DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 30 de xuño de 2009 Páx. 11.358

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

A apicultura ten acadado unha considerable importancia no eido rural, tanto pola repercusión económica no sector da produción do mel e outros produtos das colmeas, como pola súa importancia no equilibrio ecolóxico e de base para a conservación e a diversidade das plantas e a consecuente produtividade de grande parte dos cultivos.

Así, con esta norma, trátanse de regular as explotacións apícolas nesta comunidade, establecendo con máis claridade o procedemento para determinar as localizacións das pequenas explotacións e regularizando, en maior medida desde o punto de vista sanitario, a actividade da transhumancia, así como a actuación sanitaria que se vai desenvolver neste territorio.

Faise preciso, polo tanto, desenvolver o marco normativo existente para adaptalo á propia estrutura do sector e do agro galego e co obxectivo de fomentar a actividade apícola en Galicia.

O Decreto 193/1985, do 5 de setembro, de ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións apícolas, xurdiu da necesidade de regulamentar a actividade apícola, sumida daquela no subdesenvolvemento, e pretende racionalizar e profesionalizar esta produción gandeira.

A nivel estatal, o Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, modificado polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, actualizou a normativa aplicable a este sector. Esta nova norma básica establece un sistema uniforme de identificación das colmeas en todo o territorio español e regula a aplicación de medidas básicas de ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas, posibilitando que as comunidades autónomas, no exercicio das súas competencias, desenvolvan certos aspectos como a codificación do sistema de identificación das colmeas e a ordenación das explotacións de autoconsumo.

Por outra banda, o Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel, cuxo anexo II foi modificado pola Orde APA/735/2008, do 14 de marzo, impón a execución dun tratamento obrigatorio anual na loita contra a varroose, coa realización das actuacións que determine a comunidade autónoma. Así mesmo facultase a autoridade competente para prever determinadas excepcións á dita obriga no marco de experimentos e investigacións.

Na elaboración desta norma foron consultadas as asociacións apícolas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, en virtude do artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, relativo á competencia exclusiva que posúe a comunidade autónoma en materia de agricultura e gandería de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e demais normativa concordante, e por proposta da Consellería do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xuño de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. É obxecto deste decreto:

a) A creación do Rexistro Galego de Explotacións Apícolas.

b) A determinación dos requisitos do libro de explotación apícola.

2. Tamén é obxecto deste decreto regular:

a) A codificación do sistema de identificación das colmeas.

b) Os asentamentos apícolas nas explotacións de autoconsumo.

c) O establecemento de requisitos adicionais para a realización da transhumancia na comunidade autónoma.

d) A determinación das actuacións sanitarias na loita contra a varroose.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación a todas as explotacións apícolas de Galicia, así como aos asentamentos de explotacións que realizan a transhumancia nesta comunidade.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos do establecido neste decreto, serán de aplicación as definicións establecidas no artigo 2 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, coas modificacións introducidas polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril.

Ademais, establécense as seguintes definicións unicamente para os efectos do disposto neste decreto:

a) Vivenda rural habitada: aquela vivenda que estea permanente ou periodicamente habitada e situada nunha área rural.

b) Camiño veciñal: as vías de comunicación de dominio e uso público, destinadas basicamente ao servizo de vivendas e explotacións e instalacións agropecuarias, e que, por non reunir as características técnicas e requisitos para o tráfico xeral de vehículos automóbiles, non se poidan clasificar como estradas.

c) Pista forestal: aquela que dá acceso a terreos forestais no treito que discorre por solo rústico de uso forestal.

d) Núcleo de poboación: conxunto de 5 ou máis vivendas xeograficamente conxuntas conformando rúas, prazas ou vías urbanas.

Artigo 4º.-Creación do Rexistro Galego de Explotacións Apícolas.

1. Integrado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) creado polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, créase o Rexistro Galego de Explotacións Apícolas (Rgeap), no cal figurarán inscritas a totalidade das explotacións apícolas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os órganos competentes para o mantemento do Rgeap son os departamentos territoriais da consellería competente en materia de sanidade e produción animal.

3. No Rgeap figurarán cando menos os seguintes datos:

a) Código de identificación da explotación asignado pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal.

b) Datos da persoa titular da explotación: apelidos e nome ou razón social, NIF ou CIF, enderezo completo e teléfono.

c) Datos doutras persoas titulares relacionadas coa explotación ou cotitulares: nome e apelidos ou razón social, NIF ou CIF, e relación coa explotación.

d) Clasificación ou clasificacións que correspondan á explotación de conformidade co establecido no artigo 3 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.

e) Datos do asentamento principal da explotación: enderezo completo ou lugar e coordenadas xeográficas (lonxitude e latitude).

f) Datos dos asentamentos secundarios: enderezos completos ou lugares e coordenadas xeográficas (lonxitude e latitude).

g) Censo de colmeas, desagRegado por asentamentos e data da súa actualización.

h) Categoría da explotación segundo o número de colmeas (autoconsumo, non profesional, profesional).

i) Estado no Rgeap (alta, baixa ou inactiva), de conformidade co establecido no artigo 3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rega.

j) Clasificación segundo o sistema produtivo: estante ou transhumante.

k) Clasificación segundo criterios de sustentabilidade ou autocontrol: ecolóxico, integrado, convencional.

l) Cando proceda, razón social, enderezo completo e NIF da agrupación de defensa sanitaria.

4. Os datos correspondentes ao Rexistro Galego de Explotacións Apícolas serán incluídos na base de datos da consellería competente en materia de sanidade e produción animal denominada Sistema Integrado, para os efectos do establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Estes datos serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de proteción de datos de caracter persoal.

5. As novas inscricións deberán seguir o trámite indicado nos números 1 e 2 do artigo 5º.

Artigo 5º.-Solicitude de rexistro da explotación apícola.

1. As persoas titulares de explotacións apícolas deberán solicitar a alta da súa explotación no Rgeap, logo do pagamento da taxa correspondente, mediante os formularios de solicitude e declaración de asentamentos achegados como anexo I e II.

2. As solicitudes de rexistro presentaranse nas oficinas agrarias comarcais en cuxo ámbito se atope o enderezo fiscal do titular da explotación apícola ou nos lugares e polos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude no Rexistro da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, deberá ser ditada a resolución pola/o xefa/e territorial correspondente. A inscrición no Rgeap implica a concesión da autorización da explotación solicitada e comporta a asignación de código de identificación da explotación, segundo o establecido no artigo 5 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

A falta de notificación da resolución no dito prazo poderase entender estimatoria da solicitude de inscrición, sempre que conste acreditado o ingreso da taxa correspondente. Se se dita resolución, esta non pon fin á vía administrativa e poderá ser recorrida en alzada ante o conselleiro competente en materia de sanidade e produción animal, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución.

4. Para os efectos de garantir en todo momento a rastrexabilidade dos movementos das colmeas e a congruencia das bases de datos oficiais coa localización real actual dos animais presentes en explotacións en trámite de rexistro, no inicio desta tramitación procederase á asignación dun código de rexistro provisional, que poderá ser confirmado unha vez rematado o procedemento de inscrición ou, de ser o caso, anulado.

5. A persoa titular da explotación, sen menoscabo da necesaria comunicación relativa aos movementos das colmeas, deberá comunicar á consellería competente en materia de sanidade e produción animal os cambios nos datos consignados no Rgeap no prazo dun mes desde que estes se produzan, agás os relativos ao punto g) e ás coordenadas xeográficas (lonxitude e latitude) dos puntos e) e f) do número 1) do artigo 4º.

6. Segundo se recolle no artigo 7.5º do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, na súa redacción dada polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, as persoas titulares de explotacións apícolas comunicaranlle, segundo o modelo de declaración censual indicado no anexo III, á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade animal, antes do 1 de marzo de cada ano, o censo das súas colmeas no ano anterior, indicando o número de colmeas na data do 31 de decembro.

Artigo 6º.-Libro de rexistro de explotación apícola.

Segundo se recolle no artigo 7 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, na súa redacción dada polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, toda persoa titular dunha explotación apícola deberá estar en posesión dun libro de rexistro da explotación apícola (en diante Caderno de Explotación Apícola e de Transhumancia, CEAT), facilitado pola unidade administrativa competente en materia de produción e sanidade animal do departamento territorial que proceda, logo de pagamento da taxa que corresponda.

O formato e os datos que debe recoller o CEAT serán os establecidos no anexo IV.

O CEAT deberá validarse cunha periodicidade anual segundo o modelo establecido no anexo III.

Artigo 7º.-Código de identificación das colmeas e asignación do código da explotación.

1. A cada explotación apícola da Comunidade Autónoma de Galicia seralle asignado un código de identificación de acordo co disposto nos artigos 5 e 6 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo.

2. As colmeas identificaranse segundo se establece no artigo 4.1º do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, na súa redacción dada polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril.

3. O código de identificación das colmeas das explotacións apícolas da Comunidade Autónoma de Galicia estará composto pola seguinte secuencia numérica:

a) Tres díxitos para o municipio (de acordo coa codificación do Instituto Nacional de Estatística).

b) Dous díxitos para a provincia (15 para A Coruña, 27 para Lugo, 32 para Ourense e 36 para Pontevedra).

c) Catro díxitos para a explotación.

Artigo 8º.-Condicións dos asentamentos apícolas das explotacións de autoconsumo.

1. Os asentamentos apícolas das explotacións de autoconsumo, entendidas estas como as utilizadas para a obtención de produtos das colmeas con destino exclusivo ao consumo familiar, sen que o número máximo de colmeas supere as 15, deberán respectar as seguintes distancias mínimas con respecto a:

a) Establecementos colectivos de carácter público e núcleos de poboación: 400 metros.

b) Vivendas rurais habitadas, incluídas ou non en núcleos rurais: 50 metros. Para o cálculo desta distancia consideraranse tamén como vivenda as instalacións contiguas a ela: construcións, instalacións de lecer (pistas deportivas, piscinas, ...) e terreos contiguos cultivados para autoconsumo (hortas, invernadoiros, ...) nos cales a presenza humana sexa frecuente.

c) Instalacións pecuarias: 50 metros. Para o cálculo desta distancia considerarase a nave, cortello ou alpendre en que se manteñan habitualmente aos animais.

d) Autoestradas, autovías, corredores e vías rápidas: 100 metros medidos desde as arestas exteriores da explanación.

e) Estradas convencionais de titularidade estatal, restantes estradas autonómicas ou provinciais previstas na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia: 50 metros medidos desde as arestas exteriores da explanación.

f) Estradas locais e camiños veciñais: 25 metros.

g) Pistas forestais: as colmeas poderán instalaranse nas beiras sen obstruír o paso.

Para o cálculo de distancias nos asentamentos apícolas das explotacións de autoconsumo non se terá en conta a vivenda e instalacións pecuarias do propio apicultor.

2. A distancia para estradas e camiños do número 1) poderase reducir nun 50% se o colmenar está situado en pendente e a unha altura ou desnivel no plano superior maior de dous metros coa horizontal destas estradas e camiños. Si dita altura ou desnivel supera os tres metros no plano superior, a redución poderase incrementar ata o 75%.

3. As distancias establecidas no punto 1) poderán reducirse ata un máximo do 75% sempre que exista unha barreira física de, polo menos, dous metros de altura, entre a colmea e a fronte que estea situada cara á estrada, camiño ou establecemento de referencia para determinar a distancia. Esta barreira física poderá ser de calquera material natural ou artificial que obrigue as abellas a iniciar o voo por riba dos dous metros de altura.

4. As reducións previstas nos puntos 2) e 3) non serán acumulables entre si e a distancia a vivendas rurais habitadas e instalacións pecuarias en ningún caso poderá ser inferior a 25 metros.

5. No caso de explotacións apícolas de autoconsumo cun número igual ou menor a catro colmeas, as distancias referidas a vivendas rurais habitadas e instalacións pecuarias poderán reducirse ata os 12,5 metros. Así mesmo, para este tipo de explotacións, a distancia mínima respecto dos núcleos de poboación poderá reducirse ata os 50 metros mediante a instalación dunha barreira física de polo menos 2 metros de altura. Para o establecemento desta distancia terase en conta a localización da edificación máis próxima pertencente ao citado núcleo de poboación.

Artigo 9º.-Condicións adicionais para a transhumancia.

Ademais das condicións previstas no artigo 11 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, na súa redacción dada polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, para a práctica xeral da transhumancia, os asentamentos de explotacións transhumantes de 26 ou máis colmeas que se instalen no territorio da comunidade autónoma deberán gardar unha distancia mínima de dous quilómetros con calquera asentamento rexistrado no Rexistro Galego de Explotacións Apícolas, estante ou transhumante.

Considerarase como unha única unidade a totalidade das colmeas que realicen a actividade de transhumancia procedentes dunha mesma explotación (mesmo código de identificación da explotación), e non se poderá fraccionar esta en unidades inferiores a 26 colmeas ás cales non lles sería de aplicación o contido no parágrafo primeiro deste artigo.

A persoa titular das colmeas transhumantes ou a responsable do movemento deberá, no prazo de 7 días hábiles desde a chegada ao asentamento de destino, comparecer ante os servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal correspondente ao asentamento de destino para comunicar os datos concretos do asentamento, así como aqueloutros datos exixibles pola normativa sanitaria en vigor segundo o disposto no anexo VII deste decreto.

Artigo 10º.-Actuacións sanitarias na loita contra a varroose.

1) As actuacións que as explotacións apícolas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia deberán levar a cabo na loita contra a varroose serán as seguintes:

a) Todas as colmeas deberán recibir, como mínimo, un tratamento obrigatorio ao ano, cun medicamento veterinario autorizado, en todo caso, unha vez rematada a colleita do mel e como máis tarde unha semana despois desta, preferiblemente no período de xullo a setembro en zonas de altitudes inferiores aos 400 metros e entre setembro e outubro para as zonas de altitude superior aos 400 metros.

b) O produto que se vai utilizar será calquera autorizado pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que, segundo a eficacia demostrada, experiencia e indicacións, mellor se adapte á zona que se tratará e ás posibles resistencias detectadas.

c) Deberanse anotar no caderno de explotación apícola e de transhumancia, polo menos, os seguintes datos:

1. Data do tratamento.

2. Denominación comercial do produto administrado.

3. Referencia da receita (nº).

4. Dose aplicada.

5. Tempo de espera.

6. Identificación do asentamento.

7. Número de colmeas tratadas.

2) As colmeas de explotacións transhumantes procedentes doutras comunidades autónomas que realicen a transhumancia en Galicia deberán acreditar, previamente con motivo da comunicación do programa de traslados exixible segundo o artigo 11 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, na súa redacción dada polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, e á súa chegada, ter realizado nos últimos 12 meses o tratamento a que se refire o punto 1 deste artigo.

3) Segundo o establecido na Orde APA/735/2008, do 14 de marzo, pola que se modifica o anexo II do Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel, as entidades incluídas nun programa experimental ou proxecto de investigación poderán solicitar, logo de pagamento da taxa que corresponda, ante a dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade animal, a suspensión temporal do tratamento contra a varroose no marco de investigacións ou experimentacións.

Para acollerse á suspensión temporal do tratamento contra a varroose, as entidades interesadas deberán presentar, ante a dirección xeral que corresponda da consellería competente en sanidade animal, e antes do 31 de xaneiro de cada ano, o modelo de solicitude que se adxunta como anexo V, incluíndo a documentación cuxo contido se indica no anexo VI. As solicitudes resolveranse expresamente nun prazo de 4 meses desde a súa presentación. Na falta de resolución expresa, entenderase concedida a solicitude de suspensión temporal de tratamento solicitada, sempre que conste acreditado o ingreso da taxa correspondente e salvo que a demora sexa imputable ao interesado, en cuxo caso os prazos outorgados para a emenda de deficiencias, de ser o caso, suspenderán o prazo para resolver.

Os abelleiros que desexen acollerse a esta suspensión do tratamento deberán cumprir a normativa vixente de aplicación no sector da apicultura.

Disposición adicional

Modificación normativa.

Modifícase o número 2 do artigo 4 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeira en Galicia, que queda redactado como segue:

Especie apícola: 10.000 colmeas.

Disposicións transitorias

Primeira.-O prazo máximo en que todas as colmeas rexistradas na comunidade autónoma deberán estar identificadas conforme o disposto no punto terceiro do artigo 7º, será de vintecatro meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Segunda.-As explotacións apícolas cuxas inscricións nos rexistros da Consellería do Medio Rural se realizasen con anterioridade á entrada en vigor deste decreto pasarán, de oficio, a formar parte do Rexistro Galego de Explotacións Apícolas.

Terceira.-Os libros de rexistro de explotación apícola editados pola autoridade competente con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, conservarán a súa validez ata a súa renovación por estar completos ou por perda, extravío ou deterioración.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 193/1985, do 5 de setembro, de ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións apícolas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade animal para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade animal para a realización de modificacións nos anexos deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "12600D002P006.PDF"

ANEXO VI

Documentación mínima obrigatoria que debe acompañar á solicitude de programas sanitarios excepcionais e de investigación en apicultura

1. Acreditación da representatividade da entidade solicitante:

a) Copia do DNI do/a representante da entidade solicitante.

b) Poder notarial, copia da acta da asemblea en que se acorde a solicitude do programa ou calquera outro documento que acredite estar en dispoñibilidade legal de exercer a solicitude. Para centros de investigación de carácter público, autorización da persoa responsable da unidade administrativa solicitante, se non é ela mesma a que fai a solicitude.

2. Memoria completa do proxecto de investigación ou experimentación:

a) Programa alternativo ao tratamento medicamentoso, que debe detallar as técnicas e adaptacións que faciliten a autodesparasitación das abellas e a cronoloxía da súa aplicación ao longo do programa, así como os criterios de avaliación do programa e os métodos de control tanto por parte do abelleiro como do responsable sanitario das colmeas, o sistema de rexistro documental das accións realizadas e o plan de formación dos abelleiros. Tamén se detallará o índice de infestación admisible e o tratamento medicamentoso obrigatorio no caso de superación do citado límite. Este programa será de obrigado cumprimento para todos os acollidos.

b) Relación dos/as veterinarios/as colexiados/as e técnicos/as recoñecidos/as pola asociación para o control do programa. Os/As técnicos/as non veterinarios/as deberán acreditar a súa capacitación para detectar a presenza de varroa nun apiario e o grao de infestación. Como mínimo deberase facer constar un/unha veterinario/a colexiado/a como responsable sanitario e unha persoa designada pola entidade como responsable executiva do programa.

c) Plan de formación dos abelleiros/as ou, de ser o caso, dos responsables do coidado e manexo das colmeas. Farase cando menos unha xornada anual de formación sobre aspectos técnicos relacionados directamente co programa anual, que impartirán os servizos técnicos da entidade asociativa.

d) Rexistro de todas as accións realizadas na colmea, xa sexan as previstas no programa como as realizadas por causas sobrevidas, que deberá estar permanentemente actualizado e ao dispor dos SS.VV.OO. e demais autoridades que así o soliciten.

e) Informe de execución do programa en que se indiquen os resultados obtidos segundo os criterios de avaliación empregados, os controis propios efectuados, as variacións en canto á situación sanitaria respecto de anos anteriores, así como todos aqueles datos que se consideren oportunos. Deberase presentar no Servizo de Sanidade Animal, a final de tempada e sempre antes do 31 de novembro.

3. Identificación dos/as propietarios/as e de localización das colmeas incluídas no procedemento:

a) Lista dos/as abelleirosas (persoas físicas ou xurídicas) que se acollen a este sistema. Esta listaxe incluirá o código Rega da explotación (14 díxitos), o nome do/a titular, o número e a localización dos asentamentos e o número de colmeas de cada asentamento, e achegarase, ademais de en formato papel, en formato electrónico Excel. De cada abelleiro/a acollido/a ao programa deberá presentarse un documento, asinado polo/pola titular, en que declare a súa incorporación ao programa e en consecuencia asuma a realización dos controis e rexistros que se prevén nel.

4. No caso de solicitude de renovación anual, memoria dos cambios con respecto á autorización inicial.

Neste caso o solicitante declarará, segundo proceda, os cambios, tanto na memoria do proxecto de investigación, como nos datos das colmeas e os seus responsables ou titulares acollidos, con respecto ao contido da resolución de autorización emitida pola dirección xeral competente no ano anterior.

Así mesmo, de non constar ningún cambio ao respecto, farase constar este feito expresamente na declaración.

5. Xustificante de ter aboadas as taxas correspondentes.

Ver referencia pdf "12600D002P006.PDF"

a) CESAMENTOS CONSELLO CONSULTIVO DE GALICIA