DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 10 de xullo de 2009 Páx. 12.049

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 1 de xullo de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón e do seu Consello Regulador e se nomea o Consello Regulador Provisional.

Cos estudos e documentación técnica e histórica pertinentes, o expediente para a tramitación da solicitude de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas correspondente á DOP Pemento de Herbón foi transmitido aos servizos da Comisión Europea.

O Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, establece no seu artigo 4 que, unha vez remitido o expediente á Comisión Europea, por orde do titular da consellería competente segundo a natureza do produto, se aprobará o regulamento da denominación e do seu consello regulador, que será publicado no Diario Oficial de Galicia, co fin de acadar a protección nacional transitoria a que se refire o artigo 5.6º do Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo.

Igualmente, segundo o citado decreto, a dita orde recollerá tamén o nomeamento, de acordo coas propostas do sector, dos membros do pleno do consello regulador, que terá carácter provisorio e estará encargado da posta en marcha da denominación ata a celebración do proceso electoral polo que se constitúa un novo órgano de xestión.

Por outra parte, o Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario, de posterior publicación, establece no seu artigo 12 a posibilidade da concesión dunha protección nacional transitoria a partir da data de transmisión da solicitude de rexistro á Comisión Europea, procedendo para iso á publicación do prego de condicións do produto no BOE.

Polo exposto, conforme as dúas normas sinaladas, resulta necesario publicar no Diario Oficial de Galicia o regulamento da denominación, que figura como anexo desta orde, e publicar o seu prego de condicións no BOE.

Na súa virtude, por proposta do sector, tendo en conta as consideracións expostas e o disposto no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación do Regulamento da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón e do seu Consello Regulador.

Apróbase o Regulamento da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón e do seu Consello Regulador que figura como anexo a esta disposición, co fin de dar cumprimento ao establecido no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, para acadar a protección nacional transitoria establecida no artigo 5.6º do Regulamento (CE) 510/2006, unha vez que a solicitude de rexistro foi transmitida á Comisión Europea.

Artigo 2º.-Nomeamento do Consello Regulador Provisonal.

Noméase, por proposta do sector, o Consello Regulador da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, con carácter provisorio ata que se celebren eleccións na forma determinada na normativa vixente.

Queda formado polos membros seguintes:

Presidente: José Ramón Torreira García

Vogais polo sector produtor:

-Milagros Piñeiro Freire.

-Juan Domingo Martínez Pardo.

-Manuela Pérez García.

Vogais polo sector de almacenistas e envasadores:

-María Milagros González Refojo.

-José Joaquín Conde Miguens.

-Antonio Freire Dios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Conforme o establecido no artigo 12 do Real decreto 1069/2007, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario, remitirase ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño o prego de condicións da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, para proceder á súa publicación no BOE e acadar a protección transitoria no territorio do Estado.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón e do seu Consello Regulador

Capítulo i

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparados coa denominación de orixe protexida Pemento de Herbón os pementos que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, recolección, almacenamento e comercialización todos os requisitos exixidos por este, polo prego de condicións comunicado á Unión Europea e pola lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

A denominación de orixe protexida Pemento de Herbón quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; neste regulamento e demais normativa concordante.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade dos pementos amparados, quedan encomendados ao Consello Regulador da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. O órgano de control e certificación para os produtos da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón é o Instituto Galego da Calidade Alimentaria de acordo co disposto no artigo 15.1º c) da Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 66 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 4º.-Manual de calidade.

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador, o programa de control, os procedementos operativos, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, que se integrarán no Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, en diante Manual de calidade.

Capítulo ii

Produción

Artigo 5º.-Zona de produción.

A área de produción de pementos amparados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón abrangue os seguintes termos municipais:

Provincia da Coruña: Padrón, Dodro e Rois.

Provincia de Pontevedra: Pontecesures e Valga.

A área de produción coincide coa de envasado.

Artigo 6º.-Características do produto.

