DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 22 de maio de 2009 Páx. 9.116

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2009 pola que se delegan competencias da suprimida Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda na Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixou a nova estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e no seu artigo 3º estruturouse a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, quedando adscrito á citada consellería o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A disposición transitoria primeira do Decreto 83/2009 establece que mediante disposicións dos conselleiros e conselleiras respectivos se determinará a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas, como consecuencia da nova estrutura, aos centros directivos correspondentes mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica no nivel de dirección xeral.

Con data do 24 de abril de 2009 aprobouse mediante orde a adscrición ao secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dos órganos dependentes da suprimida Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Consellería de Vivenda e Solo, asumindo, polo tanto, con carácter temporal, as competencias correspondentes a ela.

O 30 de abril de 2009 tivo lugar o nomeamento polo Consello da Xunta do novo director xeral do IGVS.

Os principios de economía e eficacia que deben presidir a actividade administrativa aconsellan, en aplicación da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, proceder á delegación de competencias na Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Visto o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

1º Delegar no director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo as competencias que o artigo 5 do Decreto 505/2005, do 22 de setembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo, lle atribúe á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

2º As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

3º Esta delegación efectúase sen prexuízo de que a Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poida, en calquera momento, reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2009.

José Antonio Fernández Vázquez

Secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente,

Territorio e Infraestruturas