rural.

De conformidade con canto antecede e para que conste para os fins procedentes, asínanse os preceptivos exemplares para os efectos oportunos no lugar e data expresados no encabezamento deste contrato.

Asdo. O/a vendedor/a Asdo. O/a comprador/a

Ver referencia pdf "09100D005P015.PDF"