1. Os pementos amparados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón son os froitos da especie Capsicum annuun L, dos ecotipos locais da variedade Padrón, procedentes de parcelas inscritas no correspondente rexistro. O produto deberá cumprir os requisitos exixidos pola lexislación vixente para o efecto e polo prego de condicións comunicado á Comisión Europea.

2. As plantas deste ecotipo son de consistencia herbácea, moi ramificadas, porte medio-alto, acadando uns 80 ou 100 cm ao aire libre e uns 150 ou 200 cm en invernadoiro. Son de ciclo semiprecoz, con follas pequenas, lanceoladas e de elevada floración. As plantas deberán atoparse en perfecto estado físico, nutricional e fitosanitario.

3. O froito é colleitado en verde, en estado inmaduro precoz (tamaño comercial) para a súa comercialización en fresco, debendo presentar as características seguintes:

a) Forma: froito curto (tipo C4, segundo a clasificación Pochard) alongado con tres ou catro lóculos no ápice.

b) Peso aproximado: entre 3,5 e 4,5 gramos por unidade.

c) Lonxitude aproximada do froito: entre 3,5 e 5,5 cm.

d) Diámetro máximo (largo): entre 1,5 e 2 cm.

e) Ápice: afundido.

f) Lonxitude do pedúnculo: entre 3,5 e 6 cm.

g) Pel: lisa e brillante, de cor verde, lixeiramente clara.

h) Espesura da parede intermedia ou carne: presenta unha espesura fina de aproximadamente 1,5 mm.

i) Sección lonxitudinal: trapezoidal.

j) Relación peso do froito/peso semente (relación entre o peso do froito libre de sementes, pedúnculo e cáliz e o peso das propias sementes): 3,2 (valor medio).

k) Cata: aroma de intensidade moderada, de sabor doce, podendo ser lixeiramente picante.

4. En valores medios, os froitos presentan as seguintes características químicas:

-Expresados en g/100 g sobre peso fresco: auga (91), glicosa (0,85), frutosa (0,75), sacarosa (non se detecta), amidón (0,81), fibra (2,2), pectinas (0,73).

-Expresados en mg/100 g sobre peso fresco: ácido cítrico (28), ácido fumárico (1,1), ácido málico (208), ácido oxálico (140), vitamina C (24), clorofila a (7,9), clorofila b (3,4), luteína (1,6), betacarotenos (0,92).

Artigo 7º.-Aspectos xerais do cultivo.

1. As condicións idóneas para o cultivo son as de humidade relativa alta, temperaturas moderadas, baixa oscilación térmica, solo lixeiramente ácido e suficiente circulación de aire para favorecer o movemento de pole entre as distintas plantas.

2. A fertilización será a óptima de cara a manter o equilibrio e os niveis de nutrientes no solo e na planta, tendo en conta deste modo as extraccións do cultivo, o estado nutricional da planta, o nivel de fertilidade do solo e as achegas realizadas por outras vías (auga, materia orgánica, etc.).

3. A loita contra posibles pragas e/ou enfermidades estará dirixida á aplicación de métodos culturais como desinfección de sementes, tratamento de alcouves e menores doses de rega e evitaranse sempre o encharcamento do terreo e os aporcados excesivos. Potenciarase a loita biolóxica.

4. No caso de resultar necesario o uso de fitosanitarios, as materias activas empregadas serán as que xeren menor impacto ambiental, maior eficacia, menor toxicidade e problema de residuos, menor efecto sobre a fauna auxiliar e menor problema de resistencia.

Artigo 8º.-Obtención de semente e plántula.

1. A semente procederá de plantacións inscritas no rexistro correspondente e será obtida por produtores autorizados.

2. Para a obtención de semente, en cada campaña elíxense unha a unha as plantas destinadas á produción desta para a temporada seguinte. Escóllense as plantas sans e ben estruturadas, con froitos de tres lóculos que non presenten deformacións nin manchas. A continuación realízase unha cata in situ en cru dos pementos das plantas seleccionadas en primeira instancia, elixíndose os de sabor suave aínda que aceptando tamén algúns exemplares lixeiramente picantes, por ser unha característica típica deste produto.

3. Os froitos escollidos, unha vez maduros (vermellos), colléitanse e macéranse en auga para que as sementes se desprendan da placenta. As sementes obtidas sécanse rapidamente para evitar alteracións no seu poder de xerminación. A sementeira iníciase no mes de outubro, continuando en novembro, decembro e xaneiro.

4. Débese proceder á rega, mantendo unha humidade suficiente e constante do alcouve, sobre todo desde a fase de xerminación ata o nacemento da planta.

Artigo 9º.-Técnicas de cultivo.

1. O cultivo realízase tanto ao aire libre como protexido baixo cuberta. Para o cultivo utilizaranse plántulas procedentes de explotacións inscritas no correspondente rexistro da denominación de orixe.

2. No cultivo baixo cuberta non hai uso de calefacción nin iluminación artificial, sendo utilizados unicamente para protexer o cultivo das xeadas e permitir así adiantar a entrada en produción e prolongala unhas semanas no outono, sen que iso supoña unha alteración sensible das condicións naturais de cultivo.

3. A plantación baixo cuberta, sempre directamente sobre o chan, efectúase en febreiro e marzo, para comezar a recolección dos froitos en maio. A densidade é de 2 a 4 plantas por metro cadrado, e é práctica habitual o entitorado con fíos de rafia a distintas alturas. Os rendementos máximos permitidos serán de 6 kg/m2.

4. Ao aire libre a plantación lévase a cabo durante os meses de abril e maio, e comeza a recolección en xuño ou xullo. A densidade é de 3 a 5 plantas por metro cadrado. Os rendementos máximos permitidos serán de 3,5 kg/m2.

5. Os límites produtivos sinalados poderán ser modificados en función das condicións climáticas de cada temporada.

6. Os labores de rega efectuaranse ao pé das plantas, para evitar danos nas flores e nos froitos. Son fundamentais para evitar situacións de estrés hídrico, pois temperaturas elevadas (maiores de 30º C) combinadas cunha baixa humidade ambiental e do solo, provocan un considerable aumento dos valores de capsicina no froito.

Artigo 10º.-Recolección e almacenamento.

1. A recolección será manual e realizarase diariamente nos meses de maior produción. O froito colléitase en estado inmaduro precoz e no momento en que presente as condicións idóneas de comercialización, coincidentes coas características físicas descritas no artigo 6º. Constará de tantas pasadas como sexan precisas para a obtención de froitos de excelente calidade, cos medios materiais e humanos necesarios para evitar a súa deterioración.

2. Os pementos colleitados serán trasladados en caixas ou outro tipo de contedores ríxidos, evitando o seu esmagamento, ata o almacén manipulador. A descarga realizarase de modo que se minimicen os efectos de caída libre do produto.

3. Posteriormente á recolección procederase a unha selección manual dos froitos que cumpran os requisitos para a súa comercialización, descartando os non aptos.

4. Os lugares de almacenamento atoparanse correctamente aireados, con condicións ambientais próximas ás óptimas para a conservación do produto, duns 7 a 13ºC de temperatura e humidade relativa entre 90 e 95%.

Artigo 11º.-Envasado e comercialización do produto.

1. O envasado dos pementos deberá realizarse na zona xeográfica delimitada, para garantir a rastrexabilidade e asegurar o control, así como para manter os caracteres típicos do Pemento de Herbón e salvagardar a súa calidade.

2. O período de comercialización estará comprendido entre o 1 de maio e o 31 de outubro, e pode modificarse cando, polas circunstancias climáticas da temporada, as características do produto o aconsellen.

3. A comercialización realizarase en bolsas de aproximadamente 400 gramos de peso, de materiais para uso alimentario autorizados pola lexislación vixente. Poderanse establecer outras formas de presentación cando se comprobe que non afectan negativamente á calidade do produto.

4. Co obxecto de obter un produto de calidade superior, os pementos acollidos á denominación de orixe protexida Pemento de Herbón serán sometidos a unha esmerada selección, e deben presentarse:

-Enteiros e firmes.

-Sans, excluíndo os produtos podres ou que presenten outras alteracións que os fagan impropios para o consumo.

-Exentos de manchas.

-Limpos e exentos de materias estrañas visibles.

-Provistos de pedúnculo.

-Exentos de humidade exterior anormal.

Capítulo iii

Control e certificación do produto

Artigo 12º.-Autocontrol.

Os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto serán responsabilidade en primeira instancia dos distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións deste regulamento e do Manual de calidade.

Artigo 13º.-Control e certificación.

1. O Ingacal realizará o control e certificación dos pementos acollidos á denominación de orixe protexida Pemento de Herbón.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, instalacións e os produtos estarán sometidas ao control levado a cabo polo Ingacal, co obxecto de verificar que os produtos que teñan a denominación de orixe protexida Pemento de Herbón cumpren os requisitos deste regulamento e demais normas de aplicación.

3. Os controis basearanse en inspeccións das plantacións, almacéns e industrias, revisión de documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos neste regulamento, comprobando que os pementos colleitados se atopan enteiros, sans, limpos e exentos de danos e feridas. Poderá procederse ademais á realización de análises multirresiduos coa finalidade de comprobar que os valores obtidos de praguicidas están por debaixo dos límites máximos de residuos (LMR) fixados pola lexislación vixente para o cultivo.

4. O proceso de control e certificación implicará a toma de mostras aleatoria do produto, que se someterán a análises das súas características físicas. O órgano de control, á vista do resultado das análises así como dos demais datos relativos ao produto, resolverá o que proceda en relación coa certificación.

5. No Manual de calidade recolleranse as normas que permitan o perfecto control dos pementos, e mesmo tamén das partidas defectuosas ou non certificadas, garantindo a orixe e calidade do produto amparado pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón.

6. As industrias que posúan outras liñas de produción distintas dos pementos acollidos á denominación de orixe protexida, farano constar expresamente no momento da súa inscrición e someteranse ás inspeccións que se establezan para controlar estes produtos e garantir en todo caso a orixe e calidade dos produtos amparados pola denominación de orixe.

7. Co fin de garantir a orixe do produto, queda prohibido, durante o período de comercialización definido no artigo 11º, que as industrias que envasen pementos co distintivo da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón envasen tamén outros pementos de similares características que procedan de parcelas non rexistradas, salvo naqueles casos en que estea implantado un sistema de rastrexabilidade axeitado a xuízo do órgano de control.

8. Os pementos amparados pola denominación de orixe protexida con destino ao consumo levarán unha contraetiqueta numerada que será controlada polo Ingacal, de acordo coas normas establecidas no Manual de calidade. O dito distintivo será colocado, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

Artigo 14º.-Produto non certificable.

1. No caso de que se constate calquera tipo de incumprimento nas características dos pementos ou que na súa produción, acondicionamento ou maduración non se cumpran os preceptos deste regulamento, do Manual de calidade e das demais disposicións legais que os afecten, os pementos non serán certificados. Neste caso, o órgano de control poderá levantar unha non conformidade, que será comunicada ao interesado para que a corrixa no prazo que se estableza. Antes da finalización dese prazo, o interesado deberá comunicar ao órgano de control as medidas correctoras adoptadas. Sen prexuízo do anterior, cando as irregularidades detectadas así o aconsellen, o órgano de control poderá suspender temporalmente a certificación ata que a empresa adopte as medidas correctoras necesarias, sen que esta suspensión teña carácter de sanción.

2. Cando as irregularidades detectadas polo órgano de control poidan ser constitutivas de infracción, este dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

3. Os pementos que o órgano de control non considere aptos para ser amparados, ademais de perder o dereito ao uso da denominación, deberán permanecer inmobilizados e perfectamente identificados, baixo a súa supervisión. O órgano de control vixiará en todo momento o destino deses pementos que, en ningún caso, poderán ser protexidos coa denominación de orixe.

4. Os pementos a que se refire o número 3 anterior, poderán ser utilizados para obter outros produtos ou para consumo directo se a alteración ou defecto non constitúe perigo para o consumo, pero empregando outras marcas ou distintivos, sen o amparo da denominación de orixe e sempre baixo a supervisión do órgano de control.

Artigo 15º.-Control dos volumes de produción.

O órgano de control verificará en cada campaña as cantidades de pemento certificado pola denominación de orixe protexida que foron expedidas ao mercado por cada firma inscrita nos rexistros de almacéns e plantas envasadoras, para comprobar que é correcta a súa relación coas cantidades adquiridas aos produtores censados no rexistro de plantacións e a outras firmas inscritas. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos das parcelas inscritas.

Artigo 16º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, colleita, almacenaxe, envasado e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade dos pementos certificados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, as persoas físicas ou xurídicas titulares de plantacións e as titulares de instalacións de almacenaxe e envasado estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Todos os produtores e titulares de plantacións de pemento susceptible de ser amparado pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, presentarán ao órgano de control as seguintes declaracións:

1. Declaración de sementeira, na cal se especificará:

-Datos de identificación dos alcouves.

-Cantidade e procedencia da semente.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

2. Declaración de plantación, na cal se especificará:

-Superficie plantada e densidade de plantación.

-Datos de identificación das parcelas utilizadas con tal fin.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

b) Todas as firmas que teñan instalacións inscritas para almacenaxe e envasado levarán un libro de control, segundo o modelo adoptado no Manual de calidade, no cal figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia dos pementos adquiridos.

-Cantidade de pemento envasado baixo o amparo da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón.

-Calquera outro dato que no seu momento o órgano de control poida considerar necesario.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes, presentarán ao órgano de control unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior, sendo suficiente con copia dos asentos que figuren no mencionado libro.

2. O órgano de control poderá solicitar calquera outra declaración complementaria que considere oportuna.

3. As declaracións especificadas neste artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 17º.-Circulación do produto.

Toda expedición de produto con dereito a protección que se realice antes da súa etiquetaxe regulamentaria entre persoas físicas ou xurídicas inscritas nos correspondentes rexistros, aínda que pertenzan á mesma razón social, deberá ir acompañada dun volante de circulación expedido polo órgano de control, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Capítulo iv

Rexistros

Artigo 18º.-Rexistros do Consello Regulador.

1. O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de produtores e plantacións.

b) Rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

2. Para poder optar a inscribirse nos rexistros citados será necesario que tanto as plantacións como as instalacións estean situadas na zona de produción definida no artigo 5º deste regulamento.

Artigo 19º.-Rexistro de produtores e plantacións.

1. Neste rexistro inscribiranse todas as explotacións que pretendan producir semente ou plántula así como as plantacións que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de calidade, queiran destinar toda ou parte da súa produción para a obtención de pementos amparados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón.

2. Na inscrición figurará:

-Nome do propietario (persoa física ou xurídica) e, de ser o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestionar a plantación.

-Relación das parcelas en que estea prevista a produción de plántula e/ou pemento susceptible de ser amparado pola denominación de orixe, identificadas mediante as súas respectivas referencias no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac).

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas inscritas.

Artigo 20º.-Rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

1. No rexistro de almacéns e plantas envasadoras inscribiranse todas aquelas instalacións de almacenaxe e envasado situadas na zona de produción que así o soliciten e que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de calidade para unha adecuada manipulación do produto, queiran almacenar e envasar pementos que poidan optar a ser amparados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón.

2. Na inscrición figurará:

-Nome ou razón social da persoa física ou xurídica titular das instalacións.

-Enderezo ou domicilio social.

-Localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

-Capacidade de almacenaxe e, de ser o caso, de envasado.

-No caso de sociedades exixirase inscrición rexistral e o nome do xerente ou responsable.

-Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións inscritas.

3. Ademais dos datos e documentación que se recolle no punto 2 anterior, tamén se xuntará copia de:

-Inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias.

-Inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos ou autorización sanitaria de funcionamento.

-Acreditación de calquera outro requisito establecido pola lexislación vixente.

Artigo 21º.-Procedemento para a inscrición nos rexistros.

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que se establezan no Manual de calidade.

2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao órgano de control, para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, tras o informe favorable do órgano de control, o Consello Regulador entregará ao interesado un certificado acreditativo da inscrición indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. De acordo co establecido no punto 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, o órgano de control denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderá interporse recurso de alzada ante a consellaría competente en materia de agricultura.

5. A inscrición nestes rexistros non exime aos interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente e especialmente no Rexistro de Industrias Agrarias, se é o caso, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 22º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos impostos polas normas da denominación e demais normativa de aplicación, debendo comunicarse calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición. O Consello Regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. As inscricións nos rexistros renovaranse cada catro anos no caso dos produtores e de dous anos no caso de almacenistas e envasadores. O órgano de control fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

Artigo 23º.-Baixa nos rexistros.

1. A baixa nos rexistros pode ser voluntaria ou consecuencia da incoación e resolución dun expediente. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un ano para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Quen sexa dado de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

Capítulo v

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 24º.-Dereito ao uso da denominación.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas plantacións, almacéns e instalacións nos rexistros indicados no artigo 18º, poderán destinar a súa produción a ser amparada pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón.

2. Unicamente os pementos que se cultiven de acordo coas condicións establecidas neste regulamento e no Manual de calidade, nas parcelas e polos produtores inscritos no correspondente rexistro, poderán ser amparados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón.

3. Do mesmo xeito, só poderán obter o amparo da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón os pementos manipulados e envasados en instalacións inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador.

4. O dereito ao uso da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo en propaganda, publicidade, documentación, precintos e etiquetas é exclusivo dos operadores inscritos nos diferentes rexistros do Consello Regulador e baixo a aprobación deste.

Artigo 25º.-Obrigas xerais.

1. Polo simple feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto neste regulamento así como no Manual de calidade. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de agricultura, o Consello Regulador e o órgano de control.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para se poderen beneficiar dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.

3. As persoas físicas e quen represente ás persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador, están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 36º, o incumprimento do indicado nos puntos 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito, tras a decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. Contra a resolución de suspensión ou baixa poderase recorrer perante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 26º.-Marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador das marcas, nomes comerciais e razóns sociais, axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Ademais, de conformidade co disposto no parágrafo 6 do artigo 9 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro e no parágrafo 3 do artigo 12 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, as marcas comerciais que se utilicen en produtos amparados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, non poderán ser utilizadas noutros pementos que non estean acollidos á súa protección.

Artigo 27º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas dos produtos amparados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Nas etiquetas dos pementos amparados, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de xeito destacado a mención Denominación de Orixe Protexida (en galego e/ou en castelán) Pemento de Herbón e, optativamente, o seu logotipo, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

Ademais, nas etiquetas indicarase a variedade dos pementos coa expresión variedade Padrón, en galego e/ou en castelán.

Artigo 28º.-Logotipo da denominación.

1. O Consello Regulador da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón adoptará como logotipo da denominación o que figura no anexo deste regulamento.

2. No exterior dos locais das empresas inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras deberá figurar, nun lugar destacado, unha placa onde se reproduza o logotipo da denominación de orixe, de acordo co que se estableza no Manual de calidade.

3. Os establecementos de venda polo miúdo e os da restauración que comercialicen produto da denominación de orixe, poderán utilizar o seu logotipo para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor e de acordo coas normas que se recollan no Manual de calidade.

Capítulo vi

O consello regulador

Artigo 29º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón é unha corporación de dereito público, á cal se atribúe a xestión da denominación, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos produtos protexidos pola denominación, en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura.

4. A actividade do Consello Regulador está sometida ao control da administración, de acordo co establecido nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Consonte co anterior, as decisións que adopten os órganos de goberno do Consello Regulador cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas ante a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións que se recollen no número 5 do artigo 32 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 30º.-Órganos de goberno do Consello Regulador.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o Pleno, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Comisión Permanente.

Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 31º.-O Pleno: composición e funcións.

1. O Pleno está constituído por:

-Tres vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de explotacións inscritas nos rexistros de produtores e plantacións.

-Tres vogais elixidos democraticamente por e entre os titulares inscritos no rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

2. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario/a do Consello Regulador.

3. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados ou delegadas, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

4. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 32º.-A Presidencia.

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros.

2. O presidente ou presidenta non ten por que ter a condición previa de vogal. No caso de que así fose, deixará a súa vogalía que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da Presidencia así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 33º.-A Vicepresidencia.

1. O Consello Regulador terá unha Vicepresidencia, que será exercida pola persoa elixida por e entre os seus vogais.

2. A persoa que exerza a Vicepresidencia, substituirá o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. A Vicepresidencia exercerá, ademais, aquelas funcións que lles sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 34º.-A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente estará formada pola Presidencia, a Vicepresidencia e, se así o decide o Pleno, por un ou varios dos seus vogais.

2. O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son os cometidos específicos que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a Comisión Permanente seran comunicadas ao Pleno na primeira reunión que este realice.

Artigo 35º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón contará co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Na contratación de persoal adaptará a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas cales teña participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación. Tamén poderá asinar acordos e contratos co Ingacal para que este lle preste os servizos que libremente decidan en relación coas funcións e actividades do Consello Regulador.

2. O Consello Regulador contará cun secretario, designado polo Pleno, que terá como cometidos específicos os sinalados no número 2 do artigo 28 do citado Decreto 4/2007. Este secretario poderá pertencer ao cadro de persoal do consello ou estar adscrito ao do Ingacal.

Capítulo viii

Réxime económico e contable

Artigo 36º.-Recursos económicos.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria, así como no seu regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Conforme coa normativa citada na alínea anterior, establécense neste regulamento as seguintes cotas que deberán aboar os inscritos:

a) Titulares das plantacións:

-Cota de inscrición: satisfarase por unha vez, no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación rexistral: satisfarase con periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro e a correspondente visita da inspección.

-Cota pola actividade na denominación: aboarase anualmente o equivalente a unha porcentaxe do valor potencial teórico da produción, obtido como produto da superficie declarada, o rendemento agronómico e o prezo medio percibido polos produtores.

b) Almacéns e plantas envasadoras.

-Cota de inscrición: satisfarase unha vez, no momento da alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación rexistral: pagarase con periodicidade bianual, coincidindo coa renovación de datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

-Cota en función da actividade do inscrito na denominación, que será proporcional ao valor da súa produción. Esta cota será unha porcentaxe do valor do produto certificado, calculado en función do prezo medio da unidade de produto amparada.

-Cota polas contra-etiquetas expedidas: será satisfeita polos envasadores que soliciten contra-etiquetas e o seu importe será ata o dobre do valor material de produción e distribución.

3. O Pleno do Consello regulador, de acordo cos datos agronómicos e de mercado, fixará para cada ano os rendementos por unidade de superficie e o prezo do produto ao agricultor e ao envasador así como o das contra-etiquetas para o cálculo das cotas correspondentes. Tamén aprobará o valor das cotas de carácter fixo e as porcentaxes que serven de base para o cálculo das variables.

4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada unha das cotas. No caso de que no devandito prazo non se realizase o pagamento, a persoa inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano a persoa inscrita non liquida a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente, logo da instrución do correspondente expediente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo cos artigos 23º e 25º.

Artigo 37º.-Réxime contable.

O réxime contable do Consello Regulador é o que se determina no artigo 19 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e máis no artigo 31 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Capítulo viii

Réxime electoral

Artigo 38º.-Réxime electoral do Consello Regulador.

O réxime electoral do Consello Regulador da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón é o contido nas seccións primeira e segunda do capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo ix

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 39º.-Base legal.

1. O réxime sancionador da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

2. Complementa a disposición legal mencionada, o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e cantas disposicións estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Anexo ao Regulamento da denominación de orixe

protexida Pemento de Herbón

Logotipo da denominación de orixe protexida

Pemento de Herbón

Ver referencia pdf "13400D012P054.PDF"