DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 29 de xuño de 2009 Páx. 11.337

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2009, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, en favor do castro de Troña, no termo municipal de Ponteareas.

O castro de Troña, situado na parroquia de Pías (Ponteareas), localízase nun esporón do monte Landín desde o que se domina visualmente o río Tea e o val do mesmo nome. Atópase, ademais, nunha posición dominante respecto doutros castros como o de Vilar, o de Fozara ou o de Prado, hoxe desaparecido. Posúe unha localización estratéxica que lle proporciona unha óptima defensa ademais de boas condicións para o abastecemento pola súa proximidade ao río.

O interese por este xacemento comeza nos anos vinte do pasado século. Neste momento ábrese unha pista ao pé do castro, que rompe coa liña do foso, e descubre estruturas de muros xunto con diversos materiais significativos, o que suscitou un grande interese por parte dos investigadores Florentino López Cuevillas, pertencente ao Seminario de Estudos Galegos e o catalán Luis Pericot. As primeiras escavacións leváronse a cabo na parte sueste do castro onde apareceron dous petróglifos; un soliforme e o outro, máis coñecido, con forma de serpe e en posición heráldica. O petróglifo da serpe atópase sobre unha roca con cara plana, traballada e vertical, pegado á entrada dunha casa; este elemento deu lugar a aparición de lendas sobre mouros e encantos que engrosaron o rico folclore do país. Os grandes descubrimentos iniciais deste equipo de estudosos desencadearon varias campañas de escavacións consecutivas de 1927 a 1930. Transcorrido un longo período de abandono as escavacións arqueolóxicas

retómanse en Troña en 1981 ata mediados os anos noventa, cando se incide nos traballos de limpeza e consolidación, polo que foi un dos primeiros asentamentos castrexos no que se levaron a cabo tarefas de restauración e posta en valor na comunidade galega. Os traballos dos anos 80 permitiron realizar unha aproximación á contextualización do xacemento, que se encadra entre o século VI a.C. e o I d.C. coma un dos castros máis antigos de Galicia, que foi abandonado paulatinamente a finais do século I d.C. con probabilidades de ter sido ocupado de xeito residual con posterioridade. As escavacións alongáronse ata 1987 e puxeron ao descuberto un conxunto de estruturas que indicaban un certo proto-urbanismo ou ordenamento a través de lousados, canles de desaugamento ou vivendas con vestíbulo.

O lugar onde se atopa o castro de Troña posúe, ademais, elementos de grande valor etnográfico, como un viacrucis que leva cara a capela do Doce Nome de Xesús, onde se celebran dúas romarías ao ano, e un camiño real, parcialmente empedrado, que transcorre ao pé do castro que leva ao castelo de Vilasobroso. En definitiva, o castro de Troña presenta unha potencialidade patrimonial moi significativa dun período moi representativo da Cultura Castrexa, e por outra parte, a conservación das súas estruturas é de igual xeito destacable, xa que pola súa boa conservación e os investimentos en escavacións e consolidacións, presenta un aspecto monumental, hoxe en día moi esvaecido pola invasión da vexetación en boa parte das súas estruturas.

O monumento do castro de Troña comprende unha área de 105 990 metros cadrados e o seu contorno de protección abrangue 169 621 metros cadrados. A área do monumento comprende o recinto castrexo e todas as súas estruturas, e engloba as derradeiras estruturas exteriores, polo que se estende sobre unha área en todo o seu perímetro que pode albergar terreos de actividade relacionados co poboado.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é o órgano competente para incoar os procedementos de declaración de ben de interese cultural segundo o disposto polo título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e polo Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Incoar o procedemento para a declaración de ben de interese cultural coa categoría de monumento, en favor do Castro de Troña, no termo municipal de Ponteareas.

Para os efectos previstos no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia a delimitación da zona afectada pola declaración figura como anexo a esta resolución.

Segundo.-Comunicar esta resolución ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva, así como ao Concello de Ponteareas, segundo dispón o artigo 10 da Lei de patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro.-Dispoñer a apertura dun período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, co fin de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, situadas no edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 3º, 2º andar, en Santiago de Compostela, logo de petición de cita.

Cuarto.-Consonte o disposto polo artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, esta resolución determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados, e en concreto, a suspensión das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas pola declaración, así como dos efectos das xa outorgadas. Esta suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, tivesen que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, de autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura e Turismo.

Quinto.-En aplicación do disposto polo artigo 12 da Lei de patrimonio cultural de Galicia, o expediente terá que resolverse no prazo máximo de 20 meses contados a partir da data en que se incoou. Transcorrido este producirase a caducidade do expediente se se solicitase o arquivo das actuacións ou se dentro dos sesenta días seguintes non se dita resolución.

Sexto.-Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2009.

José Manuel Rey Pichel

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Delimitación literal

I.I. Descrición da delimitación do monumento.

A delimitación do monumento alberga dúas parcelas, unha comunal e outra pertencente ao clero; ao norte a área queda acoutada por unha pista forestal, mentres que polo leste e o sur o límite axústase a media ladeira onde remata o desenvolvemento das estruturas pertencentes ao monumento. Polo oeste a delimitación circunscríbese ao discorrer dun pequeno regato, á estrada e ao límite da área de recreo onde remata a área de influencia do castro.

A delimitación proposta queda literalmente xeorreferenciada mediante a cita das parcelas catastrais ou estradas polas que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría adxunta. Os puntos que se toman como referencia están precisados coas coordenadas correspondentes, indicadas como un intervalo numérico xusto despois da indicación do punto.

Comprende a superficie do poboado e delimítase tendo en conta os elementos estruturais máis exteriores e con algunha vinculación. Desde o norte, onde comeza o viacrucis de ascensión cara a capela do Doce Nome de Xesús, no alto do castro, localízase o punto 1.

P1. 542.029 - 4.673.985. Desde este punto séguese pola estrada que vai ao lugar da Ermida, e transcorridos 200 metros, chégase á confluencia desta estrada co extremo oeste da parcela 289, onde se atopa o punto 2.

P2. 542.238 - 4.674.029. Desde este punto a delimitación continúa en dirección sueste subindo pola ladeira, polo lindeiro que separa as parcelas 289 ao norte e 290 cara ao sur, ata a pista que leva cara o monte da Picaraña, chegando ao castro, onde se atopa o punto 3.

P3. 542.385 - 4.673.915. Partindo deste punto séguese ladeira arriba en dirección suroeste, atravésase tanxencialmente a parcela 5006 ata volver baixar á mesma pista, xusto na confluencia entre esta e o extremo sueste da parcela 5702.

P4. 542.279 - 4.673.777. Este punto parte do lindeiro leste do predio 702, e segue polo linde sur da mesma parcela ata chegar á confluencia coa pista, onde se localiza o novo depósito de auga (punto 5).

P5. 542.080 - 4.673.688. Seguindo este camiño asfaltado, onde se localizan os depósitos de auga que abastecen a parroquia (nos lugares de Costela e Fontesobrigo), e con dirección norte (cara ao lugar de Outeiro) chégase ao cruzamento coa estrada que vai dar á Ermida, onde está o punto 6.

P6. 541.932 - 4.673.958. A delimitación continúa pola antedita estrada ata chegar ao punto 1.

I.II. Descrición da delimitación do contorno de protección do monumento.

A área de protección queda acoutada polo norte, na súa meirande parte, pola estrada que vai á Ermida e á pista forestal que discorre, practicamente paralela, un pouco mais ao norte. Polo leste e polo sur o límite adáptase á topografía do terreo seguindo a unha cota e unha distancia suficiente, para non interferir na área de acción do monumento; por ese motivo atravesa a parcela 109: 5006 e baixa pola ladeira, abarcando a parcela 108: 702. Mentres que polo oeste queda definido polo discorrer das parcelas que están ao leste da vila de Outeiro, deixando fóra as súas edificacións. Na parte noroeste o límite de protección queda definido pola estrada que vai de Outeiro a Souto de Pazo.

P1. 542.018 - 4.673.183. A delimitación parte deste punto, onde se atopa a confluencia da estrada da Ermida co comezo do viacrucis, e continúa pola estrada que vai cara á Ermida ata chegar á primeira valgada, onde está o punto 2.

P2. 542.392 - 4.674.082. Partindo deste punto séguese ladeira arriba polo fondo da valgada atravesando a parcela 222 do polígono 108 ata chegar ao camiño que ía antigamente á Ermida e que hoxe está cuberto totalmente por mimosas e eucaliptos (punto 3).

P3. 542.422 - 4.673.364. Continúase ladeira arriba pola valgada ate chegar á pista que vai dar ao castro, onde está o punto 4.

P4. 542.439 - 4.673.920. Séguese en dirección sur, ladeira arriba, ata chegar a parte cimeira da dorsal, xusto na confluencia de dous camiños forestais (punto 5).

P5. 542.549 - 4.673.746. Desde este punto e en dirección sur báixase polo lado meridional da dorsal ata chegar a outra pista forestal, cun mellor estado de conservación, onde se localiza o punto 6.

P6. 542.511 - 4.673.638. A delimitación continúa en dirección suroeste, ladeira abaixo, ata chegar de novo ao antedito camiño, na confluencia deste co extremo noroeste da parcela 348 do polígono 109, onde esta o punto 7.

P7. 542.443 - 4.673.603. Partindo de aquí séguese en dirección suroeste polo lindeiro entre as parcelas 450 (ao norte) e 348 (ao sur) ata chegar á pista que vai cara ao monte da Picaraña, onde está o punto 8.

P8. 542.407 - 4.673.560. Desde aquí continúase en dirección suroeste seguindo o lindeiro que separa as parcelas 319, 320, 360 e 359 (ao noroeste) das 321 e 356 (ao sueste) ata chegar á confluencia do extremo suroeste da parcela e á pista máis alta de Souto do Pazo, (o punto 9).

P9. 542.314 - 4.673.482. Partindo deste punto e en dirección sueste pásase polo medio da parcela 358 ata chegar á confluencia do extremo suroeste dela coa pista asfaltada que vai dar aos depósitos de auga (punto 10).

P10. 542.254 - 4.673.445. Saíndo deste lugar tómase pola antedita pista; transcorridos uns 120 metros chégase a unha pequena valgada onde está o punto 11.

P11. 542.189 - 4.673.536. A delimitación segue en dirección suroeste, ladeira abaixo, polo lindeiro que separa a parcela 493 (ao sur) , da 368 (ao norte), ata chegar á confluencia do extremo sur da parcela coa devandita estrada (punto 12).

P12.-542.178 - 4.673.505. A partir de aquí continúase en dirección noroeste pola mesma pista; transcorridos uns 120 metros, xusto na intersección da pista co extremo sur da parcela 126 (punto 13).

P13. 542.102 - 4.673.602. Séguese en dirección noroeste, entre o linde que deixan as parcelas 127, 175, 203, 205 e 460 (ao suroeste) e as parcelas 126,122 e 121 (ao nordeste) ata chegar ao extremo oeste da parcela 121 (punto 14).

P14. 542.893 - 4.673.833. En dirección ao noroeste, atravesando a parcela 120 e deixando as construcións fóra, continúase polo linde ata o oeste da parcela 119, para chegar á confluencia deste coa estrada que vai a Souto de Pazo (punto 15).

P15. 541.853 - 4.673.871. Séguese pola estrada en dirección norte ata chegar ao cruzamento co lugar de Outeiro, onde se atopa o punto 16.

P16. 541.853 - 4.673.926. Finalmente séguese en dirección leste pola estrada que vai cara á Ermida ata chegar ao punto 1.

Ver referencia pdf "12500D045P057.PDF"