O volume da actividade que en materia de contratación desenvolve o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) aconsella, en aplicación dos principios de economía e eficacia que deben presidir a actividade administrativa, tal e como se recolle na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, proceder á delegación de competencias que, como órgano de contratación do referido organismo autónomo, lle corresponden a esta presidencia do IGVS.
Visto o disposto nos artigos 10 e 11.c) da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, e no artigo 4.e) do Decreto 506/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS, así como no artigo 13 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
RESOLVO:
1. Delegar na Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo as facultades que como órgano de contratación ten atribuídas o presidente do IGVS polas disposicións en vigor, de conformidade cos requisitos exixidos pola lexislación vixente.
2. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
3. Esta delegación efectúase sen prexuízo de que a presidencia do IGVS poida, en calquera momento, reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta resolución.
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2009.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo

