DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 24 de xuño de 2009 Páx. 10.963

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2009, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regulan as probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para o alumnado con 18 anos cumpridos cun máximo de cinco materias da etapa non superadas.

O Decreto 133/2007, do 15 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 2.2º que esta etapa comprende catro cursos académicos, que se seguirán ordinariamente entre os doce e os dezaseis anos. No punto 4º do mesmo artigo establece que o alumnado terá dereito, con carácter xeral, a permanecer escolarizado en réxime ordinario cursando esta etapa educativa ata os 18 anos cumpridos no ano en que finalice o curso académico.

Así mesmo, o artigo 17 do citado decreto establece as condicións que deben darse para que o alumnado obteña o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. O punto 5º do devandito artigo determina que o alumnado con dezaoito anos cumpridos que non obtivese o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e non teña avaliación negativa en máis de cinco materias disporá, durante os dous anos inmediatamente seguintes ao final da súa escolarización, dunha convocatoria anual de probas para superar as materias pendentes de avaliación positiva.

A Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 7.5º, recolle os mesmos termos que o decreto anteriormente mencionado, así como que esta convocatoria terá lugar no mes de xuño e que será incompatible con estar cursando as ensinanzas para persoas adultas ou coa presentación ás probas libres para obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria previstas na Lei orgánica de educación.

Esta resolución regula as condicións en que deben realizarse as probas anuais para que o alumnado previsto no artigo 17.5º do citado Decreto 133/2007, do 15 de xullo, poda obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

Por todo iso, e en virtude das facultades que confire a disposición derradeira primeira da Orde do 21 de decembro de 2007, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta resolución ten por obxecto regular a convocatoria das probas anuais para obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria para o alumnado que conte cun máximo de cinco materias da etapa pendentes de cualificación positiva.

2. Esta resolución será de aplicación en todos os centros docentes do ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-Requisitos para acceder ás probas.

Poderá acceder a estas probas o alumnado que tras finalizar a educación secundaria obrigatoria non obteña o título correspondente e reúna os seguintes requisitos:

a) Ter dezaoito anos.

b) Non acumular máis de cinco materias pendentes de cualificación positiva para obter o título.

c) Que non transcorresen máis de dous anos desde a finalización da educación secundaria obrigatoria no momento da presentación da solicitude de participación nas probas.

Terceiro.-Lugar de celebración das probas.

1. O alumnado que opte a estas probas realizará os exames no último centro onde estivese matriculado en cuarto curso da etapa ou no último ano do programa de diversificación curricular.

2. Excepcionalmente, o alumnado que no momento da inscrición cambiase de residencia realizará as probas no centro que determine para ese efecto o Servizo Provincial de Inspección Educativa.

Cuarto.-Solicitudes e calendario da convocatoria.

1. O alumnado a que alude a disposición terceira, punto 1, solicitará a admisión ás probas mediante o modelo establecido no anexo I durante a segunda quincena do mes de abril.

2. No caso do alumnado con cambio de residencia, a que fai referencia a disposición terceira, punto 2, a solicitude presentarase no departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia onde resida mediante o modelo establecido no anexo II, presentando certificado de empadroamento e fotocopia compulsada do seu historial académico. A designación do instituto de educación secundaria máis próximo ao lugar de residencia do alumno onde se realizarán as probas será comunicada ao alumno e ao centro afectado nos primeiros días hábiles do mes de maio.

3. Os centros farán públicos os nomes dos solicitantes e as materias obxecto da proba, así como o horario destas, antes de finalizar a primeira quincena do mes de maio.

4. As probas celebraranse na primeira quincena do mes de xuño.

Quinto.-Contido e desenvolvemento das probas.

1. A proba constará de tantos exercicios como materias pendentes de cualificación positiva sexan obxecto de avaliación. Cada exercicio terá unha duración máxima de 90 minutos, cun intervalo de 30 minutos entre dous exercicios. No caso de ter que realizar máis de tres exercicios, levaranse a cabo polo menos en dous días.

2. Os exercicios terán en conta os diferentes elementos que constitúen o currículo establecido para a educación secundaria obrigatoria.

3. Os exercicios serán elaborados, aplicados e corrixidos polo departamento didáctico correspondente e, en ausencia deste, polo profesorado designado polo director do centro onde se realice a proba.

4. No caso de que se teña que realizar a proba dunha materia non ofertada polo centro, a dirección deste designará o profesorado que deberá responsabilizarse dela.

5. No caso de que o alumnado cursase un programa de diversificación curricular, existirán probas independentes e diferenciadas para avaliar os ámbitos do terceiro e cuarto curso do devandito programa.

Sexto.-Avaliación e reclamacións.

1. A avaliación de cada materia será realizada polo xefe de departamento ou polo profesor ou profesora designado pola dirección do centro tomando como referencia os criterios de avaliación de cada unha das materias, recollidos no Decreto 133/2007, polo que se establece o currículo e se regula a ordenación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de materias optativas que non estean incluídas no proxecto educativo do centro, estes criterios deberán ser solicitados ao centro de orixe do alumno.

2. A cualificación das probas expresarase nos termos que establece o artigo 3.2º da Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As cualificacións obtidas nas distintas materias reflectiranse na correspondente acta de avaliación de acordo co modelo que figura no anexo III. Nela amosarase a relación das alumnas e alumnos participantes nas probas coas cualificacións obtidas nas diferentes materias e a proposta ou non de expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Se un alumno non se presentase á proba dalgunha materia, reflectirase como non presentado (NP), o que terá, para todos os efectos, a consideración de cualificación negativa.

4. As actas de avaliación serán publicadas no taboleiro de anuncios do centro, no prazo de sete días desde a realización das probas. Ademais, os centros deberán sinalar o procedemento mediante o cal o alumnado poderá solicitar aclaracións do profesorado encargado de cada materia e, se é o caso, para formular as oportunas reclamacións sobre as cualificacións obtidas, de acordo co que dispoña a normativa vixente.

Sétimo.-Proposta de expedición do título.

1. Unha vez realizadas as probas, os xefes dos departamentos didácticos ou, de ser o caso, o profesorado designado, reuniranse en sesión de avaliación, presidida polo director ou directora, para tomar as decisións que procedan sobre a proposta de titulación, de acordo coas condicións establecidas na citada Orde do 21 de decembro de 2007.

2. A proposta de expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria será realizada de oficio en cada convocatoria polo centro onde se realicen as probas para o alumnado que sexa proposto para a súa obtención.

Disposicións transitorias

Alumnado que finalizou a etapa nos cursos académicos 2006-2007 e 2007-2008

Primeira.-Ao alumnado que finalizase a súa escolarización en educación secundaria obrigatoria nos anos académicos 2006-2007 e 2007-2008 e acceda á realización das probas nas convocatorias do 2009 e 2010 seranlle de aplicación os obxectivos, contidos e criterios de avaliación para cada materia recollidos no Decreto 78/1993, do 23 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria para a Comunidade Autónoma de Galicia ou na normativa correspondente para as materias optativas, Orde do 1 de febreiro de 1995 e Orde do 30 de abril de 1996.

Segunda.-Excepcionalmente, as probas correspondentes ao ano 2009 serán realizadas na primeira semana do mes de setembro de 2009, coincidindo co calendario da convocatoria extraordinaria do curso 2008-2009. O prazo de solicitude de admisión a estas probas será do 1 ao 15 de xullo.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2009.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa

Ver referencia pdf "12200D011P075.PDF"