DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 10 de xullo de 2009 Páx. 12.010

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia.

Unha administración áxil, flexible e transparente é un signo claro dunha administración moderna e de que presta uns servizos de calidade aos cidadáns.

Tendo estas premisas como obxectivo, a Xunta de Galicia aprobou o decreto polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos. O obxecto deste decreto é, dunha parte, o impulso das novas tecnoloxías da información na xestión administrativa, e doutra, a simplificación da documentación que deben achegar os interesados na tramitación dos procedementos administrativos que sexan do seu interese.

Dentro da epígrafe de documentación e no que se refire á incoación de procedementos administrativos destacan, especialmente, o documento nacional de identidade e aqueloutros documentos relativos á identidade dos estranxeiros residentes en territorio español e o certificado de empadroamento como documento probatorio do domicilio e a residencia. O decreto establece que estes documentos non serán exixibles, agás que resulte imprescindible a súa achega por requirilo así a natureza do procedemento administrativo, neste caso, o órgano competente deberá comprobar o contido dos citados documentos por medio do acceso telamático ao sistema de verificación de datos do Ministerio de Administracións Públicas.

Por outra parte, e tendo en conta que se trata de acceder a datos de carácter persoal, resulta imprescindible que para a consulta de calquera dos documentos mencionados, o interesado na tramitación dun procedemento administrativo dea o seu consentimento para efectuar esta consulta.

Para a consecución do sinalado anteriormente, a Xunta de Galicia con data 12 de marzo de 2008 asinou un convenio de colaboración co Ministerio de Administracións Públicas, para a presentación mutua de servizos administrativos electrónicos, publicado por Resolución do 10 de abril de 2008 da Secretaría Xeral para a Administración Pública por medio do cal os órganos da Administración da comunidade autónoma poderán acceder aos sistemas de verificación, tanto de datos de identificación, como de residencia, que o citado ministerio ten establecido coa Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil para o primeiro e co Instituto Nacional de Estatística para o segundo.

Esta orde ten por obxecto desenvolver o sinalado no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, así como establecer as canles, a través das que efectuarán a consulta telemática os órganos da Xunta de Galicia, aos sistemas de verificación de datos sinalados e se fixa a data de entrada en funcionamento do seu acceso.

Esta orde apróbase en virtude do disposto na disposición derradeira primeira do decreto polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Será obxecto desta orde, o desenvolvemento do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que se refire á regulación do acceso das unidades administrativas dependentes da Administración da comunidade autónoma de Galicia, dos seus organismos e demais entes públicos autonómicos, ao sistema de verificación de datos de identificación e ao sistema de verificación de datos de residencia establecidos polo Ministerio de Administracións Públicas.

Os sistemas sinalados estarán dispoñibles 24 horas ao día os 7 días da semana.

Artigo 2º.-Sistema de verificación de datos de identidade.

1. Para o funcionamento e utilización da información contida no Sistema de verificación de datos de identidade, observarase o disposto na Orde PRE/3949/2006, do 26 do decembro, pola que se establece a configuración de características, requisitos e procedementos de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade.

2. O sistema de verificación de datos de identidade ofrecerá consultas en que, a partir do número de documento de identificación do cidadán ou estranxeiro, se ofrecerán os datos incorporados ao dito documento:

-Nome e apelidos do titular do documento.

-Lugar e data de nacemento.

-Nome dos pais.

-Sexo.

-Estado de vixencia do documento.

Artigo 3º.-Sistema de verificación de datos de residencia.

1. Para o funcionamento e utilización da información contida no sistema de verificación de datos de residencia, observarase o disposto na Orde PRE/4008/2006, do 27 de decembro, pola que se establece a configuración de características, requisitos e procedementos de acceso ao sistema de verificación de datos de localización.

2. O sistema de verificación de datos de residencia ofrecerá consultas en que, a partir do número de documento de identificación do cidadán ou dun conxunto de datos persoais suficientes para identificarlo univocamente se ofrecerán os datos referentes ao domicilio e residencia dun cidadán:

-Provincia.

-Municipio.

-Entidade singular.

-Entidade singular.

-Núcleo.

-Enderezo.

Artigo 4º.-Acceso á información dos sistemas.

1. A consulta e acceso á información proporcionada polos sistemas de verificación de datos de identidade e residencia deberán realizarse cunha finalidade concreta, que quedará recollida no momento da consulta. A información obtida só poderá realizarse para a dita finalidade.

2. As consultas que se realicen nos sistemas de verificación de datos de identidade e residencia, así como as respostas correspondentes deberán ser asinadas electronicamente, co obxecto de garantir, tanto a integridade dos datos intercambiados, como a identidade das partes intervenientes e o non repudio da consulta.

Artigo 5º.-Responsable da autorización dos accesos.

O responsable da autorizar os accesos de verificación, sinalados nos artigos anteriores, na Comunidade Autónoma de Galicia, e da súa comunicación ao Ministerio de Administracións Públicas, segundo o establecido no punto 4 do anexo II do convenio de colaboración co Ministerio de Administracións Publicas, para a presentación mutua de servizos administrativos electrónicos, publicado por Resolución do 10 de abril de 2008, da Secretaría Xeral para a Administración Pública, será a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 6º.-Procedemento para ter acceso aos sistemas.

1. A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, logo de solicitude da secretaría xeral da consellería correspondente, implantará nas unidades administrativas que tramiten procedementos administrativos, os accesos aos sistemas de verificación de datos sinalados no artigo 1º desta orde, que, en función do volume das consultas que le vaian realizar, sexan necesarios.

2. Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, na solicitude que se formule sinalarase: a unidade administrativa e os procedementos para os que se solicita o acceso, a xustificación da necesidade da obtención da información referida, a identificación e localización das persoas interesadas no procedemento, identificación do traballador/a autorizado para a xestión dos datos correspondentes, a identificación da aplicación e do equipo informático (IP) a través do cal se accederá aos sistemas de verificación sinalados no artigo 1º.

Artigo 7º.-Consentimento da consulta pola persoa interesada.

De conformidade co establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, para o acceso aos datos de identificación e localización sinalados no artigo 1º, será necesario o consentimento expreso das persoas interesadas, manifestado na solicitude que formulen para a incoación do procedemento correspondente.

Os formularios de solicitude elaborados e normalizados, que a Administración autonómica pon á disposición do particular para a iniciación de calquera procedemento administrativo, deberán conter a autorización deste para a consulta dos datos sinalados no parágrafo anterior.

Artigo 8º.-Cumprimento da Lei de protección de datos de carácter persoal.

O tratamento da información relativa aos datos que se obteñan do acceso aos sistemas de verificación de datos do artigo 1º estará sometido ao sinalado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa aplicable a esta materia.

Artigo 9º.-Entrada en funcionamento dos sistemas.

Establécese como data para a entrada en funcionamento do acceso ao sistema de verificación de datos de identificación e ao sistema de verificación de datos de residencia, o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, momento a partir do cal non será exixible a achega por parte das persoas interesadas nun procedemento administrativo incoado por calquera organismo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de ningún documento relativo á súa identificación ou localización da súa residencia.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Esta orde entrará en vigor o día 30 de setembro de 2009.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza