DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 30 de xuño de 2009 Páx. 11.417

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

AVISO do 29 de maio de 2009, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Arca (A Estrada-Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Arca (A Estrada-Pontevedra) e que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2009.

Antonio Crespo Iglesias

Director xeral de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no 11 de maio de 2009, relativa á concentración parcelaria da zona de Arca,

no concello da Estrada (Pontevedra), promovida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. (Clave 2007/0301)

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (actualmente D. X. de Desenvolvemento Rural) promove, por solicitude dos veciños, un proceso de concentración parcelaria nunha parte das terras da parroquia de Arca (concello da Estrada, Pontevedra), que en conxunto abranguen unha superficie dunhas 295 hectáreas.

A citada concentración parcelaria, que se encontra entre os proxectos contemplados no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I desta declaración inclúese un resumo da actuación e das características da zona de concentración e no anexo II das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental presentado.

Mediante Resolución do 11 de marzo de 2008, da entón Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (publicada no DOG nº 93, do 15 de maio), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria da referida zona, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 11 de febreiro de 2009 recíbese na entón Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola antedita dirección xeral como órgano substantivo por razón da materia, no cal se inclúen os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza, así como o emitido pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Segundo indica o órgano substantivo no oficio de remisión do expediente, no prazo legalmente establecido non consta emisión de informe por parte dos restantes organismos consultados no trámite ambiental. O 27 de marzo de 2009 recíbese determinada documentación solicitada ao órgano substantivo co obxecto de completar o expediente.

Cumprida a tramitación ambiental, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental formula, só para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) para a referida zona de concentración parcelaria.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da zona de Arca é ambientalmente viable sempre que:

Co fin de asegurar que se protexen os valores naturais de interese local -se é o caso-, se conte coa conformidade do Concello da Estrada respecto da compatibilidade do proceso de concentración coas zonas clasificadas como solo rústico de protección de espazos naturais no Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, na súa ausencia, nas normas subsidiarias de planeamento.

Se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na dita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, só para os efectos ambientais, condicións adicionais ás anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria que se desenvolverá na parroquia de Arca (A Estrada, Pontevedra), na zona delimitada no plano Unidades Ambientais. Plano nº 10 do estudo de impacto ambiental, que abrangue unha superficie dunhas 295 hectáreas.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de implantación.

1. Definirase a localización da zona destinada a parque de maquinaria, casetas de obra, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc, seleccionando para iso un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de cursos de auga ou xacigos arqueolóxicos, coidando, así mesmo, de que non se sitúe excesivamente próximo a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

2. No caso de que existan sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o seu depósito. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que, no caso de que existan na contorna ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se encontren naturalizados e integrados no ambiente. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

3. No caso de que nalgún dos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, podendo consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo con un ou cos dous laterais abertos.

4. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindes arboradas, valados de pedra, sebes, etcétera. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de estremas dos predios de substitución aos citados elementos. Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos muros ou valados de pedra que vaian quedar sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador doutras novas parcelas.

5. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proceso de concentración parcelaria, no cal se desenvolvan e orcen detalladamente os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no estudo ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderase a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística e terase en conta o seguinte:

Canto ás especies que se empreguen:

Serán autóctonas, tendo sempre presente, para a súa implantación, as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que se vai restaurar e que procedan (sexan árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) da mesma zona ou outra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

Deben ser compatibles co hábitat en que se van implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etcétera), e factores bióticos.

Deben ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, aplicándose, cando for o caso, os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose, ademais, para acadar este obxectivo, os tratamentos que sexan necesarios (rareos, rozas, etcétera).

No caso de ser necesaria a eliminación dalgún pé de especies arbóreas autóctonas, procurarase que sexan replantadas na medida do posible, empregándoas na restauración. De todos os modos, recoméndase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se van restaurar e os hábitats presentes.

No caso de precisar achegas externas de terra vexetal para os labores de restauración, esta non se poderá extraer de áreas onde se encontre consolidada e integrada no ambiente, debendo proceder de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas.

6. Redactarase un novo programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, no cal se incorporarán aqueles aspectos a controlar que xurdan ao longo da fase de implantación, así como todos os derivados do cumprimento das condicións desta DIA.

O antedito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas na documentación avaliada e nas condicións da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou nas condicións da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da citada entidade.

Fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fases de execución e explotación.

1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a execución das obras, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións que transporten terra ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos durante o seu tránsito cara á zona de obras. Así mesmo, no caso de ser necesario, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como co disposto ao respecto na ordenanza municipal do Concello de Arca, no caso de que dispoña dela. Neste sentido, levarase a cabo o plan de vixilancia do nivel de ruído proposto no estudo ambiental.

3. Toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na súa zona de servidume e policía, así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisará da autorización ou permiso do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia. Neste sentido, deberán terse en conta en todo momento as limitacións e demais prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e no Regulamento do dominio público hidráulico (Real decreto 849/1986, do 11 de abril, e posteriores modificacións), así como na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Así mesmo, o proxecto deberá axustarse ás prescricións establecidas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa (PHGC).

4. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se encontren na zona afectada pola concentración parcelaria. Así mesmo, respectaranse os mananciais que existan na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso se resultar necesario para a execución das obras. De xurdiren afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.

5. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de enxurradas, chuvias ou enchentes.

6. Cando se leven a cabo movementos de terras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiesborroamento ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastres de materiais aba abaixo.

7. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas, segundo avanza a obra, procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras. Así mesmo, na modelaxe dos noiros evitaranse as formas demasiado artificiais, procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, para favorecer así a integración coa paisaxe.

8. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A este respecto, observarase o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais e, de acordo co indicado no estudo ambiental, levarase a cabo un plan de control da calidade das augas, tendo en conta o sinalado no punto C.1.7 desta DIA.

9. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha á contorna. En calquera caso, se estes se produciren, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

10. De ser preciso o emprego de formigón, evitarase a súa elaboración na propia obra, adquiríndoo xa preparado en instalacións que conten coas debidas autorizacións.

11. Levarase a cabo un control topográfico dos límites da zona de concentración, dos predios de substitución e da traza dos camiños de concentración, evitando afeccións fóra destes límites, que se axustarán ao contido dos documentos a que se fai referencia no punto C.1.8 da DIA.

12. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria de obra realizaranse en talleres autorizados sempre que sexa posible, eliminando así o risco de derrameamentos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a parque de maquinaria, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recolla de posibles verteduras.

13. Todos os residuos que se xeren deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

14. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, pozas, brañas, zonas hidromorfas ou con vexetación de interese, adoptando todas as medidas necesarias para a súa preservación, ademais das propostas no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento destas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra. Evitarase a intervención simultánea sobre diversos cursos na mesma bacía, procurando graduar os traballos para evitar a acumulación de sólidos en suspensión no leito principal.

15. No caso de que se precise material de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de explotacións autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais para a construción de novos camiños (para as bases ou subbases ou para a pavimentación), proceda de instalacións de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

16. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, na súa falta, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ser de procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes deberán ser restaurados ao remate da obra.

17. Previamente ao depósito de sobrantes procedentes dos movementos de terra -se os houber- nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.2 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

18. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario, respectando sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución das obras. Procederase ao balizamento ou sinalización das masas e formacións vexetais de interese ambiental para evitar a súa eliminación ou afección. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.

19. En relación coa preservación do arboredo, observarase o indicado no estudo ambiental e o establecido nesta DIA. Non obstante, sinálase que para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira se observará o disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de árbores terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e demais normativa de aplicación.

20. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a valorización, evitando a queima in situ destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pestes.

21. Se na zona de concentración existiren afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.

22. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B.1.5 desta DIA, paralelamente ao avance da obra sempre que sexa posible, co fin de lograr o máis axiña posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras. Vixiarase a evolución da revexetación efectuada, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que poidan aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas.

23. Retirarase e acumularase a camada superior de terra vexetal (15-30 cm) dependendo da carga en materia orgánica, para a súa utilización no proceso de restauración. Estes acopios realizaranse ao longo da traza dos camiños en montes de altura non superior a 1,5 metros, para facilitar a súa aireación.

24. No caso de precisar fornecementos externos de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, esta non se poderá extraer de áreas onde se encontre consolidada e integrada no medio, e debe proceder de almacenamentos ou zonas debidamente autorizadas.

25. Previamente á revexetación efectuarase un acondicionamento do terreo, e procederase á súa descompactación e labra superficial, retirando o exceso de pedras e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

26. Manterase a permeabilidade territorial da zona, e conservaranso os servizos e servidumes de paso que existan na actualidade. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberán implementarse rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

27. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura, instalación ou servizo preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse ao estado previo ao inicio das obras.

28. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refire o punto B.1.6 desta DIA se detectaren impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarao a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de implantación.

1. No proceso de concentración parcelaria conservaranse integramente as áreas de ribeira que presenten bosques aluviais residuais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), hábitat natural prioritario recollido no anexo I da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, tipificado co código 91E0*.

2. Ademais do anterior, consideraranse elementos e áreas sensibles para conservar o máximo posible as formacións de arboredo autóctono (especialmente se constitúen carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica -código 9230-), entre as que cabe sinalar a denominada Carballeira do Rei no polígono 6 ou a fraga existente no P-3 no lugar de Igrexario, así como outras de menor extensión ou menos conservadas nos lugares de Veiga Grande (P-1) ou monte Tallós (P-2), o contorno dos cursos fluviais e a súa vexetación de ribeira (nunha banda de 10 m como mínimo a cada lado do leito, desde a liña de máxima enchente) aínda que non constitúa un hábitat 91E0*, os ecosistemas intimamente ligados á auga, as árbores e grupos singulares, as sebes, as estremas arborizadas e arbustivas de límite entre parcelas, os corredores ecolóxicos e ecotonos, as especies vexetais e faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas (atendendo especialmente ás que estean incluídas nos catálogos

nacional e galego de especies ameazadas), os valados de pedra, a paisaxe agrícola tradicional galega e, de non estar consideradas entre as anteriores, calquera outra área ou zona identificada como de interese ambiental no estudo de impacto.

3. Ao longo de todo o proceso de concentración, pero especialmente no deseño final da rede viaria e na configuración dos predios de substitución, adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das recollidas no estudo de impacto ambiental e as establecidas nesta DIA, co fin de evitar ou minimizar a afección aos citados elementos. Terase en conta tamén a presenza de rutas de camiñada (como a denominada circular de Cuntis), áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer, que non deberán sufrir alteracións.

4. En relación coa protección do patrimonio cultural, observarase o seguinte:

a) Non se poderán executar pistas de novo trazado nas áreas de protección integral dos elementos do patrimonio cultural.

b) A realización de pistas de novo trazado e a ampliación das existentes na área de protección dos elementos do patrimonio cultural terá caracter excepcional e, en todo caso, requirirá a elaboración dun estudo de detalle do contorno do elemento afectado (como no caso do elemento E9 Muíño das Revoltiñas, no polígono 1, por unha pista de novo trazado), considerando este contorno como as áreas de protección fixadas no artigo 30 das NNCCSS de planeamento. Este documento deberá incluír:

Descrición dos camiños existentes na zona, con indicación das súas características, largo de ocupación e capa de rodadura.

Reportaxe fotográfica dos camiños.

Identificación, nunha planimetría de detalle, de cada un dos camiños existentes, así como das pistas que se pretenden executar neste ámbito.

A rede de camiños deberá proxectarse aproveitando ao máximo os camiños existentes, evitando a apertura de novas pistas. De proxectarse camiños de nova traza nestas zonas, deberá xustificarse a necesidade da súa implantación.

c) Previamente ao inicio das obras de cada proxecto que integra a concentración parcelaria (proxectos de rede viaria e de acondicionamento de predios), o promotor remitirá á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, para emitir informe, unha avaliación do impacto deses proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona de concentración. Estes documentos deberán estar asinados por técnico competente na materia.

d) Terase en conta que, unha vezemitido informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural os documentos a que se fai referencia no punto anterior, en todo o ámbito do proxecto deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos. Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Como anexo ao antedito proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso dela, un plano en que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O citado plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

e) Como medida xenérica, nas áreas de protección dos bens do patrimonio cultural non se poderá realizar ningún tipo de obras relacionadas co proxecto que non estean previstas na documentación avaliada (parque de maquinaria, instalación de casetas, almacenamento de terras e materiais, etc.).

f) No deseño dos proxectos de rede viaria, de concentración parcelaria e de acondicionamento de leiras deberán terse en conta, procurando a adopción das medidas oportunas para a súa conservación, preservación e recuperación, os antigos camiños e corredoiras, valados de pedra, muros de peche tradicionais, etc, que configuran funcional e estruturalmente a paisaxe galega e caracterizan culturalmente o territorio.

g) Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

h) Os traballos arqueolóxicos serán levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

5. A proposta de rede de camiños de concentración que acompaña o expediente ambiental deberá axustarse con maior fidelidade ás directrices que se desprenden do estudo de impacto ambiental (por exemplo dos números 5.2.3 e 5.2.5) dado que, entre outras cuestións, o trazado é rectilíneo en moitos camiños (sendo destacable nos polígonos 6 e 7), o cal diminúe a calidade paisaxística da zona ao cuadricular e facer artificial en exceso a paisaxe por non considerar oportunamente as singularidades do medio físico e biótico, e non maximiza o aproveitamento dos camiños e pistas existentes (como nos polígonos 1 ou 7, producíndose en ocasións duplicidades innecesarias). Nalgún caso afectaría en maior ou menor grao masas de frondosas autóctonas, que segundo se indica no estudo son masas para preservar (por exemplo a carballeira do polígono 1) e noutros, a vexetación de ribeira asociada aos regos e regatos (como nos polígonos 3 e 4, destacando que neste último o trazado dunha das pistas de carcallo

ocupa lonxitudinalmente o leito dun regueiro.

Deberá, por tanto, mellorarse a rede de camiños tendo en conta a realidade ambiental do medio, os criterios do estudo de impacto, as condicións establecidas ao longo desta declaración e as seguintes medidas que matizan ou amplían as anteriores:

Aproveitarase o máximo posible a traza dos camiños existentes, ben sexan forestais ben convencionais, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas. Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura e evitar a erosión. A modelaxe dos noiros resultantes, se é o caso, evitará formas demasiado artificiais. Estes noiros deberán estar protexidos contra fenómenos erosivos.

Como norma xeral, os camiños non superarán unha largura total, incluíndo cuneta e beiravía, de 6 metros para os de acceso agrícola e de 8 metros naqueles que comuniquen parroquias ou núcleos entre sí. En zonas de monte, a largura das pistas será a necesaria para o mantemento dun uso forestal, sendo preferible que sexa a mínima que permita a manobra da maquinaria, creando cada certa distancia zonas máis largas a modo de apartadoiros que permitan o xiro dos vehículos e a acumulación da madeira de corta ata o seu transporte. Minimizarase o número de ramais cegos.

Cando se trate de acondicionar camiños existentes, no caso de que discorran xunto a comunidades vexetais de interese, éstas incluiranse no camiño e pasarán a ser dominio público co obxecto de asegurar a súa persistencia.

Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria deberán dispoñerse as estruturas de drenaxe necesarias para isto, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto de presa en épocas de máxima precipitación. Á saída dos pasos de auga colocaranse dispositivos protectores ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas de drenaxe cara aos cursos naturais. Neste sentido, deberá desenvolverse un plan de seguimento hidrolóxico durante as fases de obras e explotación, conforme o indicado no punto C.1.7. O antedito plan debe permitir controlar o correcto funcionamento da rede de drenaxes dos camiños de concentración e dos dispositivos de disipación de enerxía, así como a comprobación das condicións de incorporación das augas de drenaxe cara á rede natural, co obxecto de adoptar as medidas protectoras ou correctoras oportunas no

caso de producírense os citados fenómenos erosivos, arrastres, asolagamentos ou outros.

No caso de que finalmente sexa imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, teranse en conta, así mesmo, as seguintes medidas:

Nos traballos que se realicen no leito do río deberase illar a zona de obras deixando sempre unha canle de auga circulante.

Alterarase o mínimo posible a morfoloxía do leito fluvial, polo que se empregarán pontes sempre que sexa posible (procurando que os piares non se coloquen no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado deste sen impediren o tránsito de fauna e persoas polas súas ribeiras, lembrando, en todo caso, as limitacións e prescricións establecidas ao respecto na lexislación de augas e no PHGC, de acordo co sinalado no punto B.2 da DIA). Na súa falta, utilizaranse obras de paso tipo pórtico, evitando pasos tipo marco ou tubo co fin de manter os leitos no seu estado natural. No caso de empregar este tipo de estruturas, a parte inferior deberá quedar polo menos 40 cm por baixo do leito do río e a súa pendente non superará o 1% (sempre que as características do terreo o permitan), debendo evitarse á saída do marco un salto que provoque o socavamento do leito fluvial augas abaixo e/ou impida o remonte das especies piscícolas migratorias. En calquera caso, o deseño que se adopte

deberá permitir o paso da fauna ictícola en datas de escaso caudal.

Evitarase a creación de obstáculos ao movemento da fauna acuática e terrestre.

Reducirase ao mínimo posible a chegada de materiais finos aos leitos debido aos movementos de terras, seleccionando as épocas menos chuviosas para executar estas obras.

Nas zonas de obra próximas a cursos de auga en que sexa preciso o emprego de formigón ou cemento habilitaranse balsas de decantación para evitar calquera vertedura destes materiais, mesturados ou non con auga.

6. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de implantación, como poden ser a aparición de edificacións, construcións diversas ou cerramentos, as cortas indiscriminadas de vexetación, o abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos, os arroteamentos de terras, etc., motivados pola incerteza dos propietarios sobre a futura titularidade das parcelas.

Neste sentido, lembraráselle aos propietarios a obriga legal de obteren autorización ou permiso para a corta de especies arbóreas, así como a existencia doutras limitacións ou obrigas establecidas na normativa vixente ao respecto (Leis 9/2002 modificada pola 15/2004, 43/2003 modificada pola 10/2006, 5/2006, 3/2007, 7/2007, Decreto 105/2006…), e procurarase telos informados en todo momento da marcha do proceso de concentración, establecendo canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso de concentración.

7. Ademais de cumprir co sinalado no punto B.1.6 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír ou prever os seguintes aspectos:

Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación, tendo en conta o sinalado no punto C.1.5.

Realización das prospeccións necesarias para a detección da presenza ou non de ameixa perlífera de río (Margaritifera margaritifera) nos cursos fluviais existentes na zona de concentración. En caso positivo, adaptarase o plan de seguimento da calidade das augas para un efectivo control dos tramos concretos onde se encontre a especie.

Os resultados das campañas preoperacionais do nivel de ruído de fondo e de calidade das augas xa efectuadas (ou as que sexa oportuno realizar despois da redacción do novo programa de vixilancia segundo o indicado no punto B.1.6) incorporaranse aos informes de seguimento ambiental (tanto os da fase de obra como os de explotación) para comparalos cos datos que se obteñan en cada período de seguimento.

8. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural remitirá a esta Secretaría Xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración parcelaria, que incluirá, sen prexuízo do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia (plano do novo parcelario, plan forestal e/ou de aproveitamento de cultivos, etc.), o proxecto da rede de camiños de concentración (con análise das alternativas estudadas ao respecto) e un anexo específico en que se documente a adecuada inclusión no proxecto de concentración tanto das medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias propostas no estudo de impacto ambiental como todas as cuestións derivadas do cumprimento do condicionado desta DIA, incluíndo proxecto de integración paisaxística e programa de vixilancia ambiental.

C.2. Fase de execución.

1. Serán obxecto de especial atención no tocante á súa preservación e adopción de todas as medidas protectoras e correctoras necesarias, así como obxecto dun intenso seguimento e vixilancia ambiental, os elementos e áreas sensibles sinalados no punto C.1 da DIA, que deberán ser balizados ou sinalizados durante a implantación da obra. Así mesmo, no caso de detectar algún valor natural non considerado ata o momento (para o cal se efectuarán as prospeccións previas que resulten oportunas), procederase á súa delimitación e á adopción das medidas precisas para garantir a súa preservación, comunicando o achado ao correspondente Servizo Territorial de Conservación da Natureza. Terase en conta que non se poderá afectar formacións distintas ás descritas no estudo de impacto ambiental sen antes facer a correspondente consulta.

2. Extremaranse as precaucións na execución de obras nas zonas de potencial afección á rede hidrolóxica (sexan directas ou indirectas, por cruzamento de pistas ou por movementos de terras nas proximidades dos leitos) de xeito que se evite calquera efecto negativo sobre a rede fluvial, dado que, entre outras cuestións (existencia dun couto de pesca no río Umia), segundo o estudo ambiental, na zona pode atoparse ameixa perlífera de río (Margaritifera margaritifera, especie catalogada en perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas) asociada á comunidade de salmónidos. Neste sentido observarase tamén ao sinalado no punto C.1.7 da DIA. Esta medida reviste, así mesmo, importancia para a conservación da aguaneira (Galemys pyrenaicus, catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas), con presenza na zona segundo o estudo ambiental.

3. Dado que entre as aves de rapiña presentes na zona de estudo figura a tartaraña cincenta (Circus pygargus, catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas), que nidifica sobre o chan en ambientes de mato e, por tanto, é susceptible de verse afectada polo proceso de concentración, estableceranse os controis oportunos para a detección de posibles parellas reprodutoras nas áreas que vaian ser afectadas polas obras.

No caso de detectarse a nidificación, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, que poden incluír o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de radio arredor do niño onde se evitará calquera actuación ata que finalice o período reprodutor (podendo continuar coas obras noutra zona afastada) e outro perímetro de seguranza de 500 m, onde se limitarán ao máximo posible as actuacións e o tráfico de maquinaria para garantir a tranquilidade das aves.

4. Previamente aos labores de corta de arboredo verificarase a ausencia de avifauna nidificante de interese nos pés implicados. En caso de presenza, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor. En especial, atenderase á presenza de aves de rapiña (na zona detectáronse varias especies que aniñan en árbores; miñato (Buteo buteo), gabián (Accipiter nisus), falcón pequeno (Falco subbuteo) ou calquera outra especie que teña figuras legais de protección ou apareza recollida en listaxes ou libros vermellos que poñan de manifesto a importancia da súa conservación.

5. Evitarase que as obras coincidan coas épocas de maior afección ao ciclo vital das especies sensibles presentes na zona de concentración. O calendario de obras deberá elaborarse tendo en conta os anteditos períodos.

6. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se fai referencia ao longo desta DIA e, como órgano substantivo, observará o disposto no artigo 18 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido de la Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Durante a fase de obras elaboraranse os seguintes informes de seguimento, cos contidos mínimos que se sinalan a seguir:

a) Semestralmente:

Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto de concentración, acompañado de plano en planta en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

Memoria do seguimento ambiental realizado en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA, incluíndo os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído (cuxas medicións se realizarán en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a medición, e tendo en conta, así mesmo, que se poderá efectuar unha medición en cada punto de control proposto no momento en que se estean executando obras preto del, e non en todos eles con carácter trimestral durante a duración das obras como se desprende do plan presentado), control da calidade das augas (con mención expresa do estado das poboacións de Margaritifera margaritifera que, se é o caso, se detectasen) e do funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico, control da presenza de parellas reprodutoras de Circus pygargus e outra fauna de interese en función do exposto ao longo deste punto C.2, actuacións para a preservación dos elementos e áreas sensibles

indicados no punto C.1, etc. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, incidencias ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra e sobrantes de terra, etc. En conxunto, o informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos establecidos nela.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados no punto C.1 da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, na cal quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA. Descrición detallada do estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención das medidas de protección da vexetación e dos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Describiranse, así mesmo, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona e demais formacións e áreas de interese sinaladas no punto C.1 da DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración e das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e hora, e virán acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante a adopción de criterios de sustentabilidade ambiental no acondicionamento e uso das parcelas asignadas a cada propietario.

Na medida do posible procurarase que a delimitación -se é o caso- das novas parcelas se efectúe mediante plantación de sebes arborizadas ou arbustivas integradas por especies autóctonas existentes na zona. De non ser factible, atenderase ao sinalado no punto B.1.5 da DIA respecto dos muros ou valados de pedra. Así mesmo, procurarase que os usos do solo non cambien dun xeito radical, en especial a transformación de terreo forestal en agrícola, para evitar modificacións substanciais do balance hídrico da zona que poidan afectar a rede fluvial. En todo caso, atenderase ás posibles limitacións ou obrigas legais canto ao acondicionamento e uso dos predios de substitución, tendo en conta a normativa a que se fai referencia no punto C.1.6 da DIA e o respecto aos elementos e áreas sensibles indicados no punto C.1.

Neste sentido considérase de especial importancia, tal e como se indica no estudo de impacto ambiental, o desenvolvemento de políticas de incentivos e sancións e de accións de información e asesoramento ambiental aos propietarios/usuarios dos predios de substitución, co obxecto de que sexan coñecedores tanto dos valores ambientais e culturais que albergan as súas parcelas -se é o caso- como da normativa de aplicación canto aos posibles usos. Así mesmo, deberán coñecer e poñer en práctica as medidas recollidas no Código galego de boas prácticas agrarias, de cara a un aproveitamento das parcelas máis respectuoso co ambiente.

2. Dado que, segundo o estudo ambiental, a vocación da unidade ambiental de considerable extensión denominada «áreas de mato e arboredo raro» é a súa transición cara a sistemas produtivos (plantacións de piñeiro e eucalipto), dos cales xa existe algunha representación en forma de repoboacións de eucalipto, ademais de cumprir en todo momento coa normativa vixente en materia forestal -en sentido amplo-, teranse en conta as seguintes medidas:

O deseño das repoboacións procurará evitar a continuidade de masas monoespecíficas de eucalipto ou piñeiro para impedir unha doada propagación de incendios forestais. En concreto, non se realizarán plantacións de eucalipto nas bandas de protección dos cursos fluviais, nin tampouco en zonas con pendente superior ao 40%. Tamén se desaconsellan as plantacións de piñeiros nas citadas bandas.

Respectaranse as distancias mínimas establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, e tomaranse as medidas necesarias para manter as faixas de especial protección. Aproveitarase o proceso de concentración para deseñar e executar, na medida do posible, as citadas faixas, especialmente no referente ao núcleo rural principal e na banda de 50 metros arredor das primeiras leiras destinadas a uso agrario.

Non se poderán realizar repoboacións forestais en solo urbano e núcleos rurais, nin en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pasteiros, con independencia da súa cualificación urbanística. Só se poderán realizar repoboacións con frondosas autóctonas en zonas agrícolas cando estean previstas nun plan de ordenación de cultivos e forestal, sempre que non interfiran no desenvolvemento agrario da zona.

Levaranse a cabo boas prácticas forestais que incluirán, sen prexuízo doutras, as seguintes:

Promoveranse as masas mixtas de frondosas autóctonas ou, cando menos, a aparición de frondosas acompañantes da especie principal. Fomentarase a conservación de mouteiras maduras e, sempre que non supoña risco de pestes, o mantemento de árbores mortas.

As especies arbóreas empregadas deberán ser as máis adecuadas á estación forestal e o material reprodutivo terá identificada a súa procedencia, utilizando material selecto sempre que sexa posible. Levarase a cabo unha vixilancia do adecuado desenvolvemento das plantacións efectuadas.

Recoméndase que as superficies forestais incluídas no ámbito da concentración conten cun instrumento de xestión que cumpra coa lexislacion vixente.

Durante as cortas evitaranse danos nas frondosas autóctonas que non sexan obxecto de aproveitamento. Ao remate da corta procederase á limpeza dos residuos forestais.

Fomentarase a función recreativa e social das zonas forestais máis próximas aos núcleos rurais.

Procuraranse evitar as queimas controladas.

Minimizaranse os impactos paisaxísticos racionalizando as superficies de corta e deixando pequenas mouteiras maduras que interrompan a uniformidade da corta.

3. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que, como mínimo, inclúa:

Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística efectuados, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das poboacións de fauna de interese en función do exposto ao longo do punto C.2, (Margaritifera margaritifera, Circus pygargus...) despois do proceso de concentración, estado da rede de camiños de concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se adoptasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra, tanto as que figuran no estudo ambiental como as establecidas nesta DIA.

Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, referida a todos os seus elementos, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

Se for o caso, incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes a realizar en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2009.

Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Anexo I

Resumo da actuación e das características da zona

de concentración

Preténdese levar a cabo un proceso de concentración parcelaria en parte das terras que conforman a parroquia de Arca, pertencente ao concello da Estrada (Pontevedra), co obxecto de establecer unha reordenación da propiedade coas dimensións suficientes e as infraestruturas adecuadas para mellorar a capacidade produtiva dos terreos e aumentar así a súa rendibilidade económica. O perímetro da zona susceptible de concentración, que inclúe os terreos da parroquia destinados a cultivos, prado e monte, abrangue unha superficie dunhas 304 hectáreas, das cales serán obxecto de concentración unhas 295 hectáreas despois de excluír case 9 hectáreas de zonas con elevada riqueza en arboredo autóctono.

O proceso concentrador desenvolverase en tres fases: implantación, execución e explotación. As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son a execución da rede de camiños de concentración e o acondicionamento dos predios de substitución.

A rede hidrográfica da zona a concentrar pertence á bacía do río Umia, que actúa como límite meridional da parroquia, ao cal van parar unha serie de cursos fluviais de maior ou menor entidade que discorren pola parroquia en dirección norte-sur, entre os cales cabe citar o rego das Brañas ou os regatos de Castro e Canles.

No tocante aos usos do solo e unidades de vexetación, a zona de concentración comprende maiormente terreos ocupados por cultivos, pasteiros e prados, tendo tamén unha boa representación as áreas ocupadas por mato, sobre as cales en ocasións se desenvolven plantacións de piñeiros. Con menor extensión atópanse algunhas zonas destinadas a eucaliptais. Como representación de vexetación autóctona destacan algunhas masas máis ou menos extensas de carballo e a vexetación de ribeira asociada ás marxes dos cursos fluviais que discorren pola zona.

Anexo II

Resumo das medidas preventivas e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental

Na punto de medidas de integración ambiental do estudo de impacto ambiental inclúense unha serie de medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias agrupadas baixo as seguintes epígrafes:

Boas prácticas xerais de obra.

Plan de xestión de verteduras e residuos.

Intervención sobre a vexetación para a apertura de pistas.

Restauración de superficies afectadas.

Protección das augas e os leitos fluviais.

Reposición e/ou indemnización de danos que se produzan co motivo das obras.

Calendario de obras acorde coas medidas protectoras e correctoras propostas.

Balizamento previo dos elementos que se van protexer.

Intervención sobre o comportamento de propietarios e criterios de explotación das zonas de concentración. Incentivos, subvencións, sancións. Control de modificacións de usos do solo previas á concentración. Directrices para a realización dos labores agrícolas, queima de restos vexetais e uso de fertilizantes e produtos fitosanitarios.

Información veciñal sobre o proceso de concentración.