DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 22 de maio de 2009 Páx. 9.112

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 14 de maio de 2009 sobre delegación de competencias por parte do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixou a nova estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e no seu artigo 3º estruturouse a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, quedando adscrito á citada consellería o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A disposición transitoria primeira do Decreto 83/2009 establece que mediante disposicións dos conselleiros e conselleiras respectivos se determinará a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas, como consecuencia da nova estrutura, aos centros directivos correspondentes mentras non se regule por decreto a nova estrutura orgánica a nivel de dirección xeral.

Con data do 24 de abril de 2009 aprobouse mediante orde a adscrición ao secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dos órganos dependentes das suprimidas Secretaría Xeral da Consellería de Vivenda e Solo e Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da citada consellería, asumindo, polo tanto, con carácter temporal, as competencias correspondentes a elas.

Mediante a Orde do 29 de abril de 2009 aprobouse a delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O 30 de abril de 2009 o Consello da Xunta nomeou o novo director xeral do IGVS.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo creado mediante a Lei 3/1988, do 27 de abril, e correspóndelle, de acordo co artigo 3º de dita lei de creación, a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada.

Por todo isto, parece procedente levar a cabo unha delegación de competencias no director xeral do IGVS que permita a axilización administrativa necesaria e redunde en beneficio tanto da administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

En relación coas competencias da suprimida Consellería de Vivenda e Solo, deléganse no director xeral do IGVS as seguintes:

a) As competencias que a lexislación vixente en materia de subvencións atribúa ao titular da consellería no relativo á resolución e reintegro de subvencións.

b) A sinatura de convenios atribuída ao titular da consellería polas normas regulamentarias.

c) A autorización e disposición dos gastos dos servizos da suprimida Consellería de Vivenda e Solo, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, e o recoñecemento das obrigas relativas a eles, solicitando do órgano competente a ordenación dos pagamentos.

d) As funcións que, como órgano de contratación, están atribuídas ao titular da consellería pola lexislación vixente.

e) As facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal da suprimida consellería, nos termos establecidos no artigo 17 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais disposicións en vigor.

f) A designación das comisións de servizos, con dereito á indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal procedente da suprimida Consellería de Vivenda e Solo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas conforme o artigo 1.2º da Orde do 24 de abril de 2009.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

En calquera momento o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das cales quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de RXAPAC, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas