O Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia estableceu na súa disposición transitoria primeira que as funcións e competencias atribuídas ás extinguidas delegacións provinciais e territoriais das distintas consellerías, e que non estean recollidas no artigo 7º do dito decreto, entenderanse atribuídas aos xefes territoriais competentes por razón da materia mentres non se aprobe a normativa de desenvolvemento das estruturas orgánicas das consellerías.
O 10 de xuño de 2009 publicouse no DOG o Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se aproba a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante IGVS). O seu artigo 16º prevé que os xefes territoriais do IGVS serán os da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e na alínea e) establece, entre as funcións que se lles asignan, todas as funcións que foron atribuídas como propias aos suprimidos delegados provinciais nas diferentes normas sectoriais en materia de vivenda.
Por outra banda, existen unha serie de competencias que no seu momento asumiron os delegados provinciais por delegación da conselleira de Vivenda e Solo, e que como consecuencia da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia quedaron sen efecto ao desaparecer tanto o órgano delegante como o órgano en que foron delegadas. É por iso que, para unha maior axilidade administrativa, procede delegar directamente neste momento as ditas competencias, ben nas xefaturas de área provincial do IGVS, ben nas xefaturas territoriais creadas polo Decreto 245/2009.
En virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Delégase mediante esta orde o exercicio das seguintes competencias:
1. Polo que respecta ao Programa de vivenda en aluguer: deléganse nos xefes de área provincial do IGVS as resolucións sobre admisión ou denegación de incorporación no Programa de vivenda en aluguer, así como todas as resolucións que deban ditarse como consecuencia da tramitación dos expedientes do dito programa, excepto as de outorgamento ou, se é o caso, de denegación da subvención, que xa foron delegadas no director xeral do IGVS pola Orde do 14 de maio de 2009 sobre delegación de competencias por parte do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
2. Polo que respecta ao Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida: deléganse nos xefes de área provincial do IGVS as resolucións sobre admisión ou denegación de inscrición no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida. As resolucións de declaración ou denegación da condición de adxudicatario definitivo de vivendas de protección autonómica deléganse nos xefes territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
3. Polo que respecta ao Programa de renda básica de emancipación: deléganse nos xefes de área provincial do IGVS as resolucións de concesión ou denegación provisional e as definitivas, así como os actos de trámite relacionados coas ditas solicitudes.
4. Así mesmo, deléganse nos xefes de área provincial do IGVS as seguintes competencias, que corresponden ao conselleiro na súa calidade de presidente do IGVS: a sinatura de todas as escrituras públicas relativas á adquisición e transmisión da propiedade das vivendas de promoción pública e locais do IGVS, e as relativas á constitución e cancelación de garantías hipotecarias sobre as ditas vivendas, e así mesmo a sinatura das escrituras públicas relativas á adquisición e transmisión dos solos, así como a cancelación de préstamos hipotecarios coas entidades bancarias, se for o caso, e os contratos de compravenda ou aluguer de vivendas e locais promovidos polo IGVS no seu ámbito provincial.
Artigo 2º
As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
Artigo 3º
Contra as resolucións ditadas polos diferentes órganos relacionados no artigo 1º desta orde poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o órgano delegado, sen prexuízo da posibilidade de recorrer á vía xurisdicional contencioso-administrativa.
Artigo 4º
En calquera momento o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das cales quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de RXAPAC, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2009.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas

